Celta galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a galeguidade do Celta de Vigo:

Ás portas do centenario da fundación do Celta de Vigo (1923) como fusión do Real Sporting Vigo e o Fortuna, non é doado comprender a facilidade coa que a sociedade propiedade de Carlos Mouriño entra en confrontación co seu propio cadro de xogadores, coas súas persoas abonadas e seareiras e a lingua que a todos nos identifica, como sucedeu estes días tras a desafortunada apertura dun perfil en galego en Twitter (@RCCeltaGL), subsidiario do oficial (@RCCelta), creado hai unha década e que conta hoxe con case medio millón de seguidores, no que se viña utilizando de forma habitual e non exclusiva o galego como lingua de vehicular e de referencia sen problema ningún.

Unha decisión na que chovía sobre mollado, tras o desleixo no emprego do galego nos últimos meses no perfil oficial, que coincidiu coa mudanza dos responsables da política de comunicación da SAD, que semella foi parcialmente emendada esta fin de semana, tras a enchente de apupos e críticas do celtismo, cando o galego regresou timidamente á conta oficial con algúns chíos, aínda que en porcentaxe moi inferior ao castelán, lingua utilizada en exclusividade no seguimento do partido co Raio Vallecano.

Polémica sobre uso do galego nas redes sociais que probablemente aos actuais responsables do club poida parecerlles fútil, froito da presión dos sectores galeguistas da bancada do estadio do Fragoso. Porén, o compromiso coa identidade cultural galega e co emprego da lingua nosa forma parte esencial do que foi o Celta durante un século, do que é o Celta na actualidade como primeiro cadro galego e do que agardemos será o Celta dos nosos netos ao remate do século XXI. Abonda con consultar as páxinas da historia celeste do mestre Fernando Gallego ou a biografía de Handicap, Manuel de Castro González, o xornalista deportivo de «Faro de Vigo» (de 1909 a 1944), que ideou a fusión de Vigo e Fortuna para crear o Celta, para entender un compromiso acuñado na escolla do seu nome, equipamento e escudo.

Nome, Celta, escollido entre unha relación de referentes galegos, como Breogán, Galicia ou Atlántico, sometidos a un concurso que Faro de Vigo montou ao efecto. Equipamento no que os fundadores quixeron de forma afouta que o Celta como representante de Galicia levase as cores da bandeira galega, azul celeste e branco, consolidando así o emblema que promovía a xeración Nos e que a ditadura de Primo de Rivera prohibiría. Sen esquecer que no peito dos xogadores celestes latexa o escudo no que aparece estampada a Cruz de Santiago, outra das nosas insignias.

Utilización do galego no fútbol da que foi pioneiro tamén Handicap, a figura, que xa no número 11 da revista «Nós» (26 de xuño de 1922), publica unha crónica en galego da final do campionato de «football» que no vigués campo de Coia diante de «dez mil almas» xogaron o F.C. Barcelona e o Real Unión de Irún. Arbitrado por un xuíz francés, M. Balway, chegado horas antes da capital de Francia, Handicap cualifica o partido «dunha beleza futbolística esceucional».

Notas deportivas neste «Boletín Mensual da Cultura Galega» que continuaría durante varios números do ano 1922 o ourensán José González Viso, amigo de Florentino López Cuevillas, baixo a sinatura de Goal, nas que anuncia «a reorganización en debida forma do Vigo e mais do Fortuna» para enfrontarse como selección galega á catalá «no marco da competición interrexional», a Copa do Rei, na que participaban os vencedores dos campionatos rexionais. Comentario de Goal que anuncia o carácter do Celta dende a súa fundación como autentico representante do fútbol galego nas competicións españolas.

Nos últimos cincuenta anos o Celta tivo outros momentos gloriosos de apoio á lingua e ao país. En 1971 doou 35.000 pesetas, unha por espectador dun Celta-Madrid, ao Patronato Rosalía de Castro, como lembrou estes días o xornalista Alfonso Pato. Inesquecible foi tamén a tarde do 4 de decembro de 1977 na que os xogadores celestes saltaron á lameira de Balaídos erguendo unha gran bandeira galega, mentres soaba o himno galego, compartindo naquel día histórico o esforzo das 300.000 persoas que pola mañá desfilaran polas rúas viguesas reclamando dignidade para Galicia, na maior manifestación da nosa historia.

Ás portas da celebración do centenario (setembro de 2023), os responsables do Real Club Celta SAD non poden esquecer estes alicerces de galeguidade sobre os que se fundou o club nin sobre os que se desenvolveu ao longo dun século a gramática do fútbol celeste. Este é o momento de facer memoria dunha emoción compartida por varias xeracións de celtistas, viguesas, galegas e espalladas hoxe polos cinco continentes. Recuperar a presenza vehicular do galego no perfil oficial de Twitter non é antollo ningún de galeguistas, é apenas manter a fidelidade co espírito dos fundadores.

