Respecto para unha estatua

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar respecto para a estatua de Castro do escultor Jandro:

A comezos de novembro de 2002 apareceu en Príncipe, diante do Marco, a piques de ser inaugurado uns días despois, a estatua en poliéster de Castro, o derradeiro vendedor ambulante de xornais, obra do escultor vigués Alejandro Rodríguez «Jandro», membro da Fundición Nautilus, institución nacida coa intención de achegar as diversas modalidades artísticas ao público. Unha peza de inequívoca intención realista de tamaño natural que homenaxeaba a Manuel Castro, que percorría de forma incansable o centro de Vigo, dende a Porta de Sol a Urzaiz por Príncipe, onde paraba cos seus fardos diante das galerías de La Norma ou das escadas de Almacéns Alfredo Romero, e de alí baixaba até a Alameda por Velázquez Moreno ou Colón, voceando dende moi cedo as noticias máis frescas de «Faro de Vigo», máis tamén dos xornais da tarde, como o deportivo «Meta», «La Noche» de Santiago ou do diario «Pueblo» de Madrid.

Era a de Castro unha figura inesquecible, tanto polo seu carácter adusto e serio como pola súa habilidade para levar baixo o brazo esquerdo un fardo de faros e ao mesmo tempo aguantar os décimos da lotería nacional, mentres sostiña de forma acrobática un faro sobre o índice da man dereita en difíciles equilibrios. Unha proeza dixital esa do baile dos faros documentada por Magar en 1971 nunha fotografía deste quiosqueiro andante na rúa Reconquista á altura dos leóns de Correos ao que, como a Pepiño do quiosco do Paseo de Afonso, que de mociño tamén voceara «Meta» no barrio de Casablanca, lembramos como un deses jichiños humildes e entrañables que humanizaron o Vigo da nosa infancia.

Porén, a aquela aparición da estatua de Jandro á que lle faltaba o bronce, coincidindo coa apertura do Marco que dirixía Carlota Álvarez Basso, foi tan efémera como polémica. Deseñada a iniciativa propia polo autor en 1998, cando residía en Granada, o goberno municipal de Lois Pérez Castrillo encargoulle que a fundise en bronce para a súa instalación diante do museo. Tras as mudanzas da alcaldía dese ano, primeiro en mans de Ventura Pérez Mariño e despois de Corina Porro, a estatua de 300 quilos e dous metros trinta de altura, permaneceu en Madrid case unha década onde foi fundida por partes. Habería que agardar ao día de noiteboa de 2011 para que fose chantada na localización prevista en Príncipe sendo alcalde Abel Caballero.

Un vergonzoso atraso de oito anos ao que non foi alleo un lamentable episodio de censura, denunciado nestas páxinas de «Faro de Vigo» polo xornalista Fernando Franco en 2004 e recuperado do esquecemento neste ano de homenaxe a Xela Arias. O caso é que coincidiu o momento da fundición da estatua coa marea negra provocada polo Prestige e coa resposta expansiva do movemento cidadán organizado na plataforma Nunca Máis e a colectiva do mundo artístico artellada nas intervencións de Burla Negra. Jandro e o seu compañeiro da Fundición Nautilus, o pintor Xosé Guillermo, deseñaron a peza que faltaba á escultura, o exemplar de «Faro de Vigo» que bailaría no furabolos de Castro. Na portada titularon «Galicia berra ¡Nunca Máis!» e na contraportada reproduciron o poema «Dignidade», escrito por Xela Arias para o libro colectivo «Alma de beiramar» (A Nosa Terra, setembro, 2003), que comeza cos versos: «Marea miseria invade global Galicia / Colleita inepta de intereses financeiros / Burla negra…» Ao goberno municipal de Corina Porro non lle gustou esta solución e Jandro negouse a modificar o deseño, do que por ventura o artista conserva o orixinal no seu taller. Confesou que o facía por fidelidade e homenaxe á escritora activista, que pretendía levar a poesía a rúa e faleceu de forma tan prematura o primeiro de novembro de 2003.

Finalmente sería unha axencia quen deseñaría outros contidos para este xornal de bronce, que tras a inauguración da escultura por Caballero (2011), axiña sería obxecto de continuos ataques vandálicos, dende pintadas até arrincarlle en varias ocasións o exemplar do «Faro de Vigo», repetidos este pasado mes de maio, tras o a finalización do toque de recollida, no que a peza apareceu sen o brazo sobre o que bailaba o faro. Ataques denunciados tanto polos comerciantes como polo propio escultor que reclaman ao concello un sistema de videovixilancia eficaz para unha das iconas artísticas actuais da cidade.

Por todas estas vicisitudes a estatua de Castro de Jandro, autor tamén dun proxecto de escultura urbana semellante do poeta peripatético Carlos Oroza, que agarda polo interese do goberno municipal, constituíuse en dúas décadas en icona da liberdade de expresión e en homenaxe ao papel da prensa no desenvolvemento de Vigo como cidade acolledora, dinámica, liberal e cosmopolita. A estatua de Castro merece que se restitúa o deseño orixinal do seu autor e conte co respecto e protección do que carece.

Luces republicanas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 90 aniversario da proclamación da Segunda República:

Salvador Rodríguez lembraba moi oportunamente o domingo nestas páxinas de Faro de Vigo as figuras dos primeiros alcaldes republicanos das cidades galegas con motivo do noventa aniversario da proclamación da Segunda República. E lembraba que foi o concello de Vigo o primeiro de España no que durante tres cuartos de hora ondeou a bandeira republicana, izada a unha da madrugada do 14 de abril de 1931 no balcón da casa do concello por simpatizantes republicanos e retirada minutos despois pola Garda Civil. Unha madrugada de entusiasmo na que os republicanos vigueses reunidos na Porta do Sol celebraban a vitoria (axustada, por apenas 1.500 votos) nas eleccións municipais do 12 de abril e agardaban as novas chegadas de Madrid recollidas polos xornalistas de El Pueblo Gallego, ao tempo que as orquestras dalgúns cafés do centro interpretaban os acordes da Marsellesa, himno da liberdade que anunciaba a chegada da República.

Habería que agardar até ás oito da tarde do 14 de abril para que as figuras do movemento republicano vigués, entre elas o avogado Amando Garra Castellanzuelo e o líder socialista Emilio Martínez Garrido, anunciasen dende o balcón da Casa do Concello a constitución da Xunta municipal de concelleiros electos, como goberno lexítimo de Vigo, solicitasen disciplina e cordura á cidadanía e ao alcalde monárquico Casiano Méndez o inmediato traspaso da alcaldía. Mágoa que  boa parte daqueles políticos republicanos vigueses participantes nunha xornada esperanzadora fosen cinco anos despois, como amosan os traballos do historiador Xoán Carlos Abad Gallego, actual presidente do Instituto de Estudios Vigueses, vítimas da represión tras o golpe de estado do 18 de xullo de 1936.

O primeiro alcalde republicano Enrique Blein Budiño, tras ser encarcerado, morreu o 10 de decembro de 1936 doente de cancro no Hospital Municipal, sendo multada a súa familia con 50.000 pesetas e embargados os seus bens. Emilio Martínez Garrido, alcalde de 1932 a 1934 e tras as eleccións de febreiro de 1936, membro da comisión de alcaldes de Galicia que viaxou a Madrid para entregar o 13 de xullo de 1936 o Estatuto de Galicia aprobado en referendo, sería fusilado no cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936, xunto a outras oito persoas, entre elas os socialistas José Antela Conde, o primeiro alcalde de Lavadores, e Heraclio Botana Pérez, concelleiro elixido tamén naquela primeira corporación republicana de 1931. Como o mestre socialista Víctor Fraiz Castellanos, que interveu tamén aquela tarde do 14 de abril, internado na Illa de San Simón, sería paseado o 10 de novembro de 1936 na estrada Redondela-Vigo, na Cuncheira. Represión que sufrirían tamén os primeiros alcaldes republicanos de Ferrol, Xaime Quintanilla Martínez, paseado o 17 de agosto de 1936, e de Vilargarcía, Elpidio Villaverde Rey, fuxido e exiliado na Arxentina até o seu pasamento en 1962.

Tras décadas de esgotamento da restauración borbónica de 1876, incluídas as ditaduras de Primo de Rivera de comezos dos felices anos vinte e de Berenguer dos convulsos trinta, a Segunda República proclamada hai noventa anos, encarnaba os valores republicanos tradicionais (as luces da república) de liberdade, igualdade e fraternidade, mais tamén os de laicidade, austeridade, racionalidade, deliberación e exemplaridade que serían desenvolvidos tras moito debate nos 125 artigos da Constitución aprobada o 9 de decembro de 1931. Toda unha concepción nova do estado de dereito que por primeira vez recoñecía un amplo catálogo de liberdades, dereitos (entre eles o sufraxio feminino) e obrigas a cidadanía que permitisen unha democratización plena. Un modelo modernizador do estado dotado cun forte constituínte social, que privilexiaba o ámbito educativo, considerado como a principal carencia dun país entón analfabeto, e a mudanza das estruturas sociais e económicas do mundo do traballo (seguro de doenza, paro, vellez e invalidez). Ao tempo que pretendía abordar, con bastante menor fortuna, o problema territorial, o «caso catalán» e os das mal chamadas rexións.

Nove décadas despois daquel 14 abril, no marco do deterioro da imaxe da monarquía borbónica producido na última década, cabe preguntarse se é posible a re-existencia dun novo movemento republicano capaz de presentarse como alternativo por ofrecer unha lectura actual dos valores da igualdade e do catálogo dos dereitos cívicos, como das aspiracións nacionais e da propia supervivencia do planeta. Un novo republicanismo plural e politicamente transversal que sen renunciar ao lexítimo exercicio de memoria histórica, aínda incompleta, con moitos cadáveres nas fosas e gabias, non pode aparecer nin como arremedo nostálxico da Segunda República nin vencellado exclusivamente coa esquerda.

As miradas de Isaac

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición e publicacións con motivo centenario de Isaac Díaz Castro:

O pasado domingo pechou «As miradas de Isaac», a exposición instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura con motivo do centenario de Isaac Díaz Pardo (1920-2020). Comisariada polos seus fillos Camilo e Xosé Díaz Arias, a mostra ofrece un retrato moi revelador dunha figura tan poliédrica na creación artística e na iniciativa empresarial e política como ascética na súa forma de vida, un auténtico leonardo renacentista da cultura galega do século XX. Concibida co espírito didáctico e documental (memorioso) que Díaz Pardo imprimía a todas as súas realizacións e seguindo o fío da peripecia vital e dos espazos polos que transitou (dende o nacemento en Compostela, o exilio e o regreso posterior de Arxentina), a exposición reconstrúe o seu pensamento de vontade exemplarizadora  ao tempo que rescata fragmentos moi significativos da historia recente de Galicia por incómodos que fosen. E a pesar de non empregar os recursos dixitais da museografía actual, apenas unha tripla pantalla na que Isaac vai debullando as súas lembranzas, pensamentos e reflexións, a experiencia para a visitante é tan sorprendente e emocionante como instrutiva.

Ademais do valor extraordinario da súa obra artística, tanto a pictórica da mocidade nos difíciles anos da década dos corenta, a cerámica, gráfica e deseñística da maior parte da súa vida, como da literaria, sen esquecer nin a súa pegada industrial extraordinaria nas cerámicas do Castro, da Magdalena e de Sargadelos nin o seu modelo como editor da memoria en Ediciós do Castro e na Biblioteca do Exilio nin o seu activismo cultural a fronte do Museo Carlos Maside e o Instituto Galego da Información, probablemente Isaac deixou como herdanza máis valiosa a da súa inquebrantable posición moral, esa pegada ética que os seus fillos definen como o seu «libro de estilo para andar pola vida con decencia e afouteza» utilizado até o derradeiro salaio da súa vida. Unha forma de estar e camiñar no mundo sobria e austera, propia dos ascetas. Unha vida enteira comprometida coas ideas progresistas, antifascistas e galeguistas da xustiza social, xa dende os primeiros carteis asinados aos dezaseis anos como Xalo a prol do Estatuto no estudio do seu pai o tamén polifacético Camilo Díaz Baliño. Un combate contra a desmemoria das inmoladas e a recuperación das exiliadas, acollidas cos brazos sempre abertos, quizais a primeira causa da súa vida. Unha batalla na defensa dunha Galicia soberana dos seus recursos naturais. Unha procura de formas creadoras con capacidades identitarias, proxecto que no Laboratorio de formas (de ideas) compartiu co sempre cómplice Luís Seoane e o arquitecto Andrés Fernández Albalat.

