Un pacto pola lingua?

Tras a presentación por parte de José López, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, do documento de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) –consensuado por PPG, PSdeG-PSOE e BNG en 2004– foi unánime o rexeitamento por parte da oposición, que xa tras dúas décadas de rotura daquel acordo, consideraba insatisfactorio o texto elaborado a partir das análises e propostas dunha comisión de expertos. Insuficiente para facer fronte a unha situación de emerxencia lingüística, un deterioro nacido na rotura da cadea de transmisión familiar que ameaza con situar o galego como lingua destinada a desaparecer.

PXNLG 2004 que puxo en marcha o goberno do socialista Touriño, o que provocou as protestas orquestradas por sectores galegófobos que, baixo a mentira da «imposición del gallego», conseguiron que cando Feijoo chegou ao goberno o plan quedase en auga de castañas. O que se fixo efectivo decontado, transformado o plan polo decreto 79/2010 en axente desgaleguizador, polo abandono do seu emprego en Educación Infantil e no inicio da Primaria, como lingua de aprendizaxe da lectoescritura. Outrosí sucedeu na Secundaria cando se prohibiu o seu uso como lingua vehicular no ámbito científico técnico, minguando o seu prestixio e deixando fóra a posibilidade da aprendizaxe das Matemáticas ou da Física e Química en galego. O que tivo outra inevitable vítima colateral a un sector editorial educativo que perdeu sen compensación ningunha da administración autonómica un 20 % da súa facturación e o 80 % das axudas que recibía para a edición de materiais didácticos en galego.

Por desgraza, o decreto 79/2010 nunca foi avaliado, como obrigaba a súa disposición adicional quinta, como tampouco nunca foi avalado polas diversas avaliacións da comisión de expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM), que solicitaron importantes modificacións. Como diversas instancias educativas e sociais solicitaron reiteradamente un novo acordo arredor do uso do galego na escola e a derrogación do decreto de plurilingüismo, que inzou o país de centros plurilingües nos que agoniza o emprego do galego nas aulas, nos patios e na propia sala de profesorado. Porén, nin os conselleiros Jesús Vázquez e Román Rodríguez nin a conselleira Carme Pomar, como responsables de Educación, cuestionaron o modelo de educación lingüística dos tres terzos, que deixa ao galego en inferioridade e non garante acadar a dobre competencia en ambas as dúas linguas oficiais, como de forma reiterada denunciaron os sindicatos do profesorado.

A chegada á consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude de José López Campos, por fin, trouxo a intención de mover o paquete do galego asumindo a necesidade de actualizar o PXNL de 2004 mais sen tocar unha peza do decreto 79/2010, o piar da política lingüística de Rueda, Feijoo e Tellado, que non poden ser considerados en Madrid como simpatizantes de calquera tipo de galeguismo. O triángulo inscrito na circunferencia da que José López, de talante municipalista, polo tanto máis negociador, sae moi ben parado, grazas, mira ti que sorpresa, a Besteiro e ao seu grupo parlamentario socialista que avalan finalmente o plan. Un documento que nin de lonxe respecta os mínimos defendidos hai dúas décadas polo presidente Touriño, tanto no referido ao modelo dobre competencial, á prioridade de uso do galego na comunicación e administración dos centros e a posibilidade da existencia de aulas de infantil e 1º ciclo de Primaria nas que se utilice o galego de forma preferente, como recomendan os expertos do CELRM.

Con semellante apoio, consolídase a deriva vergonzosa do PSdeG-PSOE, que hai tempo abandonou a do futuro do galego como unha das preocupacións da súa axenda. Abonda escoitar as rodas de prensa das alcaldías da rexión metropolitana viguesa que, coa honrosa excepción da de Nigrán, utilizan o galego apenas de forma ocasional, e non vehicular, habitual como sempre fixeron Manuel Soto como alcalde de Vigo ou Xaime Rey como o de Redondela. Un pacto que ten máis intencionalidade política ca sociolingüística, concibido polos socialistas coa intención de illar ao BNG como partido responsable e capaz para chegar a grandes acordos en termos de país.

Fóra de maquillaxes de última hora no Parlamento, o PSdeG-PSOE asume o modelo de educación lingüística do decreto 79/2010 ao tempo que afasta a posibilidade dun goberno alternativo ao do Partido Popular presidido por Ana Pontón, contando co apoio ou / e a presencia de Besteiro. Outra desgraza para o futuro da lingua galega como para a viabilidade dunha alternativa da Galicia sa, esa sen vicios e malos costumes, fronte ao conformismo do Partido Popular. Un tremendo erro de Besteiro, de quen sabemos nunca será presidente da Xunta.