Baixo Elduayen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos achados nas obras de Elduayen e na Porta do Sol:

Rematado o trimestre de luces e panxoliñas, que converteu a Vigo por desexo da súa alcaldía na capital do Nadal catódico das cidades felices, a nosa abella da ribeira recupera por outros nove meses o ritmo do seu latexo, unha gráfica con picos, onde non faltan azos para a esperanza nin sobran motivos para a preocupación. Unha diferenciación entre cidades felices e infelices que xa non admitía Italo Calvino no seu libro máis memorable, «As cidades invisibles», do que existe excelente versión galega de Miguel Anxo Murado (Xerais 2000), no que propoñía unha clasificación alternativa das cidades «entre as que, a través dos anos e das mutacións, seguen dando a súa forma aos desexos, e aquelas nas que os desexos ou logran borrar a cidade, ou son borrados por elas».

E abofé que de aceptar como útil esta liña divisoria, trazada nas conversas entre o emperador mongol Kublai Khan e o mercador veneciano Marco Polo, voces das fermosas narracións de Calvino, gustaría que Vigo se continuase adscribindo as primeiras, a aquelas cidades xustas que se constrúen coa pulsión colectiva da cidadanía sobre o substrato da súa memoria. Gustaría, considerando tamén, como propón o filósofo Antón Baamonde, que «unha cidade é un estado de ánimo, un corpo de costumes e tradicións, e de actitudes organizadas e sentimentos», que Vigo tras a invención deste mito natalicio, protagonizado pola alcaldía como estratexia de promoción turística, continuase sendo, como afirma X.L. Méndez Ferrín, ese volcán de dinamismos que ao longo dos dous últimos séculos «mudou con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito». Gustaría, en definitiva, que o Vigo futuro fose un espazo urbano viable e sostible, innovador e creativo, que sen renunciar a súa identidade e tradición fose capaz de liderar a rede de cidades galego-portuguesas do Eixo Atlántico.

A retirada das luces de Nadal, aínda incompleta a comezos de febreiro no xardín histórico da Alameda e noutros espazos vigueses, sacou a luz nas obras do túnel de Elduayen a Policarpo Sanz, antigas edificacións e a bóveda do túnel de arredor de vinte metros que durante aproximadamente cincuenta anos, entre 1880 e o inicio da Segunda República, uniu a rúa do Príncipe coa canella dos Caños. Achados que non constitúen sorpresa ningunha para as especialistas en arqueoloxía e amantes da historia da cidade, mesmo recoñecibles en varias novelas viguesas, que alertaron reiteradamente da súa existencia cando se anunciou hai dous anos o proxecto do túnel, mais que agora abren un interesante debate cidadán sobre o coñecemento e a conservación do patrimonio cultural e histórico. Achados preciosos para coñecer a composición do palimpsesto urbano vigués, probablemente con vestixios de cando a cidade comezou a retirar a muralla e abrir os seus ensanches urbanos próximos, que constitúen unha oportunidade formidable, probablemente única, para saber máis da historia viguesa e reflexionar sobre as súas carencias e oportunidades.

As investigacións sobre este período decisivo de mudanza da rede viaria extramuros do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, recollidas no seu libro esencial «Vigo amurallado. Origen y evolución histórica» (Instituto de Estudios Vigueses, 2019), permiten coñecer que o trazado da actual rúa Elduayen, entón Travesía de Vigo (1879), proxectado por Manuel Fernández Soler, autor do que quizais puidese considerarse como o primeiro plan xeral de Vigo, obrigou a cortar as rúas do Pracer e da Misericordia, que partían da praza da Herba (hoxe Argüelles). Novo trazado que «obrigou ao derrubo total ou parcial de numerosos edificios e, entre eles, da capela gremial da Misericordia do século XVI, da maior parte da casa-pazo de Fuente-Pita e así mesmo da artística fonte de Neptuno». Vestixios de construcións familiares  como as da rede de sumidoiros da rúa Sombrereiros, contemplados en 1890 no ancheamento da nova travesía a quince metros, que probablemente continuarán aparecendo nas escavacións das vindeiras semanas.

As obras do túnel de Elduayen e da Porta do Sol, unha infraestrutura tan complexa e custosa como claramente innecesaria para a imprescindible peonalización deste espazo urbano de privilexio, constitúen unha oportunidade para debater sobre o tipo de Vigo que se pretende construír: unha cidade alicerzada sobre o palimpsesto da súa tradición e memoria identificable nestes achados ou ben outra que quere borrar esas pegadas ou botar terra sobre elas canto antes. Achados que aconsellan unha estratexia demorada de valoración deste xacemento por parte dos arqueólogos e restauradores, e mesmo a posibilidade, como propón o movemento Vigo Histórico, de deter as obras mentres os técnicos debaten como integrar estes restos históricos no tecido urbano futuro.

