Vigo en corso

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro de Ramón Patiño Gómez, El corso en  la ría de Vigo y en las islas gallegas (IEV, 2022):

Desde que Juan Miguel González Fernández, un dos grandes  historiadores da cidade e fundador do Instituto de Estudios Vigueses, publicara no cuarto número de Glaucopis (1998), a revista anual do IEV, o seu referencial artigo «El corso vigués del siglo XVIII», ampliado nos seus numerosos traballos posteriores sobre a historia de Vigo na Idade Moderna, a práctica corsaria é entendida como un dos piares que explican a transformación de Vigo de aldea medieval á cidade portuaria atlántica que coñecemos. Unha tese referendada e ampliada no recente libro do arqueólogo mariño e historiador Ramón Patiño Gómez, El corso en la ría de Vigo y en las islas gallegas. Siglo XVI – Siglo XVII (Instituto de Estudios Vigueses 2022), obra monumental de case catrocentas páxinas, froito dunha concienciuda e pioneira esculca documental sobre o tema nos arquivos, singularmente os de Indias e Simancas, na que se explica a transcendencia deste fenómeno na actividade portuaria viguesa, dende a chegada da carabela A Pinta a Baiona até a batalla de Rande, dous séculos decisivos nos que Vigo fraguou o seu papel hexemónico no comercio naval da península e achou unha vía de capitalización que permitiu o seu desenvolvemento como cidade ao longo dos séculos posteriores.

Comeza Patiño aclarando conceptos sobre o corso e o seu exercicio, salientando o seu carácter de actividade marítima privada regulada pola Coroa. Un lucrativo negocio consistente en aparellar e artillar naves de cabotaxe para apresar buques mercantes de países inimigos coa finalidade de desvalixalos, mais para o que se requiría contar coa autorización do goberno que lle proporcionaba ao armador a patente de corso, unha licenza en forma de carta (de represalia, contramarca ou marca) na que se lle autorizaba a facer o corso e se sinalaban as normas específicas para abordar, rexistrar, deter e tomar posesión deses buques, así como o período de actuación e os lugares onde facelo. Actividade lucrativa tamén para a Coroa xa que obrigaba aos corsarios a depositar unha fianza, por se non se cumprían as normas establecidas na patente, e a que as presas fosen sometidas ao arbitrio dos tribunais que determinaban se eran boas ou malas. Patiño refírese despois á historia da actividade corsaria, que no caso galego se remonta ao tempo de Xelmírez, arredor do ano 1125, aínda que non sería regulada até 1621, cando Felipe IV ditou a primeira «Ordenanza da súa Maxestade para navegar en corso», ampliada e actualizada ao longo do século XVIII en varias ocasións, a derradeira en 1801, até a abolición desta actividade polo Tratado de París de 30 de marzo de 1856, ao que España tardaría tres décadas en adherirse.

Constitúe o miolo da obra de Ramón Patiño o relato detallado da actividade corsaria na ría de Vigo e nas illas atlánticas, dende os seus antecedentes, que identifica antes da chegada dos romanos coa presenza regular dos púnicos nas costas nosas, como testemuñan vestixios como os ídolos de Toralla, pasando polo comercio marítimo da época romana, a aparición dos piratas viquingos e normandos a partir do século IX, en virtude do chamado «dereito do puño», o dereito do máis forte para apoderarse dos buques do inimigo, até a chegada dos sarracenos a partir do século X. Crónica que Patiño amplía mesmo á navegación pesqueira, na que documenta en 1255 a presenza de pescadores portugueses na ría de Vigo ou as primeiras expedicións dende o porto de Baiona xa en 1541 para chegar ás costas de Terranova, «terra dos bacallaus».

Con todo, o lectorado atopará a cerna da esculca de Patiño na crónica, enfiada década a década, do sucedido nos séculos XVI e XVII, auténtica idade de ouro do corso na costa galega, así como na recuperación dalgúns documentos e os seus oportunos comentarios, algúns tan interesantes como o fragmento do Atlas do Rei Planeta (1634) do cartógrafo portugués Pedro Teixeira que relata o seu percorrido pola costa galega en 1621. Xaora, a obra de Patiño ten grande importancia para a historiografía viguesa por demostrar que a corsaria foi unha das actividades económicas que forxaron o destino de Vigo, xunto á pesqueira, industrial e comercial vinculada con América e cos portos do Norte de Europa. Unha actividade corsaria de cabotaxe consolidada na segunda metade do século XVII que permitiu incrementar as achegas de Vigo ás arcas reais, ao tempo que pulou pola actividade dos comerciantes vigueses, incrementou á poboación da vila até preto dos 3.000 habitantes, e iniciou o carácter cosmopolita do seu porto, considerado base corsaria multinacional, onde bulían tripulacións de orixe diversa.

Parabéns a Ramón Patiño por obra tan relevante como aos responsables do IEV pola súa incesante actividade investigadora e editorial a prol da historia da cidade da que se cumpre xa 30 anos.

Chapapote

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao vinte aniversario da catástrofe do Prestige, ao fío da publicación do libro colectivo Chapapote coordinado e editado por Xosé Manuel Pereiro:

O 13 de novembro ás 15:15 horas fanse vinte anos desde que o Prestige, cando estaba situado a 28 millas (uns 52 quilómetros) de Fisterra, emitiu o seu mayday, a alerta mariña diante dun perigo de naufraxio inminente. O capitán, o grego Apostolos Mangouras, anunciaba así a existencia dunha greta no tanque 3 de estribor no casco do seu buque cargado con 77.033 toneladas de fueloil Mazut M100, en realidade residuos de refinaría de baixa calidade (popularmente chamados como chapapote, piche ou galipote). Unha vella embarcación monocasco abandeirada en Bahamas, procedente de San Petersburgo e con destino a Xibraltar, que dende entón e durante case seis días seguiría un rumbo suicida diante da costa galega, até partirse en dous e fundirse ás 08:00 horas do martes 19 de novembro nunha fosa entre 3500 e 4000 metros de profundidade, provocando un vertido tóxico de 22.000 toneladas que afectou a tres mil quilómetros de costa, inundando as rías galegas e impregnando ás de Asturias, Cantabria, País Vasco e mesmo Francia, unha das maiores catástrofes en contaminación marítima do planeta. Unha marea negra que xa na mañá do sábado 16 emporcara toda a praza de Muxía e salpicara algunha vivendas, fenómeno ao que o entón responsable de Pesca do Goberno de Fraga quitáralle ferro declarando que «non é unha marea negra, son manchas soltas».

Sería o comportamento errático das autoridades sobre o que facer co barco e sobre a escasa e a todas luces enganosa información que proporcionaban sobre o inicio do vertido, durante o tempo que pasou entre o SOS e o afundimento do Prestige, o que provocou a mobilización da cidadanía galega o 1 de decembro de 2002 en Compostela, na que se reuniron en man común até 200.000 persoas con cadanseus paraugas, unha resposta de emerxencia que se convertería en xornada histórica na que de feito naceu Nunca Máis, o seu lema, a súa bandeira (presente en milleiros de fiestras e escaparates) e o seu movemento civil como expresión de dignidade colectiva. Unha mobilización de corazóns petroleados, definición certeira do escritor Manuel Rivas, un dos catro fundadores de Greenpeace España (1984), á que seguirían outras moitas, sempre concibidas con espírito cívico, irónico e inconformista: A Marea Gaiteira do 6 de decembro en Compostela, a Procesión das cruces do día dos santos inocentes na Coruña, a resposta das afeccións no derbi do 4 de xaneiro de 2003 en Riazor, a marcha festiva de Burla Negra que percorreu as rúas Vigo no serán do Día de Reis, a cadea humana de 55.000 estudantes e 3.000 profesores e profesoras nos areais e cantís da Costa da Morte o 22 de xaneiro, os concertos expansivos comezados coa lectura do «Manifesto contra o silencio» en 150 cidades mundo adiante do 1 de febreiro, a Marcha das Maletas da Coruña do 9 de febreiro, a manifestación en Madrid do 23 de febreiro, até a manifestación en Bruxelas o 14 de xuño de 2003, entre outras.

Unha resposta ao chapapote encabezada polos mariñeiros das rías galegas, os primeiros en frear a marea negra coas súas propias mans. Como foi decisiva tamén a achega xenerosa da marea de voluntariado, miles de persoas chegadas de toda a península, que durante varios meses limparon as peores costras contaminantes que penetraron en praias e cantís. Unha resposta da sociedade civil que reclamaba seguridade marítima e medioambiental para que non se repetise nunca máis outra catástrofe como as que periodicamente estragaron a costa galega, marcando a cada xeración, dende o Polycommander (1970) na ría de Vigo, o Urquiola (1976) na baía coruñesa, o Casón (1987) na Costa da Morte ou o Mar Exeo (1992) diante da Torre de Hércules. Unha cidadanía que reclamaba información veraz dos medios públicos, RTVE e CRTVG, controlados ferreamente polos gobernos de Fraga e Aznar e capaces de retorcer a realidade até transformala a conveniencia dos seus responsables.

Vinte anos despois da catástrofe e tras unha década da lectura da primeira sentenza que axuíza os feitos, enredo xudicial que permanece aberto, publícase Chapapote (Libros del K.O., 2022), libro coordinado e editado por Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes, un dos xornalistas que mellor coñece a catástrofe. Un libro no que o fío do relato dos acontecementos, ofrecido por Pereiro de forma moi precisa e detallada, dialoga cos textos doutros xornalistas que o amplían ou interpretan, dende o editorial de Manuel Rivas, pasando polas infografías e datos de Artur Galocha e Lara Graña, até as reportaxes de Arturo Lezcano, Lucía Taboada, Natalia Junquera, Marta Veiga, Xosé Hermida, Gonzo, Brais Cedeira e Silvia R. Pontevedra. Un relato colectivo que aclara o que e por qué pasou todo aquilo e como a catástrofe inflúe no presente e no futuro. Un libro oportunísimo que reivindica o valor do relato do Xornalismo, que recomendamos vivamente.

