Digo Moraima

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a conversa de Moraima con Siri:

Esta fin de semana correu pola rede como auga da fonte a conversa entre Moraima, unha picariña galegofalante de tres anos, e Siri, unha intelixencia artificial (IA) con funcións de asistente persoal para o sistema iOS. Pouco menos de minuto e medio que sintetizan a situación dramática da lingua galega hoxe representada na imposibilidade de que Moraima atope resposta algunha de Siri en galego, a súa lingua materna. Con 300.000 chíos en Twitter, cen mil visionados en Facebook e milleiros de copias distribuídas nos grupos de Whatsapp, apenas nos dous primeiros días de que o vídeo fose compartido pola súa nai, a conversa asombra e emociona ao mesmo tempo pola paciencia coa que Moraima repite en castelán cada unha das respostas de Siri como pola consciencia sociolingüística prematura da pequena que xa sabe que non é entendida polo feito de que ela fala galego. Unha experiencia semellante á que vive cada día na súa escola infantil ou no parque onde brinca polas tardes no que as picariñas galegofalantes dende o berce coma ela son consideradas como rara avis ou seres extraterrestres –iso si, moi riquiñas, moi curriñas, moi listas e moi bonitas– polo feito de utilizaren unha lingua en perigo inevitable de extinción.

A conversa de Moraima con esta IA (un robot, como Alexa ou como a recente MUM de Google) amosa que polo momento o galego carece de presenza nestas interfaces de intelixencia artificial que achegan información inmediata e foron concibidos para ser utilizados de forma habitual pola maioría das persoas usuarias da rede. Unha carencia que reforza os prexuízos existentes sobre o seu carácter como lingua subalterna e, a fin de contas, inútil para as novas tecnoloxías. Unha situación de clara inferioridade que sofren tamén o catalán e o éuscaro, linguas cooficiais coma a nosa, que carecen tamén de voces propias para estes sistemas de IA, mesmo a pesar dos anuncios de acordos dos responsables das súas políticas lingüísticas coas empresas tecnolóxicas para poñelos en funcionamento decontado. Unha estratexia normalizadora á que se suma agora a Xunta de Galicia co anuncio do proxecto «Nós de Intelixencia Artificial» que en colaboración coa USC e diversas empresas privadas tecnolóxicas pretende desenvolver nos próximos cinco anos recursos dixitais como sintetizadores de voz, recoñecedores de fala e xeradores de lingua natural que permitirían como pretende Moraima que Siri, Alexa, MUM ou outras novas IA falasen galego.

Xaora, a gravación da conversa de Moraima con Siri é ademais un documento testemuño excepcional que amosa a excelente competencia oral da rapaza en galego xusto días antes do inicio da súa incorporación á escola ordinaria onde é probable que deixe de utilizalo como a súa lingua de instalación. E no se trata esta dunha predición do mago Merlín como da teimosa experiencia de milleiros de familias que vivimos como as nosas crianzas entraban na escola infantil falando galego e pouco despois abandonaban a súa lingua familiar. Proceso de substitución do galego familiar pola castelán escolar que os datos da enquisa de uso e coñecemento do galego do IGE (2019) amosan foi acelerado tras a posta en vigor do Decreto Feijoo (o Decreto 79/2010), que contribuíu a erradicar de forma extraordinariamente eficaz o emprego do galego na 2º etapa da Educación Infantil. En ausencia de publicación por parte da Consellaría de Educación da avaliación anual dos resultados da aplicación deste tan mal chamado «Decreto de Plurilingüismo», prevista na adicional quinta, o que transcorrida xa unha década constitúe unha  irregularidade inadmisible, abonda con botar man do quinto informe diagnóstico do Comité de expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias para comprobar que en Galicia «a transmisión da lingua de pais a fillos xa non está garantida».

Nesa probable ruptura futura da cadea de transmisión da lingua familiar, reside a extraordinaria forza emotiva da conversa viral da bonita Moraima con Siri. Como na previsible falta de amparo dos dereitos lingüísticos da pequena e da ausencia de políticas eficaces de fomento do galego na escola que eviten o abandono do galego por parte desta xeración das que serán as avoas da fin do século XXI reside o maydad emitido por Moraima coa caligrafía clara do entusiasmo e da ledicia na frecuencia infantil da verdade. Inevitablemente, celebrando o sorriso de Moraima lembramos os versos que Celso Emilio Ferreiro dedicou a súa amada: «Cando quero sorrir / digo Moraima. / Digo Moraima / cando a mañá é clara. / Digo Moraima / e a tarde ponse mansa». Como na xeitosa fala galega da pequena Moraima identificamos aqueloutros de Celso Emilio: «Digo Moraima / cando semento a esperanza. / Digo Moraima / e ponse azul a alba». Digo Moraima.

«O Xurelo», unha viaxe en nome da vida

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 40 aniversario da expedición do Xurelo á Fosa Atlántica:

No suplemento dominical de Faro de Vigo do 4 de outubro de 1981 Manuel Rivas publicou unha das mellores páxinas da historia do decano e do xornalismo galego. Rivas relatou de forma maxistral a incrible expedición á Fosa Atlántica do Xurelo, un palangreiro de madeira de 21 metros de eslora, construído nos estaleiros artesanais do Freixo de Outes. Unha travesía organizada por Esquerda Galega (EG), que asumiu tamén os seus custes (arredor do medio millón de pesetas) coa intención de denunciar na comunidade internacional os vertidos de residuos radioactivos que oito países europeos facían na chamada Fosa de Hércules fronte a costa galega.

«Unha viaxe en nome da vida» (así titulaba Rivas en Faro), iniciada con rumbo incerto no peirao de Colón de Ribeira na mañá do luns 14 de setembro, na que ademais do patrón e armador Anxo Vila e tres dos seus tripulantes, participaron os tres concelleiros de EG, o vigués Paco García, o coruñés Gonzalo Vázquez Pozo e o moañés Manuel Méndez; os ecoloxistas Henrique Álvarez Escudero e Roxelio Pérez Moreira; e os xornalistas Manuel Rivas, Manuel Rico, Xesús Naya, Xurxo Lobato e Xosé Castro.

Despois de tres días de mar, cando amencía o xoves 17 de setembro o Xurelo achegouse a dúas embarcacións de carga, o Louise e o Kirstem Smith. Chegara á Fosa, o que foi posible grazas á pericia dun home de mar como Anxo Vila que contou apenas como axudas a navegación dunha carta náutica, dun radar avariado de alcance limitado e das conexións coas radios costeiras de Fisterra e Vigo. E naquela altura a embarcación de madeira de 69 toneladas quedou literalmente emparedada entre os dous cargueiros holandeses mentres descargaban os seus bidóns radioactivos, escoltados pola Pyet Heim, unha fragata da armada de guerra holandesa que lles daba soporte. Xaora, foi aínda máis impresionante a resposta da tripulación do buque no que ondeaba a bandeira galega que, se ben non puido evitar os vertidos, deitou ao mar o seu armamento de flores (ramos de caraveis), amosou pancartas, emitiu textos pola radiofonía, fixo fotografías e vídeos, cantou o seu himno e berrou «Viva a Humanidade!», amosando que o galego é un pobo pacífico até o lirismo.

Como memorable para o movemento ecoloxista galego continúa sendo tamén a mensaxe emitida en galego e inglés pola radio do Xurelo, o martes 15 de setembro camiño da Fosa, a todas as embarcacións que se cruzasen na súa onda, un texto efémero do que circulan varias versións mais que forma parte tamén da historia de Galicia e cuxa transcrición documentada debería ser utilizada hoxe nas aulas galegas:

«Camiñamos cara o lugar da agresión a protestar, a pór de manifesto o noso máis rotundo non a contaminación e a morte.
Queremos alertar a todos, avisar a berros que están a emporcar o noso hoxe e a matar o futuro.
Queremos facer medrar a protesta ata que lles sexa imposíbel seguir xogando coa vida.
Queremos compartir a defensa da saúde e da vida de toda a humanidade.
Queremos que cada vez máis Galicia se faga oír no seu rexeitamento de toda agresión e na súa aposta polo benestar e a paz.
Pola saúde e a vida do pobo galego.
Pola saúde e a vida. De todos os pobos sedentos de paz».

Ao regreso, coa mar un pouco máis brava, máis coa tripulación satisfeita pola «misión cumprida», o Xurelo emproou cara o porto de Ribeira: documentaran a existencia dun cemiterio de residuos nucleares moi preto das nosas costas.

Un ano despois houbo unha segunda expedición, na que ademais do buque de Ribeira, participaron outras embarcacións: dous pesqueiros fretados polos concellos de Vigo e a Coruña, o Pleamar, no que viaxou o alcalde Manuel Soto, e o Arousa I, ao que se uniu o Sirius de Greenpeace, que trataron de evitar que varios buques holandeses e británicos descargasen máis bidóns. As fotografías dos vertidos, tomadas nestas expedicións, as primeiras imaxes sobre o tema publicadas nos principais medios de comunicación europeos, como as manifestacións contra o cemiterio nuclear mariño e os intentos de activistas de EG desprazados ao porto militar holandés de  Zeebrugee coa intención de bloquear o embarque de residuos, contribuíron a que en 1983 a Organización Marítima Internacional acordase unha moratoria dos vertidos e que dez anos despois fosen definitivamente prohibidos polo Convenio de Londres.

Aquelas mobilizacións contra os vertidos, promovidas por Esquerda Galega, o partido liderado por Camilo Nogueira, constituíron o primeiro conflito internacional promovido por Galicia e amosaron que para o país noso o posible é moito máis do que podemos imaxinar. Corenta anos despois da travesía dos heroes do Xurelo é de xustiza lembralos pola súa causa en nome da vida e reparar en que 142.000 toneladas residuos nucleares permanecen entulladas a 4.000 metros de profundidade e a pouco máis de 300 millas da costa galega.

Xeografías de Javier Teniente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición do  fotoxornalista Javier Teniente na Casa das Artes:

O pasado domingo pechou na Casa das Artes «Javier Teniente. Unha xeografía atormentada», exposición na que o fotógrafo vigués, que iniciou a súa carreira en «Faro de Vigo» e «Atlántico diario», reuniu 180 fotografías entre os milleiros que tirou nas viaxes que dun extremo ao outro do planeta realizou nos últimos vinte e cinco anos. Comisariada por Jorge Lens, fotógrafo e profesor da Universidade de Vigo, a mostra de coidada presentación reúne unha ducia e media de reportaxes que como fotógrafo documental Teniente realizou en contornas de conflito, fosen guerras, éxodos ou desastres naturais, dende a primeira en Mauritania en 1998 cun contrato de Médicos sen fronteiras, que iniciou a súa colaboración con outras organizacións humanitarias internacionais como Médicos do mundo e Acción contra a fame. Sen ánimo de constituírse en retrospectiva, esta mostra moi completa ofrece tanto pezas de arquivo inéditas como outras publicadas en xornais e revistas nacionais e internacionais polas que o fotoxornalista vigués recibiu importantes recoñecementos como o Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria  en dúas ocasións (2003 e 2005),  o Premio Galicia de Comunicación en 2004 ou unha Mención Especial nos Premios Ortega e Gasset de xornalismo de 2006.