Un día para Reimundo Patiño

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Raimundo Patiño, figura homenaxeada no Día da Ilustración:

Coincidindo co día do nacemento de Castelao celébrase cada 30 de xaneiro o Día da Ilustración. Incluída no calendario do libro e da lectura da Consellaría de Cultura, Educación e Universidades, a efeméride pretende, ademais de lembrar e reivindicar o papel dos  profesionais da ilustración na nosa industria cultural, homenaxear a unha figura histórica da ilustración galega. Tras facelo con Álvaro Cebreiro (2017), Camilo Díaz Baliño (2018), Federico Ribas Montenegro (2019), Cándido Fernández Mazas (2020) e Lolita Díaz Baliño (2021), este ano será lembrado nas bibliotecas públicas e escolares de Galicia o pintor, gravador e autor de banda deseñada coruñés Reimundo Patiño (1936-1985), unha das máis senlleiras figuras da cultura galega de posguerra.

Dende pequeno Reimundo amosou unha extraordinaria capacidade para debuxar e unha notoria curiosidade intelectual como un interese pola lectura á que non foron alleas tanto o feito de que como «fillo do 36» fose espectador dos horrores da guerra civil e da represión, que afectou a súa propia familia, como a doenza que o encamou entre os cinco e os dez anos en Monforte de Lemos, que lle deixaría unha coxeira de por vida. Como tamén marcarían o seu fervoroso compromiso político e sensibilidade artística os libros que chegados clandestinamente de alén lle proporcionaba o seu tío o libreiro Antón Patiño (Librouro) como a amizade co escritor Xohán Casal, a quen coñeceu nas aulas da Escola de Comercio da Coruña, cuxa excepcional biblioteca familiar permitiu abrir a ambos os dous as portas da cultura contemporánea.

Tras participar na creación con Casal do «Manifesto da Liga Nórdica» (1953), caracterizado por unha rebeldía atlantista, e con Antón Avilés de Taramancos na Unión de Artistas Ceibes (1954), do que sairía o «Xuramento de Laracha», Patiño trasladouse a Madrid (1958) para traballar nunha oficina bancaria e desenvolver unha intensa actividade artística e política durante máis de dúas décadas. Reimundo foi figura clave na creación do grupo Brais Pinto (1958) e do movemento A Gadaña (1960), introdutor do expresionismo abstracto en Galicia, como participou na creación da UPG (1964) e da Estampa Popular Galega (1967), coa intención de «espallar o gravado na xente e refrexar as súas dores e ledicias». Iniciativas todas coas que Reimundo pretendía desenvolver un proxecto estético, cultural e político que, en palabras do investigador Xulio Carballo,  «impulsase a Galiza cara ao final do túnel que supuña a longa noite de pedra».

Desa pulsión de «punteiro da vangarda», como Uxío Novoneyra cualificaba a Reimundo Patiño na súa fraternal amizade, naceron carteis dos concertos de Voces Ceibes (1968), gravados como «Nais do mundo contra a guerra de Vietnam» (1968), así como as ilustracións de «Arrabaldo do norte» (1964), a primeira novela de Méndez Ferrín. Como a naceu a exposición do cómic mural «O home que falaba vegliota» (1971), obra fundacional da BD galega, sátira da persecución do derradeiro falante dun idioma en extinción, cuxas doce pezas dun metro por un metro forman parte dos fondos do MACBA. Como a publicación xunto a Xaquín Marín de 2 viaxes (1975), o primeiro libro en galego de BD, editado por Brais Pinto Gráfico e por ventura reeditado recentemente pola viguesa editorial Elvira e Fosfatina ediciones, sendo Patiño autor da segunda, «Saga de torna no tempo». Obras nas que o grafismo e a caligrafía inconfundible de Patiño invaden os cadriños distintos en formatos e tamaños, creando así un marco caótico e esperanzador, metáforas dramáticas do futuro que lle agarda ao país, capaces de someter ao lectorado destas historias de ciencia ficción.

Este día da ilustración que en Vigo se celebra na Biblioteca Pública Juan Compañel coa exposición bibliográfica «Reimundo Patiño: ilustrar dende as marxes» é unha oportunidade ademais para recuperar do esquecemento a obra pictórica de Patiño e a súa linguaxe expresionista, dinámica e con aspectos futuristas capaces de enlazar cos membros do grupo Atlántica, que renovaron a plástica galega a comezos dos anos oitenta. Foi Reimundo unha figura ponte xenuína convertendo durante décadas a súa casa no auténtico centro galego de Madrid. Unha figura referencial e acolledora para as novas xeracións de mozos galeguistas, como os que facían a revista «Loia» (1975-1978), Manuel Rivas, Lois e Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño, nos que contaxiou a súa enerxía visionaria, a súa pegada contracultural, a esculca de novos medios e un ferinte desacougo imprescindibles para unha tarefa de renovación artística, comunicacional e política.

