Eu quero galego

Encantoume esta peza titulada «Verbas» de Andrea Maseda Prado, participante no concurso de curtas sociolóxicas da UDC. Unha peza para compartir.

Onte 783: «Cartas de inverno», o booktrailer

Hai libros que traen un pan dentro das súas páxinas. A novela Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz é un deles. Aínda lembro cando lin o orixinal dunha sentada na mesa do meu despacho, o que é ben difícil. Quedara entusiasmado, sen alento. Coma recordo a sorprendente reclamación que recibimos dos propietarios dunha casa semellante á que aparecía na portada da primeira edición, un feito que nos fixo reflexionar sobre as fronteiras pouco definidas existentes entre a ficción e a realidade. Desque foi publicada, a comezos da primavera de 1995, cando a colección Fóra de Xogo estaba no seu limiar, esta novela de Agustín non cesou de contar co apoio do lectorado. Nestes días superamos os 90.000 exemplares vendidos e as trinta edicións (a cifra máis elevada da historia da editorial). O pasado ano, Antonio Seijas publico unha magnífica novela gráfica (tamén moi ben recibida) e ágora acabamos de publicar a edición da novela en epub. Foi traducida a media ducia de linguas e en todas triunfou, sobre todo en catalán. Para celebrar semellante proeza, onte subimos un booktrailer que preparou David Rodríguez. Cartas de inverno é un libro de medo que atrae coma o imán ao ferro. Si señor. Todos os parabéns para Agustín!

Onte 782: O valor dun triángulo

O Celta gañou o seu terceiro partido de liga (todos os tres en Andalucía), sen dúbida, grazas a un agasallo de Beto, que errou entregándolle a bóla a Álex López. Foi un acto de xustiza poética, xa que na primeira parte o porteiro sevillista debeu ser expulsado cando na área pequena agarrou polo colo a Augusto Fernández. Porén, non estivo no erro do gardarredes portugués a orixe dunha vitoria tan traballada e merecida como a da noitiña do sábado, que afasta ao Celta das posicións de maior perigo. O triunfo alicerzouse dende a defensa, grazas ao funcionamento perfecto dun triángulo de dimensións variables, que tiña dous vértices en Cabral e Fontás, a parella de centrais, e o terceiro en Borja Oubiña, o medio centro máis atrasado, que rexe coma eixo do equipo. Ese triángulo funcionou á perfección; empurrou ao conxunto na primeira parte, cando Álex e Augusto aseñoraron o xogo de ataque, e protexeu a Yoel na segunda, cando o Sevilla embestiu enrabexado pola súa inferioridade na táboa de marcas. No valor do deseño dese triángulo está nacendo a recuperación do xogo e, sobre todo, dos resultados do Celta. Un acerto táctico de Luis Enrique e o seu equipo técnico, apenas un detalle xeométrico, que ben merece ser recoñecido e gabado.

Onte 777: Irmandade TV

Parabéns a Irmandade TV, a canle de televisión en galego e en liña, que onte comezou a emitir o seu debate en directo. Este programa semanal (martes, 21:30 horas) de debate sobre temas de actualidade política e social, presentado por Aurèlio Lópes, constitúe a estrela dunha programación na que polo momento hai espazo para as entrevistas («Caleidoscopio») e para a música galega («Fouce Sonora»). No programa de onte Aurèlio entrevistou a Francisco Rodríguez e conversou con Goretti Sanmartín, Martiño Noriega e Antón Baamonde. Adiante co varal, outra televisión tamén é posible!

Onte 763: «Vento e chuvia»

Manuel Gago desvelou na noitiña de onte Vento e chuvia, un proxecto editorial de edición estendida sobre a mitoloxía da antiga Gallaecia. Ilustrado por Manel Cráneo introduce ao lector e lectora na Idade de Ferro, reemerxendo dende a investigación arqueolóxica con vida anovada dez deuses galaicos daquel tempo. Un proxecto que aventuro supoñerá un fito cultural, tanto polo seu contido sorprendente coma por asumir sen complexos a hibridación coma fórmula para a súa distribución. A presentación espectacular multimedia na igrexa da Universidade de Compostela, prevista o 30 de outubro ás 20:00 horas, coa participación dun importante elenco de actores e actrices, desvelará a totalidade dun proxecto editorial mimado en todos os seus detalles polo meu compañeiro de Xerais Ramón Domínguez. Con certeza, tempo haberá para falar devagariño de Vento e chuvia.

Onte 757: Frankfurt 2013

Sigo a distancia o desenvolvemento  da Feira do Libro de Frankfurt, que esta edición ten a Brasil como país convidado. Por fortuna, a edición galega recuperou a súa presenza nun espazo moi xeitoso de 16 metros cadrados. Polas informacións que recibo dende alí, a feira expresa a crise do sector con maior intensidade en Francia, Portugal, Grecia e España, cuxo número de editores presentes diminuíu de forma moi significativa, feito ao que sei non son alleos os custes elevadísimos da estancia durante dous ou tres días na capital financeira alema. Como tamén semella consolidarse a hibridación dun sector no que a edición dixital en soportes móbiles de lectura acada nos Estados Unidos unha cota de mercado do 20 %, unha cifra que pode servirnos de referente para o futuro inmediato. Hoxe o anuncio do Nóbel mobilizará os corredores dunha feira que case nunca defrauda.