Legado de Isaac Díaz Pardo que quedou impreso na súa obra literaria en lingua galega, até agora practicamente ignorada, na que visitou tanto a narrativa e a dramaturxia, con tres libros publicados no exilio pola editorial Citania na Arxentina durante a década de 1950, como o ensaio, o xornalismo e a poesía, eidos que por ventura comezan a ser recuperados nos últimos anos. Velaí a publicación do volume «O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo» (Andavira 2019), no que o Xosé Ramón Fandiño recompila cincocentos daqueles artigos perennes publicados dende 1963 a 2009 como «Crónicas inconformistas» en «La Voz de Galicia» ou baixo outros epígrafes no «Faro de Vigo», «El Progreso», «El Correo Gallego» e «La Región». Velaí a aparición recente do libro «A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo» (Xerais 2021) en edición e estudo crítico de Esperanza Luz Mariño Davila estudosa da súa obra literaria que reivindica a importancia e singularidade destoutra faciana artística de quen «merece, como poucos, o nome de poeta no senso etimolóxico da Grecia clásica como un “facedor” ou “transformador do mundo”».

Unha recompilación excepcional de textos poéticos dispersos publicados por Díaz Pardo ao longo de medio século no que destacan os catro carteis de cego, «A nave espacial« (1970), «O Marqués de Sargadelos» (1970), «O crimen de Londres» (1977) e «Castelao» (1985). No entanto é o libro «Tentando construir uma esfinge de pedra» (Ediciós do Castro 2007), subtitulado de maneira significativa, ˝Desassosegos de Isaac Díaz Pardo”, o que pecha o seu círculo artístico, «lembrando a meu pai que me deixou o alcamote» (o martelo na xerga dos arxinas) e reflexionando moi doído sobre o paso implacable da vida cando ve destruído o seu proxecto do Grupo Sargadelos do que fora apartado da dirección e administración uns anos antes.

A figura de Isaac Díaz Pardo, de quen se escribiu é «o home máis querido da Galicia actual», merece non ser esquecida. Quizais un futuro Día das Letras Galegas actualice para as novas xeracións a nobre causa que a pesar de tantas adversidades defendeu.

Xela Arias editora

No fanzine Xela Arias. Poeta nas marxes, editado por O Arquivo das Trasnas, publiquei o traballo titulado «Xela Arias editora». Queda aquí para o arquivo do blog coa gratitude a Daniel Chapela e Beatriz Pereira, promotores da publicación:

O 27 de marzo de 1981 inauguráronse os locais de Edicións Xerais de Galicia na rúa viguesa de Doutor Marañón 10. Nun acto que reuniu a un cento de persoas, o director da editorial, Xulián Maure expresou os obxectivos marcados para esta nova empresa cultural galega: primeiro, «que todo galego teña a posibilidade de ser culto na súa propia lingua», con ese obxectivo se abría a colección de peto «Montes e Fontes» na que tiña cabida a narrativa, o ensaio, ou as guías de viaxe; segundo, «abrir Galicia a todas as culturas», polo que se traducirían para o galego importantes obras feitas no estranxeiro; terceiro, «poder exportar as mellores producións culturais da nosa terra»; cuarto, «colaborar para que a produción da cultura galega non estea presidida nin polo narcisismo ilustrado, nin polos intereses partidarios», pulando pola presenza no catálogo de autores colectivos e colaboracións. Rematou Maure a súa intervención expresando o seu máis íntimo anceio: «soño con chegar ao século XXI xubilado, gozando cuns medios de comunicación social feitos dunha maneira libertaria polas xeracións que hoxe comezan a leren a cultura que se lle vai dando a través de Edicións Xerais de Galicia».

Coñecemos aquelas palabras con tanta precisión polas notas manuscritas que aquel serán de venres tomou Xela Arias, daquela oficinista da editora de dezanove anos, que no pasado mes de outubro entrara a formar parte do cadro de persoal inicial xunto a Roberto Pérez Pardo, o director comercial, e Manuel Méndez Batán, relacións públicas. Un equipo ao que coa inauguración da sede da editora se incorporaría Carlos Blanco, como xerente, Xosé Guillermo, como ilustrador, e antes de finais de ano, Luís Mariño Pampín, como director editorial.

Naquel segundo ano de actividade (1981), Xerais publicaría 27 novidades, consolidando un catálogo de 39 títulos, cifras nada desprezables para aquela altura para un sector do libro en galego que acadou as 168 referencias no ISBN. Ademais da publicación dos cinco primeiros títulos para o ensino do galego na EXB, a editora xeralista viguesa iniciaba a colección «Grandes Mestres», coa edición completa d’ Os eidos de Uxío Novoneyra, cando se cumprían os vinte e cinco anos da primeira edición; Historias que ningúen cre de Anxel Fole e a Obra literaria de Fermín Bouza Brey. Outras novidades dese ano foron a edición facsímile en dous volumes das Cantigas de Santa María, editadas por Walter Mettman e prologadas por Ramón Lorenzo e Terra, mar e xentes, unha antoloxía da obra de José Suárez, até entón o máis universal fotógrafo de Galicia.

No ano seguinte, 1982, a oferta de Xerais ampliouse ás 38 novidades, abríndose ao mundo infantil coa colección Arroás de álbum ilustrando, ademais de ampliarse a actividade de promoción a todo o país. Foi o momento no que Xulián Maure propúxolle a Xela Arias que se integrase no departamento editorial, dirixido por Luís Mariño, comezando a desenvolver tarefas de revisión e corrección de textos e participando na organización de actos. Foi entón cando Xerais organizou os seus primeiros debates literarios: «A literatura infantil en galego», «A narrativa galega», «A escritora galega onte e hoxe», todos en Santiago; «Modelos culturais e narrativa galega», en Lugo; «Narrativa galega e lingua», na Coruña; así como recitais poéticos en colaboración co Concello de Redondela e coloquios, «Fole e o seu mundo», no Instituto Feminino de Lugo; «Viaxar por Galicia» no Ateneo de Pontevedra e «O cómic galego» en Noia. Xela Arias participou naquel equipo editorial que introduciu tamén outra innovación no sector editorial galego: a realización dos primeiros carteis de promoción dos seus autores, coincidindo co lanzamento de Amor de Artur de Xosé L. Méndez Ferrín e dos premios recibidos por Alfredo Conde polas súas novelas, Breixo e Memoria de Noa. Responsabilidades editoriais que con vinte anos feitos coinciden coa publicación da súa primeira páxina poética n’ A Nosa Terra (26-02-1982), ilustrada por Xosé Guillermo, daquela deseñador e responsable da maioría das cubertas de Xerais, así como do primeiro poema na revista Dorna, «Vin… unha árbore» e da súa primeira participación nun recital poético nun acto contra a entrada de España na OTAN.

