Marta Souto

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Marta Souto:

Marta Souto pasará a historia de Vigo polo seu traballo como primeira técnica de normalización lingüística do concello de Vigo dende 1992. Funcionaria comprometida co servizo público, será lembrada polas iniciativas que promoveu como a campaña «En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai», iniciada no curso 1991-1992, na que colaboraban a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e o concello de Vigo. Deseñada polo escritor Agustín Fernández Paz e destinada aos centros educativos vigueses pretendía modificar os prexuízos existentes no alumnado e familias arredor do uso e do status do galego, ademais de achegar aos docentes recursos para empregalo como lingua vehicular.

Unha campaña pioneira, que iniciaba tres décadas de colaboración cos centros escolares aos que dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) achegaba propostas de dinamización coas que pretendía vincular a tradición coa contemporaneidade, ao tempo que, como salientou a necrolóxica publicada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), da que foi socia fundadora, «transmitir á mocidade unha visión en positivo da lingua galega». Froito desta angueira foi a creación do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) coa intención de poñer en valor a tradición oral e as novas formas de improvisación, como facía nos obradoiros que organizaba de regueifa, rap e beatbox.

Traballo de fomento do uso do galego que desenvolvía tamén sobre outros eidos que o Plan de dinamización lingüística de Vigo (2007) consideraba estratéxicos (o funcionamento do propio concello, os medios de comunicación, a inmigración, entre outros) coa intención de «facer normal o uso do galego en calquera ámbito da sociedade viguesa». Propósito co que o SNL colaborou de forma continuada coa Universidade de Vigo, fose coa realización de estudos sociolingüísticos como da publicación da colección «Toponimia do Val do Fragoso», iniciada en 2008 co volume de Coia de Iván Sestay Martínez, e da que xa se levan publicadas sete entregas doutras tantas parroquias viguesas. Enfoque colaborativo que Marta imprimiu a outras actividades promovidas polo seu servizo nos mercados municipais e comercios locais, nos programas de fomento da lectura en galego, como «No Nadal… un conto» e «Libros ao sol», no programa Apego de acollemento, na organización da formación en lingua galega, como nos cursos básicos «Achégate ao galego» ou no programa «En galego tamén outros mundos».

Debemos a súa intelixencia emocional e empatía o deseño das accións que consolidaron o uso do galego en Balaídos, iniciado polo speaker durante os mandatos da alcaldía de Manuel Soto, como a tradución do himno celeste ao galego ou a campaña «Gústame o galego de primeira», adaptación dunha iniciativa creada pola CTNL contando coa implicación do RC Celta SAD. Celtista afouta de vella raigame viaxou con aquel Celta de entre séculos, que asombraba nos estadios europeos, e foi comentarista lúcida e rigorosa nas súas intervencións na tertulia celtista semanal de Radio Vigo. Delegada provincial de Cultura durante o goberno bipartito (2005-2009) formou parte do equipo de Anxo Quintana (BNG), sendo a primeira muller que rexeu o deporte galego como directora xeral. Responsabilidade na que loitou arreo pola igualdade real no deporte, concretada na creación da selección feminina de fútbol, que debutou fronte a Catalunya en Balaídos en 2007, e no apoio á creación do colectivo Mulleres Deportistas Galegas. Sen esquecer o seu labor discreto que permitiu que Galicia formase parte da Declaración de San Mamés (29/12/2007), asinada por Ánxela Bugallo cos responsables deportivos de Euskadi e Catalunya, solicitando o dereito das súas seleccións deportivas a participar nas competicións internacionais.

Lembro con saudade a Marta Souto nas reunións que compartimos no Consello Social da Lingua nas que decote valorabamos con inquedanza os datos sobre o estado da lingua na cidade e o devalo do seu uso habitual por parte dos corporativos, incumprindo a modélica Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989. Para quen fixo do fomento da lingua galega unha causa de vida, doíanlle estes datos que representaban un retroceso moi decepcionante. Por ventura, sei que a pesar da crueldade da súa doenza viviu con entusiasmo estes meses esperanzados do Celta de Marián e Claudio, un Celta de canteira de xogo propositivo e un club vinculado e comprometido co país e a súa lingua como ela defendía. Foron a igualdade, a lingua e o deporte os afáns principais de personalidade xenerosa como a de Marta Souto. Afouta pioneira en todos eses eidos, tras o seu prematuro pasamento, merece ser recoñecida polo concello de Vigo como a modélica funcionaria pública que foi.

