Redondela na ollada dos Cal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela:

Á recente publicación das biografías de José Gil e da parella Filippo Prosperi e Cándida Otero uniuse a d’ A ollada dos Cal. 100 anos de fotografía en Redondela (Cal-3 2022), libro álbum no que se reconstrúe o relato vital e se escolma o legado artístico e documental de tres xeracións de fotógrafos da vila dos viadutos: Saturno Cal Muíños (1875-1952), fotógrafo profesional, colaborador da revista gráfica Vida Gallega, alcalde de 1924 a 1930, comprometido coas ideas agraristas e republicanas; o seu fillo, Avelino Cal Fernández (1901-1985), fotógrafo amador, apaixonado do fútbol e membro do Partido Galeguista; e os seus sobriños, Raimundo e Félix Cal Cortizas, responsables do estudio fotográfico Cal-3, aberto en 1975 nun baixo da rúa do Adro, no mesmo espazo onde estiveran gardadas as placas de vidro do arquivo de Saturno, o fundador da saga familiar.

Un libro de sobremesa de coidado deseño e magnífica edición de Alberte Román Losada, responsable tamén da redacción dos excelentes textos biográficos de Saturno e Avelino e das clarificadoras entrevistas con Mundo e Félix, que constitúe outra ollada á memoria visual de Redondela, como fora hai dúas décadas a daqueloutro álbum de tarxetas postais da colección de Luís Borines, con textos emocionantes de José Ángel Xesteira, publicado por Xerais e o libro colectivo no que no mesmo ano (2001) Cal-3 celebraba o seu vinte e cinco aniversario. En todos os tres casos testemuñas fotográficas da vida social e comunitaria redondelá como das transformacións profundas da súa paisaxe urbana ao longo do século XX. Cartóns da memoria dunha vila de raíces campesiñas e mariñeiras, que aproveitando a desembocadura do río Alvedosa formou unha espléndida marisma, máis que ao longo do período crítico do último terzo do século pasado se afastou do mar sen posibilidades ningunhas de retorno.

Unha mudanza irreversible que se pode identificar en pezas de Saturno, o máis importante cronista gráfico de Redondela durante o primeiro terzo do século XX, cando era aínda claramente unha vila feita no mar que chegaba á praia, atravesada por un camiño real que cruzaba a súa parte agrícola. Velaí as súas fotografías da que era unha vila mariñeira e campesiña ao mesmo tempo: a Ribeira co viaduto (1920), a vista xeral da vila desde Quintela (1930), a rúa Alfonso XII durante as festas da Coca de 1925, a procesión ao seu paso pola Ribeira (1930) ou o partido de wáter-polo no pozo da marisma de Santa Mariña (1930)… Fotos nas que se identifican os dous viadutos, a presenza do mar na Ribeira, os eidos traballados con esmero e o que é aínda máis relevante, que a paisaxe arquitectónica mantén a harmonía das proporcións entre a altura das edificacións e anchura dos viarios, coas casas asomándose ao mar, permitindo a contemplación da saída e chegada das embarcacións que faenaban na ría, como salienta o historiador José Martínez Crespo, no limiar do libro.

Vila aberta ao mar que aínda mantiña toda a súa esencia fotografada durante as décadas de 1950 e 1960 por Avelino Cal Fernández, o elo que conecta as tres xeracións dos Cal. Un traballo fotográfico e de gravación fílmica amador, feito fóra de foco, á marxe da súa actividade profesional como contable da conserveira JOB, cun ollar calmo, como foi toda a súa vida, e un lugar onde se refuxiar nun tempo que sabemos o incomodaba. Unha ollada de Avelino sobre actividades cotiás como a das mulleres que lavan no río, os mariñeiros e redeiras que falan no areal, tres picariños no peirao, escenas da festa da Coca e da procesión da virxe das Angustias ou vistas sobre os viadutos (1950 e 1960), a Xunqueira (1960) e a Ribeira (1965). Ollada de vontade artística onde procura a converxencia da fotografía e da pintura en pezas sobre o lugar da Portela ou a impresionante de canastros en Santa Mariña.

Con todo, constitúe o miolo do libro a escolma do traballo que os irmáns Mundo e Félix Cal iniciaron co final do franquismo, un tempo de entusiasmo no que enfrontaron algún que outro pao na roda, cando toparon ao inicio dos 80 con quen era párroco do Viso daquela. Un arquivo esencialmente social e de estudio, mais que tamén documentou calquera acto ou acontecemento relevante, constituíndo así unha crónica social, política, deportiva e cultural da Redondela das últimas cinco décadas, como as relacionadas coas manifestacións para salvar Regojo (1978) ou do conflito de Telanosa (1986). Como tamén se escolma parte do traballo de Mundo Cal como fotógrafo solidario nas súas viaxes a Nicaragua, México, Ecuador, Cuba…

Recomendo vivamente o libro da Redondela dos Cal, unha obra activadora da memoria colectiva, que contribúe a comprender que a ollada da Redondela do porvir tamén está acuñada nestas placas case centenarias. Parabéns a Mundo e Félix por iniciativa tan valiosa.

Vigo, cidade pedramol

Tras a presentación de Vigo, abella da ribeira, dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pedramol:

Na presentación de Vigo, abella da ribeira (Xerais 2023), tras as brillantes intervencións dos escritores Fran P. Lorenzo e Oriana Méndez, como despois das miñas palabras como autor desta nova escolma de artigos de Campo de Granada publicados desde hai vinte e catro anos en Faro de Vigo, Ledicia Costas preguntou desde a platea do salón de actos do Marco cal era a nosa opinión sobre o carácter de Vigo como cidade pedramol, sintagma creado polo poeta vigués Fran Alonso, xa hai trinta anos, a partir dun verso do seu primeiro libro de poemas, Persianas, pedramol e outros versos (Alacrán 1992): «Mol pedra de pedramol podre». Cuestión que respondeu, tamén dende a platea, Xosé Luís Méndez Ferrín explicando que se trataba dunha marca comercial viguesa, Pedramol, dun tal Esperón de Marín, fabricante dun produto de limpeza comercializado durante os anos da posguerra en paquetes de papel, que se compraba nas tendas de comestibles e nas droguerías e se utilizaba para a limpeza dos aros de ferro da cociña, das tarteiras, tixolas, potas e outros avíos. Relato que ampliou a que o produto podía obterse tamén acudindo a aquelas pedras moles, de aí o nome galego da marca, que se desfacían con facilidade ao pé do castelo de San Sebastián, en «Vigo cidade de castelos e túneles», subliñou, na proximidade da rúa do Pracer.