No ano 1983, cando a editora acada os cen primeiros títulos do seu catálogo, prodúcese a primeira mudanza na dirección xeral da editora, pasando a ocupala Luís Mariño. Ao final do ano amplíase o cadro de persoal coa incorporación de Xosé García Crego, Siro Iglesias Izquierdo e Celia Torres Bouzas, que con Xela Arias conformarán un equipo que darían continuidade e identidade á editora durante estas case catro décadas. Xela comezará a representar á editorial como sucedeu o 20 de xuño de 1983 cando no salón de sesións de Casa do Concello de Lugo participou na presentación da colección Xabarín da que xa se ocupaba.

Coa dirección de Luis Mariño, renovouse por vez primeira o catálogo, creáronse as coleccións «Xerais Narrativa» e «Xerais Universitaria», das que se ocupou Xela como editora de mesa, creouse o Premio Xerais de novela (1984) e despois, o Premio Merlín de literatura infantil e xuvenil (1986), así como a edición dun Boletín de Novidades (1984) e un catálogo anual (1985). Proxectos nos que participou, así como co pulo que foron collendo as coleccións infantís, nas que comezou a participar tamén como tradutora, como foron os casos d’ O Gato Gaidado e a Andoriña Señá. Unha historia de Amor (1986), obra da que xestionou a cesión de dereitos por parte do propio Jorge Amado, Amor de perdición (1986) de Camilo Castelo Branco ou O bosque animado (1987) de Wenceslao Fernández Flórez, ambas as dúas publicadas en Xabarín, colección á que xa na década de 1990 incorporará dous dos seus grandes títulos como tradutora, O derradeiro dos mohicanos (1993) de Fenimore Cooper, polo que recibiría o Premio Ramón Cabanillas, e Drácula (1999) de Bram Stoker.

Coa nova remuda na dirección xeral de Xerais e a incorporación a esta responsabilidade de Víctor F. Freixanes, Xela Arias implicarase como editora na creación das coleccións «Grandes do Noso Tempo», «Biblioteca das Letras Galegas» e «Xerais Crónica», responsabilizándose da edición de mesa, do encargo de traducións, edicións e introducións. Momento (1989) no que muda tamén o deseño editorial da editora –até entón externalizado no estudio Revisión (Pepe Barro, Xosé Díaz), que se ocupara da homoxeinización da imaxe da marca– coa incorporación de Miguel Vigo, que se ocupará do deseño de Tigres coma Cabalos (1990), libro de poemas de Xela Arias e fotografías de Xulio Gil. Edición moi coidada, como a da exposición itinerante que a acompañou, que practicamente coincidiu co abandono de Xela Arias do cadro de persoal (30-09-1990) para retomar, primeiro, os estudos de COU a distancia, e despois iniciar (1991) na Universidade de Vigo a licenciatura de Filoloxía Hispánica que remataría en 1996. Estudos que compartiu cos seus traballos de tradución e edición externa das coleccións Universitaria e Biblioteca das Letras Galegas de Xerais, o que axudou sendo eu mesmo director editorial a manter o vínculo semanal de traballo con ela. Conversa profesional da que saíron numerosas e moi valiosas propostas de tradución como algunhas publicacións avaladas polo seu criterio como lectora.

Editora de mesa meticulosa de formación autodidacta, Xela Arias mantivo un alta responsabilidade con respecto á lingua, sendo as súas interpretacións moi relevantes no proceso de fixación da norma de 1983 cos criterios que existían no momento. Como facía coas súas traducións e libros de poemas, Xela procuraba na edición dos textos alleos a fidelidade co orixinal, mais tamén o rigor léxico, sintáctico e ortotipográfico.

A vida lenta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición comisariada por Aser Álvarez da Sede de Afundación:

Tras a desfeita provocada por un ano de pandemia Covid-19, reaparece moi amodiño a actividade cultural nos museos e centros culturais da cidade nosa. Entre as mostras abertas destaca polo seu formato novidoso «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», un proxecto expositivo interdisciplinar concibido e comisariado polo director e produtor cinematográfico Aser Álvarez que se pode visitar na Sede Afundación de Policarpo Sanz. Setenta fotografías procedentes dos arquivos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do fondo persoal de Carlos Valcárcel e das coleccións de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión, corenta minutos de fragmentos cinematográficos, versos de catro poetas gañadores do Premio de poesía Afundación (Ollala Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez), así como unha banda sonora composta por Moisés Quintás ofrécense á curiosidade da visitante convidándoa a reflexionar sobre a mudanza das paisaxes rurais e das formas de vida e de traballo que se produciron en Galicia entra as décadas de 1950 a 1980. Unha proposta completada con actividades en liña nas que participarán o director Oliver Laxe e a muralista e ilustradora Xoana Almar, artistas contemporáneos e de vangarda que manteñen un forte compromiso co mundo rural.

A exposición documenta a transformación do sector primario galego, que inclúe a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, ao longo de apenas catro décadas, que pasou de ocupar a máis do 80 % da poboación galega a comezos do século vinte ao 68 % en 1960 e ao 50 % en 1975; proceso que se acelerou coa chegada da Autonomía, xa que a porcentaxe reduciuse ao 35 % en 1990 e até ao 10 % co comezo do século actual. Unha transformación produtiva, identificada en tempos da ditadura como modernización agropecuaria, que acompañando ás ondas migratorias de comezos dos 50 e 70 modificou inevitablemente a vida nas aldeas, facendo desaparecer a cultura agraria tradicional e os oficios e actividades comunitarias a ela asociados. Proceso que se identifica na valiosa escolma dos fondos históricos da Mediateca do Ministerio de Agricultura, toda unha descuberta de películas e fotos tiradas entre 1934 e 1979 por profesionais do Servizo de Extensión Agraria ou por fotógrafos amadores participantes no concurso de fotografías agrícolas, forestais e pecuarias.

Transformacións recollidas nas fotos en branco e negro do fotógrafo lucense Carlos Valcárcel (Lugo 1929), que deita unha ollada íntima e máis cálida sobre a vida na aldea, retratando a familias labregas ou as crianzas e os mozos ocupando a eira, fotografando os interiores das vivendas e cociñas labregas, recuperando escenas na feira ou o traballo das lavandeiras no río Miño ou recollendo escenas agrarias onde nos anos setenta a burra, os bois, o carro e o arado romano non perderan aínda a súa funcionalidade. Ollada ampliada pola escolma da colección Lloveras e Piñeiro, dous investigadores agrónomos que de 1978 a 1986 percorreron os camiños do país para estudar os sistemas de rotación das colleitas coa intención de rexistrar a transformación rural galega que se estaba a producir nun momento decisivo de mudanza política, económica e social. Fotos xa a cor onde se documenta a aparición do tractor e dos camións de recollida do leite, vehículos que transformaron a tecnoloxía agraria, mais na que continúan presentes as escenas de mulleres segando o centeo a man en lugares tan dispares como Barro ou Negueira de Muñiz (1980) e os traballos agrícolas de autoconsumo, ampliando a súa ollada sobre as actividades do marisqueo nas Rías Baixas e na Pasaxe.

