Piares da Lectura

Pechou o Salón do Libro de Pontevedra dedicado ao cine coa homenaxe a Xavier Senín e Isabel Soto, piares da tradución e activistas da lectura nas últimas catro décadas. Cun discurso literario fermoso e documentado, foi a bibliotecaria Ánxeles Roca quen debullou a súa traxectoria e méritos, salientando que concibiron a tradución como ferramenta capaz de desfacer fronteiras e indispensable para a normalización do galego. Ademais de conformar cadanseu impresionante currículo profesional e catálogo tradutolóxico, coma outro compartido non menos interesante, modelo de traballo colaborativo rigoroso e teimudo, con fitos senlleiros no cento de obras anosadas ao galego dende o francés, entre as que destacan as súas versións xeniais de Asterix (con Alejandro Tobar), Senín e Soto son activistas da lectura e facilitadoras con grande xenerosidade da construción de proxectos colectivos. Velaí as súas achegas a Galix e Oepli, a termar de publicacións como Golfiño ou O correo da Unesco, a proxectos como «Imos xuntos camiñar» ou á intensa colaboración literaria e acompañamento aos membros da Xeración Lamote (Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Paco Martín), sendo para min outros membros máis deste grupo fundador da nosa lix. Mención á parte merecen os seus compromisos e méritos individuais. Sexan os de Isabel Soto como crítica literaria, especialista en educación literaria e formación de mediadoras ou como biógrafa e coidadora da obra e legado de Fernández Paz, entre outros. Sexan os de Xavier Senín os de modélico xestor do público, ao longo de dezanove anos como subdirector xeral do libro na Xunta de Galicia, primeiro valedor do proxecto de modernización do sector editorial galego, ademais de teimosa intelixencia activa do consenso forxado na Mesa do Libro (2003-2004) arredor do texto inicial da Lei do Libro e da Lectura, aprobada despois en 2007, que continúa sendo referencia para a edición galega. Xustísimo recoñecemento para Senín e Soto, piares da tradución, da lix e da lectura.

Publicado en Nós diario: 09/04/2025

Sen bibliotecas públicas

Sendo capital editorial de Galicia dende hai 75 anos, Vigo padece unha grave carencia bibliotecaria. Con apenas dúas bibliotecas públicas, a Juan Compañel (1995), no edificio Ferro, xestionada pola consellaría de cultura, e a municipal Xosé Neira Vilas (2011), no barrio do Calvario e de xestión privada, Vigo padece un inédito negacionismo bibliotecario das autoridades locais que identifican as salas de estudo con acceso a Internet, sen libros nin outros fondos, coas bibliotecas públicas. Doutrina coa que se abriron os espazos de estudio do Auditorio e de Navia, que cumprindo un valioso servizo público a estudantes e opositoras, non poden entenderse de xeito ningún coma bibliotecas. Abonda con consultar o dicionario da Academia para saber que «unha biblioteca é un conxunto elevado de libros destinados á lectura do público», ao que cómpre engadir o seu carácter interxeracional e  a súa responsabilidade no fomento da lectura. Carencia que podería ser mitigada pola apertura dunha Biblioteca Pública do Estado, prometida dende hai dúas décadas polo ministerio de cultura, que por liortas entre Concello e Xunta, que por desgraza continúan, nunca acaba de arrincar. O de Vigo sen bibliotecas é unha anomalía que, por desgraza, desmerece a calidade de vida da propia cidade. Conviña revisala.

Publicado en A Movida, abril 2025.

Audiolibros

Cando se van facer quince anos da publicación por Xerais dos primeiros libros dixitais en galego en formato epub, Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Sete palabras de Suso de Toro, o sector editorial anda as voltas cun novo intento de popularizar o audiolibro. Un formato dixital en auxe nos mercados editoriais próximos, que  conta cun catálogo de 25.000 títulos en español e unhas vendas do 3 % das do sector. Foi a publicación da magnífica edición de Pel de cordeiro (Xerais 2024) de Ledicia Costas, nas voces de Ana Lemos e Chelo Díaz, á que se engadiu á oferta pioneira iniciada en 2011 por Rinoceronte, abandonada pola editora do Morrazo hai unha década. Catálogo en galego ao que en 2021 se sumaron tres títulos de María Reimóndez, O club da calceta, Corredora e Usha, na voz da autora e distribuídos en Audible, a plataforma de Amazon, onde está publicada Beleza vermella de Arantza Portabales. Publicacións ás que tamén tras a pandemia se engadiron dez títulos en dominio público de Léocho?, a primeira editora galega só de audiolibros. Oferta mínima e fragmentada explicable polos custes de produción elevados, que poden superar os 3.000 € por título, o que fai imposible ás editoras recuperar o investido. Con todo, a problemática introdución deste novo formato nun mercado lector xa hibridado, volve residir nos baixos índices de lectura en galego, abaixados até o 3,90 %, outra cifra dramática para o futuro da lingua, a metade da cota de mercado do 8,00 % para o libro galego, considerada até hoxe fiable. De moi pouco axudan os discursos triunfalistas dos que alardean do momento excepcional da literatura galega cando o seu público non ten conta dela. No caso do audiolibro, como sucedeu hai quince anos coa ampliación dun catálogo suficiente do formato epub, para saír do enredo de se é antes a oferta ca demanda, é imprescindible que as editoras privadas conten con axudas públicas atractivas para producir títulos de calidade e promocionalos na canle bibliotecaria de GaliciaLe.

