Coches amarelos

Recomendo Non temerás os coches amarelos (Xerais 2023), a obra coa que a xornalista Marta Villar debuta na narrativa galega. Unha novela de lectura engaiolante, unha alegación rotunda contra o machismo e o catálogo das súas violencias, como a prol da autodefensa feminista e a cultura da sororidade, sen menoscabo dun retrato fiel do actual xornalismo impreso protagonizado por profesionais que comparten a cultura tradicional coas formas de vida urbanas hibridadas pola cultura dixital globalizada. Novela de intriga de rexistro realista e coidada arquitectura, escrita cunha magnífica prosa culta e fluída, esculca na raíz familiar das violencias como determinantes para explicalas e erradicalas, como lle sucede a Dina e a súa amiga Sandra, unidas por unha sororidade inquebrantable urdida en días tráxicos da infancia nos que xuraron que xamais serían vítimas. Un relato, tamén, sobre o que semella tránsito imposible da Galicia rural actual, esgazada por unha fenda xeracional que impide o relevo das explotacións agrarias, como sobre as memorias familiares que derrotaron as xeracións das persoas maiores, fosen os anos do volframio e do estraperlo ou os días de fartura nas plataformas do Mar do Norte. Unha diversidade temática abordada dende a ollada dun xornalismo resistente, no que aínda é posible a denuncia das corruptelas inmobiliarias de mangantes e poderosos, o que non impide á narradora desenvolver outras historias de vida, incluídas as dun amor non posesivo, e algunhas homenaxes literarias, como o tributo emocionante a Montalbán. Un debut espectacular o de Marta Villar, narradora que chega cun estilo maduro e afouteza abonda, que nos lembra a outras irrupcións extraordinarias de autoras hoxe referenciais como a Teresa Moure d’ A xeira das árbores (2004) ou a María Reimóndez d’ O club da calceta (2006), coas que probablemente compartirá comunidades de lectoras.

Publicado en Nós diario 08-03-2023

Vémonos mañá

Outra das lecturas recentes que recomendo é Vémonos mañá (Xerais 2022), a novela de non ficción de Xosé Monteagudo, que relata a separación inesperada de Josefina Arruti Viaño e Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Unha conmovedora novela política sobre as esperanzas truncadas pola rebelión militar e sobre a represión oculta, ese espeso silencio que sufriron as mulleres durante o interminable franquismo. Retratos de dúas vidas separadas naqueles días de terror nos que todo é real e documentado mais tamén todo é froito das ferramentas da ficción utilizadas coa destreza de ourive coa que adoita traballar o novelista de Moraña. Un xeito moi eficaz de iluminar acontecementos e zonas de sombra protagonizados por Osorio-Tafall, o que fora alcalde de Pontevedra na República, tamén o funcionario español de maior rango nas Nacións Unidas, o mesmo que na Reforma Política renunciou a ser o Tarradellas galego, representando a lexitimidade do Estatuto do 36 como presidente da comisión intermunicipal que o presentou nas Cortes o 17 de xullo de 1936. Como tamén o é para afondar na figura heroica de Josefina Arruti, cuxa historia desvelara Montserrat Fajardo no recomendabilísimo Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), que sufriu meses de cárcere e anos de acoso e estreiteza económica. Unha estratexia narrativa semellante a utilizada por Luis Rei Núñez en O encargo do señor Castelao (2016) e Matarán a Reboiras (2022) ou por Suso de Toro en Un señor elegante (2020). Novelas que amosan as posibilidades da ficción para contribuír á reconstrución de biografías e acontecementos chaves da historia do galeguismo. A narrativa como vía de investigación e achegamento á verdade, como unha forma de xusta reparación das persoas represaliadas e exiliadas, como a parella pontevedresa protagonista desta novela chea de matices e detalles de Xosé Monteagudo.