Benvido este día da ilustración para Reimundo Patiño na que recuperamos das tebras do esquezo unha figura pioneira para as artes e a edición galegas do noso tempo.

 

Onte 2144: «Uma furtiva lágrima» de Nélida Piñón

En decembro de 2015, tras a tráxica sentenza do oncólogo, mesmo antes das últimas probas médicas, a escritora brasilega Nélida Piñón pensou facer un diario breve do que entón pensaba serían os seus derradeiros días. Comezou daquela a escribir un libro de memorias, de espírito moi literario e dimensión poética e ensaística, na liña do seu Livro das Horas (2012), que finalmente pechou co título Uma furtiva lágrima (Temas e debates, 2019). Unha narrativa autobiográfica sobre os segredos da vida e da morte, mais tamén sobre a memoria familiar e a súa identidade literaria, ancorada na lectura e reivindicación dun diálogo constante cos clásicos da cultura mediterránea. Un libro híbrido e aparentemente desordenado, concibido como unha arca que contén ademais aforismos, reflexións e confesións, un exercicio literario de  madurez e plenitude dunha autora para quen a narración é unha proba de amor, a mellor forma de inserirse na corrente sanguínea do ser humano.

Páxinas emotivas e de rara beleza, organizadas en capítulos e estampas breves na súa maior parte, nas que autora se confesa como muller, escritora, brasileira, e galega tamén, cosmopolita, criatura de todos os portos. Unha autodefinición que lle permite enveredar tanto polos vieiros das civilizacións antigas como pola reafirmación da memoria campesiña e familiar de Borela, a parroquia dos avós Amada e Daniel, o emigrante de Cotobade que chegado a Río aos doce anos nunca esqueceu as súas raíces:

«Guardo Galiza no nicho da memória.»

«E cedo aprendi não ser o Brasil meu único lar. E isto porque fui pautada pela melancolia da minha grei, que, mesmo nos dias festivos, padecia da ausência da Galiza, de onde procedera.

«Em meio a neblina do porto de Vigo, as cortinas de uma nova memória se abriram.» «Aprendia ser parte de uma família imigrante.» «Levada pela tentação de inventar o país do pai a que eu visitara, aprendi a língua galega, saboreei a comida, percorri o prado e a montanha. O eco do coração galego afirmava-me que o mundo era narrável.»

«Uma nação se constrói sobretudo com os ollhos, o cansaço, o sonho, a ilusão e a morte dos que labutam diariamente, e desse modo se preparam para admirar Da Vinci, Cervantes e Machado de Assis.»

«Na iminência de dedicar à Galiza uma devoção imutável, incapaz de se dissipar.»

«Os percalços de tal travessia em barco que não sei qual foi, e que teve início en Vigo, portode onde partiam os galegos, me acompanham en cada frase que escrevo.»

«Sou feita, portanto, de retalhos, dos escombros, da matéria de quem relata, sem os quais, em conjunto, a narrativa desfalece.»

«Sei como lamentavam a terra deixada para trás. O distanciamento que implicava em sua  perdição. Sem que dessem conta de que a partir do primeiro filho que lhes nascesse no Brasil, nunca mais recuperariam a terra distante. O pranto haveria de ser o seu consolo.»

Vigo nunha nova Holanda

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar o libro de Antón Baamonde, Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global:

O debate sobre o futuro das cidades e das formas urbanas no escenario global sitúase cada vez máis no centro da axenda política galega. A pandemia da covid-19 obrigou a todas as cidades a enfrontar os seus problemas de mobilidade, tamaño e competitividade no marco do mapa galego, peninsular e europeo. O corenta aniversario do Estatuto de Autonomía (1981) e do que foi a batalla da capitalidade e do reparto das súas sedes e institucións entre Santiago, na súa maior parte, e A Coruña, ofrece a oportunidade de reconsiderar este modelo hipercentralizado, que danou o lugar de Vigo como primeiro motor urbano de Galicia ao longo do século XX. Como xa non se pode esconder o feito de que, desaparecidas de forma infame as dúas caixas de aforro galegas, as rexións urbanas de Vigo e A Coruña son hoxe dependentes económica e socialmente das súas empresas tractoras, Citroën e Inditex respectivamente; dúas industrias, a da automoción e o vestiario, sometidas a delicados procesos de mudanza climática, dixital e loxística que precisan para desenvolverse e subsistir da posta en marcha en cadansúa área de influencia de novas infraestruturas e procesos de I+D+i aos que non son alleos factores moi complexos de orde planetaria.

