Bubble

No «Contafíos» de Nós diario saúdo a publicación de Deus salve as raíñas, a terceira entrega da seire «A señorita Bubble» de Ledicia Costas e Andrés Meixide:

Celebrei o comezo de entroido lendo Deus salve as raíñas (Xerais 2023), a terceira entrega da serie «A señorita Bubble» escrita por Ledicia Costas e ilustrada por Andrés Mexide. Unha lectura gozosa dun texto engaiolante e complexo, con vontade inequívoca de clásico infantil, que amosa o talento desbordado da que é hoxe a nosa cabezaleira internacional do xénero. Un novo episodio protagonizado pola xenial inventora e mecánica, que manexa como ningunha outra a tecnoloxía do vapor, chamada desta volta pola raíña Isabel II coa intención de poder recuperar a súa peza máis valiosa desaparecida nun palacio de Buckingham infestado de ratas de cores. Unha historia tinguida de tópicos da cultura british, que permite a Ledicia despregar os recursos ficcionais do subxénero steampunk, que iniciara coa primeira entrega da serie A señorita Bubble (2017) e na que afondara na extraordinaria A balada dos unicornios (2018), mesturando como a ela mellor lle presta os ingredientes da fantasía, a ciencia e o humor retranqueiro. Unha fórmula maxistral lediciana aviada con referencias intertextuais a clásicos xuvenís como Verne (velaí a viaxe de regreso en cepelín, que permite a Meixide reunir aos personaxes) e, sobre todo, Roald Dahl, a quen homenaxea creando un río de queixo Cheddar fundido inundando as principais rúas londinienses, un atrevemento hipercalórico que o galés sometido hoxe aos rigores do politicamente correcto  moito aplaudiría. Despois da publicación de novelas importantes como Golpes de Luz (2021) e A lebre mecánica (2022), o seu terceiro Lazarillo, no que alerta sobre a silenciosa adicción xuvenil ás apostas, Costas amosa a versatilidade do seu potente catálogo ficcional para todos os públicos, capaz de crear mundos de ficción autónomos e singulares en permanente construción, como os das súas tres series: Bubble, Escarlatina ou os Minimortos, e facelo sen perder en cada entrega nin a excelencia nin a capacidade para sorprender nin o devezo de remoer a lectura.

A festa equivocada

No «Contafíos» desta semana en Nós diario recomendo A festa equivocada (Rodolfo e Priscila 2022) de Fran P. Lorenzo:

Unha das miñas lecturas favoritas recentes foi A festa equivocada (Rodolfo e Priscila, 2022), o libro no que Fran P. Lorenzo escolma os artigos que publicou no extinto xornal Galicia hoxe baixo o epígrafe «Vai de blog». Prosas en primeira persoa, nas que emerxe a voz íntima e familiar dun rapaz vigués sen aldea, nalgunha medida tamén debedoras das novas narrativas electrónicas, na década que se xestaron as utilidades das redes sociais. Setenta textos que hoxe lemos como unha brillante crónica do ocaso do absolutismo democrático e caciquil do fraguismo tardío, como da esperanza secuestrada ao goberno bipartito e á vontade colectiva de Nunca Máis, como do posterior inicio do borrado do disco duro dunha nación emprendida polo tecnócrata dos Peares e o seu cadro de eficientes liquidadores. Un exercicio destemido de xornalismo crítico e insurxente, unha ollada luminosa, elegante, urbana, dandi e queer, en palabras da prologuista María Yáñez, interrompida de forma abrupta pola autoridade eclesiástica compostelá que obrigou a rematar esta festa literaria, un reduto de liberdade na contraportada dos xoves daquel xornal en galego que desaparecería en xuño de 2011, sen deixar sequera o seu rastro na rede. Emporiso, os catrocentos textos de Fran P. Lorenzo desapareceron de internet, o que obrigou ao editor Carlos Meixide a un esforzado rescate, a partir dos exemplares conservados na Biblioteca de Galicia no Gaiás. Feito que fai d’ A festa equivocada obra aínda máis valiosa, grazas ao traballo paciente do editor que procura un contido único para ser conservado en formato libro, asumindo que as súas tarefas, ademais da fabricación, comercialización e comunicación, radican na escolla e no tratamento do propio texto. Edición excelente de Rodolfo e Priscila, unha das editoras independentes que está anovando o catálogo do libro galego, merecedora dos nosos parabéns.