Publicado en Nós diario 01-03-2023

Historias do Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar 100 historias do Celta de Eduardo Rolland:

Ás portas da celebración do centenario, o xornalista Eduardo Rolland publicou 100 anos de Historia do Celta. Un século escrito con afouteza e corazón (Ardemar Edicións 2022), libro no que ofrece medio cento de textos que resumen o primeiro século de fútbol celeste. Historias que contribuíron a forxar a identidade e o carácter do club nacido en Vigo coa intención de constituír un equipo de dimensión galega, competitivo a escala internacional, nunha disciplina que os entusiastas traballadores da Eastern Telegraph Company practicaban de forma afeccionada dende facía case tres décadas. Unha tradición futbolística pioneira, vinculada á dimensión portuaria da cidade, consolidada a partir de 1895, ano no que os empregados do Cable Inglés fundaron o Exiles Cable Club, o primeiro club de fútbol vigués. Práctica deportiva que adquiriría índole profesional coa creación dos dous clubs que se fusionarían o 10 de agosto de 1923: o Fortuna (1908) do campo de Bouzas e o Real Vigo Sporting Club (1914) da chamada “catedral” de Coia, entidade que a súa vez xurdira da fusión do New Club Vigués (1906) e do Sporting Club (1911). Clubs vigueses que dende 1906 até 1923 monopolizaron os títulos do Campionato de Galicia, o único oficial até a creación da Liga en 1929.

Rolland ofrece unha historia literaria e singular, renunciando a proporcionar estatísticas e clasificacións, coa intención de salientar así as figuras celestes máis icónicas (xogadores, adestradores e directivos), os acontecementos deportivos principais (fosen vitorias como derrotas inesquecibles) e os momentos críticos ou tráxicos dun club, que uniu o seu devir ao da propia cidade da que foi (e continúa sendo) o seu primeiro emblema no mundo. Relatos para os que o autor escolle a lingua galega, o que merece beizón, tanto por tratarse dunha achega importante para o catálogo do libro en galego, como pola coherencia coa propia historia dun club nacido para representar ao seu país. Velaí a escolla de nome entre as propostas de Breogán e Celta, tras un concurso popular auspiciado, como o proceso de fusión, por Manuel de Castro “Handicap” dende as páxinas de Faro de Vigo. Velaí a escolla do equipamento, en principio o vermello e branco da bandeira viguesa, pouco tempo despois, xa en competición oficial, mudado polo azul celeste e calzón branco, como sinalou Juan Baliño Ledo, o secretario da mesa fundacional do club, «xa que desde o principio sempre se quixo que o Celta representase a Galicia».

Utilizando a prosa fluída e documentada, tinguida das pingas de retranca de obras anteriores, como Galicia en guerra (Xerais 2006) e Reconquista (Xerais 2009), Rolland ofrece nestas prosas celestes algúns retratos memorables. Velaí o do inglés Francis Cuggy, primeiro adestrador, escollido entre os trinta nomes propostos pola Federación Inglesa de Fútbol, que acadou en dúas tempadas o campionato galego. Como inesquecible é o do escocés que se fixo chamar Míster Cowan, cuxo verdadeiro nome era William Raeside, todo un impostor que non abandonada o seu rostro flegmático e a súa pipa, co que o Celta fixo unha boa tempada (1927-1928), rematada cunha xira por Arxentina e Uruguai. Como merece lectura atenta a participación nesta historia celeste de Laureano Álvarez Rodríguez, aquel telépata madridista de orixe galega que de forma “desinteresada” prometía levar ao Celta de novo a primeira división, o que para Derviche «a directiva sopesaba contratar, como o bruxo de Pereiró e un famoso curandeiro», na mesma temporada (1959-1960) na que iniciaría unha das décadas máis decepcionantes da súa historia en segunda división, cando as “circunstancias adversas” mandaban, como salientaba Ramón Allegue “o Tigre Padrón”, o mítico gardameta celeste, autor doutra interesantísima historia do Celta, desta volta en primeira persoa, publicada por entregas nas páxinas dominicais do decano.

Rolland relata as tres finais de copa perdidas in extremis, como lembra o escándalo de Jaburú e a traxedia de Quinocho, rescata con saudade a era da rianxeira, os ascensos da esperanza, algunhas das vitorias máis contundentes dos derbis ou retrata con agarimo algúns dos mitos celestes de sempre: o león Ruiz, Sansón, Pahíño, Nolete, Ademir, o capitán Manolo, Gudelj ou o Mago de Moaña, entre outros. Como non esquece a traxectoria na competición europea, dende a maldición da primeira eliminatoria co Aberdeen (1971), a participación en Champions hai dúas décadas, a épica semifinal de Old Tratford (2017), como o feito de que en 2000 o Celta gañase a Copa Intertoto, o único título europeo do fútbol galego.

Recomendo estes 100 anos de Historia do Celta, unha achega valiosa de Eduardo Rolland para a recuperación da memoria colectiva dun Celta centenario como para a historia da propia cidade de Vigo.

