Discurso de recepción do premio «Lenda do recreo»
Recollo no arquivo do blog o discurso que pronunciei o serán do sábado 9 de novembro no Hematofesti con motivo da recepción do premio «Lenda do recreo».
Pode lerse ou baixarse en formato pdf aquí.
Recollo no arquivo do blog o discurso que pronunciei o serán do sábado 9 de novembro no Hematofesti con motivo da recepción do premio «Lenda do recreo».
Pode lerse ou baixarse en formato pdf aquí.
En 2013 publicabamos nestas páxinas de Tempos novos un informe sobre a situación da edición en galego ao fío dunha crise gravísima na que o sector perdera unha cuarta parte da súa facturación e volume de edición, ao que daquela non foran alleos os recortes das políticas públicas de lectura. Unha década despois pretendemos radiografar o estado da máis veterana industria cultural en lingua galega, que continúa reclamando a recuperación do seu carácter estratéxico, recoñecido pola Lei do Libro e a Lectura de 2006.
O marco da edición española, a hibridación e a recuperación do crecemento
Segundo o avance do informe de Comercio interior do libro de 2023, presentado a finais do mes de xullo pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), da que forma parte a Asociación Galega de Editoras (AGE), o pasado ano publicáronse en galego 1.937 títulos, o que supón un incremento do 4,4 % con respecto a 2022. Un crecemento superior ao dun sector que publica 85.677 títulos, dos que 64.622 foron en castelán, 11.842 en catalán e 1.927 en éuscaro. Conxunto da edición privada en España que despois do parón da pandemia recupera o crecemento en todas as súas grandes cifras, dende a facturación a prezos de capa, 2.856,95 millóns de euros (un 5,1 % máis ca en 2022), dos que 2.700, 79 millóns corresponden a libros en papel (tamén un 5,1 % máis) e 144, 13 millóns a libros dixitais (un 3,5 % máis); pasando polo número de exemplares vendidos en papel (un 3,3 % máis) e descargas en soporte dixital; até de títulos vivos en oferta, unha cifra mareante de 894.652 (un 6,3 % máis respecto a 2022).
Un sector que parece saír beneficiado da Covid-19, mais que xa dende 2019 a 2023 medrou a súa facturación un 18 % e o número de exemplares vendidos en papel un 13 %, consolidando o proceso de hibridación da súa oferta, iniciado co comezo da segunda década de 2000, de xeito que o 70 % corresponde aos títulos editados en papel e o 30 % as versións dixitais. Unha oferta editorial na que en 2023 en España a «ficción de persoas adultas» (eufemismo comercial utilizado nos informes de edición para referirse á literatura e a todos os seus xéneros) supuxo un 20,9 % dos títulos e o 21,8 % da facturación; a «literatura infantil e xuvenil», o 16,1 % dos títulos e o 17,4 % das vendas; o «libro de texto», o 17,8 % e o 27,9 % da facturación, mentres a «non ficción» (referida as materias de investigación e divulgación, eixos da edición cultural), representou o 40,3 % dos títulos e o 29,7 % das vendas.
Datos da edición española do pasado ano, que medra en todas as materias, sinalando unha inequívoca recuperación comercial do sector, como amosan as cifras de facturación de novela, 571,90 millóns de euros; de literatura infantil e xuvenil, 497,30 millóns; de cómic, 66,78 millóns; de libro de texto, 796,57 millóns e de non ficción, 849,84 millóns de euros. Cifras que, ademais, permiten identificar as tendencias do mercado, no que circula nas marxes o libro en galego, no que entre 2019 e 2023 se produciu un incremento espectacular da literatura infantil e xuvenil dun 59,30 % e da ficción do 25,30 %, fronte ao libro de texto que diminúe en 2,80%, a pesar de manterse como punteiro da edición española.
Como necesarias para entender o carácter do sector editorial en España resultan as cifras de venda por canles de comercialización que en 2023 manteñen ás librarías, tanto as independentes como as cadeas, como principal espazo de facturación de 1.567,34 millóns de euros (o 54,90 % do mercado), sendo apenas o 2,10 % os libros en papel vendidos por Internet. Cifras da venda en libraría, incrementadas nos cinco últimos anos nun 20 %, a pesar da diminución do libro de texto.
