Onte 1049: Arcas de paz e esperanza

Gaza_27-07-2014Este chío que Khaled ElAhmand publicou onte expresa o incalculable valor dos libros. Esta afouta rapaza gazatense sen nome rescata os seus libros entre os cascallos da súa casa destruída polo exército de Israel. Moi queridos teñen que ser para ela os libros que agarima no seu colo. Eis o poder dos libros entre as ruinas da súa terra devastada, eis os libros resistentes, arcas de paz e da esperanza negada polas bombas e o fanatismo.

Onte 1024: Librosbanco en Londres

looking_glass

Quedei engaiolado coa reportaxe de The Guardian sobre os librosbanco en Londres, «Books about Town», unha desas marabillas ideadas polos poderes públicos no Reino Unido para o fomento da lectura. 50 bancos en forma de libro, dedicados cada un deles a un autor ou personaxe literario relacionado con Londres e ilustrados por un artista diferente, expóñense por toda a cidade durante os meses de xullo e agosto para ser poxados a comezos de outubro coa intención de obter fondos para The National Literacy Trust. Os promotores desta iniciativa, que lembra a Cowparade, pretenden que os londinienses e os visitantes gocen da experiencia de sentar nun libro cun libro na man. Os espazos públicos transfórmanse en espazos de lectura, a cidade nunha grande biblioteca ao aire libre, onde descubrir títulos, autores e ilustradores. Unha iniciativa para pasear polos parques públicos e sorprenderse cos libros e a literatura.

Coma no Reino Unido é adoito, os librosbanco poden ser patrocinados polas empresas privadas, sobre todo por editoras como Andersen Press que patrocina o bancoelmer de Mkee, ou Penguin que o fai co personaxe de Jacqueline Wilson. O catálogo de librosbanco é amplo, hai títulos do século XX como 1984 de Orwell, Febre nas bancadas de Horby, A máquina do tempo de Wells, outros clásicos como Os contos de Canterbury ou a  Alicia de Carroll. Hai rotas e concursos para localizalos, un completo programa de actividades literarias, ademais dun concurso promovido por The Guardian para escoller o librobanco número 51, ese que falta nunha escolma moi dificil de pechar, que será patrocinado polo propio xornal. Os librosbanco é outra desas iniciativas británicas de promoción lectora das que tanto temos que aprender. Paga a pena tirar dese fío.

Onte 954: Se non hai vento, vogar

Constitucion Foro Reimprimete

Excelente resultou a iniciativa do Fóro Reimprímete, coa que onte vinte organizacións empresariais e profesionais relacionados co sector do libro e a cultura gráfica celebramos en Compostela o Día do Libro. Con espírito mancomunado e corresponsable reclamamos no actual proceso de hibridación da comunicación cultural e educativa a recuperación efectiva do carácter estratéxico do sector do libro e do produto gráfico en Galicia. Foi o magnifico manifesto «Se non hai vento, vogar», escrito pola escritora Rosa Aneiros, o texto que acrisola o espírito proactivo dunha plataforma con vontade de consolidarse que representa a 500 empresas e a 1.300 profesionais independentes. A pesar das dificultades inevitables do proceso de mudanza e de poderosos obstáculos, o sector do libro e do produto gráfico en Galicia ten futuro.

Cultura corsaria

No artigo da semana en Faro de Vigo, a partir dos datos publicados polo Observatorio da Piratería e hábitos de consumo de contidos dixitais, reflexiono sobre o futuro da distribución do contido dixital.

A publicación do informe correspondente ao ano 2013 do «Observatorio de piratería y hábitos de consumo de contenidos digitales» amosa que en España durante o último ano non diminuíu de forma significativa o número de descargas ilegais de contidos dixitais culturais. Promovido pola «Coalición de Creadores», unha entidade que agrupa a case todas as entidades de xestión españolas e asociacións empresariais do mundo do música, o cine, os vídeoxogos e o libro, a pesar de ser un estudo de parte e non contar con outros datos comparativos oficiais ou académicos, este observatorio ofrece datos suficientes para ser considerados, canto menos, como tendencias significativas sobre unha cuestión moi polémica.