Paga a pena deterse na peza audiovisual coa que Brasil se presenta en Frankfurt. Paga a pena compartila.

Onte 750: Devagariño

Tras presentar a conferencia que o alcalde Abel Caballero pronunciou no Fórum Europa (un discurso sobre a recuperación do liderado de Vigo nun novo proxecto para Galicia), collín a correr un taxi que me levase a Peinador camiño do Líber. Por fortuna, tocoume un taxista filósofo, formado como condutor nas rotas peninsulares do peixe. Quizais foi a miña apariencia enfatada a que o levou a iniciar a conversa falándome devagariño, en galego, sobre a necesidade de acougar no noso ritmo de vida, «que nos leva dun lado para outro, sen poder gozar das cousas». Confesoume que, tras trinta anos no camión, lamentaba ter comprado hai catro anos unha licenza de taxi e agora, a pesar de traballar cada día máis de catorce horas, sufrir tantas dificultades para pagar o préstamo. «Vivimos tempos ruíns, onde os cartos son os únicos que rexen», sentenciaba cando subiamos pola Vigo-20. Continuou o seu monólogo relatando que aínda tiña un avó case centenario en Ferreira do Incio, vivindo nunha casa que pode desaparecer, onde mamei o galego. Preguntoume se era xornalista e cando lle contestei que era editor dixo que «ler é un xeito de aprender moitas cousas, mais non se esqueza tamén de viaxar canto poida, que foi esa para min a maior aprendizaxe da vida». Gabou entón a dignidade e a seriedade coa que traballan os vascos, «aínda que me gustan todos os sitios de España». A conversa non deu para máis. Tras pagarlle 26 euros polo servizo de transporte e terapia, despedinme con afecto, sen sequera preguntarlle o seu nome nin reparar no número da súa licenza. Traballar, ler, viaxar, vivir devagariño. Manuscribo esta anotación no caderno mentres engalamos entre o ballón. Si, devagariño.

Onte 748: «¿Casualidad? No lo creo»

Siniestro Total anunciou onte nun comunicado oficial que aposta por un novo sistema de distribución das súas novidades. Lanzarán as súas cancións á rede unha por unha, «ao ritmo que marquen as circunstancias e os acontecementos», «sendo opcional a publicación en formato físico». Un comunicado importante co que Siniestro abandona a publicación de álbums, tras máis de trinta anos de carreira e 23 elepés editados (13 en estudio, 4 en directo e 6 recompilatorios). Por suposto, isto non significa que remate a súa andaina, mais si unha forma de entender a distribución das súas gravacións e o tinglado do rock and roll. O modelo de distribución de ST será un precedente moi a ter en conta en toda a industria cultural, que vive o proceso de mudanza do paradigma da comunicación cultural.

O primeiro dos singles desta nova etapa é «¿Casualidad?. No lo creo», unha canción manifesto sobre as «coincidencias fortuítas» de tres acontecementos que mudaron a deriva da historia. ¿Foi unha casualidade que chegase a monarquía tras unha visita de Henry Kissinger e un estourido posterior? ¿Esta marabillosa centramina de blues e rock and roll galaico vailles chistar aos homes de negro enviados pola troica? Non o creo. ¿Casualidades ou causalidades?, eis a pregunta de ST. Recomendo a canción moi vivamente. Parabéns a Julián, Soto e o resto dos bos amigos de ST.

Onte 744: Dignidade para o Cantino

Cunha sorprendente versión no seu remate deste vídeo «Contra a impunidade» comezou onte Xerardo Agrafoxo a súa intervención na presentación en Noia do seu libro Quen matou o Cantino? Coma fixeran estes quince actores e actrices meténdose na pel de vítimas da represión franquista, un actor noiés meteuse na do Cantino, o camareiro do Café Argentino, declarándose culpable diante do pelotón que o fusilou en Boisaca aquel 10 de outubro de 1936. Tras tan impactantes imaxes, Agrafoxo preguntouse «por que di Cantino que é “culpable”?» Contestar a ese interrogante, como aqueloutro de saber quen foi ese mozo noiés, a quen Manuel Rivas retratara literariamente como «Dombodán« n’ O lapis do carpinteiro, foi un proceso que perseguiu a Agrafoxo dende hai dúas décadas, facilitado dende o momento en que o historiador noiés tivo acceso ao texto da causa por «rebelión militar» que levou ao mozo ao paredón. Para Agrafoxo non hai dúbida que «Ramón Mayán Ramos, o Cantino, era pobre, era un changuero, capaz de ser recadeiro e logo camareiro. Tiña unha ideoloxía, era da CNT, anticlerical, capaz de subirse a un camión ao servizo da República para ir requisar peixe a Muros. Estivo fuxido durante uns días no Couto. Sabía que virían por el.» Continuou Xerardo afirmando que «acreditei que o Cantino sabía quen foi o testigo de cargo máis importante que declarou contra el.» «Cantino era un calquera, si. Era pobre, si. Mais tiña unha ideoloxía. Grazas ao seu compromiso hoxe vivimos en liberdade», rematou. Foi moi emocionante participar, nun salón cheo, dun acto organizado magnificamente por Barbantia no que se recoñeceu a dignidade do Cantino. Lembrareino.