Redondela na ollada dos Cal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela:

Á recente publicación das biografías de José Gil e da parella Filippo Prosperi e Cándida Otero uniuse a d’ A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela (Cal-3 2022), libro álbum no que se reconstrúe o relato vital e se escolma o legado artístico e documental de tres xeracións de fotógrafos da vila dos viadutos: Saturno Cal Muíños (1875-1952), fotógrafo profesional, colaborador da revista gráfica Vida Gallega, alcalde de 1924 a 1930, comprometido coas ideas agraristas e republicanas; o seu fillo, Avelino Cal Fernández (1901-1985), fotógrafo amador, apaixonado do fútbol e membro do Partido Galeguista; e os seus sobriños, Raimundo e Félix Cal Cortizas, responsables do estudio fotográfico Cal-3, aberto en 1975 nun baixo da rúa do Adro, no mesmo espazo onde estiveran gardadas as placas de vidro do arquivo de Saturno, o fundador da saga familiar.

Un libro de sobremesa de coidado deseño e magnífica edición de Alberte Román Losada, responsable tamén da redacción dos excelentes textos biográficos de Saturno e Avelino e das clarificadoras entrevistas con Mundo e Félix, que constitúe outra ollada á memoria visual de Redondela, como fora hai dúas décadas a daqueloutro álbum de tarxetas postais da colección de Luís Borines, con textos emocionantes de José Ángel Xesteira, publicado por Xerais e o libro colectivo no que no mesmo ano (2001) Cal-3 celebraba o seu vinte e cinco aniversario. En todos os tres casos testemuñas fotográficas da vida social e comunitaria redondelá como das transformacións profundas da súa paisaxe urbana ao longo do século XX. Cartóns da memoria dunha vila de raíces campesiñas e mariñeiras, que aproveitando a desembocadura do río Alvedosa formou unha espléndida marisma, máis que ao longo do período crítico do último terzo do século pasado se afastou do mar sen posibilidades ningunhas de retorno.

Unha mudanza irreversible que se pode identificar en pezas de Saturno, o máis importante cronista gráfico de Redondela durante o primeiro terzo do século XX, cando era aínda claramente unha vila feita no mar que chegaba á praia, atravesada por un camiño real que cruzaba a súa parte agrícola. Velaí as súas fotografías da que era unha vila mariñeira e campesiña ao mesmo tempo: a Ribeira co viaduto (1920), a vista xeral da vila desde Quintela (1930), a rúa Alfonso XII durante as festas da Coca de 1925, a procesión ao seu paso pola Ribeira (1930) ou o partido de wáter-polo no pozo da marisma de Santa Mariña (1930)… Fotos nas que se identifican os dous viadutos, a presenza do mar na Ribeira, os eidos traballados con esmero e o que é aínda máis relevante, que a paisaxe arquitectónica mantén a harmonía das proporcións entre a altura das edificacións e anchura dos viarios, coas casas asomándose ao mar, permitindo a contemplación da saída e chegada das embarcacións que faenaban na ría, como salienta o historiador José Martínez Crespo, no limiar do libro.

Vila aberta ao mar que aínda mantiña toda a súa esencia fotografada durante as décadas de 1950 e 1960 por Avelino Cal Fernández, o elo que conecta as tres xeracións dos Cal. Un traballo fotográfico e de gravación fílmica amador, feito fóra de foco, á marxe da súa actividade profesional como contable da conserveira JOB, cun ollar calmo, como foi toda a súa vida, e un lugar onde se refuxiar nun tempo que sabemos o incomodaba. Unha ollada de Avelino sobre actividades cotiás como a das mulleres que lavan no río, os mariñeiros e redeiras que falan no areal, tres picariños no peirao, escenas da festa da Coca e da procesión da virxe das Angustias ou vistas sobre os viadutos (1950 e 1960), a Xunqueira (1960) e a Ribeira (1965). Ollada de vontade artística onde procura a converxencia da fotografía e da pintura en pezas sobre o lugar da Portela ou a impresionante de canastros en Santa Mariña.

Con todo, constitúe o miolo do libro a escolma do traballo que os irmáns Mundo e Félix Cal iniciaron co final do franquismo, un tempo de entusiasmo no que enfrontaron algún que outro pao na roda, cando toparon ao inicio dos 80 con quen era párroco do Viso daquela. Un arquivo esencialmente social e de estudio, mais que tamén documentou calquera acto ou acontecemento relevante, constituíndo así unha crónica social, política, deportiva e cultural da Redondela das últimas cinco décadas, como as relacionadas coas manifestacións para salvar Regojo (1978) ou do conflito de Telanosa (1986). Como tamén se escolma parte do traballo de Mundo Cal como fotógrafo solidario nas súas viaxes a Nicaragua, México, Ecuador, Cuba…

Recomendo vivamente o libro da Redondela dos Cal, unha obra activadora da memoria colectiva, que contribúe a comprender que a ollada da Redondela do porvir tamén está acuñada nestas placas case centenarias. Parabéns a Mundo e Félix por iniciativa tan valiosa.

