Adelina blues

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao peche da tenda de Adelina Álvarez da rúa Pi e Margall 59:

Mañá pecha a tenda de Adelina de Pi e Margall 59. Tito decidiu xubilarse e pechar o establecemento que en 1949 abrira a súa nai Adelina Álvarez para a venda de ultramariños e a distribución de carbón. O carteliño co anuncio deste peche no escaparate funcionou como a chave do recordo que abriu o depósito da memoria daqueles días de infancia do que considero o meu barrio, o comezo da rúa Pi e Margall, dende o Paseo de Afonso e o Barrio do Cura á curva das Carmelitas e do colexio Alemán. E decontado recuperei as imaxes do bulir eléctrico daquela muller baixiña e a súa simpatía para recibirme cun agarimoso «que queres, Manolito?» nalgúns dos recados de última hora que me encargaba facer miña nai. Como lembrei a figura do seu home co seu camión repartindo o carbón que se consumía nalgunhas casas. E a tenda, tamén vivenda familiar, ateigada de mercadorías, onde se reenchían as botellas de aceite e de lixivia e as lentellas, garavanzos ou fariña se vendían en cartuchos.

A de Adelina era unha tenda onde se fiaba e se apuntaba na libreta para pagar a comezo de mes, axuda financeira que naqueles días difíciles para as familias humildes e numerosas como a nosa ofrecían tamén outras tendas do barrio, como a do meu admirado Ramón, diante da casa nosa, mais tamén na de Julia e na Aldea, ao pé da calella das Angustias, que sempre recendía a arenques e se convertería no primeiro Spar do barrio. Co anuncio de Tito, un dos grandes deportistas do barrio, dos que saía a correr de madrugada, despois dos traslados forzosos da pastelaría Ramos a Teis, que para a avoa sempre sería As tres luces, e do forno do Barrio do Cura do señor Domingos á zona do Calvario, coa excepcións do estanco de Maruja, de Televisores Iglesias, da moblaría e da fontanaría de Carlos García, desapareceron xa case todos os establecementos, tendas, almacéns e talleres, como da maioría das vivendas centenarias, entre elas da nosa, do primitivo camiño de Baiona, o que foi o espazo da nosa infancia. Unha desfeita que converteu aquel barrio noutrora cheo de actividade comercial e vital nun lugar alleo para min, mais cuxas pegadas deixaron rastros na memoria que por ventura podo compartir coa miña nai, coa miña compañeira e cos meus irmáns e irmás.

E a lista de perdas é longa. Desapareceu o portal de lambonadas de La viejita, onde mercabamos pipas e chicles Bazoka, logo cando morreu, chamada de Rosita, pegadiño ao colexio das Carmelitas, onde a irmá Lidia me ensinou a ler e a escribir e a non perder nunca a curiosidade. Desapareceron a farmacia, a mercería, a panadaría La Oliva, que estaba a carón da igrexa protestante (hoxe reformada, cuxa existencia nos alertaba sobre a existencia doutro mundo) e a carnicería de Concha, unha pobre muller que daquela perdeu unha man na picadora, o acontecemento máis tráxico e inesquecible da miña nenez. Desapareceron a drogaría de don Cayetano, onde descubrín tantos cheiros e recendos marabillosos e o obradoiro do zapateiro, ao pé das escaleiras que baixaban a Pescadores, diante da axencia Fábregas, unha funeraria, que me metía moito medo. Desapareceron os bares todos, La Cosechera, o Barajero, o Mascato, a Taberna de Armando das Angustias e o Bar Madrid, onde cada venres botabamos a quiniela.

Desapareceron a tenda de cafeteiras Faema, a das máquinas de oficina, o taller de don Ángel das máquinas de coser, a ferraxaría industrial de Sanmartín, a garaxe, a barbería, a imprenta Olimpia e a Libraría Almoneda, situada a carón da docería, onde vendían libros antigos e onde logo souben que tiña a súa sede Edicións Castrelos, que rexía un gran poeta e cronista da nosa cidade, chamado Xosé María Álvarez Blázquez. Desapareceu o Colexio Alemán, onde estudaban algúns dos meus veciños. Como coa fin de ano de 1968 desapareceron os tranvías e unha noite de verán, de moita calor, do ano seguinte, cubriron as vías de piche, enterrando para sempre o punto que os Siboney (así chamaba a amiña avoa Filo aos tranvías) daban antes de chegar á perigosa curva das Carmelitas.