Teniente convida a empregar unha ollada reflexiva sobre cada unha das súas reportaxes, localizadas apenas cunha marca no planisferio e contextualizadas cunha breves liñas tiradas dos seus cadernos de viaxe. Seguindo os fíos cronolóxico e temático (como mellor conveña aos espazos expositivos) e fuxindo dunha ollada paternalista (eurocentrista) na abordaxe da pobreza e da dor, cada visitante pode reconstruír o relato das viaxes africanas do noso fotoxornalista. Saberá da vida e da morte no hospital Sabah de Nouakchott (1998),  onde os doentes acoden a morrer acompañados só polos seus familiares que contemplan desesperanzados o que lles queda de vida. Coñecerá a precariedade de hospitais como o Oldeani de Tanzania (2001), o noxento comercio sexual en Senegal (2005) ou os efectos do ciclón Eline que en 2000 agravaron a crítica situación de Mozambique. Como extraordinarias son as reportaxes en Honduras (1998), Ecuador (2002), Nicaragua (2004), República Dominicana (2004) e, sobre todo, en Haití (2004), durante os días posteriores á sublevación contra o presidente Aristide, no que morreu o seu compañeiro Ricardo Ortega, a quen o noso correspondente acompañaba aqueles días dramáticos.

Particular centralidade tivo na exposición da Casa das Artes a reportaxe sobre a Guerra de Iraq (2003), unha síntese da máis ampla recollida no libro Iraq. Días de posguerra (Xerais 2003), prologado por David Beriain (xornalista de guerra asasinado esta primavera en Burina Faso), froito das viaxes do noso reporteiro ao Iraq ocupado. Pezas que probablemente recollen mellor ca ningunhas outras a concepción humanista dun fotoxornalista como Teniente, que no epicentro dos conflitos armados prefire buscar a ollada das vítimas nos hospitais de Bagdag, onde se realizaban operacións a vida ou morte en inmundas salas de quirófano, ou entre os nenos e nenas que inventaban as súas vidas entre os cascallos alleos aos estoupidos. Cada unha destas fotos de Iraq, como as das outras reportaxes, fora parte dun relato, constitúe un depósito de memoria futura que desprende compromiso e honestidade, xa que en palabras do comisario da exposición, Teniente «non fotografa o que ve senón o que sente», céntrase non tanto na traxedia dos milleiros de cadáveres como na poboación que sofre indirectamente os seus danos colaterais.

Nunha xeografía das reportaxes de Teniente non podía faltar un espazo reservado ao traballo documental realizado en Vigo sobre os traballos portuarios, recollidos no seu libro, Mans salgadas (Xerais 2002), un retrato do mar humanizado de salitre polos traballadores dos estaleiros e da lonxa. Como tampouco faltou a súa reportaxe (2000) sobre Carlos Montouto, alcumado O Gringo, o vello que vivía debaixo da ponte de saída da autoestrada e deambulaba acompañado polo seu can polas rúas viguesas até que foi achado morto no seu acubillo en maio de 2015. Porén, só botei en falta na mostra algunha peza daqueloutra iniciativa artística de Teniente no Casco Vello, «O Vigo que sorrí», unha exposición ao aire libre (na rúa Abeleira Menéndez) de 64 retratos anónimos en branco e negro e de gran formato (2015) de vigueses e viguesas que quixeron compartir un sorriso no contexto convulso da crise e das dificultades de recuperar o tecido do barrio. Por ventura, esta excelente exposición de Teniente abriu este verán unha xanela de esperanza para a programación fotográfica en Vigo, un dos eidos máis destacados da cultura na cidade.

José Vázquez Grela, mestre de Nigrán

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á memoria de José Vázquez Grela, mestre de Nigrán:

José Vázquez Grela (Ames, 1886; Nigrán, 1936) foi protagonista dun dos episodios máis tristes da Guerra Civil en Nigrán. Mestre da Escola Nacional de nenos de Nigrán foi paseado no barrio da Devesa, moi preto da súa casa escola, o 12 de setembro de 1936, nun dos acontecementos máis estremecedores daqueles meses de terror, do que foron testemuñas os seus propios alumnos, a súa muller, Josefa Iglesias, con quen tivera seis fillos, e entre os que estaba presente o máis novo, José Gonzalo. Un dos alumnos, Severino Crespo, relatou uns feitos que comezaron arredor do mediodía cando irromperon na escola Francisco González Rodríguez, o tenente da Garda Civil, ao que chamaban «O Rabioso», e tres falanxistas de Bouzas que sacaron ao mestre da aula e o meteron nun coche que colleu á estrada de Camos cara ás Angustias. Semella que o fixeron baixar do coche preto da parroquial co pretexto de ir falar co cura, mais cando comezou a camiñar recibiu cinco tiros polas costas. Outro dos alumnos, Juan Pastora Sanromán, contou que dende a escola escoitaran os disparos e que cando regresaba a súa casa atopou na cuneta o corpo do mestre que aínda vestía a súa bata, completamente ensanguentada.