Publicado en Faro de Vigo: 27/10/2026

Igualada positiva

Tras a marabilla de Celtic Park, tanto pola clara vitoria fronte ao equipo irmán de Glasgow, que pasará a historia do celtismo moderno, como polo desprazamento de catro mil celtistas pacíficos até o lirismo, que saíron polos pelos de Escocia antes de que chegase a galerna Boelo, que onte arramplou alí con predios e estradas, outra desas toleadas do quecemento global. Quizais polos esforzos que supuxo, a xente da miña bancada apostaba por un empate, un puntiño para seguir sumando, que tampouco ven nada mala ante un Betis que esta tempada pretende formar parte do selecto grupo dos catro grandes. Un empate que colocaría ao Celta entre os equipos da súa liga, a da media táboa, a dos que non perden un ollo do que sucede abaixo, para evitar sorpresas, pero tampouco cara arriba, como é o caso do Celta giraldino que podería aspirar a xogar competición europea por terceira ocasión consecutiva.

Xaora, non foi doado acadar este resultado nun partido igualadísimo no que os dous equipos puideron perder e os dous non souberon gañar, a pesar de contar con ocasións abondo para facelo. Pero foi un empate positivo, se isto existe. O meu profesor de Matemáticas de COU dicía que unha igualdade matemática só se producirá cando dúas cantidades ou dúas expresións teñen o mesmo valor. O que todos sabemos desde a escola primaria que se representa co signo igual =. Porén, aquel temible profesor coruñés, lembrábanos que as igualdades eran sempre complexas nos seus tres tipos. As numéricas, cando só se comparan números; no caso dos partidos de fútbol: ou a carencia de goles de ambos os dous equipos ou idéntico número para cada un deles. As de identidade, cando se cumpren sempre, o que non serve para o fútbol. E as que son ecuacións, que se resolven cando despexemos a «incógnita». Esa é a que se utiliza durante os partidos de fútbol, como advertiu Andre Maurois, no seu discurso ao fútbol francés de 1948, cando definiu o fútbol como a intelixencia en movemento e cada partido como unha sucesión de problemas xeométricos e numéricos que deben resolverse nun instante. O escritor francés recordaba que os xogadores non só corren e xutan coa pelota, tamén calculan as traxectorias creadas polo balón no aire, ensaian a traxectoria de pelota e o sentido do seu bulir. A ninguén se lle pode escapar que tras igualdades como as que acadaron onte un Celta de canteira e un Betis cheo de figuras desenvolveuse un extraordinario espectáculo de fútbol matemático no que a igualdade positiva representa o resultado máis xusto para os dous participantes.

Giráldez traía cun equipo exhausto da boa xeira de Glasgow. No once inicial Yoel Lago volveu a titularidade, ofrecendo outro gran partido que o converte por méritos no mellor defensa celeste desta cuarta parte de tempada. Construíu unha nova medula atacante arredor da velocidade e resistencia de Pablo Durán, que non foi capaz de superar a Álvaro Vallés, o gardameta bético e auténtico heroe para o seu equipo. Acompañárono os dous Hugos, González e Álvarez que tiveron unha actuación máis ben discreta. Mantendo o resto do equipo coa incorporación de Javi Galán, os de Giráldez ofreceron unha primeira parte magnífica. Anularon a mobilidade de Deosta e a axuda que puidesen ofrecerlle desde os extremos Antony e Abde. Como acertou o míster celeste en procurar as costas de Valentín Gómez, o que fixo que no minuto 8’ Hugo González, e repetiu varias veces despois Pablo Durán que non foi capaz de superar ao gardameta heliopolitano ate en catro ocasións.

Mágoa que na segunda parte o enxeñeiro chileno movese ficha e os béticos espreguizasen. Grazas, sobre todo a sociedade que formaron Abde e Deosta. Foi o dianteiro colombiano o quen estrelou no traveseiro un extraordinario cacheirón que botou xusto nas pernas de Radu, nunha auténtica fortuna que puido mudar o relato dun partido que pareceu destinado á igualada. A seguir, puido desfacela Javi Rueda, cando se plantou diante do gardameta visitante, que repeleu un balón que xa parecía batera nas redes. Giráldez e Pelegrini nun duelo táctico de altura, mudaron varios peóns e ás súas raíñas, Iago Aspas polos Celestes e o irlandés Troy Parrot polos béticos.