O cambio climático e o obrigado proceso de descarbonización sinala un rumbo cara un mundo descoñecido no que un clima moderado como o das nosas cidades portuarias do bordo atlántico pode ser unha vantaxe competitiva para elas, mais aínda fronte a unha previsible crise hídrica no interior da península ibérica. Como o feito de que o futuro de Galicia está unido ao da súa dimensión urbana, xa que as nosas cidades acollen a 1,9 millóns de habitantes, o 70 % da nosa poboación; cidades todas elas consideradas medias, segundo as definicións europeas, capaces de xerar o 82 % do valor engadido bruto e a ocupar o 76 % do emprego. Cifras que ofrecen unha oportunidade e ao mesmo tempo unha obriga para reorientar o proxecto do noso autogoberno e a organización do territorio galego e das súas infraestruturas básicas. Como xa sucedera hai un século cando Antón Villar Ponte e o arquitecto Antonio Palacios reclamaban que Galicia contase cunha grande cidade, «unha potente Barcelona do Atlántico» que recollese «a modo de encoro, a sangría solta da actual emigración», a Galicia por vir está obrigada a repensar de forma estratéxica o seu mapa urbano. En definitiva, o futuro de Galicia será o das súas cidades.

Ideas, datos e reflexións anteriores recollidas dun ensaio recente, «Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global» (Galaxia 2021), no que o filósofo Antón Baamonde propón que «Galicia ten que pensarse a si mesma como unha única cidade con varios nós», «como un diamante con vértices nas sete cidades» no que cada unha mantén unha identidade marcada polos seus usos e costumes, tradición e carácter propios. Unha idea estratéxica para a modernización dunha Galicia urbana policéntrica, artellada en rede como un diamante de sete puntas, como unha nova Holanda, que procura a súa masa crítica coa complementariedade demográfica e económica que lle ofrece o Norte de Portugal conformando «un eixe atlántico que funcionaría como un imán de atracción de investimentos, poboación, recursos e talento». Constituiríase así para Antón Baamonde unha Metrópole do Atlántico, unha rede urbana de Ferrol ao Porto, de 6,5 millóns de habitantes (superior á poboación de Dinamarca ou Irlanda), dos que 2,7 corresponden a Galicia e 3,8 ao Norte de Portugal, que tería visibilidade no marco das rexións urbanas europeas, sendo alternativa ao actual modelo conservador madrileño que considera a península enteira como o seu hinterland.

Concretar este modelo iberista de metrópole do Noroeste peninsular, xustificado pola complementariedade urbana e forte interrelación social, económica e cultural entre Galicia e o Norte de Portugal, obriga a pensar a outra escala, mirando ao tempo ao mapa europeo e ao peninsular, máis aínda cando as fronteiras están máis diluídas e a globalización estendida até os últimos recantos. Obriga a reconsiderar as prioridades do mapa ferroviario de altas prestacións, priorizando estratexicamente a conexión con Porto, como a recuperar a vella idea da xestión integrada dos aeroportos de Galicia. Como obriga a repensar con outra ollada os proxectos estratéxicos das cidades galegas, como o de Vigo, área metropolitana chamada a converterse por poboación e situación xeográfica no referente do polo galego desta nova Holanda, o que facilitaría a recuperación da confianza perdida nas últimas décadas de autonomía e reafirmaría o seu dinamismo e caos creativo como expresión da súa identidade portuaria, industrial e cultural da que a súa cidadanía se sinte tan orgullosa.

Onte 2143: «Azucre» de Bibiana Candía

Grazas ás recomendacións de amigas libreiras cheguei a Azucre (Pepitas de calabaza, 2021) a novela curta de Bibiana Candía, un dos libros mellor recibidos en 2021. Sorprendeume e prestoume a lectura deste relato que desvela a expedición de 1.774 rapaces galegos que en 1853 viaxaron a Cuba para facer as américas e acabaron vendidos como escravos de Urbano Feijoo de Sotomayor, deputado liberal ourensán. Unha historia até agora  agochada, un capítulo nefasto da historia da emigración galega, rescatado por este excelente relato de ficción da escritora coruñesa. Novela de aparente sinxeleza, estruturada en estampas breves, ben escrita e mellor construída de forma fragmentaria, ofrece unha singular voz narrativa que salienta o seu carácter de historia colectiva daqueles que procurando fortuna perderon a vida ou viviron na miseria.

Novela fermosa peta no corazón do lectorado polo seu compromiso coa dor desta ducia de heroes anónimos, vítimas do engano e tamén capaces de denuncialo. Novela evocadora de relatos das viaxes transoceánicas de milleiros de emigrantes galegos, mais tamén restauradora dunha epopea da que carecemos de memoria en moitos dos seus episodios. Parabéns á autora que abre unha vía novidosa para a exploración literaria da memoria da emigración galega, como recoñecemento para a moi coidada edición de Pepitas de calabaza, editora independente radicada na Rioxa.