Intervención do mestre Ferrín que abriu a nosa curiosidade sobre un produto de limpeza e unha marca cen por cen galega que representa a identidade viguesa durante a ditadura. Un produto que comezou a venderse o 8 de agosto de 1941 (data da autorización do Ministerio de Industria), a razón de 0,40 pesetas cada paquete, por parte da sociedade PEDRAMOL, con sede administrativa en Vigo, primeiro na rúa Policarpo Sanz 28 e 30, despois, en Luis Taboada 22, e con explotación técnica no complexo industrial de Chan da Ponte no concello de Salvaterra, onde montou unha cheminea de vinte metros de altura. Un produto que se obtiña da selección e pulverización de pedras terrosas, que se empaquetaban en papel, anunciado como «produto de limpeza natural obtido dos cantos rodados descompostos procedentes do vello leito do Miño, de aplicación na limpeza do fogar», como figuraba no stand 111 da Exposición Industrial de Vigo de 1944. Publicidade agresiva que presentaba o Pedramol como «produto que limpaba e abrillantaba todo: metais, baldosas e utensilios do fogar», «con Pedramol brilla todo cal o sol» e no que «a súa presenza en calquera mercado anula toda competencia».

Paquetes de Pedramol, que lembramos na cociña da casa nosa durante os anos sesenta, cando se anunciaba como «Limpador Pedramol Pulidor», «o único produto que elimina radicalmente o feluxe das cociñas, olas, etcétera, etcétera…», «mil veces imitado e nunca igualado». Como lembro a miña nai fregando con aqueles estropallos o fondo das tixolas, desfacendo as areíñas do pedramol até quedar esgotada e deixar un arrecendo seco na bufarda. Limpador que a marca viguesa, a partir de 1955, compartiría coa distribución exclusiva en Galicia de Mistol, unha escuma de limpeza preparada por Industrias Rojo de Monforte, presentada polos publicistas como «o máis espectacular triunfo da química moderna destinado a todas as limpezas do fogar». Produtos de limpeza que a empresa viguesa,  da que era director xerente Enrique García Rincón, ampliaría en 1965 a lixivia Mar, distribuída naquelas botelliñas azuis de plástico (outra novidade). Catálogo que en 1970 ampliaba á lixivia Xiada, ao deterxente Xia e ao novo Pedramol espumante, utilizando sempre o galego en todas as marcas.

Compromiso social de Pedramol que Borobó abeizoaba no nadal de 1955 pola iniciativa da empresa viguesa de publicar como «christmas» a reprodución da «Romaría da Guía», cadro do gran pintor Francisco Pradilla, fervente namorado da comarca de Vigo. Como tamén Pedramol patrocinaba no mesmo ano, xunto a outras empresas viguesas como Cervexas La Barxa, algunhas etapas da sexta Volta ciclista a Galicia «Gran premio Chocolates Viso». Unha estratexia que converteu a Pedramol durante algúns anos no produto de limpeza máis utilizado en España, tamén unha referencia nas memorias familiares da vida cotián daqueles días difíciles. Como Pedramol forma parte da memoria das industrias viguesas, máis alá dos sectores portuarios, pesqueiros e automobilísticos, en actividades tan diversas, como a editorial Cíes (1941) de Elduayen, os Chocolates La Perfección (1940), Viso e Sabú de Sárdoma, as Cervexas de Santander (1925) da Cruz Blanca e Skol da Barxa, as máquinas de coser Refrey (1948) de Bouzas, as gasosas La Pitusa (1956) de Coia, a Panificadora (1924) da Falperra… Marcas industriais viguesas, non esquezamos, que como Pedramol conforman unha memoria cristalizada como ollada colectiva no porvir.

Adeus Rikitrí

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao peche da taberna Rikitrí:

Coa fin de ano pechou a taberna Rikitrí da rúa Hernán Cortés 14. Dende hai trinta e cinco anos rexíaa Arximiro Rodríguez Carballido, «Miro», que collera o traspaso da Casa Anuncia aberta a comezos da década de 1940. Dende entón a Rikitrí nunca perdeu o sabor dunha taberna de toda a vida, durante o día un lugar acolledor de conversa agradable para tomar unha chiquita ou unha caña, onde se reunían os empregados e veciñanza das proximidades de María Berdiales e Urzaiz, pola noite parada segura de noctámbulos e solitarios na procura da última. Da man do bo de Miro dende 1987 converteuse tamén nun dos templos celtistas da cidade, tanto por ser sede da peña celtista homónima (formada por sesenta persoas), como pola decoración dos teitos con bufandas do Celta e doutros equipos cos que xogou en liga e competición europea e das paredes con equipamentos e fotografías coas que é doado reconstruír a historia do noso equipo nas catro décadas de entre séculos. Como foi tamén a barra humilde da Rikitrí un espazo onde decote se falaba galego con orgullo e se debatía con paixón sobre o futuro incerto do noso primeiro equipo como da propia cidade.

Miro quixo para a Rikitrí que fose tamén un espazo para celebrar a ledicia e a cultura nosa, organizando as polbeiras dos sábados, recitais poéticos ou verbenas e concertos nos que participaron artistas como Alberto Cunha, Acordeireta, Os residuos atractivas ou Zurrumalla, grupo de música tradicional que lle dedicou un pasacorredoiras. Con todo, sempre foi a remada de nadal convocada cada serán de noiteboa e noitevella a actividade máis singular e emblemática desta entrañable tasca viguesa. Dende hai tres décadas máis de medio cento de persoas protagonizaban esta extraordinaria performance ocupando o medio e medio da rúa Hernán Cortes, remando cos seus corpos ao compás dos seus berros, festexando así a amizade e a ledicia coma se fosen participantes dunha competición de traíñas ou yolas no escenario da ría. Unha remada popular que co peche da Rikitrí dificilmente poderá repetirse, sexa pola merecida xubilación de Miro como pola posta en marcha dun proxecto de urbanización que prevé construír dous edificios e unha praza que comunique de forma peonil as rúas de Hernán Cortés e María Berdiales coa rúa Simón Bolivar, o que obrigará a derrubar o edificio da taberna e outros da súa contorna.