Tres fondos documentais diferentes, concibidos con intencionalidades distintas, o do Ministerio institucional, o de Valcárcel artístico e o Lloveras e Piñeiro investigador, mais capaces de complementarse para ofrecer unha ollada de gran angular sobre as transformacións das paisaxes e culturas agrarias galegas. Unha ollada fotográfica e cinematográfica que co apoio dos textos poéticos e da banda sonora creada por Moisés Quintás, capaz de recrear con fidelidade o latexar da terra, o chiar dos carros e o ouvear dos lobos, é capaz de crear no espazo expositivo unha certa atmosfera de vida lenta, un imaxinario alternativo onde aínda semella posible a conciliación comunitaria coa natureza. «A vida lenta» propón unha reflexión sobre o pasado e sobre o futuro da vida nas aldeas, poñendo en cuestión o imaxinario creado sobre o que chamamos «rural» e sobre a nosa propia relación cos ciclos naturais. En definitiva, na contorna de incerteza creada pola pandemia, Aser Álvarez propón a experiencia de reconciliarnos emocionalmente cunha parte do noso territorio e facer un pouco de memoria sobre o noso pasado colectivo. Mostra moi recomendable e esperanzadora.

Confeitaría Ramos

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á memoria da confeitaría Ramos e outras dozarías clásicas viguesas:

A confeitaría Ramos, despois de case un século no baixo de Pi y Margall 18, pechou as portas para trasladarse aos locais da pastelaría La Camelia na rúa Enrique Lorenzo 2. Un inesperado agasallo para o padal da veciñanza de Teis, que poderá gozar na proximidade das larpeiradas de Ramos, máis tamén outra perda para o meu barrio, a carón do paseo de Afonso e do que noutrora foron os da Falperra e o Barrio do Cura, o comezo da vella estrada de Baiona. A dozaría, como lle chamabamos, o establecemento dos Barreiro, unha estirpe de pasteleiros artesáns, xunto ás igrexas evanxelista e católica, era a derradeira referencia que quedaba dun territorio da desolación urbana, con numerosos edificios abandonados e a maioría dos locais comerciais pechados, estraño para os que alí nacemos e vivimos no último medio século. O edificio da dozaría será derrubado, como o foron xa practicamente todos os do barrio, para construír apartamentos, e apenas nos quedará o rastro que os recendos da dozaría deixaron na memoria da nosa infancia.

Ramos é polo seu repertorio de doces e salgados unha das confeitarías viguesas máis clásicas, ofrecendo algunhas delicias artesanais continuadoras dunha tradición pasteleira de toda a vida. Os seus croissants cun toque de crema son para min os mellores da cidade. As súas empanadillas e empanadas, sobre todo as de bacallau, elaboradas a medio punto mesturando masas, son extraordinarias. Os seus «plumcakes» de froitas confeitadas, deliciosos, á altura dos que ofrece a confeitaría Solla da rúa Uruguai, onde, por certo, prepara esoutra marabilla da crema en forma de lingua queimada. Como inesquecibles son os sabores das medias noites e bolos de leite de Ramos, os bocados dos días de festa da miña infancia. E os seus canapés, o seu finísimo cabelo de anxo de cabaciña, as súas pastas de té e a súa pastelaría variada… Mais se por algo destacou Ramos sempre foi polo seu roscón de Niza, unha singular recreación do artesán engadindo ao pan durmido unha crema de elaboración secreta, presentada a maior parte das veces como trenza, ensaiada con bastante fortuna por outras pastelarías vigueses modernas. Como tamén é coñecida polas súas larpeiradas de tempada, sexan os seus turróns de xema e chocolate, figuriñas de mazapán e polvoróns, as súas enormes orellas de frade ou ósos de santo.

Mención á parte merece a interpretación que Ramos leva facendo da receita da torta Llanderas, probablemente a torta máis netamente viguesa, o símbolo máis larpeiro da cidade, creada polo artesán pasteleiro Ignacio Arrondo nos anos 50, como unha variante da torta polonesa imperial rusa, bautizada polo reposteiro co apelido dun seu amigo, para evitar así un adxectivo daquela comercialmente perigoso. Ramos mantivo sempre fidelidade á valiosísima receita orixinal de Arrondo, elaborada con améndoa, ovo e manteigas, ornamentada con labras de améndoa e barquillos de chocolate. Un segredo que Álvaro Barreiro, o actual artesán de Ramos, herdou do seu pai, que aprendera no obradoiro da confeitaría Arrondo da rúa Policarpo Sanz, onde ingresara como aprendiz aos trece anos, antes de traballar na confeitaría Pereiro de Urzaiz, fronte ao muro da Estación. Obradoiros vigueses desaparecidos, como Las Colonias de Príncipe, Marbella de Colón, que rexía outro dos irmáns Arrondo, ou a confeitaría Roma das Travesas, da que sempre lembrarei o recendo que se coaba polo seu fachinelo do Camiño dos Anxos.

Conservo na memoria o sorriso do vello Barreiro, o mestre artesán de Ramos dende 1975, explicando ao cliente curioso coma min o proceso de elaboración das súas delicias de Nadal das que me declaraba seareiro e que el presentaba cada inicio de decembro. Como lembro no despacho de Ramos as vitrinas ateigadas de encargos e os balóns de cristal repletos de tofes e caramelos de menta e outros sabores. E non esquezo, sobre todo, aquela columna de cristaliños, chantada no medio e medio do local, na que coma no espello de La Belga de Marqués de Valadares, procurabamos nos devolvese durante uns segundos a noso cara distorsionada. Columna que tamén existía na confeitaría El Buen Gusto de Elduayen, por ventura aínda aberta, onde a avoa Filo, despois de moito insistirlle, un día nos mercara un dos seus follados de merengue  e algunha daquelas cristinas de crema grandes, lembranza que agroma de forma recorrente cada vez que paso diante do escaparate.

Somos apenas o que lembramos, «escribe o que lembras e dirás a verdade», lembra Luis Landero en «El huerto de Emerson» (Tusquets 2021), unha das lecturas recentes que máis me valeron. Lembrar Ramos, como aqueloutras confeitarías viguesas da nosa infancia, cando contamos hoxe cunha excelente oferta de obradoiros modernos, constitúe unha forma de descubrimento e de autoestima da propia cidade.