De inicio chama a atención da lectura destes datos que a metade da mostra de internautas consultados admite acceder a contidos culturais de forma ilegal, xustificando este comportamento, entre diversos motivos, polo feito de considerar caros os contidos dixitais, pola rapidez e facilidade do seu acceso, “por estar ao día no que sae”, pola incertidume de se lles vai gustar, “porque non é unha actividade ilegal nin censurable” ou, sinxelamente, “porque o fai todo mundo, xa que non pasa nada”. Como tamén son moi salientables outras cifras do informe, como a que sinala que durante o pasado ano o 84% dos contidos dixitais descargados en España o foron de forma non legal e sen outro custe para o usuario que non fose o que paga ao proveedor de internet.

O observatorio pon de manifesto que de 2012 a 2013 só diminuíron as descargas de contidos musicais, que pasan do 32% ao 27%, mentres se mantén o das películas no 43%, e aumenta o dos vídeoxogos, que pasa do 7,9% a 9,8%, e sobre todo o dos libros de ocio do 12,4% ao 20,5%, onde se incrementan tanto as descargas de libros dixitais como de libros impresos escaneados, a pesar de que o sector editorial é onde se produce un menor número de descargas dixitais. En todos os casos os produtos de novidades, os que teñen menos dun ano no mercado, son os máis descargados ilegalmente, o 35,8 % no caso dos libros, o 50,8 % no da música e o 31,2% no das películas. Tendo en conta, ademais, que o famoso “top manta” no que se ofrecen discos e películas pola rúa (fenómeno sobre o que se acuñou até agora o fenómeno da “pirataría”) é a esta altura unha canle de distribución de contido dixital ilegal en desuso, xa que apenas o 1% dos enquisados admite utilizala decote.

Estas descargas non legais provocan unha importante perda de ingresos para a industria dos contidos estimados para o pasado ano en 1.326 millóns de euros, sendo a música con 513, o cine con 450 e os vídeoxogos con 284 os máis prexudicados, mentres que na industria do libro a cifra deste lucro cesante sería de 79 millóns (o 4% do seu valor), dos que nós estimamos que corresponderían a Galicia 4,26 millóns de euros. Impacto negativo destas descargas non legais que afecta tamén aos postos de traballo nun sector cultural que conta con 63.578 empregos directo e aos ingresos anuais do estado en impostos e cotizacións sociais que poderían incrementarse en 526 millóns de euros anuais.

É moi difícil reconducir en España o problema das descargas gratuítas e ilegais en internet que ameaza con arruinar a todos os sectores da industria cultural e facer insostible o seu inevitable proceso de hibridación, tanto no deseño dos seus produtos coma nos seus procedementos de distribución. Un comportamento corsario (para evitar o termo “pirata” e as súas connotacións pexorativas) que -como se pode inferir dalgunhas opinións de usuarios de internet recollidas no observatorio, que o consideran un dereito do internauta a compartir os seus arquivos- ten que ver coa súa interpretación errada dos lexítimos dereitos de propiedade intelectual de autores e editores que identifican co produto analóxico (soporte físico) mais que non asumen no dixital, ao que pola súa natureza virtual asocian co acceso libre e gratuíto. Unha actitude á que tampouco é allea a escasa valoración que da cultura e da creación artística se foi instalando na nosa sociedade, fose pola irresponsable desimplicación con ela dos actuais poderes públicos ou pola adscrición dalgúns dos seus produtos coa industria do lecer e da frivolidade.

Non abondará coas modificacións da Lei de Propiedade Intelectual e dos seus regulamentos a este teor, se non se vai modificando tamén no conxunto da cidadanía, dende os escolares ás persoas maiores, o valor e o respecto da cultura no soporte dixital. Non hai dúbida que iso sería unha auténtica revolución en relación co funcionamento actual de internet, na que os poderes públicos non poden manterse inanes. Como tamén que a industria cultural ten a obriga de realizar o maior esforzo para mellorar a súa oferta dixital e facela máis accesible e asequible para todos.

