Darnos o futuro

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á celebración da XLIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia:

O sábado de reflexión quedou marcado na axenda do Vigo cultural polas celebracións de magostos populares e polo acto no que se deron a coñecer o ditame dos Premios da Crítica de Galicia, iniciativa que se leva desenvolvendo en Vigo de forma ininterrompida dende o 17 de maio de 1978. Trescentas persoas enchemos o Auditorio do Centro Social Afundación para celebrar a continuidade desta cita anual –hoxe a máis veterana da cultura galega–, unha plataforma privada, plural, interxeracional e independente, encabeza polo editor Bieito Ledo e polo pintor Antón Pulido, que asume como o seu principal obxectivo o de tomar o pulso ao estado da creación cultural e das industrias culturais inseridas na tradición e memoria galegas.

Cun formato renovado da cerimonia de ditame, os Premios da Crítica de Galicia foron convocados nesta cuadraxésima segunda edición baixo un verso punxente de Manuel Álvarez Torneiro, poeta coruñés esencial, falecido no pasado mes de outubro: «Teñamos o valor de darnos o futuro». Esperanza que reclamou na súa intervención Bieito Ledo, fundador e presidente da asociación organizadora, cando cualificou o século XXI «como unha época de esplendor na nosa historia», e cando desexou aos participantes na tradición galeguista que «o canto da rola aloumiñe todos os soños que o noso pobo leva no seu peito e que aínda están por vir». Teimosa referencia á construción dun futuro compartido en igualdade presente nas palabras da xornalista viguesa Noelia Otero, magnífica condutora dunha cerimonia que resultou moi dinámica, así como nas do alcalde de Vigo Abel Caballero, que como ven sendo tradición nos últimos nove anos pecharon o acto.

Quizais grazas á atmosfera de harmonía e improvisación jazzística elegante creada polas melodías dos tres temas do Cuarteto Caramuxo, xa outra tradición moderna no decurso destes premios, como a entrega das estatuíñas de Martín Códax, o cantor do mar de Vigo, deseñadas por Isaac Díaz Pardo en Sargadelos, todas as intervencións das persoas premiadas foron tan serenas como emocionantes. Palabras que dunha ou doutra forma reclamaron visibilidade para a excelencia do traballo de creación e dinamización nas diversas modalidades das artes, como tamén nos eidos da investigación científica, tecnolóxica e social desenvolvida en Galicia e con particular atención a lingua galega.

Particular importancia tivo na cerimonia a expresión do empoderamento das mulleres, gañadoras de catro das modalidades: a escritora viguesa Moncha Fuentes en Creación Literaria, pola súa novela O mar que nos leva (Xerais 2018), a escultora noiesa Soledad Penalta en Artes Plásticas, a coreógrafa ourensá Rut Balbís, promotora da compañía Pisando Ovos en Artes Escénicas e a chef Lucía Freitas, do Restaurante A Tafona de Santiago, en Cultura Gastronómica. Catro mulleres de diversas xeracións que reclamaron, dende expresións diversas, a igualdade e a feminización efectiva en cada un dos seus ámbitos do traballo cultural. Empoderamento da muller que por ventura constitúe outro dos sinais de identidade destes premios, sobre todo dende as edicións máis recentes, nas que a asociación organizadora asumiu o principio de paridade na composición de cada un dos xurados como das súas secretarías.

Outra das novidades máis salientables desta edición foi a aposta polo recoñecemento a un proxecto tecnolóxico no ámbito da modalidade de Investigación: o Satélite Lume-1, o (cuarto) nanosatélite da Universidade de Vigo destinado á detección e monitorización de incendios forestais, lanzado ao espazo o 27 de decembro de 2018 no foguete ruso Soyuz. Un proxecto de innovación tecnolóxica dun amplo equipo de enxeñeiros da universidade viguesa, liderado polo profesor Fernando Aguado Agelet, procedentes das escolas de Enxeñaría de Telecomunicacións, de Enxeñaría Industrial e de Enxeñaría Informática (campus de Ourense). Unha achega da investigación galega de impacto internacional que combina a loita contra a praga dos incendios coa creación dunha incipiente industria aeroespacial localizada na área metropolitana de Vigo e, como salientou o xurado, «pon a Galicia no espazo».

Comparando o listado de gañadoras destes Premios da Crítica de Galicia de 2019 coa aquela primeira e heroica de 1978, é inevitable inferir que o noso país deu un salto de xigante cara un futuro de maior igualdade e proxección en todos os eidos da cultura e investigación. Porén, enganaríamos de raíz se perdemos a memoria e o tesouro da nosa lingua, cuxo futuro continúa hoxe máis ameazado ca nunca, pola perda de transmisión interxeracional. Como tampouco podemos perder a confianza nas propias posibilidades nosas nin na estratexia de facelo en man común, coas achegas xenerosas e compartidas de todos e todas.