Porteiro pioneira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a María Xosé Porteiro con motivo da homenaxe que recibe hoxe no Ateneo Atlántico:

No serán de hoxe a escritora e xornalista María Xosé Porteiro será recoñecida na Escola de Artes e Oficios como socia de honra do Ateneo Atlántico, entidade cultural da que foi fundadora en 2017, tanto pola súa traxectoria profesional, política e literaria como e sobre todo polo seu activismo feminista, cívico e galeguista, desde que chegou a Vigo aos catorce anos procedente da Habana, onde se trasladara con apenas catro. Unha das figuras claves da que me gusta chamar xeración viguesa das «Mil primaveras máis», profesionais pioneiras na utilización do galego nos medios de comunicación naqueles anos de entusiasmo da Reforma Política e do inicio da Autonomía. Unha vida comprometida a de Porteiro coas causas máis xustas, singularmente, as da igualdade e as da lingua nosa, que por ventura volve ser celebrada en Vigo, tras recibir en 2020 o Premio Ernestina Otero outorgado polo Consello Municipal da Muller.

Vinculada cos medios apenas con 19 anos, cando durante cinco fixo en La Voz de Vigo, emisora del Movimiento, o programa cultural «Antes del silencio», incorporouse despois a Radio Popular de Vigo, emisora da COPE, entón un fervedoiro democrático, como a primeira muller da redacción de informativos, onde presentou «Jaque a la actualidad» e dende 1981 a 1984 contou cun espazo propio, o programa «A Bisbarra», dedicado á información comarcal, o primeiro integramente en galego nunha emisora en Galicia.  Xornalismo radiofónico que compartiu co escrito, sendo a primeira muller correspondente de El Pais en Galicia, delegada en Pontevedra da revista Tiempo e colaboradora de La Voz de Galicia, coa sección de opinión «Habitación propia» e coas entrevistas da serie «Corte e confección», pola que pasaron boa parte de escritores e escritoras de entre séculos. Xénero da entrevista na que Porteiro é auténtica mestra na que deixou pezas longas memorables con Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e Carlos Casares, indispensables hoxe para entender o devir da literatura galega.

Ademais do xornalismo, que constituíu a súa primeira actividade profesional, María Xosé Porteiro foi dende hai cinco décadas pioneira do teatro, da música e do activismo cultural na cidade nosa. Formou parte do grupo Esperpento de Dorotea Bárcena e Xulio Lago, participou na organización das dúas primeiras edicións, (1972 e 1973) das Xornadas do Teatro Galego en Vigo, celebradas no inesquecible auditorio da Caja de Ahorros da rúa Rosalía de Castro. Promoveu con cantautor Suso Vaamonde a gravación de dous discos pioneiros de Contos galegos para nenos (1979 e 1980). Participou na fundación dos primeiros Premios da Crítica de Galicia (1978), iniciativa anterior á Autonomía, xestada no Círculo Ourensán vigués, na que continúa contaxiando o seu entusiasmo e criterio rigoroso, entre outros activismos pioneiros dos que conserva, como ela confesou, numerosas cicatrices na cabeza de tanto petar con teitos de cristal e muros de pedra.

Foi na súa actividade política, asumida dende o seu compromiso feminista, onde fixo algunhas destas marcas e abriu ao mesmo tempo máis espazos para a esperanza. Tenente de alcaldía do concello de Vigo de 1987 a 1991, creou a primeira concellaría da muller de Galicia, a primeira Casa de Acollida de mulleres maltratadas e o primeiro centro de información municipal para mulleres. Parlamentaria do PS de G-PSOE en dúas lexislaturas, deputada no Congreso (2004-2007), foi delegada da Xunta de Galicia na Arxentina e Uruguai (2007-2009), unha experiencia moi frutífera que lle permitiu coñecer de primeira man o mundo da emigración. Comprometida coas políticas de dereitos civís, cultura e igualdade, na última década, foi escollida como membro do Consello da Cultura Galega, onde coordinou o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, e en 2019 designada polo Parlamento de Galicia como adxunta á Valedora do Pobo.

Actividade pública incesante, que non lle impediu desenvolver unha obra literaria en lingua galega na que explorou os xéneros xornalísticos e o ensaio, e con singular acerto un interesante catálogo narrativo. Coautora dunha biografía de referencia de Celso Emilio Ferreiro (Akal 1982) e de numerosos ensaios arredor da comunicación, foi outra vez pioneira coa súa primeira novela, Covardes (Ir Indo 2001), un thriller considerado como o primeiro da chamada «novela negra viguesa», xénero que Porteiro, narradora experta, revisitou en Tabiba (Editorial Elvira 2023). Como particular interese literario ten a súa celebrada novela Sándalo (Galaxia 2019), na que aborda as relacións entre Galicia e Cuba por medio do relato protagonizado por unha familia que como a súa prendeu raíces en ambas dúas terras.

As miñas beizóns e admiración a María Xosé Porteiro pioneira de tanto para todas.

Príncipe con nomes de muller

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a iniciativa de instlar bancos con nomes de muller:

Segundo conta o historiador Juan Miguel González-Alemparte Fernández no libro Os nomes das rúas de Vigo (1640-1945) (Instituto de Estudios Vigueses 2021), un grupo de veciños do comezo da estrada de Castela, trazada a cordel en 1834 atravesando o barrio do Salgueiral, treito primeiro da estrada Vigo-Villacastín (Segovia) entre a Porta do Sol e o lugar do «Ramalillo», solicitaron en 1861 ao concello que se chamase «rúa do Príncipe». Era xa entón un  dos vieiros principais da cidade do que Nicolás Taboada Leal di na súa coñecida historia de Vigo (1840) que no seu tempo xa «se achaba decruado e achandado na súa maior parte». Viario que dúas décadas despois sería o primeiro en pavimentarse fóra das murallas, xusto cando en 1861 se redactou a súa acta de entrega ao concello (coa excepción da fortaleza do Castro) e o comezo das obras da súa demolición. Proposta de inclusión no rueiro vigués dun príncipe que non era outro que Afonso de Borbón, o futuro Afonso XII, fillo primoxénito e herdeiro da raíña Sabela II, nacido o 28 de novembro de 1857. Aprobado pola corporación o 21 de marzo de 1861, o nome sería conservado dende entón agás nos anos da IIª República, cando foi mudado polo de Capitán Galán.

Rúa do Príncipe que a partir de 1870 adquire o carácter de icona do desenvolvemento comercial e urbano de Vigo, reproducida en numerosas cartas postais, polas que nos facemos idea do seu pulo. Alí establecéronse as oficinas do Cable Inglés (1873), o primeiro café que se abriu en Vigo, o Suízo (1875), no que se falaba inglés e alemán, varios colexios, as primeiras oficinas da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Vigo (1880), o Cárcere e Pazo de Xustiza (1881), a primeira oficina telefónica (1889), a sede do Círculo Industrial e Mercantil (1927), ademais de imprentas, librarías, almacéns, tendas de vestiario, ultramarinos e outros establecementos dun amplo tecido comercial moderno e elegante, nunha cidade que comezaba a multiplicarse. Unha rúa na que se estableceron as consultas médicas e as oficinas comerciais dalgúns consignatarios, que co seu esplendor nas primeiras décadas do século XX converteuse na rúa do paseo, no primeiro espazo para ver e ser visto camiñando dende a Porta do Sol a praza do farol de Urzaiz, mesmo a pesar do seu moito tráfico xa que por alí circulaban carros de bois, coches de cabalos e a motor e mesmo o tranvía durante uns anos, até quedar como a primeira rúa peonil.

Carácter de rúa principal que Príncipe nunca perdeu, a pesar de que nas cinco últimas décadas mudou a súa pel comercial, da que hoxe se conserva só a xoiaría de Ramón Fernández e a Academia de Remedios Vivas, substituída por establecementos de cadeas, a semellanza de calquera outra rúa comercial europea. Xaora, cada xeración conserva na súa memoria os nomes desaparecidos da súa rúa do Príncipe, relación iniciada no meu caso pola mercería La Favorita, calzados Chavalín, Kadete, a mercería Amalia, a Papelería Comercial, a Papelería Española, a libraría Barrientos, os almacéns Alfredo Romero, a dozaría as Colonias, os bolsos de Barros, as galerías da Norma, Karina, Esmar, o salón de fotografía de Pacheco, a farmacia de Carrascal, o obradoiro dos prateiros Hernández, o Sport, a xoguetaría Moya, a xoiaría Arosa, a zapataría Layton, a camisaría La Industrial, a Ideal, Fotoclub, Foto Mecánicos, as galerías Olmedo, os almacéns El Príncipe, Carbajo, a cafetaría Flamingo, entre outros que sei cada lectora completará.

Ademais de conservar o seu carácter comercial, ao que se engadiu o Marco (2002) e a sede do Celta de Vigo (2018), Príncipe é hoxe un espazo público e cívico multiusos, onde se celebran as festas de Nadal e frecuentes concentracións, exposicións ou intervencións de rúa. Velaí neste mes de marzo a inauguración dunha acción magnífica: a homenaxe a dezaseis mulleres destacadas das que se amosa a súa biografía nunha placa colocada en cada un dos bancos instalados ao longo de toda a rúa. Unha iniciativa para renomear con nomes de muller este espazo urbano de privilexio, contribuíndo a desvelar as súas biografías e a construír o relato compartido das mulleres na cidade. Escritoras como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Begoña Caamaño, Xela Arias, Xohana Torres e María Xosé Queizán. Pintoras como Mercedes Ruibal e Berta Cáccamo. Pedagogas como Ernestina Otero, Sofía Novoa e Antía Cal. Actrices como Dorotea Bárcena. Deportistas como María Antonina Sanjurjo Aranaz e Susana Rodríguez Gacio. Sindicalistas como Carmen Segurana e María Araújo. En Príncipe están a partir de agora os seus nomes e a memoria das súas vidas, está a súa xenealoxía, os seus afáns, os seus soños e compromisos. Parabéns a Carmela Silva, responsable da área de Igualdade e Consello Municipal da Muller do concello de Vigo, por tan valiosa intervención na memoria da cidade nosa.

Villalta

Lembramos hoxe o vixésimo cabodano de Luísa Villalta, homenaxeada este 17 de maio. Tras anos de esquecemento editorial, apenas roto pola publicación de Papagaio (Laiovento 2006), en colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira, e máis recentemente d’ As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro 2020), textos escritos (un por día) en diálogo con outros da poesía universal, nos dous meses anteriores ao seu pasamento, nas marxes do Almanaque poético (2004) da editora portuguesa Assírio & Alvin, apareceron, por fin, nas librarías de noso a súa poesía reunida, Pensar é escuro (Galaxia 2023), así como varias achegas biográficas e escolmas da obra dunha autora que durante a súa traxectoria literaria (apenas dúas décadas) teimou na procura da verdade dende a concreción da palabra poética e dunha insurxente liberdade creadora. Publicacións, entre as que salientamos a escolma Así vou eu, formando parte (Chan da Pólvora 2024) de Eva Veiga e Pilar Pallarés, o ensaio e libro das amizades Abonda con vivir (Xerais 2024) de Montse Dopico, e o álbum para lectorado novo Alma de violino (Xerais 2023) de Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez, que dende lecturas plurais coinciden en retratala como unha poeta, dramaturga, narradora, ensaísta, articulista, música, violinista, filóloga, profesora, membro da directiva da AELG e activista… radicalmente comprometida con Galiza e coa súa lingua. Foi a poeta coruñesa, en palabras de Pilar Pallarés, «autora dunha poesía en que coexisten altura intelectual e carácter civil», «sabia no respecto dos contrarios». Foi muller feminista, nacionalista e de esquerdas nunha sociedade literaria de homes, en palabras do seu compañeiro no conservatorio da Coruña Xurxo Souto, «conectada coa forza da vida» e «capaz de romper a orde entre música e poesía». Deixou Luísa un legado literario, edificado con palabras de denuncia que non perderon actualidade ningunha, e que para a súa amiga Marga do Val están «enroladas no seu compromiso ético e político».

Publicado en Nós diario: 06/03/2024

Queizán pioneira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a escritora María Xosé Queizán con motivo do premio Laxeiro que recibiu o pasaso 23 de febreiro::

Coincide este 8 de marzo co premio Laxeiro 2024 outorgado á escritora María Xosé Queizán. Un recoñecemento para unha creadora, pensadora e axitadora viguesa, exemplo para a Fundación Laxeiro de «compromiso coa cultura galega a través da creación e do pensamento» feminista. Unha pioneira no mundo da escrita contemporánea en lingua galega dende a publicación d’ A orella no buraco (Galaxia 1965), a súa primeira novela, como tamén da reivindicación feminista, fose como ensaísta, autora de títulos primeiros nesta causa como A muller en Galicia (Ediciós do Castro 1977), fose como promotora de organizacións feministas como Asociación Galega da Muller (AGM, 1976) e Feministas Independentes Galegas (FIGA 1978), de publicacións como a revista anual Festa da palabra silenciada (1983-2014), da que foi directora. Sen esquecer as iniciativas feministas e artísticas diversas nas que participou: o Teatro de Arte e Ensaio da Asociación da Prensa de Vigo (1958), do que foi promotora e actriz; o Teatro Popular Galego da Asociación Cultural de Vigo (1967), do que foi fundadora; ou a colección «As literatas» de narrativa escrita por mulleres publicada por Xerais (1999), da que foi directora. Sen menoscabo de ser autora dun completísimo catálogo literario que vai da novela e o relato ao ensaio, da poesía ao teatro, do cinema á tradución, Queizán é unha das figuras cimeiras da cultura galega do noso tempo que, a pesar de iniciativas como esta da Fundación Laxeiro ou doutras homenaxes recibidas en Vigo, aínda non foi recoñecida como merece.

Non se poden entender os feminismos actuais sen o teimoso compromiso de María Xosé Queizán que dende hai cincuenta anos participou en todo tipo de iniciativas, manifestos, artigos, estudos, conferencias, debates, xornadas formativas e mobilizacións sobre a situación da muller e a conquista dos seus dereitos que a converteron en referencia do movemento feminista galego. Un camiño sempre arriscado, como o da manifestación na que participou, convocada por AGM o 5 de marzo de 1977 á porta do Corte Inglés de Vigo polo despedimento dunha empregada (Encarna López), que coincidiu coa primeira celebración en Vigo do 8 de marzo (efeméride considerada folclórica, entón, polos sindicatos e partidos de esquerda), que en realidade perseguía denunciar por vez primeira un caso de acoso sexual encuberto pola empresa. Como participou Queizán nas batallas das leis do divorcio e do aborto, tan presentes no Festival Feminista celebrado en Castrelos o 29 de xuño de 1980, organizado pola Coordinadora Feminista de Vigo. Como Queizán escribiu moreas de artigos denunciando a discriminación salarial e a violencia sobre as mulleres, ao tempo que animou en xuño de 1996 o encontro de poetas peninsulares e das illas en Vigo, organizado pola FIGA e a Concellaría da Muller. Sen esquecer o pulo que dende a vicepresidencia do Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo, creado o 2 de decembro de 1993, Queizán imprimiu a celebración do 8 de marzo e a visibilidade na cidade das mulleres e da súa memoria.

Nacida na rúa Urzaiz, na altura do muro da Estación, Vigo foi para María Xosé Queizán o seu berce e cidade amada, como confesou nas páxinas de Vivir a galope (Xerais 2018), o seu referencial libro de memorias: «Vigo é o ritmo humano proletario no que aprendín a camiñar e o aroma peixeiro embriagando as entrañas da cidade, o manifesto atlántico que me orienta». «Cada vez que chego a Vigo e enxergo a ría, chéiroa, sinto unha intensa emoción que me obriga a respirar profundamente e a amar a vida». Unha cidade que, ademais, protagonizou algunha das súas mellores páxinas literarias na novela Amor de tango (Xerais 1992), texto inesquecible sobre a contribución das mulleres viguesas, tanto as traballadoras da conserva como as rapazas dos esperanzados anos vinte, anteriores á Guerra Civil, na conformación de Vigo como unha urbe industrial e cosmopolita. Un libro que contén o primeiro itinerario do mapa do Vigo literario, ao que Queizán tamén contribuíu coa súa novela negra Ten o seu punto a fresca rosa (Xerais 2000) e cos relatos de Sentinela alerta (Xerais 2002).

Xaora, nunha obra escrita dende o seu optimismo feminista e os criterios da racionalidade e a confianza na ciencia, María Xosé Queizán salientou a necesidade de fuxir de calquera tipo de sentimentalismo e procurar a liberdade do ser humano, sometido aos condicionantes da sociedade patriarcal. A súa obra (como a propia vida) constitúe un esforzo por ofrecer unha reflexión sobre a palabra literaria como forma de poder e, ao mesmo tempo, utilizar o poder da palabra como medio para inventar novos modelos de igualdade na relación entre os seres humanos. Un admirable exercicio de coherencia vital e de reflexión literaria permanente que merece ser salientado. Grazas, María Xosé.

Elas, exiliadas e emigrantes

Dedico  o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» :

No espazo público da ampla terraza de Vialia, diante da Sala Inmersiva, estivo instalada durante dous meses a exposición itinerante «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» producida pola Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago dentro dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Unha interesante mostra de rúa que na súa segunda edición narra a historia de trece mulleres pontevedresas que dunha ou doutra maneira foron marcadas pola emigración americana en diversos países, momentos e circunstancias persoais. Trece vidas doutras tantas mulleres anónimas que para as comisarias da mostra, a responsable da cátedra, a profesora María Cadaval Sampedro, e a catedrática emérita María Xosé Rodríguez Galdo, achegadas ao universo amplísimo de «xentes sen historia que protagonizan maioritariamente a nosa historia migratoria».

Trece paneis informativos que honran a mulleres nacidas na emigración como Chita Lamas Barreiro (1909), a primeira voz feminina do exilio galego en Arxentina; Reyna Pastor (1931-2021), profesora universitaria en Rosario e Noemí Cendón (1967), primeira muller en presidir a Irmandade Galega de Venezuela. Mulleres que colleron de forma obrigada os camiños do exilio construíndo as súas vidas, ou boa parte delas, alén mar como Sofía Novoa Ortiz (1902-1987), Concepción Pazó (1907), Blanca Rodríguez Sáez (1897-1972), Margarita Bilbatúa Zubeldia (1900-1979) e Rosina Villaverde (1917-1925) ou outras como Bernarda Pereira Solla (1893-1987) e Concha Nogueira Miguel (1933) que migraron a Venezuela e logo regresaron. Mulleres como Antía Cal (1923-2022) e María Xosé Porteiro que coincidindo cos anos de infancia viviron en Cuba a experiencia emigrante ou o caso singular da mestra e concelleira viguesa Isaura Abelairas (1951-2021), que recuperou os lazos coa familia cubana, interrompidos noutro momento do pasado.

Vidas tráxicas de exilio, como a de Margarita Bilbatúa Zubeldia que, tras o fusilamento en Pereiró dos seus tres irmáns, Antonio, Demetrio e Luis o 27 de agosto de 1936 e ser detida en outubro, fuxiu de Vigo coa súa nai e peregrinou por campos de concentración franceses, antes de embarcar en Calais no Statendam rumbo a México onde arribaría o 26 de xuño de 1939. Unha peripecia de novela desta costureira socialista viguesa, que teimou até reunir con ela en 1945 en México DF a súa cuñada e os seus sobriños, Ángel e Demetrio, os dous fillos do seu irmán Demetrio, coñecido fotógrafo da rúa Príncipe, que se formarían no Colexio Madrid e no Instituto Luis Vives, que anos despois se converterían en referentes do cine mexicano.

Como as tintas da traxedia do suicidio colectivo dos nove pasaxeiros do bou Eva, o 23 de abril de 1937 no porto de Vigo, marcaron dende os catro anos a vida da viguesa Concha Nogueira Miguel, filla de dous dos suicidados, Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira. Ela e a súa irmá pequena serían dende entón «as nenas do bou», apelativo que as perseguiría ao longo dunha vida que construíron agarimadas polos seus avós e polos seus tíos Concha e Jacinto. Tras aprender as primeiras letras na escola de dona Irene, xunto ao cine Tamberlick, Concha estudou para secretaria no colexio Vivas de Príncipe, tendo o seu primeiro traballo con Celso Isla Couto. En 1955 emigrou a Venezuela onde residiu durante unha década, se afiliou ao Partido Comunista e casou co vigués Francisco Mosquera.

Os camiños do exilio tamén marcaron a Sofía Novoa Ortiz, viguesa formada no Conservatorio Superior de Música de Madrid en piano e composición e na Residencia de Señoritas, institución dependente da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, onde tivo por mentora a María de Maeztu. Pioneira da formación musical, continuou os seus estudos en Francia e dende 1930 exerceu como profesora de música do Instituto Escuela. En 1937 Sofía embarcou en Lisboa cara a Nova York, onde anos despois se licenciaría en Filosofía e Letras na Universidade de Columbia. Catedrática de español no Vassar College de Nova York durante dúas décadas, a súa traxectoria foi recollida no magnífico libro de Carmen Losada Gallego, Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga e exiliada (Instituto de Estudios Vigueses, 2020).

A pedagoga Antía Cal, fundadora do Colexio Rosalía de Castro, representa na mostra, as mulleres dunha familia emigrante. Nacida en La Habana viviu en Cuba até os nove anos, para instalarse entre Vigo e Murás, experiencia que recoñeceu como marcante no seu libro de memorias, Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia 2006). Outro tanto recoñece a xornalista María Xosé Porteiro, emigrada a Cuba aos catro anos, que estudou a primaria e a secundaria na illa caribeña, unha herdanza de infancia e adolescencia emigrante cubana que ficará presente na súa vida.

Celebrarmos Rosalía

A recuperación da corda da dignidade para a figura literaria e política de Rosalía de Castro é un dos éxitos recentes máis rotundos da cultura galega. A celebración do 23 de febreiro, data de nacemento da escritora, promovida pola Fundación Rosalía de Castro (FRC) e pola AELG, gaña cada ano máis atención nos centros escolares, na rede de librarías do libro galego e clubs de lectura, ao tempo que as iniciativas de promoción rosaliana, como a alborada gaiteira, as lecturas públicas de textos da autora ou a proba do Caldo de Gloria en bares e restaurantes concitan tamén máis interese para públicos diversos. Iniciativas que neste 2024 se amplían da man da recentemente creada Fundación Xistral coa edición de 20.000 exemplares de Celebrarmos Rosalía, unha pequena e xeitosa antoloxía de textos rosalianos (prosa e verso) de corenta páxinas, agasallada nas librarías pola compra dun libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo. Anxo Angueira, arquitecto e obreiro primeiro da anovación da causa rosaliana, salienta no prólogo desta escolma que «celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move». Unanimidade que o incansable presidente da FRC atribúe a que Rosalía soubo tocar todas as cordas coas que fomos vibrando, desde o seu tempo, todas as xeracións galegas: a da dignidade para a fala, a xente e a terra nosa; a da igualdade para as mulleres, para as humildes e persoas excluídas; e a da liberdade. «Rosalía representa o noso orgullo para proxectar no mundo o que somos e queremos ser». Unha celebración a de cada 23 de febreiro, que como ven propoñendo dende hai anos a AELG debemos considerar como outro día para o libro galego, preñada da ledicia e da esperanza convocados por Rosalía nos versos da súa «Alborada»:

Canta, paxariño alegre,
Canta!
Canta porque o millo medre.
Canta!
Canta porque a luz te escoite.
Canta!
Canta que fuxeu a noite.

Publicado en Nós diario: 21/02/2024

Na Finca da Marquesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Parque e Museo de Castrelos:

Camiñamos até a Finca da Marquesa, nome que a miña avoa Maruja empregaba para ao parque de Castrelos, coa intención de gozar nos xardíns históricos do Pazo da espectacular floración da magnolia soulangeana no seu máximo esplendor. Un manto rosa deitado sobre os prados e sendas da coñecida como «Pradaría do Té», que a causa do cambio climático adianta a súa presenza aos días da Candeloria, anunciando a despedida do inverno, xa que estes magnolios son as árbores que primeiro florecen en Castrelos. Un espectáculo natural único, marco das mellores autofotos posibles, que por riba neste ano chegou acompañado da floración do exemplar de camelia xapónica máis lonxevo de Galicia, coñecido como «Matusalén», que conta con máis de 150 anos de idade, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, situado no interior do labirinto de sebes de buxo do xardín francés. Dúas marabillas naturais de grande valor paisaxístico e botánico, pezas do patrimonio do Parque Municipal Quiñones de León, que o vindeiro 12 de decembro celebra o centenario da sinatura da súa cesión ao concello de Vigo por parte do último Marqués de Alcedo para a súa transformación en museo de arte rexional.

Unha visita aos xardíns históricos que iniciamos polo paseo dos escudos, situado no corredor lateral da Rosaleda, antigo invernadoiro, onde atopamos o primeiro escudo en pedra da cidade, que formou parte da fonte de Neptuno, coa torre do castro e a oliveira, peza defendida polo cronista oficial de Vigo Avelino Rodríguez Elías, que sería utilizada en 1987 como modelo do escudo oficial actual. Mais na visita sorprendeunos no xardín inglés a presenza nun pequeno estanque da figura de Neptuno, unha das iconas nosas, a escultura pública máis antiga non relixiosa das conservadas en Vigo. Trátase dunha peza granítica de metro oitenta de altura que, xunto a dous escudos e dous cipreses formaba parte da fonte de Neptuno situada na Porta do Sol, cuxa cronoloxía reconstruíu a historiadora Beatriz Liz de Cea. Instalada nun manancial de auga potable do que temos noticia xa no século XVII, foi restaurada en tempos de Filipe V (1795), momento no que se colocou a estatua de Neptuno, como reza nunha placa instalada no mesmo paseo do Escudos, ofrecendo para o médico Nicolás Taboada Leal, no seu libro Descripción topográfica e histórica de la ciudad de Vigo (1840), a mellor auga da cidade. Pezas da fonte de Neptuno, hoxe dispersas polos xardíns de Castrelos, que reunidas permitirían a súa reconstrución no propio Vigo vello.

Visita á Finca da Marquesa na que chamou a atención nosa o reclamo dunha exposición temporal no Museo municipal de Vigo «Quiñones de León»: «Alice Austen. Desfacer o xénero». Instalada no sobrado do museo, o que obriga a subir pola formidable escaleira interior de inequívoco sabor inglés, onde están instalados os dous murais de Urbano Lugrís procedentes do Hotel Moderno, «Mapa de Galicia» e «Misterios do mar», a mostra procedente do último Photoespaña recolle medio cento das 8.000 fotografías tiradas por Alice Austen, unha das precursoras e máis precoces fotógrafas estadounidenses. Artista rebelde representou a imaxe da muller moderna e independente que quixo ser. Coas súas accións performativas, creadas coas súas amigas e compañeira, cuestionou os roles de xénero e as convencións da vida vitoriana. E apostou a finais do século XIX de forma vangardista polo deporte, polo atletismo, tenis e ciclismo, actividade que abriu o camiño ao sufraxio feminino. Remata este relato expositivo de deconstrución do xénero, coas imaxes da casa ás aforas de Nova York, onde Austen viviu trinta anos con Gertrude Tate, a súa compañeira de vida, vivenda que quedou asignada nos EE.UU. como un espazo emblemático da historia LGTBIQ.

Unha exposición tan excelente en termos artísticos como sorprendente resultou para nós a súa instalación en tres salas do sobrado do Museo de Castrelos, descontextualizada do resto dos contidos do primeiro museo vigués, até agora pensabamos que centrado na historia da cidade e na exposición e custodia do legado de Policarpo Sanz. O certo é que saímos entusiasmados das experiencias vividas nunha mañá nos xardíns da Finca da Marquesa (Mariana de Wyte, a filla do Marqués de Alcedo) baixo a caloriña do sol de inverno, mais tamén confeso que marchamos algo confusos sobre cal é hoxe o perfil do primeiro museo da cidade, inaugurado o 22 de xullo de 1937 e dirixido e administrado dende o 15 de outubro de 1938 e durante catro décadas polo inesquecible Ángel Illarri Gimeno, que tanto agarimou o pazo, os xardíns como o auditorio. No centenario da cesión de Castrelos ao pobo de Vigo, ben sería contar cun plano estratéxico para a conservación e usos do parque e todas as súas infraestruturas para preservalas nas vindeiras décadas.

Narradoras

Inicio o ano Villalta relendo «Lúa», un conto longo da escritora coruñesa incluído en Narradoras (Xerais 2000). Un texto de escrita orixinal e espírito animalista, construído, como fixera John Berger en King, dende a ollada baixa dunha cadela. Un relato que pechaba aquel libro colectivo de 25 mulleres, o primeiro da colección Abismos, co que pretendiamos contribuír a ampliar a oferta de narrativa de muller en galego, cando era moi escasa a súa presenza nos catálogos e nos premios. Houbo que agardar a 2001 para que, por fin, gañase o Xerais de novela unha muller, Marilar Aleixandre, ou a 2005 para que Teresa Moure fose a primeira que obtivese o Premio da Crítica de Narrativa. Unha anomalía da nosa edición, que non se correspondía co liderado das mulleres nos barómetros lectores, que como sinalaban Teresa Cuíñas e Iria Sobrino no limiar de Narradoras, urxía normalizar: «se as mulleres son as que len, parece lóxico que tamén narren». Por ventura, dende comezo de século, vivimos o empoderamento das nosas narradoras, reflectido tanto nos premios (no Xerais, once; no Blanco Amor, cinco, os tres últimos consecutivos; nos da Crítica, seis) como nas listas dos libros máis vendidos ou na presenza habitual nos clubs de lectura. Mais tamén foron (e, aínda, son) numerosas as violencias que no proceso de recepción das súas obras sofren as narradoras, por parte dunha crítica masculina impregnada de resesos prexuízos patriarcais. Agardo que este ano no que celebramos a proeza creadora de Luisa Villalta, poeta, dramaturga, ensaísta, e tamén, narradora, axude a poñer o foco na excelencia da obra das nosas escritoras, en toda a súa diversidade. Polo que a min respecta non podo máis que recomendar tres grandes libros literarios cos que pechei as lecturas do pasado ano: a novela Furia (Xerais 2023) de María Reimóndez, o libro de relatos e poemas Cinco corujas (Através 2023) de Susana Sanches Arins e o libro de poemas Ultraluz (Xerais 2023) de Ledicia Costas. Por un ano de boas lecturas!

Publicado en Nós diario: 10/01/2024

Premiadas

Non obedece a azar ningún que nas últimas semanas catro creadoras galegas foran recoñecidas pola excelencia do seu traballo artístico. Refírome, claro está, á dramaturga Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática pola peza As alumnas (Galaxia, 2022); á poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía polo libro de poemas Materia (Xerais, 2022); á catedrática e directora de cine Margarita Ledo Andión, Premio Luís Porteiro Garea en recoñecemento ao seu traballo a prol da promoción e uso do galego na universidade; e á cineasta Jaione Camborda, Cuncha de Ouro do 71º Festival de Cine de Donostia polo filme O corno, protagonizado de forma brillante por Janet Novás. Unha proeza política e cultural destas mulleres arrichadas que co talento e afouteza da súa ollada superaron as convencións establecidas polo patriarcado, abordando temas transformadores ou rescatando memorias ocultas de mulleres rebeldes, por ventura, hoxe referentes. Velaí a reivindicación da mestra María Barbeito, símbolo da escola igualitaria da República, protagonista da obra de Carballeira. Velaquí os claroscuros da renuncia á maternidade e o diálogo coa memoria familiar e colectiva da proposta poética de Castaño, incansable activista da dignificación da nosa escrita. Eis a que definiu María Reimóndez como «experiencia visual» íntima e conmovedora de Camborda na procura do esencial das persoas, na que lonxe das olladas masculinas os corpos das mulleres expresan máis cas súas palabras a liberdade das súas escollas e renuncias. Propostas artísticas, como a de Ledo, nas que o emprego da lingua galega se constitúe en eixo normalizador, rachando cos prexuízos e superando barreiras, o que as converte en referentes para as súas artes como para os propios públicos. Beizón para as nosas premiadas tanto polos seus logros e fitos artísticos como polo comprometido das súas olladas e, o que creo tamén moi valioso, pola comunidade alternativa de lectoras e espectadoras que constrúen coas súas obras.

Publicado en Nós diario: 11/10/2023