Onte 2154: Vida de infancia de Lois Pérez

Prestoume acompañar a Lois Pérez nas presentacións en Vilalba, o 16 de outubro, e en Ribadeo o 23, da súa novela A gruta da torre (Xerais 2022), gañadora do Vº Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade convocado polo IESCHA e o Concello de Vilalba. Dous seráns literarios memorables, onde rimos moito e emocionámonos máis, falando dunha novela da memoria, algo moi singular na nosa lix, unha achega a aquelas vidas de infancia do verán de 1990 que viviron unha cuadrilla de preadolescentes, entre os que se atopaba o propio narrador, que homenaxea aqueloutra de pandas do mestre Agustín, As flores radiactivas, publicada na primavera daquel mesmo ano. Unha novela dos días felices dunha rapazada que baixa a tumba aberta polas rúas de Ribadeo, unha espectacular localización para unha narración, onde non falta o contexto de acontecementos como a presenza da foca Cuquita na ría do Eo e a súa amizade cun rapaz ribadense ou da represión no 36 a cargo do nefasto «Rabioso».

A gruta da torre é unha novela de aventuras coral e trepidante, unha intriga iniciada a partir dun documento atopado nun libro da biblioteca municipal da Torre dos Moreno, artificio de ficción, como o da escritura do diario daqueles días, que permite ao autor ofrecer un retrato emocionante da amizade ás portas da adolescencia, do espertar do amor ou de como afrontar as discriminacións e desigualdades. Unha narración, tamén, sobre como afrontar os medos que provoca percorrer o pasadizo entre a infancia e a adolescenica, entre a ficción e o real, entre o mundo dos libros e a vida.

A gruta da torre tamén é unha homenaxe aos libros e a lectura, seguindo o fío da lectura da Viaxe a Samoa de Marcell Schwob, o que lle permite a Lois Pérez exaltar o xénero de aventuras e o propio feito da lectura tecida coas historias que atravesan o tempo contra o escuro. Unha novela de fronteira, como sinalan os propios editores encadrándoa na actual colección Camaleón, que terá lectorado preadolescente mais que aventuramos contará coa entusiasta da xeración do autor, rememorando as súas vidas de infancia. Un magnífico premio Agustín Fernández Paz que recomendamos vivamente.

Viana, o Schindler galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do deputado republicano Alejandro Viana Esperón:

A lista de Schindler (1993), o filme de Steven Spielberg, baseado na novela de Thomas Keneally A arca de Schindler, que representa a vida no gueto xudeu de Cracovia e a brutalidade do holocausto nazi, serviu tamén para desvelar a figura heroica de Oskar Schindler, o empresario alemán, espía e membro do partido nazi, capaz de rebelarse e salvar a vida de máis dun milleiro de xudeus polacos do campo de exterminio de Plaszow, contratándoos na súa fábrica de Cracovia. Unha iniciativa salvadora, recoñecida en 1960 polo goberno de Israel coa distinción de «Xusto entre as nacións», e máis tarde por Alemaña, como modelo de decencia e dignidade na defensa da vida dos seres humanos.
A publicación de Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos (Belagua, 2021), biografía preparada polo avogado e politicólogo pontareano Roberto Mera Covas e galardoada co premio Losada Diéguez ao mellor libro de investigación e ensaio do ano, recupera do esquecemento a figura do deputado Alejandro Viana Esperón, a quen ben se lle podería alcumar como «o Schindler galego». Un relato emocionante e moi detallado que remata coa ocultación imposta dende hai case oito décadas sobre o periplo vital e o papel decisivo de Alejandro Viana, responsable de varias organizacións humanitarias, director do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE) entre 1940 e 1941, desde as que organizou expedicións marítimas colectivas de republicanos que naquela Europa ocupada polos nazis pretendían chegar a América para salvar as súas vidas.
Nacido en Ponteareas en 1877, con apenas catorce anos trasladouse a Vigo para traballar como dependente de comercio e formarse na tenza de libros de contabilidade no Centro de Instrución Mercantil. Fundador en 1901 da Asociación de Dependentes de Comercio de Vigo, iniciaría a súa actividade como industrial exportador de ovos e despois no sector da conserva, actuando como representante dos exportadores do porto de Vigo e participando en 1920 como accionista destacado de Tranvías Eléctricos de Vigo, empresa da que chegaría a ser presidente de 1935 a 1936. Directivo do Partido Republicano Vigués (1914), cofundador da Liga de Defensores de Vigo e do Ateneo de Vigo (1923), presidente do Círculo Mercantil, conselleiro delegado do xornal El Pueblo Gallego (1924), promotor do Estadio de Balaídos, foi designado concelleiro da corporación presidida polo alcalde Gregorio Espino, na que se responsabilizou do departamento de Facenda e na que ocuparía en 1926 a Alcaldía en funcións durante uns meses. Unha intensa actividade política e empresarial que continuaría na Segunda República como responsable en Vigo de Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña. Nas eleccións de febreiro de 1936 foi elixido deputado a Cortes formando parte da candidatura da Fronte Popular, sendo o candidato máis votado en Vigo e participando entre o 15 e o 17 de xullo de 1936 na comisión de deputados e alcaldes que entregaron o Estatuto de Autonomía de Galicia ao presidente da República.
Roberto Mera rescata no seu libro o compromiso de Alejandro Viana durante os anos da Guerra e do Exilio, fose como directivo das Milicias Galegas en Madrid e da Sociedade Galega Antifascista, ou como membro das Cortes reunidas en Valencia (1937), Montserrat (1938) e a derradeira en Figueres (1939), formando parte xunto ao tamén galego Osorio Tafall do grupo de apoio a Juan Negrín como presidente do Goberno. Será co inicio da vaga de refuxiados, tras a caída de Catalunya, nas praias de Saint Cyprien e Argelès-sur-Mer, cando Viana inicie dende París a súa actividade salvadora como xefe da Sección de Emigración do SERE, na que se ocupará de xestionar e organizar as expedicións de refuxiados cara aos países de acollida. Será Viana quen se encargue durante a primavera e o verán de 1939 de organizar o frete das expedicións dos «barcos da liberdade», o Sinaia, Ipanema e Méxique, que supuxeron a evacuación de 8.000 republicanos a México. Será tamén o responsable xunto ao poeta e diplomático Pablo Neruda da expedición do Winnipeg a Chile, a maior destas características que atravesou o Atlántico. Como será Viana o delegado oficial en París das Sociedades Hispanas Confederadas de Nova York que organizará outras saídas.
É incomprensible que tan brillante traxectoria humana, empresarial e política, como a dun hábil e paciente activismo diplomático, que salvou até 17.000 persoas, na que non falta sequera a odisea para chegar a México en 1941 e para tras once anos de separación forzosa reunirse no país azteca coa súa muller a viguesa Josefina Dotras Fábregas, non fose aínda recoñecida como merece polo concello e institucións viguesas. Parabéns a Roberto Mera por tan excelente traballo que rescata para a nosa historia a proeza da figura extraordinaria de Alejandro Viana, o «Schindler galego».

