Oficio de edición

Italo Calvino confesou que traballando nunha editorial «se lle volve a un o corazón de pedra», «alí un remata por non sentir nada, por asumir unha máscara de cinismo». Afirmacións con intención de desmitificar o oficio de edición, que exerceu durante tres décadas en Einaudi editore, mais que no fondo reflicten algo que sabemos todos os editores: o noso é un oficio que, en termos xerais, provoca máis antipatía que simpatías, no que se combinan algunhas xornadas de gozo con moitas outras de melancolía. Pola súa natureza de actividade de mediación lectora, a edición achega máis insuficiencias ca satisfaccións, xa que ademais de desenvolvela na oficina, obriga a quen a exerce a participar nas políticas culturais do seu tempo. O editor escolle, filtra e coida os textos; conversa e acompaña aos autores e autoras, mais tamén se compromete no devir da sociedade da que forma parte. Velaí como no caso galego, non hai posibilidade de edición, se non existe un compromiso inquebrantable coa causa resistente da lingua e da propia nación. Certo é que no oficio existen criterios e estilos diversos para desenvolvelo, aínda que todos estean condicionados polas cifras dos custes editoriais e das vendas libreiras, xa que se as edicións non se venden, non hai retorno posible para continuar publicando outras novas. Con todo e volvendo ao Calvino editor, o anterior ás Leccións americanas (Kalandraka 1999), asumo que continúan sendo útiles os seus tres criterios para valorar se un orixinal merece ser publicado: acreditar se posúe unha linguaxe de seu, xa que editamos textos; identificar se posúe unha estrutura, xa que publicamos libros; acreditar se amosa algo, a ser posible algo novo, xa que ofrecemos novidades ou recuperamos a memoria literaria. Xaora, sexa utilizando os criterios de Calvino ou non, comparto o que escribiu o editor Constantino Bértolo en Una poética editorial (Trama 2022): «no oficio de edición hai que desvelarse por achegar, por intervir, por contaxiar» entusiasmo.

Publicado en Nós diario: 28/02/2024

Elas, exiliadas e emigrantes

Dedico  o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» :

No espazo público da ampla terraza de Vialia, diante da Sala Inmersiva, estivo instalada durante dous meses a exposición itinerante «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» producida pola Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago dentro dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Unha interesante mostra de rúa que na súa segunda edición narra a historia de trece mulleres pontevedresas que dunha ou doutra maneira foron marcadas pola emigración americana en diversos países, momentos e circunstancias persoais. Trece vidas doutras tantas mulleres anónimas que para as comisarias da mostra, a responsable da cátedra, a profesora María Cadaval Sampedro, e a catedrática emérita María Xosé Rodríguez Galdo, achegadas ao universo amplísimo de «xentes sen historia que protagonizan maioritariamente a nosa historia migratoria».

Trece paneis informativos que honran a mulleres nacidas na emigración como Chita Lamas Barreiro (1909), a primeira voz feminina do exilio galego en Arxentina; Reyna Pastor (1931-2021), profesora universitaria en Rosario e Noemí Cendón (1967), primeira muller en presidir a Irmandade Galega de Venezuela. Mulleres que colleron de forma obrigada os camiños do exilio construíndo as súas vidas, ou boa parte delas, alén mar como Sofía Novoa Ortiz (1902-1987), Concepción Pazó (1907), Blanca Rodríguez Sáez (1897-1972), Margarita Bilbatúa Zubeldia (1900-1979) e Rosina Villaverde (1917-1925) ou outras como Bernarda Pereira Solla (1893-1987) e Concha Nogueira Miguel (1933) que migraron a Venezuela e logo regresaron. Mulleres como Antía Cal (1923-2022) e María Xosé Porteiro que coincidindo cos anos de infancia viviron en Cuba a experiencia emigrante ou o caso singular da mestra e concelleira viguesa Isaura Abelairas (1951-2021), que recuperou os lazos coa familia cubana, interrompidos noutro momento do pasado.