A maior parte dos baixos deste treito de Pi e Margall están baleiros e a pesar das novas construcións que renovaron a veciñanza hai ben poucos comercios de proximidade abertos, o que amosa tanto os efectos dunha década de crises e mudanzas nos hábitos de consumo como a implantación das cadeas de distribución. Unha degradación que ten a súa orixe, dende hai dúas décadas, na posta en marcha dunha actuación urbanística no Barrio do Cura, que máis alá do espazo previsto foi contaxiando o abandono e marxinalización a Romil e Falperra, pendentes dende hai tres da conservación integral da Panificadora, mentres se foi arruinando. Unha situación que pode agravarse se tras o derrube das vivendas da rúa Llorente, o proxecto da construción de vivendas e espazos comerciais comeza a emitir sinais dunha nova paralización.

Reviravolta

Nun partido práctico e moi sobrio fronte a un excelente Rayo Vallecano o profesor Carvalhal consolidou a reviravolta que dende a súa chegada arelaba para o Celta, esa volta lixeira sobre si mesma tan característica da nosa muiñeira. E Carvalhal está conseguindo amodiño os resultados que na tempada do centenario reorientan ao seu equipo na táboa, cada vez máis afastado das posicións de descenso e un pouco máis próximas ás aspiracións europeas. Mais tamén unha reviravolta que recupera a fiabilidade competitiva dun equipo que acredita unha solidez defensiva envexable, capaz nos tres últimos partidos de manter a porta a cero, cunha capacidade goleadora e produtora de xogo atacante explosiva, cun balance de seis goles nos dous partidos máis recentes na casa. Números óptimos o do adestrador bracarense que comezan a tranquilizar a unha bancada que nos minutos finais do partido de onte, a pesar da súa contención, entoou a rianxeira e o miudiño, amosando unha ledicia que hai meses non se gozaba na terra das abeleiras.

E reviravolta foi tamén a que en dous minutos máxicos, o 50 e 51, cando máis apertaban a Iván Villar os de Iraola, deu o Celta a un partido até entón moi igualado, controlado en boa medida polos vallecanos que souberon suxeitar no medio campo a Gabri Veiga, o xogador que concita todas as olladas. Minutos de presión na área celeste cos que o Raio saíu con todo na continuación, dispoñendo de dúas claras ocasións, incluída unha de Raúl de Tomas ao pao co cérbero de Aldán vencido. Afogo do que o Celta saíu como mellor sabe con Carvalhal, abríndose polas bandas e correndo, desta volta cun rapidísimo Javi Galán que conduciu pola esquerda para enviar a pelota rasa á área onde Aspas a cruzou ao pao longo. Un gol de alta escola do merlín de Moaña, que até entón aparecera dunha forma algo imprecisa no encontro, quizais anoxado dende o minuto de inicio do partido por non ter finalizado na rede un balón mallado de Gabri Veiga, outro dos destacados celestes de onte. Mais cando na bancada se festexaba o golazo de Aspas, Seferovic conduciu outra galopada, esta vez pola dereita, disparando sobre o porteiro, que afastou a pelota con tan mala fortuna que chocou nun dos defensas levándoa as redes. Un segundo tanto que veu coa emoción da revisión devagariño do VAR, o que finalmente fixo estourar a bancada.

Como sucedera na primeira parte, os de Iraola co marcador en tan clara desvantaxe e con máis de media hora por diante, non perderon fe nas súas posibilidades. E así Raúl de Tomas volveu a probar a Iván, cada vez máis seguro, levando outro balón ao longueiro, o que non intimidou ao gardarredes celeste cada vez máis decidido, mesmo nos númerosos saques de recanto cos que os vallecanos procuraron furalo. Mais como xa sucedera diante do Valladolid, os de Carvalhal souberon xestionar con orde e con dedicación nas axudas o novo abafo, do que o Celta saíu no 85´cunha nova xenialidade de Aspas capaz de aproveitar un esvarón de Tejo e encarar velozmente a Dimitrievski cunha vaselina artística, outro golazo de moitos quilates do astro celeste, que con 11 tantos iguala a Joselu, tamén canteirán celeste como o bético Borja Iglesias, na cabeza dos goleadores que disputan o Zarra. E con semellante marcador, os de Carvalhal non perderon a concentración para manter a porta a cero, e mellorar o seu saldo xeral entre goles obtidos e encaixados. Un balance que puideron mellorar no 87’ tras unha excelente condución de Larsen que xutou sobre o pao longo onde non chegou por ben pouco Cervi, que como o noruegués se incorporara minutos antes para refrescar ao equipo.

Tras esta nova vitoria e unha actuación tan solvente de todas liñas, na que salientou a brillantez defensiva e a definición do merlín de Moaña, o Celta pode enxergar con maior tranquilidade o seu obxectivo principal de manter a categoría. Con todo, se mantén o nivel das recentes xornadas, sobre todo en Balaídos, nunha liga tan igualada podería aspirar a soñar. Mais coñecendo de onde vimos, iso non toca polo momento.