Coñecemos estes relatos arrepiantes da morte do mestre de Nigrán, ao que cómpre engadir a nota macabra de que na folla do rexistro da inscrición de defunción alguén anotou nunha esquina a palabra «accidente», grazas aos traballos do historiador e actual alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, autor de Nigrán. Memoria dunha Guerra (1936-1939) (Edicións do Cumio 1998), como do máis recente do memorialista e membro do Instituto de Estudos Miñoráns Carlos Méixome en Catas da memoria. A persecución franquista no Val Miñor (Laiovento, 2021). Dúas fontes esenciais, como os numerosos traballos dos profesores Serafín Porto Ucha e Antón Costa Rico sobre os mestres depurados polo franquismo, que axudan a entender tanto o valor destes educadores como auténticas luces da República como a teimosa persecución a que foron sometidos polos sublevados, como «O Rabioso», a quen Xoán Carlos Abad Gallego nun traballo referencial (Glaucopis, IEV, 2002) definiu como «perseguidor de mestres».

Cando foi asasinado, José Vázquez Grela mantiña unha intensa actividade sindical e política como membro da Agrupación Socialista de Vigo e da Asociación de Traballadores do Ensino de Vigo, formando parte dunha dirección na que tamén estaban Apolinar Torres López, fusilado en Pereiró o 27 de agosto de 1936, e Victor Fraiz, fusilado no monte do Castro o 14 de setembro de 1937. Tras anos de emigración en Bos Aires, onde traballou como panadeiro e coñeceu a súa compañeira, e despois en Cuba regresou a Galicia iniciándose en 1926 como mestre en Santa Cristina de Vea e noutras escolas do Deza, vinculándose ao movemento agrarista do que foi activista. En 1930 aprobou as oposicións de mestre nacional, incorporándose á Escola de Nigrán no curso 1931-1932. Decontado foi valorado polo seu entusiasmo como educador da infancia, activista e organizador das actividades formativas das Misións Pedagóxicas dirixidas aos maiores, como promotor dunha biblioteca pública e como presidente do consello local de primeira ensinanza formado polos mestres e mestras de cada unha das parroquias do concello, instancia dende a que intentou que o ensino se axeitase ás novas necesidades e ás máis modernas orientacións pedagóxicas. De inequívocas conviccións republicanas, Vázquez Grela animou en Nigrán a campaña a prol do Estatuto de Autonomía, organizando e intervindo como bo orador que era, o domingo 21 de xuño de 1936, no histórico mitin vespertino do «largo» das Angustias xunto a Castelao, que pola mañá falara en Vigo no cine Tamberlick.

A sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 aterrorizou a José Vázquez Grela que intentou colaborar co novo réxime para lograr o perdón dos sublevados. Xaora, o Grela, como o chamaban os seus alumnos, fracasou no seu intento de salvar a vida e de nada serviron as súas doazóns económicas ou a súa participación nun funeral por Calvo Sotelo. Os sublevados, como sinala Carlos Méixome no seu libro moi recomendable, «persistían na súa estratexia de terror e de eliminación dos partidarios do réxime republicano».

Por ventura, o concello de Nigrán lembra a figura de José Vázquez Grela, nun parque co seu nome, inaugurado en 2018 e localizado na Avenida do Val Miñor (na vella estrada cara a Vigo), a carón de onde tivo a súa escola. Entre carballos e froiteiras instalouse un panel coa súa biografía, fotografías e documentación histórica que sirve para que non esquezamos nunca o valor deste mestre republicano e o vergonzoso e inxusto episodio do que foi vítima. Unha iniciativa que forma parte da recuperación integral dunha memoria que non virou en historia.

«Que hostia din os rumorosos?»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Que hostia din os rumorosos?, o libro de libros co que volve Rompente:

Na madrugada bretemosa do 20 de agosto de 1981 un Renault-12 familiar bateu na avenida Beiramar contra un valado de obras sen sinalizar. Os seis ocupantes do coche acabaron nas urxencias do Pirulí, sen lesións de importancia, coa excepción do copiloto, o poeta Manolo Romón, que resultou ferido de gravidade e hospitalizado durante dous meses. O condutor, o músico Julián Hernández, confesou que despois de estar con Antón Reixa nunha tasca saíran do Almas Perdidas do porto do Berbés, camiño do Balneario de Samil, único local que permanecía aberto durante toda a noite. Ocupaban os asentos traseiros do renault Javier Soto e José Manuel Barros, ademais de Alberto Torrado e Miguel Costas, membros coma o condutor do grupo de rock Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano. Tras a declaración por parte da compañía aseguradora como «siniestro total», Miguel Costas propuxo rebautizar a formación como Siniestro Total (ST). Aquela historia viguesa contada de marabilla e con todos os detalles por Elena Ocampo nas páxinas de Faro de Vigo e por Emilio Alonso no libro Vigo a 80 revolucións por minuto (Xerais 2011) constitúe o que pode ser considerado o acto fundacional da chamada «movida viguesa», movemento interartístico vertebrado pola música popular que animou os convulsos anos oitenta vigueses da reconversión do metal, das protestas do bono-bus, dos apresamentos de pesqueiros, das mortes provocadas pola heroína e pola SIDA.

