A Coca e a danza de espadas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á festa da Coca de Redondela:

A José e Manuel Paz Villar

Entre as festas populares da Ría de Vigo destaca pola súa continuidade e capacidade de manter a estirpe da tradición a da Coca de Redondela. Documentada hai máis de catro séculos (1691) e con orixes nos séculos XIII e XIV, cando se instituíu a festa e as procesións do Corpo de Deus, a celebración desta festa relixiosa adquiriu na vila do Alvedosa, segundo o antropólogo Clodio González Pérez no libro, A Coca e o mito do dragón (Ir Indo, 1993), un carácter pagán como representación do combate entre a Coca, saída do mar e ladroa de fermosas mozas, e os valentes mariñeiros, que as rescatarán e darán morte o monstro. Vitoria celebrada cada ano o día do Corpo do Deus coa procesión da Virxe, coñecida en Redondela como a Gabacha, sobre un itinerario, dende 1950, alfombrado de flores, e coa danza das espadas, protagonizada polos vencedores, e o baile das penlas sobre as burras. É o da Coca unha recreación dun mito universal de tradición milenaria, presente en culturas diversas, dende a mesopotámica á celta ou nórdica, da loita entre o ben e o mal, encarnados nun deus u outro personaxe no seu nome e nunha serpe ou nun dragón (a máis grande de todas as serpes), símbolo da vida e ao mesmo tempo da morte.

Mito da Coca protagonizado por un animal mitolóxico con corpo de dragón e cola de serpe, semellante ao doutras cocas desaparecidas, como as de Sabarís ou Pontevedra, cuxo relato foi conservado dende tempos remotos apenas con algunhas poucas variantes. Contan que hai moitos anos, vivía un monstro xigante na Ría de Vigo que tiña aterrorizadas a todas as poboacións. Saído das ondas dun mar moi embravecido, na proximidade da illa de San Simón, o monstro devorou a dúas rapazas, ataque que repetiría, para levar sempre as cativas máis fermosas. Foi entón cando a veciñanza de Redondela, cansa de tanto mal que facía, escolleu os vinte e catro mozos máis afoutos para agardala, atacala e darlle morte coas súas espadas. Tras loita moi dura, lograron vencela e formaron entón, unha grande procesión arredor da besta morta, iniciando ao son das gaitas unha danza que as mozas rescatadas seguiron, erguendo nos ombreiros as meniñas máis novas e danzando con elas en alto. Noutra versión do mito, documentada no Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1999), a Coca de Redondela sofre unha estraña metamorfose, sendo primeiro unha doncela que chora por uns amores desgraciados, a quen de tanto chorar lle medraron ás, máis tarde unha longa cola e despois unha horrible boca de réptil, até que as súas bágoas formaron o río Alvedosa que rematou por arrastrala ao mar.

Máis recentemente, o escritor Rafael Fernández Lorenzo, recreou o mito da Coca de Redondela na noveliña Cocotibur (Xerais 2021). Respectando o contido do mito da Coca na Ría de Vigo nun tempo histórico impreciso, retrata un monstro, bautizado como Cocotibur, metade quenlla, metade crocodilo, con corazón duro coma unha rocha, que non sabe o que é o medo, mais non é tan feroz como o pintaban. Un relato do marabilloso, iniciado coa misteriosa desaparición de tres rapazas, que semella foran engulidas polo mar, feito que mobiliza á comunidade mariñeira toda a desfacer o meigallo de semellante encantamento. Unha narración engaiolante, onde flúen con naturalidade todos os episodios do mito choqueiro por excelencia, dende as sete espadas forxadas polos setes metais coñecidos, ao ataque a fera ao son dunha gaita e un tambor, cerca do carballo das cen pólas de Reboreda, onde se baña a serea, sen esquecer o territorio máxico da illa de San Simón no illó das salinas da ría nin a orixe do baile de penlas e burras e danza de espadas o día de Corpus. Unha óptima mestura do mito do dragón e de costumes populares que fan desta novela unha excelente actualización do mito para o público máis novo do século XXI.

Con tan interesante anovación do relato mítico, como coa incorporación dende a pasada edición dunha muller á danza das espadas, o que non sucedía dende hai corenta e cinco anos, a festa da Coca e as súas danzas tradicionais gozan de boa saúde. No esencial, esvaído o protagonismo da procesión relixiosa, na que chegaron a participar 26 imaxes, entre elas a do chamado Xigante de Redondela, ao xeito de San Cristobo, a Coca de hoxe é case igual á que describiu en 1867 o xornalista vigués Xoán Neira Cancela, «unha especie de caimán ou crocodilo feito sobre madeira e colocado sobre unhas rodas», ou ás fotografadas na Galicia Moderna, o 15 de xullo de 1897, turrada por dous portantes vestidos con roupas rechamantes, ou por Pacheco nos anos vinte. Persistencia dunha tradición danzante e musical, por ventura conservada, que forma parte dun patrimonio inmaterial que merecería ser declarado como Patrimonio da Humanidade. Un reto para a nova corporación redondelá e para os organizadores da festa da Coca e danza das espadas.