Onte 2142: «O que fica fóra» de Manuel Rivas

O pasado ano fixéronse vinte e cinco anos da publicación d’ O pobo da noite (Xerais 1996), libro no que Manuel Rivas escolmaba a súa obra poética primeira, a publicada entre 1980 e 1995, tras a aparición do Libro do entroido (Edicións do Rueiro, 1980), Balada nas praias do Oeste (Sotelo Blanco, 1985), Mohicania (Edicións do Rueiro, 1986), Ningún cisne (Sotelo Blanco, 1986) e Costa da Morte blues (Xerais 1995). Unha publicación hoxe histórica, xa que o libro ía acompañado por vez primeira no catálogo comercial do libro galego dun cedé con trece poemas recitados polo autor, acompañado musicalmente por César Morán. Unha experiencia de edición expandida coa que abrimos o selo Xerais Media, a primeira experiencia de hibridación da edición en galego (1996-2000), na que ofreciamos produtos no que a poesía dialogaba coa música e ensaiabamos os primeiros produtos interactivos en cederrón.O proxecto d’ O pobo da noite, ademais, estendeuse en recitais polo país adiante, o que facilitou que a obra se reeditase ne varias ocasiós, daquela (e creo eu tamén hoxe) un feito pouco usual.

Probablemente, O pobo da noite foi, como ten sinalado a profesora Dolores Vilavedra, un ensaio preparatorio para a edición do macrotexto poético que Manuel Rivas publicaría en Do descoñecido ao descoñecido (Espiral Maior, 2003),  no que recolleu os primeiros vinte anos da súa poesía. Daquel celme, ampliado n’ A desaparición da neve (2009), o primeiro libro multilingüe publicado en galego, castelán, éuscaro e catalán por Alfaguara,  todo un acontecemento e un modelo (sen continuidade), e madurado no libro esencial que foi A boca da terra (Xerais 2015), agromou O que fica fóra (Apiario 2021),  un libro arca, un poemario visual manuscrito na terra, un texto ecopoético, no que un Rivas lucidísimo reclama en plena pandemia o valor da natureza e da linguaxe.

Non é casual que Rivas dedique o libro a Aníbal Otero, «condenado a morte en 1936, cando apañaba fonemas na beira do río Miño, o filólogo biografado por Xesús Alonso Montero (Xerais 2011), pois do que trata é de apañar as palabras que fican fóra, que andan ás ceibas na liña do horizonte. Palabras manuscritas na natureza, na linguaxe críptica das cores, no alfabeto invisíbel dos cheiros, nos idiomas dos ventos… Un libro caligramado con poemas árbore, con poemas estrela, con poemas nacidos da pegada da tinta sobre esa natureza ao desvío do papel.  Un libro de haikus secretos dun poeta como UxíoNovoneyra que non ten medo a enzoufar as mans.Un libro arca que queda aberto, un manifesto contra o medo e o silencio enmascarado. Un gran Rivas.

O que fica fóra_Manuel Rivas from apiario on Vimeo.

Vigo, fronteira do alén

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebrar a publicación da nova edición de Vigo, fronteira do alén (Ir Indo 2021) de X.L. Méndez Ferrín:

Nas mesas de novidades das librarías viguesas destacou este pasado nadal Vigo, fronteira do alén (Ir Indo, 2021), o diálogo entre Lampetusa e Sponsor escrito por X.L. Méndez Ferrín como indagación sobre a cara e o envés da cidade de Vigo. Un texto que tivo a súa primeira edición en 1988, nun formato de libro de mesa, no que foi acompañado de cento cincuenta fotografías a cor de Xulio Gil e dunha escolma de textos literarios sobre Vigo. Unha obra coa que o editor Bieito Ledo iniciaba entón unha viaxe literaria e visual na procura da identidade de cada unha das cidades galegas ofrecendo edicións plurilingües en galego, castelán e inglés, empregando o gran formato (libros de 30 x 30 cm), a encadernación acartonada, os acabamentos en coiro ou tea, así como a presentación en estoxo, criterios e calidades de edición entón moi novidosos para o libro galego. Daquela excelente edición, Ledo rescatou o texto e apenas corenta fotos en branco e negro dándolles unha segunda vida cunha portada de Antón Pulido sobre as faenas do Berbés. E abofé que trinta e catro anos despois este libro máis humilde continúa sendo interesantísimo, tanto pola calidade e lucidez do texto ferriniano como polo feito sinalado no limiar desta segunda edición de que Vigo, sendo a máis dinámica das cidades galegas, «muda con moita rapidez de fisionomía aínda que non de espírito».