Un peche inevitable o da Rikitrí que nos provoca un aceno de doce melancolía, como a propia despedida que reza na porta da tasca na que Miro agradece no remate da súa andaina o cariño, o ánimo e o apoio recibido da súa clientela, que define como «persoas Xeniais, Marabillosas, Fenomenais». Este adeus da Rikitrí supón a testemuña da desaparición dunha comunidade informal que cada día facía cidade, mais que por ventura formará parte da memoria emocional das persoas que vivimos alí momentos de lecer e compañía. Emporiso as tabernas, tascas, bares ou cafés forman parte do sistema nervioso de cada cidade, xa que máis alá do consumo de bebidas e tapas son espazos necesarios para facilitar o benestar emocional e a socialización da veciñanza e das persoas que nos visitan. Un fenómeno vigués moi característico estudado polo escritor José G. Barral Sánchez en Por catro perras (Cardeñoso, 2007), a primeira guía de tabernas e tascas de Vigo, prologada polo lembrado Xosé Ramón Iglesias. Nas páxinas da obra formidable de Barral está a Rikitrí, xunto a outras tabernas clásicas viguesas como Elixio da travesía da Aurora (hoxe na súa terceira etapa da man de Poldo Celard), o Bar Chavolas da rúa Cesteiros, o Bar Pereira da rúa Ecuador, o Racimo no Couto Piñeiro, o Bar Primavera da Ronda, o Estanco de Bembrive, o Porco da rúa Real, entre tantas outras.

Secasí, a partir de agora a de Miro formará parte da longa relación de tabernas viguesas da memoria, desaparecidas como as que ocupaban a praza do Berbés como o Bar Turista, Avencio, Canta Galo, Si Podo, Raúl, Girasol, Rápido ou Diego. Como desapareceu en 2018 o Bar Tapitas e outros sete que había na rúa de Santiago, onde aínda permanece aberto o Bar Nosa Terra. Como desapareceu a taberna da Viúda, onde se construíu o edificio do Colexio de Arquitectos, como hai poucos anos pecharon o Gazpara na praza da Princesa, o Bar Hipólito  e o Buraquiño de Travesas, a Cosechera e o Barajero na rúa Pi e Margall ou o Bar Mascato da rúa Llorente, preto de onde aínda reside a emblemática Casa Roucos, santuario de artistas e escritores vigueses. Como hai tempo que pechou a Casa Armando da calella das Angustias, da que aínda lembro o arrecendo dos callos os xoves e sábados, as mesas de mármore branco puído e as fotografías de viaxes do Celta, espazo de privilexio para os editores de Castrelos, Xosé María Álvarez Blázquez e Darío Xohán Cabana.

Adeus Rikitrí, beizón Miro por tantos anos de agarimo e presenza!

Amigos da Arte

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro do historiador José Luis Mateo Álvarez sobre a Sociedade de Amigos da Arte de Vigo, 1931-1941:

O historiador José Luis Mateo Álvarez, membro moi activo do Instituto de Estudios Vigueses, tras o libro e a exposición sobre a Escola de Artes e Oficios (1886-1976) e sobre a historia do Teatro Keyzán, acaba de publicar A Sociedade de Amigos da Arte de Vigo. Unha década de actividade cultural 1931-1941 (IEV, 2022), outra das súas investigacións imprescindibles para entender que o activismo artístico, cultural e social de lecer constitúe outra hélice do ADN de Vigo como cidade atlántica industrial con vontade de liderar o proxecto galego de acceso á modernidade. Sociedade artística que deixou unha pegada tan indeleble como até agora esquecida na memoria da cidade, mais por ventura recuperada por esta monografía que en palabras do prologuista, o crítico vigués de Arte Carlos L. Bernárdez, «ilumina unha parte da historia cultural da cidade no período republicano e na primeira posguerra» e rescata unha nómina moi ampla de nomes significativos de escritores, xornalistas, editores, pintores, escultores e músicos, que protagonizaron un intenso labor naquel Vigo das décadas de entusiasmo de 1920 e 1930.

Como un dos mellores coñecedores da historia cultural viguesa contemporánea, Mateo identifica nas actividades das sociedades recreativas as experiencias que anticiparon a creación de Amigos da Arte en xullo de 1931. Velaí a Exposición da Arte Galega de 1924, instalada na Escola de Artes e Oficios e organizada polo Ateneo de Vigo (fundado en 1921). Velaí o Primeiro Salón de Primavera de Artistas Noveis, inaugurado o 15 de maio de 1931 no Salón de Festas de Faro de Vigo e organizado pola Sociedade Recreo (fundada en 1928), na que se expuxeron 106 obras de artistas vigueses, entre as que atopaban apenas as de dúas únicas mulleres, as pintoras Elena Agra e Julia Álvarez Prado, que nas súas declaracións reclamaron a constitución en Vigo dunha Sociedade de Amigos da Arte como as xa existentes en Madrid dende 1909 ou Santiago desde 1928. Como tampouco esquece Mateo estudar as relacións de colaboración de Amigos da Arte co Centro de Hijos de Vigo, sociedade recreativa cultural nacida en maio de 1932 coa intención de fomentar o «viguismo» desde posicións apolíticas, entidade organizadora das Festas da Reconquista e do traslado dos restos de Cachamuíña Pereiro, entre outras iniciativas.

