Bravo Celta

Marcelino García Toral, no seu partido 400 en primeira división, non agardaba atopar un Celta tan bravo. O veterano adestrador do Villarreal, con vinte e oito tempadas nas costas, probablemente, preferiría agora terse enfrontado a aquel Celtiña conformista e amable de Benítez da primeira volta no estadio da Cerámica, ao que gañaron por un axustado 3-2. Un Celta virado agora polo debutante Claudio Giráldez nun cadro afouto e incómodo, orientado con toda a determinación a obter os tres puntos e liscar a lume de carozo das posicións de descenso. Foi o de onte un encontro emocionante e fermoso para os vinte mil celtistas que acudimos ao coliseo do Fragoso, xa que houbo alternativas na lameira e no marcador, goles ben bonitos nas dúas portarías e lances polémicos resoltos polo VAR, que mantiveron moi elevados as pulsacións dos espectadores até esgotados os minutos de tempo engadido. Terceira vitoria de Giráldez, tamén terceira remontada, tan traballada como merecida, que deixa ao Celta en posición bastante segura, aínda que precise, probablemente, dunha nova vitoria nos catro partidos (difíciles) que restan da competición.

Non cabe dúbida que as intencións de ambos os dous adestradores quedaron claras: as de Marcelino non desengarcharse das opcións europeas; as de Claudio contabilizar tres puntos que afastasen ao Celta o máis posible do Cádiz e Mallorca, os seus rivais directos. Un partido xogado sempre a cara de can, no que dende a primeira xogada, finalizada por Aspas cun xute cruzado que lambeu o pao longo, o Celta buscou a porta visitante. Intención que compartían os xogadores do submarino amarelo, que responderon axiña asoballando ao Celta con clara superioridade na posesión, que Alberto Moreno levou ao marcador xa no minuto 12 cun grande xute que bateu a Guaita. Ao Celta, outra vez, tocáballe remar contra corrente. O que, quizais, non contaba Giráldez foi co erro de medida do vigués Santi Comesaña, que recibiu catro minutos despois cartón vermello (previa chamada do VAR) por unha dura entrada a Williot a oitenta metros da súa portaría. Un lance, que deixaba aos visitantes en inferioridade numérica, que resultaría decisiva para o devir do partido. Tamén catro minutos despois, Aspas forzou arteiramente un penalti, tras ser agarrado de forma inocente por Baena, que o noso Merlín executou coa maior solvencia. E co marcador igualado e superioridade numérica, as tornas, claro está, volvéronse máis celestes.

Comezou, entón, a brillar a valente proposta de Giráldez, que conforma un novo once para cada partido no que conta con todos sen excepcións. Desta volta as novidades foron o regreso á defensa de Starfelt e Manquillo e a primeira titularidade de Damián Rodríguez, coa intención de acompañar a Beltrán na zona central. E non decepcionou o rapaz de Ponteareas no seu debut, tanto polo rigor na condución do xogo como pola asistencia memorable que lle fixo a Larsen, tras un saque de recanto en curto, que o noruegués aproveitou no minuto 39 cunha preciosa cabezada picada. Un gol que demostra que a pizarra de Giráldez funciona tamén en Primeira, como o facía tantas veces co Fortuna na categoría non profesional. Mágoa que a diferenza non aumentase no 46’, tras outra cabezada de Larsen, que aproveitaba un novo gran pase de Aspas en estado de graza. Ao inicio do segundo acto, o Celta estragou dúas posibilidades clamorosas de liquidar o partido, outra vez Larsen ao traveseiro e sobre todo un xute ao pé do pao dereito de Luca de la Torre, que substituíu a Damián sancionado con cartón amarelo. Marcelino respondeu abrindo o partido cun vestiario onde lle sobran opcións de gran calidade. E coa pelota de ida e volta, no 67’ Guedes empatou, tras un roubo en campo propio, precedido de probable falta, e un bo movemento de Sorloth, sempre un pesadelo para Jailson e Starfelt.