Un acto fundacional que se concretou musicalmente no primeiro concerto de Siniestro Total, o 27 de decembro de 1981, no cine Salesianos da rúa Venezuela, no marco do festival «Nadal Rock», organizado polo desaparecido Bibiano Morón, no que tamén participaron Trenvigo, o grupo electrónico que o cantautor compostelán formara cos tres compoñentes de Druída (Teo Cardalda, Pablo Novoa e Javier Martínez), os portugueses de Arte e Oficio e os Nacha Pop de Antonio Vega. Un evento ao que se chegou, probablemente, tras meses de ensaios no Satchmo, o club de jazz da rúa Joaquín Loriga 33, que dende a primavera de 1981 abriu as súas portas e espazos ás novas tendencias musicais e aos grupos vigueses. Polo Satchmo andaban os membros de ST e tamén do Grupo de Comunicación Poética Rompente, nacido en 1975 como Grupo de Resistencia Poética (formado por Pexegueiro  e Reixa) e despois mudado en Rompente edicións (1978), editora que utilizaba a impresión con vietnamita e multicopista, xa sendo trío beat e guerrilleiro en doses inexactas formado por Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño, que atoparon alí un lugar ideal «onde tirar a poesía dos libros e levala á rúa e aos bares».

Foi no Satchmo onde o 24, 25 e 26 de decembro de 1981 actuaron os The Bebra Brothers, o grupo bautizado co nome dos ananos d’ O tambor de folla de lata de Günter Grass, formado polos tres membros de Rompente xunto cos músicos Julián Hernández, Miguel Costas, Alberto Torrado, Moncho Vazquez e Luís Manuel Fernández Abreu. Foi, pois, no Satchmo, hoxe pub Vagalume, onde se forxaron as colaboracións entre os músicos de ST e os poetas de Rompente, ao que se sumaron algúns artistas plásticos do grupo Atlántica e actores do emerxente teatro galego. Grupos, concertos e performances poéticas que comezaron a chamar a atención máis alá da ponte de Rande, feito ao que quizais tampouco foi allea a xenerosidade coa que Jesús Ordovás acolleu no seu Diario pop de Radio 3 a primeira maqueta de Siniestro Total, celme do seu primeiro elepé, ¿Cuando se come aquí? (1982), que lle enviara Julián Hernández ou ao disco do debú de Golpes Bajos, a formación de Germán Coppini, o primeiro cantante de ST, e de Teo Cardalda, Pablo Novoa e Luís García. Un fenómeno musical no que as formacións se ampliaban e confundían, como sucedeu con Os Resentidos, grupo liderado por Antón Reixa (Rompente) ao que se uniron inicialmente Alberto Torrado (ST), Javier Soto (despois ST) e Rubén Losada, coa intención de conformar «unha bus band de rock esquimó e funkie depresivo».

Corenta anos despois daquel estoupido de creatividade resistente, impregnado con inequívoco espírito contracultural de vangarda, protagonizado polos membros de Siniestro Total, Rompente e polos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, publícase Que hostia din os rumorosos? (Editorial Elvira 2021), un coidado libro de libros que continúa o diálogo a rompentres e actualiza a proposta dos oitenta. Despois do reencontro de Upalás (Xerais 1998), esta volta da polifonía poética inesperada e gozosa de Rompente, nun libro prologado por Julián Hernández e deseñado e ilustrado por Antón, Menchu e Rubén Romero, constitúe un gran acontecemento literario que merece ser celebrado cunha xira de presentacións por Galicia enteira. Parabéns a todos eles por re-existir e non desistir de continuar falando sós.

Precariedade bibliotecaria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a valorar os datos máis recentes sobre a situación das bibliotecas públicas:

Os datos máis recentes publicados pola Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultural e Deportes, correspondentes ao ano 2019, poñen en evidencia as importantes carencias da rede bibliotecaria pública galega como a precariedade alarmante da situación bibliotecaria no concello de Vigo. Cifras entre as que os responsables de BAMAG Galicia (Asociación de profesionais dos arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación de Galicia) destacan, entre outras valoracións, que un terzo da poboación galega usa os servizos bibliotecarios, que dende 2015 diminuíu o persoal das bibliotecas públicas e Galicia destina a bibliotecas anualmente 8,95 € por habitante, unha cantidade inferior á da media estatal, 10,55 €. Como tamén salientan a precariedade da rede de bibliotecas públicas en Vigo, cidade que para este servizo cultural esencial destina 3,69 € por habitante e ano, moi lonxe das medias galega e estatal e case seis veces menos que A Coruña que con 24,49 € encabeza o gasto corrente neste eido.

Precariedade viguesa que se dá tamén no número de documentos (libros, revistas e outros soportes) por habitante, 0,58 no caso vigués, moi por baixo da Coruña (3,1) como das medias galega (2,16) e do estado (1,91). Outro tanto sucede co número de bibliotecarios/as por habitante, en Vigo un por cada 13.486 censados, lonxe dos 3.483 da Coruña, como da media galega (4.951) e estatal (4.223). Como tamén no caso vigués é inferior a porcentaxe de usuarios/as habituais de bibliotecas, se por tales entendemos os que posúen carné bibliotecario, apenas un 19 %, moi por baixo do 65 % da Coruña, mais tamén da media galega (31 %) e estatal (35 %).

