Con motivo do 25 de xullo publico un texto sobre Xela Arias incluído no suplemento do «Día de Galicia» de Faro de Vigo, que agora reproducimos na súa versión completa:
Foi Xela Arias poeta transgresora de vocación intermedial, Lou Reed feminina, facedora e modeladora dunha lingua de raíz popular aprendida no berce familiar, sempre na procura da liberdade creadora e da independencia como elementos de autoafirmación dunha escrita activista comprometida co valor das artes, co feminismo e coas causas da lingua, do medio ambiente, da paz, da solidariedade onde non faltou a súa voz. Foi Xela Arias rigorosa editora literaria de mesa durante unha década en Xerais, pioneira na fixación de criterios ortotipográficos para a necesaria modernización da edición en galego de hai catro décadas. Foi delicada tradutora literaria responsable dun catálogo pioneiro de case cincuenta títulos anosados ao galego, algúns referenciais como As bruxas, Contos ao teléfono, Dublineses, O derradeiro dos mohicanos ou Drácula, o que contribuíu tamén ao proceso de normalización do catálogo editorial en lingua galega. E foi, convén non esquecelo, Xela Arias responsable dunha valiosa obra ensaística recollida nunha ducia de prosas non ficcionais dispersas en xornais e revistas, en diversas entrevistas e sobre todo nos textos das tres importantes conferencias que pronunciou, onde é posible identificar boa parte das súas principais preocupacións políticas e literarias.
Primeira conferencia (1988): o idioma como piar
Ditada o 25 de marzo de 1988, dentro das xornadas de linguas e literaturas catalá e galega da Universidade Complutense de Madrid, cando contaba con apenas vinte e seis anos, traballaba en Xerais e acababa de publicar o seu primeiro libro de poemas, na primeira conferencia, «Paixón de militancia e escuros desertores», recollida no número 6 da Revista de Filología Románica (1989), Xela Arias expresou a súa convicción de que o idioma é «o principal signo dunha cultura», o piar sobre o que se artella un sistema literario, razón pola que consideraba que «se escribir pode ser un acto revolucionario, facelo en galego é unha revolución sempre». Un idioma que para Xela Arias constituíu a cerna de todas as súas actividades literarias e vitais, fose como poeta, editora, tradutora ou docente, como acuñou en verso memorable «non hai idioma abondo para recoñecérmonos» (1994), na súa defensa en recuperalo como a mellor mostra do respecto do país por si mesmo (1989) ou na vontade de preservalo da propia manda testamentaria (2002): «Facede o que mellor vexades, pero pídovos que conveñades amarrar forza precisa e combinada para o combate por animar, iluminar e sumar vida a esta que nos arrefría cos tempos xa pasados e os que están por vir: lingua que nós somos, que sobamos, entre todos inventada».
Segunda conferencia (1991): o compromiso feminista
Ditada o 14 de setembro de 1991, dentro do Encontro de escritores galegos e portugueses celebrado en Santiago nunha mesa redonda sobre «Muller e literatura», nesta intervención recuperada como texto por Camiño Noia e publicada no volume Xela Arias. Quedas en nós (Xerais 2004) Xela Arias expón da forma valente e atrevida que a caracterizou a súa visión da escrita de mulleres e do feminismo. «O meu compromiso está en escribir dende min. E eu son muller, miope e galega. Só cando esqueza iso deixarei de ser fiel ao feito das mulleres, das miopes e das galegas». Afirmación da súa lealdade co movemento feminista e galeguista que xa expresara na viguesa revista Congostra (1988), «porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados», e na entrevista que Manuel Rivas lle fixera en La Voz de Galicia (1990): «Dáme rabia ter que dicir que son feminista. Pásame igual co nacionalismo. Deixarei de ser unha cousa ou outra cando as nacións asoballadas non o sexan e as mulleres non estean discriminadas…».
Terza conferencia (2001): a poesía territorio de liberdade
Ditada o 4 de maio de 2001 no Círculo das Artes de Lugo, en presenza de Manuel María, na que sería a súa derradeira conferencia, «Para que os poetas hoxe?», Xela Arias fixo unha vibrante alegación sobre a «poesía como único territorio humano verdadeiramente libre» e unha defensa do «poema [como] un pasquín na conciencia, un libelo, que funciona como un panfleto nas memorias e nas lembranzas que nos conforman a historia propia». Unha defensa da poesía como «un dos poucos miradoiros libres que ten a sociedade» que expresara quince anos antes naquela autodefinición memorable por retranqueira en La Voz de Galicia, coincidindo coa publicación de Denuncia do equilibrio (1986): «Como regra vital, a independencia, claro. Como regra poética concibo a poesía como a intersección da poesía e a melodía». Fórmula sobre a que reflexiona unha década despois na entrevista no mesmo xornal con María Xosé Porteiro: «Considero que todo produto artístico debe saír da autoanálise da análise crítica e social. Por iso ten sentido a arte, se non sería artesanía. Só escribo cando teño ganas e algo que dicir. Busco a mestura da miña ideoloxía coa miña estética, previa á necesaria depuración».