Tras sinalar que o primeiro obxectivo da Sociedade de Amigos da Arte foi apoiar ao concello na creación do Museo de Vigo, onde celebrar exposicións artísticas, Mateo salienta que as razóns de ser deste novo axente cultural foron contribuír a enaltecer a actividade de artistas e pensadores e constituír un tecido cultural forte, que transcendese o carácter festivo ou social das numerosas sociedades recreativas existentes dende o século XIX, unha condición que os seus promotores, como os poetas José Antonio Ochaíta e Enrique Romero Archidona, consideraban indispensable para que Vigo se convertese nunha gran cidade. Xaora, constitúe a cerna desta magnífica obra de Mateo a presentación das actividades de Amigos da Arte, como os seus concursos de debuxo infantil, a publicación da revista Horizonte (1932),a participación da súa sección literaria na Semana do Libro, os seus recitais poéticos, as súas conferencias, a incipiente participación das mulleres, a súa actividade teatral e, sobre todo, as súas exposicións artísticas, un dos seus obxectivos principais, proporcionándolle presenza nos salóns do Casino, do Faro ou nas Galerías de Príncipe a unha nova xeración de artistas, «os Novos» como Maside, Colmeiro, Souto, Torres, Eiroa, entre outros.

Se isto xa non abondase, Mateo dedica a parte final do libro a reconstruír as biografías dos artistas vencellados a Amigos da Arte, unha documentación excepcional para ese proxecto colectivo de recuperación da memoria cultural viguesa do século XX. Aquí aparecen os nomes do ourive Ángel Cajaraville Mareque, dos ilustradores Jesús Conde González «Xesús» e Mario González, do ilustrador de pergameos Fernando D’ Oliveira e do seu fillo, dos pintores Emilio Fernández Rodal, Demetrio Lobato, Carlos Sobrino e Luis Gil Vicario, dos escultores Manuel Longa e Camilo Nogueira, entre outros. Como remata Mateo sinalando que a desaparición dos Amigos da Arte a comezos da década de 1940, tras a adaptación dalgúns dos seus membros a nova realidade estética e cultural do réxime, deixou un grande baleiro na actividade cultural da cidade, que en boa medida sería cuberta de forma informal dos parladoiros do Derby, Savoy, Café Colón, Café Tropical ou na Taberna de Eligio, nos que participaba a bohemia artística viguesa, mais ese xa é outro relato por abordar.

Recomendo vivamente este libro sobre Amigos da Arte e parabenizo o excelente traballo de José Luis Mateo.

A Exposición Industrial do 44

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Exposición Industrial de Galicia celebrada en Vigo do 17 de agosto ao 12 de setembro de 1944:

Ao fío do artigo sobre Handicap e a fundación do Celta, no que fixen unha referencia á Exposición Industrial de Galicia celebrada en Vigo entre o 27 de agosto e o 12 de setembro de 1944, foron varias persoas maiores as que me lembraron o impacto que aquela mostra causara en Vigo, nun tempo de autarquía e represión franquista, días tamén de esperanza no que París era liberada da ocupación nazi, no que a cidade comezaba a recuperar as estratexias de desenvolvemento industrial e comercial iniciadas na segunda metade do século XIX. E nunha cidade esquecediza coma a nosa paga a pena lembrar o que foi aquel pioneiro evento feiral organizado coa pretensión de salientar o empeño industrial de Galicia. Mais por ventura podemos facelo seguindo o completísimo artigo de José Luis Mateo Álvarez, historiador a quen tantas esculcas debemos para recuperar a memoria viguesa, publicado en Glaucopis, Boletín do Instituto de Estudios Vigueses (2019): «A exposición industrial de Galicia en Vigo (1944): “o milagre dos corenta días”, un exemplo de arquitectura efémera do réxime franquista».

Conta José Luis Mateo que a idea naceu no mes de maio do mesmo ano nunha reunión de autoridades do réxime e representantes da Cámara de Comercio de Vigo no despacho da Alcaldía, na que o novo Gobernador Civil, Genaro Riestra Díaz, propuxo facer en Vigo unha Exposición Industrial seguindo o modelo das xa realizadas en Bilbao, Valencia e Barcelona. O alcalde, Luis Suárez Llanos, a quen se recorda pola creación da Zona Franca, o deseño da Gran Vía, o axardinamento e repoboamento dos montes do Castro e da Guía, asumiu o financiamento e presentou o proxecto de Exposición Industrial, que sería aprobado no pleno de 29 de xullo cun orzamento inicial de medio millón de pesetas, que logo sería triplicado. De contado comezaron as obras nos xardíns de Eijo Garay, diante da Comandancia de Mariña, espazo no que Fernando Molins Soto, xove arquitecto vigués discípulo de Antonio Cominges, deseñou un recinto expositivo distribuído en tres prazas, que acolleu 125 stands, salón de festas e recepcións, e Luciano Turc Bert, o técnico municipal en xardinaxe, creou uns xardíns, que sen alterar as árbores existentes, deran un punto natural a cada unha das estancias. Os traballos desenvolvéronse a correr en apenas corenta días, velaí a consideración de “milagre”, coa intención de que a mostra fose inaugurada por Franco o 27 de agosto.

Na Exposición Industrial tiveron presenza destacada a Unión de Fabricantes de Conserva e as empresas agrupadas en Suministros Metalúrgicos y Navales S.A. (SUMNSA) dedicadas á construción naval, fundición e industrias do envasado. Como tamén estiveron as estampadoras La Artística, La Metalúrgica e  Alonarti; os estaleiros de Enrique Lorenzo, Troncoso e Santodomingo e Paulino Freire; as porcelanas e vidros de Manuel Álvarez; e empresas de actividades diversas como a Panificadora, Unión Cristalera, Zeltia, Pedramol, La ibense ou Casa Pérez Conde, entre outras. Como indica José Luis Mateo, a burguesía local, que apoiara aos golpistas do 36 e formaba parte da estrutura viguesa do réxime dende o seu inicio, “aproveitou a Exposición como plataforma de promoción para reivindicar o seu protagonismo”. Estratexia das elites franquistas da cidade que tivo o éxito recoñecible tres anos máis tarde, cando o Goberno concedeu ao porto de Vigo a Zona Franca do Norte, o que permitiría o seu aproveitamento comercial intercontinental, facilitaba as exportacións, potenciaba a subministración naval e unha década máis tarde a creación de novas instalacións industriais como a de Citroën.

