Que pasa co galego en Vigo?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos datos do estado da lingua en Vigo:

Das sete cidades galegas, Vigo é onde menos galego se fala: apenas o 15,4 % da poboación viguesa afirma ser usuaria prioritaria do galego (o 49,3 % en Galicia), segundo datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2018, recollidos por Fernando Ramallo, catedrático de Lingüística da Universidade de Vigo no seu libro recente (recomendabilísimo e referencial), Que pasa co galego. 32 preguntas sobre a situación social da lingua (Xerais 2023). Porcentaxe da cidade olívica que hai dez anos era do 24,7 %, o que para o sociolingüista vigués constitúe «un exemplo paradigmático de castelanización» e supón unha «evolución demoledora que de continuar coas condicións que favoreceron esta castelanización recente, o uso do galego será case residual nas xeracións seguintes».

Situación dramática para o galego, semellante á de Ferrol (17,7 %), A Coruña (20 %) e Pontevedra (23 %), cidades tamén moi castelanizadas, que contrasta coas dos núcleos urbanos máis galegófonos Lugo (44,7 %) e Santiago (43,9 %), como en certa medida sucede en Ourense (33,5 %). Porcentaxes desacougantes dunha presenza xa anecdótica do galego en Vigo ás que se unen as non menos significativas do 2,1 % dos fogares vigueses nos que todos os seus membros maiores de cinco anos falan galego habitualmente, cando a media galega é do 22,7 %, e de que en máis do 90 % dos fogares vigueses ningunha persoa fala habitualmente galego, como sucede tamén en Ferrol e A Coruña, cando a media de Galicia é do 60,4 %.

Non obstante, en Vigo o cativo uso do galego non é uniforme en todo o concello, como sucede tamén no resto das cidades e áreas urbanas onde o galego xa non é a lingua que máis se escoita, xa que continúa habendo barrios, parroquias ou actividades onde hai moitos máis galegofalantes ca noutros e nas que se manteñen variedades diatópicas non sempre visíbeis no resto da cidade. Por ventura en Beade, Candeán, Matamá, Sárdoma, Castrelos ou Zamáns, entre outras parroquias citadas por Fernando Ramallo, ou nas festas populares de San Brais ou San Roque ou nos mercados dominicais de Bouzas ou durante a representación da Reconquista ou mesmo nas bancadas do estadio de Balaídos, «escoitaremos un galego vivo, sobre todo entre a poboación de máis de 50 anos».

Non é doado explicar o devalo desta presenza do galego en Vigo intensificado no que vai de século XXI, un período no que o castelán consolidouse como lingua predominante na rúa, tanto nos usos familiares e coloquiais como nas interaccións comerciais e administrativas, ademais de ser a lingua empregada habitualmente nas emisións da radio e televisión locais por parte do alcalde e dos concelleiros e concelleiras, coa excepción dos nacionalistas. Dende hai oito décadas, coincidindo coas primeiras décadas da ditadura franquista, o castelán foi devorando ao galego que quedaba nas cidades galegas, probablemente, por ser considerada como a lingua do progreso e do benestar, facilitadora da mobilidade social, un proceso que coincidiu coa imparable urbanización da sociedade galega, que en Vigo supuxo se duplicase a poboación e se fose reducindo progresivamente o número de galegofalantes.

Secasí, o problema principal para o futuro do galego non é tanto que non sexa utilizado pola mocidade como que o galego xa non se escoita nos seus fogares. Unha cuestión relevante xa que, salienta o profesor Ramallo, «a lingua aprendida en espazos alleos ao núcleo familiar non garante o seu uso, ficando, mesmo residual». Unha inseguridade que ten moito que ver cos prexuízos cuñados sobre o uso do galego que conforman toda unha ideoloxía que deforma a percepción do idioma, dende que o galego é unha lingua que proporciona menos oportunidades laborais, educativas e sociais ca o castelán e o inglés, pasando de que falar galego é cousa de vellos ou de persoas de aldea até que é sinal inequívoca de militancia no bloque ou do pertencer ao colectivo do profesorado de galego.