Para ventura dos celestes, o temible irlandés errou da oportunidade da que dispuxo. Con Aspas e Williot o Celta recobrou alma atacante e deixou de novo o duelo aberto para que fosen os cinco minutos de tempo engadido, os decisivos. E abofé que o foron, os béticos tivérono cando superaron a Radu pero non a liña de meta. E Aspas puido facelo no derradeiro minuto cando a súa vaselina de fantasía foi atallada na mesma liña por un central bético. Non estaba a tarde para cuestionar esta igualada. No remate ningún dos participantes deixou de valorar o carácter desta igualdade positiva. Bendita a inocencia deste xogo de balón das actuais dezasete regras principais que tanto pode emocionarnos, unha veces de ledicia outras de decepción e outras, como a de onte, onde partillamos de doses das dúas.

Publicado en Faro de Vigo: 26/10/26

 

Agustín de Paz e a lingua

No acto no que se coñeceron os Premios da Crítica de Galicia 2026, asociación da que son presidente, convidei as persoas participantes a viaxar a comezos do século dezaseis, cando apareceu o que cremos é o primeiro libro impreso en Galicia, o Missale Auriense, tamén un dos primeiros que incluían notación musical en España. Saíu do tórculo de Monterrey en 1495, ano no que poderiamos fixar o inicio do que é a industria editorial galega, hai 531 anos. Xa choveu. Habería que agardar case cincuenta anos de silencio editorial, para atopar en Mondoñedo en 1548 a figura de Agustín de Paz, un impresor nacido en Burgos (1490), que trasladou a súa oficina de imprenta a Zamora, logo a Astorga, e a quen o profesor Xosé Filgueira Valverde considera na súa A Hestorea do libro galego (1996) o primeiro editor galego da historia. Na península era o intre da mudanza decisiva, un tránsito de civilidade, cando o libro impreso substituíu na lectura aos raros códices manuscritos. Os tipógrafos, aos que se lles chamaba «moldeiros» ou simplemente «libreiros», migraban coa súa oficina transhumante dunha cidade a outra.

A instancias do bispo de Mondoñedo Diego de Soto, Agustín de Paz montou oficina na cidade mindoniense de 1548 a 1552, onde imprimía misais e breviarios, libros de rezo. Mais o 12 de agosto de 1550, hai case medio milenio, saíu do taller de Agustín de Paz a nosa primeira xoia bibliográfica sobre o propio país: a Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, con las armas y blasones de los linajes de Galizia, de donde proceden señaladas casas en Castilla, dirigido por el muy ilustre Mariscal de Navarra, composto polo licenciado Molina, natural de Málaga, cóengo naquela catedral de Mondoñedo. Impreso en caracteres góticos, o libro estaba dividido en cinco partes e escrito en oitavas de arte maior, de xeito que en cada páxina aparece un comentario máis extenso en prosa, sobre o que este xeógrafo pioneiro e humanista observara e anotara nas súas viaxes, algunhas frecuentes coma a de Compostela, así como en conversas con señores prelados, para describir de forma abondo precisa o territorio do Reino de Galicia.

Se hoxe falamos daquel libro pioneiro da Galicia do século XVI, onde só se cita unha vez o nome da vila de Vigo, e para salientar que o seu editor, Agustín de Paz, cando en 1557 buscaba traballo en Asturias, foi perseguido e obrigado a regresar a Compostela, onde coa súa dona Beatriz López montara imprenta libraría. O moldeiro foi preso e morreu no cárcere en 1558, din que polas débedas que arrastraba, dende a publicación do libro de Molina e outros tres libros de molde que lle seguiron o Aerarium Commume, o Libro de Albeytería e Los colloquios satíricos, outros. Sen embargo, Filgueira Valverde, especula que foi pola trampa que en Compostela lle fixeron dicindo que como impresor dunha Suma de la Doctrina Cristiana fixera esvarar polo texto a herexía de que a virxe non era a valedora e avogada a quen debemos implorar. Algo así como a creación na catedral compostelá dunha oficina de fake news coas que o cabildo podía castigar a quen mantivese unha heterodoxa impostura e publicase libros de carácter non estritamente relixioso.