Vidas tráxicas de exilio, como a de Margarita Bilbatúa Zubeldia que, tras o fusilamento en Pereiró dos seus tres irmáns, Antonio, Demetrio e Luis o 27 de agosto de 1936 e ser detida en outubro, fuxiu de Vigo coa súa nai e peregrinou por campos de concentración franceses, antes de embarcar en Calais no Statendam rumbo a México onde arribaría o 26 de xuño de 1939. Unha peripecia de novela desta costureira socialista viguesa, que teimou até reunir con ela en 1945 en México DF a súa cuñada e os seus sobriños, Ángel e Demetrio, os dous fillos do seu irmán Demetrio, coñecido fotógrafo da rúa Príncipe, que se formarían no Colexio Madrid e no Instituto Luis Vives, que anos despois se converterían en referentes do cine mexicano.

Como as tintas da traxedia do suicidio colectivo dos nove pasaxeiros do bou Eva, o 23 de abril de 1937 no porto de Vigo, marcaron dende os catro anos a vida da viguesa Concha Nogueira Miguel, filla de dous dos suicidados, Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira. Ela e a súa irmá pequena serían dende entón «as nenas do bou», apelativo que as perseguiría ao longo dunha vida que construíron agarimadas polos seus avós e polos seus tíos Concha e Jacinto. Tras aprender as primeiras letras na escola de dona Irene, xunto ao cine Tamberlick, Concha estudou para secretaria no colexio Vivas de Príncipe, tendo o seu primeiro traballo con Celso Isla Couto. En 1955 emigrou a Venezuela onde residiu durante unha década, se afiliou ao Partido Comunista e casou co vigués Francisco Mosquera.

Os camiños do exilio tamén marcaron a Sofía Novoa Ortiz, viguesa formada no Conservatorio Superior de Música de Madrid en piano e composición e na Residencia de Señoritas, institución dependente da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, onde tivo por mentora a María de Maeztu. Pioneira da formación musical, continuou os seus estudos en Francia e dende 1930 exerceu como profesora de música do Instituto Escuela. En 1937 Sofía embarcou en Lisboa cara a Nova York, onde anos despois se licenciaría en Filosofía e Letras na Universidade de Columbia. Catedrática de español no Vassar College de Nova York durante dúas décadas, a súa traxectoria foi recollida no magnífico libro de Carmen Losada Gallego, Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga e exiliada (Instituto de Estudios Vigueses, 2020).

A pedagoga Antía Cal, fundadora do Colexio Rosalía de Castro, representa na mostra, as mulleres dunha familia emigrante. Nacida en La Habana viviu en Cuba até os nove anos, para instalarse entre Vigo e Murás, experiencia que recoñeceu como marcante no seu libro de memorias, Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia 2006). Outro tanto recoñece a xornalista María Xosé Porteiro, emigrada a Cuba aos catro anos, que estudou a primaria e a secundaria na illa caribeña, unha herdanza de infancia e adolescencia emigrante cubana que ficará presente na súa vida.

Celebrarmos Rosalía

A recuperación da corda da dignidade para a figura literaria e política de Rosalía de Castro é un dos éxitos recentes máis rotundos da cultura galega. A celebración do 23 de febreiro, data de nacemento da escritora, promovida pola Fundación Rosalía de Castro (FRC) e pola AELG, gaña cada ano máis atención nos centros escolares, na rede de librarías do libro galego e clubs de lectura, ao tempo que as iniciativas de promoción rosaliana, como a alborada gaiteira, as lecturas públicas de textos da autora ou a proba do Caldo de Gloria en bares e restaurantes concitan tamén máis interese para públicos diversos. Iniciativas que neste 2024 se amplían da man da recentemente creada Fundación Xistral coa edición de 20.000 exemplares de Celebrarmos Rosalía, unha pequena e xeitosa antoloxía de textos rosalianos (prosa e verso) de corenta páxinas, agasallada nas librarías pola compra dun libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo. Anxo Angueira, arquitecto e obreiro primeiro da anovación da causa rosaliana, salienta no prólogo desta escolma que «celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move». Unanimidade que o incansable presidente da FRC atribúe a que Rosalía soubo tocar todas as cordas coas que fomos vibrando, desde o seu tempo, todas as xeracións galegas: a da dignidade para a fala, a xente e a terra nosa; a da igualdade para as mulleres, para as humildes e persoas excluídas; e a da liberdade. «Rosalía representa o noso orgullo para proxectar no mundo o que somos e queremos ser». Unha celebración a de cada 23 de febreiro, que como ven propoñendo dende hai anos a AELG debemos considerar como outro día para o libro galego, preñada da ledicia e da esperanza convocados por Rosalía nos versos da súa «Alborada»:

Canta, paxariño alegre,
Canta!
Canta porque o millo medre.
Canta!
Canta porque a luz te escoite.
Canta!
Canta que fuxeu a noite.

Publicado en Nós diario: 21/02/2024

Ceferino na lembranza

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao primeiro cabodano de Ceferino de Blas:

Lembramos con saudade e gratitude a Ceferino de Blas no seu primeiro cabodano. Tras unha traxectoria xornalística na súa Asturias natal, chegou a Vigo o primeiro de outubro de 1986 para facerse cargo durante apenas seis meses da dirección de Faro de Vigo, tras a súa adquisición pola Editorial Prensa Ibérica. Incorporación do asturiano á mancheta do decano que só nun par de días revolucionou a organización das seccións do xornal, dedicando a páxina 2 a Opinión e a partir da terceira plana a sección local de Vigo. Ceferino expresaba así, xa na súa primeira semana en Vigo, dous compromisos que nunca abandonaría: a prioridade da información de proximidade (centrada en Vigo e no sur de Galicia); e a defensa dunha liña editorial enraizada sobre os criterios de obxectividade, independencia e pluralismo. Andaina inicial do Faro de Ceferino que remataría o 30 de outubro anticipando nas súas páxinas a primeira crise política da Autonomía, a dimisión do Goberno Galego promovida polo vicepresidente Xosé Luis Barreiro Rivas coa intención de derrubar a Xerardo Fernández Albor como presidente da Xunta. Un gran comezo, unha primicia de Javier Sánchez de Dios, comentarista político e delegado en Pontevedra, que expresaba a vontade do Faro dirixido por de Blas de non renunciar a súa influencia en Galicia.

En poucos meses, Ceferino deulle a reviravolta que Faro precisaba nun momento decisivo para o seu futuro, acometendo unha reestruturación do cadro de profesionais, non exenta de tensións laborais, modernizando os criterios informativos do xornal e comezando os procesos de dixitalización tecnolóxica da redacción e rotativa. Anos convulsos e críticos tamén en Vigo, finais da década dos oitenta, os da reconversión, da movida e dos gobernos municipais de Manuel Soto, nos que Ceferino se foi enchoupando do espírito e dinamismo creativo e revolto da nosa abella da ribeira, até identificarse de cheo coa cidade, a implicarse no coñecemento da súa historia e na defensa das súas reivindicacións estratéxicas, sobre todo no referido ás infraestruturas de comunicación, a autovía coa meseta e o tren de alta velocidade, como o recoñecemento da área metropolitana. Sensibilidade que tamén tivo pola conservación do patrimonio arquitectónico en perigo de desaparición, a estación do ferrocarril e o pazo de xustiza da rúa do Príncipe, así como do conxunto do Casco vello. Como foi outro dos logros da súa dirección a creación do Club Faro de Vigo, como foro de opinión e debate, co que o xornal pretendía abrirse e achegar a súa contribución á vida cultural galega. Inaugurado o 6 de maio de 1992, foi dirixido dende o seu inicio e durante máis de dúas décadas pola xornalista Marisa Real, a súa compañeira inseparable coa que compartiu paixón polo xornalismo, o cine e as viaxes…