Falemos galego ou falemos castelán, dificilmente contaremos os vigueses e viguesas (como o resto de galegos e galegas) cunha singularidade tan nosa que ao mesmo tempo nos diferencia e identifica como é a do idioma galego, unha alfaia milenaria de valor incalculable, patrimonio colectivo (material e inmaterial) que a todos define e a todos corresponde evitar a súa desaparición. Unha situación que non é doado reverter, mais que debe ser considerada polo concello de Vigo como unha das súas actuacións patrimoniais preferentes. Respectar a vixente e modélica Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1988, poñer en marcha un estudo para coñecer en profundidade a actual situación sociolingüística na cidade e fortalecer o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística e do Consello Social da Lingua son actuacións que non poden ser adiadas.

Diáspora

Dúas das obras que lin no verán con maior interese, a novela Ninguén queda (Euseino? 2022) de Brais Lamela, docente de literatura na Universidade de Yale, e o ensaio Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia (Xerais 2023) de Sonia Villapol Salgado, neurocientífica e investigadora do Centro Médico de Texas, Houston, foron escritas desde a emigración, o outro lado do Atlántico, onde os autores chegaron perseguindo mellores oportunidades de formación e traballo ca en Galicia. Dous libros importantes escritos en galego e con todos os sentidos postos en Galicia, o de Lamela coa intención de esculcar dende a autoficción nas dificultades de arraigamento entre dous mundos (Negueira de Muñiz e Nova York), tamén entre a investigación e a memoria; o de Villapol coa de afondar dende a divulgación nas relacións entre o desenvolvemento e o coñecemento científico que aplicados nos rescataron da pandemia da Covid19 e nos rescatarán das que están por vir. Dous títulos con voces potentes en primeira persoa, que amplían o perímetro da oferta editorial en galego, no caso de Brais pola reconsideración do literario (tanto da arquitectura como dunha escrita conmovedora) como ferramenta para pensar e (re)pensar o propio país; fose no caso de Sonia por ofrecer un modelo de divulgación científica orientada a comprender as mudanzas e aprendizaxes da Covid19 e afrontar os desafíos do futuro. Dous libros xenuínos da actual diáspora galega, esa comunidade emigrante conformada nas dúas últimas décadas, que deita unha ollada no porvir, conectada 24/7 polas redes dixitais coa axenda galega e cos afectos e identidades familiares, amicais, deportivas ou locais. Unha diáspora que en boa medida abandonou o discurso paralizante do nihilismo e da desesperanza e dende localizacións diversas comparte de forma xenerosa a súa experiencia profesional e vital na construción do proxecto da Galicia futura. Recomendo a lectura destes dous libros tan suxestivos para proxectarnos como comunidade no mundo.

Publicado en Nós diario: 13/09/2023

Os valores de Agustín

Hoxe hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz, cabodano que coincide co peche da admisión de orixinais do premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome. Unha exitosa convocatoria literaria anual do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o concello de Vilalba que, ademais de recoñecer a excelencia dun novo texto, contribúe a non esquecer o rastro de valores deixados polo mestre e escritor e as súas fondas conviccións na forza das palabras para mudar o mundo e para facelo coas propias vidas. Foi a do chairego unha voz literaria lúcida, que sempre contou co apoio da forza dos públicos lectores galegos, fose o das crianzas ou o das persoas adultas, capaz ademais de contaxiar o optimismo e a esperanza na construción dun futuro mellor. Unha confianza activista que Fernández Paz mantivo, mesmo nas condicións máis adversas, como a dos anos de enfermidade, tamén os da imposición do Decreto de Plurilingüismo (2009), contra o que se mobilizou participando na plataforma Prolingua, da que foi promotor e incansable redactor de posicións. Compromiso que o levou a renunciar en 2010 ao Premio da Cultura Galega no apartado de Letras outorgado pola Consellaría de Cultura e Turismo. Unha decisión valente, coherente coas posicións defendidas por Prolingua sobre o carácter deses premios, que nunca se repetiría, a pesar de que o modelo de educación plurilingüe dos gobernos de Feijoo nunca fora modificado nin sequera avaliado, como prevía a disposición adicional do propio decreto. Lembrar hoxe a firmeza daquela resistencia pacífica e teimosa adoptada polo mestre Agustín, semellante a mantida pola activista Rosa Parks, á que homenaxeou na novela Non hai noite tan longa (Xerais 2011), supón identificar o rastro da dignidade, da coherencia e lucidez que deixou na súa traxectoria pública. Un rastro de valores que convén seguir en tempos nos que se repiten as ameazas sobre a lingua galega, as liberdades e os dereitos conquistados. Sempre Agustín!