Con máis de vinte minutos por diante, Giráldez non se conformaba cunha igualada e sacou a Carles e Douvikas. O Celta dirixido desde o medio centro por Aspas cunha autoridade asombrosa foi a polo partido. Cando Balaídos vibraba entre o medo e a afouteza, Iago fabricou un pase de fantasía para que Douvikas na súa primeira intervención no 82’ cabecease en prancha superando de forma inapelable a Jørgensen. Un gol marabilloso e decisivo co que tremeu o coliseo noso, que demostra a calidade goleadora do grego e o peso que neste Celta ten Aspas, onte como en tantas outras xornadas o mellor xogador sobre a lameira. E con dez minutos por diante, o mago de Moaña, contando coa vella escola de Mingueza e Jailson, dirixiu a posesión e defensa de tan importante resultado. Outra boa tarde dos de Giráldez, que recibiron os máis agarimosos aplausos de tan difícil temporada.

Publicado en Faro de Vigo: 06/05/2024

Galaicofobia

Tras O libro negro da lingua galega (Xerais 2021), o extraordinario traballo de investigación e divulgación de Carlos Callón sobre o galegofobia, o desprezo do galego como lingua e os episodios de represión lingüística, aparece agora Galaicofobia (Galaxia 2024), un moi valioso ensaio de Alexandre Peres Vigo sobre o odio ou desprezo por todo o vinculado con Galicia, o que ven ser pola súa xente, pola súa lingua e pola súa cultura. Dúas fobias documentadas na literatura española dende finais do século XV, lendas negras de desprezo, insultos e inxustizas antigaleguistas con séculos de historia. «Gallegueces» («antes puto que gallego», «Galicia rabo de Castilla», «monstros galicianos», «coz gallega», galego «roñoso» e «mozo de cuerda», «pobo atrasado e arcaico», «gallego el último»…) denunciadas e combatidas especialmente na primeira metade do século XX polo pensamento nacionalista galego como expresión da supremacía da metrópole madrileña, con toques xenófobos e inequivocamente racistas, mais que a pesar diso chegaron as pantallas do cinema e da televisión dos noventa e aos nosos días filtrándose por memes que actualizan os tópicos e estereotipos negativos de sempre (xente atrasada, introvertida e pechada á que lle falta criterio e decisión), como tamén os desa imaxinaria «Galicia profunda» que unha xuíza andaluza nun auto de 2021 localizaba nunha parroquia do concello de Muros. No remate de tan recomendable ensaio, Alexandre Peres Vigo conclúe que «tras 600 anos de galaicofobia resulta pouco probábel a súa desaparición a curto prazo», aínda que sexa « cada vez menos tolerábel e a sociedade galega, canto máis coñece a súa lingua, cultura e historia, maior respecto exixe». Con todo, sendo a cerna da galaicofobia a submisión e o desequilibrio de poder que marcaron as relacións entre Galicia e España, a superación do fenómeno pasa polo apoderamento político e económico de Galicia, outrosí pola vontade de ser do pobo galego reivindicando os seus dereitos e a súa dignidade.

Publicado en Nós diario: 01/05/2024

Radio Vigo EAJ 48

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a noventa aniversario de Radio Vigo:

O 24 de abril de 1934 comezaron as emisións de Radio Vigo EAJ 48, a primeira emisora radiofónica da cidade. Creada por Santiago Montenegro e Emilio Torrado Lima, tamén o primeiro locutor, desde un primitivo estudio do número 2 da rúa Abeleira Menéndez, entón un dos edificios de maior altura, emitía unha programación en probas, na que se mesturaban os contidos literarios cos musicais. Un proxecto de comunicación, promovido por dous lectores de Verne que compartían un espírito moderno e cosmopolita, procedente Montenegro dunha familia de armadores de Bouzas, e Torrado de veteranos comerciantes da rúa Príncipe e profesores de idiomas. Dous amigos emprendedores que quixeron que Vigo contase coa modernidade da radio local, que o ano anterior chegara a Galicia coa posta en marcha de EAJ 4 Radio Galicia en Santiago e coa de EAJ 40 Radio Pontevedra e poucos días antes, dende o 15 de marzo de 1934, coa de EAJ 41 Radio Coruña. Emisora viguesa que coas dificultades económicas provocadas pola Guerra Civil os creadores venderon o 1 de setembro de 1939 a Eugenio González de Haz, comerciante que até entón representaba a General Electric e vendía en Galicia os aparellos de Radio Corporation of America (RCA) fabricados en New Yersey.