O editor Agustín de Paz foi a primeira vítima en Galicia da persecución da nobre tarefa de imprimir e vender textos. E non vemos mellor antecedente ca el cando reclamamos a liberdade de expresión e de impresión, como alicerces tanto da convivencia democrática como de marco imprescindible para desenvolver a creación literaria e de calquera outra das Belas Artes, sexa hai medio milenio, sexa na actualidade. Razóns pola que nos solidarizamos co autor galego, Suso de Toro, imputado pola sala 7ª da Audiencia Provincial de Madrid por un delito de odio, a raíz das súas opinións sobre o sucedido en Gaza en 2024 en redes sociais. Unha acusación sen pés nin cabeza ningunha, que dana a un autor, que xa fora perseguido nas décadas de fraguismo polo seu traballo como autor. Situación que consideramos gravísima, nun entorno dixital onde cada vez é máis frecuente o emprego da mentira, que como vimos con Agustín de Paz ten cinco séculos de historia, mesmo institucional. Como intimida esa enxurrada de mensaxes racistas, homófobas, sexistas, aporófobas e fascistas que circulan por Internet e poñen en perigo as vidas máis vulnerables.

Como nos preocupa para o futuro da nosa industria cultural o estado precario da lingua, singularmente nos anos de alfabetización e aprendizaxe lectoescritor, onde continúan os retrocesos do seu uso vehicular. Inqueda a introdución sen control da Intelixencia Artificial xerativa, co seu brutal impacto medioambiental e conexión coa industria armamentista, que constitúe unha moi poderosa ferramenta económica e política en mans dun reducido grupo de empresas tecnolóxicas.

Publicado en Faro de Vigo: 20/10/2026

 

Defensa ofensivo, porteiro salvador

Entre os tipos de xogadores dos que fala Johan Cruyff nos seus libros, non atopei referencia por ningures dun apartado dedicado ao defensa ofensivo, a que para min mellor lle acae ao celeste Javier Rodríguez. Unha promesa da Madroa, celeste dende benxamíns, que a pasada tempada, con ficha do filial, xogou corenta partidos, o segundo xogador con máis minutos, con resultados deportivos óptimos, partidos memorables pola súa fiabilidade á que lle engadiu algún gol e varias asistencias, que lle valeron o seu debut como internacional en Riazor. Tras un inicio de tempada frouxo, os seus partidos nesta semana xa o colocan outra vez entre os mellores celestes.

Nas posicións do míster do chupachus é certo que está a do defensa libre, o que xoga con maior liberdade, ao que Johan define como o cempés do cadro porque a súa misión principal no campo é cohesionar ao equipo. No Celta da tempada actual esta posición a ocupa o xove Yoel Lago, que adquiriu unha madurez espectacular, sen apenas erros (certo que onte tivo unha entrega defectuosa), facendo a maior parte do seu xogo co centrocampista defensivo, no caso do Celta de onte, Hugo Burcio, outra promesa que gabea ao primeiro para quedar. Tamén o defensa libre adoita combinar co segundo medio centro ofensivo, no caso celeste Aleix Moriba, moi cansado e con varios erros cometidos no inicio do partido, que obrigou a Claudio a substituílo polo outro Aleix, Febas, que a pesar da súa ilusión non acaba de callar e cometeu unha perda en espazo de perigo.

Mais das combinacións posibles entre a primeira e segunda liña, Giráldez no partido da Juventus escolleu que Javi Rodríguez volvese ao equipo coa intención de crear un corredor interior para facilitar a entrada de Hugo Álvarez, xa que o ourensán mellora o seu rendemento máis virado cara ao centro, onde os seus caneos poden ter maior posibilidade de crear superioridades. Pero ninguén agardaba a variante de que fose un dos centrais, Javi Rodríguez quen aproveitase semellante espazo interior. Intuímolo cando no 53’, tras ser lanzado por Yoel Lago, despois de conducir entre rivais, o de Poio filtrou de marabilla a Ferran Jutglá unha pelota de ouro o que permitiu que o catalán superase a Sivara, o porteiro babazorro. Un gol inesperado, tras unha primeira parte de batalla táctica onde os visitantes conseguiron que ningún dos tres dianteiros celestes tivese un mínimo burato por onde coarse. Couhaeb Driouech, que formou parte por vez primeira no once de gala, intentouno pola banda aproveitando a súa velocidade, pero non foi capaz de fabricar ningunha xogada da que se poida dicir que foi “en condicións”, coa excepción dun xute cruzado sen convicción. Williot, na súa desgrazada liña desta tempada, correu para nada ata esgotarse e Jutglá continuou a batalla particular que esta semana mantivo cos centrais visitantes que lle deron cera e cera co claro amparo arbitral.