 

Bubble

No «Contafíos» de Nós diario saúdo a publicación de Deus salve as raíñas, a terceira entrega da seire «A señorita Bubble» de Ledicia Costas e Andrés Meixide:

Celebrei o comezo de entroido lendo Deus salve as raíñas (Xerais 2023), a terceira entrega da serie «A señorita Bubble» escrita por Ledicia Costas e ilustrada por Andrés Mexide. Unha lectura gozosa dun texto engaiolante e complexo, con vontade inequívoca de clásico infantil, que amosa o talento desbordado da que é hoxe a nosa cabezaleira internacional do xénero. Un novo episodio protagonizado pola xenial inventora e mecánica, que manexa como ningunha outra a tecnoloxía do vapor, chamada desta volta pola raíña Isabel II coa intención de poder recuperar a súa peza máis valiosa desaparecida nun palacio de Buckingham infestado de ratas de cores. Unha historia tinguida de tópicos da cultura british, que permite a Ledicia despregar os recursos ficcionais do subxénero steampunk, que iniciara coa primeira entrega da serie A señorita Bubble (2017) e na que afondara na extraordinaria A balada dos unicornios (2018), mesturando como a ela mellor lle presta os ingredientes da fantasía, a ciencia e o humor retranqueiro. Unha fórmula maxistral lediciana aviada con referencias intertextuais a clásicos xuvenís como Verne (velaí a viaxe de regreso en cepelín, que permite a Meixide reunir aos personaxes) e, sobre todo, Roald Dahl, a quen homenaxea creando un río de queixo Cheddar fundido inundando as principais rúas londinienses, un atrevemento hipercalórico que o galés sometido hoxe aos rigores do politicamente correcto  moito aplaudiría. Despois da publicación de novelas importantes como Golpes de Luz (2021) e A lebre mecánica (2022), o seu terceiro Lazarillo, no que alerta sobre a silenciosa adicción xuvenil ás apostas, Costas amosa a versatilidade do seu potente catálogo ficcional para todos os públicos, capaz de crear mundos de ficción autónomos e singulares en permanente construción, como os das súas tres series: Bubble, Escarlatina ou os Minimortos, e facelo sen perder en cada entrega nin a excelencia nin a capacidade para sorprender nin o devezo de remoer a lectura.

Ceferino, un home elegante

Quedei desolado cando souben do pasamento de Ceferino de Blas, o noso amigo sempre xeneroso e agarimoso, unha desas persoas de empatía contaxiosa cos brazos sempre abertos e dispostos para o abrazo. Atopámolo con Marisa en Urzaiz, despois do Nadal, como tantas outras veces que subían á sesión de tarde dos Multicines Norte, queixoso dunha antipática catarreira. Días despois agradeceume por unha mensaxe de WhatsAppo envío do meu último libro anunciando que estaba internado no sanatorio por unha pneumonía. Mensaxe que repetiu a finais de xaneiro para felicitarme pola presentación no Club Faro de Vigo, espazo cultural de referencia no que tanto teimou prestixiar, ademais de contarme que agardaba polos resultados das probas, pero estaba animado.

Así era Ceferino, un home elegante no fondo e na forma, unha persoa xenerosa para felicitar e recoñecer, firme e equilibrada cando cumpría criticar e reconducir; en todo caso, sempre respectuosa e amable con todas as persoas. Principios morais que guiaron tamén o seu traballo como xornalista de toda unha vida, fose nos medios de Asturias, a comunidade onde naceu e chantou raíces, fose dende 1986 en Vigo, a cidade da que quedou dende entón prendido, onde exerceu como director de Faro de Vigo e directivo do grupo Prensa Ibérica en Galicia durante dúas décadas. Unha actitude humana aberta que facilitou o seu labor como investigador da memoria de Vigo nas páxinas do xornal decano, das que se fixo o máis grande coñecedor, ao tempo que divulgador ameno, rigoroso e didáctico na súa columna do luns como na ducia de libros publicados na última década, algúns tan extraordinarios como Donde los periódicos son Faros. Historia de Faro de Vigo, decano de la prensa española (1853-2015), incluído en 2017 no catálogo do Instituto de Estudios Vigueses, do que era membro moi activo, coincidindo co seu nomeamento como Cronista Oficial da Cidade.