Ademais da expresión do perfil industrial, fabril e portuario do Vigo da década de 1940, na Exposición estivo presente o traballo artístico dos creadores do Servicio Nacional de Propaganda na decoración dos espazos máis emblemáticos, entre os que estaban o escultor José Luis Medina Castro (ao que o concello de Vigo encargaría en 1949 catro esculturas de animais, entre elas o famoso Oso dunha peza do Castro) e os pintores José Romero Escassi e Juan Antonio Morales (autor dos murais alegóricos A Terra e O Mar da entrada principal). Mentres os artistas vigueses se ocuparon do arranxo dalgúns stands, como Urbano Lugrís (decorador do da unión de conserveiros con motivos mariños e da ilustración do Anuario de Vigo 1944/45 dedicado ao evento) Laxeiro, Demetrio Lobato, Riego, Barbosa, Oliveira e Ernesto Bao (autor do excelente cartel anunciador). Como estiveron presentes membros do sindicato vigués de Artesanía como os escultores Camilo Nogueira e Manuel Longa, o tallista Victoriano Gonzalo Tomé, os ourives Irmáns Hernández  ou o forxador Romero, autor da emblemática “Farola de Urzaiz”, que amosaron algunhas da súas producións máis emblemáticas.

Cortázar en Redondela e Lourido

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a estancia de Juio Cortázar e Aurora Bernárdez en Redondela e Lourido en 1956 e 1957:

As alamedas Castelao de Redondela e Rosalía de Castro de Chapela posúen a singularidade de perpetuar natureza, lecer e memoria dende que no mes de xuño de 2019 algúns dos seus bancos foron identificados cunha placa na que se lembra a intelectuais e artistas relacionados dalgunha maneira co concello. Unha iniciativa de conservación da memoria histórica tan humilde como eficaz e respectuosa, posta en marcha dende o servizo de Normalización Lingüística, que homenaxea a figuras tan diversas como as de Mendiño, trobador; Casto Sampedro Folgar, pescudador do folclore; Reveriano Soutullo, músico; ou de Salvador Dalí, o pintor que deu o seu nome a unha camisa feita na fábrica de Regojo. Unha iniciativa retomada nos meses pasados engadindo novos nomes a outros bancos como os de Alejandro Otero, médico no exilio; Telmo Bernárdez, médico e alcalde fusilado en 1936; José Figueroa, emigrante no Brasil e filántropo; Ernestina Otero, mestra; Antonia Míguez Lago, sindicalista; Juana Domínguez Núñez, dona da taberna Nador; as Mulleres Solidarias de San Simón e do buque Upo Mendi; Ignacio Ramonet, xornalista; o da estirpe Cal de fotógrafos; Rita Regojo, fundadora da ONG Aldeas Infantís ou Suso Vaamonde, cantor e veciño de Chapela, entre outros.

De todos estes bancos da memoria da alameda de Redondela chamou moito a miña atención o dedicado a Julio Cortázar, o escritor que desexou se chegaba algún día a ter un dous cabalos «levar a Aurora a Galicia, instalar cuarteles de primavera en Redondela» e «dedicarse aos paseos, á pesca e a herborizar como Rousseau». Unha metafóra para a historia recollida da carta que o cronopio escribiu en 1956 ao seu amigo o pintor Eduardo Jonquières dándolle noticias da súa primeira viaxe a Galicia coa súa muller, Aurora Bernárdez, filla de emigrantes galegos de Dacón, que pasara varios anos da súa infancia en Vigo e Ourense. Unha viaxe de vacacións a Galicia do matrimonio residente en París que sería lembrada pola propia Aurora nun texto memorialístico que permaneceu inédito até 2015 (El País, 11 de novembro) no que cita a sorprendente paisaxe redondelá no relato dunha longa viaxe nun tren de Renfe, «con cheiro a caspa e sono nos gastados asentos de felpa»: «Por sorte, antes de chegar a Santiago, estivo o agasallo do Miño verde, eglóxico, e de Redondela dende o alto cos seus piñeiros e o seu mar azul meténdose sinuoso na terra.»

Julio e Aurora encantados coa súa primeira experiencia galega volveron o verán seguinte (1957) a Galicia para montar o seu cuartel durante tres semanas no hotel Miramar na praia de Lourido, a mesma que un emigrante arxentino pretendera nos anos trinta transformar no Balneario de Galicia e puxera o nome de praia América. Días inesquecibles en Nigrán nos que na correspondencia coas súas amizades Julio confesa que dominaron os ventos e as nubes, o que non impediu que se bañará como un poseidón. Días nos que a parella paseará polo Val Miñor tomando fotos coa curiosidade de quen pretende saber das características dos cruceiros e dos hórreos que os responsables do hotel chaman para a sorpresa de ambos os dous «canizos». Camiñadas polo piñeiral da península do Monte Lourido, nas que o gran cronopio identifica un arrecendo marabilloso e unha serenidade única. Días felices dos que de regreso a Vigo, no mesmo tranvía no que chegaron, camiño de París, levarán no corpo algunha que outra marca do sol e do vento de Lourido e unhas cantas fotos, algunhas extraordinarias como as tiradas ao pé do peto de ánimas na ponte romana da Ramallosa sobre o Miñor, que formarán parte da súa colección e memoria literarias.

Fotografías tiradas por Julio e Aurora que hoxe forman parte do legado fotográfico de máis de dúas mil pezas entre copias e negativos e cinematográfico (dúas horas de gravación das viaxes por Brasil, India e Uganda) do autor de Rayuela, que Aurora Bernárdez, a súa testamenteira, doou en 2005 á Xunta de Galicia, para ser conservadas no Centro Galego de Artes da Imaxes (CGAI) con sede na Coruña. Un importante legado audiovisual que xunto á biblioteca persoal do escritor, conservada na Fundación Juan March de Madrid, son os únicos documentos conservados de Córtazar en Europa. Mágoa que despois de transcorridos máis de tres lustros este legado cortaziano non estea dispoñible dixitalizado para a súa consulta na rede; unha de tantas outras anomalías dunha institución autonómica creada en 1989, coa finalidade de salvagardar o patrimonio audiovisual galego, que esmoreceu de forma dramática cos gobernos de Alberto Núñez Feijoo.

Non semellaría disparate ningún que o CGAI artellase unha pequena  exposición coas fotografías que Cortázar e Bernárdez tomaron nos veráns do 56 e 57 en Galicia para expoñelas en bibliotecas públicas tan dinámicas como as de Nigrán e Redondela.