O traslado en 1941 a Príncipe 53, onde no primeiro andar se instalaron as oficinas e estudio durante corenta anos, edificio no que se colocou unha antena traída de Barcelona, que logo se trasladaría ao depósito municipal de augas do Castro e máis tarde, en 1965, ao centro emisor do Meixueiro, supuxo a profesionalización da emisora que dende entón xestionou de forma admirable a familia González de Haz. Unha etapa de catro décadas, na que a emisora de Príncipe, onde se instalou un reloxo moi popular na cidade, a pesar das estreitezas impostas polo réxime, entrou na maior parte dos fogares vigueses, onde as grandes voces dos primeiros locutores, Esperanza Criado e Pepe Vázquez (transformado en Fuenteclara na emisión de «Carrusel Deportivo») se fixeron moi populares e queridas. Unha etapa fecunda, dende 1957 asociada á Cadena Ser, na que programas como «Inquietudes viguesas», «Disco dedicado» ou «Caravana fin de semana» ou as retransmisións dos partidos do Celta, contaban con gran acollida. Período no que se incorporou, entre outras, a voz amiga e elegante de Antonio Mínguez a programas como «Tertulia deportiva», «Las cuestiones de cada día» ou «Sin distancias», unha proeza radiofónica pioneira de reencontros de familias emigrantes, compartida con Radio Excelsior de Bos Aires. Como foron moi celebrados os espazos de cinco minutos de José Ramón Martínez, «El hincha Perico», sobre o Celta ou de Xosé María Álvarez Blázquez, «Mar de historias», sobre temas vigueses.

Coincidindo co inicio do período democrático e autonómico, Radio Vigo mudou as súas instalacións a Policarpo Sanz 36 e dende 2006 aos actuais de Areal 8, ao tempo que consolidou a súa programación e diversificou a súa presenza en televisión e internet nun esforzo constante de ofrecer compañía, entretemento de calidade e unha información de proximidade plural e de servizo público á veciñanza viguesa. Catro décadas con fitos destacados que forman parte da historia viguesa. Velaí a presenza do engado da radio en directo no espazo público, fosen as emisións de música en directo dende Nova Olimpia, pasando polos Marathones radiofónicos de até 50 horas ininterrompidas de Pepe Cadavedo e Beni García, até os actuais «Hoy por hoy». Eis o compromiso de RV cos intereses xerais en momentos decisivos, como os especiais das eleccións locais ou a cobertura en situacións críticas, como sucedeu en 2002 coa realizada polo equipo de informativos de Ana Guantes na catástrofe do Prestige ou dos incendios metropolitanos de outubro de 2017. Velaquí o apoio de RV ao deporte local, tanto profesional como afeccionado, como a promoción da emerxente música popular viguesa, promovendo iniciativas como as do «Maketon» xa na vixésima terceira edición.

90 anos de RV, outros tantos de historia da cidade, reunidos agora nun proxecto expositivo comisariado por Aser Álvarez, que se pode visitar na Casa Galega da Cultura. Unha mostra de formato multimedia novidoso, na que as fotografías, documentos e obxectos escollidos poden ser ampliados polo visitante con numerosos audios, doadamente accesibles dende o teléfono móbil por códigos QR. Un mosaico de imaxes e voces que funcionan como fontes de memoria de catro xeracións de oíntes vigueses, capaces no caso noso de desencadear lembranzas tan agarimosas como as da publicidade dos chocolates Noguerol inserida nos «xoves infantís» que seguiamos no transistor da bufarda de Pi e Margall. Gratitude a Radio Vigo por ofrecernos compartir angueira tan valiosa. Recomendo visitar a mostra que a celebra.

