Vigo obreiro do 72
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a folga xeral de 1972:
Documentándome sobre a folga de setembro de 1972, atopei unha foto publicada no Faro de Vigo o 15 de marzo daquel mesmo ano. Trátase dunha instantánea tomada na Porta do Sol onde varios centos de obreiros ocupan a praza e interrompen o tráfico protestando polas mortes de Amador Rey e Daniel Niebla, baleados o 10 de marzo en Ferrol pola policía armada franquista nunha manifestación sindical de obreiros da Bazán. Unha gran concentración de solidariedade e condena da represión exercida sobre os seus compañeiros ferroláns, como tamén unha recadación de fondos para axudar a cubrir as necesidades das familias dos obreiros ferroláns mortos, detidos ou despedidos, que sorprenderon pola súa magnitude e alarmaron ás autoridades franquistas e aos círculos empresariais vigueses. Unha explosión de protesta social e laboral, que para o historiador José Gómez Alén tivera o seu precedente dez anos antes nos paros en Reyman e nos estaleiros de Vulcano e Barreras, promovidos polas Comisións Obreiras, que a pesar do seu carácter clandestino obterían en Vigo a maioría nas eleccións sindicais de 1971.
Conflitividade laboral que en Vigo tivo a súa continuidade na primavera do 72 na negociación do convenio de Barreras, no que a parte sindical reclamaba 400 pesetas por xornada, semana efectiva de 42 horas, un mes de vacacións e dereito de asembleas, entre outras reivindicacións. Unha negociación que levou a paralización de todas as seccións da factoría o 10 de maio, ao que respondeu a patronal sancionando con 21 días de suspensión de emprego e soldo a case todo o persoal obreiro e de cinco á maioría do resto dos empregados. Conflito que provocou accións de solidariedade contra as sancións noutras empresas, como Citroën, Vulcano ou Álvarez, entre outras, cuxo traballadores participaron en paros e concentracións como a convocada polas Comisións Obreiras o 26 de maio na Porta do Sol, á altura de Príncipe, onde se concentraron tamén o groso dos efectivos dos “grises”, o que provocou saltos en diversos puntos da cidade. Conflito o de Barreras que supuxo a detención de 15 traballadores e rematou cun acordo entre a patronal e o xurado dun aumento salarial do 17 % (nun tempo de inflación desbocada) e coa retirada das sancións e readmisión dos detidos.
Naquela concentración solidaria do 15 de marzo de 1972 e no durísimo conflito do convenio de Barreras de maio do mesmo ano, que lembramos lendo nas páxinas do primeiro número de Vigo obreiro, periódico das Comisións Obreiras de Vigo, estiveron os xermes da folga de setembro de 1972, que estoupou en Citroën. A faísca saltou o sábado 9 de setembro cando os obreiros da quenda de tarde pararon reclamando a xornada de 44 horas semanais, que permitía librar a tarde dos sábados. Acción que foi respondida pola dirección con extrema dureza despedindo a nove traballadores, entre tres deles enlaces sindicais. O luns 11, nunha asemblea ás cinco da mañá na entrada da factoría, os participantes acordaron non volver ao traballo mentres houbera despedidos e chamaron á solidariedade do resto das industrias da cidade. O conflito estendeuse nos días seguintes a outros centros de traballo, chegando o 16 de setembro a participar na folga cerca de 35.000 obreiros de 30 factorías. A partir do 21 de setembro as empresas comezaron a enviar miles de cartas de despido, 6.000 en poucos días, decidindo o comité que dirixía a folga (a chamada “Intercomisión”) a reincorporación ao traballo o 25 de setembro. O número de despidos definitivos e detidos foi de 400 aproximadamente dos que 125 eran cargos sindicais.
