Onte 2139: Brétemas 17 anos

Tal día como o de onte de hai dezasete anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.331 anotacións das que 89 corresponden ao último ano, o de actividade máis cativa deste dietario dixital.

Unha diminución explicable tanto pola preferencia na miña actual actividade profesional pola lectura e escritura literarias como polo proxecto de chiografía de #XelaArias2021 que de forma diaria completei en Twitter. No entanto, continúo acreditando no blog como o soporte principal da miña identidade dixital, tanto polas posibilidades de acceso ordenado ao arquivo como polo marcado semántico dos contidos, dúas utilidades que non posúen ningún dos perfís das redes sociais.

Non asumo compromisos de novidades para o blog neste ano que comeza, máis aínda cando non abandonamos a pandemia, que tanto condiciona a comunicación dixital. Con todo, procurarei canto menos recoller os artigos semanais publicados en Faro de Vigo e os textos sobre algunhas das miñas lecturas que por diversas razóns chamaran a miña atención.

Xaora, ollando cara atrás continúo coa esperanza que expresaba con inxenuidade naquela primeira anotación de 2005, na que lembraba unha presentación de Xerais en Froxán, no corazón do Courel de Novoneyra,  lamentaba que no BNG puidesen prescindir do criterio de Camilo Nogueira e anunciaba un artigo sobre os cines de Vigo da memoria.

Beizóns e gratitudes para as persoas que dende aquela continúan con xenerosa paciencia lendo nestas brétemas, tamén para aqueloutras que se foron incorporando e agardo que para algunhas que puidesen facelo no futuro. Seguimos.

O Vigo de Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Plan Palacios (1932):

Na magnífica exposición sobre Antonio Palacios no Museo do Mar de Alcabre enfeitiza a atención da visitante a maqueta realizada polo alumnado do IES Politécnico que plasma en tres dimensións o «Plan de extensión e reforma interior da cidade de Vigo» presentado á corporación en decembro de 1932 polo arquitecto porriñés. Substituíndo a aqueloutra de escaiola preparada no estudio vigués de Palacios para acompañar ás explicacións públicas do plan ao longo do ano 1934, esta nova maqueta de 4 m x 2,6 m realizada coas técnicas actuais da impresión dixital permite coñecer con todo detalle o deseño daquel Vigo de Palacios ideado para o seu desenvolvemento urbano deica o ano 2100. Un Vigo artellado sobre a medula espinal da rúa Galicia, que unía o monte do Castro coa Laxe, e sobre o despregue de dúas grandes avenidas, a Gran Vía Atlántica paralela á ría e a Gran Vía Cornixa, arredor do Castro, que conecta Teis con Samil, coas que conflúe en cota intermedia a Vía Céltica e transversalmente a Vía Alba, a Vía Sárdoma e a Gran Vía Erizana.

Un Vigo que Palacios deseñou como unha peza artística e funcional a un tempo, cunha silueta urbana identificable dende o mar, na que segundo o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Sánchez García, comisario da mostra do Museo do Mar, utilizou solucións ensaiadas noutras cidades deseñadas por arquitectos formados na École des Beaux Arts de París, como o novo Guayaquil (1907) ou Tesalónica (1918), que trataron tamén a estas cidades como creacións orixinais, obras únicas e irrepetibles. Un Vigo soñado por Palacios no contexto da crise dos anos vinte e do caos urbanístico vigués, nunha cidade extendida sobre a ría de pouco máis de 65.000 mil habitantes (1930), tras a anexión de Bouzas (1904), que carecía dun planeamento que ordenase e controlase de forma unitaria e global o seu crecemento. Un Vigo radicalmente novo que para Xosé Manuel Souto González, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, constituía a resposta aos desexos da burguesía viguesa de facer a grande cidade do Atlántico, proxecto que Palacios identifica como a Barcelona atlántica que no ano 2000 superaría os 600.000 habitantes.

Unha cidade central monumental concibida como corazón dunha acrópole artellada en socalcos sobre a rúa Galicia, onde conflúen todas as vías, ao xeito dun formidable anfiteatro sobre a ría, que acada a súa cota no monte do Castro, onde se instalaría o Gran Palacio rexional con cúpula para planetario, o que supón que para Palacios Vigo sería a sede das institucións galegas. Unha cidade que no andar intermedio, ao nivel do castelo de San Sebastián e o Campo de Granada, instala a súa nova casa do concello, os xulgados, os museos, a biblioteca e dous grandes hoteis, deixando o nivel inferior para as sedes de oficinas industriais e de comercio e para unha pasaxe comercial, que bautiza como «Invernia». Unha cidade zonificada ao xeito de Le Corbusier en tres grandes áreas (marítima, interior e exterior) concibida como cidade xardín estendida sobre o Val do Fragoso e como cidade imán que organiza o territorio metropolitano de até máis de vinte núcleos satélites. Cidade portuaria na que Palacios contempla os espazos industriais (detrás da Guía), a estación marítima, os peiraos pesqueiros e até unha zona balnearia en Samil. Como tampouco esquece propoñer para solucionar a accidentada topografía viguesa un sistema radial no que se utilicen varios medios de transporte, dende estrada a ferrocarril, sen esquecer liñas de trolebuses, as conexións das embarcacións de ría, liñas de metro soterradas do porto ao Castro e de Urzaiz a Samil, ao emprego de funiculares, teleféricos e elevadores ou dun heliporto na estación do ferrocarril.

O arrasamento de boa parte do tecido urbano ao que obrigaba abrir a rúa Galicia foi o principal argumento para deixar o proxecto de Palacios sen efecto, tras unha dura polémica que o enfrontou con outros arquitectos vigueses do seu tempo como Manuel Gómez Román e Jenaro de la Fuente (fillo). De pouco serviu o seu argumento de artellar un  burgo arqueolóxico en Castrelos, na contorna da igrexa románica, un espazo onde se puidesen trasladar casas históricas e vivendas populares da zona vella, incluídas as asoportaladas dos barrios mariñeiros do Berbés e do Areal.

A arquitecta Alba Estévez Caldas, no seu magnífico traballo fin de grao sobre o Plan Palacios (2021), identifica solucións das contempladas polo porriñés que manteñen a súa vixencia, dende a edificación de mazás abertas e zonas verdes, á apertura de avenidas con bulevar francés, até o modelo transporte intermodal e a zonificación metropolitana. Benvidas tanto a recuperación da maqueta palaciana como estas novas lecturas da obra dun arquitecto xenial que soñou o futuro de Vigo como cidade atlántica.

Feliz 2022: «Live forever»

A pesar de que nesta fin de ano a pandemia teima, nós tamén o facemos e continuamos a tradición de celebrar o serán de San Silvestre coa música do grupo dos manchesterianos irmáns Gallagher. Buscando un tema que posuíse un celme optimista tiven que renderme a «Live forever», na súa emocionante versión do Festival de Glastonbury de 2004, unha canción concibida como unha pregaria de guitarra sobre a renovación da amizade e os anceios da mocidade: «Quero vivir», «nós viviremos por sempre».

Os meus mellores votos para un 2022 mellor no que o músculo dos afectos nos permita compartir e enxergar con azos o horizonte máis alá da ría.

Saúde, amor e boas lecturas galegas.

A mostra do arquitecto Palacios

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios instalada no Museo do Mar en Alcabre:

No panorama expositivo vigués deste nadal, ademais das mostras pictóricas de Lodeiro na Fundación Laxeiro e de Manuel Quintana Martelo no Marco, destaca a dedicada ao arquitecto Antonio Palacios Ramilo instalada na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia da Xunta de Galicia. Baixo o título «Antonio Palacios. Soños de Modernidade. Compromiso con Galicia», a exposición da que é comisario o profesor de Historia da Arte da USC Jesús Ángel Sánchez García presenta unha escolma razoada da obra do arquitecto porriñés dende a dupla ollada da súa implicación en diferentes frontes de modernización e do seu compromiso coas raíces e as manifestacións culturais de Galicia. Máis de duascentas pezas que sen afán de exhaustividade permiten un percorrido polo amplísimo legado palaciano dende as primeiras obras na súa vila natal (1904), a Fonte do Cristo e as escolas da Fundación Fernández Areal, até as que continuou en Madrid, a cidade onde deixou unha obra máis numerosa e fixou a súa residencia habitual, tamén na que gañou éxitos e recoñecementos polas seus grandes edificios públicos e industriais, como o Palacio de Correos e Telégrafos de Cibeles, o Banco do Río da Prata ou o Círculo de Bellas Artes, e polas obras de infraestrutura comezadas hai un século como as do Metro.

Mostra que, ademais, amosa o vínculo de Palacios coa renovación artística galega e presenta algunhas das súas máis destacadas obras arquitectónicas e proxectos urbanísticos en Galicia (Vigo, Compostela, Ourense, Vilagarcía…), onde sempre mantivo chantado un alicerce dende o seu estudio vigués, quizais a cerna desta excelente exposición, concibida tamén como homenaxe no setenta e cinco aniversario do seu pasamento. Ollada cara á cultura, a arte e ás tradicións construtivas galegas estudada polo profesor José Ramón Iglesias Veiga, o primeiro e máis concienciudo investigador da obra de Palacios, desaparecido hai un ano, que salienta tanto o interese das súas incursións como pintor e ceramista como o compromiso de Palacios coa organización das exposicións de arte galega no Centro Galego de Madrid. Tarefa de divulgación do patrimonio galego e da nosa arquitectura histórica asumida por Palacios nas súas célebres conferencias como as que ditou en Vigo no Círculo Mercantil o 9 de abril de 1930 sobre a casa popular galega, onde foi presentado por Castelao, ou en novembro de 1931, na sociedade La Oliva, sobre as tres igrexas románicas viguesas. Tarefa didáctica asumida tamén nos artigos publicados en Vida Gallega, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego onde con espírito literario presentou as pezas da arqueoloxía megalítica da contorna viguesa.