Sant Jordi

Os datos do Sant Jordi continúan sendo espectaculares. Tras o baixón da pandemia, segundo os datos de GfK, a consultora que audita semanalmente a venda de libros en España, a facturación do 17 ao 23 de abril de 2023 foi en Catalunya de 23,7 millóns de euros e 1,45 millóns de exemplares, dun catálogo de 80.600 títulos, dos que case dez millóns de euros (40 %) corresponden a libros en catalán (apenas o 18 % do catálogo), o que expresa unha envexable diversidade lectora e unha posición forte da edición catalá. Vendas realizadas nun 71 % na rede de librarías, para a que esta semana supón un terzo da súa facturación anual (máis aínda para as pequenas), concentrándose nun 44 % nas novidades lanzadas no ano, supoñendo os títulos de ficción o 37 %, non ficción 30 % e infantil e xuvenil o 26 %. Cifras ás que se engade a venda de máis de 5 millóns de rosas, segundo o gremio de floristas, nunha xornada de exaltación da lectura, o amor e a identidade catalá, celebrada dende 1929 (coincidindo coa Exposición Universal de Barcelona) e declarada pola Unesco en 1995 como día mundial do libro e dos dereitos de autor. Transformada hoxe en semana das letras e da lectura, con grande presencia nos centros escolares, veciñais e culturais, o Sant Jordi é unha institución cultural consolidada, á que dende Galicia ollamos con envexa, pola impresionante capacidade mobilizadora interxeracional da fórmula «libro e rosa» (factúrase en catalán nunha semana o que o libro galego en todo un ano)  como pola atención que os medios proporcionan a súa programación. Estratexia de éxito que en Galicia a Federación de Librarías, apoiada polo resto de subsectores do libro e da lectura, podería volver a ensaiar saíndo con entusiasmo a rúa o 17 de maio ou o 23 de febreiro, con fórmulas de sedución propias como a do «libro e flor (de toxo ou caravel…)» ou a miña preferida, «libro e molete de pan» (en colaboración coa Federación de Panadarías de Galicia (FEGAPAN), como xa se fai na Praza dos libros de Carballo.

Publicado en Nós diario: 24/04/2024

Distrito industrial

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar a política industrial en Vigo ao fío da publicación do libro Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla (Galaxia 2024) de Antón Baamonde:

A autorización definitiva do Goberno da conexión da factoría de Stellantis á rede de Moi Alta Tensión, prevista no horizonte de 2026, garante o investimento do grupo automobilístico nunha plataforma para a fabricación de vehículos eléctricos. Unha noticia agardada como auga de maio para asegurar a continuidade dunha empresa que transformou a economía viguesa e galega imprimíndolles novo celme industrial desde que en abril de 1958 Citroën Hispania (sociedade constituída o 2 de xullo de 1957) comezara a producir os primeiros vehículos Citroën 2CV (berlina) e 2CV AZU (furgoneta) nunha nave da Aduana na avenida de Montero Ríos. Unha decisión á que non foron alleos un conxunto de factores, entre eles, a existencia dun porto que facilitaba a saída dos vehículos (xa en 1958 embarcaron para Marrocos os primeiros coches fabricados en Vigo); a dispoñibilidade de enerxía eléctrica (o desenvolvemento hidroeléctrico do Miño por parte de Fenosa realízase dende 1955 a 1969); como na firme decisión política do réxime de desenvolver no porto de Vigo unha zona franca (creada xa o 20 de xuño de 1947) correspondente aos portos do Norte, tras as de Barcelona e Cádiz, e instalala unha década despois nos terreos de Balaídos, o que obrigou a expropiar milleiros de fincas no Val do Fragoso.

