Onte 1816: Premios da Cultura Galega 2016

Acompañei a María Xosé Queizán na entrega dos Premios da Cultura Galego 2016 outorgados pola Xunta de Galicia. Unha cerimonia institucional que resultou elegante, tanto pola excelente condución da presentadora Noelia Otero e da percusionista Lucía Martínez (para min sempre, a alumna de Agustín Fernández Paz), como pola presenza visual da caligrafía, reivindicando así a beleza e a pulsión da palabra manuscrita. Nas dúas horas do acto houbo tres momentos nos que reparei. O primeiro, a magnífica intervención dos membros da cooperativa NUMAX que reivindicaron o recoñecemento das empresas de traballo asociado e a súa importancia na creación de emprego no sector cultural. O segundo, a intervención de María Xosé Queizán, que investiu os dous minutos que lle concederon para ler “Caduco”, un poema contundente contra case todo. O aplauso intenso e longo, moi longo, recoñeceu o teimoso compromiso vital de María Xosé Queizán co feminismo e coa literatura, onte moi emocionada e arroupada polas súas amizades. E o terceiro, o anuncio que fixo Feijoo no seu discurso de promover un plan para a Cultura Galega. Un anuncio agardado, despois de oito anos de severísimos recortes, que abre un horizonte esperanzoso para reorientar as políticas públicas no que respecta a nosa creación e industria cultural.

Onte 1815: “La hora de clase”, Massimo Recalcati

xthumb_15755_portadas_big.jpeg.pagespeed.ic.hng3WN-NzDHabía tempo que non lía un ensaio sobre temática educativa tan estimulante e sorprendente como La hora de clase. Por una erótica de la enseñanza (Anagrama, 2016) de Massimo Recalcati. Un texto que parte dun diagnóstico demoledor da situación da escola italiana actual e pretende ofrecer un novo discurso alternativo. Para o psicanalista italiano “a escola deixou de ser un aparello ideolóxico do Estado coa misión de levar a cabo un alistamento ideolóxico do consenso; o seu prestixio simbólico enfebleceuse, mentres o seu profesorado é humillado social eeconomicamente”. A escola é hoxe “unha institución extraviada que por unha banda se ve suplantada na súa función social e, por outra, cada vez máis esixida por tarefas que transcenden tal función”. En definitiva, para o autor, no marco do hiperhedonismo que orienta o discurso capitalista actual, a escola deixou de semellar decisiva na formación dos individuos, formación filtrada e organizada agora nos ámbitos da televisión e internet, fóra do entorno da cultura.

Alicerzado sobre a teoría psicanalítica, sobre todo dende a lectura de Lacan, o autor analiza a escola actual (para el “escola perdida” ou “escola Narciso”) sometida ás esixencias do modelo tecnolóxico-performativo baseado na avaliación cuantitativa (exames) das aprendizaxes de habilidades e competencias. “A escola neoliberal exalta a adquisición das competencias e a primacía do facer, e relega toda forma de coñecemento non relacionada directamente co dominio pragmático da produtividade”. Explícase así a devaluación das humanidades e das aprendizaxes das artes. Fronte a este modelo eficientista, Recalcati reclama o valor e a beleza da hora de clase, “o auténtico latexo do corazón da escola”, capaz de mudar unha vida, e a presenza, o carisma e o estilo do profesorado, “xa que non existe didáctica máis que dentro da relación humana”.

Fronte a escola actual dos tres íes (Informática, Inglés e Iniciativa emprendedora), Recalcati propón o que bautiza como “escola Telémaco”, capaz de restituír o seu valor á diferenza xeracional e de recuperar a función do docente como figura central no proceso de “humanización da vida”. “Onde hai ensinanza auténtica non hai oposición entre instrución e educación, entre contidos cognitivos e relacións afectivas, entre nocións e valores”. A reivindicación da centralidade da lectura, como práctica capaz de satisfacer a pulsión, e a importancia da utilización dos libros, en canto obxectos irredutibles a mera mercadoría, son outras propostas que me pareceron salientables nun texto onde se insiste no papel insubstituíble dos ensinantes, “cuxa pegada perdura no noso paso pola escola”.