Escolma de fotopoemas

Hai catro décadas a aparición de Cinepoemas de Claudio Rodríguez Fer, dentro da colección Ventobranco de Xerais, supuxo unha innovación para a edición galega de poesía, daquela revolucionada polos libros de Rompente. Fose pola temática cinéfila, 38 poemas escritos a partir de filmes clásicos, fose pola reprodución de cadanseu fotograma icónico e a impresión en tinta lila ou fose polo deseño rechamante da cuberta que achegaba á cultura nosa a imaxe inesquecible de Charlot e a vida de can (1918). En 1990, tamén en Xerais, aparece Tigres coma Cabalos, onde 24 poemas de Xela Arias contaban con cadansúa fotografía de Xulio Gil, inaugurando o que entendemos como fotopoemas presentados en formato de libro álbum. Diálogo creativo que ensaiaron Miro Villar e o fotógrafo Manuel Álvarez en Gameleiros, mar de rostros (Xerais 2002), 27 retratos de mariñeiros de baixura da Guarda con cadansúa arte tradicional. Experiencia que o fotógrafo da Guarda residente en Xenebra repetiría, primeiro, con Manuel Rivas en Sementeira. Porträts (2019), 42 retratos e outros tantos haikus e aforismos protagonizados polos membros da Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea, e despois, coa romanesa Helga Cabiddu en Sexades mar (Chan da Pólvora 2022), no que retrata unha nova liñaxe de traballadores do mar.

Ferramenta creativa que exploran con orixinalidade e potencia Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz en Lugo Philadelphia. Peles roxas no corazón de Babilonia (Xerais 2023), como crónica fotopoética da viaxe norteamericana que compartiron para asistir a un concerto dos Rolling Stones. Versos lóstrego da memoria, escritos a ritmo de rock and roll, que camiñan da man de fotos de pintadas nas paredes de Lugo ou de imaxes iluminadas polo entusiasmo dunha cuadrilla de mulleres nas rúas de Harlem.

Escolma de fotopoemas que recomendo xa que amosan as posibilidades creativas deste atractivo tipo de edición multimodal, hoxe, por ventura, en pleno esplendor no actual catálogo do libro galego.

Publicado en Nós diario 31/05/2023

Manuel de Castro, Handicap

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a biografía de Manuel de Castro Handicap preparada por Adrián Iglesias:

Tras aquel libro pioneiro de Gerardo González Martín, Handicap creó el Celta (Ediciones Cardeñoso 2011), o galipedista pontevedrés Adrián Estévez Iglesias presentou a pasada semana Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón (Galaxia 2023), a primeira biografía en galego de Handicap, o xornalista deportivo, primeiro adestrador da selección galega de fútbol e figura clave hai un século na fundación do Celta de Vigo. Primeiro título da colección «O noso deporte» da editorial Galaxia, o libro de Estévez ademais de investigar aspectos biográficos e familiares novidosos do xornalista nacido en 1885 no número 89 da viguesa estrada de Baiona (actual Pi e Margall), especialmente as súas viaxes por Europa con motivo dos xogos olímpicos de Antuerpen (1920) e París (1924), documenta outras cuestións relacionadas coas orixes do fútbol en Vigo, coa creación do Celta, a construción do estadio de Balaídos e o desenvolvemento do equipo até o seu ascenso a Primeira, coa pegada do deporte na cultura galega e no galeguismo ou sobre a prensa deportiva viguesa das catro primeiras décadas do século XX.

Adrián Estévez esculca nas orixes do fútbol vigués, vinculado a comezos do século XX aos «rapaces ben (coñecidos como “sportman”) de familias dedicadas á triloxía mar, industria e conserva» e ao fenómeno do domingo libre, declarado dende a lei de 1904, o que provocou a aparición dun público, as clases populares para as que «o deporte era un espectáculo recreativo que contemplar, mais nun principio aínda sen participar». Non esquece a orixe portuaria do fútbol na cidade nosa, cuxos primeiros partidos xogaron, a finais do século XIX, mariñeiros ingleses que recalaban no porto e traballadores do Cable Inglés. Como tamén que a sociedade Arte y Sport, creada en 1903 por alumnos da Escola de Artes e Oficios, mudou o seu nome polo de Vigo Foot-ball Club o 22 de maio de 1905 e adoptou como equipamento as cores identificativas da bandeira da provincia marítima de Vigo: camiseta con dúas franxas verticais branca e vermella e pantalón branco. Recupera Estévez ademais aquel primeiro campionato de Galicia celebrado no Malecón, nos recheos do peirao, no mes de agosto de 1905, no que ademais do organizador, o Vigo F.C., participaron outros catro equipos vigueses: Hispania, Marítimo, Murcia (formado por sarxentos do rexemento militar) e Fortuna, club que en xaneiro de 1908 comezaría a xogar en Bouzas.