Retrato dun mercado no que a edición dixital supón 144,13 millóns de euros (o 5,00 % da facturación total) e conformou ao longo de case tres lustros un catálogo de 194.370 títulos, do que en 2023 se produciron 14,86 millóns de descargas, o 76,90 % en plataformas dixitais, cifras que testemuñan a existencia dunha comunidade de lectorado usuaria deste soporte.
Por último, cómpre referirse ao pagamento de dereitos de autoría que ascenden a 220,50 millóns de euros, sendo a venda de dereitos de 24,10 millóns, cifra que amosa a dificultade do sector editorial en España para proxectar os seus textos no resto do mundo.
Os datos máis recentes da edición galega
Os datos máis recentes da edición galega, publicados no informe de Comercio Interior do Libro de 2022, indican que se publicaron 1.754 títulos en galego, dos que 1.271 (72,50 %) corresponden aos editados en Galicia e 483 (27,50 %) noutras comunidades, o que consolida a tendencia de que arredor dunha cuarta parte do libro en galego se publica en Madrid, Cataluña e Valencia, sobre todo de literatura infantil e xuvenil e libro de texto. Cifras, ademais, semellantes ás de 2018, cando se publicaron en galego 1.708, e mesmo de 2005, cando se fixeron 1.706, que expresan un certo estancamento do volume de edición nas dúas últimas décadas, a pesar dalgúns picos periódicos (como os 1.937 que se anuncian para 2023). No entanto cómpre reparar, para valorar os datos en perspectiva, no feito que nos últimos vinte e cinco anos este número de títulos medrou en galego un 30 %, mentres que en éuscaro o fixo nun 43 % e en catalán o 35 %.
Dos títulos editados en galego polas editoras privadas do país, 781 foron en papel (61,45 %) e 490 en formato dixital (38,55 %), o que supón unha porcentaxe de hibridación moi elevada, superior ao da edición española en 2023. Desta edición en papel imprimíronse 942.000 exemplares, o que supuxo unha tirada media de 1.206 exemplares, moi inferior aos case tres millóns de exemplares e tirada media de 1.580 de 2008, ano considerado récord para o sector editorial privado galego no que atinxe a volume de edición. O que amosa a consolidación da tendencia de diminución do número de exemplares impresos e o incremento do número de versións dixitalizadas; estratexia que permitiu ás editoras galegas ofrecer en 2022 un catálogo vivo de 17.051 títulos, fronte aos 11.642 de 2008, o que supuxo un incremento de 33,00 % nos últimos quince anos.
É significativo que a facturación dos libros en galego das editoras da AGE sexa de 16,80 millóns de euros, o que supón o 62,00 % das súas vendas totais, 27,10 millóns, o que amosa o peso cada vez máis elevado da edición noutras linguas e da ampliación cara a todos os mercados españois, con singular importancia no caso da literatura infantil e xuvenil. Cifra de negocio das editoras galegas que dende 2028 medrou case nun 9,00 %, ao que non foron alleas as tensións inflacionistas, manténdose sempre superiores aos 25 millóns de euros.
Datos que expresan a tradicional resiliencia dun sector con dificultades de crecemento, que se viu obrigado nos últimos tres lustros a reducir de forma radical os seus custes de persoal, contando na actualidade con 176 empregadas (4 por empresa) fronte aos 308 (7 de media) do ano 2008. Tendencia de diminución de empregos e de estabilización do número de editoras arredor da corentena, formando parte a metade delas de grupos editoriais.
Como axuda a comprender o estado do sector e desbotar prexuízos e imaxes falsas, diferenciar as cifras segundo as materias de edición. Así, en 2022 a ficción en galego (lembremos, todos os xéneros literarios) supuxo o 40,80 % dos títulos en papel (319), o 36,50 % dos exemplares impresos, o 34,80 % do catálogo e 15,20 % da facturación do sector (2,50 millóns de euros), o que indica a aposta por diversificar a oferta literaria das editoras, a pesar do reducido do seu mercado.
Cifras que contrastan coas da literatura infantil e xuvenil que representa o 35,10 % dos títulos (274), o 34, 30 % dos exemplares, o 32,90 % do catálogo e o 35,20 % das vendas (5,90 millóns de euros), converténdose no sector máis destacado da edición en galego.