Onte 942: A vontade dos editores galegos

Marcadores_lecturaCando convocamos a reunión de editores galegos para debater sobre a situación actual do sector descoñeciamos que coincidiría coa publicación da licitación por seis millóns de euros da plataforma e dos contidos dixitais para a experimentación dun modelo educativo sen libros impresos no programa Abalar, que agoira a desaparición do sector da edición educativa en Galicia, o que traería consecuencias catastróficas para a cultura e lingua galegas. Tras un debate sereno e esperanzado, os editores presentes concluímos na necesidade de superar tres retos no proceso de hibridación actual. Primeiro, o da creación de espazos amplos de visibilidade e interese social pola lectura, polo libro e pola creación cultural, con especial incidencia da realizada en galego. Segundo, o da implementación de políticas públicas responsables e rigorosas no eido da educación, da lectura, da lingua galega e da propiedade intelectual. Terceiro, o da posta en marcha de alianzas intergremiais estables no sector do libro e da lectura en Galicia para afrontar con maior capacidade as mudanzas esixidas. A pesar da gravidade da crise comercial e da agresividades co sector dalgunhas medidas do actual Goberno Galego, onte as vinte e tres empresas reunidas expresamos a nosa aposta vontade inequívoca de pelexar polo futuro, con imaxinación e espírito positivo.

Onte 896: Redución da compra de libros en Galicia

Pareceume que o dato máis significativo do informe Evolución do gasto cultural dos fogares galegos, publicado onte polo Observatorio da Cultura Galega, é que entre os anos 2011 e 2012 a compra de libros non de texto reduciuse en Galicia nun 26,9 %. Unha porcentaxe que acada o 48,92 % se comparamos a cifra das vendas de 2012 coa de 2007, antes do comezo da crise de devaluación interna que sofrimos. Semella que en Galicia é o libro non de texto o subsector cultural que máis está reducindo a súa facturación, xa que no conxunto dos sectores culturais entre 2011 e 2012 a redución foi do 5% e con respecto ao 2007 do 10 %. Estes datos amosan a magnitiude da gravísima recesión comercial do sector do libro en Galicia. Para non quedar satisfeitos.

Onte 890: A cultura galega, a nosa angueira

Tras un enriquecedor e sosegado proceso de análise e reflexión, a AELG, AGE e GALIX publicamos onte o texto A cultura galega, a nosa angueira co que expresamos o compromiso de tres das asociacións profesionais do sector do libro e da lectura en Galicia coa industria cultural de noso. Ás portas da celebración do Día de Rosalía, inxustamente excluído do Calendario do libro e da lectura 2014 da Consellaría de Cultura e Educación, e coincidindo co inicio das actividades do Ano Díaz Castro, con este texto as tres asociacións queremos contribuír a promover o entusiasmo e a corresponsabilidade da sociedade lectora galega ao tempo que reclamar o ineludible compromiso dos poderes públicos co fomento e difusión da nosa cultura e coa normalización da lingua galega.

Onte 871: A ladroa de libros

Sei que non é unha obra mestra, nin sequera unha fita redonda, mais A ladroa de libros, a película de Brian Percival baseada no best-seller xuvenil homónimo de Markus Zusak, paga a pena. A pesar do errado tratamento das linguas (a alemá non aparece por ningures), atribuíble á homoxeinizadora factoría estadounidense, a película consegue transmitir eficazmente o alento pola lectura, polos libros, pola escritura e, finalmente, mesmo pola creación literaria. As palabras constitúen o mellor antídoto contra a barbarie, simbolizada aquí pola queima de libros, mais tamén a mellor forma para combater o medo e a soidade. A lectura literaria, representada pola conquista que a protagonista realiza d’ O home invisible de H. Wellsé unha forma de coñecemento, mais tamén de curación.