Adrián Estevez reconstrúe a traxectoria xornalística de Handicap, dende a súa primeira publicación o 16 de febreiro de 1909, cando tiña apenas vinte e tres anos, unha crónica en Faro de Vigo entre o Exiles (primeiro club de fútbol fundado en Vigo por oficiais do Cable Inglés do que xa hai noticia en 1876) e o Vigo F.C., que dende o ano anterior xogaba en Coia, a primeira catedral do fútbol vigués, onde se reunían máis de sete mil espectadores, até a apertura o 30 de decembro de 1928 no val do Fragoso, a carón do río Lagares, de Balaídos, topónimo que significa lugar onde abondan as abeleiras. Crónicas futbolísticas nas que Handicap acuñará un estilo de seu, caracterizado polo emprego de anglicismos e adxectivacións esaxeradas e por unha estrutura do artigo iniciada pola introdución dos equipos, centrada despois na narración do xogo e rematada cunha conclusión, na que dende a súa viaxe a Antuerpen adoitaba falar da importancia do apoio do público no campo. Crónicas publicadas nas páxinas de Faro de Vigo, como as súas «Notas deportivas», durante trinta e cinco anos, mais tamén noutras cabeceiras viguesas como Letras y Deportes (1909), primeira publicación deportiva de Galicia; Machada (1914), revista humorística; Vida deportiva (1916); Sprint (1927), semanario deportivo vinculado ao decano, que competía con Sport, ligado con El Pueblo Gallego; Horizonte (1932) e Hoja de los lunes (1936), que chegaría a contar co seu propio suplemento deportivo, Imán (1942).

Adrián Estévez aborda o sentimento galeguista de Manuel de Castro, un home de dereitas que apoiou aos franquistas no 36, expresado tanto na súa colaboración efémera na revista Nós, onde apareceu, probablemente traducida, a crónica en galego da final da Copa do Rei (1922), como e sobre todo pola súa convicción, compartida con Pepe Bar e Juan Baliño Ledo, que a unión do Vigo Sporting e o Fortuna debía dar pé a un equipo forte que servise para representar a Galicia nos campionatos de España. Convicción que levou aos fundadores a escoller o nome do novo club, finalmente entre Breogán e Celta, e a engadir no escudo, a partir de 1928 e a proposta de Baliño, a cruz de Santiago, como emblema para representar a Galicia.

Recomendo vivamente esta excelente e ben documentada monografía sobre a figura de Manuel de Castro, que amplía a temática da bibliografía galega do centenario celeste.

Lectura cidadá

A lectura é unha competencia cidadá imprescindible para o exercicio da cidadanía e para a autonomía persoal no entorno dixital actual, ademais dunha destreza escolar con dimensión cultural. A lectura impregna as nosas vidas. A diario a vida está chea de transaccións escritas, polo que nunca foi tan necesaria unha boa competencia lectora para afrontar os retos do cotián. Comprender os textos que atopamos na rúa, no transporte, nos comercios, na publicidade, nas máquinas e pantallas ou nas redes sociais esixe moito máis que identificar as súas letras e palabras; debemos coñecer as súas funcións, valores e usos sociais e aprender a apropiarnos delas para poder comprendelas de forma crítica. Somos letradas sofisticadas, que lemos tanto sobre soportes impresos e múltiples pantallas como textos multimodais (escritura, vídeo, audio…) e ao tempo plurilingües. Cómpre xaora alfabetizar a cidadanía, por riba da súa idade, no emprego das ferramentas dixitais para evitar a exclusión dos sectores máis vulnerables. A lectura non pode ser consideraba só como o acceso aos libros duns poucos afeccionados á novela ou a poesía, é unha cuestión política, que afecta á calidade de vida da cidadanía toda e, así, debe ser considerada polas administracións públicas. Empregar textos simplificados (lectura fácil), accesibles a todo tipo de lectorado vulnerable (persoas con discapacidade, con trastornos de aprendizaxe ou escasas habilidades lectoras…) constitúe tanto unha estratexia de acceso de xeito comprensible á información, á cultura e á literatura como un dereito cidadán irrenunciable. A aposta por esta estratexia inclusiva nos plans lectores dos concellos, xunto ás políticas de fomento da lectura para todas as idades, á calidade das bibliotecas e apoio ás librarías locais e á lectura en galego, deberían constituír nos concellos prioridades vinculadas ás políticas culturais, educativas, de igualdade e benestar.

Publicado en Nós diario 24/05/2023

Don Paco

Posuía a capacidade de aglutinar vontades, de contaxiar alento para acometer tarefas colectivas, en «equipo», como sempre dicía. Practicábaa naquel tempo de entusiasmo, cando sendo secretario das Mocedades Galeguistas mobilizaba aos universitarios coa súa oratoria propia dun guieiro de pensamento federalista, netamente progresista, coma foi o seu compromiso político. Teceu proxectos imposibles nos tempos da ditadura, dende o primeiro suplemento de letras de La Noche, até a posta en marcha e funcionamento imparable da editorial Galaxia e da revista Grial dos que foi cerebro creador e corazón impulsor. Un home rede que en catro anos puxo en valor a Real Academia Galega, até a súa chegada, doente e anestesiada. Impenitente lector e bibliófilo, intuíu a necesidade de construír un sistema cultural galego moderno, que desvelase a literatura galega e desenvolvese unha industria do libro de seu. Velaí a súa creación singular da efeméride do 17 de maio e o seu traballo como ensaísta e divulgador en milleiros de artigos. Un home lente que entendeu o traballo do editor como unha conversa permanente coa creación e co seu tempo, ensaiando novos formatos e fórmulas de edición inéditas en galego. Metódico, organizado, cerebral, incansable, disciplinado, non esmoreceu no seu afán diario por continuar termando das responsabilidades que asumiu. Despois de cinco décadas, continuou de forma altruísta a fronte da Biblioteca Penzol, converténdoa nun centro de documentación e investigación modélico; publicando nos xornais, conferenciando, preparando novos libros, acuñando na conversa unha reflexión, tan lúcida como corrosiva, sobre un novo tempo en crise. Partidario da policromía da vida, explorou as paisaxes e os manxares enxebres, socio e seareiro do Celta soubo do sabor do mel e da fel. Encabezou como tal o partido galego da esperanza, o da xente entusiasta e liberal, melancólica e optimista que posúe como eixo do seu programa a loita contra o esquecemento. Obrigados, Don Paco.

Publicado en Nós diario 17/05/2023

Os alicerces de Galaxia: Del Riego e a cuestión editorial

Un tema galego cada semana

Instalado en Vigo, onde exercía como profesor dos colexios Mezquita e Labor e colaboraba na edición da revista Industrias Pesqueras dirixida por Valentín Paz Andrade, e tras ser detido e xulgado en Consello de Guerra en 1947, coincidindo coa falta de resposta dos gobernos aliados en relación ao réxime de Franco, Francisco Fernández del Riego, xunto aos compañeiros das Mocedades Galeguistas, Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, comezou a explorar as posibilidades da vía cultural como xeito de intervención política. Iniciou daquela a súa participación nas emisións en galego da BBC (1947), a publicación de artigos en Seara Nova, a instancias de Manuel Rodrigues Lapa e, sobre todo, as colaboracións no xornal La Noche (1947-1948) baixo o epígrafe «Un tema gallego cada semana», asinadas cos heterónimos Salvador Lorenzana e Santiago Amaral, nas que segundo Antón Mascato «vai dar unha volta de tensión apertando á censura con temas galeguizantes».

Artigos que levaron a José Goñi, director de La Noche, a encargarlle a Del Riego a coordinación, xunto a Xaime Isla, do Suplemento do Sábado de temática cultural, que aparecería a partir do 15 de outubro de 1949 e no que durante catro meses publicarían as figuras galeguistas, unhas veces asinando co seu nome, coas iniciais ou con heterónimos. Un exercicio de afouteza que o 14 de xaneiro de 1950, o sábado seguinte ao pasamento de Castelao en Buenos Aires, dedicou un monográfico a súa figura. Pouco despois, o 28 de xaneiro, publicaríase o derradeiro, pechando unha experiencia que até entón burlara a censura do réxime.

Actividades culturais que, sinala Mario Regueira, serviron para establecer ou recuperar contacto entre sensibilidades culturais afíns e preparar o proxecto de creación da futura Galaxia, unha nova editorial galega con características ideolóxicas, superadora de iniciativas voluntaristas, como a da colección Benito Soto, ou apostas pola bibliofilia, como as das Ediciones Monterrey (1948) ou a de Bibliófilos Gallegos, as dúas nacidas en 1948.

