Onte 1564: Conchita Martín

EEUU - ESPAÑOLA INSTALADA FRENTE A CASA BLANCA DESDE 27 AÑOSO pasamento da pacifista galega Conchita Martín, coñecida como Concepción Picciotto, Connie ou Concha da Casa Branca, non debe pasar desapercibida. Durante máis de tres décadas a activista viguesa viviu á intemperie diante da Casa Branca denunciando a política militar estadounidense, unha loita que iniciara en 1981 coa intención de recuperar a custodia da súa filla, tras divorciarse dun empresario italo-americano do que recibiu o apelido. A presenza da pacifista, que para sobrevivir vendía pedriñas que ela mesma decoraba, coa súa pancanrta «Contra a bomba nuclear», incomodou a todos os presidentes que ocuparon o Despacho Oval, dende Reegan a Obama, que a desaloxou hai uns anos. A súa teimuda reclamación do desarme nuclear e da fin das guerras, a súa denuncia da contaminación do planeta, comportamentos que mantivo día e noite dende a súa Carpa Branca, converteron á activista galega nunha das iconas do pacifismo mundial. Lembrámola con admiración e respecto.

Onte 1555: «45 years»

45_yearsPara o meu abraio, en 45 years Charlotte Rampling conserva aquela ollada triste de Il Portiere di notte que a converteu nun dos mitos eróticos da miña xeración. Nunha interpretación marabillosa, no film de Andrew Haig, Rampling cóntao todo cos seus ollares, que expresan as fases dun proceso de desencanto e destrozo interior dunha muller que tras catro décadas e media de «feliz matrimonio» comprende nunha semana que o amor foi derramado polo tempo e o peso das lembranzas. Baixo a aparencia da crónica dunha parella no abrente da vellez e a súa fraxilidade, que xa sofre o personaxe masculino, Haig narra con sutileza o esgazamento das súas identidades. A austeridade visual, a utilización da elipse, os diálogos esenciais, a atmosfera húmida e ventosa de Norfolk salientan a dúbida da protagonista: «pagou a pena compartir a vida enteira cunha persoa á que se descoñece?» A derradeira escena, bailando Smoke Gets in Your Eyes, expresa a ollada da desolación. Inesquecible tristeza de Charlotte.

Onte 1551: Cincuentenario do xantar de Ourense

homenaxe_celso_emilio_15-05-1966

Lembramos onte ao poeta Celso Emilio Ferreiro con motivo do 104 aniversario do seu nacemento. Ábrese así un ano no que celebraremos o cincuenta aniversario daquel xantar de despedida, antes da súa partida a Caracas, que se se desenvolveu nos baixos do Hotel Roma de Ourense o domingo 15 de maio de 1966, Unha homenaxe a Celso Emilio e Moraima, obrigados a coller as maletas do exilio, que se convertiu nun importante acto de protesta da oposición antifranquista, organizado pola UPG e o PC, en contra da decisión do goberno de Franco de asolagar as veigas de Castrelo do Miño e Ventosela para que Fenosa construíse alí un encoro. Naquel histórico xantar galeguista, no que participaron 250 persoas e no que se recibiron 1.250 adhesións, pronunciaron discursos Ramón Otero Pedrayo, Antón Tovas, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Arturo Reguera, entre outros. Lembrar aquela proeza cívica é unha das iniciativas nas que está traballando a Fundación Celso Emilio Ferreiro e da que aquí daremos conta.

Continuemos soñando os nosos soños

Cada tarde de San Silvestre procuro un temazo de Oasis para compartir azos e esperanzas para o novo ano. Neste 2015 escollo «Little by little» (2002), unha canción na que Noel Gallagher apela a continuar loitando polos nosos soños:

«Somos xentes loitando pola nosa existencia. Non tratamos de ser perfectos, mais somos libres soñando sós os nosos soños sen resistencia, consumíndonos como as estrelas que desexariamos ser» «Por que pouco a pouco demos todo o que sempre soñamos, pouco a pouco as rodas da túa vida desapareceran devagariño.»

Con todos os meus votos de ventos portantes de esperanza para o 2016!

Onte 1545: «Sufragistas»

Sufragistas-987561361-largeGustoume Sufragistas, o film de Sarah Gavron sobre a conquista do voto feminino no Reino Unido hai un século. Cine político que reivindica tanto a dignidade das mulleres como afirma a necesidade de pelexar, mesmo até poder perdelo todo, se queremos conquistar os dereitos civís. A excelente reconstrución histórica, tanto no guión como na ambientación, axuda a facer crible o papel de Maud, a protagonista interpretada por Carey Mulligan, unha nai traballadora que toma conciencia e asume todos os riscos de enfrontarse á sociedade patriarcal, representada polos membros da policía, o xefe abusador e o seu propio e medroso marido. Sufragistas aborda un conflito politico, o da conquista dos dereitos da muller, que non afecta só a media humanidade, mais faino dende o eido privado, asumindo que só transformando ese espazo é posible enxergar outro futuro. As emocionantes imaxes históricas finais expresan a actualidade dunha película que aventuro se converterá nun clásico didáctico. Moi recomendable.