Río Arnoia

Hoxe iniciei a sección semanal «Contafíos» en Nós diario cunha lectura de Río Arnoia (Ir Indo 2022), o libro de grande formato do fotógrafo Plácido L. Rodríguez e do escritor Xosé Benito Reza:

Na Galicia dos dez mil ríos de Álvaro Cunqueiro, o Arnoia ten a singularidade de protagonizar un paradoxo xeográfico, xa que nace nas abas meridionais da Serra de San Mamede, preto de onde tamén o fan o Limia e o Támega, compartindo con eles a proximidade das súas fontes e a diverxencia das súas vidas e tramos. Un paradoxo que para Ferrín conforma unha imaxe da Patria na súa totalidade. Río Arnoia que ao longo de 88 quilómetros, dende o seu berce até o seu afogamento ou inmersión no Miño, vai cosendo dez concellos ourensáns (Vilar de Bario, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, A Merca, Celanova, Gomesende e Arnoia) que en cadanseu territorio expresan a esencia da paisaxe nosa, inzada de cuíñas e espazos interfluviais onde naceron as aldeas hoxe abandonadas.

Río Arnoia é tamén o título da alfaia bibliográfica publicada o pasado ano por Bieito Ledo nas súas edicións Ir Indo, un libro de grande formato (31 por 31 cm) do que son autores o fotógrafo Plácido L. Rodríguez e o escritor Xosé Benito Reza, sendo prologado de forma moi brillante por X.L. Méndez Ferrín. Un traballo excepcional do veterano fotógrafo de Gomesende que convida a descubrir o cordón fluvial ourensán máis longo e a súa bacía, que quixo retratar espida de seres humanos, amosando a súa grandeza e poder, contando apenas coa presenza da natureza e dalgunhas pontes, que abrazan o río coa historia. Un libro no que destaca a poética fluvial que destilan cada un dos textos didácticos e literarios de Reza, que pateou todo o curso dende a mocidade e sabe espremer a beleza de cada cadoiro ou cada manancial e transformala en paisaxe.

Benvido este Río Arnoia, libro marabilla chamado a perdurar, rara avis na actual edición galega privada, que en tempos de hibridación dixital reclama a beleza do libro obxecto impreso; un formato editorial que na década de 1990 tivo a súa idade de ouro, contando con excelentes catálogos que contribuíron a que o libro no noso idioma gañase prestixio e valor engadido.

Facedores de imaxes

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro de Vítor Vaqueiro sobre as figuras dos fotógrafos Filippo Prosperi e Cándida Otero:

Ademais da biografía de José Gil, que recomendamos a pasada semana, acaba de aparecer nas librarías outra peza valiosa na bibliografía viguesa, Facedores de imaxes (Galaxia 2022), o magnífico libro-álbum no que Vítor Vaqueiro reconstrúe a historia da parella formada por Filippo Prosperi e Cándida Otero Fontán no marco do desenvolvemento da fotografía e da sociedade en Vigo durante o derradeiro terzo do século XIX e a primeira década do XX. Froito dunha demorada investigación, Vaqueiro rescata e contextualiza o legado destes pioneiros da fotografía artística e documental en Vigo, dos que de corenta e cinco anos de actividade diaria dentro e fóra das súas galerías das rúas Sombreireiros 27 (1869), Triunfo 4 (1881) e Príncipe 31 (1885) apenas se conservan non chega a 200 fotos. Un arquivo case oculto en boa medida pola obra xigantesca posterior do fotógrafo portugués Jaime de Sousa Guedes Pacheco, que desde 1907 formou parte do estudio da Viúva de Prosperi e que conduciría desde o pasamento de Otero en 1915.

Concibido como percorrido biográfico e profesional da parella galego-italiana, Vaqueiro rescata a súa obra de estudio, en boa medida retratos responsabilidade de Cándida, sobre todo de crianzas, práctica fotográfica que entón se consideraba de nivel inferior. Inxusta valoración que, pola súa condición de muller, se deitou sobre este traballo e que Fernanda Padín Ogando xa denunciara na súa investigación sobre fotógrafas pioneiras en Galicia (2017). Rescate tamén da obra documental de Prosperi que tirou algunhas das vistas máis emblemáticas do Vigo que comezaba abrirse fóra das murallas, como as da Alameda (1885), que amosan o perfil do paseo co palco da música, o teatro Rosalía de Castro e o castelo do Castro, fotos que deberon formar parte do álbum Galicia Pintoresca, co que probablemente se pretendía contribuír entón ao pulo do turismo na cidade. Ollada que Prosperi deitaría sobre outros espazos nos que a cidade se ensanchaba, como a Batería da Laxe (1885), o peirao do Ramal (1880) e a rúa Príncipe (1885), sen esquecer as escenas portuarias da casa de baños La Iniciadora (1880), da Ribeira (1890), da praia de San Francisco (1890), entre outras.