Datos que no caso vigués melloran no número de préstamos anuais por habitante, 0,82, por riba da media galega (0,76), mais aínda por baixo da estatal (0,96) e da cifra da Coruña (1,96); como tamén no número de visitas, 3,41, cifra que mellora a media galega (1,92), a do estado (2,25), aínda que inferior á da Coruña (4,48). Xaora, as actividades realizadas nas seis bibliotecas públicas viguesas por cada mil habitantes son menores que ás da Coruña, 1,09 fronte a 7,27, cifra que queda por baixo da media galega (3,03) como estatal (5,49).

Cifras que demostran que Vigo posúe un importante déficit en materia de bibliotecas públicas, que arrastra nas tres últimas décadas e que ningunha das administracións competentes (estatal, autonómica e municipal) foron capaces de abordar, tanto no referido ao número de instalacións (apenas 6 en 2019), libros e documentos, persoal bibliotecario como de actividades promovidas por parte deste servizo. En definitiva, a pesar das reclamacións e denuncias dos profesionais da biblioteconomía, Vigo continúa carecendo dunha rede bibliotecaria pública que, como a modélica do concello da Coruña, conte cos libros e outros documentos bibliográficos suficientes, así como co persoal bibliotecario especializado que faga da biblioteca a primeira institución cultural de proximidade.

Quizais na confusión sobre o concepto de biblioteca pública sexa onde resida a cerna da calamidade bibliotecaria viguesa. Segundo a definición elaborada pola IFLA/UNESCO «a biblioteca pública é unha organización establecida, apoiada e financiada pola comunidade, que achega acceso ao coñecemento, á información e ás obras de creación grazas a unha serie de recursos e servizos e está a disposición de todos os membros da comunidade por igual, sexa cales fosen a súa raza, nacionalidade, idade, sexo, relixión, idioma, discapacidade, condición económica, laboral e nivel de instrución». En definitiva, o concepto de biblioteca pública actual fai referencia ao servizo público do que se dota unha comunidade para garantir que toda a súa cidadanía, toda sen excepcións, teña acceso en igualdade de oportunidades á cultura, a información e ao coñecemento.

A este teor, non podemos cualificar como bibliotecas públicas, como se ven facendo de forma incomprensible por parte do concello de Vigo, o que son salas de estudo con acceso a internet (sen libros nin persoal bibliotecario), un servizo público sen dúbida imprescindible e probablemente aínda insuficiente para a demanda de estudantes e opositores existente.

Vigo precisa un grande acordo interinstitucional (Ministerio de Cultura, Xunta de Galicia e Concello de Vigo) para saír de vez dunha precariedade bibliotecaria, impropia dunha cidade que continúa sendo capital editorial de Galicia e referente na edición estatal. Un acordo que pasa tanto por desbloquear a construción dunha moderna biblioteca do estado no Chouzo como pola creación dunha rede de bibliotecas públicas municipais (Teis, Navia, Bouzas, Vigo Vello…) seguindo o modelo da Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario.

Onte 2138: No pasamento de Pancho Pillado

Doe a morte de Pancho Pillado, o admirado editor de Laiovento, o dramaturgo e teimoso impulsor do teatro galego, o tradutor políglota, o ensaísta, o conversador agudo e entusiasta, unha das figuras referenciais da cultura galega das últimas catro décadas de entre séculos. Doe o pasamento dunha das cabezas máis intelixenes do republicanismo galeguista, que fixo da elegancia, a firmeza e a tenrura unha forma de intervención política. Doe a perda dun compañeiro leal, solidario, empático e comprometido na construción do sector da edición en lingua galega e no duns medios libres e comprometidos coa lingua e o futuro do país. Con todos os abrazos, admirado Pancho.

Onte 2137: «Reboiras»

Papei de dúas sentadas Reboiras. O camiño da rebeldía (Aira 2021), o libro no que o xornalista Xosé Manuel Pereiro e o historiador Xurxo Martínez González, ao fío do relato biográfico de Xosé Ramón Reboiras Noia, ofrecen unha ollada coral ao proceso de conformación do movemento nacionalista galego arredor da UPG, dende 1969 ao inicio da Reforma Política (1976). Lonxe da tentación haxiográfica sobre unha figura mitificada, que padeceu ilexitimamente persecución e violencia por parte do estado, recoñecida como vítima do franquismo dende 2009, asasinado por tres tiros ás costas pola policía o 12 de agosto de 1975, Pereiro e Martínez afondan no contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade política, sindical e armada. Como fixera Suso de Toro en Camilo Nogueira e outras voces (Xerais 1991), ademais de confrontar e rescatar a documentación accesible (prensa legal e clandestina, documentación interna da UPG…) procuraron as voces de xentes (35 persoas) que coñeceron, colaboraron e loitaron con Reboiras.

Con estes vimbios ofrecen unha agra aberta sobre a que desenvolver a memoria colectiva dun tempo que, definen acaidamente, como de fulgor e atrevemento. Especial interese teñen neste exercicio memorialístico os capítulos referidos «a decisión» (1974), á clandestinidade (1974-1975) e á caída (12 de agosto de 1975), nos que se aborda a estratexia da vía armada e se reconstrúe de forma polifónica o relato dalgúns dos seus acontecementos máis relevantes. Xaora, a cerna do libro reside nun exercicio de reparación e de rehabilitación necesarios dunha figura que no relato de Pereiro e Martínez adquire unha moi relevante dimensión política, sobre todo no ámbito organizativo e militante, como nos eidos sindicais e culturais. Mágoa que na edición o editor non se puidese demorar uns días ofrecendo un índice onomástico e unha liña cronolóxica, así como dispoñendo a documentación gráfica (moi valiosa) a un maior tamaño, o que facilitaría, cando fose necesario, a súa lectura.