Onte 1538: Na granxa Maruxa de Cumbraos

granxa_maruxa_19-12-2015

Antes de participar en Monterroso na presentación do libro de Mary Quintero e Fernanda Padín, visitamos a Granxa Maruxa que Marta Álvarez Quintero ten en Cumbraos. Coñecida pola súa fasquía moderna e polas súas maruxas, esas galletas larpeiras de nata, a granxa de Cumbraos é un modelo de explotación gandeira ecolóxica e de compromiso cun novo modelo de desenvolvemento rural na comarca da Ulloa no corazón do país de noso. Despois de múltiples dificultades, Marta estabilizou un proxecto de produción de leite ecolóxico e da súa transformación en orixe para obter valor engadido. Apostando pola agricultura e gandeira ecolóxicas, pola recuperación de sabores tradicionais, mais tamén pola colaboración intersectorial con diversos axentes da comarca da Ulloa, cunha importante presenza transversal das actividades culturais e artísticas, como os festivais Agrogay da Ulloa ou MonterroSon, Marta creou na carballeira de Cumbraos un espazo de emprendemento para a esperanza. Saímos da granxa Maruxa contaxiados polo optimismo entusiasta de Marta. A de onte foi unha xornada memorable de reflexión.

Onte 1532: «The lobster»

Decepcionoume de The lobster, a película do grego Yorgos Lanthimos que fora premiada polo xurado en Cannes. Non é moi doado comprender como un arrinque argumental tan xenial e brillante pode estragarse na segunda hora cando se produce unha mudanza de espazo e a trama se volve tediosa até pór a proba a paciencia do espectador. Ambientada nun espazo e tempo distópicos, esta película de ciencia ficción relata a peripecia duns solitarios recluídos nun extraño hotel coa intención de atopar parella antes de corenta e cinco días, so pena de ser transformados no seu animal preferido. A brillantez argumental desta proposta inicial de humor negro e de realidade esaxerada esvara cara o territorio excéntrico da fraga onde os solitarios perseguidos montan a súa propia resistencia. As interpretacións de Colin Farrel, o protagonista disposto a transformarse en lagosta, e de Rachel Weist, a súa amante, salvan un filme raro no que tras a súa grimosa escena final non sabemos se o amor e a soidade caen ou non derrotados.

Onte 1531: «A música das árbores»

anxo_moure_servando_barreiro_12-12-2015

XG00245301Na matinal de onte presentamos na libraría Andel de Vigo A música das árbores, o libro disco de Servando Barreiro e Anxo Moure, ilustrado por Chus Láuzara. Coa participación de moitos miúdos, gozamos dunha hora na que os autores contaron e cantaron reivindicando o valor da natureza e da nosa lingua. Concibido como un conto musicado, na que a voz do narrador se intercala con dez cancións, representativas de diversos tipos e ritmos da nosa múisca tradicional, o libro ofrece unha paisaxe natural e sonora de seu. Freixón é o lugar onde choven soños, esperanzas e tenruras. Alí vive Graciano, un zoqueiro e gaiteiro que descubriu que as árbores facían música. A súa filla, Coureliña, recita poesía e chama por Matías, o barqueiro do neboeiro. Unha obra que abre unha fermosa xanela natural para a música infantil en galego.

«Fada madriña», canción sobre un poema de Rochi Novoa, é a primeira peza audiovisual do libro disco. A nosa gratitude a Chus Láuzara, a súa autora, tamén ilustradora do libro.

Onte 1526: «Paulina»

PaulinaPaulina (La patota), o thiller de Santiago Mitre, é unha desas raras películas que se rosman á saída do cine. A violación dunha xove profesora por parte dunha panda («la patota») de mozos, entre os que hai algún dos seus alumnos, abre unha complexa reflexión sobre a violencia contra as mulleres, nacida da ideoloxía machista da posesión, e sobre a violencia sobre os pobres exercida polo estado. A historia íntima desta rebelde acomodada, filla dun xuíz, permite a Mitre abrir o debate sobre as vítimas da violencia, os límites da vinganza, a procura da verdade e o papel da xustiza nas sociedades desiguais. A interpretación xenial de Dolores Fonzi mantén en vilo ao espectador, a pesar de que guión explora por momentos o territorio do inverosímil. Eis a razón deses dous longos planos secuencia cos que comeza e remata unha obra, onde os cambios de punto de vista dunha mesma escena, as constantes elipses e os longos planos en silencio sobre o rostro de Paulina salientan o seu carácter de película aberta a un debate antidogmático e desprexuizado.

Onte 1500: «Unha pastelaría en Tokyo»

Una_pasteleria_en_TokioUnha pastelaría en Tokyo sérvelle a Naomi Kawase para presentar a tres persoas feridas pola exclusión e a soidade sobre o fondo dunha paisaxe de cerdeiras brancas e o arrecendo dunha crema de xudias dóces («An», que lle da nome ao título orixinal). O espírito zen da directora xaponesa contaxia unha narración sinxela construída sobre o espazo mínimo do mostrador e a cociña dunha pastelaría popular que serve só boliños larpeiros, os dorayaki. Kawase reivindica o valor das pequenas cousas: as conversas demoradas, a escritura e lectura de cartas amicais, os pitos apurados até a cabicha ou o goce dos menceres na primavera. Xaora, reivindica o esforzo e a paixón por facer as cousas coa paciencia e o rigor que todas as tarefas precisan. Esa e a lección que aprende Sentaro cando comparte trebellos coa vella Tokue, que a pesar dos seus dedos deformados é capaz de tirarlle as fabas o mellor dos sabores. Unha película minimalista que deita gromos de esperanza e un sorriso.