Con bo criterio, o autor contextualiza o traballo da parella Prosperi e Otero no período limiar da fotografía en Vigo, rescatando tamén o labor dos seus contemporáneos. No relato de Vaqueiro podemos seguir o fío da aparición da fotografía en Vigo, da que se daba xa noticia no primeiro número de Faro de Vigo (3 de novembro de 1853) como da actividade dos primeiros fotógrafos vigueses como aquel itinerante Manuel Ricaud, que anunciaba xa en 1856 a súa galería fotográfica na Porta do Sol. Actividade continuada polo betanceiro Buenaventura España Peñaranda, con galería aberta en 1860; polo poliédrico pintor vigués Ramón Buch y Buet, que abriu estudio en 1866; polo italiano Patricio Bocconi (1877), que comprou o estudio a Buch e documentou a visita a Vigo dos reis no mesmo ano, imaxe portuaria viguesa que aparecería en La Ilustración Española y Americana; por Leopoldo Novua Castro (1883), establecido en rúa Sombreireiros, probablemente, no primeiro estudio de Prosperi, que viaxaría a América deixando como responsable a Luis Sacau; por Andrés Cabeiro (1888) con estudio en Príncipe 35, fronte a rúa do Circo, que se comprometía nos seus anuncios «a retratar aínda que o tempo estivese chuvioso» até por José Gil (1905), entre outros.

A biografía de José Gil de Manolo González, como estoutra da parella Prosperi-Otero de Vítor Vaqueiro, rescates de pioneiros da fotografía e do cinema en Vigo, amosan a importancia fulcral da actividade fotográfica para entender a historia do Vigo contemporáneo, cartaces de memoria que nos explican e constitúen a cerna do noso provir. Un patrimonio cultural de máis de trescentas mil imaxes pertencentes aos legados dos fótografos históricos como Cándida Otero e os seus contemporáneos citados, mais tamén do extraordinario arquivo da saga dos Pacheco (adquirido polo concello o 24 de maio de 1991), das fotos viguesas de Ksado, do arquivo Llanos (depositado no Museo Etnolóxico de Ribadavia), dos arquivos de fotoxornalistas como Bene, Magar, Cameselle, dos arquivos de fotógrafas sociais como Mary Quintero, de coleccións fotograficas privadas como as do arquivo Yáñez (case mil placas), de reportaxes de fotógrafos que nos visitaron como Rut Matilda Anderson, Otto Wunderlich, Erich Andress, Hugo Jaeger ou Aureliano Dias, dos legados de fotógrafos amadores vigueses como Terré, Rainiero ou Masso, entre outros. Recuperar o proxecto de Centro Galego de Fotografía, que contaba con edificio de seu, para conservar un patrimonio que non ten prezo, constitúe un alicerce dunha política municipal de patrimonio cultural responsable.

José Gil, pioneiro do cine

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de José Gil, fotógrafo e precursor do cinema en Galicia:

Entre as publicacións recentes da bibliografía viguesa destaca Nos días encantados de agosto (Galaxia 2022), unha biografía de José Gil preparada por Manolo González. Un libro referencial para desvelar o ronsel esquecido do precursor do cinema galego, tamén un dos protagonistas da actividade fotográfica, comercial e cultural de Vigo durante as primeiras décadas do século XX. Unha concienciuda obra de investigación biográfica, tamén un tributo a unha figura que amaba o cine por riba de todas as cousas, aquel vello barbudo que filmaba en solitario polas rúas viguesas, a quen consideraban un pouco tolo. Unha aproximación detallada a unha filmografía de 150 películas, producidas entre 1910 e a Guerra Civil, das que conservamos só sete, pezas do proxecto de «cinematografía rexional galega» que levou a Gil a filmar fábricas, industrias, escenas labregas, escolas, paisaxes, vodas, festas e romarías, entre outras moitas temáticas. Un retrato entrañable dun fotógrafo artesán, do que se conservan apenas catrocentas fotografías, unha pequena parte dos milleiros que tirou nos seus estudios de fotografía artística en Ourense, Lugo e Vigo ou na súa calidade de fotógrafo ambulante e pioneiro do reporteirismo gráfico en Galicia.