Faro de Vigo 12/03/2023

Coches amarelos

Recomendo Non temerás os coches amarelos (Xerais 2023), a obra coa que a xornalista Marta Villar debuta na narrativa galega. Unha novela de lectura engaiolante, unha alegación rotunda contra o machismo e o catálogo das súas violencias, como a prol da autodefensa feminista e a cultura da sororidade, sen menoscabo dun retrato fiel do actual xornalismo impreso protagonizado por profesionais que comparten a cultura tradicional coas formas de vida urbanas hibridadas pola cultura dixital globalizada. Novela de intriga de rexistro realista e coidada arquitectura, escrita cunha magnífica prosa culta e fluída, esculca na raíz familiar das violencias como determinantes para explicalas e erradicalas, como lle sucede a Dina e a súa amiga Sandra, unidas por unha sororidade inquebrantable urdida en días tráxicos da infancia nos que xuraron que xamais serían vítimas. Un relato, tamén, sobre o que semella tránsito imposible da Galicia rural actual, esgazada por unha fenda xeracional que impide o relevo das explotacións agrarias, como sobre as memorias familiares que derrotaron as xeracións das persoas maiores, fosen os anos do volframio e do estraperlo ou os días de fartura nas plataformas do Mar do Norte. Unha diversidade temática abordada dende a ollada dun xornalismo resistente, no que aínda é posible a denuncia das corruptelas inmobiliarias de mangantes e poderosos, o que non impide á narradora desenvolver outras historias de vida, incluídas as dun amor non posesivo, e algunhas homenaxes literarias, como o tributo emocionante a Montalbán. Un debut espectacular o de Marta Villar, narradora que chega cun estilo maduro e afouteza abonda, que nos lembra a outras irrupcións extraordinarias de autoras hoxe referenciais como a Teresa Moure d’ A xeira das árbores (2004) ou a María Reimóndez d’ O club da calceta (2006), coas que probablemente compartirá comunidades de lectoras.

Publicado en Nós diario 08-03-2023

Saída sur e tren de proximidade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á saída sur ferroviaria de Vigo:

Coñecemos a pasada semana, como xa sucedera en 2007 e 2012, un novo estudo encargado polo Ministerio de Transportes sobre as alternativas da saída sur ferroviaria de Vigo. Unha infraestrutura estratéxica para o Vigo e a eurorrexión Galicia e Norte de Portugal da metade do século XXI que convertería a Urzaiz en estación tránsito permitindo a continuidade do Eixo Atlántico de Alta Velocidade (AV) entre Galicia e Portugal. Unha solución complexa de enxeñaría que uniría en seis ou sete minutos Urzaiz (onde se concentrarían todos os servizos ferroviarios vigueses) e o Polígono das Gándaras (a seguir até a Plisan), para a que, segundo expón o xornalista Víctor P. Currás nas páxinas de Faro de Vigo, sempre atentas a esta cuestión, existirían dúas alternativas: a conexión sur, en dobre vía seguindo o corredor de Sárdoma, baixo o monte de Puxeiros; a norte, case paralela á A-55, cun 30 % do trazado en vía única. Trazados nunha porcentaxe en túnel superior ao 84 %, condicionados pola posibilidade da construción da variante por Cerdedo, polo Tea ou polo Miño, que uniría Vigo con Ourense, sen necesidade do actual percorrido nas proximidades de Santiago.

Con todo, despois de anos de paralización, coincidindo cos gobernos de Mariano Rajoy, por ilusionante que sexa a reactivación dos estudos sobre a Saída sur, é imposible non ter presente a información que en Faro de Vigo, asinaban o pasado 25 de febreiro Lara Graña e o propio Currás, recollendo o criterio de Adina-Iona Valean, comisaria de Transportes da Unión Europea, para quen a AV entre Vigo e Porto non ten posibilidades realistas de formar parte da chamada “rede básica” da estratexia de rede transeuropea de transporte (RTE-T) que se prevé rematar en 2030. Unha estratexia europea de cohesión e mobilidade sostible, dotada cunha cifra abraiante, 244.000 millóns de euros, e para a que se estableceron, ademais, os horizontes de 2040 para a finalización dos proxectos da denominada como “rede básica ampliada”, onde podía encadrarse a AV galego-portuguesa, e o de 2050 para a nomeada como “rede global”. Noutras palabras, a comisaria romanesa está expresando de forma diplomática que os gobernos español e portugués terán que agardar á segunda rolda da estratexia (na década dos anos trinta) para contar cos 30.000 millóns de euros que precisan para financiar as obras do corredor atlántico.