Mais, Giraldez e Javi Rodríguez tiñan preparada unha sorpresa: as subidas polo corredor interno serían realizadas polo propio xogador de Poio. E así foi no 71’ cando Hugo Álvarez enviou en horizontal sobre Aspas, acabado de entrar, que asistiu a Javi Rodríguez que conduciu ata entrar na área e superar na diagonal a tres defensas, o último o finés Ville Kosic, e xutar ao pao longo para superar a Sivera, que nunca saberá de que ía aquela festa. Un gol marabilloso, de figura, de quen defende atacando.

Co marcador por diante 2-0, e vinte minutos de xogo, comezou o calvario celeste. Quique Sánchez Flores, que xa non tiña máis que perder, mudou de baralla e sacou a Denis Suárez (recibido con aplausos), Nóvoa e Mariano. Ofreceulle a Giráldez un intercambio de golpes. Un xogo a campo aberto no que Jutglá tivo algunha oportunidade. Como a presenza de Aspas compensou a desfeita do medio do campo onde o xove Antañón asumiu toda a responsabilidade, cando os babazorros apretaron máis, nos cinco últimos minutos, procurando un erro celeste. Conseguírono grazas a un caneo innecesario de Febas, que permitiu que o Alavés se despregase nun plis plas ata a área de Radu, que foi superado por un extraordinario remate á escuadra de Nóvoa.

Co gol visitante, foi inevitable recordar como a tempada pasada os alaveses remontaron ata o 3-4, conseguido in extremis. E se desta vez non foi posible, debeuse só as dúas extraordinarias intervencións de Radu: a primeira a unha cabezada de Lucas Boyé e no tempo engadido a un remate de Mariano. O romanés salvou dous puntos el soíño mentres boa parte dos celestes se conformaron outra vez máis en lamentar a súa pésima xestión deses minutos sempre decisivos.

Tres puntiños que afastan o drama da liga e colocan ao Celta nas posicións ás que aspira, mesmo adiantando na táboa ao seu eterno rival, o que tranquiliza ao celtismo. Tamén abren a ilusión da viaxe histórica a Glasgow, un partido que ten que ser unha festa fronte a un equipo co que moitos celtistas simpatizamos. Xaora, con actuacións extraordinarias como as de Radu e Javi Rodríguez de onte, os editores do libro de Johan Cruyff deberán abrir dous capítulos en apéndice: “o porteiro salvador” “o defensa ofensivo”.

Publicado en Faro de Vigo: 19/10/2026

 

Cambio do xogo

Os Premios da Crítica de Galicia, que o vindeiro ano, coincidindo co seu cincuenta aniversario, contarán cunha modalidade de Cultura Deportiva, escolleron como lema da edición 2026 unha frase da escritora Begoña Caamaño, que merecería un graffitti de Lula Goce ás portas de Balaídos: «É o momento non de cambiar de regras, senón de cambiar de xogo». Unha frase literaria da escritora viguesa, autora de Circe ou o pracer do azul (Galaxia 2009) que expresa que non é o momento de mudar tanto os proxectos como si da forma de xestionalos. Unha referencia explícita a que é o xogo, e a súa combinatoria de persoas e accións, o que dirime o balance entre os acertos e os erros, as vitorias e as derrotas, as ledicias e os padeceres, as subidas e as baixadas. Análise sesuda que no ouruga de regreso de Balaídos aclaraba o farmacéutico Carrascal co leme da súa experiencia: «no caso do Celta non hai derrotas». Pareceume un aforismo brillante que explicaría que nalgúns partidos os resultados celestes son simplemente insatisfactorios, pensei eu, encontros nos que o algoritmo de Claudio Giráldez non resultou totalmente fiable. Posición que corroborou, antes que a viaxe en Vitrasa iniciase o seu traxecto urbano, unha socia con seis décadas de carné que dixo rindo que resultados coma este, 1-2 coa Juventus non eran dos que facían dano, que ben estaba ela curtida co seu Celta.

E tiña toda a razón, a nosa compañía de viaxe que perder no último minuto contra a Juventus, como sucedera en Nicosia, no partido de debut da Europa League resultou decepcionante. Resultados que anoxaron a toda a afección, cando só aspirabamos a puntuar xa que en ambos os dous partidos non merecemos a vitoria. Estivemos pouco finos para aspirar a gañar a rivais de entidade, como foi o xoves á noite unha Juventus que nada tiña que ver con aqueloutra de hai vinte e seis anos, o nove de marzo de 2000, recibiu unha malleira dun Celta tremendo, moi superior ao de hoxe, no que Mostovoi e Mazinho asombraban nos coliseos europeos. O Celta de Giráldez ten un potencial máis discreto, e aínda por riba rebaixado polas lesións que o deixaron esta semana en cadro. Pezas básicas do mecano de Giráldez, como Miguel Román, Starfelt, Borja Iglesias, Pablo Durán e Jones El-Abdllaoui continúan na enfermaría.