Arredor da planta de Citroën de Balaídos, inaugurada o 31 de agosto de 1959 con dúas naves e cen traballadores, desenvolveuse ao longo de seis décadas o Vigo industrial contemporáneo, que duplicou a poboación (Vigo contaba 150.000 habitantes en 1960) e provocou a ampliación acelerada da malla urbana (de forma caótica e desordenada) e das infraestruturas (sobre todo portuarias, que utilizaron o recheo da beiramar como espazo de crecemento), ao tempo que se converteu en signo de identidade colectiva de cidade portuaria do automóbil, tamén obreira, dinámica e cosmopolita. Foi Citroën (despois Grupo PSA, hoxe Stellantis) empresa tractora na rexión urbana viguesa, como Zara na coruñesa, que xunto ao sectores tradicionais portuarios con máis de cento cincuenta anos de historia da industria pesqueira e conserveira (a primeira fábrica de conservas hermética da ría de Víctor Curbera Puig comezou a funcionar en 1861 na praia de Arealonga) e do sector do metal e construción naval (iniciada en 1863 cando Antonio Sanjurjo Badía «Habilidades» fundou no Areal o taller de fundición La Industriosa) os que mantiveron cos seus ires e vires a actividade industrial como eixo da economía viguesa e como unha das hélices do ADN identitario da propia cidade.

Pasado industrial tradicional da cidade viguesa (como do propio país galego) que non pode ser desdeñado ou sacado fóra do foco, xa que estas empresas achegan facturación, emprego directo, capacidade exportadora e contribución ao PIB, ademais de que ao seu abeiro apareceron nas últimas décadas unha extraordinaria nube doutras de alto valor tecnolóxico, capitalizadas, internacionalizadas e orientadas á innovación dixital. Unha auténtica revolución silenciosa, un retorno da política industrial sobre o que conversan o pensador Antón Baamonde, autor d’ Unha nova Olanda (Galaxia 2021), e o empresario Daniel Hermosilla, CEO do Grupo Rodiñas, no libro Galicia, distrito industrial (Galaxia 2024), unha das obras máis interesantes e recomendables que se teñen publicado sobre o noso futuro económico. Unha cartografía industrial que no caso da área metropolitana viguesa identifica aquelas empresas que naceron e medraron dentro dos sectores da automoción e do mundo do mar, mais que despois souberon diversificarse noutros sectores como o aeronáutico, o enerxético, o loxístico, o do frío industrial, o do contract (equipamento integral), o da robótica, o das telecomunicacións, o alimentario ou o da biotecnoloxía e da farmacia.

Empresas pequenas e medianas de alto valor tecnolóxico e mercado global instaladas, a maior parte delas fóra dos límites do concello de Vigo, nos parques industriais de Nigrán, Mos e o Porriño, apoiadas nalgúns casos pola Zona Franca, pola Universidade de Vigo ou polos centros tecnolóxicos e hubs dixitais (CTAG, Gradiant e Inova), que para Hermosilla teñen a oportunidade de constituírse en distrito industrial, como unha rede que obriga a respirar unha atmosfera industrial, a contar cunha inequívoca vontade de colaboración, confianza e innovación compartida. Unha oportunidade para que Vigo fose unha nova Turín, na que sen abandonar o seu carácter de cidade do automóbil (eléctrico) fose capaz de diversificar a súa oferta industrial tanto nos eidos do metal como das industrias dos sectores de alto valor tecnolóxico engadido citadas. Se conta coas infraestruturas necesarias, responsabilidade das administracións, Vigo continuará como cidade industrial.

Fútbol, o noso

O Celta ofreceu o sábado unha hora de fútbol poderoso no que o coliseo do Fragoso vibrou e chegou a cantar o Miudiño e a Rianxeira, un repertorio frecuentado só en días moi escollidos, desta volta para celebrar a primeira vitoria local do adestrador Claudio Giráldez. Unha hora de xogo do noso, regado por catro goles noutras tantas veloces transicións, na que todos os celestes semellaban moito mellores do que nos pareceron executando o pesimismo defensivo de Benítez e a súa estratexia rañicas do un cero. Un partido no que o celtismo expresou durante uns minutos unha ledicia contida, o que non impediu que moitos nos preguntásemos até onde chegou o estrago que durante sete meses perpetrou o anterior responsable do vestiario céltico. Un estrago que chegou a afectar ao propio Iago Aspas, o mellor xogador da historia do Celta, como ao escaso creto que Benítez concedeu ao equipo filial e á canteira, a que lle outorgaba un valor residual e un tratamento paternalista aos xogadores utilizados ocasionalmente no primeiro equipo. Unha desfeita de xogo, e tamén de resultados, que custou moitos puntos, preciosos á hora de botar as contas para escapar dun descenso que esta fin de semana coa derrota do Cádiz parece máis afastado.