Dende a  súa xubilación en 2008, namorado da cidade de acollida, Ceferino dedicou os seus azos a pescudar na súa historia a partir da hemeroteca de Faro de Vigo, colección de 170 anos da que foi o seu máis profundo coñecedor. Traballo de erudición viguesa que destilou ao longo de catorce anos nas súas deliciosas columnas dos luns de Faro así como nunha quincena de libros, algúns referenciais como Donde los periódicos son Faros. Historia del Faro de Vigo (2017) ou Vigo, puerta del mundo (2023), o seu libro póstumo, escritos coa precisión do historiador, a vontade de estilo do narrador natural e o espírito divulgador e didáctico do xornalista de estirpe. Bibliografía viguesa á que cómpre engadir outra ducia de importantes artigos publicados en Glaucopis. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, institución na que ingresou como membro numerario en 2013 e na que foi membro moi activo até o seu pasamento. Como tampouco se poden esquecer os seus textos e conferencias como cronista oficial da cidade de Vigo, responsabilidade que asumiu en 2017, tras o seu nomeamento pola alcaldía.

Ademais dos seus logros profesionais como xornalista e do valioso catálogo bibliográfico como historiador, Ceferino deixou un legado que cremos aínda máis valioso, o de ser unha das figuras viguesas máis respectadas e admiradas do seu tempo, fose pola súa elegancia e empatía, pola xenerosidade para felicitar ou pola firmeza e mesura cando cumpría criticar ou reconducir. Razóns que fixeron de Ceferino de Blas un referente cívico e moral da cidade, que pasou a formar parte da historia de Vigo, respectado por todas as forzas políticas e entidades sociais e veciñais. Unha figura transversal que merece ser lembrada por medio da convocatoria anual por parte do concello de Vigo dun premio co seu nome a traballos sobre a historia de Vigo. Sen esquecer que Ceferino debe formar parte canto antes do panteón de vigueses ilustres do cemiterio de Pereiró, comprometido hai meses pola alcaldía.

Desgrazas celtistas

O celtismo celebrou o gol 200 de Iago Aspas cunha derrota inxusta no tempo engadido, tras un penaltiño inocente de Fran Beltrán, cuxo lanzamento con paradiña incluída de Lewandowski foi detido por Guaita, mais que tras a polémica repetición ordenada polo VAR foi transformado pola estrela polaca. Outro desenlace tristísimo para o Celta de Benítez que afondaba no que tan acertadamente J. Bernardo bautizou nestas páxinas de Faro de Vigo como «síndrome do desconto». E abofé que a xestión pouco competitiva dos minutos de tempo engadido, nos que se produciron erros individuais groseiros, están sendo claves para a puntuación dos celestes. Velaí o que sucedeu a pasada semana no Coliseum de Getafe, tras unha grande remontada conducida por Aspas, mais tampouco esquecemos o penalti absurdo de Mingueza no 96’ en San Mamés nin os tantos encaixados no engadido no Gran Canaria das Palmas e no Montilivi de Girona, que supuxeron a perda de catro puntos, aos que se engadirían outros tantos se ampliamos a relación de desgrazas celestes aos partidos perdidos a partir do minuto 80 (Bernabeu, Mallorca, Montjuic e Sevilla). Unha auténtica catástrofe para a puntuación dos celestes que continúa en cifras críticas, ao borde do precipicio, ás portas de dúas finais inminentes cos rivais directos, a vindeira semana en Cádiz e a seguinte en Balaídos co pechacancelas Almería.

O xigante Iago Aspas, o noso Merlín de Moaña, camiño de superar a marca dos 532 partidos xogados do capitán Manolo, a única que lle resta para converterse (tamén en todas as estatísticas) no mellor xogador celeste de todos os tempos, despois desta enésima desgraza in extremis, precisou diante das cámaras que no Celta «somos 99 % de sufrimento e 1 % de felicidade», poñéndolle así cifras precisas á xenial intuición de Pucho na súa «Oliveira dos cen anos»: «na ledicia (1 %) son celeste, celtista no padecer (99 %)». Con todo, lonxe de deitarse nos brazos do fatalismo, como fixera dende aquel debut extraordinario, o 6 de xuño de 2009, no que con dous goles nos minutos finais do partido co Alavés salvou ao Celta do temible descenso a 2º B, no que foi unha das tempadas máis patéticas que lembramos aos nosos, Iago Aspas confesa na mesma entrevista que «non o van deitar á primeira, iso o teño moi claro». Velaí que esta afouteza celtista de Iago, como a doutros xogadores celtistas do cadro, que comparten coa nosa estrela ese compromiso de non renderse nunca, sexa a maior esperanza coa que contamos para superar esta letal síndrome do desconto e afrontar con maiores garantías os trece partidos que restan desta liga horrible con Rafael Benítez no banco.