Pahiño, o pichichi lector

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a Pahiño, aquel mítico dianteiro de Navia lector de Tolstoi e Dostoievski:

Na entrevista que o humorista David Broncano fixo a Iago Aspas en «La Resistencia» apareceron dous nomes de canteiráns celestes míticos: a do pichichi Manuel Fernández Fernández «Pahiño» e a do defensa Joaquín Fernández Santomé «Quinocho». O nome do dianteiro de San Paio de Navia esvarou entre as brincadeiras cando o humorista comentou a estatística dos mellores goleadores da historia celeste, na que o Merlín de Moaña co seu cento de goles en primeira (polo momento, 122) xa superou a Pahiño, o único celeste que até agora acadou o premio Pichichi, con 23 tantos, naquela tempada de 1947-48 na o Celta adestrado por Ricardo Zamora acadara a final de Copa e o cuarto posto na Liga, a súa mellor clasificación en primeira división, que só repetiría na 2002-03 da man do fútbol de salón de Mostovoi e compañía. Un comentario que levou despois a Iago a lembrar a Quinocho, asasinado nas oficinas do club en Balaídos a tarde do 20 de outubro de 1988, cando como xerente de club estaba preparando o desprazamento a Atocha. Quinocho foi apuñalado no corazón cando quixo arrepoñerse con afouteza a un dos dous ladróns. Un tráxico acontecemento que conmocionou hai tres décadas a cidade marcando un fito de afouteza no celtismo.

Esta homenaxe espontánea de Aspas a dous dos mitos da historia celeste inseriuse na liña das crónicas vibrantes, que cada domingo Ramón Allegue, o gardarredes celeste coñecido como o «Tigre de Padrón», publica nas páxinas de «Faro de Vigo». Máis alá do seu interese literario, destaca nesta engaiolante historia de «Padrón» o nivel de detalle co que reconstrúe a traxectoria do Celta como unha ansia permanente, onde cómpre valorar case sempre máis a intención e o esforzo cos trofeos traídos para Vigo. Velaí o relato da tempada do vinte e cinco aniversario celeste, na que acompañaban a Pahiño xogadores da talla de Miguel Muñoz, Yayo, Hermidita, Aretio ou Roig, que por merecementos no campo de xogo debeu ser pechada co primeiro gran trofeo, o de Copa. Unha ansia que, porén, despois de catro partidos agónicos de semifinal contra o Español, rematou cunha derrota co Sevilla, tras un partido igualado no que foi decisiva a lesión de Simón, o gardarredes celeste, obrigado a abandonar a lameira conmocionado, tras unha arriscada saída aos pés de Juanito Arza, o dianteiro andaluz que despois adestraría ao propio Celta. Unha final heroica, na que tamén sería expulsado Pahiño, na que o Celta, en palabras de Padrón, foi «vencido polas circunstancias», o que dende entón semella se repetiría moitas outras veces.

Tras tan extraordinaria tempada do 47-48, o Real Madrid fichou por pouco máis dun millón de pesetas a Pahiño e Miguel Muñoz, as dúas estrelas nosas, que axiña se converteron tamén en figuras do novo Chamartin. Pahiño repetiría como pichichi na 51-52 sendo referencia no ataque madridista até a chegada de Alfredo Di Estéfano, o que o obrigou a fichar no ano 1953 polo Deportivo da Coruña, onde o vigués tamén triunfaría como goleador xunto a canteiráns como Arsenio Iglesias, Luís Suárez ou o porteiro Luís Acuña «Xanetas». Non se sabe con certeza se o alcuño Pahiño se debeu a que este era o segundo apelido do seu pai (Paíno) ou se fai referencia a que xa de rapaz gustaba ir a xogar co balón á praia coma se fose un paíño, a ave mariña máis pequena das Cíes, que sabemos cría no illote Boeiro, da que Manuel Rivas escribiu que era «a derradeira conexión que os mariñeiros sinten coa terra cando se enfrontan co océano». Teña o seu nome unha ou outra orixe, Pahiño foi un extraordinario dianteiro na lameira, bo no remate de cabeza e de punteira, entre os dez mellores da liga de todos os tempos, admirado por todas as afeccións onde xogou, o que non lle impediu ser rebelde e afouto fóra dos estadios. Así o despedía de forma moi emocionante nestas páxinas de «Faro de Vigo» o xornalista Armando Álvarez para quen a historia de Pahiño é a dunha «rebeldía constante  contra os defensas agresivos, as directivas escravistas e a abafante vixilancia á que foi sometido polas autoridades franquistas».

Xaora, quizais o que mellor retrata o carácter rebelde de Pahiño foi a súa condición de lector, formado por don Emilio Crespo, o mestre republicano da escola da súa parroquia. Na década dos corenta e cincuenta, o nove de Navia non desaproveitaba as viaxes para ler aos narradores rusos como Tolstoi e Dostoievski ou a escritores como Hemingway ou o noso Ramón Cabanillas, o que era considerado polos seus compañeiros como unha sospeitosa rareza. Un comportamento que lle supuxo críticas severas dos medios franquistas, como as súas conviccións de esquerda e antifascistas, era considerado «un rojo», impediron que fose convocado pola selección para participar no Mundial de 1950 no Brasil. Grazas a Iago Aspas por lembrar a Pahiño, o pichichi lector.

Campo do Fragoso CCXXX

DEPRIMENTE

Fiel ao seu libriño, Fran Escribá non modificou apenas a súa proposta de xogo fronte a un Xetafe de Bordalás que acudiu á mina de Balaídos co propósito de roubar os tres puntos. E abofé que para acadalo só tivo que superar os vinte minutos iniciais nos que semellaba que a entrada de Toro Fernández facía ao equipo un pouco máis intenso e ofensivo. Foi un espellismo, xa que o Celta sen variacións tácticas, despois dun mes de derrotas, volveu as súas trasnadas habituais, ofrecendo un xogo deprimente, perdendo todas as pelexas que os disciplinados visitantes propoñían, amosando unha severa incapacidade para chegar á área rival e intentar xutar ou rematar a portaría. Conseguiuno por vez primeira Lobotka, cando no minuto 17, tras roubar na saída de balón do Xetafe xutou en carreira e Soria despexou a córner con moitos apuros. Intentouno pouco despois Iago Aspas cun saque directo dende a frontal, mais quedou lixeiramente desviado do pao dereito, amosando que esta tempada aínda non conseguiu destapar o frasco das súas xenialidades salvadoras.