Onte 2141: «Illote P. Barraca 16», memorias dun exiliado republicano nos campos de concentración franceses

Lin con moito interese Illote P. Barraca 16 (Galaxia 2021), as memorias de Santiago Rodríguez Salinas, exiliado republicano nos campos de concentración do sur de Francia durante ano e medio. Fillo de Antonia Rodríguez Salinas, profesora republicana represaliada, ao seu regreso á España franquista e tras case tres anos en batallóns disciplinarios, instalouse coa súa nai en Redondela, onde ela daba clases particulares para poder asistir ao seu compañeiro, o xornalista e crítico madrileño Alberto Marín Alcalde, preso na illa de San Simón. Datado en 1983 e do que se conservaban seis copias mecanoscritas polo propio autor, o texto foi recuperado polo seu fillo o titiriteiro, actor e cantor Eduardo Rodríguez Cunha «Tatán», constituíndo o segundo título da nova colección «Memoria Histórica» coa que Galaxia continúa ás achegas memorialísticas doutras coleccións galegas como Documentos para a historia contemporánea de Galicia de Edicións do Castro ou  Crónica de Xerais.

O libro narra a vida cotiá en condicións deplorábeis dun dos 300.000 refuxiados, a maior parte deles, como Santiago, ex-combatentes do exército da República, nos campos de concentración de Saint Cyprien, Le Barcarès e Argelés-Sur-Mer. Lonxe de pretender retratar heroísmos, a obra relata en primeira persoa a miseria, a desgraza e o sufrimento dos internados, sometidos a situacións extremas, agravadas polas condicións climáticas, pola falta da mínima hixiene, a carencia de instalacións sanitarias, a escaseza de alimentos e auga e a crueldade dos gardas senegaleses. Xaora, ao autor cando fai memoria relatando as anécdotas desta vida tan precaria non lle falta nin o humor nin o xeito literario para construír unha peza emocionante para o lector, mesmo a pesar de que a súa intencionalidade, recollida dende o propio limiar, é ofrecer apenas un documento fidedigno e veraz sobre a vida dos exiliados españois nos campos de concentración franceses antes da ocupación alemá.

O rescate do esquecemento deste mecanoscrito constitúe, ademais, unha oportunidade para lembrar a Antonia Rodríguez Salinas, «Dona Antonia», a mestra que coa súa firmeza e sensibilidade marcou dende a súa escola da rúa Telmo Bernárdez a varias xeracións redondelás. Natural dun pequeno pobo de Guadalaxara chegou a Redondela co seu fillo Santiago para acompañar ao seu amor encarcerado na illa, unha historia extraordinaria merecedora de ser rescatada con outro lapis do carpinteiro literario. Como inesquecible e o seu labor como mestra de primaria, que utilizaba os textos de Federico García Lorca para a aprendizaxe da lectura e da escritura e axeitaba aquelas enciclopedias de Álvarez  para que as súas clases de historia e xeografía preparatorias para os exames por libre fosen inesquecibles para os seus alumnos e alumnas. Memoria do labor educativo de dona Antonia que como a doutras esquecidas mestras particulares do franquismo merece ser recuperada.

Nadaliñas viguesas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a felicitar as festas do Nadal:

É tempo de nadaliñas, de felicitacións enviadas no pouso dos afectos a familiares, amizades, colegas e persoas coñecidas. Nadaliñas como as tarxetas impresas nas que durante a ditadura os galeguistas acompañaban os seus mellores votos caligrafados coa reprodución dalgún debuxo, anaco dalgunha panxoliña ou poema ceibe. Cartaces deseñados como espazos para a creatividade, xa que a pesar de utilizar os tópicos da tradición cristiá, reinventaban cada ano a iconografía do Nadal galego. Unha artesanía gráfica dos agarimos, que constitúe un xénero artístico singular con producións memorables como as nadaliñas creadas en Vigo polo pintor Urbano Lugrís para a Serigrafía Galega da Falperra, que coñecemos naquela exposición inesquecible das «Tintas galegas» de Álvaro Álvarez Blázquez. Nadaliñas como as catorce recollidas por Sebastián Risco nun libriño publicado por Isaac Díaz Pardo (outro teimoso creador destas postais) nas Ediciós do Castro (1973) ou como as oitenta escolmadas entre ás nove mil recibidas por Xosé Filgueira Valverde, que acuñou este neoloxismo, nunha exposición de grande carga emotiva comisariada pola súa neta e instalada no Museo de Pontevedra o pasado Nadal.

Nun tempo hibridado onde diminuíu o emprego de soportes impresos para a comunicación até a súa práctica desaparición e onde se secularizou o tempo sagrado de Nadal, na mitoloxía popular galega os trece días coas súas trece noites de lume novo que van entre a Noiteboa e a Epifanía, tamén o tempo de solsticio de inverno das noites máis longas do ano, as nadaliñas actualizáronse como imaxes dixitais e hipertextuais enviadas por mensaxería instantánea ou compartidas nas redes sociais con idéntica intención de partillar os afectos, os soños e as esperanzas. Unha necesidade de cohesión das familias, mais tamén dos grupos de amizade, deportivos ou de traballo, que adoitaban nestas datas xuntarse e intercambiar arredor dunha mesa agasallos, un xeito simbólico de fortalecer e expresar a continuidade dos seus afectos e minimizar as súas inevitables diferenzas e desacordos. Mágoa que as penalidades da pandemia da Covid 19, que volve azoutar estes encontros de inverno por segundo ano consecutivo con cifras máximas de casos activos, obrigue por responsabilidade e prudencia a reducilos ou suspendelos ou a celebralos de forma virtual, ao xeito de longas nadaliñas virtuais.