A pesar da prosa psicanalítica de Recalcati, algunha veces recorrente ou espesa, este é un ensaio máis que recomendable para todas as persoas vinculadas co mundo educativo. Nalgún momento lembroume os ensaios de Daniel Pennac, citado varias veces, Como unha novela e Mal de escola. Un libro moi valioso para comprender o que está sucedendo no sistema educativo actual, dende as reformas curriculares até o papel dos diversos membros das comunidades educativas.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1814: «La La Land»

La_ciudad_de_las_estrellas_La_La_Land-133356261-largeNon sei ben como caimos en La La Land, o musical de Damien Chazelle, mais a verdade é que pasamos dúas horas estupendas. Un musical contemporáneo que rende homenaxe ao cine clásico, especialmente ao xénero dos musicais, e expresa devoción polos Ánxeles como cidade do cine. Unha película industrial en toda regra, mais capaz de introducir elementos inusuais de transgresión na narración, tanto no seu sorprendente inicio como nun peche onírico xenial, que deita doses de doce melancolía. Unha historia de amor de desenlace amargo entre dous perdedores, unha actriz e un pianista de jazz, que procuran o seu difícil soño de artistas baixo o ceo da cidade das estrelas (marabillosa a canción principal). As interpretacións excelentes de Emma Stone e Ryan Gosling, as cancións orixinais interpretadas por eles, a exaltación da música jazz, a hipnótica escena final e unha banda musical marabillosa de Justin Hurwitz converten ao musical de Chazelle nun clásico do xénero. Recomendable.

Desbloqueo metropolitano

Volvo no artigo da semana en Faro de Vigo sobre o conflito da Área Metropolitana de vigo:

Chapela_VigoA pasada semana as páxinas de Faro de Vigo acolleron tres artigos magníficos, escritos por veteranos municipalistas, nos que apelaban a procura de fórmulas de mediación capaces de desbloquear o conflito da constitución da Área Metropolitana de Vigo (AMV). Tanto no texto de Carlos Núñez, concelleiro no seu día, no de Manuel Pérez Álvarez, alcalde de Vigo de 1995-1999, como no de Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e vicepresidente primeiro da AMV, salientábase a importancia da creación da AMV para mellorar os servizos dunha comunidade de medio millón de persoas e a necesidade de establecer un espazo de diálogo entre as partes para dar paso a un proceso de negociación e acordo. Posicións que comparto ao cen por cen. Nunha situación de bloqueo político como a que sofre a AMV non hai outro camiño que identificar os conflitos, coa intención, primeiro, de describilos coa maior obxectividade, e despois, darlles unha solución dende a racionalidade e a legalidade.

Só dende unha posición de diálogo analítico ilimitado, poderá entenderse o problema do Plan de Transporte Metropolitano, onde o Partido Popular centra toda a súa estratexia de oposición á constitución da AMV. Unha cuestión pouco entendible dende posición apartidarias coma a nosa, cando tras unha longa negociación o concello de Vigo asinou coa Xunta de Galicia un convenio polo que integraba o seu transporte urbano no plan autonómico. U-lo problema? U-la negativa de Vigo a incorporarse ao sistema de transporte da Xunta? Xaora, non é un segredo que neste tema o que se discute é apenas unha interpretación do texto do convenio, cuestión que podería ser dirimida, de non chegar a un acordo, pola doutrina dos tribunais do contencioso. Porén, foi a que levou aos populares a xustificar o seu boicot á constitución da AMV e a emprender unha campaña en contra do seu presidente, cun interese, a todas luces, partidario. Unha interpretación, a dos conservadores, que carga inxustamente sobre a facenda municipal viguesa, e polo tanto sobre todos os seus cidadáns, o custe dos desprazamentos urbanos que a maiores, despois dunha viaxe en vitrasa e o seu transbordo correspondente, puidesen realizar outros cidadáns metropolitanos. Un tema que, atendendo aos intereses xerais e integrado nun plan de mobilidade metropolitana, sería solucionable nos órganos da propia AMV.

Como semella tamén abordable o outro casus belli, o nacido do propio acto de constitución da área, en boa medida viciado despois polo boicot das seis alcaldías do Partido Popular á constitución da Xunta de Goberno. Constitución do goberno metropolitano que non pode nin ser emendada pola vía administrativa nin deslexitimada cando conta co apoio dunha amplísima maioría. Trabúcanse os que demonizan aos seus rivais políticos, como sucede coa figura do alcalde de Vigo e presidente da AMV, a quen os membros do PP fan responsable de todos os males, e ao mesmo tempo expresan a súa vontade de reconducir un proxecto estratéxico, como o da AMV. Tempo haberá para a confrontación electoral dos proxectos municipais de cada unha das forzas políticas.

Non teño dúbida que tal como sucederon os feitos o primeiro xesto no desbloqueo do conflito metropolitano de Vigo corresponde expresalo ao Partido Popular, e ao seu primeiro responsable, o presidente Feijoo, asumindo a súa minoría política actual na AMV, abandonando a súa estratexia de confrontación coas alcaldías metropolitanas do PSOE, BNG e En Marea e ofrecendo a colaboración do Goberno Galego no desenvolvemento da área. Como tamén é imprescindible, como xusta contrapartida, que tras a incorporación das alcaldías populares, os diferentes órganos da AMV, dende a súa Xunta de Goberno ás comisións de traballo, sen menoscabo ao respecto dos principios ideolóxicos e políticos de cadaquén, asuman o reto de acadar os máis altos niveis de consenso nas cuestións estratéxicas da AMV e naqueloutras máis vinculadas aos problemas cotiáns dos cidadáns, dende o plan de transporte e mobilidade (dous temas que deben ir da man), pasando pola xestión de servizos de auga, saneamento, seguridade e protección civil, até os relacionados co emprego, os servizos sociais, sanitarios e culturais.

Acometer este desbloqueo supón un exercicio de responsabilidade política por parte de todas as alcaldías e dos representantes dos diversos grupos municipais presentes na Asemblea da AMV. Uns e outros teñen obriga de asumir que os intereses do medio millón de cidadáns da área, e dos cen mil que se poidan incorporar no futuro, están por riba daqueloutros dos seus partidos.

Onte 1813: a colleita das Fervenzas Literarias 2016

Fervenzas-1024x775

Seguin por twitter ao longo do día de onte o anuncio dos resultados das votacións dos premios Fervenzas Literarias que escolle os mellores libros, iniciativas e persoas máis destacadas de 2016 no eido da literatura e do sector editorial en lingua galega. Non podo máis que agradecer a Nacho Alonso, o promotor desta revista literaria pioneira, a súa teimosía en continuar organizando, xa dende hai unha década, estas votacións nas que participan case medio milleiro de internautas. Referentes no noso calendario literario, os “Fervenzas” abren a rolda de premios anuais á obra editada e sabemos que, en boa medida, sinalan as tendencias das escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo quedamos ben satisfeitos coas escollas destas Fervenzas 2016, tanto polo número moi elevado de finalistas en todas as modalidades, como polas catro títulos considerados como “mellor libro de ano” na modalidade infantil, Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas; na xuvenil, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas, que obtén un dobrete; en poesía, Os fillos da fame de Isaac Ramos; e en ensaio-investigación, Historia das historias de Galicia, obra colectiva dirixida  por Isidro Dubert. Como tamén é unha gran satisfacción que Diego Giráldez fose escollido como “mellor autor do ano“, e que o seu libro de relatos Galería de saldos obtivese a segunda posición na modalidade de Narrativa, detrás d’ A ferida do vento do noso admirado Antón Riveiro Coello. Escollas que amosan o peso importante que dentro do noso sistema comezan a ter os membros da Xeración da Esperanza, como Ledicia, Ismael ou Diego, que está achegando azos renovados a nosa literatura. Unha noticia a celebrar.

Tamén foron ledicias nosas, os premios ás dúas mellores capas do ano, tanto a que obtivo na modalidade de LIX Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, preparada por Andrés Meixide, como a de Galería de saldos, deseñada por Antonio Seijas, na modalidade de adultos. Como foi unha satisfacción que Culturgal fose considerado como “o mellor acontecido de 2016“, como sucedera tamén o ano anterior, o que sei constitúe un aliciente para o equipo dirixido por Xosé Aldea e para todos os setores da industria cultural que animamos á asociación Culturgal. Como tamén, desculpas polo autobombo, constitúe para min unha fachenda que estas Brétemas, a pesar dos doce anos transcorridos, continuasen sendo valoradas nas votacións, a pesar de non ser estritamente un blog literario.

Todos os premiados e todos os finalistas destas Fervenzas 2016, os autores (só foi unha autora premiada, se ben en dúas modalidades), os ilustradores, os tradutores, os críticos, os editores, os blogueiros, os libreiros, os xornalistas, os medios, todos merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega a conformar un espazo de seu para o libro, a lectura e a literatura galega, cada vez máis vizoso, orixinal e diverso. A pesar de vivirmos á intemperie, a excelente colleita destas Fervenzas 2016 expresa a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos.