Dúas oportunidades celestes estragadas que animaron aos de Bordalás a presionar sobre a saída do Celta e a envurullar o xogo con faltas e múltiples interrupcións teatrais. Estratexia que lles daría un magnífico froito no 37’ cando Araújo enviou de forma defectuosa un pase horizontal sobre Aidoo, que o internacional ghanés non foi capaz de controlar, o que permitiu que fose interceptado por Kenedy, que progresou pola banda en velocidade, sen que tampouco Mallo puidese detelo, para finalmente xutar sobre o pau longo, e bater a Rubén. Un agasallo de noite de Samaín decisivo que fundiu ao Celta e arruinou o pouco xogo ofensivo do seu comezo prometedor. Tras o intervalo, e os primeiros apupos da bancada, non mudou nin o escenario nin a actitude deprimida dos celestes. Certo é que Hugo Mallo e Brais Méndez tentaron algunha parede pola banda dereita, como tamén o é que o noso capitán foi onte o xogador máis perigoso para o gardarredes visitante.

Sen embargo, o momento máis determinante do partido foi cando no 64’ Escriba decidiu retirar da lameira a Denís Suárez para darlle entrada a Pione Sisto. Un troco disparatado, que fundía na desolación ao rapaz de Salceda, amosando a escasa capacidade empática de Escribá con algúns dos seus xogadores, ao tempo que introducía unha nota de humor macabro nas evolucións extravagantes de quen no seu día chegou a ser un dos xogadores celestes máis desequilibrantes e admirados pola bancada. Un troco sintomático, tamén, no que identificamos as máis que probables tensións internas dun vestiario destrozado e desconcertado tanto pola evolución dunha tempada moi distinta á soñada pola operación de reencontro de canteiráns como polas escasas variantes que o adestrador introduce ao longo de cada encontro.

Como veu sucedendo en derrotas anteriores, neste Celta de Escribá xa nin sequera existe a posibilidade da remontada heroica nin un dispendio de afouteza imprevisto. Os de Bordalás botaron man do frasco da paciencia e deixaron correr o reloxo ao tempo que este Celta dos apoucadiños devalaba cara ao burato negro das posicións de descenso. Actitude deprimente semellante a dos afeccionados que no remate apuparon a Escribá e aos celestes de forma máis rutineira ca verdadeiramente anoxada.

Tras esta triste derrota e a probable substitución do adestrador, o Celta comeza xa no mes de novembro a difícil liga dunha salvación que xa se puxo moi cara na táboa clasificatoria. E non debemos confiarnos nin na lámpada do Mago de Moaña, que polo visto estes dous meses perdeu un pouco do seu fulgor, nin nas inxeccións periódicas de afouteza provocadas polos recibimentos dos seareiros, xa que os milagres (por definición) non se producen todos os anos e por esta vía xa se salvou o Celta a tempada anterior. Como tamén errariamos se pensamos que coa mudanza do equipo técnico xa está resolto o problema da ausencia de xogo ofensivo, que ben sabemos obedece tamén a baixa forma alarmante dalgúns dos considerados xogadores indiscutibles. En momentos difíciles coma este, o sentidiño aconsella recuperar os conceptos básicos da gramática do fútbol celeste: afouteza, canteira, unión e confianza nas propias posibilidades do equipo, que por ventura son moitas máis das despregadas dende o inicio de tempada.

Estrela Rosalía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío de solicitar o nome Rosalía para a estrela HD149143:

Recibimos con entusiasmo a noticia, achegada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, da aceptación por parte da Sociedad Española de Astronomía da súa candidatura «Rosalía e Río Sar» para darlle nome ao sistema exoplanetario designado para España pola Unión Astronómica Internacional (IAU), dentro do seu programa «NameExoWorlds», a estrela HD149143 e o seu planeta HD149143b. Unha designación que se producira entre unha ducia de propostas –entre as que está, tamén, a de «Breogán e Ith», presentada polo Observatorio da UAM– en base aos votos recollidos por cada unha delas até o 12 de novembro na web: www.nombraexoplanetas.es. Nomeamento que como parte da celebración do seu centenario realizará a IAU a mediados do mes de decembro, conxuntamente cos nomes das estrelas e planetas doutros países, escollidos todos por medio da participación cidadá.

O sistema proposto para España está na constelación de Ofiúco, chamado tamén Serpentario, da que forman parte estrelas como Rasalhage e Cebalrai. A estrela HD149143 forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, compilado a comezos do século XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e as súas colaboradoras do Observatorio de Harvard. É unha estrela anana amarela, semellante ao noso Sol, situada a 240 anos luz da Terra. A súa magnitude relativa é de 7,89, o cal permite que poida ser visible con prismáticos en ceos escuros. Pola súa banda o exoplaneta HD149143b foi descuberto en 2005 polo Observatorio da Alta Provenza coa técnica da espectroscopia Doppler. É un xigante gasoso, un pouco maior ca Xúpiter, moi próximo a súa estrela, que tarda só catro días en dar unha volta completa ao seu redor, sendo o que se coñece por un planeta de tipo xúpiter quente.