Conservar Alfageme

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo a reclamar a conservación integral do complexo industrial de Alfageme de Bouzas:

Dentro do patrimonio industrial vigués, se a Panificadora (1924) no Vigo vello é a nosa catedral laica que impón o seu perfil sobre o anfiteatro da ría, o conxunto fabril de Alfageme (1931) de Bouzas é o noso principal monumento da beiramar. Dúas edificacións senlleiras, chaves da identidade viguesa, mostras do diálogo do fabril co urbano. Dous complexos industriais deseñados polo arquitecto Manuel Gómez Román cando acentuaba a súa intención rexionalista no emprego do granito e aproveitaba as solucións construtivas máis actuais, entón ligadas á utilización do ferro, nunha década de entusiasmo de entre guerras, tamén decisiva para a industrialización do Vigo moderno. Dúas instalacións baleiras e abandonadas, a Panificadora dende o seu peche hai corenta anos, xa moi deteriorada pola desidia e pola pegada inevitable do paso do tempo; a de Alfageme, liquidada hai apenas unha década, en moito mellor estado, mais que coa perspectiva esperanzadora de celebrar o seu próximo centenario agardan ambas as dúas a súa rehabilitación integral e novos usos.

A publicación do libro «Alfageme. Historia e memoria» (Instituto de Estudios Vigueses, 2020), na que se inclúen os textos expertos de Xoán Carmona, Mariña López e Xosé Ramón Iglesias, pon de relevo o papel sobranceiro da familia Alfageme na historia do sector conserveiro vigués ao longo dun século, así como a importancia da supervivencia dunhas edificacións de valor monumental e artístico incuestionable, que para o profesor Carmona representan «un elemento da identidade e memoria viguesa» e «un orgullo e o emblema dunha cidade industrial». Chegada a Vigo dende Candás (Asturias), onde tiña un negocio de conservas e sidra, a familia de Bernardo Alfageme instalou a súa primeira fábrica de conservas nunha nave alugada no Areal (1913), a carón doutras conserveiras como Curbera, Portanet e Antonio Alonso. Actividade que mudarían a Bouzas, no barrio de San Gregorio, no espazo que ocupara o campo de fútbol do Fortuna, a carón dos estaleiros de Coia, primeiro para instalar un serradoiro e un negocio de comercialización de madeiras de importación (1927), despois unha moderna factoría de conserva, instalada para Carmona nun «edificio de autor», encargado a un arquitecto de prestixio, inaugurada en 1931 e ampliada en 1939.

Conformada pola fábrica, un amplo xardín sobre a rúa Tomas Alonso e unha vivenda familiar, para Xosé Ramón Iglesias «o arquitecto logra definir unha edificación equilibrada e sobria, na que conviven a atención ás necesidades funcionais da produción industrial e a necesidade de ser icona de marca» como pretendía a familia Alfageme. O resultado do proxecto de Gómez Román foi unha edificación sen excesos ornamentais, na que se emprega de forma maioritaria o granito manipulado por expertos canteiros, situada entre a tradición e a modernidade, na que o factor estético non restou peso á procura da racionalidade nun edificio fabril considerado como modélico durante décadas. Carácter iconográfico que a arquitectura rexionalista imprimía nas edificacións da industria da conserva procurado tamén por Jenaro de la Fuente Álvarez co seu proxecto (1929) para a factoría Albo instalada entón na proximidade do campo de fútbol de Coia, hoxe entre as rúas Jacinto Benavente e Paz, se ben o énfase decorativo historicista sería moito maior ca en Alfageme. Edificación fabril a de Albo, aínda hoxe en funcionamento, mais para a que se anuncia o traslado ao Porto Seco de Salvaterra, o que abre un interrogante sobre o seu uso e conservación futura.

Agardando a concreción do proxecto de usos de Zona Franca para a Panificadora, o futuro da fábrica dos gatiños de Conservas Miau constitúe todo un enigma. Como sinala Carmona «Alfageme representa un grande espazo construído e interiormente case diáfano, céntrico e a cabalo entre Bouzas e Coia», barrios aínda moi necesitados de dotacións sociocomunitarias públicas, que alí poderían ter acubillo. Como no marco dos programas de reconstrución e da Axenda Local 2030, Alfageme podería ser sede dunha renovada actividade industrial vinculada coa pesca, a conserva e a construción naval. Con todo, como tamén sinala Carmona hoxe «é preciso elaborar un programa de conservación preventivo destinado a manter a integridade do ben», para o que é necesaria a colaboración da administración local e autonómica. En todo caso, agardemos que o novo PXOM, tal como asegurou a alcaldía, incorpore a protección integral do complexo construído e non só das súas fachadas, como desgraciadamente pasou co espantallo edificado na Metalúrxica. Todo o espazo industrial de Alfageme debe ser conservado e rehabilitado, o que permitiría preservar a memoria e o significado da actividade conserveira para o Vigo contemporáneo.

Nogueira, escultor de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á recuperar a memoria do escultor Camilo Nogueira Martínez:

Sempre que me preguntan cal é o meu lugar favorito para facerme un retrato respondo que a carón da parella de anxelotes termando do escudo de Vigo de Camilo Nogueira da beirarrúa voada do Paseo de Afonso. Aínda que tamén podería escoller algún outro espazo de arrecendo a salitre portuaria, sei que fotografarse alí non é unha mala idea, tanto pola beleza desbordada da paisaxe da ría enxergando o horizonte atlántico de Cíes, ao pé do bulir da abella da ribeira do Berbés, como tamén pola austeridade románica das pezas labradas polas mans do escultor de Lavadores e suavizadas devagariño polos ventos de cada nova galerna.

Analfabetos na historia da nosa propia cidade, mais aínda en todo o que se refire á súa memoria republicana e antifranquista, silenciada e oculta por anos de esquecemento, pasarían moitos anos até que xa de mozo identificase que os anxelotes da balaustrada de Jenaro de la Fuente do Paseo eran dúas das moitas pezas espalladas por Vigo daquel escultor galeguista do que me falaba con tanta admiración e respecto o meu avó Suso Beleiro, ebanista e tallista coma el, formados ambos os dous antes da guerra, como tantos outros vigueses, nas aulas e obradoiros da Escola de Artes e Oficios.

Camilo Nogueira Martínez (1904) pertenceu, como o seu amigo Laxeiro, á xeración de artistas que recibiron a bolsa da Deputación de Pontevedra (1931-1933) para ampliar os seus estudos de escultura na Escuela de Bellas Artes de San Fernando. Membro activo do Partido Galeguista e participante das tertulias culturais e políticas do café Derby, Nogueira colaborou con Antonio Palacios preparando un escudo para o teatro García Barbón e esculpiu o Monumento aos Mártires de Sobredo, inaugurado en Guillarei en 1932 con motivo do décimo aniversario do asasinato de tres veciños por defender a outro contra o pago dos foros, que en 1936 sería dinamitado pola intrasixencia dos sublevados.