Nacido en 1870 en Rubiós, no concello das Neves, terra de músicos e viño tinto xeneroso, José Gil iniciouse como fotógrafo artístico no balneario de Mondariz, onde coñeceu a técnica pictorialista dos retratistas que facían alí a temporada estival e descubriu a modernidade a través do visor dunha cámara. Naquel microcosmos cosmopolita, adquirirá ademais o seu interese pola publicidade que moito lle servirá, despois do casamento con Trinidad Sarabia, nacida nunha familia de fotógrafos de Castro Caldelas, para establecer en Ourense en 1896 o seu primeiro estudio, Fotografía Artística, que en 1905 trasladaría a rúa Carral 14 de Vigo, atraído polo carácter emerxente e cargado de futuro da cidade. Comezo dun actividade que en poucos anos o convertería no rei da fotografía viguesa, instalado dende 1908 na rúa do Príncipe 49, na galería que chamou Gran Fotografía, ademais de reporteiro gráfico de referencia de Vida Gallega (1909), a primeira revista gráfica galega moderna. Unha actividade que o levará a fotografar a actividade social e industrial viguesa e a abrazar a idea do progreso e do valor da tecnoloxía, que anos despois o faría asumir a representación oficial dos automóbiles Ford e despois dos Texan e Traffic en Galicia.

Paixón polas máquinas dun soñador que a finais de 1909 mercou unha cámara Gaumont de madeira con obxectivo fixo e golpe de manivela (hoxe unha das pezas que mellor nos explican como cidade), coa que filmou as súas primeiras imaxes, o 3 de xullo de 1910, da excursión viguesa a Santiago, e vinte días despois da visita dos periodistas ingleses a Vigo e Pontevedra. Actividade que prendeu naquel verán con outras catorce filmacións localizadas en Vigo na súa maior parte, como a da colocación da primeira pedra do monumento a Curros Enríquez na Alameda. Novidosa cámara a de Gil que probablemente motivou a mítica fotografía de Manuel Murguía acompañado de membros da Real Academia Galega, o 27 de novembro de 1910, na súa galería de Príncipe, momento excepcional para a cultura galega decote remisa a valorar a cultura audiovisual. Inicio dun actividade cinematográfica que Gil levou alén mar por medio do cinema de correspondencia, financiado polas sociedades galegas de América, consolidada xa cando filmou Miss Ledya (1916), a primeira ficción do cinema galego, e cando no mesmo ano produciu a Revista Cinematográfica Galicia, o primeiro noticiario de Galicia.

Foi a produtora Galicia Cinegráfica o proxecto empresarial de José Gil entre 1921 e 1935, un período non exento de dificultades no que viviu en Ponteareas durante tres anos (1924-1927), onde abriu o Cine Royalty, e no que regresou a Vigo para establecer en Teis a súa empresa de filmación de «noticiarios de industrias, vodas, dramas e belezas de Galicia». Daquela etapa consérvase o filme publicitario de 34 minutos sobre La Artística (1927), valiosa mostra do traballo documental realizado en solitario. Cualificado por Manolo González como «intrépido explorador e soñador que se achegou á realidade a través do encadramento fotográfico», esta biografía de excelente alento narrativo reclama poñer a este pioneiro iconauta como referente da cultura cinematográfica en Galicia. En Vigo podemos recordalo no cemiterio de Pereiró, no monumento funerario de Asorey, en homenaxe as súas tres fillas, e dende 2007 na rúa que leva o seu nome preto da praza da Miñoca. Con todo non estaría de máis que se colocase unha placa que o lembrase na rúa Elduayen, na casa dos irmáns Sarabia onde faleceu o primeiro de xaneiro de 1937.

Onte 2156: «Pequena historia de Vigo»

Gustoume o resultado da colaboración creativa entre o escritor Pedro Feijoo e o ilustrador e creador de banda deseñada Xosé Tomás en Pequena historia de Vigo (Edicións Embora 2022). Un álbum que sintetiza en dúas ducias de dobres páxinas os tópicos esenciais da historia de Vigo, dende o seu carácter castrexo até cidade da movida da década de 1980, dende o Vicus romano ao do «desarrollismo« franquista, dende a invasión do caudillo viquingo Gundraed ao Vigo dos grandes arquitectos de comezos do século XX. Tópicos que non esquecena a presenza de Rosalía naquel Vigo de Chao e Compañel nin do Vigo corsario dos primeiros fomentadores nin tampouco aquela vila transformada en cidade tras o episodio da Reconquista.

Como tamén lembra a historia da oliveira, icona da cidade, e non esquece a recuperación de viguismos, como ghicho, manises ou patatillas, utilizados na nosa fala popular. Feijoo e Tomás combinan con habilidade as olladas panorámicas sobre os grandes acontecementos dunha historia bimilenaria coas notas de detalle, unha fórmula de fino espírito didáctico que aventuramos contribuirá a interesar a escolares (non só de Primaria) e persoas curiosas na historia dunha cidade que quizais pensaban carecía dela.