Publicado en Nós diario: 12/03/2025

Edición discreta

Richard Charkin, o lendario editor de Oxford University Press, lembra nas súas memorias que na metade da década dos setenta había unha «norma curiosa» na súa editora que prohibía aos autores dar as grazas aos editores polo seu nome na sección de agradecementos do libro. Procedemento consuetudinario que se baseaba no principio de que os membros da empresa –dende o maquinista da imprenta até o editor de mesa do texto– contribúen na edición e fabricación do libro e por tanto «non correspondía eloxiar a ninguén en particular». Conclúe que non lle parecería mal rescatar aquel costume, sobre todo, cando «en moitos libros actuais hai listas de agradecementos que semellan as do gañador dun Óscar». E a Charkin, editor pioneiro na introdución da tecnoloxía na edición lexicográfica, non lle falta razón, cando reivindica a edición como unha tarefa en man común, na que participan diversas profesións –dende as que se ocupan da escolla e tratamento do texto, da ilustración, da maqueta e do deseño, a aqueloutras da fabricación, distribución, promoción e comunicación do libro– que ceden todas o seu nome ao título do libro e o da súa autoría. Convenzámonos, no mercado editorial do capitalismo tardío, o principal xuíz e propagandista dun libro, dende a súa existencia até a súa duración nos andeis da libraría, é o lectorado. Neste mercado da atención, con máis cifras ca letras, a ningún dos que no seu día asumimos a responsabilidade última de edición pode estrañarnos ser permanente cuestionados, vivir sempre na corda frouxa. Como sabemos que a discreción é un valor imprescindible dun oficio de risco no que, ademais, de procurar a excelencia no tratamento do texto e na calidade do obxecto libro, cómpre acompañar ás autorías e comprometerse no complexo proceso de comunicación pública, asumindo os riscos ineludibles deste difícil labor. O mundo editorial galego teceuse sempre con afouteza. Cando o editor perde esa coraxe, indispensable no oficio noso, sei que debemos deixar o espazo a outros.

Publicado en Nós diario: 05/02/2025

Bibliocidade

Manuel Rivas agasallou á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña un limiar memorable, «O ecosistema do libro», para abrir o libriño de Arturo Iglesias As luces dos libros na cidade do faro, que forma parte da serie de roteiros do proxecto «A Coruña Literaria». O autor d’ Os libros arden mal (Xerais 2006) celebra no preludio que a súa sexa unha bibliocidade, pertencente ao universo da lectura e do libro, obxecto que presidiu de forma intermitente o escudo da Coruña dende 1837 e desaparecería da heráldica herculina en 1937 co goberno municipal franquista. O libro de Iglesias é un fermoso percorrido gráfico por catorce das bibliotecas coruñesas, número envexable para esta bibliocidade que en outubro de 2023 contaba con 115.904 bibliocidadáns, se por tales entendemos as persoas que contan co seu carné de usuarias, cifra moi superior ás do Deportivo. Rivas define as bibliotecas como un «ecosistema da des-extinción», «un refuxio da diversidade fronte o baleiro», un lugar físico ocupado por persoas de diferentes xeracións, procedencias, xéneros e pensares; mais tamén un espazo psicoxeográfico, onde conviven a veciñanza actual cos seres da memoria fértil, a imaxinación e a descuberta. Rede bibliotecaria entupida que constitúe o pulmón deste ecosistema coruñés, en diálogo permanente cunha modélica rede de bibliotecas escolares e coa completa programación dos clubs de lectura e das asociacións culturais. Ecosistema que conta, ademais, cun detallado mapa literario de autorías e obras e doutros compoñentes librescos: unha decena de editoras en lingua galega en excitación creativa permanente; un tecido libreiro resistente, diverso e creativo; un calendario de festivais literarios consolidado, dende a Feira do Libro e Viñetas desde o Atlántico de agosto até as convocatorias do ciclo Poetas Di(n)versos; a Residencia 1863, modélico espazo de produción literaria creativa… O caso da Coruña literaria merece recoñecemento, máis aínda cando forma parte da identidade desta bibliocidade.