Recuperar ou reinventar nas pantallas neste tempo de pandemia aquelas nadaliñas galeguistas constitúe un exercicio de memoria neste Vigo transformado durante dous meses en parque de atraccións dun non lugar, unha cidade cada vez máis incómoda para a vida cotiá e o traballo da súa propia veciñanza. Unha memoria dunha cidade que veu celebrando o seu nadal máis xenuíno no bulir dos seus mercados municipais os días previos á cea de Noiteboa, onde non faltaba o bacallau con coliflor e o leite frito na sobremesa. Unha cidade arranxada para descubrir os mellores escaparates engalanados polos comerciantes, para visitar «O feito a man» e celebrar a chegada do ano novo nos bares de viños do Vigo vello, do Calvario, de Teis ou das Travesas, onde en 1974 tocou o Gordo (trescentos millóns) no bar Compostelano da Seara. Un nadal vigués no que se celebra a carreira do pavo (Gran Premio Pedreste de Nadal) dende hai sesenta anos na praza de Compostela, no que percorren as rúas os ranchos de Reis coas súas bandeiras e chascarraschás e as agrupacións folclóricas viguesas celebran nas prazas os manueles e aguinaldos. Un nadal vigués de tantos concertos memorables no García Barbón e no cine Salesianos como aquel primeiro de Siniestro total o 27 de decembro de 1981…

Como sinala o escritor noruego Jostein Gaarder na necesaria continuidade do recordo reside o celme de cada comunidade e a tradición do Nadal vigués pouco ten que ver coa actual exaltación desmesurada do lucerío urbano nin coa antipática competición con non se sabe que cidade para espetarlle que a árbore nosa é máis alta ca súa e nin sequera coa instalación nas rúas céntricas de atraccións de feira na súa tempada baixa. Quero pensar que o espírito do nadal noso continúa anovado nas nadaliñas, impresas ou dixitais, escritas ou sonoras, nas xuntanzas presenciais e virtuais nas que compartimos azos e esperanzas da continuidade de vida, saúde e amor. Unha celebración da esperanza na que non podemos esquecer a todas as persoas que sofren as calamidades da Covid 19 e doutras doenzas (tamén das ocultas), as que viven na precariedade, as que padecen os efectos da violencia, da inxustiza, da desigualdade que as privan dos seus dereitos.

Bo Nadal saudoso e que veña mellor 2022 (actualización dos votos das nadaliñas de Filgueira Valverde)! Os meus mellores votos. Que a estrela dos afectos sexa a luz que nos guíe!

Historia da cidade de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebrar a publicación de Breve Historia da cidade de Vigo, obra colectiva coordinada por J. Miguel González Fernández, publicada polo Instituto de Estudios Vigueses:

A publicación de Breve historia da cidade de Vigo, o libro colectivo coordinado por J. Miguel González Fernández e publicado polo Instituto de Estudios Vigueses, constitúe un fito na historiografía viguesa como no catálogo de publicacións da nosa entidade de estudos locais. Seguindo o fío diacrónico e cun afán de alta divulgación non exento de rigor, o libro ofrece en case trescentas páxinas as claves sobre as que se alicerza a historia de Vigo e a súa área xeográfica. Un percorrido «Dende o Vigo prehistórico ao do final do Imperio Romano», estudado por Ramón Patiño Gómez e Fernando J. Costas Goberna, que presentan o patrimonio de gravados rupestres, poboamentos castrexos, vilas e instalacións de salgadura romanas. Percorrido continuado polos vieiros pouco coñecidos do Vigo medieval do poeta Martín Codax e das igrexas románicas de Castrelos, Coruxo e Bembrive, enfiados no relato de Elisa Pereira García. Vila amurallada e próspero porto pesqueiro e comercial atlántico, presentada de forma moi documentada e atractiva polo coordinador do volume no capítulo esencial dedicado á Idade Moderna.

Xaora, a cerna da obra é a formación da cidade contemporánea abordada dende as perspectivas da súa evolución histórica (Xoán C. Abad Gallego), demográfica (Elena Durán Rodríguez), económica e infraestrutural (M. Pilar López Vidal), urbanística (Xosé Manuel Souto González) e social e cultural (Ceferino de Blas García). Vigo contemporáneo nacido como cidade (leal e valerosa) tras a Reconquista, episodio bélico que máis alá do seu carácter de mito iniciático, polo mérito de ser a última vila galega en ser ocupada polas tropas francesas e ao mesmo tempo a primeira que de xeito autónomo, grazas ao protagonismo das xentes da súa bisbarra, conseguiu sacudirse da bota napoleónica e comezou o proceso da súa independencia administrativa co señorío que o arcebispado de Santiago exercía dende había séculos sobre ela. Vigo que dende 1836 –coa nova lei de concellos, que crearía os de Vigo, Lavadores e Bouzas sobre o espazo xeográfico da ría e do Val do Fragoso– configurouse como municipio en bisbarra, do que forman parte as parroquias costeiras de Santa María de Vigo, Santiago de Vigo e San Salvador de Teis, penetrando cara o interior do Val do Fragoso, polas agrarias de Santo Tomé de Freixeiro, Santa María de Castrelos e San Pedro de Sárdoma.

Vigo contemporáneo desenvolto ao longo do século XIX como unha cidade portuaria cosmopolita, que medra cos empurróns das súas actividades vinculadas co mar cada vez máis diversificadas, sobre a pesca, a conserva e o tráfico transatlántico. Unha cidade que dende a segunda metade do século XIX duplicou en varias ocasións a súa poboación, construíu un impresionante perfil pétreo no seu ensanche burgués extramurallas, desenvolveu varios sectores industriais e comezou o proceso de transformación da súa morfoloxía urbana de núcleo portuario á actual cidade espallada sobre a ría e o val do Lagares. Acuñouse así o mito do Vigo como cidade puro milagre, como urbe única en Europa polo seu crecemento demográfico, industrial e inmobiliario espectacular en apenas un século, unha proeza colectiva que para os seus defensores pouco tiña que ver cunha historia reducida apenas á Reconquista, as pezas romanas e aos cadros do Museo de Castrelos. Mitos sobre os que reflexiona con ollada e coñecemento amplísimo Rafael Ojea Pérez, técnico superior de Cultura e Educación do Concello de Vigo, no extraordinario prólogo do libro que comentamos; un limiar iluminador que constitúe unha peza de ouro na defensa do patrimonio cultural vigués e no seu coñecemento histórico como alicerce sobre o que construír un sinal de identidade e de orgullo colectivos, en definitiva, un novo «viguismo» asentado na Historia propia.