Na exposición ten relevo de seu a obra de Palacios no Vigo metropolitano, dende as tres grandes pezas viguesas, o Teatro García Barbón (1913-1926), construído co granito branco das canteiras de Castrelos, o edificio da Banca Viñas Aranda (1941) de Marqués de Valadares e o inconcluso mosteiro das Salesas Reais (1941) no barrio da Calzada, até o conxunto das edificacións no Balneario histórico de Mondariz, o Templo Votivo do Mar en Panxón (1932-1937), a escultura monumental da Virxe da Rocha en Baiona (1910-1930), con certo paralelismo á estatua da Liberdade que manda no porto de Nova York, a casa para Sileno (1920) na praia de Lourido, o chalé de Celso Méndez (1932) en Panxón, a Botica nova do Porriño ou a extraordinaria casa do concello do Porriño (1918), aclamada polo poeta Ramón Cabanillas como «unha obra que marcará, por sempre, o comezo do noso rexurdimento artístico».

No entanto, é a extraordinaria Maqueta do plan de Vigo, recuperada en 3D polo CIAG e o alumnado de Fabricación Mecánica do IES Politécnico de Vigo, tras a desaparición hai vinte anos da orixinal en escaiola que acompañou a exposición pública en 1932, a peza central da mostra. Recuperación dunha peza histórica, merecedora de ser conservada no museo da cidade, que concreta as liñas xerais imaxinadas por Palacios ao gusto dos arquitectos de cidades Beaux-Arts para o desenvolvemento urbanístico de Vigo: primeiro en 1908, con motivo da Exposición de Industrias do Mar; despois nas conferencias que ditou en La Oliva en 1919, onde as preexistencias construídas no centro histórico e na ribeira do Berbés apenas tiñan valor; e por último recollidas na zonificación urbana proposta no Proxecto de Ensanche e Reforma Interior da Cidade de Vigo, aprobado pola alcaldía en xaneiro de 1934 e finalmente desbotado en 1937 pola corporación sublevada.

Unha exposición valiosa que reivindica o legado dunha das figuras claves da Galicia da primeira metade do século XX ao tempo que reabre o debate sobre o futuro urbanístico desa cidade metropolitana que quixo ser a Barcelona Atlántica. Visita máis que recomendable ao fermoso museo de Alcabre.

Nadaliñas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a felicitar as festas do Nadal:

É tempo de nadaliñas, de felicitacións enviadas no pouso dos afectos a familiares, amizades, colegas e persoas coñecidas. Nadaliñas como as tarxetas impresas nas que durante a ditadura os galeguistas acompañaban os seus mellores votos caligrafados coa reprodución dalgún debuxo, anaco dalgunha panxoliña ou poema ceibe. Cartaces deseñados como espazos para a creatividade, xa que a pesar de utilizar os tópicos da tradición cristiá, reinventaban cada ano a iconografía do Nadal galego. Unha artesanía gráfica dos agarimos, que constitúe un xénero artístico singular con producións memorables como as nadaliñas creadas en Vigo polo pintor Urbano Lugrís para a Serigrafía Galega da Falperra, que coñecemos naquela exposición inesquecible das «Tintas galegas» de Álvaro Álvarez Blázquez. Nadaliñas como as catorce recollidas por Sebastián Risco nun libriño publicado por Isaac Díaz Pardo (outro teimoso creador destas postais) nas Ediciós do Castro (1973) ou como as oitenta escolmadas entre ás nove mil recibidas por Xosé Filgueira Valverde, que acuñou este neoloxismo, nunha exposición de grande carga emotiva comisariada pola súa neta e instalada no Museo de Pontevedra o pasado Nadal.

Nun tempo hibridado onde diminuíu o emprego de soportes impresos para a comunicación até a súa práctica desaparición e onde se secularizou o tempo sagrado de Nadal, na mitoloxía popular galega os trece días coas súas trece noites de lume novo que van entre a Noiteboa e a Epifanía, tamén o tempo de solsticio de inverno das noites máis longas do ano, as nadaliñas actualizáronse como imaxes dixitais e hipertextuais enviadas por mensaxería instantánea ou compartidas nas redes sociais con idéntica intención de partillar os afectos, os soños e as esperanzas. Unha necesidade de cohesión das familias, mais tamén dos grupos de amizade, deportivos ou de traballo, que adoitaban nestas datas xuntarse e intercambiar arredor dunha mesa agasallos, un xeito simbólico de fortalecer e expresar a continuidade dos seus afectos e minimizar as súas inevitables diferenzas e desacordos. Mágoa que as penalidades da pandemia da Covid 19, que volve azoutar estes encontros de inverno por segundo ano consecutivo con cifras máximas de casos activos, obrigue por responsabilidade e prudencia a reducilos ou suspendelos ou a celebralos de forma virtual, ao xeito de longas nadaliñas virtuais.

Recuperar ou reinventar nas pantallas neste tempo de pandemia aquelas nadaliñas galeguistas constitúe un exercicio de memoria neste Vigo transformado durante dous meses en parque de atraccións dun non lugar, unha cidade cada vez máis incómoda para a vida cotiá e o traballo da súa propia veciñanza. Unha memoria dunha cidade que veu celebrando o seu nadal máis xenuíno no bulir dos seus mercados municipais os días previos á cea de Noiteboa, onde non faltaba o bacallau con coliflor e o leite frito na sobremesa. Unha cidade arranxada para descubrir os mellores escaparates engalanados polos comerciantes, para visitar «O feito a man» e celebrar a chegada do ano novo nos bares de viños do Vigo vello, do Calvario, de Teis ou das Travesas, onde en 1974 tocou o Gordo (trescentos millóns) no bar Compostelano da Seara. Un nadal vigués no que se celebra a carreira do pavo (Gran Premio Pedreste de Nadal) dende hai sesenta anos na praza de Compostela, no que percorren as rúas os ranchos de Reis coas súas bandeiras e chascarraschás e as agrupacións folclóricas viguesas celebran nas prazas os manueles e aguinaldos. Un nadal vigués de tantos concertos memorables no García Barbón e no cine Salesianos como aquel primeiro de Siniestro total o 27 de decembro de 1981…

Como sinala o escritor noruego Jostein Gaarder na necesaria continuidade do recordo reside o celme de cada comunidade e a tradición do Nadal vigués pouco ten que ver coa actual exaltación desmesurada do lucerío urbano nin coa antipática competición con non se sabe que cidade para espetarlle que a árbore nosa é máis alta ca súa e nin sequera coa instalación nas rúas céntricas de atraccións de feira na súa tempada baixa. Quero pensar que o espírito do nadal noso continúa anovado nas nadaliñas, impresas ou dixitais, escritas ou sonoras, nas xuntanzas presenciais e virtuais nas que compartimos azos e esperanzas da continuidade de vida, saúde e amor. Unha celebración da esperanza na que non podemos esquecer a todas as persoas que sofren as calamidades da Covid 19 e doutras doenzas (tamén das ocultas), as que viven na precariedade, as que padecen os efectos da violencia, da inxustiza, da desigualdade que as privan dos seus dereitos.

Bo Nadal saudoso e que veña mellor 2022 (actualización dos votos das nadaliñas de Filgueira Valverde)! Os meus mellores votos. Que a estrela dos afectos sexa a luz que nos guíe!

Xoguetes con talento

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a dúas campañas institucionais de sensibilización sobre a importancia do xogo e do xoguete e o impacto da publicidade sexista nalgúns xoguetes:

Gustoume a campaña «Xogar non ten xénero» promovida polo Ministerio de Consumo coa intención de sensibilizar ás familias sobre a importancia do xogo no desenvolvemento da infancia e o impacto da publicidade sexista dalgúns xoguetes. Baseada na orixinalidade dun vídeo de animación de pouco máis de minuto e medio concibido como un vídeocomunicado  –protagonizado por personaxes de ficción, unha moneca, imitación do personaxe de Daenerys Targaryen de Xogo de Tronos e por un superheroe con anteface, que reclaman desde o atril con enerxía o seu dereito como xoguetes a xogar co cento por cento dos nenos e das nenas e non só co 50–, a campaña convoca ás familias a participar nunha folga simbólica de xoguetes e solicita que o domingo 12 de decembro se deixe de xogar durante unha hora. Unha provocadora e inusual iniciativa de publicidade institucional, completada coa pegada de carteis en Madrid, Sevilla e Barcelona e coa publicación de fotografías en redes acompañadas da etiqueta #HuelgaDeJuguetes, mágoa que non se utilicen as outras linguas cooficiais!, coa que o ministerio pretende que os nenos e as nenas amosen a súa desconformidade con estereotipos sexistas e roles de xénero presentes no xogo e nos xoguetes e reclamen igualdade.

Semellante intención ten a campaña «Búscase a Talento», promovida pola Deputación de Pontevedra coa intención de educar dende as idades temperás no respecto á igualdade e a erradicar os comportamentos e roles sexistas. Baseada neste caso nun concurso igualitario e creativo, dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria dos centros escolares da provincia, as persoas participantes deberán recrear a súa careta de Talento, un personaxe divertido, creativo, libre e intelixente, presentado como pezas soltas dun recortable que se pode descargar na páxina da campaña dentro da web da deputación. Un concurso creativo para nenos e nenas no que a única norma é que non hai normas, rompendo así coa sexualización e os roles de xénero e valorando a innovación, a creatividade e a composición destas caretas alternativas. Outra provocadora e orixinal iniciativa de publicidade institucional de fomento da adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexista nin violentos, na que durante estas festas de Nadal se utilizarán os vitrasas como soporte publicitario, tanto externa como nas pantallas interiores para promocionar o valor do talento como trabe das políticas feministas de igualdade.

Ambas as dúas campañas asumen que o xogo é a principal actividade das crianzas, esencial para a configuración da súa personalidade e para o desenvolvemento das súas capacidades e habilidades. Ambas as dúas iniciativas consideran os xoguetes como instrumentos auxiliares do xogo capaces de entreter, divertir e ensinar, sendo imprescindibles para expresar as súas emocións, desenvolver as súas habilidades comunicativas e sociais, exercitar a súa psicomotricidade e control corporal e potenciar a súa capacidade intelectual e creatividade. Mais tamén denuncian o carácter sexista de moitos xoguetes, que aínda teñen unha versión diferente para cada sexo, asentando roles de xénero que repercuten na autopercepción dos menores. Velaí os datos concluíntes do estudo do Instituto das Mulleres (2020) sobre a publicidade dos xoguetes que identifican nun 40 % dos dirixidos ás nenas arquetipos relacionados coa beleza e os coidados, mentres que o 50 % dos orientados cara os nenos se relacionan con profesións como as de piloto, condutor, policía ou militar. E aínda que a esta altura semellaría innecesario hai que insistir en que igual que non hai cores de nenos e de nenas, só etiquetas sociais sexistas, tampouco hai xoguetes para uns e para outras.

A campaña do Ministerio de Consumo como a da Deputación de Pontevedra promoven os xoguetes con talento, eses xoguetes sen etiquetas nin cores, nos que encaixan todas as pezas; xoguetes inclusivos que contribúan a asumir dende as idades primeiras que todas as persoas somos iguais e todas somos diferentes, que todas somos capaces de compartir e colaborar logros e emocións; xoguetes diversos que fomenten o xogo cooperativo e pacífico tanto nos espazos públicos da escola e do parque como dos privados e familiares, substituíndo os comportamentos machistas e violentos, como os prexuízos racistas e homófobos, polos valores da paz, da igualdade e da diversidade. Dúas campañas que alertan, ademais, sobre a necesidade dun consumo responsable, no que cómpre ademais comparar prezos, revisar criterios de seguridade e adecuación (ollo cos produtos dixitais!), sobre un negocio estacional, no que segundo estimacións da Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ) cada menor gasta nun ano arredor de 184 €, unha cantidade nada desprezable.

 

Luces de longo alcance

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica sobre a instalación en Vigo da decoración e dun mercado de Nadal:

Pertenzo a esa parte da veciñanza viguesa que non comparte o entusiasmo da alcaldía pola celebración do Nadal convertendo o espazo público do centro nun parque temático. Unha desmesura de non sei cantos millóns de leds e da instalación de non se sabe cantas atraccións de feira que, máis alá das brincadeiras do primeiro edil nos estudios abusando do emprego de adxectivos en grao superlativo, afonda nunha coidada estratexia política de xentrificación do modelo urbano até facer case irrecoñecible Vigo á súa propia veciñanza.

Para relucir Vigo non precisa iluminar con milleiros de luces a Araucaria excelsa da Alameda, o indiscutible teito centenario do noso primeiro xardín urbano, chantada alí dende antes de 1880, e dende entón tinguida pola luz atlántica que acoitela a brétema sobre a ría. Como tampouco semella moi razoable instalar luces noutras árbores case centenarias da Praza de Compostela cargándoas co cableado e estresándoas coas tarefas de colocación e retirado.

Non é a mellor solución instalar un mercadiño de Nadal na Alameda coas súas estruturas, cables, pérgolas, altofalantes e case un cento de casetas de restauración, artesanía e vestiario sobre un espazo tan sensible como o deste xardín no que dende hai décadas medran até 45 especies arbóreas, algunhas delas protexidas, incluídas no catálogo de árbores singulares viguesas, como magnolias, castiñeiras de indias, teixos, nogueiras americanas, estripeiros, casuarinas, pradairos, entre outras. Como é tamén desafortunado que se modifique a atmosfera deste noso xardín botánico utilizando 27 canóns de neve artificial tres veces o día.

Tras a remodelación de 1925, na que foi derrubado o enreixado e o palco da música, concibiuse a Alameda como un filtro urbano natural que illase o rebumbio da cidade e o do porto. Artellouse así como asociación vexetal ornamental con cadansúa franxa de luz e sombra, coa súa cadencia de árbores en ringleira, estanques e parterres florais. Un deseño que amosa o claro interese botánico que hai máis dun século existía naquel Vigo portuario e cosmopolita capaz de transformar a alameda do ensanche de García Olloqui nun espazo interxeracional de calma, paseo demorado, encontro e conversa sosegada, onde ademais se podían escoitar os trilos de andoriñas e outras aves urbanas.

Aquel espírito xenuíno de xardín da Alameda quedou forxado nunha placa histórica de ferro, instalada no paseo central, na que aínda se pode ler: «Sendo estes xardíns propiedade de todos os cidadáns a todos eles interesa a súa conservación. Por isto os pon baixo o seu coidado e vixilancia. O Alcalde». Chamamento ao exercicio dun civismo que non perdeu vixencia ningunha e que debería ser asumido tamén polos responsables deste mercadiño para o que con certeza atoparíase unha localización máis idónea nas instalacións portuarias.

Xaora, como sinala Marcos Calveiro nas recomendabilísimas páxinas de Todos fomos (Xerais 2021), novela de intriga cen por cen viguesa, ambientada no esquecido barrio de Teis, a pesar de tantos millóns de luces e adornos de Nadal, Vigo continúa sendo «a xigantesca aldea caótica e desordenada que fóra sempre». Esa fronteira do alén (Ferrín dixo) «á que amamos polo seu caos e, por enriba de todo, pola súa luz; unha luz –nas palabras luminosas de Calveiro– que fai rexurdir a calquera das súas propias cinzas e reconstruírse día a día; unha luz fulcral que non se detecta en ningunha outra cidade».

Abofé que a escenografía efémera deste enorme decorado de Nadal, ademais do seu custe eléctrico e contaminación luminosa, non pode ocultar os problemas que Vigo arrastra dende hai décadas. Abonda ler as magníficas páxinas económicas de Faro de Vigo para saber que os sectores aínda básicos da economía viguesa, a automoción, as actividades portuarias e as de construción naval están ameazados; que o AVE non chegará na vindeira década nin por Cerdedo nin por Mondariz; que sacar adiante a Saída Sur ferroviaria requirirá moito esforzo colectivo ou que Peinador contará apenas coas liñas subvencionadas polo propio concello.

Neste contexto de dificultades, agravado polas incertezas dunha pandemia que non ten trazas de abandonarnos decontado, Vigo precisa con urxencia  prender outras luces, estas de longo alcance: as da memoria, as da protección do noso patrimonio natural, arquitectónico e cultural, as da planificación estratéxica e innovación, as do emprendemento, as da participación cidadá… Luces que permitirán deseñar o proxecto do que será o Vigo futuro, que aventuro como sucedeu até agora capaz, a pesar de todo, de volver a reconstruírse. E se queremos gozar de luces fermosas e de longo alcance todo o ano podemos gozar do espectáculo diario do solpor sobre as Cíes dende o Paseo de Afonso e outros miradoiros nosos.

Cancións de Xela Arias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro de Cancións de Xela Arias e ao regreso do grupo Desertores:

A pasada semana celebrouse a terceira e derradeira sesión do Simposio Xela Arias co que a Real Academia Galega pecha as actividades do brillantísimo ano dedicado a homenaxear a escritora viguesa. Un serán literario no que se abordou a súa actividade profesional como editora e tradutora pioneira e na que se salientou o seu carácter como artenauta interesada polo diálogo creativo da poesía con outras artes. Unha pulsión interartística iniciada coas primeiras colaboracións de Xela Arias cos pintores Xosé Guillermo e Pedro Sardiña nas páxinas dos xornais A Nosa Terra (1982) e Faro de Vigo (1984), ampliada coas letras que escribiu para o grupo vigués de rock Desertores, na segunda metade da década de 1980, que chegaría ao seu cénit no libro e na exposición Tigres coma cabalos (Xerais 1990), o seu traballo a medias co fotógrafo Xulio Gil, e que tería o seu ramo coas colaboracións con Jandro, autor da escultura do vendedor de xornais Manuel Castro da rúa do Príncipe, no marco das mobilizacións de Burla Negra (2003), co pianista Alberto Conde (1999), co compositor Antonio Pulido Cid (2000) e co clarinetista Fernando Abreu (2003) cos que ensaiou diversas performances sobre os textos de Intempériome (Espiral Maior 2003, Xerais 2021), o seu derradeiro libro de poemas.

Diálogos creativos nos que Xela se achegou ás linguaxes da ilustración, da pintura e escultura, da música e da fotografía, tamén en menor medida e de forma máis ocasional do audiovisual e do teatro, coa intención de espallar o poema fóra dos límites do libro de papel, rebotándose contra a concepción do libro como un cadáver nun anaquel, explorando nos seus numerosos recitais até onde podería chegar a comunicación poética. Unha actividade literaria expandida e hibridada pioneira, rabiosamente contemporánea, na que a autora de Denuncia do equilibrio (Xerais 1986) arriscou a explorar con escasos complexos as posibilidades creativas achegadas por estas disciplinas no seu diálogo co texto poético, coa idea, nas súas palabras, de abordar dende unha posición de rebeldía a que entendía como «a única revolución pendente: a revolución dos afectos». Unha revolución creativa insurxente que xa emerxía nos seus primeiros poemas publicados en Faro de Vigo e fancines como Katarsis nos que experimentaba de forma provocadora coa disposición dos elementos gráficos e o manexo dos espazos, unha forma de indagación que, como sinala a profesora Chus Nogueira, editora da poesía completa (Xerais 2018), expresaba un rexeitamento a un concepto compracente de poesía que pon en dúbida a orde establecida.

E como outra das serendipias afortunadas deste ano, coincidiu o remate do simposio de estudos xelísticos coa aparición nos andeis das librarías do libro-disco Cancións (Xerais 2021) no que a xornalista Teresa Cuíñas Lavandeira recompilou, traduciu para o galego e contextualizou na música do seu tempo as letras que Xela Arias escribira para Desertores. Un volume que inclúe unha gravación discográfica actual dunha ducia de temas con letras de Xela Arias, tanto os seis incluídos no primeiro disco do grupo, El Desertor (1991), os catro do segundo, El vicio de la carne (1994), como outros dous, «Detrás de ti» («Boogie») e «Nena alcohol», que permanecían inéditos. Un traballo musical excelente do veterano grupo dos oitenta formado na actualidade por Humberto Díaz (Heredia), Juan Díaz, Valerio Araújo e Francisco Araújo, presentado en concerto no Auditorio de Chapela e no Culturgal desta fin de semana, cunha acollida entusiasta do público. Un libro-disco concibido como outra peza contra o esquecemento que actualiza aquelas cancións, cuxos textos Fernando Francio definiu «labrados na area da vida», zumegando o aroma daquel Vigo húmido e revolcado, aquel «lixo de cidade», ao que se refería en «Veña, brinca xa, que o imos rebentar», noutra das letras inéditas escrita para Desertores.

A publicación deste coidado libro-disco de Cancións de Xela Arias, como a do anterior de Intempériome, que incluía a gravación do espectáculo «Vencerse é cousa de se tratar» de Fernando Abreu, no que tamén emancipaba os seus versos utilizando a música como recurso escénico, constitúe un afortunadísimo peche bibliográfico deste ano dedicado á autora que confesou que lle gustaría reencarnarse en «Lou Reed feminino» e se sentía «moitísimo máis influída polo mundo do rock and roll que polos poetas galegos». Unha escritora na que descubrimos á Patti Smith das letras galegas, encarnando a fusión de poesía e o rock. Unha poeta na que toda comunicación con ela, en palabras de Teresa Cuíñas, «sucede no seu discurso do desasosego, experto nos confíns dos rueiros, efusivo, congruente, modelado consonte as súas inclinacións en cada momento e inseparable dos seus eixes vitais».