Publicado en Nós diario: 12/07/2023

DoCampo

Tras cinco anos do pasamento do escritor Xabier DoCampo continúa emocionando escoitar a súa derradeira intervención, que unhas poucas semanas antes realizara no Teatro Principal de Compostela, cando na Gala do libro galego recibiu o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela coa que homenaxeou ao cine clásico e a súa xeración de crianzas de posguerra, a derradeira que mamou a marabilla daquelas historias de medo ou de risa ao carón do lume. O mestre chairego defendeu coa voz crebada e afouteza e xenerosidade de seu un futuro digno para a nosa edición. «Queremos que o libro galego siga vivindo» foi a frase coa que rematou entre bágoas e aplausos rotos, despois de maldicir con toda a enerxía que xa lle faltaba, a aqueles que non o coidan, aqueles que non o celebran, aqueles que non o queren. Unha intervención tan breve como inesquecible que puxo colofón a toda unha vida de compromiso coa causa da lingua e cultura galega, que aquel serán brillaba na lapela da súa chaqueta, onde prendeu orgulloso a insignia de Prolingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor, concibida en 2009 por el e por Agustín Ferñandez Paz, o seu compañeiro e cómplice da Xeración Lamote, tras o indigno Decreto de Plurilingüismo, como «un valado para nos defender e para reivindicar o esencial», para traballar por un idioma «que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre». Cinco anos despois do seu pasamento, coincidindo coa celebración do corenta aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica do que foi activista nas aulas lembramos a DoCampo como un militante de todas as causas da dignidade nosa, un mestre que como poucos soubo cultivar o valor da unión e da amizade. Certo é que choramos a súa perda prematura, mais temos a fortuna de contar cunha obra literaria súa que nos convida a gozar do pracer da lectura e do afán de facer da vida relato, como mamou dende o berce.

Publicado en Nós diario: 28-06-2023

A escola do Faro

Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo ao proxecto editorial Faro da Escola:

Teño participado en moitas entregas de premios, mais ningunha tan concorrida e participada polo público infantil como a que vivín o pasado 13 de xuño nas bancadas do pavillón municipal de Travesas, que pechaba a oitava edición de Faro da Escola, o proxecto editorial de Faro de Vigo que achega ao mundo da prensa aos centros educativos da provincia de Pontevedra, con especial incidencia na área metropolitana de Vigo, Pontevedra e Deza. Máis de 1.600 escolares e un cento de profesoras dos 47 centros educativos de Primaria, que publicaron este mes cadanseu faro, participaron nun acto, iniciado con moita música de moda (aspecto a mellorar, dende o punto de vista educativo, en edicións futuras) e coa acollida agarimosa do director do decano. Unha mañá de festa e moitas  fotos na que se recoñeceron os tres mellores periódicos escolares deste curso 2022-2023, tamén as tres mellores entrevistas, portadas, seccións de opinión, investigacións empregando a hemeroteca, reportaxes, fotografías de interior e portada, infografías, deseño, tira cómica, suplemento, pasatempos, entre outras modalidades e categorías deste singular certame de prensa escolar.

Unha entrega coa que remataban os case oito meses de traballo nas aulas necesarios para a elaboración integral do faro anual de trinta e dúas páxinas de cada centro. Tarefas iniciadas no mes de outubro co período formativo do alumnado e profesorado participante, a cargo dun equipo de profesionais de Faro de Vigo, que desprazados aos propios centros desvelaron os segredos da preparación dun xornal, tanto os referidos a planificación e distribución dos seus contidos, como da súa redacción e maquetación, empregando Scribus, a potente ferramenta coa que se fai o xornal. Unha escola de xornalismo infantil, polo tanto de escritura crítica e pegada ao cotián, que como corresponde ao actual proceso de hibridación da prensa utiliza soportes diversos, tanto impresos como dixitais. Unha escola de comunicación escolar que salienta o valor das imaxes (ilustracións, infografías e fotografías) que acompañan os textos das noticias, reportaxes ou entrevistas, nin esquece tampouco a relevancia dunha publicidade atractiva e da súa xestión para facer viable a publicación. Formación que o alumnado participante no proxecto completou nas visitas durante o inverno ás instalacións do xornal en Chapela e nas conferencias nos centros do persoal do CSIC e de autoras e autoras de literatura infantil de Xerais, entidades colaboradoras.

