U-la túa casa?
De que están feitas as palabras?
Recomendo ver devagariño este vídeo-post de Barbol construído só con palabras e música.
Obrigado a Txetxu e a Moebius polo magnífico enlace.
De que están feitas as palabras?
Recomendo ver devagariño este vídeo-post de Barbol construído só con palabras e música.
Obrigado a Txetxu e a Moebius polo magnífico enlace.
Enlazo unha cita marabillosa de Paul Valery sobre as virtudes dun libro. Si señor, un bo libro é unha máquina perfecta de ler, cuxas condicións son definibles con bastante exactitude polas leis e métodos da óptica fisiolóxica; e, ao mesmo tempo, un obxecto de arte, unha cousa, mais coa súa personalidade, unha que leva marcas dun pensamento particular que suxire o noble propósito dunha orde afortunada e voluntaria.
Sabía desta veterana campaña Libros a la calle promovida por editores e libreiros madrileños (dende hai oito anos), e apoiada por empresas de transportes públicos e administracións da Comunidade e Concello de Madrid. A presenza e a calidade da de 2004 é mellor do que agardaba: en cada vagón do metro ou en cada autobús aparecen pegadas páxinas ilustradas (tamaño A-4) de diferentes fragmentos literarios de máis dunha decena de autores. “Non te quedes na primeira páxina“, “Ler fainos felices (e máis libres)“, “Ningún día sen poesía” son reclamos para achegar a lectura aos usuarios do transporte público, que no seu traxecto poden ler anacos de textos de Ángel González, Galeano, Luis Mateo Díez ou Ignacio Martínez de Pisón, entre outros autores. Son consciente das limitacións destas campañas publicitarias, só unha pequena parte dos Plans de Promoción da Lectura; porén, creo que son imprescindibles para visibilizar o libro na sociedade e para desmontar o prexuízo de que a lectura é unha actividade que require espazos especializados. Sen dúbida, non hai lugares mellores que outros para ler; cada cidadán debe poder exercer o seu dereito á lectura onde mellor considere (no metro, no autobús, no parque, no café…).
Teño insistido en que este tipo de campañas de promoción popular da lectura deberían ser emuladas en Galicia. O seu custe non é moi elevado, a implicación das empresas privadas e das administracións públicas sería un modelo que proporcionaría prestixio ao libro galego, e, por riba, a repercusión social sería, seguramente, moito máis grande da agardada. Libros galegos á rúa.
Pasei boa parte da tarde debullando esta espléndida Historia del libro de Frédéric Barbier que Alianza porá nos andeis das librarías dentro duns poucos días. Concibida dende unha perspectiva interdisciplinar, e moi ancorada, quizais excesivamente, na cultura e tradición editorial francesas, a obra vai abordando tanto a evolución do soporte, dos materiais e dos procedementos cos que se foi confeccionando o libro ao longo da historia, como os aspectos literarios, económicos, sociais ou políticos que determinaron o seu progreso e a súa permanencia.
Interesáronme moito as notas eruditas á marxe, enchidas de citas e curiosidades, ademais dos aspectos referidos aos cambios no uso das tipografías (“en caso de dúbida, empregue Caslon“), así como á evolución da tecnoloxía do papel e os procedementos de composición e impresión, aspectos que foron determinando a actual fasquía diso que chamamos libro. Como volume de referencia, recoméndoo aos profesionais da edición e aos amantes da historia da cultura impresa.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