Un traballo excelente, referencial e divulgativo, froito do excelente e documentado guion de Pedro Feijoo, un dos mellores divulgadores da memoria viguesa, como do debuxo arquitectónico (e polo tanto preciso) de Xosé Tomás, que non renuncia ao seu humor retranqueiro nin a desenvolver páxinas memorables (como ese perfil da tan maltratada Porta do Sol) e homenaxes intertextuais emocionantes (velaí a  presenza do diario Galicia de Paz Andrade, Siniestro total ou a editora Xerais, entre outras). Parabéns por tan magnífica edición a ambos os dous coautores como á editora de publicación cen por cen viguesa.

Onte 2155: «Vémonos mañá» de Xosé Monteagudo

Cando fun recoller os primeiros exemplares de Vigo, abella da ribeira (Xerais 2023) tiven a fortuna de levar tamén un de Vémonos mañá (Xerais 2023), libro co que Xosé Monteagudo se incorpora ao catálogo de Xerais Narrativa. Confeso que lin de dúas longas sentadas esta novela engaiolante sobre a relación dos pontevedreses Josefina Arruti Viaño e Bibiano Fernández Osorio-Tafall, unha historia de resistencia de dous amantes separados de forma inesperada o 12 de xullo de 1936, na que unha chamada telefónica cinco días despois mudará as súas vidas, pero nunca nin as súas ansias nin os seus ideais. Unha conmovedora novela política sobre tantas esperanzas truncadas pola rebelión militar que, como fixeran con tanto acerto Suso de Toro coa figura de Ramón Baltar ou Luís Rei Núñez coa de Castelao ou Reboiras, amosa que a reconstrución dende a ficción de traxectorias biográficas constitúe unha estratexia moi valiosa para o coñecemento da historia e memoria do galeguismo.

Acerta Monteagudo cando se achega con certa distancia á figura de Bibiano F. Osorio-Tafall, profesor de ciencias, unha das figuras políticas galegas máis relevantes do século XX, tanto polo seu papel no proceso de aprobación do Estatuto do 36 como alcalde de Pontevedra e presidente da comisión intermunicipal, pola participación nos gobernos da República, especialmente no último de Negrín como, xa exiliado en México, polo seu labor diplomático na FAO e nas Nacións Unidas, sendo mesmo candidato a presidir a propia ONU. Como acerta Monteagudo en afondar na figura heroica (e case anónima) de Josefina Arruti, cuxa historia desvelara Montserrat Fajardo no seu formidable Un cesto de mazás (2015), que sufriu en Pontevedra a durísima represión daqueles anos de terror, dende meses de cárcere a anos de acoso e estreiteza económica.

Monteagudo ofrece dous retratos paralelos que se van desvelando no tempo, unha estrutura narrativa moi precisa e orixinal que en vinte e catro horas conta dúas vidas longas que a pesar de xiros e reviravoltas diversas semellan nunca darse totalmente por vencidas. Vidas que se orientan por decisións e instantes capaces de determinalas para sempre, como tamén as das súas familias e do seu propio país. Que tería acontecido en Galicia se Bibiano F. Osorio-Tafall tivese aceptado a proposta de Adolfo Suárez a presidir aquela Xunta de Galicia da Preautonomía?

Recomendo vivamente a lectura dunha novela rica en matices e detalles, escrita de forma elegante sen abandonar nunca a distancia e a contención necesarias para que os retratos de Josefina e Bibiano resulten tan atractivos como verosímiles. Parabéns ao autor e á editora por incorporalo ao seu catálogo.

Trece noites, trece lúas

No espazo da semana en Faro de Vigo ofrezo a miña nadaliña cos meus mellores votos:

Trece noites, trece lúas conforman o tempo mítico de Nadal, dende a Noiteboa do 24 de decembro até a Epifanía ou Día de Reis do 6 de xaneiro. Trece días dun tempo sagrado sen que maxia nin bruxaría teña efecto, xa que na cultura popular galega todos os meigallos que se intentan neste período fracasan, ou deberían fracasar, sen remedio. Trece xornadas, que dende a noite dos tempos coinciden co solsticio de inverno, para os gregos a porta dos deuses, mais tamén coas festas en honor a deuses como Osiris e Dióniso, ou cos días das Saturnalia e das celebracións na honra de Mitra e o Sol Invicto.