Unha escola a do Faro que promove o traballo colaborativo, tanto do equipo docente de cada centro como do alumnado de cada aula, planificado co obxectivo de elaborar un produto textual e gráfico do que todos os participantes se senten orgullosos e responsables. Unha tarefa xornalística, que ademais desta cooperación imprescindible, obriga aos escolares a poñer a proba a súa curiosidade e as súas competencias na localización e recollida de información en fontes diversas e fiables, utilizando nesta investigación tanto a dispoñible na propia hemeroteca do Faro (unha experiencia lectora extraordinaria), a existente na rede, na biblioteca escolar como na comunidade escolar e veciñal. Unha excelente oportunidade para que o alumnado realice un exercicio de lectura  e escritura crítica, o que esixe valorar e diferenciar en cada un dos textos o gran da palla, o que son noticias do que son falsidades, trolas ou dixomedíxomes. E, o que aínda é máis importante na construción do pensamento crítico e científico do alumnado de Primaria, obriga a debater e a argumentar, tanto oralmente como cando se redacta, empregando cada vez estruturas máis complexas e vocabulario preciso.

O Faro da Escola, pois, proporciona aos centros escolares de Primaria a posibilidade de achegamento directo a cada un dos xéneros periodísticos e propón que, utilizando as ferramentas do xornalismo actual, cada escola viva a experiencia de transformarse na redacción dun xornal que ao longo de todo o curso dialoga coa actualidade da contorna para informar a súa comunidade educativa. Seguido cada martes nas excelentes páxinas do suplemento Faro da Escola, este triunfante proxecto editorial e educativo, lembrounos as páxinas dos suplementos pioneiros A Pizarra, dedicado a información e opinión sobre temas educativos, e O Pizarrín, a contidos de literatura infantil e xuvenil, que Faro de Vigo comezou a publicar en galego en setembro de 1983, espazos ambos os dous onde tivemos a fortuna de comezar entón a publicar os nosos primeiros artigos naquel Faro da movida dirixido por José Armesto Faginas. Parabéns para o equipo de profesionais de Faro que cada curso fai máis atractiva e potente a experiencia educativa do Faro da Escola.

Sector estratéxico

Neste mes celébrase o corenta aniversario da Asociación Galega de Editoras (AGE), primeira asociación profesional do sector do libro. Foron cinco as asinantes da acta fundacional, Galaxia, Xerais, Alvarellos, Xistral e Sotelo Blanco, ás que se sumaron outras catro entidades, Escola Aberta, Fundación Barrié, Imprenta Neira e Libro de Oro (Librouro). Presidida primeiro por Bieito Ledo, xerente de Galaxia, e despois por Luís Mariño, director de Xerais, ao fío das posibilidades que abría o desenvolvemento autonómico e o ensino da lingua galega, a AGE traballou coa dupla intención de crear unha industria editorial e ampliar o público para o libro editado en galego, o que supoñía abandonar o resistencialismo que, coa excepción das edicións Castrelos, caracterizaba daquela ao sector. Obxectivos aos que nunca renunciaron as nosas editoras, capaces de ofrecer hoxe un catálogo de máis de 10.000 títulos dos diversos xéneros e tipoloxías e vender dende entón máis de vinte millóns de exemplares, un esforzo compartido na actualidade por case medio cento de editoras. Cifras que non poden agochar o reducido mercado interior do libro galego, apenas o 11,2 % (incluído o de texto), porcentaxe cativa para un sector declarado «estratéxico para Galicia» na Lei do Libro e a lectura (2006), a que quedou en papel mollado co primeiro dos gobernos de Feijoo. Incumprimento que abriu unha fenda entre as teimudas reclamacións da AGE e as políticas cativas dos gobernos de Feijoo e Rueda, as únicas presidencias da Xunta de Galicia que nunca recibiron ás directivas da asociación de editoras, rompendo así os tradicionais encontros anuais con Fraga e Touriño. «Que queren os editores?» preguntoulle Feijoo ao conselleiro Roberto Varela, cando en 2010 a AGE solicitou ser recibida en San Caetano. Dende entón as directivas das editoras agardaron ser convocadas para reiterar a atención que merece un sector estratéxico para a lingua e cultura nosas como para a conformación da propia identidade do país.