O galego tamén é para o verán

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar un texto galegófobo do PP de Baiona:

Para Manuel e Martiño, novos baioneses que falarán galego

Esta semana soubemos que para o Partido Popular de Baiona o galego non é lingua para o verán. Nunha nota publicada en redes sociais, ao fío dun acto celebrado o serán do 13 de xullo, incluído na programación Baiverán 2022 da Concellaría de Cultura, os populares lamentan «la falta de respeto que la concelleira [sic] de Cultura tuvo ayer con el público que asistió al monólogo del humorista Quico Cadaval en la plaza del Concello [sic] al decidir que se hiciese en gallego y no en castellano para permitir que los asistentes, una gran mayoría residentes de segunda vivienda en nuestra localidad procedentes de diferentes puntos de España, pudiesen entenderlos y no se sintiesen discriminados». Texto no que entenden «que si se pueda optar por nuestro dialecto [sic] en otra época del año, no es de recibo que se haga en pleno verano, la época de mayor afluencia turística»; e no que rematan apelando ao carácter “acogedor” [sic] da vila da Arribada e á utilización do castelán como cortesía cos visitantes, así como recoñecendo ter recibido queixas trasladadas por asistentes ao monólogo pola lingua utilizada.

Un texto político que aventuramos pasará á historia externa do galego por reunir en apenas un cento de palabras as mentiras e os prexuízos actuais máis grosos sobre a nosa lingua milenaria. Máis alá do desatino (sinónimo no vocabulario galego de “burrada”) e do atrevemento sen referencias académicas ningunhas de clasificar o uso das linguas pola estación do ano, outra forma de diglosia na que o galego continúa sendo a lingua inferior, o conto do grupo popular baionés (como ben advirte para estes casos o mestre Castelao) é ben triste xa que nega de raíz a existencia da propia lingua galega, á que se refire como “nuestro dialecto”, terminoloxía do máis reseso franquismo, anterior á Constitución, ao Estatuto de Autonomía de Galicia e á Lei de Normalización Lingüística que dende hai máis de catro décadas regula a nosa convivencia e a utilización das linguas cooficiais no espazo público. Un texto galegofóbico que en aras desoutro prexuízo de evitar que os nosos visitantes españois poidan sentirse molestos escoitando un monólogo en galego dun actor galego ou simplemente lendo na rúa un carteliño onde se anuncia, máis aínda se posúen unha segunda vivenda en Galicia (condición de propiedade que para os populares semella outorgarlles “dereito de veto lingüístico”), apela a que “por cortesía” durante o verán prescindamos do uso do galego e sexamos, dialogando co verso rosaliano, estranxeiros na nosa patria.

Este disparatado texto dos populares baioneses, que ben debería sequera ser comentado polos responsables galegos do PP, podería formar parte d’ O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais 2022), monumental obra recente na que o profesor Carlos Callón escolma en oitocentas páxinas documentos de proscrición, limitación, desprezo e ataque ao galego. Textos que documentan unha fobia poliédrica persistente, a galegofobia, o odio á lingua de Galicia, presente ao longo da historia en diversas formas, dende prohibicións polo seu uso privado e público, queimas de libros, castigos físicos, sancións administrativas ou multas  até os actuais prexuízos lingüísticos que obrigan a esa eterna ollada subordinada sobre o galego e sobre a propia Galicia como suxeito político. Neses poderosos anteollos que deforman a ollada sobre a nosa realidade lingüística, até facela irrecoñecible por mentirana e deformada, como sucede co estrafalario texto dos populares baioneses, identificamos a cerna do agravio lingüística actual, que coincide (e non parece fortuíto) cun retroceso do emprego do galego no espazo público até niveis preconstitucionais por parte dalgúns responsables políticos.