Ausencias que obrigaron a Giráldez a ensaiar unha nova tripla atacante formada por Hugo, Jutglá e Williot. Precariedade que na segunda parte obrigou a Hugo Burcio a disputar vinte minutos, cando Febas quedou esgotado, no seu labor de cubrir terreo, aínda tímido de máis no xogo asociativo que lle corresponde conducir. Unha solución mitigada pola saída de Aspas como revulsivo, mais xa cando os turineses lograran o empate. Xaora o que resultaron decisivas no balance de positivos e negativos foron dúas xogadas nas que participou Marcos Alonso, colaborador involuntario de ambos os dous goles visitantes, nos que por desgraza errou de forma clamorosa e inexplicable.

Coma sucedera co partido de Nicosia, o Celta non mereceu ser derrotado, pelexou táctica e fisicamente á mesma altura que os seus visitantes, como os igualou en intensidade, o que debe ser recoñecido, máis alá do mal resultado acadado. Diante da Juventus houbo moitos minutos bos do Celta, nos que con excelente nivel defensivo, os atacantes tiveron a oportunidade de ampliar o marcador. Tras o temperán gol coral, no que participaron até catro xogadores e finalizado por Hugo Álvarez, o Celta puido ampliar a diferenza. Inevitablemente foi cando lembramos que o marcador da última visita juventina finalizou con 3-0 na primeira parte.

A pesar de que o computo entre erros e acertos foi insatisfactorio sería inxusto non salientar que o Celta mellorou en case todas as facetas do xogo con respecto aos partidos de inicio desta tempada. O feliz regreso á defensa de Javi Rodríguez ordenou ao equipo e facilitou a profundidade de Hugo Álvarez no corredor interior. Merece recoñecerse a versatilidade de Jutglá para atacar os balóns longos e batallar afoutp cos centrais visitantes. E, como non, abeizoar a madurez de Yoel Lago, esixindo compromiso aos colegas, dándolle a cara e as costas ao xigante Woltemade, a pesar de que non puido impedir que abrise o marcador. Foi tamén un bo partido de Hugo Álvarez, ao que se lle levaba agardando moitos meses en Balaídos, que soubo aproveitar o espazo interior e a certeira definición no gol. Certo é que outros non estiveron ao nivel que se lles agardaba, entre os que é inevitable citar a noite deplorable de Marcos Alonso como a incapacidade de Driouech de marcar algunha pequena diferenza.

Non está doada a clasificación para a segunda rolda da Europa League, non nos imos enganar. O próximo partido Celtic-Celta en Glasgow será deses que fagan celtismo e sinalen cales serán as aspiracións europeas. Haberá que cambiar de xogo, sen renunciar ao patrón Giráldez, que aínda pode facer historia.

Publicado en Faro de Vigo: 17/10/2026

Xosé Manuel Beiras e o tempo dun salaio

Admiro a Xosé Manuel Beiras por asumir a responsabilidade política histórica de unir a lexitimidade do galeguismo que formou parte da Fronte Popular, na que militou o seu pai, co soberanismo galeguista anticapitalista actual. Tarefa pola que durante seis décadas loitou arreo nas formacións nacionalistas que liderou, o PSG, o BNG e Anova-Irmandade Nacionalista. Admiro ao Beiras escritor, tradutor e editor galego. Autor dun dos libros de ensaio máis relevante da segunda metade do século XX, O atraso económico de Galicia (1972), por ventura obra superada, o seu pensamento económico impregnou na facultade de Económicas da USC, da que foi fundador e catedrático, que durante a Reforma Política formou a futuros líderes da autonomía e do municipalismo.

Como participou do proxecto de Laiovento, a editora que fundou en 1990 con Manuel González Millares, o libreiro Xesús Couceiro e os editores Pepe Carreiro e Francisco Pillado, seu amigo do corazón, tamén pianista, responsable do nome da editorial traído do Pazo de Laiovento, que existía só nas páxinas dunha peciña teatral de Otero Pedrayo. Editora compostelá que abriu o seu catálogo cun título seu: Prosas de combate e maldicir (1991) e onde publicaría unha decena dos seus libros literarios.