Acerta Ferrín cando nesta nova edición non muda nin unha coma no diálogo que a carón da igrexa románica de Castrelos manteñen Lampetusa, a dona que representa a luz da experiencia viguesa (a memoria), e Sponsor, o mozo activo, que quere coñecer, o motor do futuro. O sentir de Vigo, que ambos os dous representan como o dunha cidade portuaria transformada polo tranvía en bisbarra e como «o resumo das diferentes morfoloxías nas que Galicia pode revelarse», mantén toda a súa vixencia no Gran Vigo da terceira década de 2000. Como tamén permanece o «carácter impreciso dos seus territorios», que manteñen a súa nomenclatura clandestina cos nomes arcaicos indemnes (Peniche, os Choróns, as Travesas, os Caños, a Barxa, o Calvario, a Calzada, Casablanca), como o carácter que lle imprime á cidade o porto do Berbés, onde se inician «os camiños do progreso» e «onde reside o seu verdadeiro ventre, a raíz que lle dá sentido» a toda a cidade. «Vigo é moito máis que unha cidade, é un pulo, un volcán de dinamismos», «sempre o mellor da cultura galega». Como manteñen o seu pulo, a pesar da perda de falantes, as variantes do galego de Vigo, de natureza seseante e rica no seu slang, o máis innovador da lingua nosa (“ghicho”, “chaíña”, “choio”…). Como continúa sendo marabillosa a estrañeza que provoca o espectáculo único de ver o mar e as Cíes dende o Paseo de Afonso, ese espazo humilde de proporcións perfectas…

A lectura deste texto dialogado, a camiño entre o narrativo e o a teatral, como a ollada demorada das fotos sen efectos de Xulio Gil, permiten identificar moitas das mudanzas do Vigo das últimas catro décadas como evocar as perdas dalgúns dos seus espazos indefinibles. Cambios que nalgúns casos modificaron a liña do ceo nunha beiramar aterrada de forma brutal ao longo de todo perfil portuario, dende Guixar a Bouzas, e onde toda urbanización intelixente semella chamada ao fracaso e onde a incuria cultural inevitable. Mudanzas que noutros casos evidencian desaparicións de embarcacións tradicionais, guindastres portuarias, comercios como La Favorita de Príncipe, tabernas como as do Porco, cervexarías como a de Joaquín e o seu galo vermello no Areal ou o Quiosco de Pepe do Paseo de Afonso. Mais como salienta o propio Ferrín «a cidade e a paisaxe marítima e rural que representa mudou no tránsito aos días presentes», mais «Vigo non se detén xamais» e lonxe de estimular saudades ou documentar arqueoloxías estas mudanzas forman parte tamén deste Vigo no que «pode sentirse tendo en memoria a terra medieval de Turonio, que, máis ou menos, vai da Ría de Vigo ao Río Miño e segue conservando características diferenciadas».

Esta nova edición de Vigo, fronteira do alén facilitará o acceso ao texto ao público literario do catálogo de Ferrín, ao tempo que permitirá ocupe un lugar preferente na bibliografía viguesa, a carón de textos clásicos sobre Vigo como A cidade e os días (Monterrey 1960, Xerais ) de Xosé María Álvarez Blázquez,  La caracola de piedra (Deputación de Pontevedra, 1982) de Pedro Díaz, Vigo paixón atlántica (NigraTrea, 2001) de Xosé Francisco Armesto Faginas ou o máis recente Camiñar o Vigo vello (Xerais 2018) de Pedro Feijoo.

Parabéns a Ferrín por ofrecer texto tan valioso sobre o carácter de Vigo como un pequeno mundo, como a cifra da Galicia contemporánea, como a fronteira do alén que limita, océano por medio, con Nova York. Parabéns a editora por rescatar este libro recomendabilísimo.

Onte 2141: «Illote P. Barraca 16», memorias dun exiliado republicano nos campos de concentración franceses

Lin con moito interese Illote P. Barraca 16 (Galaxia 2021), as memorias de Santiago Rodríguez Salinas, exiliado republicano nos campos de concentración do sur de Francia durante ano e medio. Fillo de Antonia Rodríguez Salinas, profesora republicana represaliada, ao seu regreso á España franquista e tras case tres anos en batallóns disciplinarios, instalouse coa súa nai en Redondela, onde ela daba clases particulares para poder asistir ao seu compañeiro, o xornalista e crítico madrileño Alberto Marín Alcalde, preso na illa de San Simón. Datado en 1983 e do que se conservaban seis copias mecanoscritas polo propio autor, o texto foi recuperado polo seu fillo o titiriteiro, actor e cantor Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán», constituíndo o segundo título da nova colección «Memoria Histórica» coa que Galaxia continúa ás achegas memorialísticas doutras coleccións galegas como Documentos para a historia contemporánea de Galicia de Edicións do Castro ou  Crónica de Xerais.

O libro narra a vida cotiá en condicións deplorábeis dun dos 300.000 refuxiados, a maior parte deles, como Santiago, ex-combatentes do exército da República, nos campos de concentración de Saint Cyprien, Le Barcarès e Argelés-Sur-Mer. Lonxe de pretender retratar heroísmos, a obra relata en primeira persoa a miseria, a desgraza e o sufrimento dos internados, sometidos a situacións extremas, agravadas polas condicións climáticas, pola falta da mínima hixiene, a carencia de instalacións sanitarias, a escaseza de alimentos e auga e a crueldade dos gardas senegaleses. Xaora, ao autor cando fai memoria relatando as anécdotas desta vida tan precaria non lle falta nin o humor nin o xeito literario para construír unha peza emocionante para o lector, mesmo a pesar de que a súa intencionalidade, recollida dende o propio limiar, é ofrecer apenas un documento fidedigno e veraz sobre a vida dos exiliados españois nos campos de concentración franceses antes da ocupación alemá.