No entanto, do conto triste de Baiona paga a pena recoller o fío tan valioso da cortesía lingüística, un camiño de respecto e empatía de dúas direccións, que compromete tamén ás persoas que nos visitan e ás que decidiron compartir as súas vidas aquí durante a tempada nas súas segundas residencias. Deámoslle a volta ao carpín do abandono e da desidia e recoñezamos que o verán é un tempo de privilexio para gozar co galego, tamén, nos areais, cantís, prazas e terrazas de Baiona nas que un entorno acolledor de respecto e curiosidade as veraneantes poidan recoñecer a existencia da lingua galega e o se uso en espazos privados e públicos. Como o verán é tempo para que todas, tamén as visitantes, poidamos gozar da diversidade e da calidade das manifestacións culturais en lingua galega, sexa na música, no teatro, no audiovisual ou na creación literaria onde hai moito e bo para escoller. O galego é lingua milenaria de acollida, que abraza e agarima as persoas que con curiosidade e respecto se achegan a ela.

Onte 2151: Por unha crianza con empatía

Non constitúe sorpresa ningunha que o noso admirado Miguel López El Hematocrítico publicase por fin o seu primeiro libro de ensaio, ¡Escúchalos! Por una crianza con empatía (Paidós, 2022), un vibrante e razoado manifesto en defensa dunha educación lenta e responsable, centrada na escoita, na paciencia e no acompañamento. Superando as rixideces e precariedades das aulas escolares e a fraxilidade do urdime familiar, Hemato propón unha crianza centrada na conquista da autonomía persoal na que a cativada medre gozando do pracer de vivir. Escrito coa fluidez e o humor das súas narracións, Miguel interroga a familias e educadoras sobre os temas máis polémicos da axenda educativa actual: o hiperconsumo infantil, a burbulla dos aniversarios, a organización do tempo familiar de lecer, o papel de avós e avoas, o custe das etiquetas, a existencia de notas, exames e deberes, a utilidade dos grupos de WhatsApp de clase, os usos de pantallas, a lectura e a biblioteca, entre outros.

Particular interese ten a reivindicación que o autor fai do tempo libre das crianzas como un tempo a valorar e protexer. O tempo é sagrado, máis aínda na infancia que fóra do entorno escolar precisa, como as persoas adultas, tempo para xogar na casa e no parque, correr, ir á biblioteca, aprender a tocar un instrumento, utilizar as pantallas para ver un vídeo, unha película ou compartir unhas partidas. Como tamén e moi certeiro o seu enfoque da educación emocional, centrada no acompañamento (unha escoita permanente),  e na abordaxe da diversidade nunha nova normalidade, un xeito de procurar que os nenos sexan felices, «sentíndose queridos e esixidos» (unha de tantas veces a subliñar do libro). En definitiva, do que trata a educación primeira é de coidar persoas tranquilas, seguras e felices. Recomendo este ensaio educativo que aventuro de grande utilidade nas Escolas de Familias dos centros de infantil e primaria. Parabéns, Miguel!

Todo chega desde o mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Todo chega desde o mar (Medulia 2022), a primeira novela de Santiago Ferragut:

Unha das técnicas da concellaría de Cultura designada como membro do Padroado de Historia prepara unha serie de artigos sobre os principais episodios da historia de Vigo para ser publicados no xornal centenario. Concibida como a procura da cerna da cidade, a esculca levará á historiadora a afondar nos naufraxios ocorridos no interior da ría de Vigo durante o século XX e logo a centrarse nos acontecementos dos últimos anos da ditadura, con especial atención sobre aquela folga de setembro do setenta e dous, na que dez mil obreiros paralizaron Vigo durante case un mes con argumentos políticos, máis alá dos estritamente laborais, acontecemento que as persoas entrevistadas citaban con saudade mais en cuxos detalles ninguén quería entrar. Así arrinca a trama de Todo chega desde o mar (Medulia 2022), a primeira narración de Santiago Ferragud, unha engaiolante pescuda na memoria viguesa, unha achega novidosa dende a novela histórica ao catálogo cada día máis amplo e diverso do Vigo literario.

Ferragud, a quen coñeciamos como músico e compositor, cantor de poemas, integrante de Xardín Desordenado, reconstrúe nestas páxinas documentada co rigor e o detalle do historiador e escritas co alento do narrador natural, os episodios esenciais da historia dunha cidade ocupada sempre no seu difícil e convulso presente, mais que ten conciencia que o seu pasado a compromete. Aquí están dende a presenza da pequena vila de pescadores atacada por Pedro Madruga no século XV, durante o reinado dos Reis Católicos, pasando pola incursión de Drake un século despois e a batalla naval de Rande de 1703, até o pulo acadado pola frota corsaria viguesa dos Marcó del Pont de fins do século XVIII e a expulsión heroica dos franceses, que permitiu ascender a Vigo de vila a cidade (1810), mito fundacional do Vigo contemporáneo. Mais non esquece o autor a memoria recente recuperando acontecementos que até agora permanecían case inéditos, como  os últimos fusilamentos franquistas de setembro de 1975, entre eles o do vigués Xosé Humberto Baena, a do primeiro atentado do GRAPO e a traxectoria dalgúns membros deste grupo armado ao longo de vinte e cinco anos até o asalto ao furgón blindado da estrada provincial.