Xaora, Beiras era feliz como tradutor, sentíase orgulloso deste catálogo onde tivo a fortuna de ir incluíndo títulos que nalgún caso retrataban o seu tempo vital e estado emocional. Con X.L. Franco Grande traduciu o «Venceremos nós» («We shall overcrome») e Antígona (1967) de Anouith. Anosou ao galego varias obras de Camus, Os xustos (1985) e Calígula (1992), as dúas publicadas nos Cadernos do Centro Dramático Galego, Catro cartas a un amigo alemán (2008, Trifolium) e A desfeita (2018, Laiovento). Traduciu As moscas (2008, Laiovento), peza teatral existencialista de Sartre, o Adolphe (1816, 2020, Laiovento), un clásico de Benjamin Constant, e o Espertemos! (2022, Laiovento) do filósofo Edgar Morin, entre outros textos, sempre vertidos do francés ao galego.

Corpus traducido por Beiras, que foi callando, onde destaca pola singularidade O tempo dun salaio (1988, Xerais), novela breve de Anne Philipe, escritora belga instalada en París, traducida a petición de Luís Mariño Pampín, director entón de Xerais, outra das súas amizades compostelás, texto do que non coñecemos edición en castelán, a pesar de ter transcorridos trinta e oito anos da súa aparición en galego. O tempo nun salaio non foi para Beiras un libro máis. Considerábao esencial para entender cuestións fundamentais da condición humana e da súa fraxilidade emocional. Non esqueceu o que sufriu na súa crise de saúde mental (1977-1981), tras o fracaso nas eleccións Xerais de 1977, cando encabezou a lista do PSG que fundara en 1963 de «socialismo galego sen etiquetas». Dor que inundou a Casa da Reboraina de Aguiar cando hai tres anos morreu Aurichu, a súa segunda muller, filla de Jesús Pereira, o mestre republicano que o formou nas artes da lectura e escritura, alleo aos ditados de Franco, que o fixeron un orador torrencial emotivo e convincente.

O tempo nun salaio transforma a experiencia da dó en materia literaria, unha meditación sobre o amor e a morte, un diálogo cunha sombra a medio camiño entre o monólogo interior e a elexía, onde o tempo e a escritura se dilúen, tamén a dun tradutor implicado como foi Beiras, para ofrecer un espazo de resistencia fronte a perda. Un texto fermoso e contido, traducido coa precisión requirida para que fose emotivo. Unha noveliña na que a memoria, o amor, a ausencia, temas que sempre foron preocupacións para Beiras, se entrelazan mais sen caer no sentimentalismo.

Un texto que impacta sobre o noso urdime de emocións onde a lucidez da escritura de Philipe (como da tradución de Beiras) non diminúen a dor, até chegar a facela máis intensa. Obra moi singular no corpus da literatura traducida ao galego non se limita ao testemuñal, aborda outros temas como o do paso do tempo e a imposibilidade de fixar o vivido. Unha boa novela na que aparecen momentos memorables: «Ameite demasiado para aceptar que o teu corpo desaparecese e proclamar que a túa alma abonda e vive».

Noutras páxinas, Philipe e Beiras, anticipan a experiencia da morte: «Ti fuches o meu máis firme vencello coa vida. Convertícheste no meu coñecemento da morte. Cando veña non terei a impresión de me xuntar outra volta contigo, senón a de seguir un camiño familiar, xa coñecido por ti». Tras o pasamento de Beiras esta tradución adquire carácter autobiográfico: «A morte é ren. Soamente o medo, o sufrimento físico e a dor daquelas persoas que un ama, ou a obra emprendida, fan atroz o seu achegamento». Traducións coma esta de Philipe ou interpretacións do Intermezzo de Brahms ao piano foron razóns da vida do Beiras que choramos.

Publicado en Faro de Vigo: 13/10/2026

Eu tamén navegar

Escasas veces un verso, «Eu tamén navegar», acada admiración e popularidade tan unánime na sociedade literaria galega até transformase en insignia da loita e empoderamento das mulleres, as que sosteñen a metade do ceo, coma tamén de esperanza de todas as persoas migrantes e excluídas pola súa diferencia, que sofren agardando. Verso inesquecible de Xohana Torres (Santiago 22 de novembro de 1929 – Vigo 12 de setembro de 2017), que pecha o poema «Penélope» do libro Tempo de ría (Espiral Maior 1992), empregado o 27 de outubro de 2001, polo tanto hai vinte e cinco anos, para titular o discurso de ingreso na Real Academia Galega presidida polo teimudo humanista Francisco Fernández del Riego.