As persoas investigadoras e amantes da Astronomía permiten que cada día coñezamos mellor o Universo, nunha extraordinaria procura da Humanidade para explorar os centos de miles de millóns de estrelas. Esta causa incesante da ciencia e da tecnoloxía na esculca astronómica permitiu identificar en 1995 a presenza dun corpo que orbitaba a estrela Pegasi51, confirmando así a existencia de exoplanetas (na actualidade case catro mil), planetas que xiran arredor doutras estrelas. Unha descuberta imparable da comunidade astronómica internacional a que moito contribuíu o desenvolvemento das tecnoloxías de observación que permitiu, tras a invención do telescopio, a observación dos planetas Urano e Neptuno e que obrigou a que IAU aprobase a creación, non sen polémica, de novas categorías como a dos «planetas ananos» do sistema solar onde foron clasificados corpos como Ceres (descuberto en 1801), Plutón (1930) e os novos identificados polo telescopio Hubble da NASA no que vai de século XXI (2005): Eris, Makemake, bautizado co nome dunha deidade do pobo Rapa Nui e Haumea, designado como nome da deusa hawaiana da fertilidade.

O feito de que a estrela HD149143 recibise o nome de Rosalía suporía un recoñecemento universal para quen é a figura primeira da nación e da cultura galega. Anticipada ao seu tempo, convencida feminista, crítica con toda clase de inxustizas, entregada con paixón á reivindicación da paisaxe galega, cantora da terra e da natureza, Rosalía integrou na súa poesía o firmamento e os corpos celestes, nun tempo onde non existía a actual contaminación luminosa e todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. Símbolo de soidade e tristeza, a noite será para a autora de Follas novas refuxio e compañía, ao tempo que a Lúa e as estrelas serán interlocutores dos seus sentimentos máis íntimos: «durmo alumada pola lámpada que ós probes lle luz dá».

Esta decisiva designación astronómica (na anterior, realizada en 2015, foi escollido como nome da estrela española, Cervantes, e como os seus exoplanetas Quijote, Sancho, Dulcinea e Rocinante), constitúe unha oportunidade formidable de proxección mundial para que a cultura galega coloque no firmamento os nomes de Rosalía e Río Sar, un dos territorios mais íntimos da nosa cantora, proposta que os membros da Agrupación Ío, a quen se debe tan acertada nominación, engaden os doutros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía, como Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria, que serian utilizados no caso de que se descubrisen máis exoplanetas da estrela Rosalía.

Nestes días de Samaín e San Martiño, festa de cabazas, magostos e exaltación da noite, cómpre unha mobilización de toda a comunidade galega de Internet, con atención especial ás tan activas dos centros e bibliotecas escolares, para en man común pór no ceo a estrela Rosalía e o exoplaneta Río Sar: «colleume a noite, / noite brillante, / cunha luniña / feita de xaspes, / cas estreliñas / para guiarme, / que aquel camiño / solo elas saben.»

Os paneis informativos sobre a candidatura elaborado pola Agrupación Ío poden baixarse en pdf aquí.

Podes votar á candidatura Estrela Rosalía aquí.

 

Campo do Fragoso CCXXIX

O CELTA NA ENCRUCILLADA

Tras a derrota coa Real Sociedad un Celta moi deprimido enfronta a primeira encrucillada desta tempada a de continuar ou prescindir do seu actual adestrador. A táboa clasificatoria e moi teimuda e transcorrida xa unha curta parte da liga (dez partidos) a puntuación é de descenso e o xogo está moi por baixo das expectativas creadas tras a operación retorno dos canteiráns expatriados. Unha situación máis crítica que a superada por Escribá hai tres semanas cando cun xogo moi semellante e idéntica proposta táctica o Celta gañou ao Athletic Club, grazas ao primeiro (e único) gol de Iago Aspas. Unha derrota diante dunha Real, que soubo agardar a súa oportunidade, encaixada con certa indiferenza por unha afección moi fría, decepcionada e un chisco resignada, diante dun xogo tan plano e aburrido que (por algúns xestos captados na lameira) tampouco parece convencer por igual a todos os xogadores.

Con Rafinha e Kevin lesionados na bancada, Escrivá sacou no equipo de gala a oito xogadores que pasaron pola Madroa, colocando por vez primeira a Pape Cheikh como pivote defensivo e recuperando a Brais para artellar con Mallo a banda dereita. Porén, iso apenas mudou o debuxo táctico ao que se aferra Escribá dende a súa chegada. Unha proposta que certo é, tanto en Balaídos coma fóra de casa, permite ao Celta competir polo control no campo propio, utilizando centos de pases curtos horizontais (velaí as enganosas estatísticas de posesión), mais que polo momento resulta insuficiente para xerar as superioridades imprescindibles para xutar a porta (sendo moi optimistas) unha media ducia de veces ao longo dos noventa minutos. Ese é o caderno de Escribá capaz de desfacer en seis meses toda a tradición de xogo atacante que con máis ou menos fortuna, con altos e baixos, desenvolveu o Celta dende o último ascenso, hai seis tempadas. Como tantos celtistas resulta doloroso recoñecer que esta tempada para a maior parte dos rivais que visitan Balaídos o Celta é un equipo previsible no seu xogo como tan asequible para roubarlle os tres puntos.

Non seríamos xustos se non recoñecésemos que a derrota de onte estivo moi condicionada pola expulsión no minuto 65 de Pape Cheikh, quen até entón conseguira secar a Odegaard e a toda a liña de creación txuri urdin. A pesar da entrada de Beltrán, que mellorou as prestacións defensivas de Denís (mágoa que o rapaz de Salceda aínda non atopase o seu sitio!), o Celta en inferioridade numérica non foi capaz de suxeitar ao noruegués que no 82 conseguiu pasar entre liñas ao sueco Isak, que acababa de entrar na lameira, para que este se anticipase a Aidoo e Sáenz, xutando coa perna esquerda soíño diante de Rubén. Gol inapelable que puido repetir pouco despois nunha acción semellante, mais nesta ocasión o noso Rubén rexeitou o seu xute, noutra das súas intervencións extraordinarias.