Publicado en Nós diario: 14/06/2023

Escolma de fotopoemas

Hai catro décadas a aparición de Cinepoemas de Claudio Rodríguez Fer, dentro da colección Ventobranco de Xerais, supuxo unha innovación para a edición galega de poesía, daquela revolucionada polos libros de Rompente. Fose pola temática cinéfila, 38 poemas escritos a partir de filmes clásicos, fose pola reprodución de cadanseu fotograma icónico e a impresión en tinta lila ou fose polo deseño rechamante da cuberta que achegaba á cultura nosa a imaxe inesquecible de Charlot e a vida de can (1918). En 1990, tamén en Xerais, aparece Tigres coma Cabalos, onde 24 poemas de Xela Arias contaban con cadansúa fotografía de Xulio Gil, inaugurando o que entendemos como fotopoemas presentados en formato de libro álbum. Diálogo creativo que ensaiaron Miro Villar e o fotógrafo Manuel Álvarez en Gameleiros, mar de rostros (Xerais 2002), 27 retratos de mariñeiros de baixura da Guarda con cadansúa arte tradicional. Experiencia que o fotógrafo da Guarda residente en Xenebra repetiría, primeiro, con Manuel Rivas en Sementeira. Porträts (2019), 42 retratos e outros tantos haikus e aforismos protagonizados polos membros da Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea, e despois, coa romanesa Helga Cabiddu en Sexades mar (Chan da Pólvora 2022), no que retrata unha nova liñaxe de traballadores do mar.

Ferramenta creativa que exploran con orixinalidade e potencia Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz en Lugo Philadelphia. Peles roxas no corazón de Babilonia (Xerais 2023), como crónica fotopoética da viaxe norteamericana que compartiron para asistir a un concerto dos Rolling Stones. Versos lóstrego da memoria, escritos a ritmo de rock and roll, que camiñan da man de fotos de pintadas nas paredes de Lugo ou de imaxes iluminadas polo entusiasmo dunha cuadrilla de mulleres nas rúas de Harlem.

Escolma de fotopoemas que recomendo xa que amosan as posibilidades creativas deste atractivo tipo de edición multimodal, hoxe, por ventura, en pleno esplendor no actual catálogo do libro galego.

Publicado en Nós diario 31/05/2023

Os alicerces de Galaxia: Del Riego e a cuestión editorial

Un tema galego cada semana

Instalado en Vigo, onde exercía como profesor dos colexios Mezquita e Labor e colaboraba na edición da revista Industrias Pesqueras dirixida por Valentín Paz Andrade, e tras ser detido e xulgado en Consello de Guerra en 1947, coincidindo coa falta de resposta dos gobernos aliados en relación ao réxime de Franco, Francisco Fernández del Riego, xunto aos compañeiros das Mocedades Galeguistas, Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, comezou a explorar as posibilidades da vía cultural como xeito de intervención política. Iniciou daquela a súa participación nas emisións en galego da BBC (1947), a publicación de artigos en Seara Nova, a instancias de Manuel Rodrigues Lapa e, sobre todo, as colaboracións no xornal La Noche (1947-1948) baixo o epígrafe «Un tema gallego cada semana», asinadas cos heterónimos Salvador Lorenzana e Santiago Amaral, nas que segundo Antón Mascato «vai dar unha volta de tensión apertando á censura con temas galeguizantes».

Artigos que levaron a José Goñi, director de La Noche, a encargarlle a Del Riego a coordinación, xunto a Xaime Isla, do Suplemento do Sábado de temática cultural, que aparecería a partir do 15 de outubro de 1949 e no que durante catro meses publicarían as figuras galeguistas, unhas veces asinando co seu nome, coas iniciais ou con heterónimos. Un exercicio de afouteza que o 14 de xaneiro de 1950, o sábado seguinte ao pasamento de Castelao en Buenos Aires, dedicou un monográfico a súa figura. Pouco despois, o 28 de xaneiro, publicaríase o derradeiro, pechando unha experiencia que até entón burlara a censura do réxime.

Actividades culturais que, sinala Mario Regueira, serviron para establecer ou recuperar contacto entre sensibilidades culturais afíns e preparar o proxecto de creación da futura Galaxia, unha nova editorial galega con características ideolóxicas, superadora de iniciativas voluntaristas, como a da colección Benito Soto, ou apostas pola bibliofilia, como as das Ediciones Monterrey (1948) ou a de Bibliófilos Gallegos, as dúas nacidas en 1948.

A problemática editorial

Nese contexto aparecen tres importantes artigos de Del Riego en La Noche, asinados por Salvador Lorenzana: «La cuestión editorial y el cultivo del idioma» (30 de abril de 1947), «Sobre la cuestión de nuestro idioma» (17 de maio de 1948, xusto quince anos antes do primeiro Día das Letras Galegas) e «Hacia la difusión de nuestros libros» (30 de xaneiro de 1948). Tres textos de espírito programático, reveladores das intencións de Del Riego e do seu grupo de crear unha editorial profesional e promover un cultivo escrito dun idioma do que non pode negarse a súa vixencia popular, proxecto que a partir de 1950 concretarían na fundación da editorial Galaxia.

Así no artigo de abril de 1947, tras referirse á aparición de Áncora, a primeira editora catalá «totalmente allea á política», cuxo primeiro título é Viatge a Catalunya de Josep Pla, Del Riego considera que esta é unha noticia estimuladora para nós, xa que «se impón a necesidade da fundación dunha Editorial de libros galegos na nosa terra». Unha Editorial galega, que representaría «un gran paso restaurador da nosa cultura», e da que traza as súas tres liñas programáticas principais. Primeira, a reedición de obras básicas na historia da literatura galega, como os cancioneiros medievais ou as obras completas de Pondal, o que supón a configuración dun canon. Segunda, a publicación de textos inéditos de poesía, novela e investigación, o que supón a formación dun público. E terza, a tradución ao galego de obras universais, «o que suporía que o noso idioma gañaría quilates en difusión, categorización e dignidade literaria».

Programa editorial que Del Riego perfila máis no artigo de xaneiro de 1948, no que parabeniza de forma elegante ao tempo que crítica de forma cordial as intencións da recén creada Editorial de Bibliófilos Gallegos, sobre todo, a da colección Biblioteca de Galicia, na que os promotores (Sánchez Cantón e Filgueira Valverde) anuncian a reedición de obras antigas e a publicación de orixinais de autores contemporáneos. Del Riego volve reclamar a publicación do corpus da memoria literaria galega, tanto a da tradición medieval como a do século XIX, «que achegan unha visión harmoniosa da alma galega», ademais de citar os títulos dos libros de poemas rosalianos e pondalianos, aconsellando aos novos editores que «non malogren os seus esforzos en estériles camiños de arqueoloxía literaria». Como volve teimar da tarefa «importantísima para o futuro de Galicia» da publicación de obras de autores actuais, como a de fomentar traducións ao noso idioma de clásicos e modernos, sen esquecer a necesidade de contar con estímulos para as letras, «como premios anuais que inciten as distintas manifestacións da cultura de Galicia: a novela, a poesía e o teatro..»

A cuestión do idioma

Artigos que comparten a reflexión sobre a cuestión do idioma, abordada o 17 de maio de 1948, prodixiosa serendipia, quince anos antes do primeiro Día das Letras Galegas do que sería promotor. Del Riego non dubida en afirmar que «non hai cultura galega superior sen lingua que a sosteña», como tampouco en que a pesar de que dos dous millóns que a falan moi poucos a lean e a escriban, «conta con inmensas posibilidades de vivificación». Unha causa que bautiza como «rehabilitación idiomática», na que cómpre vivificar tanto as infinitas voces, fortes e expresivas, que xacen case esquecidas nas zonas campesiñas, como traballar para «a aparición dun Dante que lle proporciones dimensión universal». Rehabilitación que nos obriga «a ir laborando sen pausa, con intelixencia, para habilitar outra vez ao idioma como instrumento dunha misión cultural transcendente».  Prefigura así Del Riego unha perspectiva política posibilista da cuestión idiomática que defendería ao longo da vida enteira.