Na tarde do sábado diante dun Barça, que semellaba viña en horas baixas, o Celta non mereceu perder, a pesar do espírito conformista da primeira metade, na que soubo interpretar moi correctamente a pizarra defensiva de Benítez, suxeitando a Pedri e Yamal, até que Lewandowski no 44’ superou cunha finta sutil a Starfelt e marcou cun xute cruzado ao que non chegou Guaita. Por ventura, o descanso sentoulle ben aos celestes que no primeiro minuto empataron grazas ao gol histórico de Aspas, un remate no que contou coa colaboración inesperada de Koundé, tras unha gran asistencia de Mingueza, que recibira outro extraordinario taconazo de Xurxo Larsen, na súa pelexa infatigable cos centrais visitantes. E por fortuna para a bancada celtista, sequera por unha vez, Benítez animou aos seus a non conformarse, grazas ás batallas que Beltrán e Tapia foron gañando a De Jong e Pedri, que sería substituído. Mágoa que no Celta, coa excepción das transicións de Luca de la Torre, cada partido máis fino, non conseguise traducir a súa superioridade tamén na área rival. E cando xa semellaba inevitable o empate, apareceu sobre a anovada lameira do Fragoso, a síndrome do desconto e foise todo á garra, os xogadores desolados e a bancada triste. Outro exercicio de puro celtismo do padecer.

Con todo, a pesar do panorama tan desgraciado do sábado, o Celta de Aspas amosou contar con sobrados recursos atacantes, e o que aínda é máis valioso, posúe unha vontade inquebrantable de non renderse. Afouteza, porén, que precisa de maior atrevemento de Benítez para dominar os partidos, tamén, dende a primeira parte, e para afrontar de forma máis folgada os temibles derradeiros minutos. Velaí o camiño por onde poden chegar as dúas vitorias que tanto precisamos fronte a Cádiz e Almería.

Publicado en Faro de Vigo: 19/02/2024

Acordo pola lingua

Abondaron apenas dous minutos do debate da CRTVG para que Rueda premese na campaña a tecla antipánico e recuperase o discurso ultra da «imposición del gallego» de hai quince anos. Amosou que calquera referencia ao galego ou nova proposta para o seu uso lle parece excesiva ou perigosa. Sentiuse atacado por Besteiro cando convidou aos conservadores a utilizar o galego nas cámaras das Cortes. Quedou chocado cando Pontón se comprometeu a traballar por un gran acordo pola lingua, que incluíse a derrogación do decreto 79/2010 de Plurilingüismo e a aprobación doutro pola igualdade lingüística, coa intención de que todo o alumnado acadase «igualdade no coñecemento para que haxa liberdade de expresión». Proposta que levou a candidata do BNG, no seu momento máis brillante, a enfrontar a Rueda co dilema de unirse a este acordo ou continuar detrás da pancarta contra o galego como fixera o 8 de febreiro de 2009. E tras sete segundos (interminables) de silencio, non atopou outra saída que tirar do vello discurso lingüicida e tachar a proposta da nacionalista como de imposición do «monolingüismo, o do ensino unicamente en galego» e, despois, nun chimpo de TikTok convidar a «ler o programa do BNG». Lectura que ben paga a pena, xa que as seis páxinas que os nacionalistas dedican a lingua, un dos once eixos condutores do seu programa electoral, ademais das incluídas no de política educativa, constitúen un chamamento razoado a construír un grande acordo nacional pola lingua galega, que acade consenso amplo entre os axentes políticos, económicos e sociais para reverter a perda acusada de falantes da última década. E o que é, aínda máis novidoso, ofrece o compromiso de introducir unha perspectiva de lingua que axude a que se teña en conta o fomento do uso e do prestixio do galego nas accións do goberno que o permitan. O 18 de marzo escollemos tamén entre construír ese acordo estratéxico pola esperanza do galego ou continuar coa deriva actual do seu esmorecemento en voz baixa.