Publicado en Nós diario: 22/01/2025

FIl Guadalaxara

Das feiras internacionais do libro nas que teño participado, sempre foi a miña preferida a Fil de Guadalaxara, no estado de Jalisco, organizada dende 1987 pola Fundación Universidade de Guadalaxara, durante nove días, a partir do derradeiro sábado de novembro. Unha feira de venda e compra de dereitos e licenzas editoriais de luns a mércores, a maior das de fala castelá, mais onde os públicos lectores son sempre benvidos, o que a converte nunha impresionante e entusiasta festa da lectura en todas as súas modalidades, diversidade de linguas, formatos editoriais e expresións artísticas. Feira que cada edición conta cun país, rexión ou cidade convidada, que ofrece o seu desembarco literario, nesta de 2024 España e en 2025 Barcelona, como cada día homenaxea a un profesional da industria do libro, comezado coa entrega do Premio FIL de Literatura de Linguas Romances, dotado de 150.000 dólares, outorgado este ano ao novelista mozambicano Mia Couto, que entre outras actividades manterá un encontro estrela cun milleiro lectoras e lectores novas. Actividades que se suceden nun programa de vertixe artellado para dar resposta aos distintos públicos, dende o literario e o infantil e xuvenil até o dos promotores de lectura, sen menoscabo da atención específica para a edición científica, de pensamento ou temática de actualidade. Aposta pola lectura pública, concibida como competencia transformadora de cidadanía, na que por ventura este ano a nosa edición estará representada polas intervencións dos editores Henrique Alvarellos, que ditará a conferencia «Cen anos de edición moderna en galego», e Xosé Ballesteros, que presentará o Premio Internacional Compostela de Álbums ilustrados. Como autoras en lingua galega como Ledicia Costas, Ismael Ramos, Antía Otero, Dores Tembrás, Bea Lema ou Eva Mejuto participarán en diversas actividades e encontros co lectorado mexicano. Como imaxinamos foi memorable o concerto de Sés no Foro da Fil, un palco musical de privilexio, sempre empático e cheo a rebentar.

Publicado en Nós diario: 04/12/2024

Xigantes da lectura

A neurociencia cognitiva recomenda ler en voz alta todo tipo de textos, a chamada lectura oral, polos múltiples beneficios que achega ao lectorado novo en formación como ao adulto experto. A lectura en voz alta facilita a comprensión e a retención de información xa que incrementa a memoria e as capacidades de atención e concentración, ademais de contribuír a mellorar as habilidades de comunicación verbal de entoación, ritmo e pronunciación. A lectura oral, secasí, ten unha dimensión comunicativa e inclusiva, alivia o estres e a ansiedade, ademais do gozo que provoca en quen a protagoniza e quen a escoita. Abandonada como práctica escolar resesa, a lectura oral reclama de novo a súa incorporación como práctica da formación lectora e da educación literaria, con especial importancia para o novo lectorado autónomo, que despois de aprender a ler, aprende agora lendo e gozando da lectura. Son abertamente partidario de recuperar a lectura oral nas aulas e nos clubs de lectura, tamén nos que participan persoas maiores, xa que cando lemos en voz alta humanizamos o texto, anosámolo, encarnámolo na pel propia e na das persoas que nos escoitan. Cando lemos dese xeito compartimos o gozo do texto facéndoo sonoro e teatral, único nos seus matices e interpretación, práctica que sabemos asumen moitas autoras para comprobar se o texto flúe como elas pretenden. Coa intención de recuperar esta práctica na formación do novo lectorado autónomo, o Hematofesti, festival de literatura infantil e humor na memoria de Hematocrítico, asumiu a organización da edición de «Pequenos Xigantes da Lectura» en lingua galega para alumnado de segundo ciclo de Primaria. Convocatoria pioneira, na que apenas participaron centros educativos da área metropolitana viguesa, mais cun éxito rotundo pola calidade das lectoras finalistas e o gozoso do proceso, constituíndo un dos fitos máis destacados do memorable primeiro Hematofesti, organizado por Ledicia Costas, Alberto Vázquez, Llerena Perozo e Matilde Rodríguez.

Publicado en Nós diario: 13/11/2024

Discurso de recepción do premio «Lenda do recreo»

Recollo no arquivo do blog o discurso que pronunciei o serán do sábado 9 de novembro no Hematofesti con motivo da recepción do premio «Lenda do recreo».

Pode lerse ou baixarse en formato pdf aquí.

 

Economía e letras

Lamenta Yolanda Castaño nas páxinas do seu ensaio premiado, Economía e poesía. Rimas internas (Galaxia 2024), que a supervivencia a través da poesía é case un milagre. Confesa así a autora de Materia (Xerais 2022), libro recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2023, as dificultades que afrontou como poeta en galego que fixo desta condición a súa única profesión. Un debate sobre a profesionalización, aberto dende hai décadas nas nosas letras, que ten que ver máis coa precariedade do seu mercado, á intemperie e con escasa visibilidade e recoñecemento social, que coa vontade das nosas autoras para vivir dos dereitos da venda dos seus libros ou das facturas emitidas pola súa participación en recitais e outros saraos literarios. E se alguén dubida da fraqueza que arrastra o noso mercado, aconsello consulte os informes anuais máis recentes de Comercio Interior do Libro da Federación de Editores. Datos que no caso do libro galego resultan clarificadores de máis: as vendas totais a prezos de capa son de 16,8 millóns de euros, as dos libros de literatura 2,6 millóns de euros, das que case 1,9 corresponden a narrativa e 700.000 euros a poesía, teatro e ensaio; vendas que xeran uns dereitos de autoría de 1,5 millóns. Como cativas son as axudas e compras anuais para bibliotecas públicas da Xunta de Galicia ao sector editorial, arredor de 800.000 euros, que representan apenas o 4,76 % da facturación do sector en 2022. Incrementar a cifra das vendas literarias en galego e destas axudas constitúen requisitos previos para abordar un debate sobre a profesionalización que non estea trucado polo enganoso voluntarismo. Noutros termos: incrementar as vendas e visibilidade nas librarías do libro galego (o equivalente a pasar por billeteira na música ou no cinema) e comprometer as institucións a responsabilizarse de políticas públicas de fomento da lectura en galego e de apoio á creación literaria son condicións que axudarían na angueira das que pretenden facer das nosas letras o seu oficio.

Publicado en Nós diario: 25/09/2024

Lemos +

Coincidindo coa inauguración da Feira do Libro da Coruña, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou o visto e prace do Goberno Galego ao informe «Lemos +», que recolle até cen medidas relacionadas co sector do libro e as bibliotecas. Anuncio presentado como un «Plan de dinamización da lectura de Galicia», organizado en 24 liñas estratéxicas arredor de cinco grandes bloques, que pretende conseguir que en 2030 o 70 % da poboación galega lea libros por ocio, polo menos unha vez ao trimestre, porcentaxe que se pretende acadar tamén para a lectura en galego habitual ou ocasional. Informe, cuxo contido polo momento non parece posible localizar na rede, encadrado na «Estratexia da Cultura Galega 2021», cuxa redacción (segundo a nota de prensa) foi iniciada xa en 2018, que pola súa relevancia debería ser presentado no Consello Asesor do Libro de Galicia e consultado cos diferentes axentes profesionais e empresariais do sector do libro, entidades administrativamente interesadas, que dende hai case dúas décadas reclaman a posta en marcha dun «Plan de lectura de Galicia», que desenvolva o establecido na Lei 17/2006 do libro e da lectura, a que sabemos fixeron caso omiso os gobernos de Feijoo e Rueda. Como estraña que no anuncio  de «Lemos +» non se faga explícito que o plan contará cun desenvolvemento transversal, que afectaría moi especialmente á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con atención preferente aos programas de bibliotecas escolares, de educación dixital e da chamada «Hora da lectura». Como tamén botamos en falta na nota que non se faga mención ningunha a un compromiso orzamentario e a un calendario de desenvolvemento das medidas contempladas, sen esquecer que é imprescindible sexan presentadas no Parlamento de Galicia. Demasiados fíos soltos para un anuncio precipitado e confuso que tememos, non queremos ser aves de mal agoiro, indique que o Plan de lectura de Galicia quede unha lexislatura máis en auga de castañas.

Publicado en Nós diario: 07/08/2024