Campo do Fragoso CXCII

preview_mPACIENCIA

Nun exercicio exemplar de paciencia o Celta de Eduardo Berizzo gañou pola mínima a un excelente Deportivo Alavés de Mauricio Pellegrino. Un gran gol no minuto 89, o primeiro de Nemanja Radoja coa camisola celeste, desbloqueou in extremis un partido moi igualado no que a disciplina dos vascos soubo incomodar moito aos célticos incapaces de superar tan complexo valado defensivo. Un partido onde Iago Aspas cedeu o seu brillo habitual a Wass, Mallo e Radoja, tamén os tres participantes no gol celeste, nacido dunha parede do internacional dinamarqués sobre o lateral de Marín, que dende a dereita centrou raso e potente, como a el máis lle presta, para que o serbio entrase coa pelota no medio da área, amagase, canease, superase a dous defensas e xutase dende o punto de penalti sobre as redes cunha tranquilidade e confianza asombrosas. Un gol soberbio, a guinda que lle faltaba a unha das estrelas máis emerxentes e luminosas do Celta actual.

Gañar o partido requeriu moito traballo. A primeira parte foi bastante sosa, xogada a maior parte arredor do círculo central, un campo de batalla do que o Celta saíu con superioridade en contadas ocasións. Fíxoo grazas á velocidade de Bongonda, capaz de provocar dúas amarelas aos seus defensores, e á afouteza de Aspas que nunha tarde, onde se lle notou un chisco cansado e recibiu unha severísima marcaxe dos seus defensores, dispuxo só de dúas oportunidades de gol, tras senllas asistencias de Daniel Wass, o enganche polo que onte pasou todo o perigo do Celta. Na primeira, apenas comezado o partido, o Mago de Moaña rematou sobre Pacheco. Na segunda, no trinta e oito, nacida tras un espectacular servizo de sesenta metros de Rubén, que Wass lle reenviou de tacón, só puido centrar procurando a presenza dun Guidetti que non chegou.

Tras a pausa, o partido mudou radicalmente cando foi expulsado Fedall, despois dunha dura entrada do central alavés sobre Iago. O Deportivo quedaba en inferioridade numérica, o que obrigou a Pellegrino a montar un grande valado defensivo, mais sen renunciar a accións esporádicas de contraataque. Con este novo escenario, os celestes monologaron coa súa posesión, pero en moi contadas ocasións foron capaces de superar aquel muro. A única oportunidade que lembramos foi unha estragada por Roncaglia, só diante do porteiro, tras un bo servizo de Guidetti, exhausto na súa pelexa a cara de can cos centrais visitantes. Porén, Berizzo non perdeu a paciencia. Fixo entrar na lameira a Jonny e a Rossi procurando intensificar o xogo asociativo polas bandas, procurando atopar dende alí os camiños do gol.

Unha presión celeste ben soportada polos de Pellegrino que se estiraron con moitísimo perigo nun par de oportunidades, sobre todo a protagonizada no 80 polo lateral francés Théo que correu dunha a outra área de forma sensacional, superando aos celestes que se lle puxeron por diante, e cuxo xute despexou de forma providencial Rubén por riba do longueiro. Xaora, foi Hugo Mallo quen mellor viu como furar o valado deportivista dende a dereita. Insistir e insistir era a receita de Berizzo dende a banda. Fíxoo o de Marín no 86 cun xute dende o recanto da área que bateu no poste longo. Recuncando, apenas dous minutos despois, cun centro raso co que Radoja fabricaría o gol da vitoria. No entanto, os visitantes estragaron nos minutos do desconto un saque de falta na media lúa viguesa, o que engadiu ao partido, se non as houbese, doses de emoción até o derradeiro asubío.

Outra vitoria celeste importante, a cuarta no que vai deste xaneiro, que sitúa aos de Berizzo, case no remate da primeira rolda, a carón das posicións europeas. Non cansaremos de expresar a nosa admiración polo devir desta campaña na que o Celta mantén as súas aspiracións nas tres competicións nas que participa.

Onte 1812: Marilar termando da paisaxe galega

C2JBx34UsAAadM2

Foi moi emocionante para nós a cerimonia de ingreso de Marilar Aleixandre na Real Academia Galega. O texto do seu discurso, Voces termando da paisaxe galega, é unha síntese das preocupacións e da ollada da escritora e científica nacida galega en Vigo, na primavera dos caraveis.