Apaixonado pola paisaxe e gastronomía da ría toda, celtista de corazón, acudía afouto a Balaídos sen temor ao resultado, lector letraferido e de grande curiosidade, cinéfilo apaixonado do cinema independente, conversador atento, que gustaba máis escoitar e comprender os argumentos dos seus interlocutores que falar e expresar os propios, con Ceferino vaise outro amante de Vigo e da súa historia, outro vigués de estirpe que amosa que en Vigo todos somos de aquí e todos chegamos de fóra. Adeus, meu admirado Ceferino, bo e xeneroso, a quen sempre agradecerei terme aberto hai vinte e catro anos as páxinas do Faro para publicar «Campo de Granada». Con todos os abrazos para a súa compañeira Marisa Real e para a comunidade toda de Faro de Vigo da que formou parte.

Faro de Vigo: 20/02/23

A festa equivocada

No «Contafíos» desta semana en Nós diario recomendo A festa equivocada (Rodolfo e Priscila 2022) de Fran P. Lorenzo:

Unha das miñas lecturas favoritas recentes foi A festa equivocada (Rodolfo e Priscila, 2022), o libro no que Fran P. Lorenzo escolma os artigos que publicou no extinto xornal Galicia hoxe baixo o epígrafe «Vai de blog». Prosas en primeira persoa, nas que emerxe a voz íntima e familiar dun rapaz vigués sen aldea, nalgunha medida tamén debedoras das novas narrativas electrónicas, na década que se xestaron as utilidades das redes sociais. Setenta textos que hoxe lemos como unha brillante crónica do ocaso do absolutismo democrático e caciquil do fraguismo tardío, como da esperanza secuestrada ao goberno bipartito e á vontade colectiva de Nunca Máis, como do posterior inicio do borrado do disco duro dunha nación emprendida polo tecnócrata dos Peares e o seu cadro de eficientes liquidadores. Un exercicio destemido de xornalismo crítico e insurxente, unha ollada luminosa, elegante, urbana, dandi e queer, en palabras da prologuista María Yáñez, interrompida de forma abrupta pola autoridade eclesiástica compostelá que obrigou a rematar esta festa literaria, un reduto de liberdade na contraportada dos xoves daquel xornal en galego que desaparecería en xuño de 2011, sen deixar sequera o seu rastro na rede. Emporiso, os catrocentos textos de Fran P. Lorenzo desapareceron de internet, o que obrigou ao editor Carlos Meixide a un esforzado rescate, a partir dos exemplares conservados na Biblioteca de Galicia no Gaiás. Feito que fai d’ A festa equivocada obra aínda máis valiosa, grazas ao traballo paciente do editor que procura un contido único para ser conservado en formato libro, asumindo que as súas tarefas, ademais da fabricación, comercialización e comunicación, radican na escolla e no tratamento do propio texto. Edición excelente de Rodolfo e Priscila, unha das editoras independentes que está anovando o catálogo do libro galego, merecedora dos nosos parabéns.

O entroido dos Tarteiras

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a facer memoria sobre a celebración do entroido en Vigo:

Debemos á pluma lizgaira de Xosé María Álvarez Blázquez a crónica da celebración do Entroido de Vigo de 1877, catro días nos que a Sociedade Carnavalesca botou a casa e todos os farrapos vellos pola xanela. Unha memoria recollida nas páxinas d’ A cidade e os días (Monterrey, 1960; Xerais, 2008), a máis antiga das referencias entroideiras viguesas, festexos comezados ás once da mañá do domingo co desfile dunha grandiosa comparsa, que saíu do Campo de Granada pola rúa do Pracer, seguiu por Príncipe e o Ramal até a de Vitoria, na Alameda onde agardaba no seu catafalco o Deus Momo, «olimpicamente embutido na monstruosa boca dun dragón, acompañado dos membros da súa corte e dun escuadrón dacabalo, composto de vinte e cinco demos encarnados e armados en guerra con flamíxeras lanzas, casco e rodela». Desfile da comparsa, conta don Xosé María, no que non faltaban os demos mitolóxicos bufos, en cadanseu carro,  nin a banda de música de traxes indios, comitiva que se repetiría no serán do martes. Festa rematada o mércores de cinza co enterro do Momo ás seis en punto da tarde, previo sermón na Alameda, no que se deron a coñecer os relevantes dotes que en vida adornaron ao defunto, despois de cantarse o derradeiro «Addio a Momo» e de botar unhas luces de bengala, coa elevación dun globo onde se podía ler: «Adeus amigos, saúde e deica o ano que ven».