Unha obra impregnada do espírito expresionista, emparentada coas de Asorey e Bonome, de renovación da arte galega que Nogueira expresaba por medio de fortes golpes de xubia que deixaba a vista en tallas sobre temas que reflectían escenas de emigración e do mundo do traballo. Fuxido tras o 18 de xullo e pasado un período de ostracismo, Nogueira recuperou a súa actividade artística coas súas exposicións na sala Velázquez e no local de Foto Club (1946) da rúa do Príncipe, onde o alcalde Suárez Llanos mercaría para o museo de Castrelos con motivo do seu décimo aniversario dúas das súas pezas de madeira máis logradas, «Mundo» e «Natureza», desenvolta esta última a partir dun trozo de acacia, que o propio Nogueira consideraba a súa mellor obra.

Mais será a partir de 1950, cando o de Riomao, xa profesor de escultura da Escola de Artes e Oficios (1946-1977), desenvolva durante tres décadas unha obra granítica que deixou pegadas nos edificios, parques, xardíns e alamedas viguesas. Unha obra que ben merece un itinerario propio dende as primeiras pezas da Alameda, correspondentes a comezos desta década protagonizadas como en «Alborada», «Nenos sobre tartaruga» e «Nenos baixo paraugas» por picariños e animais, ás que engade outras catro, «O forxador», «O mariñeiro», «Ansiedade» e «Fartura», inauguradas polo alcalde Portanet o 27 de marzo de 1966. Paseo na procura da obra pétrea de Nogueira que debe continuar polo Castro, onde están outra media ducia das súas pezas, «Peixeira» ou «Xirafa», entre outras, concibidas para a reforma deste parque urbano, na que salienta polo seu valor como icona da cidade o grupo escultórico instalado no interior do castelo «Mariñeiros portando o escudo de Vigo» (1969).

Itinerario urbano que  se estende na procura doutras pezas relixiosas, o busto de «Xoán XXIII» en Torrecedeira, o «Xoán Bosco» (1966) da Ronda, a «Maternidade» de Bouzas, a «Virxe do Carme» (1961) da Etea, como outras cívicas, entre elas, o «Monumento do emigrante» (1971) de Travesas, a súa derradeira obra pública en Vigo. As esculturas de Nogueira enfeitan tamén edificios vigueses, como as  que presiden o edificio Romero de Príncipe e o da Equitativa de Marqués de Valladares ou os inesquecibles relevos da Estación Marítima (1955) e do edificio de Aurora Polar (1955) en Urzaiz.

A obra de Camilo Nogueira, como as dos seus alumnos na Escola de Artes e Oficios, Xoán Piñeiro, Silverio Rivas ou Silvino Silva, o funcionario escultor e canteiro de quen a profesora Mercedes Bangueses acaba de publicar un magnífico libro, «Escultor Silvino Silva. Xamaruas dos Arxinas» (IEV, 2021), con motivo do seu vixésimo cabodano, conformaron espazos urbanos que hoxe son parte da nosa memoria colectiva e da identidade viguesa. Protexelas, catalogalas, difundilas, axeitalas para o seu uso didáctico constitúe unha responsabilidade que os poderes públicos non poden eludir.

Balaustres da memoria

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a reflexionar sobre o esquecemento e a construción da memoria na cidade:

Ao fío da desaparición recente da balaustrada das rúas Lepanto e Afonso XIII, lembrei o artigo extraordinario de Ferrín, «Ubi sunt?», publicado nas páxinas do «Faro de Vigo» de 17 de abril de 2000, no que con motivo das obras de «Abrir Vigo ao mar» lamentaba a desaparición na cidade de partes da propiedade pública. «Onde foron parar tantas cousas comunais? Quen roubou tanta memoria colectiva e privou a Vigo dos apoios da lembranza?» preguntábase lamentando a desaparición, entre outras pezas patrimoniais, da varanda centenaria ou balaustrada de ferro do longuísimo banco de pedra da dársena do Náutico diante do que se fixeron milleiros de retratos familiares vigueses e fotos de emigrantes antes de ser engulidos nos transatlánticos. «U-los seus ferros venerábeis?, onde foi parar ese vestixio de máis de cen anos de vixencia, de referencia, de querenza, de presencia nun lugar da nosa emoción?», escribía hai vinte anos apesarado o mestre Ferrín.

Vestixios da memoria viguesa que continuaron estragándose dende entón coa xustificación sempre do seu deterioro ou da necesidade da súa desaparición co argumento da realización de actuacións urbanísticas imprescindibles ou renovacións do viario, bautizadas como «humanizacións». Aquela primeira relación do artigo de Ferrín (a varanda do Náutico, a fonte da praza de España doada por Cesáreo González, a fontana de granito da praza de Portugal…) cómpre completala con perdas, abandonos ou extravíos máis recentes doutras propiedades públicas viguesas algunhas delas parece que amoreadas no parque municipal de Santa Cristina: o pavimento tradicional da praza da Princesa substituído en 2009; as pedras do colexio Alemán, desmontado hai trinta anos coa promesa de ser reinstalado na Bouza como centro social; as pedras do chalet Agarimo de Manuel Gómez Román, desmontado en Peniche coa intención de reconstruílo en Beade, onde hoxe están abandonadas nunha finca… Sen esquecer nin a fachada da primeira estación do ferrocarril (1878), un ben protexido que, despois de tres décadas, se promete recompoñer de forma decorativa diante do muro da Estación nin a relación de espazos industriais abandonados dende hai décadas como a Panificadora, a conserveira de Alfageme, a manufactureira de folla de lata da Artística ou das cerámicas de Álvarez en Cabral.

Desaparición ou abandono doutros vestixios da memoria máis sutís, non por iso menos relevantes, como o referido ao patrimonio gráfico urbano, unha parte do patrimonio inmaterial, conformado polos rótulos, sinais, e tipografías comerciais que contan tamén as historias da transformación da cidade e constitúen apoios para a construción de memorias colectivas de barrios e comunidades. Un eido no que en Vigo está case todo por rescatar xa que apenas se conserva protexido o anuncio cerámico de viños e coñac de Pedro Domecq e o seu león en tres dimensións tan emblemático na paisaxe urbana de Policarpo Sanz, instalado probablemente nos anos corenta e hoxe por ventura catalogado como ben de interese cultural. Un patrimonio gráfico do século XX en grande medida desaparecido, como o daquel «Tinglado General de Empaque», que lembramos como referencia visual da vella lonxa do Berbés dende o miradoiro do Paseo de Afonso, daqueloutro anuncio de «Decano» que coroaba o edificio do Hispano na Porta do Sol ou tantos letreiros comerciais desaparecidos da rúa do Príncipe, mais dos que apenas se conservan algúns poucos vestixios no rueiro como o letreiro do escaparate superior de Mantequerías Arjeriz da rúa Carral, os carteliños forxados do paseo central da Alameda ou a fermosa placa de cerámica da rúa López Mora en Peniche, por citar algúns.