A problemática editorial

Nese contexto aparecen tres importantes artigos de Del Riego en La Noche, asinados por Salvador Lorenzana: «La cuestión editorial y el cultivo del idioma» (30 de abril de 1947), «Sobre la cuestión de nuestro idioma» (17 de maio de 1948, xusto quince anos antes do primeiro Día das Letras Galegas) e «Hacia la difusión de nuestros libros» (30 de xaneiro de 1948). Tres textos de espírito programático, reveladores das intencións de Del Riego e do seu grupo de crear unha editorial profesional e promover un cultivo escrito dun idioma do que non pode negarse a súa vixencia popular, proxecto que a partir de 1950 concretarían na fundación da editorial Galaxia.

Así no artigo de abril de 1947, tras referirse á aparición de Áncora, a primeira editora catalá «totalmente allea á política», cuxo primeiro título é Viatge a Catalunya de Josep Pla, Del Riego considera que esta é unha noticia estimuladora para nós, xa que «se impón a necesidade da fundación dunha Editorial de libros galegos na nosa terra». Unha Editorial galega, que representaría «un gran paso restaurador da nosa cultura», e da que traza as súas tres liñas programáticas principais. Primeira, a reedición de obras básicas na historia da literatura galega, como os cancioneiros medievais ou as obras completas de Pondal, o que supón a configuración dun canon. Segunda, a publicación de textos inéditos de poesía, novela e investigación, o que supón a formación dun público. E terza, a tradución ao galego de obras universais, «o que suporía que o noso idioma gañaría quilates en difusión, categorización e dignidade literaria».

Programa editorial que Del Riego perfila máis no artigo de xaneiro de 1948, no que parabeniza de forma elegante ao tempo que crítica de forma cordial as intencións da recén creada Editorial de Bibliófilos Gallegos, sobre todo, a da colección Biblioteca de Galicia, na que os promotores (Sánchez Cantón e Filgueira Valverde) anuncian a reedición de obras antigas e a publicación de orixinais de autores contemporáneos. Del Riego volve reclamar a publicación do corpus da memoria literaria galega, tanto a da tradición medieval como a do século XIX, «que achegan unha visión harmoniosa da alma galega», ademais de citar os títulos dos libros de poemas rosalianos e pondalianos, aconsellando aos novos editores que «non malogren os seus esforzos en estériles camiños de arqueoloxía literaria». Como volve teimar da tarefa «importantísima para o futuro de Galicia» da publicación de obras de autores actuais, como a de fomentar traducións ao noso idioma de clásicos e modernos, sen esquecer a necesidade de contar con estímulos para as letras, «como premios anuais que inciten as distintas manifestacións da cultura de Galicia: a novela, a poesía e o teatro..»

A cuestión do idioma

Artigos que comparten a reflexión sobre a cuestión do idioma, abordada o 17 de maio de 1948, prodixiosa serendipia, quince anos antes do primeiro Día das Letras Galegas do que sería promotor. Del Riego non dubida en afirmar que «non hai cultura galega superior sen lingua que a sosteña», como tampouco en que a pesar de que dos dous millóns que a falan moi poucos a lean e a escriban, «conta con inmensas posibilidades de vivificación». Unha causa que bautiza como «rehabilitación idiomática», na que cómpre vivificar tanto as infinitas voces, fortes e expresivas, que xacen case esquecidas nas zonas campesiñas, como traballar para «a aparición dun Dante que lle proporciones dimensión universal». Rehabilitación que nos obriga «a ir laborando sen pausa, con intelixencia, para habilitar outra vez ao idioma como instrumento dunha misión cultural transcendente».  Prefigura así Del Riego unha perspectiva política posibilista da cuestión idiomática que defendería ao longo da vida enteira.

A necesidade dunha Revista

No artigo de La Noche do 30 xaneiro de 1948, Del Riego prefigura con extraordinaria valentía a necesidade de contar cunha Revista ao servizo da rehabilitación idiomática e a recuperación cultural. Afirma polo dereito a necesidade da unidade para abordalas: «Pensamos que é a hora de asociar todos os esforzos hoxe disociados, e os camiños da nosa cultura son o mellor xeito de intensificar a xuntanza cordial de todos os que comulgan na súa fe». «Para o logro deste ideal –escribe– imponse a necesidade de editar unha Revista consagrada á exaltación e difusión dos nosos valores intelectuais. Unha revista capaz de continuar o labor iniciado hai anos pola publicación Nós [mención máis que encomiable meses despois de pasar polo cárcere]. Claro que presidida por un criterio máis amplo, máis moderno e menos arqueolóxico. Unha revista onde haxa densidade, sensibilidade exarcerbada fronte á época. Unha publicación que poida formar parte da vida das xeracións futuras, que teña un valor de forza expansiva no tempo».