Hai cen anos, unha crónica de sociedade publicada o martes 13 de febreiro na portada de Galicia. Diario de Vigo relataba a agonía da festa de Momo, na que foi moi escaso o consumo de confeti e serpentinas, para o cronista a mellor medida do nivel de entusiasmo do entroido, que o atribuía á carestía do papel e lamentaba a decadencia do «Antruejo», comezado sen pena nin gloria, sendo «contadas o número de máscaras bandalleiras que tiveron a afouteza de exhibirse á luz». Relato que finalizaba agoirando que as festas continuarían sendo tan sosas como comezaron, a pesar de que o mércores de cinza estaba prevista a chegada dende Pontevedra da comparsa «A danza das espadas» dos Enxebres da Terra. Así é todo, o decepcionado cronista deixaba unha cativa fenda ao entusiasmo cando salientaba que apenas foron dúas as comparsas, entre elas «La Estudiantina Naval» de Moaña, as que no serán do domingo percorreron as rúas viguesas cantando o seu afinado repertorio nos círculos, como La Tertulia no Hotel Moderno, e El Casino no teatro Tamberlick, onde se celebraron, iso si, «brillantísimos bailes» nos que participaron os membros da aristocracia viguesa.

Probablemente, o cronista social do Galicia, cando salienta «a plena decadencia» do entroido de rúa e das súas máscaras se está referindo á saída dos escabicheiros ou merdeiros, a máscara tradicional da ribeira do Berbés, figura baldroeira viguesa desaparecida ao longo da década de 1920, documentada nos estudos de Vicente Risco e Xoaquín Lorenzo, mais por ventura felizmente rescatada do esquecemento desde 2006 pola Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello. Como tamén o cronista do Galicia documenta a vixencia da tradición satírica das comparsas musicais de carallada, recuperada en Vigo, tras os rigores da ditadura, por Os Tarteiras, a comparsa decana e celme do entroido vigués contemporáneo. Constituída de forma case espontánea nunha noite de troula nas escaleiras do vello cárcere no entroido de 1979 por un grupo de mozos e mozas, entre os que estaban comprometidas argalleiras da causa comunitaria como Antón Bouzas, Loli, Inés e Marga, ás que despois se sumaron Xosé Pais e Fátima, entre outras, os Tarteiras asumiron a tradición satírica e humorística do entroido como festa transgresora na que participa todo o mundo, a última mascarada do ciclo da invernía. Foron tamén os Tarteiras os que organizaron en 1980 os primeiros concursos de coplas, nos que convidaron a participar a comparsas do Morrazo como Os Incansables de Cangas, a Santa Sede ou O Percal de Aldán, como foron os primeiros que recuperaron a tradición viguesa do velorio e da queima da figura de Momo rebautizada como Meco.

Certo é que despois o entroido en Vigo se municipalizou cos gobernos de Manuel Soto, o que inevitablemente lle fixo perder o seu carácter máis satírico e retranqueiro na escolla da figura do Meco, ao tempo que se importou o modelo do carnaval carioca de lentellolas e coreografías, o que por ventura non impediu que os integrantes dos Tarteiras continuasen saíndo por libre, interpretando as súas coplas críticas cos gobernos e os poderosos, e participando de forma espontánea no enterro do mércores de cinza. Como é outra marabilla a saída cada ano dos Merdeiros polo Vigo vello, como a recuperación desta máscara viguesa entre a mocidade e cativada e xa nun número significativo de centros educativos da cidade. Benvido o entroido vigués transgresor de Merdeiros e Tarteiras!

8 % en galego

Na sección semanal «Contafíos» de Nós diario actualizo os principais e máis recentes datos (2021) do comercio interior do libro en galego:

Ás portas da celebración do corenta aniversario da creación da Asociación Galega de Editoras (AGE), o seu presidente, Henrique Alvarellos, confesou decepcionado no Zigzag que o libro en galego, excluído os manuais escolares, supuxo en 2021 apenas o 8 % das vendas das librarías galegas (6,13 millóns de euros), mentres que o libro en éuscaro o 17 % e en catalán o 24 %, en cadansúa comunidade. Un 8 % que se incrementa até o 11,2 %, se computamos as vendas do libro de texto en galego (5,6 millóns de euros no curso 2021-2022), unha actividade editorial en devalo tanto pola reutilización dos libros até seis cursos consecutivos como pola súa substitución polos materias dixitais do programa Edixgal.