Foi o seu un texto para a acción, no que Marilar propuxo unha estratexia de resistencia activa confiada ao valor das palabras, abrazada ao abruñeiro que como a lingua galega resiste nas rúas. Un discurso poético con fonda carga científica que reivindica o papel das mulleres na creación literaria e no valor do feminismo que cuestiona a idelizaciónda paisaxe. Un texto para a esperanza, no que se confía nos programas de educación ambiental dos centros educativos, mais que tamén asume a corresponsabilidade individual e colectiva na defensa de cada unha das paisaxes, tamén as humanas, as da memoria, as esquecidas e agochadas. En definitiva, unha peza memorable que merece unha lectura demorada.

Como tamén merece lerse devagariño a resposta de Fina Casalderrey que retratou de forma moi certeira a esta ovella descarreirada que “decotío sacou os pés do prato”, a “exploradora e aventureira para a que os mapas son material altamente subversivo”.

Beizóns para Marilar por semellante discurso que orgulla a todos os que compartimos con ela afectos dende hai case catro décadas.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1811: A camisola da selección

Camisola_seeccion

A cara de sorpresa de Mariano Rajoy cando recibe de mans de Enda Kenny, o primeiro ministro irlandés, unha camisola da selección galega de fútbol gaélico co seu nome, quedará como unha imaxe para historia. Con certeza que a pesar do seu grande interese pola información deportiva, dificilmente podería agardar Rajoy que a diplomacia irlandesa escollese como agasallo da visita á Moncloa do seu presidente unha camisola da potente selección galega que no Mundial GAA World Games, celebrado o pasado verán en Dublín, obtivo unha excelente clasificación, como gañadora da copa de consolación feminina e como terceiro clasificado na categoría masculina. A sorpresa de Rajoy é comprensible dada a escasa presenza deste deporte,no que Galicia é unha potencia internacional, nos medios informativos españois. Como tamén, probablemente, polo feito de que a Selección Galega de fútbol gaélico é a única do noso país recoñecida de xeito oficial pola súa federación internacional. Un precedente moi a ter en conta. Co seu xesto, Enda Kenny estaba recoñecendo na Moncloa a existencia dun país chamado Galicia, aquel onde naceu Mariano Rajoy. Unha desas coincidencias fortuítas capaces de mover a historia.

Onte 1810: Déficit lector

A presentación onte do magnífico informe da Federación de Gremio de Editores sobre o estado da lectura en España volveu desvelar o importante déficit lector que pexa a nosa sociedade. O 60% das maiores de 14 anos poden ser consideradas como persoas lectoras, o que sería unha porcentaxe elevada se a lectura puidese ser considerada apenas como un hábito do tempo de lecer, como a afección polo fútbol, polo cinema ou a pintura. Porén, na sociedade actual, sometida ao proceso de hibridación dixital, a lectura debe ser concibida como unha competencia que deben posuír todos e todas as cidadás, de todas as idades, dende as máis novas ás maiores, un hábito saudable que a todas as persoas beneficia e que todas implica. A lectura é unha competencia cívica, non só un hábito de lecer ou unha preferencia artística.

Eis a cerna de calquera valoración sobre o déficit lector que arrastramos, ao que non é doado poñer remedio. Un problema grave de cultura pública. Con todo, non deixa de ser unha chiscadela irónica que onte, cando o secretario de estado de Cultura anunciaba a intención do goberno de Rajoy de pór en marcha un plan de lectura, con incidencia especial sobre o sistema educativo e as bibliotecas públicas, celebrásemos en Galicia o décimo aniversario da publicación da Lei do Libro e da lectura de Galicia, un texto normativo excelente, plenamente actual, máis nunca desenvolto polos gobernos de Feijoo, coa excepción do excelente programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación. Xaora, benvidos sexan os bos propósitos de promover a revolución lectora que tanto precisamos. Sen lectura para todas, sen lectura en todos os formatos e soportes, dificilmente poderemos falar dunha sociedade en liberdade e igualdade.

A exposición do Vindel

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a exposición prevista en Vigo do pergamiño Vindel.