Como é do maior interese analizar os datos da edición do libro de texto, a materia sobre a que se desenvolveu o sector nas últimas catro décadas, hoxe con cifras máis modestas, pero aínda relevantes, xa que supón o 17,10 % dos títulos en papel, o 20,90 % dos exemplares, o 22,90 % do catálogo e o 33,80 % da facturación (5,70 millóns de euros).
Cifras sorprendentes, tamén, as da non ficción, na que se inclúen as obras de referencia, investigación e divulgación, que a pesar de representar o 4,90 % dos títulos, o 7,20 % dos exemplares, o 8,30 % catálogo, factura o 15,20 % (2,50 millóns).
Como é importante coñecer que na última década o pagamento de dereitos de autoría situouse no millón medio de euros, o que permite entender a cativa capitalización que supón para autores e autoras.
Algunhas conclusións sobre o estado da edición en galego
Primeira: os tipos de edición promocionado na canle escolar supuxeron en 2022 o 69,00 % das vendas do sector, o que supón de que cada dez libros en galego, sete son adquiridos no entorno educativo, unha liña que se mantén dende hai tres décadas. É moi significativo que dende 2003 os tipos de edición promocionados nesta canle (libros de texto e literatura infantil e xuvenil) non fixeron máis ca incrementarse: 46,70 % (2003), 67,80 % (2007), 71,80 % (2011), 68,00 % (2021) e 69,00 % (2022). Porcentaxes nas que non incluímos o libro literario prescrito nos centros escolares, que podería superar o 70,00 %.
Segunda: a edición de literatura infantil e xuvenil comeza a superar ao libro de texto como primeiro subsector en galego, tendencia (que podemos bautizar como «efecto Kalandraka») consolidada se consideramos as cifras da edición das empresas da AGE, xa que coas súas vendas de 12 millóns de euros conforma o 44,11 % dun mercado de 27,10 millóns, o 44,00 % dos exemplares (712.000) dunha produción en papel de 876 títulos e 1.609.000 de exemplares e unha tirada media de 2.488.
Terceira: a estabilidade comercial da edición literaria, que ven supoñendo na última década arredor dun 15,00 %, unha porcentaxe no entorno do da edición española. Así a todo pode chamar a atención o reducido do mercado literario galego, apenas 2,5 millóns de euros, que por xéneros literarios aínda pode resultar máis sorprendente xa que a Narrativa monopoliza o sector cos seus 206 títulos e 1,90 millóns de facturación, fronte aos 103 títulos e 700.000 euros das vendas de poesía, ensaio e teatro.
Cuarta: a oferta de títulos ten a tendencia a reducirse, o que estatisticamente ocultan a cifra elevada de versións electrónicas, a maioría en formato epub, como tamén a tirada media, situada arredor dos 1.200 exemplares, feito ao que non é allea a utilización pola maioría de empresas do sector dos procedementos de impresión dixital en tirada reducida, facilitada pola posibilidade de reimprimir se houbese rotura do stock.
Quinta: o libro de texto perde progresivamente peso, sobre todo no que atinxe a impresión de exemplares e a súa facturación, ao que non son alleas as políticas de educación dixital da Xunta de Galicia, singularmente o programa E-dixgal, que deixaron fóra ás editoras da AGE, como o modelo de reutilización destes materiais didácticos durante seis cursos e o modelo de educación plurilingüe que nos últimos quince anos descapitalizaron o sector e frearon as súas posibilidades de crecemento.
Sexta: o estudo de Comercio Interior non diferencia entre obra orixinal e traducida, que nas dúas últimas décadas varía entre o 15,00 % e o 20 %, polo que estimamos en 150 os títulos traducidos en 2022, cifra moi cativa, como a das reedicións, que non deben ser identificadas como reimpresións, agora máis habituais ao empregar impresión dixital, estratexia utilizada como reclamo de márketing de editoras e autorías nas redes sociais.
Sétima: cando comparamos estes datos anteriores cos da edición en éuscaro e catalán, comprobamos que despois de catro décadas a edición catalá continúa quintuplicando a galega, mentres que no número de títulos se mantén a par da euscalduna, cunha media de 1.500 títulos, nas dúas últimas décadas.
E cal é a cota de mercado do libro galego?