Unha derrota que puido ser evitada, se os de Escribá tivesen máis cobiza e máis acerto na definición durante a primeira parte na que Santi Mina dispuxo de até tres ocasións claras, tamén todo o saldo ofensivo celeste do partido. Mágoa que Santi non estivese fino cando no 34 encarou en carreira a Remiro, nin que un minuto despois cabezase preto do pao dereito un saque de recanto de Denís ou que no 41 enviase a cabezada moi alta tras un centro de Olaza dende a esquerda, finalizando a mellor xogada de Aspas (moi contrariado e nervioso) pola banda contraria.

A pesar de que aparentemente leva o control dos partidos, este Celta de Escribá apenas ataca, polo que non resulta estraño que marcase só cinco goles en dez encontros, a cifra máis baixa da categoría, só igualada polo Leganés e polo Espanyol. Como non se pode ocultar tampouco que ten un problema de identidade do seu xogo, atribuíble, probablemente, a unha incompatibilidade entre o esquema ao que se aferra con teimosía o técnico valenciano e o tipo de xogadores dos que dispón esta tempada. Un nobelo que non pode desenguedellarse máis alá desta semana decisiva na que xogará en Sevilla co Betis e en Balaídos co Xetafe. De como se resolvan estes dous partidos dependerá tanto o futuro de Escribá como os obxectivos do equipo nesta liga. O Celta chegou a primeira encrucillada e debe escoller cal vai ser a súa deriva.

Onte 2046: Antía Yáñez, Premio Agustín 2019

Viaxamos onte a Vilalba para participar, xunto a Rosa Aneiros e Xavier Senín, no xurado da terceira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo IESCHA e o concello de Vilalba, coa colaboración de Xerais.

Entre as dez obras presentadas escollemos como gañadora por unanimidade a presentada como «Plan de rescate», que unha vez aberta a plica resultou ser da escritora mariñá Antía Yáñez Rodríguez. Unha novela infantil, narrada por unha rapaza de dez anos en cadeira de rodas e protagonizada por ela xunto aos seus  outros tres compañeiros e compañeiras da aula de PT, que asumen a responsabilidade de liberar ao alumnado e profesorado recluído no comedor do centro.

Chea de humor e ironía, así como construída con situacións de intriga logradas, esta aventura transformará unha escola primaria nun espazo para unha operación de rescate na que cada unha destas persoas con capacidades diversas contribuirá a un afán compartido. Cunha voz en primeira persoa crible e engaiolante, este texto moi orixinal e atrevido propón ao lectorado novo unha reflexión sobre a diferenza e a inclusión.

Magnífico, pois, este terceiro premio AFP, que se une aos que con anterioridade obtiveran as escritoras María Reimondez e Rosa Aneiros. Parabéns a Antía Yáñez, escritora formada como lectora cos libros do mestre Agustín, que sen dúbida, con Plan de rescate consolidará a súa excelente traxectoria.

Na fotografía, Tita Fernández Paz abre a plica da obra gañadora en presenza de Rosa Aneiros e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

 

En galego Vigo vai

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a situación do idioma galego ao fío da enquisa estrutural a fogares do IGE sobre coñecemento e uso do galego e do castelán en Galicia:

A recente enquisa estrutural a fogares sobre o grao de coñecemento e uso (oral e escrito) do galego e do castelán, realizada en 2018 polo Instituto Galego de Estatística, amosa o preocupante estado da nosa lingua, sobre todo entre as xeracións novas e nos espazos urbanos. Unha radiografía sobre a realidade social do seu uso que expresa a consolidación dunha fenda lingüística xeracional, xa que a pesar de que o galego é lingua coñecida polo 88,05 % da poboación maior de 5 anos e falada polo 52, 29 %, o castelán xa é a primeira lingua das xeracións novas, tanto para a poboación en idade escolar, entre os 5 a 14 anos (73,88 %), como para a mocidade, as persoas entre os 15 a 29 (62,61 %).

Situación que se mantén no ámbito familiar onde o 44,34 % dos pais e nais falan en galego sempre cos seus fillos, cifra que se reduce ao 34,12 % nas súas relacións de amizade, ao 29,57 % cos colegas de traballo ou ao 27,88 % cos médicos. Fenda lingüística que se agranda a nivel dos usos escritos habituais, onde o galego apenas acada o 16,88% das persoas enquisadas, porcentaxe que sube até o 36,19% entre aquelas falan sempre en galego. Cifras, en todo caso, que expresan a consolidación da tendencia de substitución do galego polo castelán, tanto no seu uso como coñecemento, o que semellaría máis incomprensible, tras a entrada do galego na escola dende hai catro décadas. En definitiva, un número considerable de cidadáns mantén a súa lealdade coa utilización do galego como a súa lingua vehicular primeira, aínda que este uso diminúe nos espazos sociais formalizados. Expresado doutra forma, canto máis vellos somos, máis galego falamos; e canto máis novos, utilizamos máis o castelán.