Darío de Saor

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento do escritor Darío Xohán Cabana:

A sexta feira X.L. Méndez Ferrín despedía nestas páxinas de Faro de Vigo ao seu amigo Darío Xohán Cabana Ianes nun artigo extraordinario no que salientaba a Grandeza do escritor que dende o pasado 17 de novembro é xa memoria. Un adeus dorido que compartimos para o que foi gran poeta nacional de Galicia, mestre e carpinteiro das palabras escollidas da estirpe popular, un dos nosos grandes escritores de todos os tempos, que como brillante ourive literario cultivou en solitario, lonxe de modas e vaidades, os territorios da beleza no poema, na novela, no relato, no ensaio, na divulgación histórica, na tradución e na propia edición dos seus libros máis amados. Saudade tamén para quen no pouso dos afectos foi un amigo agarimoso de xenerosidade desbordada, anfitrión de acollida entusiasta na casa de seu do núcleo lugués de Romeán, conversador de espírito retranqueiro, erudito e curioso, mais tamén para o militante comprometido dende rapaz, acreditando fidelidade inquebrantable coa causa da súa Terra, dos seus humildes e da súa lingua.

Nacido no berce dunha familia labrega partidaria da Frente Popular na parroquia de Roás (1952), que describe de forma memorable no comezo do relato «Rubén Cruzoi», publicado no seu libro Vidas senlleiras (Xerais 1992), como «verdadeiro corazón da Terra Cha, onde os carballos son máis fermosos ca en ningún outro lugar da terra, especialmente en primavera, cando comezan a follecer», Darío foi dende moi novo amante das novelas de Dumas e Verne que lle traía de Lugo o seu padriño. Querenza lectora que xa nunca abandonaría, como a da súa pulsión de poeta natural que alentou Manuel María, o primeiro dos seus mestres, tamén o seu primeiro editor daquel Home e terra na colección Val de Lemos das Edicións Xistral. Querenza que se multiplicou durante a súa estancia viguesa (1971-1975), na que traballou nas Edicións Castrelos de don Xosé María Álvarez Blázquez, a quen consideraba tamén o seu mestre e editor revolucionario en lingua galega, anos decisivos nos que afondou no coñecemento da literatura galega, casou con Amelia Outeiro Portela, a súa compañeira de vida, a quen coñeceu na viguesa Estación Marítima, e na que forxou a súa amizade e colaboración con X.L. Méndez Ferrín, o terceiro dos seus referentes literarios e políticos.

Estadía viguesa na que Darío se formou como editor na libraría Anticuaria Monterrey de Pi e Margall, a sede de Castrelos, dende a que don Xosé María en pleno tardofranquismo con múltiples iniciativas editoriais procuraba un novo rexurdimento literario, o de profesionalizar a edición do libro galego e ampliar o seu público. Velaí aquelas coleccións populares de libros de peto O Moucho e Pombal sobre as que tanto traballou o Darío, tanto na súa mesa de edición e distribución Galicia adiante nos máis diversos puntos de venda como na súa venda ambulante en feiras e vilas cunha furgoneta que levaba o rótulo de «Amigos das Letras Galegas». Unha experiencia editorial que sei foi marcante para o Darío, fundador de Edicións da Curuxa, nas que publicou algunha das súas traducións de clásicos como Os trobadores da Occitania (2014) e a reedición do Cancioneiro (2012) de Francesco Petrarca, pola que xunto a súa versión d’ A divina comedia de Dante recibiría a Medalla de Ouro do concello e Florencia (1991), un fito na súa traxectoria literaria e na da propia cultura galega. Espírito de editor moderno que impregnou a súa obra como narrador, na que desenvolveu un proxecto de grande calado para a novelística galega de fin de século XX ofrecendo títulos cimeiros, convertidos hoxe en clásicos, como Galván en Saor (Xerais 1989), O cervo na torre (Xerais 1994) e Morte de rei (Xerais 1996).

Darío volveu para sempre a Saor, o territorio literario do seu Roás natal, como fixera Galván, o sobriño do rei Artur, canso de andar polos camiños dacabalo dunha moto procurando castelos e princesas e ao vello Merlín, dono das forzas do mundo. Quedamos coa proeza deste texto que anosou a materia de Bretaña coma fixera o seu mestre Ferrín, mais tamén co resto da súa media ducia de novelas e coas súas habilísimas traducións da Vida nova (Espiral Maior 1994) de Dante ou dos Tres mosqueteiros (Xerais 2000) de Alexandre Dumas. Quedamos cos extraordinarios relatos de Vidas senlleiras (1992) ou a súas divertidísimas obras infantís, como O avión de Cangas (Xerais 1992) e Aventuras de Breogán Folgueira (Xerais 1990), que formaron o lectorado de varias xeracións. Quedamos cos seus sonetos e poemas de amor e morte que forman parte dos seus Vinte cadernos (Xerais 2003), libro esencial no seu catálogo que reúne a case totalidade da súa poesía (1969-2002). Unha memoria literaria amplísima, un legado para o lectorado do futuro. Os camiños da vida son longos e ancho é o voo do falcón, admirado Darío de Saor.