Os datos anteriores e outros proporcionados polo informe de Comercio Interior de 2022 permiten estimar cal é a cota de mercado actual do libro en galego.
Así sendo en 2022 as vendas do libro en Galicia o 6,30 % das totais do estado, 171,20 millóns de euros, os 16,80, millóns de euros, supoñen un 9,44 %, estimación que case corresponde coa de hai tres décadas.
Con todo se queremos matizar esta cota por canles comercialización, cómpre atender primeiro a que as vendas en librarías independentes e cadeas, representaron en 2022 para o libro en galego 9,65 millóns de euros (o 57,44 %), mentres que as realizadas a institucións e bibliotecas son de 4,57 millóns (27,20 %), mentres que as das plataformas dixitais acadan os 800.000 euros (4,89 %). Cifras que permiten estimar que sendo as vendas en librarías de Galicia de 98,61 millóns de euros, a cota do libro galego en libraría sexa de 9,75 %. Porcentaxe que se retiramos o peso do libro de texto, obteriamos unha porcentaxe do 6,40 %, inferior ao 8,00 % utilizado pola AGE e aceptado pola propia Consellaría de Cultura, lingua e deportes na presentación Lemos +, o seu plan de lectura. En resumo, o libro en galego representa en 2022 no mercado unha porcentaxe entre o 6,40 % e o 10,00 %, o que supón un retroceso con respecto as medias de décadas anteriores.
E as axudas públicas que recibe o sector?
Ao longo das dúas últimas décadas o sector editorial galego tivo que facer fronte ao prexuízo de ser considerado como un «sector subvencionado». Axudas necesarias para dotar de novidades o servizo público de lectura, apoiar a edición de obras de interese cultural, ampliar o catálogo de obra traducida para o galego como para dotar de materiais didácticos impresos e dixitais ao centros educativas. Recoñecidas na Lei do Libro e da Lectura de 2006, que dende 2009 cos gobernos populares de Feijoo e Rueda sufriron un recorte severísimo de cuxos datos recollemos no seguinte cadro:
Axudas da Xunta de Galicia que no período 2007/2022 sufriron un recorte de 68,67 % e supuxeron no ano 2022 apenas o 4,76 % da facturación do sector do libro en lingua galega.
Publicado en Tempos novos 329, outubro 2024.
Nacidos en Vigo o 17 de maio de 1978, adiantándose ás institucións da Autonomía, os Premios da Crítica de Galicia mantivéronse sen interrupción como manifestación da vitalidade cultural de Galicia e do desenvolvemento das súas industrias culturais. Nacidos con cinco modalidades –Creación literaria, Ensaio, Investigación, Música e Iniciativas culturais–, ás que na segunda convocatoria se engadiría unha sexta –Ciencias e artes da representación–, estes premios sen dotación económica, organizados por unha asociación plural e independente e outorgados por xurados especializados, pretenderon recoñecer cada ano a excelencia e a relevancia da produción cultural, dos labores individuais e colectivos máis destacados nos ámbitos da literatura, música, artes escénicas, artes plásticas, cine, cultura gastronómica e da investigación en Galicia e, singularmente, da realizada en galego. Case ás portas do seu cincuenta aniversario, tras a renovación da asociación organizadora, acaba de ser convocada a edición dos Premios da Crítica de Galicia correspondente a 2024 que, por vez primeira, contará con dez modalidades, de xeito que ás oito habituais na última década, se lle engade unha nova, –Cultura dixital–, e se desdobra a de Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, por unha parte, e Ciencias Sociais e Humanidades por outra. Un fito novidoso nesta cuadraxésima sétima edición que expresa a vontade da cultura galega para hibridarse (e por tanto normalizarse) no paradigma dixital como a dimensión adquirida pola investigación científico técnica realizada ou promovida maioritariamente en Galicia e na lingua de noso. Modalidade de Cultura dixital, outorgada xa de forma pioneira no Carballo Interplay, coa que a organizadora pretende recoñecer a relevancia de iniciativas como a creación e produción de contido dixital en galego para redes, de videoxogos, podcasts, aplicacións e outras creacións hipertextuais. Actualizacións dos Premios da Crítica de Galicia que hoxe merecen ser compartidas.