Sen esquecer, ademais, que canto máis grandes son as localidades se reduce de forma moi apreciable a utilización do galego como primeira lingua habitual dos fogares: un 45,70 % nas de menos de 10.000 habitantes e só un 5,66 % nas de máis de 50.000. Entre as sete grandes cidades ábrese outra fenda lingüística, xa que é importante a diferenza existente entre o 44,70 % da poboación do concello de Lugo que fala habitualmente en galego e o 15,21 % da do concello de Vigo. Cifras de galegofalantes habituais entre as que se sitúan a do concello de Ferrol (17,69 %), da Coruña (19,98 %), de Pontevedra (23,00 %), de Ourense (33,51 %) e de Santiago de Compostela (43,89 %). A maior cidade galega, Vigo, é na que se emprega máis o castelán de forma habitual (84,80 %), o que non impide que a cifra de galegofalantes aumente até o 25,50 % no conxunto da comarca de Vigo (territorio que inclúe Redondela, Val Miñor e Louriña) e ao 40,56 % no Morrazo. É ben triste recoñecer que a altura de 2018, o concello de Vigo é o pechacancelas da clasificación de galegofalantes.

Porcentaxes que apuntan a un devalo considerable do número de galegofalantes (a metade en apenas dúas xeracións), como a unha preocupante tendencia á desaparición do idioma galego, sexa pola súa incapacidade para facerlle fronte á presión homoxeneizadora da cultura urbana como para preservar a súa transmisión xeracional nas cidades metropolitanas, mesmo a pesar da resistencia (heroica) de moitas familias comprometidas en non rachar esa cadea milenaria. Cifras que expresan o fracaso das políticas lingüísticas no ámbito educativo, onde a pesar dunha teórica utilización parella de ambas as dúas linguas dentro das aulas, o seu emprego oral nos patios de recreos redúcese á metade. Como tampouco podemos considerar satisfactorio para o futuro do galego que a pesar de que o seu uso protagonice o 26,28 % dos textos das redes sociais, supoña apenas o 3,96 % da lectura de prensa ou o 5,14 % da de libros.

Diante de situación tan inxusta e desigual para o futuro do idioma galego, non é momento para o conformismo nin para agardar unha doce agonía. Cómpre actuar tanto dende as competencias e responsabilidades das administracións públicas como dende a iniciativa colectiva cidadá, sen menoscabo do imprescindible compromiso individual, tan necesario para crear modelos de comunicación alternativos e superar tantos prexuízos, un dos virus máis perigosos para o futuro do galego.

No caso do concello de Vigo abandonar a derradeira posición no emprego do galego debería constituír unha ansia compartida por todas as institucións, asociacións e cidadanía viguesas. Non estaría de máis actualizar e velar polo cumprimento da Ordenanza de Normalización Lingüística de 8 de novembro de 1988, aínda en vigor, a primeira das aprobadas en Galicia. Como tampouco estaría de máis, rememorando aquela modélica campaña en man común de 1994 «En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai», promovida polo concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que os responsables públicos se comprometesen a utilizar o galego de forma preferente nas súas intervencións.

 

O que arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar O que arde, o filme memorable de Oliver Laxe:


A estrea en vinte salas galegas do filme O que arde de Oliver Laxe coincide co segundo aniversario dos incendios que puxeron en perigo a coroa vexetal da área metropolitana viguesa e provocaron dúas vítimas mortais en Chandebrito aquel fatídico domingo, 15 de outubro de 2017. Unha coincidencia fortuíta que convida a compartir esta extraordinaria película, protagonizada por Benedita e polo seu fillo Amador, mais tamén a reflexionar sobre o sucedido tras aquela vaga incendiaria e sobre as promesas e compromisos para mudar a política forestal.

Recoñecida co premio «Un certain regard» do Festival de Cannes 2019 ­–un certame onde Laxe xa fora premiado en 2010 pola súa opera prima, Todos somos capitáns, localizada nun centro de menores de Tánxer, e onde volveu ser recoñecido coa súa segunda longametraxe en 2016, Mimosas, gravada no Atlas marroquí– dende a primeira até a derradeira escena O que arde é unha película impresionante de beleza estarrecedora, onde os montes dos Ancares galegos son considerados non só como unha paisaxe marabillosa se non tamén como outro protagonista máis da narración. Velaí ese comezo inesquecible, no que o espectador asiste atónito a caída de altísimos eucaliptos, arrasados por unha escavadora, ao ritmo dun andante de Vivaldi, como da sobrecolledora batalla final que contra o lume libran os afoutos bombeiros forestais, filmada de forma documental e case heroica por Oliver e polo seu director de fotografía, Mauro Herce, de xeito que conseguen facer sentir na sala escura o latexo da terra ferida e a violencia do lume incontrolado.

Xaora, O que arde é unha historia familiar do regreso a casa de Amador, un pirómano que volve do cárcere e non quere ser axudado nin confesar o que sinte nin pensa. Un relato contado apenas por elipses visuais, por diálogos esenciais e longos silencios, rotos por frases chave, como esta de Benedita: «se provocan sufrimento é porque sofren». Narración inzada de momentos de tenrura e compaixón a carón da cociña de ferro, ou outros lírico-simbólicos, como esoutro da Benedita abrigada do ballón na cortiza dun castiñeiro, marcas narrativas dun director obsesionado en toda a súa filmografía en afondar no máis recóndito da dignidade humana e na súa relación íntima coa natureza.