O espírito Airas Moniz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao ditame da XLIVª edición dos Premios da Crítica de Galicia:

Entre as sorpresas do acto de ditame e entrega dos Premios da Crítica de Galicia, celebrado en Vigo o pasado sábado, máis alá da contrastada excelencia das obras recoñecidas nas categorías literarias, outorgadas ao escritor Xesús Fraga por Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020) e ao investigador Miguel Anxo Seixas por Castelao. Construtor da nación. Tomo II (Galaxia, 2020), chamou a atención a singularidade e perfil novidoso do resto das súas oito modalidades.

Moi poucas das persoas presentes no Auditorio de Afundación sabían da figura extraordinaria de Manuel Ayaso, premiado na modalidade de Artes Plásticas, o pintor e debuxante de Aguiño (87 anos), emigrante durante seis décadas en New Jersey onde desenvolveu unha obra artística que forma parte de destacadas coleccións privadas e de museos e universidades estadounidenses. Autor dunha obra expresionista, con múltiples referencias surrealistas, a pintura de Ayaso non perdeu nunca os seus referentes primeiros no mundo do mar e nos mitos da terra natal da Barbanza que abandonou aos trece anos e a que regresou hai ben pouco.

Como tamén moi poucas seguían a Erregueté, a Revista Galega de Teatro, fundada hai corenta anos polo noso sempre admirado profesor Antón Lamapereira, hoxe a única publicación en lingua galega que se ocupa de forma monográfica das Artes Escénicas, modalidade dos premios da que foi gañadora. Dirixida na actualidade polo dramaturgo Afonso Becerra, superado o seu número 100, inicia unha nova etapa na que pretende continuar atendendo a todos os xéneros (teatro, danza e circo) e ofrecendo unha crítica seria e profesional, ademais de comezar a publicación, tan necesaria, de libros de e sobre teatro.

Tamén foi ben singular o premio da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas outorgado a Viñetas desde o Atlántico, o evento creado hai vinte e cinco anos na Coruña polo ilustrador Miguelanxo Prado coa pretensión de achegar a linguaxe creativa da banda deseñada ao público non especializado e dar visibilidade a creadores galegos emerxentes e consagrados. Un festival que cada mes de agosto durante sete días sitúa a Galicia e aos seus artistas no mapa mundial do cómic, a ilustración e a banda deseñada.

Outrosí sucedeu co premio da modalidade de música outorgado ao pianista Alejo Amoedo, un intérprete virtuoso, coleccionista, investigador e profesor do Conservatorio Superior de Vigo comprometido coa música e os músicos de Galicia. Membro do colectivo cultural vigués Pertenza, a sinatura de Alejo Amoedo é habitual nas páxinas de Faro de Vigo e de Nós diario, como divulgador da historia musical e da posta en valor deste patrimonio galego.

Secasí non foi sorpresa o premio da modalidade de Cine e Artes Visuais outorgado a cineasta e académica Margarita Ledo pola súa produción, dirección e guión do filme Nación, a película protagonizada polas obreiras de Pontesa, un entrenzado visual estremecedor de reflexións, afectos, voces e berros, a composición filmada da sororidade, da nación como sociedade, como espazo público da comunidade. Filme feminista épico de beleza desacougante, constitúe o mellor traballo cinematográfico da autora.

Con todo, foi quizais o derradeiro dos premios entregados na matinal, o da modalidade de Cultura Gastronómica, outorgado a Queixaría Airas Moniz de Chantada o que mellor pon de manifesto a amplitude, riqueza, potencia, excelencia e a diversidade da produción cultural galega actual. Espírito que encarna o proxecto empresarial da Queixaría Airas Moniz fundada no lugar de Outeiro de San Salvador de Asma, Chantada, por Ricardo Gómez, Ana Vázquez e Xesús Mazaira. Tres ganadeiros que hai unha década decidiron darlle unha volta ao carpín a súa granxa intensiva de vacas Holstein, apostando por un modelo antagónico extensivo, o de vacas Jersey de pastoreo. E despois de seis anos de aposta paciente para bautizar o seu proxecto precursor de elaboración de queixo cru de pastoreo da súa propia explotación rescataron a figura do trobador chantadés do século XII Airas Moniz de Asma, do que se conservan dúas cantigas: «Mia senhor, vin-vos rogar» e «Pois nin non val d’eu muit’amar». Un proxecto baseado na innovación, mais ancorado na tradición, que xa recibiu para o seu queixo azul Savel o recoñecemento como mellor queixo de España (2020-2021) entre 800 referencias.

De Aguiño a Chantada, da Coruña a Vigo, este espírito de innovación e tradición Airas Moniz, chantado de forma inequívoca sobre o piar compartido do emprego do idioma, –«Non hai lingua abondo para recoñecérmonos» foi o verso de Xela Arias escollido para enmarcar a XLIVª edición destes premios da crítica– percorre a cultura galega actual que queremos grande, diversa, orgullosa e sen límites para enxergar o futuro.