Publicado en Faro de Vigo, suplemento Faro das Letras, 17/05/2023

Itinerarios vigueses de don Paco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos itinerarios vigueses de Del Riego:

No libro de conversas con Perfecto Conde (Xerais 2018), Francisco Fernández del Riego conta a súa chegada a Vigo en 1939, cadrando co ingreso no cárcere, e posterior desterro a Estremadura, de Valentín Paz Andrade que o convidara a colaborar no seu despacho de avogacía. Días de fame nos que o mozo laurentino se hospedou nun cuarto da rúa Príncipe e facía unha comida ao día, en compaña do pintor Carlos Maside, en tascas como La Mundial da rúa Velázquez Moreno ou a América da rúa Eduardo Iglesias, na que se conformaban apenas cun guiso e tres anacos de pan entremediados de vermes cocidos. Días de medo, como o daquelas tres mañás consecutivas nas que cando contestou ao teléfono do escritorio unha voz espetoulle: «¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?»; ameaza que apenas o levou a deixar de coller o teléfono e, como tantas outras veces faría, tirar para adiante.

Primeiros meses, alongados a case sete décadas nos que fixo de Vigo a súa cidade amada, nos que obtería os primeiros ingresos escribindo para unha publicación de reloxería, despois outra de farmacia, e para Imán, unha revista de deportes e cine editada pola imprenta Roel. Traballos que despois compartiría coas traducións do francés para a revista Industrias pesqueras, algunha colaboración para la Hoja del lunes de Vigo e, sobre todo, co seu labor como profesor de filosofía e literatura, inicialmente no Colexio Mezquita de García Barbón, despois tamén no Labor de Romil, e máis tarde na Academia Sigma que montou cun socio na praza da Constitución para preparar a reválida universitaria. Lembranzas duns anos, relatados de forma máis precisa no seu libro memorialístico esencial, O río do tempo. Unha historia vivida (Ediciós do Castro 1990), no que se debullan os faladoiros das tres da tarde do Café Derby da praza de Urzáiz, onde comezou de feito a reconstrución do galeguismo, citas que os luns se celebraban no Café Savoi e os sábados no Café Suevia de Policarpo Sanz, mais que logo seguirían no Café Alberti da rúa Uruguai, na Taberna da Alameda ou nos locais do Náutico, entón no Hotel Moderno con entrada pola rúa Carral.

Recén casado coa valdeorresa Evelina Herbello e instalados nun piso da rúa Pi e Margall, os roteiros vigueses de don Paco consistían os domingos en camiñadas políticas polo Castro co empresario Enrique Peinador e o arquitecto Manuel Gómez Román. Noutras ocasións collía o tranvía até a estación de Muíños, ao pé da praia de Samil, na foz do Lagares, onde os vellos galeguistas, «que se autonomeaban –conta don Paco– “Os fillos do sol”, montaran unha especie de palafito». Xuntanzas anteriores ás da casa clandestina que alugaría del Riego en Coruxo en 1943, onde se celebrou a asemblea reconstituínte do Partido Galeguista. Tranvía que don Paco utilizaba para ir a Balaídos de charuto, onde era o socio nº 828, ocupando na tempada 51/52 a localidade 6 da décima fila de Cuberta, bancada onde gozou do mel e da fel daquel Celta de Primeira onde aínda xogaban Yayo e o temible Sansón.

Itinerarios vigueses de Don Paco que dende entón xirarían arredor dos seus domicilios en Doutor Cadaval e finalmente na Praza de Compostela, dende os que camiñaba até a rúa Reconquista 1, onde tiña a sede a editorial Galaxia e a revista Grial, das que foi cerebro e corazón, arquitecto e albanel, ou até o prelo de Artes Gráficas Galicia do Calvario do que foi xerente. Camiños que a partir de 1963 dirixía á Biblioteca Penzol, o primeiro centro de documentación sobre a cultura galega no mundo, instalada, inicialmente no edificio da Casa Bárcena de Policarpo Sanz, trasladada despois á casa do concello da praza Princesa, recuperada polo concello de Vigo a comezos da década de 1990 (no goberno de socialistas e nacionalistas), como Casa Galega da Cultura.  Durante máis de tres décadas del Riego montou alí a súa ponte de mando como disciplinado capitán do partido galego da esperanza e onde, roubándolle as palabras ao Ferrín, chantou «a trabe invisíbel que o [sostivo] todo».