Xaora, como demostran as talas das árbores veteranas das beirarrúas da Gran Vía, dos cedros sesaxenarios da Ronda, do traslado das palmeiras da Estación ou da tala do monumental salgueiro chorón do Parque de Castrelos, o episodio máis recente dese incomprensible pesadelo arboricida vigués, o patrimonio natural tamén contribúe na cidade a referenciar espazos e querenzas da memoria. Como tamén o fan os medios de transporte urbano, como a rede de tranvías e de embarcacións marítimas de ría, singularidades da memoria do noso espazo metropolitano, das que só contamos coa memoria gráfica dos fotógrafos locais e a conservada na colección histórica de «Faro de Vigo», alfaia da historia viguesa. Balaustres todos da memoria colectiva dunha cidade que cada vez renuncia de forma máis explícita aos seus apoios de memoria e a súa singularidade para deitarse na comodidade aparente dos brazos sen xeito do esquecemento. Cada vez que desaparece unha balaustrada histórica, un letreiro de época ou se tala unha árbore catalogada, ampútase outro anaco da memoria viguesa que somos.

Santa Liberdade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao secuestro do Santa María e a lembrar a figura de Xosé Velo:

Na madrugada do 22 de xaneiro de 1961, o transatlántico portugués Santa María da Compañía Colonial de Navegación, que facía a liña de Caracas a Lisboa e Vigo, desapareceu en augas internacionais do mar Caribe con 568 pasaxeiros de diversas nacionalidades a bordo. Fora asaltado por un comando de 24 homes, maiormente galegos e portugueses, pertencentes ao Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), unha efémera organización antifascista ibérica formada en 1960 por membros da resistencia portuguesa e militantes galeguistas e antifranquistas españois.

Secuestro do buque máis moderno que recalaba no porto da Guaira co que o DRIL pretendía conseguir a atención da prensa internacional esixindo a fin das ditaduras de Salazar e Franco que colaboraban dende que asinaran o Pacto Ibérico (1942). Operación dirixida por dous galegos, o republicán galeguista Xosé Velo Mosquera (Celanova, 1916), na operación «Carlos Xunqueira de Ambía», e polo militar comunista e membro da resistencia Xosé Fernández (A Pobra 1904), coñecido como Comandante Jorge de Soutomaior, e por dous portugueses, o capitán Henrique Galvão e Humberto Delgado, o xeneral sen medo, que se enfrontara a Salazar nas presidenciais de 1958, mais que non chegou a subir á embarcación.

Un episodio, que coincidiu coa toma de posesión do presidente John F. Kennedy, do que se conservan as imaxes que coa súa cámara de Super-8 gravou Luís Noia, un ex-alumno de Velo, que como pasaxeiro regresaba de Venezuela, o impresor das viguesas Gráficas Nunem de Marqués de Valadares, quen tantas veces nos ten relatado a súa vivencia daquel acontecemento histórico da resistencia á ditadura protagonizado hai seis décadas por sectores galeguistas do exilio.

Concibida como unha gran operación política insurrecional, afastada de calquera tipo de piratería, respectuosa coas normas do Dereito Internacional, o seu carácter propagandístico antifranquista e antisalazarista, reflectíase no lema acuñado no carimbo utilizado na súa comunicación («Liberdade e xustiza ou morte»), mais tamén no nome como foi bautizada, «Operación Dulcinea», homenaxe romántica quixotesca, aínda que Velo propuxera o de «Operación Compostela», como no do propio paquebote, que os asaltantes decontado chamaron Santa Liberdade.

Porén, os acontecementos non se desenvolveron como os seus promotores concibiran. O feito que se provocara a morte do segundo contramestre, que naquel momento dirixía a ruta, e un ferido de gravidade na toma inicial de ponte determinou o desenvolvemento dun acontecemento que durou trece días e convocou o interese da BBC, Paris Macht e de máis de 1.500 medios internacionais. Un asulto que tivo unha saída negociada por Velo, Galvão e Soutomaior co vicealmirante Smith da VI frota e coas autoridades brasileiras que finalmente autorizaron o desembarco en Recife o 3 de febreiro en pleno carnaval e concederon asilo político no Brasil aos membros do comando do DRIL.

No relato do sucedido naqueles días de idealismo, reconstruído na excelente película documental Santa Liberdade (2004) da académica Margarita Ledo, nas memorias do Comandante Soutomaior (Galaxia 1999) e na biografía de Pepe Velo (Xerais 2000) preparada por Antonio Piñeiro, destaca a arenga pronunciada pola megafonía do barco por Velo o 25 de xaneiro de 1961 e asinada polo celanovense «en Galicia ceibe, a vinte e cinco de Santiago». Unha peza extraordinaria de quen desde o Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires no mes de xullo de 1956 fora considerado como un dos grandes oradores emocionais do exilio galeguista, chamada a formar parte dunha escolma da oratoria patriótica galeguista. Velo convoca a memoria dos mártires galeguistas, Bóveda, Casal e Casas, confiando en que os seus soños de xustiza están a punto de realizarse. Rematando Velo chamando a crebar as búxolas e «destituír os puntos cardinais que separan as nosas nacións ceibes…»

Sesenta anos despois, cómpre volver sobre a figura de Pepe Velo, un dos intelectuais galeguistas que como Luis Soto, serviu de enlace entre o galeguismo do exilio e o nacionalismo galego contemporáneo. Fundador das Mocidades Galeguistas de Celanova, xunto a Celso Emilio Ferreiro, mestre e activista no Vigo da década de 1940, desenvolveu a súa actividade docente no edificio Pernas de Travesas e máis tarde na rúa Carral, preso no cárcere de Príncipe, Velo fuxiu en 1948 a Venezuela onde viviu un primeiro exilio que, despois do episodio do DRIL, continuaría en São Paulo, onde traballou como libreiro e editor até o seu pasamento en 1972. A noticia de que a Deputación de Pontevedra mercou ao seu fillo Víctor o seu arquivo para depositalo no Museo de Pontevedra contribuirá a coñecer mellor a súa obra e preservar a súa memoria.