Definido por Laxe como un «melodrama de bágoas contidas», O que arde retrata un mundo que morre entre a dignidade dos humildes sen renunciar a perpetuar a beleza desa Galicia aldeá agonizante. Como fixera tamén a redondelá Diana Toucedo en Trinta lumes (2018), Laxe filma como membro dunha tribo en vías de extinción identificando as pegadas na memoria das vivendas e nas cortes, como se se tratase dun fantasma sen recambio demográfico nin produtivo, fenómeno que algúns xa chaman o «holocausto rural de Galicia», estudado nun ensaio recentísimo, A morte de Galicia (Xerais 2019), volume de lectura moi aconsellable, coordinado polo historiador Isidro Dubert.

O que arde non pretende ser unha tese sobre a problemática incendiaria en Galicia, máis alá da animadversión do director pola presenza invasora do eucalipto sobre o territorio e das talas sobre as que axexa o propio Amador cando acompaña as vacas. Con todo, Laxe deita unha ollada sobre o fenómeno dos pirómanos chea de tolerancia, quizais para salientar así a ausencia de medidas políticas sobre os intereses arredor do sector forestal en Galicia, sobre a propiedade do monte, o devalo demográfico ou do propio cambio climático, que tamén forman parte das causas desta noxenta industria do lume en Galicia.

O que arde é un filme sobre xente rota, que ama e sinte dor en silencio. Unha película conmovedora e emocionante, capaz de abrir conciencias e corazóns no seu intento de representar sen renunciar a beleza a extinción da cultura tradicional da Galicia de montaña. Unha película que, ademais, obriga a repensar as políticas forestais que provocaron catástrofes como a lembrada en Chandebrito e preguntarse se dende entón mudaron, se se puxeron en marcha máis medidas de prevención, se as zonas devastadas foron limpadas e comezaron a ser repoboadas, se foron mobilizados os predios abandonados e incorporados ao banco de terras para ser cultivados..

Esta inquedante película en lingua galega de Oliver Laxe,  demostra que aínda existen fendas na industria para ofrecer un cinema de autor sen aditivos de azucre nin conservantes de saudade. Tras unha década de traxectoria, tras tres longas premiadas en Cannes, aquel Oliver Laxe, que nos descubrira o crítico Martin Pawley en 2008 na curta París#1, coa que o director coruñés pretendía responderse á pregunta que é Galiza, é hoxe unha das figuras europeas indiscutibles do cine de autor. Vaian ao cine a compartir a emoción deste cume do cine galego, hoxe unha das expresións máis punxentes da cultura na nosa lingua.

U-lo problema da biblioteca de Navia?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para reiterar a reclamación dunha biblioteca para Navia:

Lin no xornal dixital do concello de Vigo (xornal.vigo.org) que o alcalde avanzou que «a nova biblioteca de Navia abrirá as súas portas con 200 postos de lectura, que dispoñen de conexión wifi, ampliables se existise demanda». Unha noticia chocante xa que este novo equipamento socio-comunitario para unha cidade recente de máis de dez mil habitantes de poboación moi nova non pode ser considerado como «biblioteca», xa que carece de acceso a contidos bibliotecarios, sexan libros impresos e dixitais, nin conta tampouco con ordenadores de uso público nin cunha programación estable de fomento da lectura. Esta confortable sala de lectura sen libros e sen persoal bibliotecario non satisfai as necesidades lectoras reclamadas pola veciñanza de Navia.

Como sucedera coa procura dun terreo municipal onde construír a Biblioteca do Estado, asunto que despois dunha década de ires e falares parece resolto na zona do Chouzo, o fracaso de Navia é outro capítulo desa estraña relación que Vigo mantén coa noción de biblioteca pública, concibida universalmente como a institución cultural primeira de cada comunidade local e cerna de todas as políticas interxeracionais de lectura. Ademais de expresar a decepción que provoca a perda da oportunidade de contar por fin cunha segunda biblioteca municipal, de características semellantes á Xosé Neira Vilas do Calvario (a terceira sería a prevista en Teis), é inevitable preguntarse se os responsables do concello pretenden con esta sala de estudo atenuar o déficit bibliotecario endémico, que sitúa a Vigo na cola das estatísticas nesta materia.

Como tamén cómpre salientar, a pesar de que coñecemos o actual proceso de mudanza do concepto de biblioteca provocada pola hibridación dixital dos soportes da lectura, que non existen precedentes de bibliotecas públicas sen libros impresos e dixitais, sen revistas, sen xornais, sen computadoras e, sobre todo, sen servizos e sen persoal bibliotecario técnico que facilite á cidadanía de todas as idades e de todas as condicións o acceso en igualdade á información e á creación literaria. Velaí a cerna desta inacabable polémica sobre cal debe ser o futuro das bibliotecas públicas en Vigo.

Sabendo que hoxe Vigo, unha cidade de 300.000 habitantes, conta cunha biblioteca central (de xestión autonómica) e outra de proximidade (de xestión municipal), abonda consultar as pautas de INTAMEL (Asociación Internacional de Bibliotecas de cidades metropolitanas) ou da IFLA (Asociación Internacional de Bibliotecarios) para reclamar a creación en Vigo doutras cinco bibliotecas municipais. Criterio presente tamén na Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia que no seu artigo 15 establece que os concellos de mais de 20.000 habitantes deberán prestar o servizo bibliotecario de lectura pública de forma descentralizada por medio de bibliotecas de proximidade. Modelo que desenvolveu con grande éxito o concello da Coruña (244.850 habitantes) que conta cunha rede de dez bibliotecas municipais, creada polo alcaldía de Francisco Vázquez, cun orzamento anual arredor dos 2,5 millóns de euros, ademais da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés de xestión autonómica. Modelo desenvolto tamén polos concellos de Xixón (271.843 habitantes), que conta cunha central e 11 bibliotecas de proximidade, L’ Hospitalet (261.068 habitantes), cunha central e 7 de proximidade ou Vitoria-Gasteiz (249.176 habitantes), cunha central e 12 bibliotecas de barrio.