Non se entenderían estes itinerarios vigueses de don Paco sen as súas colaboracións en Faro de Vigo, estudadas por Ceferino de Blas, iniciadas cun artigo o 5 de outubro de 1949, asinado como S.L., iniciais do seu heterónimo Salvador Lorenzana, que utilizaría por vez primeira no decano o 25 de xullo de 1950, e co que asinaría boa parte das súas colaboracións, sobre todo dende o verán de 1961 até 1979, habituais na páxina de Letras, e entre 1980 e 1983 no «Suplemento Cultural», que dirixía Cunqueiro e do que se responsabilizará tras o pasamento do mindoniense. Como tampouco podemos esquecer o seu papel como «home de acordo» da negociación colectiva de Citroën ou as súas pegadas durante tres décadas nos areais de Lourido e Gaifar do concello de Nigrán, do que é o primeiro fillo adoptivo. Longa memoria ao Vigo de don Paco.

Multitudes

Multitudes (Xerais 2023) de María Reimóndez, continuidade directa de Cobiza (Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero 2021), é unha das obras literarias máis valiosas das publicadas no que vai de ano. Novela de ficción científica localizada nun futuro distópico, tras o cataclismo perturbador da chamada Gran Desconexión, relata a travesía que emprenden as mulleres e os seres completos creados de materia vexetal no afán de rexenerar un mundo no que aínda priman a discriminación e o abuso. Novela polifónica de coidadosa estrutura fragmentaria, onde se alternan capas e substratos, como voces (humanas e non humanas), rexistros, tempos (non liñais) e localizacións, deita unha inequívoca ollada feminista que rompe cos binarismos e reclama o protagonismo liberador da disidencia onde nacen as resistencias das multitudes rebeldes organizadas. Narración cativadora pola policromía de personaxes, algúns memorables como Luchiña, a última galega, caracterizada pola propia lingua ou por nomes connotados na historia das mulleres, a narradora pretende que sexa a súa aparencia humana e existencia arbórea a que provoque na lectora un alleamento e ao mesmo tempo unha proximidade coas plantas como seres que senten, con memoria e capacidade olfactiva e visual. Puntos de conexión, interseccións nas que se materializan fendas de esperanza dun relato que queda aberto para unha probable terceira entrega. Engaiolante novela política consolida a María Reimóndez como unha das escritoras referenciais da literatura galega actual, inserida nunha tradición de autoras internacionais como Ursula K. Le Guin ou Margaret Atwood, que con temáticas transversais e de grande importancia social axudan a mirar o mundo cunha ollada máis crítica. Autora dunha obra na que aborda xéneros e rexistros diversos, creou unha comunidade de lectoras, ampliada con cada novo título, o que lle permitiu ser recoñecida polos estudos da crítica académica, mesmo da universitaria internacional.

Publicado en Nós diario: 10/05/2023

 

De «La Oliva» a «El Miño»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao xornal La Oliva:

Ao fío do sequiscentenario de La Concordia, a pasada semana apenas citamos o xornal que o precedeu, La Oliva, publicación de espírito provincialista, aparecida en 1856 e con saída bisemanal, os xoves e os domingos, coa intención de rivalizar dende posicións liberais e progresistas coas máis moderadas de Faro de Vigo, nacido case tres anos antes, cando ao actual decano non chegara aínda o conservador José Elduayen, o seu guieiro ideolóxico durante tres décadas. Unha rivalidade xornalística que vitalizou culturalmente a Vigo, mais tamén decisiva para conformar por primeira vez un espazo de comunicación e confrontación ideolóxica entre os moderados e a alianza dos progresistas e demócratas vigueses, xusto cando a cidade comezaba a súa modernización, reclamando a chegada do ferrocarril, o desenvolvemento portuario e a súa expansión fóra das murallas. Competencia que facilitou o asentamento durante décadas de dúas tipografías concorrentes na cidade, a de Ángel María de Lema (Faro de Vigo) e a dos propietarios de La Oliva e El Miño, despois de La Concordia, o que acuñaría na cidade unha tradición e un liderado editorial en Galicia que por ventura chega á actualidade.

Segundo xornal nacido en Vigo, se non computamos na serie o Seminario Patriótico (1823) e El Gratis (1843), un periódico de anuncios de carácter gratuíto, saído da imprenta de Gabriel Román, traída de Portugal por José Araújo, La Oliva naceu arredor da familia burquesa Chao, procedente do Ribeiro, asentada en Vigo desde que José María Chao abrira, no trienio liberal (1820-1823), a súa botica na Praza da Constitución. Foi o seu primeiro director e sostén financeiro o avogado José Ramón Fernández Domínguez «Carballo», casado con Concepción Chao, filla do boticario, sendo o redactor xefe o seu irmán Alejandro Chao, o director literario Manuel Murguía e o impresor e director durante a maior parte da súa traxectoria Juan Compañel Rivas, que en 1855 chegara de Madrid para facerse cargo do prelo que «Carballo» adquirira na rúa Real 21, tras recibir a adxudicación da impresión do boletín provincial da provincia de Pontevedra, o que sen dúbida, facilitou a aparición de La Oliva. Acubillo ao xornal vigués que a estirpe dos Chao completaría –segundo o investigador vigués Xurxo Martínez, que dedicou a súa extraordinaria tese de doutoramento a esta publicación– o deputado en Cortes e futuro ministro de Fomento, Eduardo Chao, como protector ideolóxico e político da publicación.