Publicado en Nós diario: 14/02/2024

Na Finca da Marquesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Parque e Museo de Castrelos:

Camiñamos até a Finca da Marquesa, nome que a miña avoa Maruja empregaba para ao parque de Castrelos, coa intención de gozar nos xardíns históricos do Pazo da espectacular floración da magnolia soulangeana no seu máximo esplendor. Un manto rosa deitado sobre os prados e sendas da coñecida como «Pradaría do Té», que a causa do cambio climático adianta a súa presenza aos días da Candeloria, anunciando a despedida do inverno, xa que estes magnolios son as árbores que primeiro florecen en Castrelos. Un espectáculo natural único, marco das mellores autofotos posibles, que por riba neste ano chegou acompañado da floración do exemplar de camelia xapónica máis lonxevo de Galicia, coñecido como «Matusalén», que conta con máis de 150 anos de idade, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, situado no interior do labirinto de sebes de buxo do xardín francés. Dúas marabillas naturais de grande valor paisaxístico e botánico, pezas do patrimonio do Parque Municipal Quiñones de León, que o vindeiro 12 de decembro celebra o centenario da sinatura da súa cesión ao concello de Vigo por parte do último Marqués de Alcedo para a súa transformación en museo de arte rexional.

Unha visita aos xardíns históricos que iniciamos polo paseo dos escudos, situado no corredor lateral da Rosaleda, antigo invernadoiro, onde atopamos o primeiro escudo en pedra da cidade, que formou parte da fonte de Neptuno, coa torre do castro e a oliveira, peza defendida polo cronista oficial de Vigo Avelino Rodríguez Elías, que sería utilizada en 1987 como modelo do escudo oficial actual. Mais na visita sorprendeunos no xardín inglés a presenza nun pequeno estanque da figura de Neptuno, unha das iconas nosas, a escultura pública máis antiga non relixiosa das conservadas en Vigo. Trátase dunha peza granítica de metro oitenta de altura que, xunto a dous escudos e dous cipreses formaba parte da fonte de Neptuno situada na Porta do Sol, cuxa cronoloxía reconstruíu a historiadora Beatriz Liz de Cea. Instalada nun manancial de auga potable do que temos noticia xa no século XVII, foi restaurada en tempos de Filipe V (1795), momento no que se colocou a estatua de Neptuno, como reza nunha placa instalada no mesmo paseo do Escudos, ofrecendo para o médico Nicolás Taboada Leal, no seu libro Descripción topográfica e histórica de la ciudad de Vigo (1840), a mellor auga da cidade. Pezas da fonte de Neptuno, hoxe dispersas polos xardíns de Castrelos, que reunidas permitirían a súa reconstrución no propio Vigo vello.

Visita á Finca da Marquesa na que chamou a atención nosa o reclamo dunha exposición temporal no Museo municipal de Vigo «Quiñones de León»: «Alice Austen. Desfacer o xénero». Instalada no sobrado do museo, o que obriga a subir pola formidable escaleira interior de inequívoco sabor inglés, onde están instalados os dous murais de Urbano Lugrís procedentes do Hotel Moderno, «Mapa de Galicia» e «Misterios do mar», a mostra procedente do último Photoespaña recolle medio cento das 8.000 fotografías tiradas por Alice Austen, unha das precursoras e máis precoces fotógrafas estadounidenses. Artista rebelde representou a imaxe da muller moderna e independente que quixo ser. Coas súas accións performativas, creadas coas súas amigas e compañeira, cuestionou os roles de xénero e as convencións da vida vitoriana. E apostou a finais do século XIX de forma vangardista polo deporte, polo atletismo, tenis e ciclismo, actividade que abriu o camiño ao sufraxio feminino. Remata este relato expositivo de deconstrución do xénero, coas imaxes da casa ás aforas de Nova York, onde Austen viviu trinta anos con Gertrude Tate, a súa compañeira de vida, vivenda que quedou asignada nos EE.UU. como un espazo emblemático da historia LGTBIQ.