1280px-Martim_Codax_Cantigas_de_Amigo

Este ano 2017 debería ser o do regreso do Pergamiño Vindel a Galicia, despois de corenta anos na cámara acoirazada da Pierpont Morgan Library de Nova York, rexistrado como documento M979 e só dispoñible para investigadores. Tras a proposta da viguesa asociación cultural Pertenza, a profesora Camiño Noia, en representación da Universidade de Vigo, xestionou co museo novaiorquino a cesión temporal do Vindel e asumiu a responsabilidade de expoñer en Vigo, no marco dun programa de actividades académicas, a que é a peza máis valiosa do patrimonio bibliográfico da literatura galega. Un pergamiño de 34 cm de longo e 46 de largo, datado na segunda metade do século XIII, atopado hai un século no forro dun códice do século XIV nunha obra de Cicerón polo libreiro madrileño Pedro Vindel, que contén disposto a catro columnas o texto das sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, acompañadas dos pentagramas musicais de seis delas.

Anunciada a pasada primavera, baixo o título “Os tesouros da cidade”, a exposición do Vindel estaría aberta no museo Marco de Príncipe de 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018, froito da colaboración entre a Universidade o Concello de Vigo. Porén, como non é estraño na nosa cidade revolcada, parece que existen problemas para pechar o acordo económico entre ambas as dúas institucións, como recoñeceu o alcalde Caballero na entrevista do pasado domingo en “Faro de Vigo”. O que é, inevitable, provoca preocupación diante da posibilidade de que a cidadanía viguesa (sobre todo os escolares e as xeracións máis novas) perda a experiencia única de coñecer ao vivo unha das máis valiosas alfaias viguesas, o orixinal da primeira peza do seu patrimonio bibliográfico

O Pergamiño Vindel non é unha peza calquera do patrimonio galego. É, sen dúbida, a trabe de ouro para entender o celme da historia de Vigo e a súa identidade milenaria como abella da ribeira. A existencia do Vindel abala a teoría defendida por Álvaro Cunqueiro de que Vigo foi unha cidade fundada por un poeta, aquel Martín Codax “que bailaba no sagrado de Vigo” e “via a súa amiga bañarse nas ondas”. Un pergamiño que, para Xosé María Álvarez Blázquez, o autor de “Vigo. A cidade e os días” e cronista oficial da cidade de 1976 a 1985, demostra que o trobeiro Martín Codax é “o vigués máis universal de todos os tempos”, tendo Vigo o privilexio de ser coñecida no mundo pola graza dun poeta “para quen a súa vila natal era cifra e suma de todos os seus amores”, facendo da terra nosa vértice da espiritualidade peninsular. Dúas testemuñas, as de don Álvaro e don Xosé María, que debuxan con claridade o triángulo único formado por Vigo e a súa ría, co poeta Martín Códax e as súas cantigas musicadas recollidas no Vindel.

Un pergamiño que dende a súa descuberta fortuita hai un século, foi cobizado por musicólogos, bibliófilos e filólogos como unha das xoias da literatura medieval, que transcende con moito o seu valor económico, por importante que este sexa. O Vindel é unha peza de enorme importancia para a literatura galega xa que, como sinala Xesús Alonso Montero, actual presidente da Real Academia Galega, constitúe “a proba documental de que as cantigas de tema profano existiron e funcionaron como tales cantigas”. Máis aínda cando até o seu descubrimento en 1914 os máis eruditos coñecían só as “Cantigas de Santa María”, un corpus literario e musical de temática mariana elaborado no século XIII na corte de Afonso X O Sabio. Sen esquecer, tampouco, que houbo que agardar até 1990 para atopar unha peza semellante, tras a descuberta en Lisboa polo profesor Harvey L. Sharrer dun pergamiño que contén a música de sete fragmentos de cantigas de amor de don Denís rei poeta de Portugal.

Por moi escasos que sexan os recursos destinados en Vigo á programación cultural, paréceme difícil comprender que entre todas as administracións que operan sobre a nosa área (Concello, Área Metropolitana, Deputación, Xunta, Autoridade Portuaria, Zona Franca, Axencia Europea de Pesca), as fundacións das entidades financeiras e mesmo as máis importantes empresas instaladas na cidade, non poidan achegar entre todas elas os 400.000 euros necesarios para poder abrir a exposición do Pergamiño Vindel nunha instalación municipal, sexa o Marco ou a Casa das Artes. A do Vindel non é unha exposición calquera para unha cidade nacida do gromo que sementou o poeta Martín Codax. Acadar un amplo acordo interinstitucional público e privado para celebrar o regreso do Vindel é un esforzo que pagaría moito a pena intentar.