Publicadoo en Nós diario: 29/05/2024
Queda no arquivo o texto da presentación que preparei sobre «A lix, o libro en papel e o libro dixital» nas xornadas de GÁLIX. Desfacendo a RAIA XII arredor do tema «A lix fronte aos novos formatos de lectura».
Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo ao proxecto editorial Faro da Escola:
Teño participado en moitas entregas de premios, mais ningunha tan concorrida e participada polo público infantil como a que vivín o pasado 13 de xuño nas bancadas do pavillón municipal de Travesas, que pechaba a oitava edición de Faro da Escola, o proxecto editorial de Faro de Vigo que achega ao mundo da prensa aos centros educativos da provincia de Pontevedra, con especial incidencia na área metropolitana de Vigo, Pontevedra e Deza. Máis de 1.600 escolares e un cento de profesoras dos 47 centros educativos de Primaria, que publicaron este mes cadanseu faro, participaron nun acto, iniciado con moita música de moda (aspecto a mellorar, dende o punto de vista educativo, en edicións futuras) e coa acollida agarimosa do director do decano. Unha mañá de festa e moitas fotos na que se recoñeceron os tres mellores periódicos escolares deste curso 2022-2023, tamén as tres mellores entrevistas, portadas, seccións de opinión, investigacións empregando a hemeroteca, reportaxes, fotografías de interior e portada, infografías, deseño, tira cómica, suplemento, pasatempos, entre outras modalidades e categorías deste singular certame de prensa escolar.
Unha entrega coa que remataban os case oito meses de traballo nas aulas necesarios para a elaboración integral do faro anual de trinta e dúas páxinas de cada centro. Tarefas iniciadas no mes de outubro co período formativo do alumnado e profesorado participante, a cargo dun equipo de profesionais de Faro de Vigo, que desprazados aos propios centros desvelaron os segredos da preparación dun xornal, tanto os referidos a planificación e distribución dos seus contidos, como da súa redacción e maquetación, empregando Scribus, a potente ferramenta coa que se fai o xornal. Unha escola de xornalismo infantil, polo tanto de escritura crítica e pegada ao cotián, que como corresponde ao actual proceso de hibridación da prensa utiliza soportes diversos, tanto impresos como dixitais. Unha escola de comunicación escolar que salienta o valor das imaxes (ilustracións, infografías e fotografías) que acompañan os textos das noticias, reportaxes ou entrevistas, nin esquece tampouco a relevancia dunha publicidade atractiva e da súa xestión para facer viable a publicación. Formación que o alumnado participante no proxecto completou nas visitas durante o inverno ás instalacións do xornal en Chapela e nas conferencias nos centros do persoal do CSIC e de autoras e autoras de literatura infantil de Xerais, entidades colaboradoras.
Unha escola a do Faro que promove o traballo colaborativo, tanto do equipo docente de cada centro como do alumnado de cada aula, planificado co obxectivo de elaborar un produto textual e gráfico do que todos os participantes se senten orgullosos e responsables. Unha tarefa xornalística, que ademais desta cooperación imprescindible, obriga aos escolares a poñer a proba a súa curiosidade e as súas competencias na localización e recollida de información en fontes diversas e fiables, utilizando nesta investigación tanto a dispoñible na propia hemeroteca do Faro (unha experiencia lectora extraordinaria), a existente na rede, na biblioteca escolar como na comunidade escolar e veciñal. Unha excelente oportunidade para que o alumnado realice un exercicio de lectura e escritura crítica, o que esixe valorar e diferenciar en cada un dos textos o gran da palla, o que son noticias do que son falsidades, trolas ou dixomedíxomes. E, o que aínda é máis importante na construción do pensamento crítico e científico do alumnado de Primaria, obriga a debater e a argumentar, tanto oralmente como cando se redacta, empregando cada vez estruturas máis complexas e vocabulario preciso.