Anuncio que deixa dunha peza as esperanzas depositadas para a activación pronta das obras da Saída sur, tras o compromiso portugués anunciado en setembro de 2022 polo goberno de Antonio Costa, ratificado pola dimitida secretaria de estado de Transportes, a lucense Isabel Pardo de Vera, que obriga a enxergar con incerteza un horizonte estratéxico afastado a 2040, e o que é aínda máis decepcionante, a asumir que non se contarán con axudas europeas nos calendarios anunciados polos gobernos español e portugués. Como sucede outro tanto coa saída do AVE por Cerdedo, que xa conta con anos de estudos informativos, hidrolóxicos e de impacto ambiental, e os que virán, se nos atemos as previsións dos orzamentos do estado para 2023. Informes que sendo optimistas, no caso de que finalmente se acometese a variante, até agora unha cuestión de fe, non é disparatado aventurar que o inicio das obras sería canto menos a finais destes anos vinte, desenvolvéndose ao longo da década dos 30, coincidindo coas da Saída sur. Calendarios, sempre que o futuro non agoche sorpresas desagradables, que obrigan a confiar apenas que a boa nova do Ministerio de Transportes para Vigo é o compromiso da chegada (por fin!) do AVE a Urzaiz nos trens Avril ao longo deste 2023 ou no comezo de 2024.

Axilizar o calendario da posta en marcha da Saída sur –sabendo que son  poderosos os seus inimigos, partidarios de continuar privilexiando o modelo peninsular radial– require reforzar a rede de complicidades transfronteirizas de ambos os dous gobernos e dos seus concellos e cámaras, sen esquecer neste imprescindible proceso de unidade de acción galego-portuguesa o peso determinante das sociedades civís, entidades empresariais, universidades e forzas sociais de alén e aquén do Miño para defender este proxecto ferroviario para unha eurorrexión de dez millóns de persoas. Sen menoscabo, de que a Xunta de Galicia asuma as competencias de ferrocarril interior e deseñe de vez unha rede de trens de proximidade capaz de conectar cada cidade coa súa área metropolitana ou rexión urbana, proxecto que no caso de Vigo resultaría tan estratéxico como o da propia Saída sur. Forxar dende Vigo, como eixo equidistante de mobilidade deste espazo euroatlántico, este proxecto ferroviario de dúas caras constitúe un reto inaprazable. Mágoa que apenas se cite na actual campaña máis enfocada a polarización e ao espectáculo fotográfico.

Vémonos mañá

Outra das lecturas recentes que recomendo é Vémonos mañá (Xerais 2022), a novela de non ficción de Xosé Monteagudo, que relata a separación inesperada de Josefina Arruti Viaño e Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Unha conmovedora novela política sobre as esperanzas truncadas pola rebelión militar e sobre a represión oculta, ese espeso silencio que sufriron as mulleres durante o interminable franquismo. Retratos de dúas vidas separadas naqueles días de terror nos que todo é real e documentado mais tamén todo é froito das ferramentas da ficción utilizadas coa destreza de ourive coa que adoita traballar o novelista de Moraña. Un xeito moi eficaz de iluminar acontecementos e zonas de sombra protagonizados por Osorio-Tafall, o que fora alcalde de Pontevedra na República, tamén o funcionario español de maior rango nas Nacións Unidas, o mesmo que na Reforma Política renunciou a ser o Tarradellas galego, representando a lexitimidade do Estatuto do 36 como presidente da comisión intermunicipal que o presentou nas Cortes o 17 de xullo de 1936. Como tamén o é para afondar na figura heroica de Josefina Arruti, cuxa historia desvelara Montserrat Fajardo no recomendabilísimo Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), que sufriu meses de cárcere e anos de acoso e estreiteza económica. Unha estratexia narrativa semellante a utilizada por Luis Rei Núñez en O encargo do señor Castelao (2016) e Matarán a Reboiras (2022) ou por Suso de Toro en Un señor elegante (2020). Novelas que amosan as posibilidades da ficción para contribuír á reconstrución de biografías e acontecementos chaves da historia do galeguismo. A narrativa como vía de investigación e achegamento á verdade, como unha forma de xusta reparación das persoas represaliadas e exiliadas, como a parella pontevedresa protagonista desta novela chea de matices e detalles de Xosé Monteagudo.

