Aniversarios 2024

Dedico o primeiro artigo do ano en Faro de Vigo aos aniversarios (sequiscentenarios e centenarios) vigueses deste 2024:

Nunha cidade unha miga esquecediza como Vigo non estraña a inexistencia de iniciativa institucional ningunha que neste Nadal lembrase o cincuenta cabodano de Urbano Lugrís, falecido en Vigo na noiteboa de 1973, un recordo ao noso pintor oceánico, autor dalgunhas das obras que mellor representan a fronteira da auga e o horizonte vigueses, como «Vista de Vigo» (1953), «Alegoría de Vigo» (1955) ou «Misterios do mar» (1953), entre outras. Como tampouco sorprendeu a escasa transcendencia que na rúa tivo o centenario do Celta de Vigo, salvado pola xenialidade do himno de C. Tangana e pola vontade orgullosa do celtismo que se reuniu pola súa conta na tarde do 23 de agosto ao pé de Balaídos para celebralo cos clásicos celtistas de Keltoi. Centenario que, por ventura, si foi celebrado como merecía Carlos Oroza, o poeta vigués peripatético lembrado no concerto «Nos queda la palabra» de Paco Ibáñez no Auditorio Mar de Vigo, nunha exposición itinerante por Galicia e pola edición do libro coral Oroza 100 (Editorial Elvira, 2023), iniciativas todas organizadas pola dinámica asociación Évame-Oroza, amosando que no Vigo actual tamén hai público numeroso para celebrar as artes e as letras.

Xaora, co novo ano non deberían esquecerse varios centenarios vigueses a lembrar en 2024. Son os casos das cesións ao pobo de Vigo de dous espazos emblemáticos de lecer, a do Monte do Castro, que o 24 de maio de 1924 fixo o exército, e a do pazo e parque de Castrelos, que o 12 de decembro escriturou o Marqués de Alcedo, que fixo constar que en diante se chamaría «Quiñones de León». Centenario, tamén, da apertura o 26 de outubro da Panificadora, dende entón a nosa catedral laica, arruinándose dende hai máis de catro décadas no outeiro do Campo de Granada, un moderno edificio industrial de catro grandes silos, obra do arquitecto Manuel Gómez Román e do enxeñeiro Otto Werner, dedicado á fabricación de pan e moenda de cereais. Como centenarios tamén de dúas chegadas artísticas que serían relevantes para o Vigo contemporáneo, a dos irmáns Eloy e Osmundo Hernández, que instalaron o seu obradoiro de ourivaría na Porta do Sol, trasladado en 1926 á rúa Príncipe; e da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson que o 7 de agosto desembarcou en Vigo, acompañada do seu pai, co propósito de documentar a vida cotián da poboación galega.

Aniversarios que se alongamos a memoria aos sequiscentenarios, atopamos o do primeiro deseño do xardín occidental da Alameda, realizado probablemente polo arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero, que concluiría os traballos de enreixado cun peche de ferro unha década despois, cun deseño interior semellante ao que hoxe coñecemos. Como foi naquel 1874 na que se abriu a rúa do Desengano (hoxe Carral) para unir as instalacións portuarias da Laxe coa porta do Sol, cando naceron dous vigueses merecedores de ser lembrados como distinguidos: o arquitecto Antonio Palacios (Porriño 8 de xaneiro), a quen o concello de Madrid dedicará o 2024 como «Ano Palacios»; e o xornalista, escritor e editor Jaime Solá Mestre (11 de setembro), creador e director da revista Vida Gallega (1909), a primeira publicación gráfica da historia da cidade, da que foi director artístico o fotógrafo e cineasta Xosé Gil, e na que publicaron centos de fotografías Jaime Pacheco e Ksado e na que o propio Castelao incluíu as súas ilustracións.

Aniversarios vigueses que fan deste 2024 recén iniciado o ano dos nosos tres primeiros xardíns históricos, Alameda, Castro e Castrelos, aos que se engadiría despois o do parque da Guía, tras a construción da ermida da Nosa Señora (1951), obra de Manuel Gómez Román. Unha oportunidade para dedicarlle atención preferente a súa conservación integral, nalgúns casos, como o da Alameda, seriamente ameazada pola saturación á que cada ano a somete o mercado de Nadal durante dous meses. Como 2024 debería ser, por fin, despois de tantas promesas e proxectos de papel, o ano da recuperación efectiva da Panificadora para usos de carácter cultural, educativo e sociocomunitario. Como 2024 podería ser unha oportunidade para dar a coñecer o legado urbanístico de Antonio Palacios, nunha gran exposición do proxecto daquel Vigo metropolitano que puido ser e non foi. Mostras que se poderían ampliar á que dende hai tempo se lle debe ás tres xeracións de ourives Hernández, que acuñaron un xeito vigués de xoiería que representa a modernidade e cosmopolitismo da cidade. Sen menoscabo da exposición dedicada á fotografía de Vida gallega, un manantío de memoria estudado por Roberto Ribao, ou a escolma de pezas viguesas do fondo de Ruth Matilda Anserson, que con seguridade concitaría amplo interese. Aniversarios para tirar do fío da memoria dun Vigo que no pasado enxerga o porvir na liña do horizonte. Por un 2024 para recordar!