Trece longas noites, remate e inicio do ciclo das festas anuais, nos que tras a agonía do inverno, como sinala o escritor Antonio Reigosa, «reverdece en cada un de nós unha ilusión e unha esperanza polo que se anuncia vai comezar». Tempo de Nadal de ritos e tradicións, de banquetes e agasallos, de felicitacións e aguinaldos, de danzas e panxoliñas, que convidan a compartir a esperanza e proporcionan a benvida a un tempo novo, que agardamos ventureiro e feliz, recargándonos, da «enerxía suficiente para que a natureza, e nós con ela, revivamos outra volta».

Como salienta Reigosa no seu referencial Trece noites. Trece lúas. Libro de marabillas do Nadal (Xerais, 2011), sendo este tempo de Nadal consecuencia dun sincretismo de ideas, prácticas e crenzas desenvoltas ao longo dos séculos na maior parte de Europa e América, seguindo en maior ou menor grao de acomodo ás recomendacións das distintas igrexas cristiás, en cada comunidade conformouse unha tradición cultural de nadal de seu.

Emporiso, como propón o antropólogo Rafael Quintía, é posible vivir un Nadal á galega, anovando ritos e tradicións nosas, sen deixarse levar polos cantos de serea que converteron o Nadal nun tempo de consumismo desaforado de todo tipo de recursos escasos. É posible revivir os ritos de Nadal propios, contribuíndo ao reforzamento da nosa identidade, dos ritos de comensalidade amigable e recollemento familiar, partillando mesa, encontros interrompidos infelizmente durante dous anos de pandemia.

Fronte ao Nadal consumista de dispendio de agasallos efémeros e superfluos, é posible outro Nadal. Como tamén o é fronte ao Nadal espectáculo de millóns de luces, lambonada visual que serve de croma para autofotos en redes sociais; ou fronte ao Nadal alongado que transforma o centro da cidade durante case tres meses en parque temático charramangueiro ao ritmo dun Rockefeller center. Como fronte ao Nadal de concentracións motociclistas que de forma abusiva contaminan cos seus escapes en tempos de escaseza enerxética e abouxan co estrondo das súas bucinas, colapsando o tráfico en toda a cidade, é posible recuperar outro Nadal austero onde os aspectos sagrados da nosa tradición poidan ser anovados e compartidos coas persoas que teñen a curiosidade por visitarnos.

Como son estes días tamén os máis propicios para asumir os principios de consumo responsable, preferiblemente de produtos galegos, sexan de alimentación, de artesanía ou das nosas industrias culturais, contribuíndo neste tempo de emerxencia planetaria a poñer fin á guerra contra a natureza, como reclama o recente «Manifesto da Outra Xente» promovido por Manuel Rivas e Antonio Sandoval. É posible outro Nadal no que, como sinala este chamamento, «fronte ao fanatismo da sobreexplotación ilimitada» de recursos naturais e enerxéticos, «abra paso a un decrecemento, entendido como unha nova abundancia» no benestar e coa natureza.

En Vigo tamén debería ser posible un Nadal galego, onde as rondallas metropolitanas anunciasen polas rúas cos seus chascaraschás e o debuxo no aire das súas bandeiras a ventura das luces do aninovo. Outro Nadal, onde gaiteiros e danzantes ocupasen as rúas para cantar os Manueis, Xaneiras e Reis e pedir o aguinaldo, como se veu facendo dende hai séculos. Esoutro da continuidade arredor da praza de Compostela da Gran Carreira do Pavo, o premio pedreste de Nadal organizado alí dende hai máis de medio século. Mais tamén un Nadal para as outras músicas, como os concertos desta semana no teatro de Afundación, o luns o da Orquestra Clásica de Vigo, organizado pola Universidade de Vigo, o venres o de Carlos Núñez, formando parte da extraordinaria xira de Nadal do artista vigués.

Xaora e por ventura, o Nadal principal é o dos afectos compartidos na mesa familiar para gozar de pratos de orixe humilde como Coliflor con bacallau, como a Álvaro Cunqueiro gustaba chamar a peza máis popular da nosa tradición culinaria de Noiteboa, completada co leite frito e outras sobremesas larpeiras deste tempo. En todo caso, ao xeito dos mellores votos daquelas nadaliñas asinadas durante a ditadura polos galeguistas vigueses: Que sexa a estrela dos afectos a que nos guíe!