Publicado en Nós diario 01-03-2023

Historias do Celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar 100 historias do Celta de Eduardo Rolland:

Ás portas da celebración do centenario, o xornalista Eduardo Rolland publicou 100 anos de Historia do Celta. Un século escrito con afouteza e corazón (Ardemar Edicións 2022), libro no que ofrece medio cento de textos que resumen o primeiro século de fútbol celeste. Historias que contribuíron a forxar a identidade e o carácter do club nacido en Vigo coa intención de constituír un equipo de dimensión galega, competitivo a escala internacional, nunha disciplina que os entusiastas traballadores da Eastern Telegraph Company practicaban de forma afeccionada dende facía case tres décadas. Unha tradición futbolística pioneira, vinculada á dimensión portuaria da cidade, consolidada a partir de 1895, ano no que os empregados do Cable Inglés fundaron o Exiles Cable Club, o primeiro club de fútbol vigués. Práctica deportiva que adquiriría índole profesional coa creación dos dous clubs que se fusionarían o 10 de agosto de 1923: o Fortuna (1908) do campo de Bouzas e o Real Vigo Sporting Club (1914) da chamada “catedral” de Coia, entidade que a súa vez xurdira da fusión do New Club Vigués (1906) e do Sporting Club (1911). Clubs vigueses que dende 1906 até 1923 monopolizaron os títulos do Campionato de Galicia, o único oficial até a creación da Liga en 1929.

Rolland ofrece unha historia literaria e singular, renunciando a proporcionar estatísticas e clasificacións, coa intención de salientar así as figuras celestes máis icónicas (xogadores, adestradores e directivos), os acontecementos deportivos principais (fosen vitorias como derrotas inesquecibles) e os momentos críticos ou tráxicos dun club, que uniu o seu devir ao da propia cidade da que foi (e continúa sendo) o seu primeiro emblema no mundo. Relatos para os que o autor escolle a lingua galega, o que merece beizón, tanto por tratarse dunha achega importante para o catálogo do libro en galego, como pola coherencia coa propia historia dun club nacido para representar ao seu país. Velaí a escolla de nome entre as propostas de Breogán e Celta, tras un concurso popular auspiciado, como o proceso de fusión, por Manuel de Castro “Handicap” dende as páxinas de Faro de Vigo. Velaí a escolla do equipamento, en principio o vermello e branco da bandeira viguesa, pouco tempo despois, xa en competición oficial, mudado polo azul celeste e calzón branco, como sinalou Juan Baliño Ledo, o secretario da mesa fundacional do club, «xa que desde o principio sempre se quixo que o Celta representase a Galicia».

Utilizando a prosa fluída e documentada, tinguida das pingas de retranca de obras anteriores, como Galicia en guerra (Xerais 2006) e Reconquista (Xerais 2009), Rolland ofrece nestas prosas celestes algúns retratos memorables. Velaí o do inglés Francis Cuggy, primeiro adestrador, escollido entre os trinta nomes propostos pola Federación Inglesa de Fútbol, que acadou en dúas tempadas o campionato galego. Como inesquecible é o do escocés que se fixo chamar Míster Cowan, cuxo verdadeiro nome era William Raeside, todo un impostor que non abandonada o seu rostro flegmático e a súa pipa, co que o Celta fixo unha boa tempada (1927-1928), rematada cunha xira por Arxentina e Uruguai. Como merece lectura atenta a participación nesta historia celeste de Laureano Álvarez Rodríguez, aquel telépata madridista de orixe galega que de forma “desinteresada” prometía levar ao Celta de novo a primeira división, o que para Derviche «a directiva sopesaba contratar, como o bruxo de Pereiró e un famoso curandeiro», na mesma temporada (1959-1960) na que iniciaría unha das décadas máis decepcionantes da súa historia en segunda división, cando as “circunstancias adversas” mandaban, como salientaba Ramón Allegue “o Tigre Padrón”, o mítico gardameta celeste, autor doutra interesantísima historia do Celta, desta volta en primeira persoa, publicada por entregas nas páxinas dominicais do decano.

Rolland relata as tres finais de copa perdidas in extremis, como lembra o escándalo de Jaburú e a traxedia de Quinocho, rescata con saudade a era da rianxeira, os ascensos da esperanza, algunhas das vitorias máis contundentes dos derbis ou retrata con agarimo algúns dos mitos celestes de sempre: o león Ruiz, Sansón, Pahíño, Nolete, Ademir, o capitán Manolo, Gudelj ou o Mago de Moaña, entre outros. Como non esquece a traxectoria na competición europea, dende a maldición da primeira eliminatoria co Aberdeen (1971), a participación en Champions hai dúas décadas, a épica semifinal de Old Tratford (2017), como o feito de que en 2000 o Celta gañase a Copa Intertoto, o único título europeo do fútbol galego.

Recomendo estes 100 anos de Historia do Celta, unha achega valiosa de Eduardo Rolland para a recuperación da memoria colectiva dun Celta centenario como para a historia da propia cidade de Vigo.