As interpretacións de Geoffrey Rush e Emily Watson, a utilización da Morte como narradora (un recurso narrativo presente xa na novela de Zusak) e algunhas esceas memorables –como cando o xudeu agochado lle propón a Liesel, a heroína lectora, que lle describa o tempo que vai fóra, ou cando ela comeza a contar no refuxio antiáereo, engaiolando a súa veciñanza, mentres caen as bombas– abondan para recomendar vivamente esta película. Ademais, convén salientar o seu indubidable carácter de recurso didáctico, xa que pode axudar nas clases de lingua e literatura para abordar o tema do valor das palabras (vida) e da creación literaria coma mellor representación do mundo. Ideal para persoas letraferidas e para debater nos clubs de lectura de mozos e mozas.

Onte 870: Calendario profesional do libro e da lectura 2014

Comezamos onte a espallar pola rede o Calendario profesional do libro e da lectura 2014 preparado en man común pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e pola Asociación Galega de Editores. Unha peza informativa, deseñada por Fausto Deseño Asociados, que pretende axudar a todos os membros do sector do libro en Galicia (autores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesorado…) na súa tarefa de organización e mellora da coordinación das súas actividades de promoción do libro e da lectura. Ademais das efemérides de referencia para todo o sector, como o xa próximo e ilusionante Día de Rosalía, aparece o calendario das feiras do libro de Galicia e de feiras internacionais do libro nas que participa a edición galega, así como as actividades principais promovidas pola AELG e AGE. Agradecemos difusión.

Onte 866: O san Clemente, o premio do lectorado novo

Acompañamos a Pedro Feijoo nos actos de entrega do premio San Clemente, convocado polo IES Rosalía de Castro de Santiago e outorgado por un xurado de lectores e lectoras de 2º de Bacharelato de cinco institutos galegos. O autor d’ Os fillos do mar, gañadora da modalidade de novela galega, compartiu louvores con Arturo Pérez Reverte, gañador da modalidade de novela castelá por El tango de la guarda vieja, e o grego Petros Márkaris, gañador da de novela internacional por Liquidación final. A presenza de Feijoo, Reverte e Márkaris convocou a máis de cincocentas persoas que expresaron a esperanza que para a sociedade galega supón contar cunha xeración de lectores e lectoras novos con criterio literario.

Os tres novelistas defenderon o papel do libro e da lectura na construción do futuro. Feijoo reclamou «o libro como arma do futuro para fuxir da cadea de montaxe en serie», advertindo que «un rapaz con libro na man é toda unha declaración de intencións». Pérez Reverte reivindicou o papel dos libros como analxésico ou como espada: «Cando chegue a de Troia, que chegará, só hai dúas formas de enfrontarse a esta batalla, coma guerreiros ou como escravos. Ler axuda a enfrontarse a Troia para continuar pelexando, é imprescindible coñecer o mundo para evitar ser escravos». Pola súa banda, Petros Márkaris insistiu en que «a cultura é esencial en momentos difíciles, a cultura non é só un pracer, un lecer, a cultura é unha medicina para facerse máis fortes, para que grupos e comunidades continúen resistindo». Acabou lembrando Márkaris unha frase de Bento Spinoza: «Todo o que é aprezado é tamén difícil e estraño».

Este Premio san Clemente, xa con dezanove anos de traxectoria ininterrompida, é un dos modelos máis fermosos de intervención dunha comunidade educativa no proxecto cultural colectivo. O protagonismo do alumnado dos cinco centros participantes no desenvolvemento do concurso e de toda a ceremonia de entrega (con intervencións literarias moi brillantes e traballadas), o entusiasmo do acto de sinatura cos autores, as actividades didácticas (dentro e fóra das aulas), o interese dos medios de comunicación constitúen un modelo educativo e de promoción da formación do lector literario. Este Premio san Clemente é unha fachenda para o ensino público galego. Beizóns para Ubaldo Rueda, o incansable director do centro, alma mater da iniciativa, e para todo o equipo docente e comunidade educativa do Instituto Rosalía.