Episodios que permiten entender as orixes dunha cidade á que todo chega desde o mar: as ideoloxías e as lendas, os animais exóticos e as invencións mecánicas, mais tamén as crebas e restos de naufraxios que alguén, nalgún afastado lugar, deixou de amar. Episodios transformados en mitos que agora nos seducen e agrupan aos vigueses, que nos explican como un porto refuxio, unha fronteira de tráfico incesante, entre o infortunio e a quimera. Episodios que desvelan, ademais, testemuños que sobrevivirán á negación e ao esquecemento, algúns estremecedores como os do sendeiro das bágoas do 36 cos que se vai pechando a novela. Velaí o retrato do xeneroso alcalde Martínez Garrido, fusilado en Pereiró, coma o primeiro, Heraclio Botana, ambos os dous socialistas. Velaí a crónica do inferno da illa de San Simón, convertida en lazareto polo visionario e optimista Nicolás Taboada Leal. Velaí a narración do sucedido dentro do bou Eva ou o asasinato da Calesa que voceaba os vespertinos na Porta do Sol, onde o 20 de xullo caeu abatida por unha baioneta a primeira vítima viguesa do alzamento.

Cos vimbios dunha memoria fértil e dun amplo coñecemento histórico, coa forza e credibilidade dunha voz recoñecible e unha modulación poética sutil no urdime dunha prosa coidada, o autor ofrece unha excelente novela histórica na que retrata un Vigo de salitre e aceiro construído sobre o anfiteatro da ría coa ollada sempre enxergando o horizonte das Cíes e coa súa cidadanía pendente de todo o que chega desde o mar. Esta é a novela dun Vigo orgulloso do seu pasado obreiro, portuario e fabril –velaquí a importancia da conmemoración do cincuenta aniversario do setembro de 1972, epopea viguesa homenaxeada nestas páxinas–. Con todo, e a pesar das actuais manobras de ilusionismo ao que está sometido, a de Ferragud é a novela dun Vigo que non se distrae nun tempo de hibridación e mudanza nas incertezas do seu atarefado presente de porto atlántico, produtor e distribuidor de automóbiles e embarcacións, que continúa escrutando o seu futuro nos camiños do mar, dos que falaba con fachenda Valentín Paz Andrade. O autor, como a súa incansable narradora, sabe que as cidades non existen se non son relatadas. Todo chega desde o mar é o relato dese Vigo inmorredoiro da memoria, desa teimosa abella da ribeira que permanece sempre aparentemente durmida, volcán de dinamismos e contradicións, célula que contén todas as Galicias posibles no que teimosamente acreditamos o mellor porvir para os netos dos nosos netos. Recomendo vivamente a lectura e parabenizo polo logro ao seu autor.

O «Vigo noir» no Vigo literario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao chamado «Vigo noir» dentro do Vigo literario:

Na emocionante homenaxe que o Club Faro de Vigo tributou a Domingo Villar, ademais de salientarse a dimensión humana e os valores éticos do escritor vigués, destacouse o seu papel decisivo na ampliación do territorio do «Vigo literario», unha xeografía literaria que Iolanda Galanes Santos, profesora da Universidade de Vigo, chamou «Vigo noir», sintagma acuñado por Xaquín Núñez Sabarís nun traballo publicado na revista Tintas. Quaderni di letterature iberiche e iberoamericane (Universidade de Milán, 2019). Un texto académico no que o profesor da Universidade de Minho estuda o papel da novela negra no campo cultural galego, dende a publicación de Crime en Compostela (Xerais 1984), a novela alboral deste xénero de Carlos G. Reigosa. Artigo no que Sabarís focaliza o seu interese nas achegas de tres vigueses, o propio Domingo Villar, autor de Ollos de auga (Galaxia 2006) e A praia dos afogados (Galaxia 2009), Pedro Feijoo, autor d’ Os fillos do mar (Xerais 2012) e Francisco Castro, autor de Tes ata as dez (Galaxia 2014), nas que en todas catro identifica unha localización e ambientación viguesa como marca específica de espacialización do texto literario capaz de construír unha certa cosmovisión dunha narrativa cooperativa co lector ou lectora.