A reivindicación do “sábado inglés” evolucionou en apenas dúas semanas cara a outras reclamacións de carácter socio-político e antifranquista, colocando a Vigo no primeiro plano das loitas sociais e laborais da España tardofranquista. O alcance da folga levou a que o entón bispo José Delicado Baeza fixera pública unha pastoral que chamaba a unha “conciliación xusta”, mentres que os círculos empresariais e autoridades franquistas non foron capaces de articular unha resposta conxunta, máis alá da actuación sen contemplacións da forza pública por toda a cidade e das detencións e malleiras na comisaría dos membros da Brigada Política e Social. Unha batalla que nos meses seguintes continuou no ámbito xudicial para conseguir na Maxistratura a readmisión, tarefa na que destacaron os avogados laboralistas Fernando Randulfe e Elvira Landín que defenderon os dereitos dos traballadores até en 170 sumarios no Tribunal de Orde Pública (TOP).
Cincuenta anos despois aquela “Gran Folga de Vigo do 72” merece ser lembrada e os seus protagonistas homenaxeados pola súa afouteza en loitar pola conquista dos dereitos e liberdades cos que contamos. Esta hélice obreira e democrática forma parte do ADN da cidade.
















Coñecemos hai poucos días o busto do Cristo da Guía, unha das seis pezas que formará parte da escultura do Sagrado Corazón de Xesús que esta semana se colocará sobre a ermida da Virxe da Guía, dedicada a Nosa Señora das Neves. Unha imaxe de granito de seis metros de altura e oito toneladas de peso realizada pola Escola de Canteiría de Poio da Deputación de Pontevedra, grazas a un convenio co Concello e a Diocese de Vigo, que setenta anos despois pretende rematar o proxecto que para a igrexiña da Guía fixo o arquitecto Manuel Gómez Román. Cun custe de 84.000 euros, pagados entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, esta escultura relixiosa está chamada para os seus promotores e patrocinadores a converterse nunha nova icona da cidade de Vigo marcando o perfil da ría dende os cen metros de altura do outeiro do castro da Guía, dende os que se pode enxergar tanto o horizonte das illas Cíes como o estreito de Rande e a enseada de San Simón e das salinas do Ulló. Unha instalación promovida inicialmente polo párroco de Teis que considera, segundo as súas declaracións á web infocatolica.com, «será a escala como unha especie de Cristo de Corcovado de Río de Janeiro», e que a propia alcaldía de Vigo considera «moi importante» porque «será visible dende toda a cidade».

Datos que por ventura convidarían a un certo optimismo, nun entorno tan escasamente esperanzoso como o actual, xa que a revolución silenciosa da lectura é das poucas capaces de mudar a nosa forma de vivir e de interactuar no mundo. Alex Quigley, investigador en formación lectora e autor de Todos somos lectores (Plataforma editorial, 2022), salienta que «vivimos nunha época na que o acto de ler está mudando a máis velocidade ca nunca na súa curta historia de cinco mil anos». A hibridación da comunicación textual, na que lemos de forma xa habitual sobre soportes impresos e pantallas hipertextuais, está modificando tanto os nosos comportamentos e preferencias lectoras como a propia aprendizaxe da lectura, unha competencia que actualizamos decontino, mais tamén un proceso arduo e complexo, un desafío para a aprendizaxe para o que Quigley estima cada lectora precisa dedicarlle dous mil días da súa vida, o tempo necesario da infancia á adolescencia para adquirir na escola e no instituto esta destreza mestra, a máis grande e importante das invencións da humanidade. Eis o reto principal (e complexo) da escola actual, a de formar lectoras híbridas e críticas a un tempo, lectoras estratéxicas, capaces de enfrontarse con éxito a todo tipo de textos e soportes, dende os informativos aos propiamente literarios.
A lectura hoxe é fráxil e máis importante ca nunca o foi. O acto de ler –ao que a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Bea Gregores acaban de dedicar un fermoso álbum, Cando leo (Xerais 2022)– forma unha parte fundamental do tecido da nosa vida. Cando lemos non existen portas nin fronteiras, cando lemos sabemos que hai alguén que nos fala, como sempre lembraba o mestre Agustín Fernández Paz, citando a Guy Montag, o bombeiro de Fahreint 451 (Xerais, 2000), a distopía de Ray Bradbury que aos activistas da lectura nos continúa emocionando. Mais non podemos esquecer que a lectura para todas non é tan natural como podemos supoñer como tampouco obviar a existencia de fendas lectoras que están comprometendo o éxito dun de cada catro escolares. Pechar esas fendas lectoras na aula e proxectar a lectura máis alá das portas dos centros educativos como actividade transversal son dous retos esenciais para emprazar a lectura na súa dimensión comunitaria, que deben asumir tanto a administración educativa como o resto das administracións públicas nos seus plans de lectura. Non o esquezamos: todas as persoas somos lectoras ao longo das diferentes etapas da vida, unha condición indispensable para exercer cidadanía. Velaí o sentido de celebrar o 23 de abril, tamén como día da lectura.