 

Gabri Veiga, alfaia celeste

Tras a rotunda vitoria diante do Valladolid (3-0), o Celta do profesor Carlos Carvalhal fixo recuperar a ledicia e o optimismo á bancada de Balaídos. Un auténtico partidazo tanto polo acougo clasificatorio que proporciona o resultado diante dun rival directo, ao que se lle iguala a diferenza de tantos e se lle mellora na xeral, o que ten o seu valor nunha liga igualadísima na que coa excepción do Elxe ninguén quedou descolgado, como pola clara consolidación da mellora en todos os eidos do xogo que se ven producindo dende a chegada do adestrador bracarense. Un balance aínda máis positivo se temos en conta a actuación destacada de onte dos xogadores da canteira, especialmente de Gabri Veiga que tras a súa memorable actuación, incluídos dous goles (e xa leva oito e tres asistencias!), saíu aclamado coma un heroe, sen menoscabo dos paradóns valiosísimos de Iván Villar no tempo engadido da primeira metade e da entrada na segunda do central Carlos Domínguez e do medio Hugo Sotelo, o que coa presenza na lameira dos veteranos Hugo Mallo e Iago Aspas permitiron recuperar o protagonismo canteirán que semellaba perdido.

Emporiso a enorme actuación de Gabri Veiga, probablemente unha das mellores da súa vida deportiva, a revelación do campionato, tanto polos seus números de estrela (e de selección) como polo modelo que representa de medio moderno potente, con condución, velocidade e chegada letal dende segunda liña, adquiriu na tarde de onte un carácter histórico. Unha actuación do porriñés que protagonizou a maior parte dos ataques combinatorios celestes de mérito, unhas veces lanzando a Aspas, Carles e Seferovic, outras empurrando cunha forza e ao tempo unha fineza imparable a defensa pucelá sobre a súa porta, outras xutando entre os paos cunha convicción e unha autoridade descoñecida para un rapaz de apenas vinte anos. Gabri avisou no minuto 9 cunha das súas arrincadas que onte quería que fose o seu día, o que reiterou no 16 cabezando cara atras sobre Seferovic no primeiro gol, tras unha xogada que comezou e logo foi tecida con paciencia pola dianteira celeste. Como insistiu Veiga no 17 xutando dende a frontal unha diagonal que recibira de Luca de la Torre. Mais sería no 31 cando marcou por vez primeira, cun xutazo soberbio dun balón que Carles abandonou na área, cando foi atrapado por un defensa en claro penalti, tras unha excelente combinación pola dereita de Hugo e Iago.

Tras o descanso, os de Pacheta non baixaron os brazos e obrigaron aos celestes a dar un paso atrás. Mesmo o marroquino Amallah marcou, aínda que o gol foi anulado polo VAR, tras unha espera inquedante por innecesaria. Xaora, iso non descentrou a Veiga na súa actuación estelar que no 63 aproveitou un rexeite na área, ao máis puro estilo de dianteiro finalizador, tras outra xogada moi traballada na que Aspas e Galán moveron a bola dunha a outra banda. Tanto que non conformou ao do Porriño que dous minutos despois xutou sobre a base do poste, o que puido ser o seu primeiro triplete en primeira. Mágoa! Tras a súa saída do campo no 69 no carrusel de trocos cos que Carvalhal quixo asegurar o resultado, o Valladolid foi esvarando na melancolía ao tempo que a bancada do Fragoso festexaba unha tarde inesquecible da súa nova alfaia, un xogador de moitos quilates polo que non é difícil aventurar que chegado o verán puxará algún equipo da Premier League.

Outra ledicia celeste é contar agora coa intelixencia do profesor Carvalhal no banco, tanto pola súa flexibilidade táctica e empatía co vestiario como pola súa facilidade para entender a gramática do fútbol celeste, unha combinación de  doses de identidade (canteira), afouteza (compromiso), disciplina (respecto polo colectivo) e xogo bonito (fútbol de salón), moi valorada pola afección celeste que onte, a pesar do excelente partido e do amplo resultado non despregou aínda a súa rianxeira. Con todo, tras once partidos Carvalhal sumou 16 puntos con 4 vitorias e 4 empates, números que de continuar a tendencia asegurarían, por custosa que estivese, a permanencia.

Publicado en Faro de Vigo: 27/02/2023

Bubble

No «Contafíos» de Nós diario saúdo a publicación de Deus salve as raíñas, a terceira entrega da seire «A señorita Bubble» de Ledicia Costas e Andrés Meixide:

Celebrei o comezo de entroido lendo Deus salve as raíñas (Xerais 2023), a terceira entrega da serie «A señorita Bubble» escrita por Ledicia Costas e ilustrada por Andrés Mexide. Unha lectura gozosa dun texto engaiolante e complexo, con vontade inequívoca de clásico infantil, que amosa o talento desbordado da que é hoxe a nosa cabezaleira internacional do xénero. Un novo episodio protagonizado pola xenial inventora e mecánica, que manexa como ningunha outra a tecnoloxía do vapor, chamada desta volta pola raíña Isabel II coa intención de poder recuperar a súa peza máis valiosa desaparecida nun palacio de Buckingham infestado de ratas de cores. Unha historia tinguida de tópicos da cultura british, que permite a Ledicia despregar os recursos ficcionais do subxénero steampunk, que iniciara coa primeira entrega da serie A señorita Bubble (2017) e na que afondara na extraordinaria A balada dos unicornios (2018), mesturando como a ela mellor lle presta os ingredientes da fantasía, a ciencia e o humor retranqueiro. Unha fórmula maxistral lediciana aviada con referencias intertextuais a clásicos xuvenís como Verne (velaí a viaxe de regreso en cepelín, que permite a Meixide reunir aos personaxes) e, sobre todo, Roald Dahl, a quen homenaxea creando un río de queixo Cheddar fundido inundando as principais rúas londinienses, un atrevemento hipercalórico que o galés sometido hoxe aos rigores do politicamente correcto  moito aplaudiría. Despois da publicación de novelas importantes como Golpes de Luz (2021) e A lebre mecánica (2022), o seu terceiro Lazarillo, no que alerta sobre a silenciosa adicción xuvenil ás apostas, Costas amosa a versatilidade do seu potente catálogo ficcional para todos os públicos, capaz de crear mundos de ficción autónomos e singulares en permanente construción, como os das súas tres series: Bubble, Escarlatina ou os Minimortos, e facelo sen perder en cada entrega nin a excelencia nin a capacidade para sorprender nin o devezo de remoer a lectura.

Porta do Sol

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Porta do Sol:

A Ceferino de Blas, que sempre creu no Campo de Granada

Na nosa memoria familiar baixar a Porta de Sol representaba facelo a Vigo, ao lugar onde traballara mamá como dependenta da zapataría infantil de Abdón Cruces e papá como viaxante dos almacéns de tecidos de Sucesores de Teodoro Gómez. Para nós, que viviamos nunha bufardiña, ao inicio de Pi e Margall, a Porta do Sol era o corazón de Vigo, onde abriron os grandes almacéns de El Pilar, os de paquetería de Modesto Bobillo e os de Simeón García, con xastraría e ferraxaría.  A Porta do Sol do Hotel Moderno de Cesáreo González, construído por Pacewicz, ao comezo de Policarpo Sanz con Carral, fronte a histórica botica dos Borrajo e a barbaría de Juan Minguela, aquel perruqueiro vigués que en 1970 contara no Faro e logo na televisión española que avistara na súa casa de Viladesuso un pratiño voante «do tamaño dun vitrasa que brillaba». A Porta do Sol da droguería La Popular, onde acompañei nalgunha ocasión ao avó Suso Beleiro a mercar verniz para algunha chollada, antes de tomar unha chiquita no Gazpara ou, pasado o Arco de Quirós e a tenda de ultramariños dos Franco, o que eu máis devecía, unha tapiña de callos na de Ligero, tan ricos como os de Armando na Falperra. A mesma Porta do Sol, nunca lle chamamos na casa doutra forma, de La Villa de París (nun edificio deseñado por Jenaro de la Fuente) e o salón de El Louvre, comercios que a avoa Filo consideraba con admiración os de vestiario máis elegantes para as señoritas da cidade.

Porta do Sol comezada a construírse en 1656 como unha das seis portas da muralla de Vigo, chamada tamén dos Carneiros, do Salgueiral, da Soedade ou dos Tornos, pola que se accedía ao regato e fonte dese nome, documentado xa en 1667 no perfil da vila de Vigo e as súas fortificacións e despois no plano do recinto amurallado de Vigo de 1762, conservados no Arquivo de Simancas. Referencia presente no Plano da vila de Vigo de 1773 e no de Miguel Hermosilla de 1800, anteriores á ampliación da vila xa como cidade no século XIX. Porta do Sol pola que entraron en 1809 as tropas francesas, na que en 1834 comezou a ampliación do camiño a Benavente e Vilacastín, cuxo primeiro treito, a actual rúa Príncipe, sería aberto en 1840, que sería derrubada en 1861 por que se consideraba que a muralla «aprisionaba» unha cidade, que comezaba a ampliarse ao longo da ría coma o seu porto. Porta do Sol na que despois se instalaría o primeiro mercado municipal de froitas e verduras (1878), trasladado despois ao da Laxe, cando alí se construíu o fermoso edificio Simeón do arquitecto Manuel Gómez Román.