Ademais de recuperar o valor do xogo aberto, Giráldez foi capaz de activar o entusiasmo e o compromiso do cadro, contando con todos sen casarse con ninguén, tamén con algúns xogadores da canteira, sen descartar a ningunha das fichaxes de Benítez e Luis Campos. Razón pola que en cada partido introduce variantes do once de gala. Así para facerlle fronte a filosofía de García Pimienta de levar a iniciativa do xogo, o porriñés fixo debutar a Williot e recuperou a Carles Pérez, coa intención de ampliar o campo e procurar transicións protagonizadas por dous xogadores veloces con capacidade sobrada de condución e finalización. Ademais, Giráldez consolidou a súa aposta por endurecer o medio campo onde mandase o músculo de Jailson e a recuperación e distribución de Beltrán, unha parella que se consolida, apoiada por Carlos Domínguez e Unai na defensa, achegando orde e superioridade nun espazo cuxo control e esencial para o míster celeste. Unha aposta completada coas súas tres pezas preferidas e insubstituíbles: o central Mingueza, primeira fonte de xogo e creatividade; o carrileiro Hugo Álvarez, imprimindo dinamismo na banda esquerda e Iago Aspas, aboiando na media punta, liderando as transicións, atacando os espazos e rematando onde lle cadre.

Un esquema de fútbol profundo, alegre, arriscado tamén, que Giráldez ensaiou fronte ao equipo canario con todas as consecuencias. Un deseño que os celestes non souberon interpretar até moi pasada a media hora inicial, co marcador en contra dende o minuto 11, cando Herzog cabeceou a rede un saque de recanto, en claro erro defensivo céltico; xogada que os visitantes repetiron minutos despois con fasquía case idéntica, o que obrigou a unha grande parada de Guaita. Media hora inicial en clara inferioridade na que o medo cortou as bancadas do Fragoso. Algo fallaba na pizarra do porriñés. Probablemente fose por unha defensa mal colocada e por realizar unha presión retardada, os celestes foron sometidos polos canarios que buscaban un segundo tanto. Por fortuna, Mingueza acudiu ao rescate coa súa serenidade e confianza lanzando pases en profundidade, superando as costas dos amarelos, dos que naceron a primeira chegada de Carles Pérez diante do porteiro canario e un xute de Larsen que anulou Vallés. Das biqueiras do central catalán naceu a xogada do primeiro tanto, no 37’, un centro moi profundo de Carles Pérez que rematou Aspas na área pequena. As luvas do Merlín de Moaña crearon, apenas dous minutos despois, unha profundidade sobre Williot que conduciu con elegancia veloz e rematou con calidade superando ao porteiro. Dous minutos de ouro que deron a volta a un encontro que tras os axustes e as explicacións do míster no vestiario fixeron da segunda parte unha auténtica festa de fútbol do noso.

Continuación na que foi decisiva a entrada de Douvikas, un dianteiro ideal para atacar os espazos, que se asociou de marabilla con Aspas para marcar o terceiro e para asistir ao de Moaña no cuarto. Goleada que Vallés impediu fose de escándalo cun Celta onde funcionou coma un reloxo o partido soñado polo seu equipo técnico. A festa inundou entón Balaídos, despois de tantos meses de melancolía, consciente da importancia da vitoria. Con todo, o celtismo sabe que hai moito por remar nas seis datas que quedan. Por ventura semella que contamos, por fin, cun bo patrón e ampla tripulación para enfrontar os temporais que aínda quedan e regresar a porto con bonanza.