En calquera caso, libro tan singular e valente como inusual no actual catálogo do libro galego de non ficción, constitúe un extraordinario exercicio dun xornalismo concibido como historia do presente, dunha historia do nacionalismo galego non dependente de relatos alleos. Unha obra que merece todas as nosas recomendacións. Parabéns aos autores e a editora, como tamén ao amplo elenco de voces recollidas neste libro polifónico que aventuro exitoso e referencial.

Stefan Zweig en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 85 aniversario da estancia en Vigo de Stefan Zweig:

O luns 10 de agosto de 1936 atracou no porto de Vigo o transatlántico de bandeira inglesa Alcántara procedente de Southampton de onde partira tres días antes. O Faro de Vigo do martes recolleu a noticia na súa páxina dez dedicada á actividade portuaria cunha magnífica foto de Pacheco, engadindo no seu apartado de «Vapores chegados» que transportaba 616 pasaxeiros en tránsito e no de «Despachados» que no Alcántara embarcaran 50 pasaxeiros para Bos Aires. Anos despois coñeceríase que entre aqueles viaxeiros en tránsito, que puideron desembarcar e estirar as pernas durante unhas horas en Vigo, estaba o escritor austríaco Stefan Zweig, probablemente o máis popular da súa época, convidado polo Pen Club Internacional a visitar Brasil e a participar no seu XIV congreso, que convocado baixo o lema «Poetas, Ensaístas e Novelistas» se celebraría na capital arxentina entre o 5 e o 15 de setembro. Zweig, que viaxaba acompañado de Lotte Altmann, a súa segunda dona, lembraría aquela breve experiencia viguesa como marcante tanto nas páxinas do seu libro póstumo El mundo de ayer. Memorias de un europeo (1944; tradución castelá, El Acantilado 2001) como a cualificaría nas do seu diario (El Acantilado 2021) como «incriblemente interesante».

Un paseo que nos parágrafos do diario, estudados por Irene Sueiro Orallo no artigo, «Puerto de Vigo, Guerra Civil Española y Segunda Guerra Mundial» (2006), o vienés lembra nunha «cidade repleta de milicia», «na que o aparello da guerra se puxo en marcha», onde atopa nunha libraría os escritos de Hitler, aos que cualifica de «parvadas», e cando pide un café coñece que hai días que se cortou o subministro de auga. Impresións que Zweig tingue de pintoresquismo cando se refire a beleza das mulleres traballadoras que observa en Vigo, que compara coas que un día despois verá na súa escala en Lisboa. Porén na páxina de El mundo de ayer que dedica a Vigo, Zweig abandona a escrita vital e despreocupada do diario, para asumir un rexistro máis introspectivo e pesimista lembrando que «naquelas poucas horas» viu cousas que lle «deron motivos xustificados para reflexións agoniantes»; sen dúbida referíndose ao recrutamento de mozos conducidos por cregos que vira na casa do concello, «onde ondeaba a bandeira de Franco», cando non pasara aínda un mes do golpe de estado do 18 de xullo e Vigo xa se encontraba «en poder dos franquistas». Escrita nos seus días de Petrópolis, pouco antes do seu suicidio e o da súa dona, Zweig identifica naquel paseo vigués do verán de 1936, «as últimas horas pasadas en Europa», a conexión entre a Guerra Civil Española e a Segunda Guerra Mundial, a extensión pola «nosa infausta Europa da vella barbarie da guerra».

Ao paso de Zweig pola cidade da oliveira dedica Francisco Uría a súa primeira novela, La pequeña librería de Stefan  Zweig (Berenice, 2021), unha delicada e emocionante peza narrativa breve na que o autor alacantino tira dun dos fíos que o vienés deixara solto no seu diario, cando se detivo diante do escaparate dunha libraría viguesa coa intención de mercar un exemplar de El Quijote. Uría imaxina a conversa de dúas horas que Zweig mantivo co libreiro, ao que bautiza como Ramón Castro, na que forxan unha amizade e un legado, recollido nunha das vinte cartas do suicidio do autor austríaco, alicerzada sobre o valor dos libros e da literatura e da liberdade que proporcionan, así como do papel sagrado dos libreiros de facer chegar os libros ás mans dos seus lectores. Un texto de ficción, escrito sobre o coñecemento documentado e admiración de Uría pola obra de Zweig, no que se reitera que a identidade de cada escritor se forxa sobre a relación coa súa lingua: «Non me concibo sen ser escritor e só podo selo na miña lingua alemá. Estou, pois, como xa lle dixen, collido no meu idioma e desexo abandonar xa este cárcere».

A novela de Francisco Uría fixa de forma acaída a relación de Zweig con Vigo, cando era un porto transcontinental e cidade cosmopolita na que recalaban decote figuras internacionais (dende Albert Einstein a Ernest Hemingway) e embarcaban milleiros de humildes emigrantes anónimos, mais tamén no tempo de horror daquel mes de sacas e fusilamentos, como os do 27 de agosto, do alcalde socialista e doutros deputados e sindicalistas vigueses. A excelente novela de Uría, ademais, abre a memoria das librarías viguesas do tempo da República, unha homenaxe á relixión e ao compromiso ao que debe ser fiel todo libreiro como amante dos libros: achegar aos seus lectores todos os libros, mesmo os inalcanzables, os queimados e os prohibidos, conscientes de que «o seu oficio é o máis importante do mundo porque sen el ninguén podería ler». Unha obra a de Uría que se incorpora ao cada día máis amplo e atractivo catálogo de Vigo como cidade de novela, que recomendo vivamente.

Os pradairos vermellos da Praza da Princesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á corta dos pradairos vermellos da Praza da Princesa:

Lin estes días un texto interesante de Gerardo González Martín sobre como se estableceu en Vigo o benfeitor José García Barbón. Parece ser que o mecenas de Verín fuxiu xa en idade madura da súa vila natal polo anoxo que lle provocou a corta das árbores da rúa principal que tras o seu regreso de Cuba contribuira a pavimentar e a adornar con árbores. Mais o que resulta chocante, comenta o sempre ben documentado e ponderado González Martín, é que García Barbón escapando dos arboricidas verineses escollese para instalarse Vigo «unha cidade que non se caracterizou ao longo da súa historia por un amor especial a súa masa arbórea». Incluído no libro La vuelta al mundo de Vigo en 80 días. Estampas de la más variada historia local (Ediciones Cardeñoso, 2012), este comentario do primeiro estudoso da memoria viguesa explica que o abandono das árbores das nosas rúas e prazas foi unha das eivas do Vigo do século pasado.

Abofé que ese tradicional desleixo coas árbores urbanas, presentado polo cronista vigués co tan matizado eufemismo de ausencia de «amor especial pola masa arbórea», agravouse no século actual para o abraio da cidadanía viguesa transformándose en arboricidio, palabra que o dicionario da RAE escolle para definir «a corta inxustificada de árbores». A ese teor temos denunciado neste espazo a nunca xustificada corta dos tileiros con setenta anos das beirarrúas da Gran Vía ou a recente dos cedros da Ronda, coincidindo coas obras de renovación dos servizos urbanos deses espazos. E por idéntica razón facémolo agora coa corta a pasada semana dos oito humildes pradairos vermellos da Praza da Princesa que chantaran raíces dende a última reforma (1995) da praza, un espazo urbano histórico, creado en 1816 como praza da Peixaría, onde se instalou o primeiro teatro da cidade (1832) e a propia Casa do Concello (1859), hoxe Casa Galega da Cultura.

Imaxinamos que a corta dos pradairos será explicada polos responsables do concello, como sucedeu xa noutras ocasións, pola saúde precaria das árbores, o que por outra banda constitúe unha responsabilidade dos servizos municipais de Parques e Xardíns, o mesmo que se ocupa das mutilacións que os foron facendo cada vez máis irrecoñecibles. Porén, con este novo arboricidio perpetrado nun dos escasos espazos verdes do Vigo vello, tamén un dos máis emblemáticos da historia da cidade, os vigueses e viguesas (dende as picariñas ás persoas maiores) perdemos un formidable espectáculo totalmente gratuíto, o da mudanza estacional de cor desta especie, que vai do verde ao amarelo e máis tarde ao vermello. Coa corta de cada un destes pradairos perdemos milleiros de matices de cor e do capricho das súas follas ciscadas sobre as lousas da praza, un patrimonio inmaterial que cotiza só na bolsa do benestar emocional e do acougo da veciñanza que alí acude. Coa desaparición destas árbores lanzais perdemos a sombra e a frescura que achegan, substituídas apenas por un mar de antucas téxtiles, nesoutro proceso de uso (probablemente) desproporcionado do espazo público para actividades privadas de restauración, ampliado aínda máis pola pandemia, o que tamén merecería unha reflexión.

A corta dos pradairos vermellos da Praza da Princesa acentúa o perfil dunha cidade bonsai que dende a alcaldía de Corina Porro e a súa cidade de flores e macetas,(agora «Vigo cidade fermosa»), privilexiou no seu espazo urbano central a instalación de custosas pezas de xardinaría efémera sobre a conservación paciente e o agarimo constante para o seu arborado tradicional. A instalación da dinosebe, a icona deste modelo de arranxo urbano, nun dos recantos da nosa praza bicentenaria da peixaría non foi casual, como tampouco o traslado desta custosa peza de xardinaría ao espazo privilexiado da Praza de Compostela, un xardín histórico hoxe en perigo de ser transformado noutro comedor urbano durante as festas do nadal, expresando ademais que a conservación do arborado urbano tradicional non constitúe hoxe unha preferencia. Máis aínda, nos usos e disposición dos espazos do Vigo central actual árbores, arbustos e soportes para testos constitúen parte do mobiliario urbano que como puidemos comprobar pode ser cortados, trasladados ou modificados de aquí para acolá como mellor conveña.

Este modelo de cidade de macetas renxe nunha cidade que ten por insignia unha oliveira, posúe tres grandes parques no perímetro urbano (O Castro, Castrelos e A Guía), ademais dunha extraordinaria coroa vexetal no seu periurbano; un patrimonio natural de valor incalculable, único nas cidades atlánticas. Ende ben, o Vigo central do século XXI ten a posibilidade aínda de reorientar a súa historia e priorizar a conservación do que queda do seu patrimonio arbóreo urbano. Un Vigo con sombras e raíces aínda é posible.