Coma fixera Camilleri coa súa Vigata siciliana, nas súas tres novelas protagonizadas polo inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez, Villar fixo do Vigo metropolitano unha cidade literaria en clave do xénero policial. Dende a súa primeira novela, na que recoñeceu a Reigosa apelidando así a súa primeira vítima, deseñou a paisaxe dunha xeografía literaria propia con paradas na Taberna de Elixio, no Bar Puerto de Areal, na Escola de Artes e Oficios, no Pirulí (o vello Xeral), na lonxa do Berbés, no quiosco das Almas Perdidas ou no xardín histórico da Alameda. Unha xeografía estendida sobre a ría no porto de Panxón, no faro de Monteferro, na parroquia de Tirán na banda do mar, que tiña previsto ampliar a Santa María de Oia onde anunciara se localizaría a cuarta entrega, Ondas de inverno. Como exaltou nas novelas o coidado artesanal das vides, un xeito de homenaxear ao seu propio pai, debullou as mellores receitas da nosa culinaria popular (viva a pata con garvanzos!), reivindicou a conservación da arquitectura pétrea viguesa do Ensanche ou homenaxeou a Carlos Oroza, o noso poeta peripatético. Expresións todas dun espazo emocional, no que destilou o espírito máis xenuíno de Vigo como urbe metropolitana de fronteira, portuaria e mariñeira, estendida sobre a ría, posuidora dun elixir propio presente no recendo do salitre.

Esta transformación da xeografía metropolitana viguesa en espazo literario e emocional, «relato noir da cidade», en palabras do profesor Núñez Sabarís, da que Domingo Villar foi destacado pioneiro, tivo continuidade durante a segunda década do século nas novelas xa citadas de Pedro Feijoo e Francisco Castro, como nas doutros autores e autoras que asumiron a ambientación viguesa como marca cultural específica das súas tramas policiais. Unha relación da que forman parte Manuel Esteban, autor de tres novelas protagonizadas polo inspector Carlos Manso, A ira dos mansos (Xerais 2016), O meu nome é Niguén (2018) e A vinganza dos homes bos (Xerais 2002); Beto Luaces, autor da triloxía formada por Vicus, un lugar común (Bolanda 2017), Vicus, un lugar aquelado (Bolanda, 2019) e Vicus, un lugar afastado (Bolanda, 2020); María Xosé Porteiro, autora de Covardes (Ir indo, 1999); Elena Gallego, autora de Sete caveiras (Xerais 2014); Alicia Borrás, autora de La voz rota (Elvira 2018); Daniel Cid, autor de La gabardina azul (Ediciones B, 2017) e Óscar Vázquez de Lima, autor de Ángeles robados (Maluma 2018), entre outras.

Títulos de thrillers aos que se podía poñer a etiqueta de «Vigo noir», que forman parten dun fenómeno máis amplo e vizoso, o do «Vigo literario» en lingua galega, recollido no excepcional proxecto do «Mapa literario de Vigo» deseñado pola Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas. Un amplo catálogo que ofrece dende títulos pioneiros da escritora María Xosé Queizán, como Amor de tango (Xerais 1998), a outros máis recentes de Ledicia Costas, como Infamia (Xerais 2018) e Golpes de luz (Xerais 2021), pasando por aqueloutros convertidos en clásicos modernos como Panificadora (Xerais 1994) e Unha historia que non vou contar (2009) de Cid Cabido, Cemiterio de elefantes (Xerais 1994) de Fran Alonso ou Cabalos e lobos (Xerais 2015) de Fran P. Lorenzo, entre outros dunha relación máis ampla.

Vigo, a cidade amada de Domingo Villar, para el «un animal durmido ao bordo da auga» (O último barco, 2019), configurouse nas dúas últimas décadas como un espazo literario propio, e polo tanto emocional, ese «Vigo noir» e «Vigo literario», do que os vigueses e viguesas podemos sentirnos orgullosos.

Todas somos lectoras

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre 0 23 de abril tamén como día da lectura:

A celebración do 23 de abril, día mundial do libro e do dereito de autoría, efeméride creada pola Unesco en 1995 coincidindo co día de San Xurxo, facilita a reflexión sobre o poder dos libros e o valor da lectura como competencia clave para a formación individual e o desenvolvemento comunitario que toda a cidadanía sen excepción debe adquirir e utilizar ao longo da vida. Unha efeméride cívica e escolar que, máis alá da mobilización comercial do sector da edición e a libraría presentando as súas novidades de primavera, actividade que por desgraza en Galicia é cada ano máis cativa e discreta, constitúe un motivo para celebrar a importancia social da lectura e do seu fomento entre as crianzas e a mocidade nos centros escolares e bibliotecas públicas, así como a promoción da creación literaria como a súa expresión artística, a visibilización nos medios e redes sociais dos autores e autoras como os seus protagonistas, e a presenza do libro impreso e electrónico no espazo público, sexa analóxico como dixital.

Semella que tras os días de confinamento e anos de pandemia medrou en España o número de lectoras habituais no seu tempo de lecer. Canto menos iso expresan as cifras do barómetro de hábitos de lectura e compra de libros máis recente (Federación de Gremios de Editores de España, marzo 2022): o 64,40 % das persoas maiores de 14 anos, 61,90% en Galicia, en ambos os dous casos dous puntos por riba que en 2019, ano anterior á Covid-19. Porcentaxe claramente maior no caso das mulleres, que chega ao 69,40 %, o que consolida o fenómeno da feminización do hábito lector ao longo da década. Cifras esperanzadoras tamén na compra de libros impresos, actividade que realizan o 52,30 % das consultadas, sobre todo en librarías e cadeas de librarías (55,40 %) que, coa excepción comprensible da baixa de asistencia a bibliotecas públicas (25,30 %), expresarían unha repunta do hábito de lectura de libros na pandemia. Un crecemento que tamén se produce nas crianzas, tanto entre as de 10 a 14 anos, cun 77,50 % de lectoras, como as de 6 a 9 anos, cun 83,70 %, que dedicarían en ambos treitos, tanto o dos que aprenden a ler como os que aprenden lendo, máis de tres horas semanais á lectura.