De todos estes bancos da memoria da alameda de Redondela chamou moito a miña atención o dedicado a Julio Cortázar, o escritor que desexou se chegaba algún día a ter un dous cabalos «levar a Aurora a Galicia, instalar cuarteles de primavera en Redondela» e «dedicarse aos paseos, á pesca e a herborizar como Rousseau». Unha metafóra para a historia recollida da carta que o cronopio escribiu en 1956 ao seu amigo o pintor Eduardo Jonquières dándolle noticias da súa primeira viaxe a Galicia coa súa muller, Aurora Bernárdez, filla de emigrantes galegos de Dacón, que pasara varios anos da súa infancia en Vigo e Ourense. Unha viaxe de vacacións a Galicia do matrimonio residente en París que sería lembrada pola propia Aurora nun texto memorialístico que permaneceu inédito até 2015 (El País, 11 de novembro) no que cita a sorprendente paisaxe redondelá no relato dunha longa viaxe nun tren de Renfe, «con cheiro a caspa e sono nos gastados asentos de felpa»: «Por sorte, antes de chegar a Santiago, estivo o agasallo do Miño verde, eglóxico, e de Redondela dende o alto cos seus piñeiros e o seu mar azul meténdose sinuoso na terra.»
Julio e Aurora encantados coa súa primeira experiencia galega volveron o verán seguinte (1957) a Galicia para montar o seu cuartel durante tres semanas no hotel Miramar na praia de Lourido, a mesma que un emigrante arxentino pretendera nos anos trinta transformar no Balneario de Galicia e puxera o nome de praia América. Días inesquecibles en Nigrán nos que na correspondencia coas súas amizades Julio confesa que dominaron os ventos e as nubes, o que non impediu que se bañará como un poseidón. Días nos que a parella paseará polo Val Miñor tomando fotos coa curiosidade de quen pretende saber das características dos cruceiros e dos hórreos que os responsables do hotel chaman para a sorpresa de ambos os dous «canizos». Camiñadas polo piñeiral da península do Monte Lourido, nas que o gran cronopio identifica un arrecendo marabilloso e unha serenidade única. Días felices dos que de regreso a Vigo, no mesmo tranvía no que chegaron, camiño de París, levarán no corpo algunha que outra marca do sol e do vento de Lourido e unhas cantas fotos, algunhas extraordinarias como as tiradas ao pé do peto de ánimas na ponte romana da Ramallosa sobre o Miñor, que formarán parte da súa colección e memoria literarias.
Fotografías tiradas por Julio e Aurora que hoxe forman parte do legado fotográfico de máis de dúas mil pezas entre copias e negativos e cinematográfico (dúas horas de gravación das viaxes por Brasil, India e Uganda) do autor de Rayuela, que Aurora Bernárdez, a súa testamenteira, doou en 2005 á Xunta de Galicia, para ser conservadas no Centro Galego de Artes da Imaxes (CGAI) con sede na Coruña. Un importante legado audiovisual que xunto á biblioteca persoal do escritor, conservada na Fundación Juan March de Madrid, son os únicos documentos conservados de Córtazar en Europa. Mágoa que despois de transcorridos máis de tres lustros este legado cortaziano non estea dispoñible dixitalizado para a súa consulta na rede; unha de tantas outras anomalías dunha institución autonómica creada en 1989, coa finalidade de salvagardar o patrimonio audiovisual galego, que esmoreceu de forma dramática cos gobernos de Alberto Núñez Feijoo.





Tras 