 

 

Astérix galego

Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar asinan unha tradución memorable d’ O lirio branco (Xerais 2023), a novidade de Astérix, á cuadraxésima da serie, aparecida o 26 de outubro de forma simultánea en vinte linguas, cunha tirada de 5 millóns de exemplares. Versión galega que superou o método tradicional, obrigado dende 1967 polos propietarios dos dereitos (Hachette Livre, a partir de 2008), consistente en traducir unha primeira versión e a partir dela facer outra francesa, o que obriga a andar cos pés no aire en cuestións como a calidade dos chistes ou a fidelidade dos xogos de palabras que decote agochan os nomes de personaxes e lugares. Procedemento aproveitado como oportunidade polo equipo da tradución galega (responsable tamén da castelá) para despregar a riqueza toda da nosa fala popular, con agarimo preferente ao emprego da súa fraseoloxía, e mesmo para realizar algún emotivo cameo, como o de Fuxan os Ventos con motivo do seu cincuenta aniversario. Décimo oitavo título do catálogo Astérix de Xerais, que desde hai unha década asumiu a edición tanto das novidades como o proxecto de recuperación da totalidade da serie. Un Astérix galego, lembremos, iniciado en 1976 polo selo Mas Ivars, grazas a mediación da coruñesa Libraría Arenas e as traducións de Eduardo Blanco Amor, que en dous anos asinou as sete primeiras entregas en galego; publicación que continuaría, entre 1992 e 1998, Galaxia en coedición con Grijalbo, abrindo despois a ausencia dunha década que provocou as iniciativas da Mesa Pola Normalización Lingüística e de Bieito Lobeira no Parlamento de Galicia, reclamando a súa publicación como exercicio dos dereitos lingüísticos do lectorado galego. A normalización actual da edición do Astérix galego, tanto pola calidade das súas versións como da participación nos seus lanzamentos mundiais, amosa a madurez do sector editorial galego e o incremento do peso do seu lectorado. Un éxito da nosa lingua e edición que debemos celebrar. Están tolos, estes galegos!

Publicado en Nós diario: 27/12/2023

Estelas 1953

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás estelas romanas atopadas o 18 de marzo de 1953 na rúa Pontevedra:

Entre os aniversarios vigueses deste ano que remata non deberían pasar desapercibidos os setenta anos que se fixeron o pasado 18 de marzo da descuberta dunha extraordinaria colección de estelas funerarias e aras romanas na rúa Pontevedra. Un achado que deu lugar a apertura da sala de arqueoloxía do Museo de Castrelos e modificou a historiografía da cidade viguesa xa que corroboraba a hipótese, formulada xa por Nicolás Taboada Leal en 1840, da existencia dun importante xacemento romano na zona do Areal, e desmentía ademais o tópico acuñado por Manuel Murguía no segundo tomo da súa Historia de Galicia (Soto Freire 1866) onde Vigo aparece apenas como unha paisaxe,  un «precioso golfo (ou ría)», «cidade de fortuna engolfada no seu tráfico, que nada garda entre os seus breves muros para o anticuario ou historiador», en definitiva, unha poboación sen historia. Prexuízo, propio dunha historiografía romántica, que callou durante décadas na propia cidadanía viguesa e funcionou como un factor que contribuíu a desenvolver o mito de Vigo como urbe única en Europa polo seu crecemento demográfico, industrial e urbanístico espectacular en apenas un século, sendo este progreso, incrementando dende 1875, unha das compoñentes principais da súa identidade.

Vinte e tres estelas e unha ara, que conforman un conxunto epigráfico e artístico de referencia no noroeste peninsular, catalogadas por Xosé María Álvarez Blázquez, entón comisario local de escavacións, que un ano antes xa iniciara os primeiros traballos científicos no monte do Castro que descubrirían o gran oppidum castrexo de Vigo, un dos máis extensos e evolucionados de Galicia. Actuacións arqueolóxicas pioneiras, nas que don Xosé María contou coa axuda de Ángel Illari, continuadas a partir de 1981 polas diversas campañas organizadas polo propio Museo de Castrelos na illa de Toralla e dende 1991 en diversas intervencións no Casco Vello, na actual rúa Rosalía de Castro e Marqués de Valadares, que amosarían as inequívocas orixes romanas de Vigo e a importancia da súa actividade residencial, agraria, industrial, comercial e portuaria dende canto menos o século I ao Vº e VIª nas factorías de salga de peixe  e garum e nas salinas localizadas na ría dende Toralla e Alcabre ao Areal. Atopadas de forma fortuíta a dous metros e medio de profundidade, cando uns obreiros escavaban os alicerces dun edificio, segundo a conversa entre os arqueólogos Pedro Díaz e Xosé María Álvarez Blázquez, publicada por  Faro de Vigo o 21 de marzo de 1953, a maioría en excelente estado de conservación, deitadas coa labra cara abaixo formando un paso para salvar un regato, pertencían a unha necrópole de inhumación de cidadáns destacados, situada probablemente, como era adoito nas poboacións romanas, ás portas da cidade.

Divididas en tres partes, a inferior chantábase na cabeceira das tumbas, a central decote reproducía un texto (rematado coa frase sit tibi terra levis) ou unha imaxe sobre a defunta e a superior, xeralmente de forma semicircular, reproducía un motivo ornamental. Así, nestas auténticas alfaias pétreas da arqueoloxía funeraria galega, datadas polos expertos entre os séculos IIIº e IVº, reproducidas nunha chocante escenografía no limiar da exposición «Vigo no tempo»,  sobrancea a presenza nas partes superiores de motivos gráficos astrais, soles, estrelas e lúas propios do vello universo de mitos procedentes do oppidum castrexo do Castro. Sen menoscabo, da que nalgunhas partes centrais desenvolven grafismos do culto ao deus Baco e o sátiro Dionisos, unha ofrenda familiar na ara ou cipo dedicado ao falecido ou a máis sorprendente que representa unha toga cun tecido a base de forman ondulantes en zigzag, vinculados ao papel simbólico da auga como fronteira de mundos.

Polas inscricións latinas das estelas sabemos da incorporación no Vigo romano dun importante colectivo de inmigrantes procedentes de Clunia, a actual Coruña del Conde, en Burgos, chegados, probablemente, para fuxir das invasións bárbaras ou para desenvolver unha actividade comercial. Integración cultural no ambiente galaicorromano plasmada en tres das pezas pertencentes á mesma familia emigrante cluniacense, a de Quinto Arrio, a súa primeira muller  Valeria Alla e a súa nai Attilia Ammio. Como para o cronista Ceferino de Blas grazas ao texto doutra das estelas sabemos que un romano vigués destacado do século IVº foi Cayo Licinio Floro, representante dunha sociedade punxente, asentada nos momentos finais do imperio, inmersa xa por completo nos usos e costumes do mundo romano. Estelas de conexión co pasado, como  a gran cantidade de restos romanos achados nos últimos setenta anos, que amosan a potencia do Vigo latino, a segunda cidade romana de Galicia, que durante tantos séculos permaneceu oculto.

 

Móbiles na escola

O anuncio da prohibición dos móbiles nos centros escolares realizado por Alfonso Rueda chega tarde, cando o debate sobre o seu uso fóra das aulas, promovido por un grupo de familias, foi incorporado xa a axenda electoral. Unha polémica complexa para a que se pretende unha saída simple e restritiva, sen ter en conta nin a necesaria adaptación da medida a cada unha das etapas educativas nin as posibilidades dos centros de facela efectiva nin sequera en contar coa seguridade xurídica á hora de requisar aparellos ou aplicar sancións. Debate que afecta a toda a comunidade educativa, con especial incidencia ao papel das familias que, non nos enganemos, proporcionan acceso ao uso e a propiedade dos móbiles dende idades moi temperás, nalgúns casos case dende o berce. Emprego que debe formar parte tanto das estratexias de alfabetización dixital, como instrumento de aprendizaxe e comunicación, como de educación e benestar emocional e mesmo de educación afectiva e sexual. Unha controversia que xa debería ter sido abordada polo Consello Escolar de Galicia, como órgano superior de consulta e participación de todos os sectores educativos, xa que esta regulación restritiva afecta ao alumnado e ao persoal docente e non docente, como debería servir para regular tamén cuestións relacionadas co uso nos centros doutros dispositivos dixitais e pantallas (reloxos, consolas, tablets e computadoras), co emprego das imaxes do alumnado que se fan e publican nos perfís das redes sociais dos centros ou mesmo o uso dos grupos de WhatsApp que fan familias e o propio alumnado. A proximidade da inminente convocatoria electoral non debería interferir na abordaxe de todas estas cuestións por parte das comunidades educativas nin tampouco a desprazar o foco de atención sobre os problemas da rede escolar pública galega nin as xustas reclamacións sindicais de diminución de ratios e incremento de dotación de profesorado e recursos. Na escola galega non abonda con prohibir o uso dos móbiles no recreo.

Publicado en Nós diario: 20/12/2023

Nadaliñas de luz propia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a algunhas nadaliñas viguesas:

Álvaro Álvarez Blázquez, o editor vigués  de Serigrafía Galega, proxecto que celebramos na exposición «Tintas galegas» (Casa das Artes, 2003), amosoume as nadaliñas deseñadas para a súa empresa por Urbano Lugrís con esta técnica artesanal de estampaxe. Certo é que estes encargos, como as viñetas e portadas que lle pedía Víctor de las Heras para o Anuario de Vigo, ou os anuncios solicitados por Paz Andrade para Pescanova, axudaban ao noso pintor do mar a sobrevivir nos seus derradeiros (e difíciles) anos vigueses. Como tamén certo foi que Lugrís non aforraba o seu talento gráfico e pulso de miniaturista na creación destes nacementos, gaiteiros e outros motivos oceánicos de papel, nos que, se facía falta, completaba coa escrita duns versos natalicios. Ao seu xeito, Lugrís inseríase con este repertorio da artesanía dos agarimos, na tradición de resistencia galeguista de intercambiar os mellores votos do Nadal con versos dalgunha panxoliña da tradición popular, ou noutros casos de corte laico, social e mesmo político, con textos que ao seren destinados ao correo privado non estaban suxeitos aos rigores da censura.

Nadaliñas de luz propia como a que este ano comparte o Instituto de Estudios Vigueses recuperando oportunamente a imaxe da Epifanía do Tímpano da Colexiata do século XV, para o cronista Ceferino de Blas, a nosa primeira nadaliña pétrea e alicerce da tradición natalicia viguesa. Esculpido sobre o primitivo templo románico da igrexa parroquial de Santa María en estilo gótico-tardío (1403), ou «mariñeiro galego», con planta de tres naves, cuberta de madeira e unha soa torre, o baixorrelevo de formato semicircular e de dous metros sesenta de longo está dividido en dúas áreas desiguais, que representan dúas escenas marianas, a máis pequena a da Anunciación e a maior, a Adoración dos Reis Magos. Tras o derrubamento do templo románico en 1813, xa moi deteriorado, salváronse algúns elementos da súa decoración tanto interior como exterior, entre eles este tímpano que coroaba a porta principal e que durante anos estivo decorando unha fonte no xardín da casa de Antonio Mora nas proximidades da Porta do Sol, até que a cedeu en 1897 ao Museo de Pontevedra onde se conserva. Icona viguesa da que en 2017 foi colocada unha copia exacta (en canto as dimensións) labrada na Escola de Canteiros de Pontevedra nunha parede lateral da colexiata.

Nadaliñas viguesas de luz propia como as pinturas murais da igrexa románica de Santa María de Castrelos (1216), ocultas até hai oitenta anos, que representan tamén a Epifanía, e nas que a pesar do seu estado precario poden identificarse as figuras da sagrada familia e dos reis, vestidos ao xeito da época (século XV). Como Nadaliña artística viguesa primeira, probablemente tamén a máis valiosa, é a talla de madeira dourada e policromada, cunhas medidas de 85 cm alto por 81 de largo, pertencente ao retablo do altar maior da igrexa románica de Santa María de Vigo, coñecida como «Adoración dos Pastores», extraordinario altorrelevo de 1681 do escultor redondelán Domingo Martínez, autor tamén dos retablos da colexiata viguesa de 1684 e 1696. Presente na exposición «Vigo no tempo» e conservada no Museo diocesano de Tui, este fragmento do nacemento no portal de Belén, ademais da presenza dos anxos no paraíso, ten as singularidades da representación dunha árbore (quizais unha oliveira) e do protagonismo dos músicos oferentes, entre eles o gaiteiro galego, acompañado da pandeireteira e outros pegureiros, envolvendo a escena así dun clima de celebración popular.

Presenza do gaiteiro nesta singular nadaliña escultórica, oficio e arte do que xa temos noticia en 1566 cando aparece nos libros da colexiata o nome de Joan da Val, con motivo do bautismo do seu fillo, o considerado primeiro gaiteiro vigués. Referencias á importancia dos gaiteiros nosos que se repiten ao longo do século XVII cando eran contratados polas confrarías de mareantes (que tiña dereito de tenteo), alfaiates, carpinteiros ou zapateiros para que tocasen o seu instrumento de gaita e dar tamboril para as catro festas anuais e as súas vésperas, o que debe incluír as de Nadal e Epifanía, como vodas e charangas. Nadaliña musical viguesa actualizada catro séculos despois por Carlos Núñez, o noso primeiro gaiteiro, co seu tradicional concerto de Nadal no teatro García Barbón, seráns que este ano celebrará o 22 e 23 de decembro, nos que estreará os temas da súa marabillosa suite celta creada para Brittany Ferries. Outra nadaliña de luz propia dunha cidade que a pesar da antipática hipérbole do lucerío de millóns de leds non desiste en celebrar o seu nadal tradicional de rondallas e ranchos de Reis e Manueles, o xeito noso de compartir azos, esperanzas e a continuidade da vida. Por un nadal saudoso e que veña mellor 2024!

«A vista de Vigo» de Lugrís

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a figura de Urbano Lugrís do que o 23 de decembro fanse cincuenta anos do seu pasamento en Vigo:

A peza máis fotografada da exposición «Vigo no tempo» é a «Vista de Vigo», un mural de case cinco metros de largo que Urbano Lugrís pintou nas paredes do Gran Hotel de Vigo, a obra máis destacada do arquitecto Michel Pacewicz, construída na Porta do Sol entre 1897 e 1902. Unha vista de Vigo que o pintor coruñés das mans grandes concibiu como se fose o decorado dun teatro, no que co pano recollido aparece o perfil da cidade e un horizonte moi amplo e cargado de cor. Un Vigo entre a realidade e a fantasía, entre a aventura mítica e unha evocación onírica, no que se identifica o anfiteatro urbano presidido pola fortaleza do Castro. Un Vigo aínda amurallado, e polo tanto anterior a 1860, no que destacan a torre da Colexiata, as baterías defensivas da Laxe e da Pedra, como o convento de San Francisco sobre o Berbés, diante da praia de Coia. Unha vista tomada dende o mar, onde emerxen xerfas ordenadas en horizontal (outro dos padróns vigueses máis antigos, presente nalgunha das estelas romanas do Areal) e as colas de dous monstros mariños (que poden ser considerados precedentes do actual sireno). Unha ría viguesa na que un mariñeiro bota as redes e un galeón desprega o velame enfilando a súa derrota cara as Cíes, onde as gaivotas se refuxian da treboada.

Unha peza artística extraordinaria, outra icona viguesa, cuxa orixe remóntase a 1947 cando o produtor cinematográfico Cesáreo González mercou o vello Hotel Moderno e renovou todas as súas instalacións, incluídos os salóns e a sala de festas Grímpola, con grandes murais de temática galega encargados a dous dos pintores galegos do momento, Urbano Lugrís e Manuel Colmeiro. O pintor coruñés de grandes mans de miniaturista, fundador da revista Atlántida, pintou cinco murais, esta «Vista de Vigo», «Romaría», «Mapa de Galicia», «San Telmo» e «Os misterios do mar». Mentres o pintor de Chapa, daquela residente en París, fixo catro, correspondendo a cada unha das estacións do ano. Pezas todas que conformaron 80,91 metros de pintura mural, o que causou admiración cando o edificio foi inaugurado en 1953 como Gran Hotel cunha festa memorable na que dende Madrid chegaron as actrices de moda. Secasí, cando pechou o hotel (1977) coa intención de que o arquitecto Bar Boo o transformase en edificio de apartamentos e oficinas (tal como hoxe o coñecemos e como inicialmente fora concibido), os nove murais correron serio risco de desaparición, como sucedería con outras obras da pintura pública lugrisiana.

Sendo alcalde Joaquín García Picher, o concello de Vigo acudiu ao rescate dos murais e contratou a Jerónimo Escalera do Instituto de Conservación e Restauración de Madrid que, utilizando a técnica do «arrinque strappo», en novembro de 1977 pasou a cadros, que quedaron almacenados no concello. Habería que agardar a que 1991, se iniciase un lento proceso de restauración, quedando finalmente «Vista de Vigo» e «Romaría» de Lugrís e «A primavera» de Colmeiro na colección de arte da Caixa de Aforros de Vigo (hoxe Afundación), e o resto na colección  do Concello, instalándose o «Mapa de Galicia» e «Os misterios do mar» de Lugrís nas escaleiras do Museo de Castrelos, e os tres de Colmeiro na planta baixa da casa do concello. Operación municipal de rescate que, tras a celebración en 2008 do centenario do nacemento do coruñés coa exposición «Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fingal», continuou en 2017 cunha nova restauración dos murais lugrisianos de Castrelos.

A celebración o vindeiro 23 de decembro do cincuenta cabodano do pintor que morreu no Hospital Municipal de Vigo nos brazos do seu amigo o libreiro Antón Patiño Regueira é un acontecemento que merece a maior atención na axenda cultural viguesa. Un artista que en 1964 volvera definitivamente a Vigo, cidade oceánica atlántica que bautizou como Xouba City, onde se instalara de 1942 a 1948 coa súa dona e na que nacerá o seu fillo, en anos difíciles de resistencia e de explosión de creatividade, nos que formou parte das tertulias artísticas do Alameda e do Café tropical, e no que fixo a importante exposición no Casino, onde presentou a «Habitación do vello mariñeiro» (1946), a súa obra mestra, que decontado pasou a formar parte dos fondos do Museo de Castrelos. Vigo, que comparte coa Coruña o carácter de cidade lugrisiana, debe recuperar o itinerario pintor Lugrís, con estacións en Doutor Cadaval 1 (estudio e vivenda), libraría Librouro, taberna Elixio, bar Chabolas ou outras tascas populares como a Guinda da rúa Real ou o Quiosco das Almas Perdidas onde se refuxiaba cada noite a acubillar a súa soidade iluminando as mesas cos seus debuxos que serían borrados horas despois. Apenas unha homenaxe da cidade do mar na que collía o tranvía cara a Baiona para contemplar a violencia do océano enxergando as illas Cíes, que o seu amigo Pedro Díaz bautizou como illas de Lugrís.

Máquinas Refrey

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á empresa Refrey de máquinas de coser e a súa achega ao emprendemento industrial de Vigo:

A factoría romana de salgadura e garum (mollo) do século I, soterrada no soar da actual rúa Marqués de Valadares 39-41, cuxa actividade os arqueólogos estiman se mantivo até o século IV, é moi probablemente a fábrica viguesa máis antiga. Unha primeira luz industrial, marítima e pesqueira no Vigo romano que dende o Areal mantiña comercio marítimo con outros portos do Mediterráneo. Actividades recuperadas timidamente no porto da vila de Vigo, mais moi robustecidas tras o seu recoñecemento como cidade (1810) e a acumulación de capital da primeira burguesía de industriais e fomentadores, que transformaron radicalmente a trama urbana viguesa ao longo do século XIX. Un Vigo industrial onde Víctor Curbera en 1861 abriu a primeira fábrica de conservas herméticas da ría e onde dous anos despois Antonio Sanjurjo Badía fundou La Industriosa, taller de fundición no Areal, onde en 1868 montará a primeira máquina de vapor e en 1875 a primeira locomotora. Un Vigo xa netamente fabril que hai cen anos ocupaba a máis de cinco mil persoas, a maior parte mulleres, na industria conserveira e outras tantas nos dezaseis estaleiros da ría que comezaron a ensaiar cos seus guindastres a característica caligrafía da nosa liña do ceo.

Coa intención de indagar nesa trama industrial da identidade viguesa na exposición «Vigo no tempo» (VT) escollemos varias pezas senlleiras, dende un gran óleo de Manuel Moldes de máis de dous metros de largo (representación onírica do «Vigo traballa», 1986) e unha fermosa litografía sobre cristal de La Sociedad La Artística, pasando por un reloxo de fichar da conserveira Albo e un enorme lavabo de mans de 1926, utilizado polas empregadas da conserveira Massó, e unha fotografía da liña de fabricación do Citroën 2C AZU, até unha máquina de coser Refrey, modelo CL 317 (Ca. 1955), procedente da Escola Municipal de Artes e Oficios, peza que para nós representa quizais mellor ca ningunha outra tanto a diversidade do emprendemento industrial e fabril vigués como a achega decisiva das obreiras e costureiras viguesas durante varias décadas do século XX. Unha máquina de coser, conservada sobre mesa de madeira nobre, como tantas outras aínda existentes nas casas das nosas nais ou avoas, coas que elas nas décadas dos cincuenta, sesenta e setenta en horas interminables e moi avanzadas de costura tanto axudaron a sacar adiante as súas familias numerosas.

Ben se sabe en Vigo que Refrey foi unha industria moi singular, nacida en Bouzas a partir de Construcciones Navales P. Freire, o estaleiro fundado por Paulino Freire Piñeiro en 1895, coa intención de reparar e construír os pesqueiros da súa propia armadora, que hoxe felizmente continúa a súa actividade produtiva tras catro xeracións en mans da mesma e ampla familia. Foi Manuel Ramón Freire Gestoso, neto de Paulino, quen se ocupou de dirixir o proxecto bautizado como Refrey (o apelido Freire ao revés), tras obter en xuño de 1943 a patente para fabricar unha máquina de coser universal e en zig-zag con lanzadeira rotativa. Tras a exitosa presentación do prototipo na Exposición Industrial de Galicia (1944), catro anos despois comezaron a venderse as primeiras  Refrey fabricadas na planta de Bouzas por 200 obreiros, onde se fundían en ferro a carcasa de cada peza e se fabricaban e montaban todos os compoñentes mecánicos. Un lanzamento moi afortunado, dunhas máquinas de calidade e prezo accesible para uso doméstico, que contaba cunha importante rede comercial en toda España (que se chegou a ampliar a Chile e Venezuela), das que chegaron a venderse trinta mil nun mesmo ano, que competían coas marcas vascas, Alfa e Sigma. A finais dos cincuenta, Refrey comezou a fabricar máquinas industriais, obtendo un liderado indiscutible neste sector (unha cota de mercado do 60% nos anos 70), colaborando especialmente con empresas téxtiles como a redondelá Regojo, a produtora das icónicas camisas Dalí, onde se probaron moitas das súas innovacións técnicas.

No marco da profunda crise industrial dos oitenta, que afectou na área metropolitana de Vigo a case todos os sectores fabrís, dende o naval e a conserva ao da louza, mais tamén ao téxtil (non esquezamos que a factoría de Regojo pechou en 1987), a familia Freire decidiu en 1992 abandonar a actividade e vender o soar que ocupaba Refrey no centro de Bouzas. O proxecto foi continuado polos traballadores que constituídos en Sociedade Anónima Laboral en 1996 montaron en Mos Marcofrey, mágoa que dez anos despois se verían obrigados a pechar por falta de vendas. Unha historia a de Refrey con final amargo, sen a que non se podería entender nin o actual desenvolvemento da industria téxtil en Galicia nin a propia memoria emocional viguesa, onde estas máquinas de coser representan un tempo de precariedade e de resistencia feminina.

 

Medios públicos

Os participantes no debate sobre Medios públicos na xornada «IIº Tecendo xornalismo», organizada pola Fundación Luzes, coincidiron na necesidade de que estes medios conten cun «consello de informativos» ou «consello de redacción» como garante dunha información independente, honesta e de calidade. Os tres xornalistas galegos, Xabier Fortes, presentador de La noche 24 horas (TVE), Daniel Álvarez, director de informativos de Radio Euskadi e Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, coincidiron tamén en denunciar a anormalidade que supón que a CRTVG careza deste instrumento –a pesar de que exista noutras corporacións (tanto RTVE e EITB como CCMA) e de que fose recoñecido pola Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galicia–, o que evitaría a vergonzosa manipulación informativa da TVG e RG a cargo do Partido Popular. Unha anomalía denunciada dende hai 257 semanas (si: cinco anos e medio!) por Defende A Galega, iniciativa dun grupo de traballadoras da CRTVG que demanda cada venres (negro) apenas o cumprimento da Lei 9/2011: a existencia dun Estatuto Profesional, a constitución do «Consello de Informativos» e a elección polo Parlamento Galego por unha maioría de 2/3 do director xeral e por un período de cinco anos, (cando o actual foi nomeado hai catorce anos por Feijoo). Recuperar a dignidade, a independencia e o pluralismo para a CRTVG, sen esquecer os seus principios fundacionais, entre eles a promoción e a difusión da cultura e a lingua galega, como a defensa da identidade galega, son cuestións políticas esenciais merecedoras de ser incorporadas de forma preferente na axenda pública galega. Normalizar o funcionamento anómalo da CRTVG, mais aínda cando se moven os seus marcos fundacionais, é imprescindible tanto para atender as xustas reclamacións dos profesionais da compañía como para respectar a propia audiencia (a cidadanía galega) que ten dereito a acceder a unha información en galego veraz, neutral e de calidade no marco dunha opinión pública plural.

Publicado en Nós diario: 22/11/2023

O Vigo primeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a algunhas das pezas da exposición «Vigo no tempo»:

Nas visitas guiadas á exposición «Vigo no tempo» (VT) entre as fontes documentais varias pezas chaman moito a atención das visitantes: o primeiro documento onde aparece citado Vigo (1097), procedente do Arquivo Histórico Nacional de Madrid, Tombo I de Melón; o primeiro plano da vila de Vigo (1597), procedente do Arquivo Xeral de Simancas; e a concesión outorgada por Fernando VII do título de «cidade nobre, leal, fiel e valorosa» a favor de Vigo (1810), procedente do Arquivo Municipal de Vigo. Documentos orixinais nos que a veciñanza viguesa máis curiosa pode indagar no celme da súa identidade, tres pezas que funcionan como chaves explicativas doutros tantos momentos decisivos da súa historia. O de 1097, a constitución da vila e o despregue intenso da poboación na ría e no Val do Fragoso do século XI en diante, como amosa a extensa rede de igrexas románicas (presente no apartado do «Miradoiro»). O de cinco séculos despois,  a necesidade de amurallar a vila para defendela durante a Idade Moderna dos ataques que chegaban polo mar. E o de 1810, confirmado con outro posterior de 1819, ambos os dous asinados polo rei felón, o comezo da maioría de idade de Vigo como cidade e a súa consciencia colectiva de constituírse como tal.

O datado o 9 de agosto de 1097 trátase dun pequeno pergameo manuscrito en latín transcrito íntegro por José de Santiago Gómez na súa Historia de Vigo y su comarca (1896), e citado despois por Xosé María Álvarez Blázquez en A cidade e os días (1960), que constitúe o documento máis antigo que se coñece referido a Vigo. Trátase do testemuño da sentenza sobre o litixio mantido entre os veciños de Vigo e os de Canadelo respecto aos lindes de ambos os dous lugares, que eran o alto da Besada, o Carballo e a Mámoa, así como outros accidentes naturais e lugares de cultivo (o arroio, o cerro, o mar e os campos de herba…). Unha acta notarial na que aparecen os nomes dos que hoxe podemos considerar os primeiros vigueses, Afonso Vigoyz e Ramiro Oduariz e Cencoy, protagonistas deste litixio de marcos, e os primeiros veciños do barrio do Canadelo, Eñego Vermuiz, Petro Vermuiz e Ramiro Petriz. Nomes aos que engadir os das testemuñas, Petro Nebula, Petro Toeriquiz, Osevo Golester, entre outras, que foron, segundo a cédula, «pondo os seus pés ao longo da demarcación en litixio», asinada polo notario Joannes e os abades Morio e Nigro.

Ten tamén grande interese para a nosa cidade que sexa exposto por vez primeira en Vigo o «Plano esbozo de Vigo (1597)» atribuído a Leonardo Turriano, enxeñeiro militar italiano ao servizo de Filipe II, depositado no arquivo de Simancas, primeiro coñecido, sen escalas, mais con distancias indicadas. Amosa unha vila de Vigo pletórica, cuxa fasquía apenas variará en 250 anos, debuxada probablemente antes de ser arrasada por Drake, que segundo o arquitecto Xaime Garrido contaba con 650 casas e unha veciñanza aproximada de 4.500 habitantes. Tiña unha forma de «H» inclinada, cos brazos saíntes unha cara ao Berbés e outro cara ao Areal, onde se identifica o fondeadoiro. Distínguese o centro da vila, a actual praza da Constitución, e ao seu redor as prazas da Herba e da Leña; a rúa Real que chega á praia do Berbés, a rúa da Ferraría e a súa prolongación na de Santiago até a Falperra. Na liña de costa polo norte envolve o núcleo urbano, entre dúas enseadas, a formada polo «porto das barcas e todos os xéneros de naos e navíos» (hoxe recheo do ensanche de García Olloqui), e o oeste a da praia do Berbés, onde aparece rotulado «porto das Barcas». Identifícase o nome de Santa Marta, capela fundada polos cistercienses de Melón  (hoxe igrexa e convento de San Francisco). O máis curioso deste perfil de costa é o «muelle» (embarcadoiro) que aparecía no cabo da Laxe, para Xaime Garrido, quizais o primeiro peirao construído en Galicia. As vivendas aparecen en socalcos en paralelo á ría e no outeiro identifícase a ermida de Santa María do “Clastro”. Na lenda dáse conta da existencia de apenas «cinco pezas de ferro labrado, perdidas sen ningún aprecio nin valen nada», o que advirte das dificultades para a súa defensa.

Vigo primeiro do que se identifican outras pegadas novidosas en «Vigo no tempo», dende os expedientes citados de declaración de cidade, pasando polas mudanzas do seu escudo, do que decaeu en 1811 a vieira, tras a abolición do señorío do arcebispado de Compostela, e no que se mantivo a oliveira como a primeira icona viguesa, até a exposición do primeiro número do Seminario Patriótico de Vigo de 2 de maio de 1823, o primeiro periódico de Vigo nacido para apoiar a causa liberal e defender a capitalidade provincial viguesa, aprobada durante o Trienio Liberal, ou do primeiro número de Faro de Vigo de 3 de novembro de 1853, comprometido xa aquel día «en canto o permitan nosas forzas ao fomento dos intereses de Galicia».

Vigo no tempo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Vigo no tempo», comisariada por Manuel Gago, e da que tiven a honra de ser coordinador local:

Dende a pasada semana e durante dous meses recala en Vigo o proxecto expositivo «Cidades no tempo», comisariado polo profesor Manuel Gago e organizado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación, co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como chave da identidade contemporánea de Galicia. Despregado cunha exposición en cada unha das sete principais cidades, foron deseñadas de forma coidadosa coa intención de que cada visitante puidese gozar dunha experiencia singular explorando a complexidade urbana, social e simbólica de cada unha das cidades dende perspectivas diversas: os seus fitos históricos destacados, os seus mitos fundacionais ou seu desenvolvemento urbanístico, económico e cultural. Mostras que conforman cadanseu relato e indagación sobre a súa identidade, dende as orixes até o inicio do século actual, que se vai debullando por medio da interacción cun cento de pezas (obxectos, obras de arte, documentos, planos, mapas, fotografías e publicacións) e da recreación de ambientes, escenografías e textos sonoros e audiovisuais.

Convidado polo comisario Manuel Gago, tiven a oportunidade de participar como coordinador local no equipo que preparou a mostra «Vigo no tempo» (VT) na que coa estrutura, a metodoloxía e os recursos expositivos do proxecto «Cidades no tempo» pretendemos indagar na identidade de Vigo, a primeira cidade de Galicia. E abofé que lonxe da pretensión de ofrecer unha historia de Vigo, o que quedaba fóra das nosas posibilidades e corresponde a un aínda inexistente museo de historia da cidade, resultou unha tarefa apaixonante e moi gratificante identificar algunhas das hélices do ADN dunha cidade que dende hai dous séculos, tras a súa declaración como «cidade leal e valorosa» e a abolición dos privilexios do señorío da mitra compostelá (1811), asumiu unha profunda vontade colectiva de constituírse nunha grande cidade e de ofrecerse como o primeiro motor urbano da Galicia moderna e resume de todas as morfoloxías nas que o noso país pode revelarse. Unha indagación na identidade, porén, que desmonta o prexuízo acuñado por Manuel Murguía de que Vigo carecía de historia de interese, que tanto dano fixo e chegou a callar na sociedade viguesa e na historiografía galega. Unha ollada mudada desde que en 1953 apareceron as estelas romanas do Areal (coas que iniciamos a experiencia expositiva), e moito máis desde que nas tres últimas décadas as achegas historiográficas documentadas polos membros do Instituto de Estudios Vigueses amosaron que a cidade medrou nun territorio intensamente ocupado moito antes de que existise a propia idea de cidade.

Tirando do fío do nobelo da súa capacidade permanente de transformación, que o poeta Ramón González Alegre identificaba como «Vigo nace sempre», a visitante de VT pode seguir a expansión urbana polas pezas senlleiras da planimetría viguesa, dende a primeira imaxe de 1597, o plano de Turriano (que viaxa por vez primeira a Vigo), pasando polo plano dun Vigo fortificado (1667), até a proposta de ordenación portuaria (1919) de Eduardo Cabello; sen menoscabo de coñecer proxectos que nunca chegaron a saír adiante, como o curioso plano de 1810 para facer unha base naval nas illas Cíes. Como pode tirar do fío desoutra transformación constante dos emprendementos industriais, comerciais e portuarios, outras tantas hélices do ADN vigués, interpretadas en óleos presentes na mostra como «Vigo traballa» (1986) de Manuel Moldes, «Recollida de algas no Berbés» (1892) de Juan Martínez Abades ou a «Vista de Vigo» de Urbano Lugrís, un dos murais de cinco metros rescatado do Hotel Moderno.

Na súa proposta, a exposición VT incorpora a tecnoloxía para mergullar ao visitante na indagación a través de instalacións audiovisuais e interactivas. Entre elas son de salientar a experiencia proposta no «Miradoiro», unha gran mesa que permite seguir a evolución de Vigo dende a época romana até a actualidade. Como tampouco debe perder o visitante a experiencia de identificar os «Padróns», as pautas que definen a gramática visual da cidade, nas fotografías de ornatos pétreos, costas e guindastres. Outrosí sucede cos espazos dedicados a presentar a reinvención creativa e musical dos anos 80, A Movida, coincidindo co período da reconversión industrial, e a escoitar seis voces que representan outras tantas memorias da nosa veciñanza, as da escritora Ledicia Costas, a avogada Elvira Landín, a fundadora das Cantadeiras do Berbés Loli Hernández, a fundadora de Alecrín Ana Míguez, o profesor Xosé Henrique Costas e o membro da Asociación Casco Vello Fiz Axeitos. Convido a participar nesta experiencia viguesa, aberta no primeiro andar da sede social de Afundación até o 20 de xaneiro.