
Entregamos onte os Premios da Crítica de Galicia 2018. Pareceume unha excelente colleita, probablemente expresión da grande diversidade actual da nosa creación cultural como dos esforzos de incorporación á tradición destes premios da cultura vinculada coas ciencias e coa tecnoloxía. Aí temos o premio de Investigación outorgado a José Luis Mascareñas, un científico internacional no ámbito da Qúica e Biomedicina, que formou arredor do Ciqus da USC un importante grupo de traballo. Eis o de Cultura Gastronómica outorgado á Federación de Razas Autóctonas de Galicia Boaga, un proxecto transversal para o noso medio rural onde cristalizan aspectos veterinarios, medioambientais e culinarios nunha simbiose esperanzadora.
Como tamén amosou esta edición o recoñecemento de xustiza para dúas mulleres extraordinarias, Ana Romaní e Mercedes Peón, como para as organizadoras da Mostra Internacional do Teatro Cómico e Festivo de Cangas, cuxas traxectorias por comprometidas coa cultura feminista e por rigorosas no seu desenvolvemento exemplar no ámbito do xornalismo cultural, da anovación da música de raíz e da promoción do teatro, respectivamente, merecen todas as beizóns.
Como tamén as merece o labor dunha década do arquitecto Javier Alonso de la Peña dirixindo o Plan Director da Catedral de Santiago, un dos proxectos máis relevantes para o patrimonio galego. Como entendo que merecen ser recoñecida A nena do abrigo de astracán, a gran novela da memoria do noso mestre Xabier P. DoCampo e Matria a película do cineasta vigués Álvaro Gago.
E parabéns a Bieito Ledo e Antón Pulido, xenerosos que levan teimando desta angueira dende hai corenta e un anos coa intención de construír o país dende os diversos ámbitos da creación e das industrias culturais. Beizóns.