Unha exposición tan excelente en termos artísticos como sorprendente resultou para nós a súa instalación en tres salas do sobrado do Museo de Castrelos, descontextualizada do resto dos contidos do primeiro museo vigués, até agora pensabamos que centrado na historia da cidade e na exposición e custodia do legado de Policarpo Sanz. O certo é que saímos entusiasmados das experiencias vividas nunha mañá nos xardíns da Finca da Marquesa (Mariana de Wyte, a filla do Marqués de Alcedo) baixo a caloriña do sol de inverno, mais tamén confeso que marchamos algo confusos sobre cal é hoxe o perfil do primeiro museo da cidade, inaugurado o 22 de xullo de 1937 e dirixido e administrado dende o 15 de outubro de 1938 e durante catro décadas polo inesquecible Ángel Illarri Gimeno, que tanto agarimou o pazo, os xardíns como o auditorio. No centenario da cesión de Castrelos ao pobo de Vigo, ben sería contar cun plano estratéxico para a conservación e usos do parque e todas as súas infraestruturas para preservalas nas vindeiras décadas.

Precariedade estratéxica

As Galegas son o momento propicio para avaliar os logros e os fracasos de sectores estratéxicos para Galicia, como dende 2006 é o do libro e a lectura. Un balance político ao que non poden ser alleas as asociacións empresariais e profesionais, como a Asociación Galega de Editoras (AGE), que lamentaba nestas páxinas o escaso coñecemento da Consellaría de Cultura da realidade do sector do libro. Outro desacordo máis para a representación da edición galega que dende 2009 nunca foi recibida nin por Feijoo nin por Rueda, a pesar de solicitudes reiteradas, como tampouco foron atendidas polos gobernos do PP as súas reclamacións principais, recollidas da Lei 17/2006 do libro e a lectura: un Plan de Lectura, transversal, interxeracional, centrado no libro galego e orzamentado de forma suficiente; e un Plan de Internacionalización para o sector, capaz de proxectar o libro, a lingua e a literatura galega no mundo. Gremio da edición que nestes catorce anos viviu a intemperie, perdeu facturación e emprego, viu reducidas até o 80 % (si, leron ben, 80 %) as compras de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas, padeceu a modificación unilateral do modelo de gratuidade dos libros de texto e dos programas de educación dixital (Abalar e Edixgal), que xunto a implantación nunca avaliada do decreto 79/2010 de Plurilingüismo, co que retrocedeu de forma significativa a presenza do galego nas aulas, levou ás editoras educativas galegas ás portas do colapso. No entanto, este período coincidiu cunha diversificación do tecido editorial, o que axudou a incrementar a variedade do catálogo impreso dispoñible (16.000 títulos) nun mercado no que o libro en galego apenas supuxo o 8 %, como tamén celebrou recoñecementos en todos os xéneros dos Premios Nacionais de literatura (até 25) ou conformou un catálogo dixital de máis de tres mil títulos. Un sector que resistiu na súa precariedade estratéxica, a pesar de carecer do amparo dunha política do libro e fomento da lectura.

Publicado en Nós diario: 07/02/2024

Merdeiros da Ribeira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de escabicheiros e merdeiros da Ribeira doBerbés:

Un dos cadros que máis chamou a atención dos públicos diversos da exposición «Vigo no tempo» foi un óleo do asturiano Juan Martínez Abades que representa a recollida de algas na Ribeira do Berbés en 1892. Cedida polo Museo Carmen Thyssen de Málaga, a peza de 76 cm de largo e 40 de alto está protagonizada polas mulleres que, en primeiro plano, con cadanseu anciño recollen o argazo, posto a secar despois nas rochas para que a chuvia lle quitase o salitre, e por outras mozas e algún home idoso que detrás recollen o refugallo do peixe, patexos ou cunchas de bivalvos. Traballos de escabiche que, aproveitando as mareas de setembro (mes no que debeu pintarse o cadro), proporcionaban galdrucho abondo (cabezas, tripas e aletas dos peixes) que, xunto ao escamallo e o argazo, era recollido de madrugada (para evitar os fedores pestilentes) polos escabicheiros na procura de esterco natural para as súas leiras de Sárdoma, Freixeiro, Lavadores ou doutras parroquias da contorna, que se ocupaban ademais de limpar os pozos negros da cidade.