Cun formato de 33 x 26 cm e unha disposición a catro columnas, La Oliva publicouse nunha primeira xeira dende o 2 de febreiro de 1856 deica o 11 abril de 1857 cando foi pechada por orde gobernamental. Decontado a cabeceira foi substituída por El Miño, conservando o seu espírito progresista, continuando a numeración e mantendo a súa impresión na rúa Real, sendo o seu animador principal Juan Compañel, que modificou o formato, 47 x 33 cm e a disposición a cinco columnas. O 10 de outubro de 1868, coincidindo coa revolta da Gloriosa, a redacción decidiu recuperar o título orixinal, La Oliva, mantendo tamén a numeración, que na data do seu peche, o 30 de abril de 1873, chegou aos 1.925 números. Tanto como La Oliva como El Miño o xornal de Compañel, segundo Xurxo Martínez, constituíron «un esforzo por recrear os elementos que integraran o imaxinario nacional colectivo», dando entrada nas súas páxinas ás colaboracións dos autores provincialistas e xa con «Juan Compañel na dirección presentándose como o periódico nacional e portavoz do Rexurdimento», concibido non de forma exclusiva como unha manifestación literaria, senón como un verdadeiro movemento de carácter político.

Baixo o subtítulo de «Periódico de Galicia» e o lema «Todo por Galicia. Todo para Galicia», aparecido na mancheta de El Miño, Compañel puxo o xornal vigués ao servizo dos intereses de Galicia, fosen políticos, económicos e culturais, na lóxica compartida coa doutrina do provincialismo. Xornal que Manuel Curros Enríquez consideraba «guía da causa do rexionalismo» e Murguía «o que máis influíra nos destinos do noso país, nos folletíns da «Biblioteca de La Oliva», no suplemento cultural «Floresta» dirixido por Murguía ou no Álbum El Miño (1858), primeira antoloxía da literatura galega do século XIX, participaron os escritores sobranceiros do Rexurdimento, reforzando –como sinala Xurxo Martínez– «a función da literatura como forma de expansión do ideario provincialista». Pechado en 1873, cando Compañel foi nomeado delegado do Ministerio de Fomento en Ourense e vendeu a imprenta a Miguel Fernández Dios, o espírito de galeguismo vigués con emprendemento económico de La Oliva xermolaría en publicacións periódicas e editoras que décadas despois callaron na edición galega moderna de referencia.

Reedicións

O anuncio dunha reedición ou dunha reimpresión dun libro expresa que por ventura a recepción do público lector superou as expectativas de venda inicial estimadas pola editora. Un feito que sempre merece ser celebrado e salientado, sobre todo en mercados cativos, como o do libro galego, onde a colocación de novidades nas mesas das librarías na actualidade apenas acada, con escasas excepcións, entre os cen e os catrocentos exemplares. Celebración merecida, porén, que no actual entorno de hipérbole das redes sociais, debe ser interpretada con mesura xa que non son reedicións todas as que se anuncian como tales (a menos que conteñan actualizacións relevantes, feito que aconsella ser recoñecido cun novo ISBN), e no caso de ser reimpresións (unha nova impresión, apenas coa actualización da páxina de créditos e a corrección de grallas ortotipográficas), a súa relevancia depende da cifra da tirada inicial. En definitiva, que podemos atoparnos nas redes cun título que recibe todos os parabéns por acadar a «a quinta edición nun ano», sabendo que apenas se levan vendidos menos de 1.000 exemplares, cifra que non acada a tirada inicial doutro que non foi reimpreso e leva vendidos o dobre de exemplares. Así de enganosas son as cifras actuais do libro galego no que grazas ás posibilidades da impresión dixital en baixa tirada entre 100 e 300 exemplares, deixa a impresión en offset para tiradas superiores aos 700. Unha auténtica revolución que axusta tiradas ás vendas previstas, evitando ás editoras á custosa amortización dos exemplares en almacén, nun mercado onde o índice de devolución das novidades nas librarías se sitúa arredor do 26 % (datos 2021). Ben sería para a recuperación da credibilidade do sector editorial galego que respectando a lexítima concorrencia competitiva de cada catálogo a utilización dos termos de reedicións e reimpresións e dos seus números evitase en anuncios en redes e faixas publicitarias ridículos alardes que só provocan a confusión ou a gargallada.

Publicado en Nós diario 03/05/2023