O atraso de Vigo para desenvolver un modelo bibliotecario equiparable en extensión e calidade o destas catro cidades de poboación inferior á viguesa non ten que ver nin cunha capacidade financeira superior dos seus concellos (con orzamentos inferiores ao de Vigo) nin tampouco que puidesen recibir maiores axudas por parte das súas respectivas CC.AA. O fracaso de Vigo obedece nin máis nin menos ao escaso valor que as diversas corporacións outorgaron ás bibliotecas e ás políticas públicas de fomento da lectura.

O custe do funcionamento anual dunha biblioteca pública como a Xosé Neira Vilas, modélica nas súas actividades de fomento da lectura e no servizo aos seus máis de 16.000 socios e socias, excluídos os gastos de limpeza, seguridade e mantemento, supón 256.499,56 € do orzamento do concello. Se a nova sala de lectura de Navia ten previsto un custe anual de funcionamento de 80.000 €, é factible que entre os 257 millóns de euros dos seus ingresos o concello de Vigo destinase apenas 200.000 € para que en Navia funcionase de marabilla unha biblioteca con libros impresos e dixitais, con persoal técnico bibliotecario e servizos dinámicos de fomento da lectura e de acceso á información. Boten contas, apenas o 0,07% do orzamento anual do concello. U-lo problema da biblioteca de Navia?

Campo do Fragoso CCXXVIII

VOLVEU ASPAS

A mellor noticia do partido de onte contra o Athletic Club de Bilbao foi que volveu marcar Iago Aspas, abrindo na oitava xornada a súa táboa goleira dun tempada que até agora se lle resistía. Un gol nacido dun saque de recanto moi ben executado por Denís Suárez, prolongado de cabeza de forma soberbia por Santi Mina, que superou ás tres torres bilbaínas, e que o Mago de Moaña cabezou en prancha no segundo pao. Un remate dun nove nato tan valente como eficaz. Un golazo, primeiro anulado polo árbitro por fóra de xogo, dous minutos despois concedido polo VAR, que desta volta fixo xustiza aos celestes ao verificar que o talón de Iñaki Williams habilitaba a biqueira do internacional de Moaña.

Un gol decisivo, que valeu os tres puntos e afastou as dúbidas sobre a continuidade de Fran Escribá no banco, mais que tampouco pode agochar que este Celta do reencontro non acaba de funcionar na lameira como se agardaba dun cadro que conta cunha morea de xogadores de moito talento. Fronte a un Athletic moi conservador e defensivo, que apenas inquedou a portaría de Rubén cun par de remates, o Celta monopolizou a posesión da bóla, probablemente até arredor do 60%, combinando unha e outra vez no seu propio terreo, mais só foi capaz de crear menos de media ducia de situacións de superioridade que logo se puidesen transformar en oportunidades de gol.

A primeira chegou no minuto inicial do partido, unha fermosa cabezada ao pao longo de Aspas, que acabou unha xogada de pizarra iniciada por Lucas Olaza e continuada cun centro excelente de Denís, dous xogadores que se entenden cada vez mellor e que comezan a conformar unha prometedora sociedade na banda esquerda. Como tamén puido marcar Mina, primeiro no minuto 23, cando tentou unha difícil cabezada que conectase outro centro de Olaza, despois, cando se pechaba o primeiro acto, finalizando unha boa xogada colectiva cun xute cruzado que pasou cerquiña do pao longo.

Tras o descanso, a hora do bocadillo nas bancadas, a produción atacante celeste foi ben cativa, coa excepción da xogada do gol e dos minutos posteriores de entusiasmo, aos que non foron alleos o dinamismo que supuxo a incorporación de Brais Méndez na banda esquerda. Mágoa que o xutazo de Lobotka dende a frontal no minuto 78 fose neutralizado in extremis por Yeray, o que tería liquidado un partido que foi máis especulativo e táctico ca fermoso. Con todo, no cuarto de hora final, cando os de Garitano por fin desmontaron o seu muro defensivo e arriscaron para forzar o empate, o Celta de Escribá demostrou que sabe sufrir e defender con orde e cabeciña o resultado. Foi entón cando o Athletic forzou un par de xogadas a balón parado, o seu mellor repertorio atacante, que obrigaron a Rubén a intervir de forma destacada, mesmo unha das ocasións saíndo a despexar con autoridade na área pequena, demostrando a madurez e solvencia que acredita ao longo do que vai de liga.

Non hai dúbida de que esta segunda vitoria celeste en Balaídos foi merecida, xa que o equipo de Escribá soubo ser paciente para atopar un furado na defensa bilbaína, propia dun partido de balonmán, ao tempo que amosou solidez defensiva cando espertou o león, ao que non foron alleas as actuacións de Rubén e de Aidoo, quen con Araújo e Okay conformaron a liña de peche celeste, que despois de varias xornadas vacilante, volveu quedar a cero. Porén, sempre quedará nos seareiros a dúbida de onde radican as dificultades de encaixe dos nosos centrocampistas atacantes, que até agora fixeron a este Celta máis previsible e menos goleador do que todos agardabamos. Xa sen abafos na táboa clasificatoria, o segundo descanso de seleccións debería axudar a que Escribá reflexione e ensaie como engarzar mellor as súas pezas. O feito de que finalizado o partido recibise no centro do campo o abrazo dos seus futbolistas é unha excelente noticia para el.