Cifras cativas para o comercio interior do libro galego, máis aínda se as comparamos coas de hai unha década, cando a cota de vendas de todo o libro galego era de 13,1 %. Como tamén minguaron en 2021 o número das novidades en galego publicadas polas editoras galegas (769), o volume da súa produción, aínda así millón e medio de exemplares, e o conxunto da facturación do sector, 16,6 millóns de euros, o que supón o 22,53 % menos que hai unha década (21,43 millóns de euros). Vendas actuais, secasí, nas que os libros literarios supoñen o 15 %, nas que se inclúen o 1,5 millóns das de novela, o xénero máis visible, e os libros infantís e xuvenís o 35 % (5,8 millóns de euros), converténdose xa no primeiro piar do sector, mesmo por riba do libro de texto. Vendas que supuxeron 1,46 millóns de euros en dereitos de autoría para un sector que en 2021 empregaba a 171 persoas, case un 30 % menos que hai unha década.

Cifras desacougantes para a que foi a primeira das nosas industrias culturais que tras unha década horribilis, coincidente cos gobernos de Feijoo e Rueda, padece dunha mala saúde de ferro. Os vergonzosos incumprimentos da Lei do Libro e da Lectura (2006) e a ausencia de políticas estratéxicas de fomento do emprego do galego neste período quedan para análise de contafíos futuros.

 

Redondela na ollada dos Cal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela:

Á recente publicación das biografías de José Gil e da parella Filippo Prosperi e Cándida Otero uniuse a d’ A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela (Cal-3 2022), libro álbum no que se reconstrúe o relato vital e se escolma o legado artístico e documental de tres xeracións de fotógrafos da vila dos viadutos: Saturno Cal Muíños (1875-1952), fotógrafo profesional, colaborador da revista gráfica Vida Gallega, alcalde de 1924 a 1930, comprometido coas ideas agraristas e republicanas; o seu fillo, Avelino Cal Fernández (1901-1985), fotógrafo amador, apaixonado do fútbol e membro do Partido Galeguista; e os seus sobriños, Raimundo e Félix Cal Cortizas, responsables do estudio fotográfico Cal-3, aberto en 1975 nun baixo da rúa do Adro, no mesmo espazo onde estiveran gardadas as placas de vidro do arquivo de Saturno, o fundador da saga familiar.

Un libro de sobremesa de coidado deseño e magnífica edición de Alberte Román Losada, responsable tamén da redacción dos excelentes textos biográficos de Saturno e Avelino e das clarificadoras entrevistas con Mundo e Félix, que constitúe outra ollada á memoria visual de Redondela, como fora hai dúas décadas a daqueloutro álbum de tarxetas postais da colección de Luís Borines, con textos emocionantes de José Ángel Xesteira, publicado por Xerais e o libro colectivo no que no mesmo ano (2001) Cal-3 celebraba o seu vinte e cinco aniversario. En todos os tres casos testemuñas fotográficas da vida social e comunitaria redondelá como das transformacións profundas da súa paisaxe urbana ao longo do século XX. Cartóns da memoria dunha vila de raíces campesiñas e mariñeiras, que aproveitando a desembocadura do río Alvedosa formou unha espléndida marisma, máis que ao longo do período crítico do último terzo do século pasado se afastou do mar sen posibilidades ningunhas de retorno.

Unha mudanza irreversible que se pode identificar en pezas de Saturno, o máis importante cronista gráfico de Redondela durante o primeiro terzo do século XX, cando era aínda claramente unha vila feita no mar que chegaba á praia, atravesada por un camiño real que cruzaba a súa parte agrícola. Velaí as súas fotografías da que era unha vila mariñeira e campesiña ao mesmo tempo: a Ribeira co viaduto (1920), a vista xeral da vila desde Quintela (1930), a rúa Alfonso XII durante as festas da Coca de 1925, a procesión ao seu paso pola Ribeira (1930) ou o partido de wáter-polo no pozo da marisma de Santa Mariña (1930)… Fotos nas que se identifican os dous viadutos, a presenza do mar na Ribeira, os eidos traballados con esmero e o que é aínda máis relevante, que a paisaxe arquitectónica mantén a harmonía das proporcións entre a altura das edificacións e anchura dos viarios, coas casas asomándose ao mar, permitindo a contemplación da saída e chegada das embarcacións que faenaban na ría, como salienta o historiador José Martínez Crespo, no limiar do libro.