O rescate do esquecemento deste mecanoscrito constitúe, ademais, unha oportunidade para lembrar a Antonia Rodríguez Salinas, «Dona Antonia», a mestra que coa súa firmeza e sensibilidade marcou dende a súa escola da rúa Telmo Bernárdez a varias xeracións redondelás. Natural dun pequeno pobo de Guadalaxara chegou a Redondela co seu fillo Santiago para acompañar ao seu amor encarcerado na illa, unha historia extraordinaria merecedora de ser rescatada con outro lapis do carpinteiro literario. Como inesquecible e o seu labor como mestra de primaria, que utilizaba os textos de Federico García Lorca para a aprendizaxe da lectura e da escritura e axeitaba aquelas enciclopedias de Álvarez  para que as súas clases de historia e xeografía preparatorias para os exames por libre fosen inesquecibles para os seus alumnos e alumnas. Memoria do labor educativo de dona Antonia que como a doutras esquecidas mestras particulares do franquismo merece ser recuperada.

Onte 2140: «Salgheirón» de Primitivo Carbajo

Na segunda metade do pasado ano publicáronse varios títulos de non ficción en galego  moi interesantes que amosan o pulo das nosas editoras independentes. Á biografía de Reboiras (Aira 2021) de Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez e A vella compañeira (Luzes 2021) de Anxo Lugilde, xa comentadas aquí, engádese Salgheirón (Morgante 2021), a extraordinaria crónica do xornalista Primitivo Carbajo sobre as orixes, esplendor e decadencia de conservas Massó e a deriva especulativa da que foi a catedral laica do Morrazo no século XX, transformada agora en pelotazo urbanístico, abrindo outra vía de preocupación para o futuro doutro espazo natural da ría de Vigo. Unha segunda entrega literaria de Carbajo, durante décadas correspondente de El País en Vigo, hoxe retirado en Villaseco del Pan, tras aquela memorable biografía no autorizada de Paco Vázquez (Xerais 1993 ), da que foi co autor xunto ao mestre Luis Pita, que na Coruña se convertera en libro prohibido pola alcaldía de entón.

En Salgheirón Primitivo Carbajo reconstrúe a peripecia familiar e empresarial de catro xeracións dos Massó, ao longo de case dous séculos instalados en Bueu e Cangas, primeiro dedicándose á salgadura, despois á conserva, até chegar á liquidación dos terreos e edificios do complexo industrial do Salgheirón en Cangas, onde dende 2004 en plena burbulla inmobiliaria se pretende construír un porto deportivo, un hotel, un centro comercial e grupos de vivendas, no medio de manobras nas marxes da legalidade e contando coas complicidades por acción ou por omisión, das diversas administracións, sexa a Autoridade Portuaria de Vigo, a Xunta de Galicia como do propio concello de Cangas.

Froito de anos de investigación e seguimento, contrastando datos e fontes diversas, o relato detalladísimo deste conflito urbanístico amosa que a defensa da legalidade correu a cargo da mobilización cidadá, organizada no Foro Social pola Defensa do Pobo, desde que en 2004 esta entidade veciñal puxo en cuestión a validez do convenio urbanístico anunciado entre os propietarios dos terreos, tras o peche da factoría e liquidación da empresa en 1996, e o concello de Cangas, sendo alcalde entón o popular José Enrique Sotelo. Un relato que amosa o valor da persistencia teimosa da desobediencia civil contra a especulación, mesmo a pesar das multas e procesos, como forma de defensa do patrimonio colectivo, da cultura comunal e da economía substentable.

Urdido coa técnica da crónica, Salgheirón amosa o valor do xornalismo crítico como garante de veracidade na loita contra a corrupción e na defensa do común. Este carácter de xornalismo rabudo que impregna estas case trescentas páxinas, fainas tamén incómodas a case todas as cores políticas, ben é certo que máis para o Partido Popular, pero tamén para os partidos das esquerdas. Unha incomodidade que se fai máis evidente no silencio actual, tanto por parte dos responsables municipais do concello de Cangas como de Abanca, agora a propietaria dos terreos, abrindo unha grande incerteza sobre como poida rematar o relato do Salgheirón futuro.

En todo caso, parabéns moi merecidos ao meu admirado Primitivo Carbajo e aos responsables de Morgante pola afouteza en publicar o que é un dos mellores libros de xornalismo crítico publicados en galego nos últimos anos.