Unha estampa do Berbés, como as representadas polo pintor madrileño Francisco Pradilla en 1871 e 1873 e o vigués Serafín Avendaño en 1893, que amosa a importancia do traballo das pescantinas e do oficio do labrego escabicheiro, exercido nalgúns casos tamén por mulleres, que conectaba as almas do Vigo do porto e da terra, do salitre da Ribeira (de Bouzas ou de Teis) e do arrecendo aldeán do Fragoso. Un encontro de mariñeiros e campesiños que baixaban a traballar na Ribeira non exento dos conflitos e das tensións daqueles que se necesitan mais non sempre se entenden. Conflito do que no Entroido xurde a figura perturbadora do Merdeiro, a máscara tradicional creada polos mariñeiros do Berbés como escarnio e mofa da vida dos labregos escabicheiros. Merdeiros da Ribeira vestidos dos pés á cabeza co traxe  clásico do campo galego, aínda que deformado de xeito burlesco, dende a camisa, calzóns e zapatillas brancas até o chaleco vermello, a faixa da que pendura un farol e un gorro semiesférico na cabeza. Tras o bando do alcalde (1924) no que «se prohiben os disfraces sucios ou contrarios á decencia», a figura popular do Merdeiro chega a Guerra Civil moi criticada e atacada, sendo substituída polas festas, bailes e desfiles das sociedades carnavalescas privadas (como o Gimnasio de Vigo ou La Oliva) coas que viña convivindo xa dende 1876. Xaora, O Merdeiro deixou un pouso semiclandestino na memoria dalgunhas familias, que comezou a ser explícito coa recuperación do Entroido popular a partir dos anos setenta e o protagonismo en Vigo dun emerxente movemento veciñal, creador das primeiras comparsas, como os Tarteiras.

Máscara da Ribeira descrita e debuxada con detalle nun artigo de Xaquín Lorenzo «Xocas» (1982) e comentado despois por Vicente Risco (1994). Estudada dende os anos noventa por Xerardo Santomé, dende a publicación do libriño O Merdeiro: un personaxe do entroido vigués. Apuntamentos para a súa recuperación (2006), ano tamén da primeira saída polo Vigo vello e do primeiro obradoiro desta máscara, viviu dende entón un proceso de recuperación e anovación no que participaron o Centro Social «A Revolta» e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, consolidado felizmente dende 2012 tras a constitución da Asociación Etnográfica «A Merdeira». Unha recuperación de éxito que utilizou como referente o vestiario detallado por Lorenzo e Risco, documentado no retrato de José Costas Abalde de 1910, e unha carauta con nariz de cocho, deseñada polo escultor Pancho Lapeña, cosida a unha cofia de algodón á que se lle incorpora la de ovella. E o que foi máis importante, dándolle unha personalidade caracterizada polo seu bo humor, espontaneidade e capacidade de improvisación.

A saída dos Merdeiros deste 2024 coincide por ventura coa aparición do libro O Merdeiro. Personaxe da Ribeira (A Merdeira 2023) de Hadrián Román Carreiro e Adriana del Rio Miranda, froito de dez anos de investigación, compilación e actualización de materiais sobre a máscara do Entroido vigués. Prologado polo antropólogo Rafael Quintiá, que considera o Entroido como a festa ritual máis significativa da nosa cultura e ao Merdeiro como arquetipo de ser liminal, o libro ten vontade de constituírse en obra de referencia tanto pola sólida fundamentación etnográfica e coidadosa reconstrución histórica do Vigo do derradeiro terzo do século XIX como pola ampla e novidosa documentación gráfica, froito da súa intención divulgativa e afán didáctico. Un libro que moito recomendo e aventuro será de grande utilidade nos centros educativos vigueses, mais aínda cando o desenvolvemento da quinta xornada da «Merdeirada Cativa», concibida como canteira da festa, colle máis pulo este curso. Feliz Entroido cos Merdeiros da Ribeira.