Unha entrada moi celebrada nas letras galegas, a substitución da cadeira do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, cando na institución de Tabernas apenas participaban dúas mulleres fronte a 25 homes, a poeta e profesora, radicada na Coruña, Luz Pozo Garza, que ingresara en 1996, e a bibliotecaria ourensá Olga Gallego. Unha desigualdade tan vergoñenta, á espera dunha resposta contundente, que a nova académica ofreceu nun texto memorable e lúcido, sentencioso e irónico. Palabras dunha poeta chegada á Academia preparada para «rastrexar os fondos, aí onde a luz non chega». Unha confesión honesta de quen como poeta, en apenas tres libros breves, asumiu que a poesía é un exercicio exploratorio e cada un dos versos un acto decidido, espido de retórica e medos.

Vinte e cinco anos despois, neste tempo que nos sitúa, de perigos e incertezas provocadas pola IA, tamén de exclusións e de abusos dos poderosos, este discurso da poeta de querenza viguesa, nacencia compostelá e formación ferrolá, é unha Ría que gañou en emotividade e capacidade mobilizadora. EU TAMÉN NAVEGAR é un texto que podería lerse nas faixas das manifestacións destes días na procura «dunha certa esperanza», como escribe no seu poema memorable e emocionante «Laxeiro en Vigo».

Xohana sabe que non somos máis que o que recordamos, «ese ceo protector, que de maneira alterna nos cobre ou se desvela ou se nega a desaparecer». Roubándolle unha frase chave, desas susceptibles de ser considerada un aforismo, esparexidos por todo un discurso brillante: «A vida non sempre é unha travesía ben informada, hai moitas maneiras de ver os mapas». Eis un chamamento poético a que as Penélopes nunca máis baixen os brazos agardando, a convidalas a espremer as oportunidades coas que conten, antes de darse por vencidas. E a súa consecuencia: asumir que Ulises e Penélope representan poesías diverxentes, dúas miradas distintas do porvir, nun mundo onde esmorece a natureza e a propia convivencia pacífica, amparada polos dereitos humanos.

«Eu tamén navegar» debe entenderse como a expresión dun mito reelaborado que outorga a todas as penélopes que agardan a capacidade de actuar. E o que é máis relevante: asumen que «existe a maxia e pode ser de todos / A que tanto nobelo e tanta historia?», como de forma retórica pregunta Xohana nos dous versos cos que remata a composición. Como lectores interpretamos que a poeta afirma a súa liberdade e o seu dereito a decidir que é o quere facer.

Despois de vinte e cinco anos, na poesía galega, tamén por ventura na narrativa, son moitas as autoras que poden ser declaradas fillas de Penélope (ou de Xohana ou de Queizán ou de Krukenberg ou de María Vitoria…). Poetas, narradoras, dramaturgas e ensaístas galegas desta determinada Xeración Penélope, que non agardan a chegada de ninguén nin o permiso de ninguén por que hai tempo que puxeron en marcha cadanseu proxecto propio. Autoras que asumen os riscos de intentar que cada novo libro chegue a formar parte dese «catálogo de boas lecturas», esas poucas que regresan sempre, nas que o poder das palabras asume o carácter de proeza artística, travesías nas que durante a noite os barcos non navegan polo mar, senón polos vieiros do ceo, roubándolle, outra vez as palabras, a autora de Do sulco (colección Salnés 1957) e Estacións ao mar (Galaxia 1980).

Xohana Torres chegou a Vigo, para ela capital do mar, en 1963, cando deixara a navegación real. Dende entón ate o seu pasamento foron máis de cincuenta os seus tempos de Ría, escenario básico e xeografía íntima na que atopou cicelada en pedra a brevidade como a súa expresión literaria máis persoal. Para Luciano Rodríguez, editor da súa Obra reunida (2004) en Tempo de Ría, «este aire contemplativo, entre o cotián e o transcendente, este ollar na superficie pero penetrando até o fondo da realidade imaxinada no corpo do poema, vai ser a tonalidade do conxunto». Outra forma de abordar a «Raíz e Tempo» (1965-1975), título do programa en galego que fixo en La Voz de Vigo, outro logro da autora de Adiós María (1971), que iniciou a renovación da novela contemporánea, mais iso queda para unha entrega futura.

Publicado en Faro de Vigo: 06/10/2026