O Faro da Escola, pois, proporciona aos centros escolares de Primaria a posibilidade de achegamento directo a cada un dos xéneros periodísticos e propón que, utilizando as ferramentas do xornalismo actual, cada escola viva a experiencia de transformarse na redacción dun xornal que ao longo de todo o curso dialoga coa actualidade da contorna para informar a súa comunidade educativa. Seguido cada martes nas excelentes páxinas do suplemento Faro da Escola, este triunfante proxecto editorial e educativo, lembrounos as páxinas dos suplementos pioneiros A Pizarra, dedicado a información e opinión sobre temas educativos, e O Pizarrín, a contidos de literatura infantil e xuvenil, que Faro de Vigo comezou a publicar en galego en setembro de 1983, espazos ambos os dous onde tivemos a fortuna de comezar entón a publicar os nosos primeiros artigos naquel Faro da movida dirixido por José Armesto Faginas. Parabéns para o equipo de profesionais de Faro que cada curso fai máis atractiva e potente a experiencia educativa do Faro da Escola.
Tal día como o de onte de hai dezasete anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.331 anotacións das que 89 corresponden ao último ano, o de actividade máis cativa deste dietario dixital.
Unha diminución explicable tanto pola preferencia na miña actual actividade profesional pola lectura e escritura literarias como polo proxecto de chiografía de #XelaArias2021 que de forma diaria completei en Twitter. No entanto, continúo acreditando no blog como o soporte principal da miña identidade dixital, tanto polas posibilidades de acceso ordenado ao arquivo como polo marcado semántico dos contidos, dúas utilidades que non posúen ningún dos perfís das redes sociais.
Non asumo compromisos de novidades para o blog neste ano que comeza, máis aínda cando non abandonamos a pandemia, que tanto condiciona a comunicación dixital. Con todo, procurarei canto menos recoller os artigos semanais publicados en Faro de Vigo e os textos sobre algunhas das miñas lecturas que por diversas razóns chamaran a miña atención.
Xaora, ollando cara atrás continúo coa esperanza que expresaba con inxenuidade naquela primeira anotación de 2005, na que lembraba unha presentación de Xerais en Froxán, no corazón do Courel de Novoneyra, lamentaba que no BNG puidesen prescindir do criterio de Camilo Nogueira e anunciaba un artigo sobre os cines de Vigo da memoria.
Beizóns e gratitudes para as persoas que dende aquela continúan con xenerosa paciencia lendo nestas brétemas, tamén para aqueloutras que se foron incorporando e agardo que para algunhas que puidesen facelo no futuro. Seguimos.
Tal día como o de onte de hai dezaseis anos comecei a publicar este blog. Dende entón publiquei 6.242 anotacións das que 141 corresponden o último ano, unha cifra semellante a do pasado, que expresa tanto a diminución do emprego do blog como soporte preferente da comunicación dixital, desprazado cada vez máis no meu caso ao perfil de Twitter, como a preferencia na miña actual vida profesional de priorizar a lectura e a escritura literarias sobre a escritura neste dietario dixital.
No entanto, continúo acreditando no blog como soporte principal da miña identidade dixital, xa que permite un acceso ordenado ao seu arquivo, ao tempo que un marcado semántico, utilidades que non posúen ningún dos perfís das redes sociais.
Este ano quedará marcado pola pandemia do Covid-19, razón pola que ten moita presenza nos contidos (sobre todo educativos) durante o período de confinamento, mais tamén polo interese en publicar de forma normalizada textos sobre as miñas lecturas (preferentemente da actual edición galega) e sobre o seguimento do mundo da edición (como un curioso editor xa retirado).
Gostei moito da liña cronolóxica sobre a dixitalización na comunicación cultural en galego publicada estes días por Marta Veiga Izaguire, un traballo extraordinario de investigación no que identifiquei case todos os avances compartidos por unha comunidade á que nos adscribimos (utilizo o plural polo feito de compartila co meu admirado Jaureguizar) tal día como onte de hai dezaseis anos. Continúo coa esperanza e inocencia coa que abrín aquelas primeiras brétemas que me propoño continuar. Beizón a todas as persoas que continúan lendo nelas.
Ledicia Costas agasállanos nesta reentrada con Vampira de biblioteca, un novo libro da súa factoría creativa, ilustrado por Víctor Rivas. Unha aventura cen por cen ledicia que integra tres das súas principais liñas de traballo: a exploración de medos e perdas no inframundo paralelo, creado en Escarlatina; a indagación no eido do coñecemento e da tecnoloxía utilizando a estética steampunk, iniciada n’ A señorita Bubble e A balada dos unicornios; e a recreación do mundo dos animais estraños e a creación de sociedades compartidas cos seres humanos, presente n’ As peripecias de Extravaganzza Pérez. Tres esteos literarios que prenden nunha mesma trabe, a voz enérxica de Eleonora, a nena vampira chucha tinta e vegana que relata a súa historia como defensora dende hai máis dun século dos fondos da biblioteca de Coímbra ameazados pola terrible praga do couzón real que pretende papalos.
Nas páxinas iniciais, a narradora e protagonista propón á lectora que se quere gozar desta aventura literaria antes debe descalzarse e identificar e escribir os seus medos, aquelas cousas ou situacións que lle producen un profundo desacougo. Só despois poderá poñerse máis cómodo na cama ou no sofá e saber todo o que lle aconteceu a Eleanora e aos morcegos Xa e Mon cando coñeceron ao avó Mariano e a súa familia toda. Un pacto inicial coa lectora que tamén o é de exaltación apaixonada do valor dos libros e das bibliotecas, ameazados tanto polos perigos do temible couzón da morte como pola idiotez e alienación provocada polo uso doutros soportes onde procurar información, como internet, as redes sociais ou os videoxogos.
Vampira de biblioteca pertence a esa clase de grandes libros sobre o mundo dos libros. Unha defensa da cultura do libro protagonizada neste caso por unha vampira punki, tamén vixía dos libros e lectora letraferida, que como aquel bombeiro Montag de Fahrenheit 451 (parabéns a Xerais pola nova edición deste clásico), pretende poñer a salvo un por un os imprescindibles da biblioteca ao seu cargo (como Drácula, o vampiro máis respectado de toda a historia) chuchando a tinta das súas páxinas para poder inxectalas noutro soporte e deixalas fóra de perigo. Unha xenerosa estratexia, como a de procurar as palabras perdidas na casa dos humanos, que leva a historia, nun xiro inesperado e moi brillante, á exploración do valor da amizade, como algo que medra se a alimentas e a cultivas. Lemos tamén para querer e ser queridos, o que obriga a considerar a lectura como unha actividade vinculada ao eido emocional.
Ledicia Costas acerta de cheo cando ofrece unha aventura literaria de amizade entre vampiros, humanos e animais dirixida a un lectorado autónomo (a partir de 9 ou 10 anos) cando comeza a compartir a experiencia lectora sobre libros impresos coa utilización do hipertexto da web, a iniciarse no uso da comunicación nas redes e adestrarse no uso dos videoxogos compartidos. Acerta Ledicia cando fai esta exaltación imaxinativa e atrevida do valor dos libros e da bibliotecas fuxindo das mexericadas do aroma ou cheiro dos libros e outras trapalladas propias dos que non entenden que a hibridación da lectura é hoxe un camiño sen volta. Ledicia por medio de Eleanora, a súa vampira 451, defende os libros por que como aquel Montag de Bradbury sinte que detrás de cada libro hai unha persoa que fala . Velaí o milagre e a marabilla da lectura pola que paga tanto a pena vivir aventuras como cada unha que nos ofrece Ledicia, facernos humanos. Recomendo vivamente esta Vampira de biblioteca, libro importante.
Un dos grandes proxectos da cultura galega dos últimos vinte e cinco anos foi a edición e actualización dunha parte do seu patrimonio de literatura oral. Unha iniciativa privada que colleu pulo e visibilidade coa publicación do monumental Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1998) a cargo de Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Cuba. Un proxecto editorial de longo alento que os tres mosqueteiros de Lugo continuaron coa publicación da colección de conto popular Cabalo buligán e coa de máis dunha ducia de libros monográficos de mitos, lendas e contos en diversos formatos e coleccións de Xerais. Un traballo etnográfico de recuperación e investigación traballado nas polafías, mais tamén de escritura literaria e de ilustración creativa (velaí o legado visual de Lázaro Enríquez e Noemí López), que nunca será suficientemente valorado polo que supuxo para o noso patrimonio inmaterial.