Ao longo do século XX a Porta do Sol transformada en praza converteuse nunha icona do Vigo cosmopolita, unha e outra vez fotografada pola forza das súas extraordinarias edificacións pétreas, como pola presenza a partir de 1914 dos tranvías que a transformaron no eixo e no inicio de comunicacións dunha cidade estendida xa sobre a súa bisbarra. Unha praza que ademais de centro comercial e oficinas, como as do edificio (1934) de espírito art decó do arquitecto Romualdo de Madariaga,  a cidadanía fixo o seu punto de encontro, tanto para o paseo, que se alongaba sobre Príncipe, como para celebrar grandes acontecementos, como a proclamación da República. Como tamén a Porta do Sol converteuse en espazo da memoria histórica, onde o 20 de xullo de 1936 tras a lectura do bando que declaraba o estado de guerra, a forza do capitán Carreró disparou sobre os vigueses e viguesas alí concentrados provocando vinte mortos e un centenar de feridos, actuación que deixou rastro na carpintaría da botica de Borrajo e no panel publicitario «Vinos y coñac Pedro Domecq», o máis antigo da cidade, por ventura catalogado como ben de interese cultural.

Nos últimos cincuenta anos a Porta do Sol non perdeu centralidade, tanto como icona da memoria da cidade das concentracións obreiras de 1972 e das múltiples manifestacións cívicas a partir da Reforma Política, como pola instalación en 1991 do Sireno de Paco Leiro, estatua que dende entón preside e representa xenuinamente o espírito da praza como referente de orgullo e afouteza de toda a veciñanza viguesa. Iconicidade da Porta do Sol que gaña coa súa peonalización irreversible, unha aspiración cidadá que defendemos aquí dende hai dúas décadas, que ademais de suturar para sempre a fenda aberta no Vigo vello amplía o espazo peonil dende o antigo camiño de Baiona até, podendo ser ambiciosos, a rúa do Ramal. Unha ampliación moi considerable do espazo peonil –para a que non era necesarios nin túnel nin templete ningúns (e moito menos entre dous edificios catalogados)– na que confiamos se privilexie aos peóns, se reduza de forma significativa a instalación de pezas decorativas e o espazo público cedido aos establecementos privados de hostalaría, evitando abusos recentes. A Porta do Sol é o primeiro espello do Vigo contemporáneo.

Ceferino, un home elegante

Quedei desolado cando souben do pasamento de Ceferino de Blas, o noso amigo sempre xeneroso e agarimoso, unha desas persoas de empatía contaxiosa cos brazos sempre abertos e dispostos para o abrazo. Atopámolo con Marisa en Urzaiz, despois do Nadal, como tantas outras veces que subían á sesión de tarde dos Multicines Norte, queixoso dunha antipática catarreira. Días despois agradeceume por unha mensaxe de WhatsAppo envío do meu último libro anunciando que estaba internado no sanatorio por unha pneumonía. Mensaxe que repetiu a finais de xaneiro para felicitarme pola presentación no Club Faro de Vigo, espazo cultural de referencia no que tanto teimou prestixiar, ademais de contarme que agardaba polos resultados das probas, pero estaba animado.

Así era Ceferino, un home elegante no fondo e na forma, unha persoa xenerosa para felicitar e recoñecer, firme e equilibrada cando cumpría criticar e reconducir; en todo caso, sempre respectuosa e amable con todas as persoas. Principios morais que guiaron tamén o seu traballo como xornalista de toda unha vida, fose nos medios de Asturias, a comunidade onde naceu e chantou raíces, fose dende 1986 en Vigo, a cidade da que quedou dende entón prendido, onde exerceu como director de Faro de Vigo e directivo do grupo Prensa Ibérica en Galicia durante dúas décadas. Unha actitude humana aberta que facilitou o seu labor como investigador da memoria de Vigo nas páxinas do xornal decano, das que se fixo o máis grande coñecedor, ao tempo que divulgador ameno, rigoroso e didáctico na súa columna do luns como na ducia de libros publicados na última década, algúns tan extraordinarios como Donde los periódicos son Faros. Historia de Faro de Vigo, decano de la prensa española (1853-2015), incluído en 2017 no catálogo do Instituto de Estudios Vigueses, do que era membro moi activo, coincidindo co seu nomeamento como Cronista Oficial da Cidade.

Apaixonado pola paisaxe e gastronomía da ría toda, celtista de corazón, acudía afouto a Balaídos sen temor ao resultado, lector letraferido e de grande curiosidade, cinéfilo apaixonado do cinema independente, conversador atento, que gustaba máis escoitar e comprender os argumentos dos seus interlocutores que falar e expresar os propios, con Ceferino vaise outro amante de Vigo e da súa historia, outro vigués de estirpe que amosa que en Vigo todos somos de aquí e todos chegamos de fóra. Adeus, meu admirado Ceferino, bo e xeneroso, a quen sempre agradecerei terme aberto hai vinte e catro anos as páxinas do Faro para publicar «Campo de Granada». Con todos os abrazos para a súa compañeira Marisa Real e para a comunidade toda de Faro de Vigo da que formou parte.

Faro de Vigo: 20/02/23