A necesidade dunha Revista

No artigo de La Noche do 30 xaneiro de 1948, Del Riego prefigura con extraordinaria valentía a necesidade de contar cunha Revista ao servizo da rehabilitación idiomática e a recuperación cultural. Afirma polo dereito a necesidade da unidade para abordalas: «Pensamos que é a hora de asociar todos os esforzos hoxe disociados, e os camiños da nosa cultura son o mellor xeito de intensificar a xuntanza cordial de todos os que comulgan na súa fe». «Para o logro deste ideal –escribe– imponse a necesidade de editar unha Revista consagrada á exaltación e difusión dos nosos valores intelectuais. Unha revista capaz de continuar o labor iniciado hai anos pola publicación Nós [mención máis que encomiable meses despois de pasar polo cárcere]. Claro que presidida por un criterio máis amplo, máis moderno e menos arqueolóxico. Unha revista onde haxa densidade, sensibilidade exarcerbada fronte á época. Unha publicación que poida formar parte da vida das xeracións futuras, que teña un valor de forza expansiva no tempo».

Publicado en Faro de Vigo, suplemento Faro das Letras, 17/05/2023

Itinerarios vigueses de don Paco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos itinerarios vigueses de Del Riego:

No libro de conversas con Perfecto Conde (Xerais 2018), Francisco Fernández del Riego conta a súa chegada a Vigo en 1939, cadrando co ingreso no cárcere, e posterior desterro a Estremadura, de Valentín Paz Andrade que o convidara a colaborar no seu despacho de avogacía. Días de fame nos que o mozo laurentino se hospedou nun cuarto da rúa Príncipe e facía unha comida ao día, en compaña do pintor Carlos Maside, en tascas como La Mundial da rúa Velázquez Moreno ou a América da rúa Eduardo Iglesias, na que se conformaban apenas cun guiso e tres anacos de pan entremediados de vermes cocidos. Días de medo, como o daquelas tres mañás consecutivas nas que cando contestou ao teléfono do escritorio unha voz espetoulle: «¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?»; ameaza que apenas o levou a deixar de coller o teléfono e, como tantas outras veces faría, tirar para adiante.

Primeiros meses, alongados a case sete décadas nos que fixo de Vigo a súa cidade amada, nos que obtería os primeiros ingresos escribindo para unha publicación de reloxería, despois outra de farmacia, e para Imán, unha revista de deportes e cine editada pola imprenta Roel. Traballos que despois compartiría coas traducións do francés para a revista Industrias pesqueras, algunha colaboración para la Hoja del lunes de Vigo e, sobre todo, co seu labor como profesor de filosofía e literatura, inicialmente no Colexio Mezquita de García Barbón, despois tamén no Labor de Romil, e máis tarde na Academia Sigma que montou cun socio na praza da Constitución para preparar a reválida universitaria. Lembranzas duns anos, relatados de forma máis precisa no seu libro memorialístico esencial, O río do tempo. Unha historia vivida (Ediciós do Castro 1990), no que se debullan os faladoiros das tres da tarde do Café Derby da praza de Urzáiz, onde comezou de feito a reconstrución do galeguismo, citas que os luns se celebraban no Café Savoi e os sábados no Café Suevia de Policarpo Sanz, mais que logo seguirían no Café Alberti da rúa Uruguai, na Taberna da Alameda ou nos locais do Náutico, entón no Hotel Moderno con entrada pola rúa Carral.

Recén casado coa valdeorresa Evelina Herbello e instalados nun piso da rúa Pi e Margall, os roteiros vigueses de don Paco consistían os domingos en camiñadas políticas polo Castro co empresario Enrique Peinador e o arquitecto Manuel Gómez Román. Noutras ocasións collía o tranvía até a estación de Muíños, ao pé da praia de Samil, na foz do Lagares, onde os vellos galeguistas, «que se autonomeaban –conta don Paco– “Os fillos do sol”, montaran unha especie de palafito». Xuntanzas anteriores ás da casa clandestina que alugaría del Riego en Coruxo en 1943, onde se celebrou a asemblea reconstituínte do Partido Galeguista. Tranvía que don Paco utilizaba para ir a Balaídos de charuto, onde era o socio nº 828, ocupando na tempada 51/52 a localidade 6 da décima fila de Cuberta, bancada onde gozou do mel e da fel daquel Celta de Primeira onde aínda xogaban Yayo e o temible Sansón.

Itinerarios vigueses de Don Paco que dende entón xirarían arredor dos seus domicilios en Doutor Cadaval e finalmente na Praza de Compostela, dende os que camiñaba até a rúa Reconquista 1, onde tiña a sede a editorial Galaxia e a revista Grial, das que foi cerebro e corazón, arquitecto e albanel, ou até o prelo de Artes Gráficas Galicia do Calvario do que foi xerente. Camiños que a partir de 1963 dirixía á Biblioteca Penzol, o primeiro centro de documentación sobre a cultura galega no mundo, instalada, inicialmente no edificio da Casa Bárcena de Policarpo Sanz, trasladada despois á casa do concello da praza Princesa, recuperada polo concello de Vigo a comezos da década de 1990 (no goberno de socialistas e nacionalistas), como Casa Galega da Cultura.  Durante máis de tres décadas del Riego montou alí a súa ponte de mando como disciplinado capitán do partido galego da esperanza e onde, roubándolle as palabras ao Ferrín, chantou «a trabe invisíbel que o [sostivo] todo».

Non se entenderían estes itinerarios vigueses de don Paco sen as súas colaboracións en Faro de Vigo, estudadas por Ceferino de Blas, iniciadas cun artigo o 5 de outubro de 1949, asinado como S.L., iniciais do seu heterónimo Salvador Lorenzana, que utilizaría por vez primeira no decano o 25 de xullo de 1950, e co que asinaría boa parte das súas colaboracións, sobre todo dende o verán de 1961 até 1979, habituais na páxina de Letras, e entre 1980 e 1983 no «Suplemento Cultural», que dirixía Cunqueiro e do que se responsabilizará tras o pasamento do mindoniense. Como tampouco podemos esquecer o seu papel como «home de acordo» da negociación colectiva de Citroën ou as súas pegadas durante tres décadas nos areais de Lourido e Gaifar do concello de Nigrán, do que é o primeiro fillo adoptivo. Longa memoria ao Vigo de don Paco.

Multitudes

Multitudes (Xerais 2023) de María Reimóndez, continuidade directa de Cobiza (Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero 2021), é unha das obras literarias máis valiosas das publicadas no que vai de ano. Novela de ficción científica localizada nun futuro distópico, tras o cataclismo perturbador da chamada Gran Desconexión, relata a travesía que emprenden as mulleres e os seres completos creados de materia vexetal no afán de rexenerar un mundo no que aínda priman a discriminación e o abuso. Novela polifónica de coidadosa estrutura fragmentaria, onde se alternan capas e substratos, como voces (humanas e non humanas), rexistros, tempos (non liñais) e localizacións, deita unha inequívoca ollada feminista que rompe cos binarismos e reclama o protagonismo liberador da disidencia onde nacen as resistencias das multitudes rebeldes organizadas. Narración cativadora pola policromía de personaxes, algúns memorables como Luchiña, a última galega, caracterizada pola propia lingua ou por nomes connotados na historia das mulleres, a narradora pretende que sexa a súa aparencia humana e existencia arbórea a que provoque na lectora un alleamento e ao mesmo tempo unha proximidade coas plantas como seres que senten, con memoria e capacidade olfactiva e visual. Puntos de conexión, interseccións nas que se materializan fendas de esperanza dun relato que queda aberto para unha probable terceira entrega. Engaiolante novela política consolida a María Reimóndez como unha das escritoras referenciais da literatura galega actual, inserida nunha tradición de autoras internacionais como Ursula K. Le Guin ou Margaret Atwood, que con temáticas transversais e de grande importancia social axudan a mirar o mundo cunha ollada máis crítica. Autora dunha obra na que aborda xéneros e rexistros diversos, creou unha comunidade de lectoras, ampliada con cada novo título, o que lle permitiu ser recoñecida polos estudos da crítica académica, mesmo da universitaria internacional.

Publicado en Nós diario: 10/05/2023