Amigos da Arte

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro do historiador José Luis Mateo Álvarez sobre a Sociedade de Amigos da Arte de Vigo, 1931-1941:

O historiador José Luis Mateo Álvarez, membro moi activo do Instituto de Estudios Vigueses, tras o libro e a exposición sobre a Escola de Artes e Oficios (1886-1976) e sobre a historia do Teatro Keyzán, acaba de publicar A Sociedade de Amigos da Arte de Vigo. Unha década de actividade cultural 1931-1941 (IEV, 2022), outra das súas investigacións imprescindibles para entender que o activismo artístico, cultural e social de lecer constitúe outra hélice do ADN de Vigo como cidade atlántica industrial con vontade de liderar o proxecto galego de acceso á modernidade. Sociedade artística que deixou unha pegada tan indeleble como até agora esquecida na memoria da cidade, mais por ventura recuperada por esta monografía que en palabras do prologuista, o crítico vigués de Arte Carlos L. Bernárdez, «ilumina unha parte da historia cultural da cidade no período republicano e na primeira posguerra» e rescata unha nómina moi ampla de nomes significativos de escritores, xornalistas, editores, pintores, escultores e músicos, que protagonizaron un intenso labor naquel Vigo das décadas de entusiasmo de 1920 e 1930.

Como un dos mellores coñecedores da historia cultural viguesa contemporánea, Mateo identifica nas actividades das sociedades recreativas as experiencias que anticiparon a creación de Amigos da Arte en xullo de 1931. Velaí a Exposición da Arte Galega de 1924, instalada na Escola de Artes e Oficios e organizada polo Ateneo de Vigo (fundado en 1921). Velaí o Primeiro Salón de Primavera de Artistas Noveis, inaugurado o 15 de maio de 1931 no Salón de Festas de Faro de Vigo e organizado pola Sociedade Recreo (fundada en 1928), na que se expuxeron 106 obras de artistas vigueses, entre as que atopaban apenas as de dúas únicas mulleres, as pintoras Elena Agra e Julia Álvarez Prado, que nas súas declaracións reclamaron a constitución en Vigo dunha Sociedade de Amigos da Arte como as xa existentes en Madrid dende 1909 ou Santiago desde 1928. Como tampouco esquece Mateo estudar as relacións de colaboración de Amigos da Arte co Centro de Hijos de Vigo, sociedade recreativa cultural nacida en maio de 1932 coa intención de fomentar o «viguismo» desde posicións apolíticas, entidade organizadora das Festas da Reconquista e do traslado dos restos de Cachamuíña Pereiro, entre outras iniciativas.

Tras sinalar que o primeiro obxectivo da Sociedade de Amigos da Arte foi apoiar ao concello na creación do Museo de Vigo, onde celebrar exposicións artísticas, Mateo salienta que as razóns de ser deste novo axente cultural foron contribuír a enaltecer a actividade de artistas e pensadores e constituír un tecido cultural forte, que transcendese o carácter festivo ou social das numerosas sociedades recreativas existentes dende o século XIX, unha condición que os seus promotores, como os poetas José Antonio Ochaíta e Enrique Romero Archidona, consideraban indispensable para que Vigo se convertese nunha gran cidade. Xaora, constitúe a cerna desta magnífica obra de Mateo a presentación das actividades de Amigos da Arte, como os seus concursos de debuxo infantil, a publicación da revista Horizonte (1932),a participación da súa sección literaria na Semana do Libro, os seus recitais poéticos, as súas conferencias, a incipiente participación das mulleres, a súa actividade teatral e, sobre todo, as súas exposicións artísticas, un dos seus obxectivos principais, proporcionándolle presenza nos salóns do Casino, do Faro ou nas Galerías de Príncipe a unha nova xeración de artistas, «os Novos» como Maside, Colmeiro, Souto, Torres, Eiroa, entre outros.

Se isto xa non abondase, Mateo dedica a parte final do libro a reconstruír as biografías dos artistas vencellados a Amigos da Arte, unha documentación excepcional para ese proxecto colectivo de recuperación da memoria cultural viguesa do século XX. Aquí aparecen os nomes do ourive Ángel Cajaraville Mareque, dos ilustradores Jesús Conde González «Xesús» e Mario González, do ilustrador de pergameos Fernando D’ Oliveira e do seu fillo, dos pintores Emilio Fernández Rodal, Demetrio Lobato, Carlos Sobrino e Luis Gil Vicario, dos escultores Manuel Longa e Camilo Nogueira, entre outros. Como remata Mateo sinalando que a desaparición dos Amigos da Arte a comezos da década de 1940, tras a adaptación dalgúns dos seus membros a nova realidade estética e cultural do réxime, deixou un grande baleiro na actividade cultural da cidade, que en boa medida sería cuberta de forma informal dos parladoiros do Derby, Savoy, Café Colón, Café Tropical ou na Taberna de Eligio, nos que participaba a bohemia artística viguesa, mais ese xa é outro relato por abordar.

Recomendo vivamente este libro sobre Amigos da Arte e parabenizo o excelente traballo de José Luis Mateo.