Datos que por ventura convidarían a un certo optimismo, nun entorno tan escasamente esperanzoso como o actual, xa que a revolución silenciosa da lectura é das poucas capaces de mudar a nosa forma de vivir e de interactuar no mundo. Alex Quigley, investigador en formación lectora e autor de Todos somos lectores (Plataforma editorial, 2022), salienta que «vivimos nunha época na que o acto de ler está mudando a máis velocidade ca nunca na súa curta historia de cinco mil anos». A hibridación da comunicación textual, na que lemos de forma xa habitual sobre soportes impresos e pantallas hipertextuais, está modificando tanto os nosos comportamentos e preferencias lectoras como a propia aprendizaxe da lectura, unha competencia que actualizamos decontino, mais tamén un proceso arduo e complexo, un desafío para a aprendizaxe para o que Quigley estima cada lectora precisa dedicarlle dous mil días da súa vida, o tempo necesario da infancia á adolescencia para adquirir na escola e no instituto esta destreza mestra, a máis grande e importante das invencións da humanidade. Eis o reto principal (e complexo) da escola actual, a de formar lectoras híbridas e críticas a un tempo, lectoras estratéxicas, capaces de enfrontarse con éxito a todo tipo de textos e soportes, dende os informativos aos propiamente literarios.

A lectura hoxe é fráxil e máis importante ca nunca o foi. O acto de ler –ao que a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Bea Gregores acaban de dedicar un fermoso álbum, Cando leo (Xerais 2022)– forma unha parte fundamental do tecido da nosa vida. Cando lemos non existen portas nin fronteiras, cando lemos sabemos que hai alguén que nos fala, como sempre lembraba o mestre Agustín Fernández Paz, citando a Guy Montag, o bombeiro de Fahreint 451 (Xerais, 2000), a distopía de Ray Bradbury que aos activistas da lectura nos continúa emocionando. Mais non podemos esquecer que a lectura para todas non é tan natural como podemos supoñer como tampouco obviar a existencia de fendas lectoras que están comprometendo o éxito dun de cada catro escolares. Pechar esas fendas lectoras na aula e proxectar a lectura máis alá das portas dos centros educativos como actividade transversal son dous retos esenciais para emprazar a lectura na súa dimensión comunitaria, que deben asumir tanto a administración educativa como o resto das administracións públicas nos seus plans de lectura. Non o esquezamos: todas as persoas somos lectoras ao longo das diferentes etapas da vida, unha condición indispensable para exercer cidadanía. Velaí o sentido de celebrar o 23 de abril, tamén como día da lectura.

Onte 2150: «O neno de lume» de Ledicia Costas

Tras Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais 2014), recoñecida co Premio Merlín (2014) e co Premio nacional de lix (2015), Ledicia Costas recunca no Merlín (2022) con outra obra extraordinaria, O neno de lume (Xerais 2022), unha novela con atmósfera de conto dickensiano e vontade de clásico. Empregando a estrutura do conto marabilloso, na que os protagonistas, Morgan («o neno de lume») e Anna («a nena morcego»), conviven de xeito natural con seres sobrenaturais e máxicos (as tres irás Luminaria), Costas artella unha aventura  que explica o funcionamento do tempo atmosférico, a orixe do sol e as razóns dos ventos, das choivas, neboeiros e saraibadas. Unha peripecia fantástica na que será clave tanto unha pequena lapa chantada no ombro dereito de Morgan,  como o feito de que  ao longo dos seus dez anos de vida fose acollido e educado cada mes por unha das familias de Lilitown, a cidade onde apareceu nunha cesta pouco depois de nacer coma novo Moisés.

Empregando os recursos que lle son propios a toda a súa narrativa infantil (humor retranqueiro a esgalla, creación brillante de personaxes protagonistas e secundarias femininas, coidado na construción de tramas complexas e da procura de solucións orixinais para os conflitos, localización en entornos urbanos dun tempo pasado ou nun tempo e espazo míticos, homenaxes intertextuais, agarimo pola tecnoloxía…) e engadindo as convencións do conto tradicional de carácter marabilloso, Ledicia ofrece n’ O neno de lume un dos seus textos literarios para o lectorado autónomo mellor concibido, máis logrado e sorprendente.

O neno de lume é un  libro escrito co alento imaxinativo e a liberdade creativa das grandes narradoras como Ana María Matute que confirman a Ledicia Costas como narradora natural e mestra da lix galega do noso tempo. Recomendabilísimo este Premio Merlín 2021, ilustrado coa agudeza visual de Iván R. que consegue ofrecer en cada unha das suas imaxes unha metáfora gráfica do texto. Parabéns, admirada Ledicia, conseguiches crear outro universo propio, unha nova proeza.