E nesa proposta de Ojea de identificación sólida co pasado é onde cobra todo o seu valor a publicación desta Breve historia da cidade de Vigo, que actualiza cos criterios historiográficos sólidos dos expertos do Instituto de Estudios Vigueses, achegas bibliográficas de divulgación da historia viguesa como as realizadas por José de Santiago e Gómez (1896), o cronista Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez (1949) ou as recollidas naquel Vigo en su historia (1979), obra colectiva coordinada por Álvaro Cunqueiro e Xosé María Álvarez Blázquez. Estudos incrementados de forma exponencial polos membros do IEV, algúns xa falecidos como Lalo Vázquez Gil, Xerardo Sacau, Xaime Garrido, Moncho Iglesias e Gerardo González Martín, entre outros, cuxas monografías contribuíron ao coñecemento do pasado da nosa cidade. Recomendo vivamente esta oportunísima Historia de Vigo e parabenizo ao equipo de autores e autoras do IEV pola súa aposta polo futuro desta nosa cidade milenaria.

Camiño Aberdeen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a primeira clasificación europea do Celta hai cincuenta anos:

Hai cincuenta anos que o Celta xogou a súa primeira eliminatoria da Copa da UEFA fronte ao Aberdeen FC, o equipo da cidade do granito, a terceira en poboación de Escocia. Foi aquela a maior proeza do Celta da miña infancia que, tras unha década enteiriña en Segunda División (dende a tempada 1959-60) na que xogou até cinco promocións, ascendeu por fin na de 1968-69 e despois de afacerse á primeira categoría, xa na seguinte (1970-71) e con Rodrigo Alonso Fariña como presidente e Juan Arza como adestrador, obtivo a sexta praza, até entón unha das mellores clasificacións da súa historia, que lle permitía clasificarse para unha competición europea. Naquela eliminatoria, a primeira que xogaba un equipo galego, o Celta non tivo sorte, o que non impediu que a saudade e o orgullo daqueles dúas derrotas acompañase o noso corazón celeste durante case tres décadas, até que chegaron os días felices das tempadas douradas de entre séculos, que o levarían en seis ocasións a xogar a UEFA (de 1998-99 a 2006-07), a gañar a Intertoto (2000),  a superar a fase de grupos da Liga de Campións (2003-04) e, hai pouco, a quedar ás portas dun remate en tempo de desconto da final da Liga Europa (2016-17).

Consultando a crónica de Manuel R. Varela e as entrevistas de Fernando Gallego a ambos os dous técnicos, publicadas en Faro de Vigo, ou a crónica de Marcelo Otero en El Pueblo Gallego, non hai dúbida de que naquel debut europeo na noite do 15 de setembro de 1971 o xogo do equipo de Arza estivo por baixo do que agardaban os doce mil celtistas reunidos no estadio de Balaídos que un ano antes o alcalde Portanet dotara de iluminación e que con motivo da euforia do ascenso prometera reformar completamente até chegar a contar cunha capacidade de 40.000 espectadores. Crónicas que recoñeceron que o Aberdeen foi superior como conxunto e tivo maior capacidade para desdobrarse na lameira do Fragoso. Os dous goles escoceses que deixaron fóra de combate ao Celta chegaron na segunda parte: o primeiro apenas transcorridos seis minutos da continuación, cando Harper aproveitou cun xutazo un grave fallo de blocaxe de Gost, o noso gardarredes; o segundo un autogol de Cesáreo Rivera, o veterano centrocampista goleador do Carballiño,  cando pretendía despexar de cabeza un saque de recanto que pillou despistado ao noso porteiro. Dous goles desgrazados que arruinaron as esperanzas dun equipo celeste que o deu todo, que quixo e non puido e onde destacaron Rodilla, que pelexou coma un xigante entre a defensa escocesa, algúns dos escintileos de Jiménez e a seguridade de Manolo.

Tampouco acompañou a sorte ao Celta no partido de volta, xogado o 29 de setembro de 1971 no Pittodrie Stadium, onde perdeu por cero a un, nun partido onde os de Arza mereceron máis. Segundo as crónicas de Manuel Tourón en Marca e de J. Vázquez para El mundo deportivo, «o Celta estivo mellor ca en Balaídos», «xogou ben, cunha profundidade case descoñecida». Alarcia, o noso gardameta suplente, parou un penalti, Rodilla fallou unha clara oportunidade e os escoceses marcaron a un minuto do remate. Crónicas que coinciden en que os celestes non se amedrentaron nin se resignaron nun estadio onde os 30.000 afeccionados escoceses compuxeron un orfeón xigantesco nin tampouco decepcionaron co seu compromiso  na lameira ao pequeno grupo de celtistas que os acompañaron nunha viaxe entón moi complicada até a principal cidade portuaria do nordeste de Escocia, hoxe capital petroleira europea. Aquel Celta dos partidos co Aberdeen sería sempre o meu Celta do corazón, porque foi o das primeiras ilusións conscientes. Un equipo que formaba con Gost ou Alarcia na portería; Pedrito e Hidalgo nos laterais; Manolo, Rivas ou Domínguez como centrais; Rivera, Juan e Almagro como centrocampistas e interiores; Lezcano, Jiménez ou Suco como extremos e Rodilla como dianteiro centro.

Cincuenta anos despois, lembrar aos heroes de Aberdeen é un exercicio de memoria que nos reconcilia cos principios da gramática do fútbol celeste coñecidos por unha afección formada en moitas derrotas mais que sabe valorar con prudencia o xogo como corresponde a un equipo modesto que non renuncia cada tempada a enxergar o regreso á competición europea, mais que non esquece tampouco os perigos de volver ás andadas de coller o elevador do descenso. Como a bancada de Balaídos sabe valorar tamén aos seus xogadores de corazón celeste, tanto os da valiosa canteira galega, á que pertenceron naquela xeración do Celta aberdonio os meus admirados Manolo, Rivera e Juan, como aqueloutros afillados e instalados en Vigo, como Pedrito, Lezcano e Jiménez, que cincuenta anos despois continúan dando leccións da causa celtista máis auténtica. Todo un exercicio de sobriedade entusiasta que ben podería ser emulado noutras actividades do país dos galegos.