Elas, exiliadas e emigrantes

Dedico  o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» :

No espazo público da ampla terraza de Vialia, diante da Sala Inmersiva, estivo instalada durante dous meses a exposición itinerante «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» producida pola Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago dentro dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Unha interesante mostra de rúa que na súa segunda edición narra a historia de trece mulleres pontevedresas que dunha ou doutra maneira foron marcadas pola emigración americana en diversos países, momentos e circunstancias persoais. Trece vidas doutras tantas mulleres anónimas que para as comisarias da mostra, a responsable da cátedra, a profesora María Cadaval Sampedro, e a catedrática emérita María Xosé Rodríguez Galdo, achegadas ao universo amplísimo de «xentes sen historia que protagonizan maioritariamente a nosa historia migratoria».

Trece paneis informativos que honran a mulleres nacidas na emigración como Chita Lamas Barreiro (1909), a primeira voz feminina do exilio galego en Arxentina; Reyna Pastor (1931-2021), profesora universitaria en Rosario e Noemí Cendón (1967), primeira muller en presidir a Irmandade Galega de Venezuela. Mulleres que colleron de forma obrigada os camiños do exilio construíndo as súas vidas, ou boa parte delas, alén mar como Sofía Novoa Ortiz (1902-1987), Concepción Pazó (1907), Blanca Rodríguez Sáez (1897-1972), Margarita Bilbatúa Zubeldia (1900-1979) e Rosina Villaverde (1917-1925) ou outras como Bernarda Pereira Solla (1893-1987) e Concha Nogueira Miguel (1933) que migraron a Venezuela e logo regresaron. Mulleres como Antía Cal (1923-2022) e María Xosé Porteiro que coincidindo cos anos de infancia viviron en Cuba a experiencia emigrante ou o caso singular da mestra e concelleira viguesa Isaura Abelairas (1951-2021), que recuperou os lazos coa familia cubana, interrompidos noutro momento do pasado.

Vidas tráxicas de exilio, como a de Margarita Bilbatúa Zubeldia que, tras o fusilamento en Pereiró dos seus tres irmáns, Antonio, Demetrio e Luis o 27 de agosto de 1936 e ser detida en outubro, fuxiu de Vigo coa súa nai e peregrinou por campos de concentración franceses, antes de embarcar en Calais no Statendam rumbo a México onde arribaría o 26 de xuño de 1939. Unha peripecia de novela desta costureira socialista viguesa, que teimou até reunir con ela en 1945 en México DF a súa cuñada e os seus sobriños, Ángel e Demetrio, os dous fillos do seu irmán Demetrio, coñecido fotógrafo da rúa Príncipe, que se formarían no Colexio Madrid e no Instituto Luis Vives, que anos despois se converterían en referentes do cine mexicano.

Como as tintas da traxedia do suicidio colectivo dos nove pasaxeiros do bou Eva, o 23 de abril de 1937 no porto de Vigo, marcaron dende os catro anos a vida da viguesa Concha Nogueira Miguel, filla de dous dos suicidados, Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira. Ela e a súa irmá pequena serían dende entón «as nenas do bou», apelativo que as perseguiría ao longo dunha vida que construíron agarimadas polos seus avós e polos seus tíos Concha e Jacinto. Tras aprender as primeiras letras na escola de dona Irene, xunto ao cine Tamberlick, Concha estudou para secretaria no colexio Vivas de Príncipe, tendo o seu primeiro traballo con Celso Isla Couto. En 1955 emigrou a Venezuela onde residiu durante unha década, se afiliou ao Partido Comunista e casou co vigués Francisco Mosquera.

Os camiños do exilio tamén marcaron a Sofía Novoa Ortiz, viguesa formada no Conservatorio Superior de Música de Madrid en piano e composición e na Residencia de Señoritas, institución dependente da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, onde tivo por mentora a María de Maeztu. Pioneira da formación musical, continuou os seus estudos en Francia e dende 1930 exerceu como profesora de música do Instituto Escuela. En 1937 Sofía embarcou en Lisboa cara a Nova York, onde anos despois se licenciaría en Filosofía e Letras na Universidade de Columbia. Catedrática de español no Vassar College de Nova York durante dúas décadas, a súa traxectoria foi recollida no magnífico libro de Carmen Losada Gallego, Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga e exiliada (Instituto de Estudios Vigueses, 2020).

A pedagoga Antía Cal, fundadora do Colexio Rosalía de Castro, representa na mostra, as mulleres dunha familia emigrante. Nacida en La Habana viviu en Cuba até os nove anos, para instalarse entre Vigo e Murás, experiencia que recoñeceu como marcante no seu libro de memorias, Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia 2006). Outro tanto recoñece a xornalista María Xosé Porteiro, emigrada a Cuba aos catro anos, que estudou a primaria e a secundaria na illa caribeña, unha herdanza de infancia e adolescencia emigrante cubana que ficará presente na súa vida.

1 comentario
  1. Cándida Prieto Alonso
    Cándida Prieto Alonso Dice:

    Como galega e como emigrada, mándoche un agradecimento por este artigo. Dar a coñecer ou dar a saber mais sobre a realidá da xente que fomos expulsadas da nosa casa, expulsadas por un poder político colonial sobre a nosa Terra, sempre se precisa. Pero se de quen se fala é das mulleres, neste caso das emigradas, que sempre quedaron ocultas, víctimas dun anonimato intencionadamente patriarcal, aínda é mais necesario. Que esta data do 8M sirva pra que se nos dea visibilidá, pra que se nos recoñeza como persoas en tódalas facetas nas que só os homes tiñan cabida e pra que se dea recoñecimento ás mulleres da nosa terra que fixeron Historia.
    Encantada de saudarte tamén porque clases en Santiago, na facultá de Pedagoxía (antes Fía e CC de la Educación) e noutros avatares de loitas.
    En Barcelona estamos a promocionar, mimar e defender a nosa cultura dentro da Asociación Cultural Galega de Barcelona (acgb) e mui intensamente dentro da sección “Biblioteca Sabela Labraña”. Sería fantástico se puntualmente puderamos contar coa túa colaboración, por ex. e ocasionalmente no clube de lectura.
    Un saúdo
    Cándida

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *