Onte 573: «Feminismos»

Resultou moi interesante a primeira presentación de Feminismos, o ensaio de Olga Castro e María Reimóndez, celebrada ontre na Libraría Lila de Lilith de Compostela. A glosa do libro correu a cargo de Belén Martín Lucas, tamén a súa prologuista, que comezou salientando que era «unha aposta necesaria». «Enche un oco importante en lingua galega xa que non existía ningunha obra que falase de todos os feminismos». Sinalou a actualidade da obra cando «vivimos os retrocesos promovidos polo capitalismo ultraliberal», así como o seu «ton moi positivo» e de lectura moi amena, recollendo »estratexias de mulleres de todo o mundo para modificar o mundo e a planeta». Belén Martín insistiu na importancia dun libro que «desmonta prexuízos sobre o pensamento feminista, un movemento que defendeu temas que afectan a toda a sociedade, problemas de todas as persoas». «A través dos feminismos podemos transformar a sociedade. Non se pode saír da crise sen pensar coas lentes violetas postas», rematou.

María Reimóndez relatou a orixe do libro. «Cando queriamos facer un libro sobre tradución feminista, pensamos que antes habería que falar de feminismos. Comprobamos que había un baleiro de textos e que había que saír do occidental. Aí naceu Feminismos, coa intención de ofrecer unha obra dirixida a persoas que xa teñen coñecementos como aqueloutras que teñan prexuízos sobre os feminismos». »As teorías feministas non poden ser consideradas só dende occidente, xa non é lexítimo falar só dos feminismos occidentais, xa que as experiencias máis interesantes proveñen hoxe doutros lugares». Confesou as dificultades para acceder a textos en linguas como o xaponés. «Fixemos un grande esforzo de recollida de información e de síntese, xa que quixemos ofrecer un texto accesible». Rematou María Reimóndez salientando que «os feminismos son a maior fonte de innovación da humanidade. O feminismo sempre ten un carácter innovador».

Olga Castro explicou a estrutura dunha obra coa que «pretendimos saír da perspectiva occidental, esculcar outras fontes». «Abordamos unha viaxe multilingüe por todos os continentes para detectar as utopías que parecían inalcanzables e agora forman parte da normalidade» «Intentamos recoller unha pluralidade de achegas feministas sobre temas transversais como a maternidade, sexualidade ou ciberfeminismo, así como desvelar discriminacións e desigualdades, propoñendo estratexias de igualdade, razón polas que procuramos a contribución dos feminismos en diversas ciencias e disciplinas«. «Buscamos que o feminismo adquirise un papel máis central na educación institucionalizada. Moitos dos avances que hoxe temos se deben aos feminismos, sen que se diga», rematou Olga Castro.

Onte 438: Enlace

Dende onte asumín o compromiso de ser enlace contra a violencia machista, contra ese terrorismo que dende 2003 asasinou a 650 mulleres, 40 no que vai no decorrer deste ano. Son enlace de Enlaza Vigo, a iniciativa do Consello Municipal da Muller de Vigo que o venres 23 de novembro construirá na praza da farola un grande farrapo humano, testemuñando a vontade unánime da cidadanía de acabar coa violencia contra as mulleres e construír unha sociedade en igualdade. Nesa angueira colectiva é imprescindible a mobilización colectiva e interxeracional, mais tamén o compromiso de cada unha das persoas cada un dos días do ano para denunciar calquera tipo de comportamento e actitude machista. Chamo a participacipar en tan necesaria iniciativa.

Onte 183: U-la unidade de acción feminista?

Magoume que no Día Internacional das Mulleres houbese dúas manifestacións en Vigo, unha convocada polo Consello Municipal da Muller e a Concellaría de Igualdade e apoiada por 23 organizacións de mulleres, na que se exhibiron só reclamos lilas, e outra da Marcha Mundial das Mulleres, apoiada por militantes do BNG e de EU, na que ondearon numerosas bandeiras desas organizacións. Nun momento delicadísimo, no que a ameaza da precariedade laboral é un feito e algunhas das conquistas das mulleres, como a Lei do Aborto, están en claro perigo pola presión dos sectores máis conservadores e da propia Conferencia Episcopal, semella pouco prudente esta falta de unidade de acción do movemento feminista. Unha esquerda fragmentada, sometida a enleadas cainitas das persoas que a lideran, pode caer na marxinalidade e na irrelevancia social durante décadas. Un perigo que onte albiscamos tras as pegadas de centos de persoas nas rúas viguesas. Quedei preocupado.