Dentro deste proxecto histórico, de idéntica transcendencia ao da conservación do patrimonio do románico popular ou de calquera das nosas catedrais, incríbese o traballo que Antonio Reigosa ven realizando dende o mes de marzo de 2005 como creador e coordinador de Galicia encantada, a enciclopedia da fantasía popular de Galicia en internet. Un proxecto pioneiro de edición colaborativa en liña que en 2015, coincidindo cos seus dez primeiros anos, fixose libro de papel (e tamén ebook), baixo o título Galicia Encantada. O País das mil e unha fantasías. Unha iniciativa que agora recunca, con motivo décimo quinto aniversario da web, cun segundo volume, Guñia de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan. Con caracterñisticas de edición semellante ao primeiro, Reigosa escolma aquí máis dun cento de relatos que descubren mitos ou lendas vinculadas a lugares singulares por razóns históricas, arqueolóxicas, naturais ou culturais, e tras dos que se agochan crenzas e ritos de todo tipo.
En vinte dous capítulos temáticos, Reigosa ofrece unha viaxe fascinante polos territorios da Galicia encantada: cocos e asustanenos, a morte, cousas de demos, lendas urbanas, extravagantes célebres, fenómenos, míticas, nubeiros, casas encantadas, remedios de medicina popular, pontes, santos e milagres, tesouros, mitoloxía dos animais, augas e plantas, orixe dalgúns topónimos… Un libro de vontade colaborativa, como o espazo web da súa orixe, froito das achegas de máis de oito informantes de todas as xeografías galegas, inserido nese labor colectivo de enorme transcendencia cultural de recuperación, coñecemento, coidado e difusión do noso patrimonio inmaterial, un dos eixos esenciais na preservación da nosa lingua e da nosa cultura. Mais tamén é un libro de espírito inequivocamente narrativo e literario, unha gozada para ler e compartir a lectura. Parabéns a Reigosa por este enorme e magnífico labor.
O Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE) colabora coa Policía Nacional e a Fundación de Ayuda contra la Drogadicción (FAD) no proxecto de Google «Sé Xenial en Internet». Unha iniciativa coa que se pretende axudar a nenos e nenas e a adolescentes a facer un uso seguro e responsable da tecnoloxía, así como apoiar a familias e docentes no aproveitamento educativo que ofrece Internet.
O portal «Sé xenial en Internet» ensina os conceptos fundamentais da cidadanía dixital e seguridade para que poidan explorar con confianza o mundo en liña.
As distintas actividades organízanse en cinco principios:
–. Comparte con coidado: Sé intelixente en Internet.
–. Non caias en trampas: Mantente alerta en Internet.
–. Protexe os teus segredos: Mantente seguro en Internet
–. Ser amable é xenial: Sé amable en Internet
–. Se tes dúbidas, pregunta: Sé valente en Internet
O portal conta cunha sección de recursos para o profesorado que inclúe unha guía para docentes, que achega os recursos para ensinar na aula os conceptos básicos de seguridade e cidadanía dixital. Aínda que se enfoca para alumnado de terceiro a sexto de primaria, resulta útil tamén para o de secundaria.
Tamén hai un apartado específico con recursos para pais e nais, onde se pode consultar unha guía para familias, onde aparecen claves para fomentar dende a casa os bos hábitos e o diálogo sobre o uso da tecnoloxía. E como complemento no acompañamento dixital, o portal inclúe a ferramenta de supervisión Family Link, que xestiona as aplicación que pode usar os menores ou controla o seu tempo de xestión, entre outras.
O videoxogo Interland
Neste portal tamén dispoñible o videoxogo gratuíto Interland, con posibilidades de aproveitamento didáctico tanto na casa como no colexio.
A través de catro escenarios diferentes (Reality River, Tower of Treasure, Kind Kingdom, Mindful Mountain) trabállanse aspectos como: diferenciar entre o real e o falso, recoñecer os sinais dunha estafa, entender que é phishing e como reportalo, aprender a crear un contrasinal seguro que ademais debe ser recordable, non tolerar a intimidación, comprender que algunha información é sensible, así como as consecuencias de compartir certa información.
Teléfono 017
Un complemento a esta campaña é o servizo que INCIBE ofrece a través da Línea de Ayuda en Ciberseguridad, onde é posible recibir axuda profesional acerca do uso seguro e responsable de Internet. Un recurso gratuíto e confidencial co que poden contar docentes, familias e menores todos os días do ano de 09:00 a 21:00h. Abonda con marcar o teléfono 017 e despois, escoller a opción nº1, correspondente ao equipo de menores.
Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).