Vila aberta ao mar que aínda mantiña toda a súa esencia fotografada durante as décadas de 1950 e 1960 por Avelino Cal Fernández, o elo que conecta as tres xeracións dos Cal. Un traballo fotográfico e de gravación fílmica amador, feito fóra de foco, á marxe da súa actividade profesional como contable da conserveira JOB, cun ollar calmo, como foi toda a súa vida, e un lugar onde se refuxiar nun tempo que sabemos o incomodaba. Unha ollada de Avelino sobre actividades cotiás como a das mulleres que lavan no río, os mariñeiros e redeiras que falan no areal, tres picariños no peirao, escenas da festa da Coca e da procesión da virxe das Angustias ou vistas sobre os viadutos (1950 e 1960), a Xunqueira (1960) e a Ribeira (1965). Ollada de vontade artística onde procura a converxencia da fotografía e da pintura en pezas sobre o lugar da Portela ou a impresionante de canastros en Santa Mariña.

Con todo, constitúe o miolo do libro a escolma do traballo que os irmáns Mundo e Félix Cal iniciaron co final do franquismo, un tempo de entusiasmo no que enfrontaron algún que outro pao na roda, cando toparon ao inicio dos 80 con quen era párroco do Viso daquela. Un arquivo esencialmente social e de estudio, mais que tamén documentou calquera acto ou acontecemento relevante, constituíndo así unha crónica social, política, deportiva e cultural da Redondela das últimas cinco décadas, como as relacionadas coas manifestacións para salvar Regojo (1978) ou do conflito de Telanosa (1986). Como tamén se escolma parte do traballo de Mundo Cal como fotógrafo solidario nas súas viaxes a Nicaragua, México, Ecuador, Cuba…

Recomendo vivamente o libro da Redondela dos Cal, unha obra activadora da memoria colectiva, que contribúe a comprender que a ollada da Redondela do porvir tamén está acuñada nestas placas case centenarias. Parabéns a Mundo e Félix por iniciativa tan valiosa.

Río Arnoia

Hoxe iniciei a sección semanal «Contafíos» en Nós diario cunha lectura de Río Arnoia (Ir Indo 2022), o libro de grande formato do fotógrafo Plácido L. Rodríguez e do escritor Xosé Benito Reza:

Na Galicia dos dez mil ríos de Álvaro Cunqueiro, o Arnoia ten a singularidade de protagonizar un paradoxo xeográfico, xa que nace nas abas meridionais da Serra de San Mamede, preto de onde tamén o fan o Limia e o Támega, compartindo con eles a proximidade das súas fontes e a diverxencia das súas vidas e tramos. Un paradoxo que para Ferrín conforma unha imaxe da Patria na súa totalidade. Río Arnoia que ao longo de 88 quilómetros, dende o seu berce até o seu afogamento ou inmersión no Miño, vai cosendo dez concellos ourensáns (Vilar de Bario, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, A Merca, Celanova, Gomesende e Arnoia) que en cadanseu territorio expresan a esencia da paisaxe nosa, inzada de cuíñas e espazos interfluviais onde naceron as aldeas hoxe abandonadas.

Río Arnoia é tamén o título da alfaia bibliográfica publicada o pasado ano por Bieito Ledo nas súas edicións Ir Indo, un libro de grande formato (31 por 31 cm) do que son autores o fotógrafo Plácido L. Rodríguez e o escritor Xosé Benito Reza, sendo prologado de forma moi brillante por X.L. Méndez Ferrín. Un traballo excepcional do veterano fotógrafo de Gomesende que convida a descubrir o cordón fluvial ourensán máis longo e a súa bacía, que quixo retratar espida de seres humanos, amosando a súa grandeza e poder, contando apenas coa presenza da natureza e dalgunhas pontes, que abrazan o río coa historia. Un libro no que destaca a poética fluvial que destilan cada un dos textos didácticos e literarios de Reza, que pateou todo o curso dende a mocidade e sabe espremer a beleza de cada cadoiro ou cada manancial e transformala en paisaxe.

Benvido este Río Arnoia, libro marabilla chamado a perdurar, rara avis na actual edición galega privada, que en tempos de hibridación dixital reclama a beleza do libro obxecto impreso; un formato editorial que na década de 1990 tivo a súa idade de ouro, contando con excelentes catálogos que contribuíron a que o libro no noso idioma gañase prestixio e valor engadido.