Publicado en Faro de Vigo: 22/04/2024

Memoria da Terra Chá

O escritor chairego Paco Martín leu o comezo da súa intervención na Polavila Docampo 2024 unha noticia que nos deixou estupefactos e rezaba máis ou menos así: «A proposta do Instituto de Estudos Chairegos levada ao pleno do concello de Vilalba para denominar unha sala do conservatorio de música, a casa da cultura e a biblioteca pública municipal cos nomes do músico Santiago Mato Vizoso e dos escritores Manuel María e Agustín Fernández Paz respectivamente foi rexeitada ao non acadar os dous terzos dos votos corporación, ao absterse o PP». Unha negativa xustificada polo regulamento sobre honras e distincións do concello de Vilalba que desde hai vinte anos obriga a contar cunha maioría cualificada (case unanimidade) para modificar os nomes dos inmobles municipais. Unha argucia que xustifica rexeitar as propostas do IESCHA, ao tempo que manter os nomes de Cidade Cultural Manuel Fraga Iribarne ou Auditorio Municipal Carmen Estévez. Un exercicio de cinismo político que me axudou a lembrar aquelas presentacións e homenaxes de Agustín na súa vila natal, onde nunca faltaban as gabanzas de Agustín Baamonde, líder dos populares vilalbeses, alardeando de compartir pupitre e andanzas escolares co escritor das Fontiñas. É un acto de dignidade que a Biblioteca de Vilalba leve o nome de Agustín Fernández Paz, hoxe o escritor vilalbés máis lido e traducido a media ducia de linguas, aínda máis cando esta biblioteca recibiu unha doazón de case sete mil exemplares do seu legado bibliográfico. Como é un acto de gratitude lembrar ao poeta Manuel María na Casa da Cultura, aínda máis cando foi en Vilalba onde celebrou o 15 de febreiro de 2003 o acto do seu ingreso da Real Academia Galega cun discurso memorable titulado «A Terra Chá: poesía e paisaxe». Os concelleiros populares vilalbeses non poden continuar bloqueando cunha argucia propia do máis reseso filibusterismo os xustos nomeamentos solicitados polo IESCHA, que forman parte todos os tres da memoria e do orgullo da cultura galega.

Publicado en Nós diario: 17/04/2024

Masa verde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a política de arborado do concello de Vigo:

Un dos mellores artigos sobre as árbores en Vigo é «Morte na Rúa da Paz», unha das marabillas que baixo o epígrafe de «Conversas co vento» publicaba Chano Piñeiro, hai máis de trinta anos, nas páxinas de Faro de Vigo. Precedido dunha oración estremecedora («Hoxe o sangue tiña forma de serrín esparexido pola rúa da Paz, aquí en Vigo»), o director de Sempre Xonxa (1989) expresaba a súa indignación pola talla dunhas vellas árbores na rúa próxima a súa botica de Torrecedeira. Como era adoito na súa tribuna, Chano mantiña unha conversa, neste caso coas árbores caídas, preguntando sobre as razóns polas que foron cortadas e lamentando que o «Concelleiro das Árbores», pense que ás árbores hai que metelas nunha «reserva», xunto a outras «plantas raquíticas e árbores escuchimizadas», esquecendo que «os seres humanos podemos, sabemos e debemos convivir con elas». Conclúe decepcionado Piñeiro o seu blues, mesmo a pesar de que «o noso idioma é un dos poucos que tivo a suficiente sensibilidade para recoñecer a feminidade das árbores», asumindo que ninguén vai devolver todo o que achegaron marcando durante cincuenta anos de vida «a chegada da primavera ou facendo do outono unha alfombra» ou, simplemente, «animándonos a brillar con elas».

Dende que Chano publicou aquela conversa coas árbores caídas, seres vivos reducidos a serraduras e madeira polo motoserra, foron en Vigo frecuentes as cortas abusivas das árbores urbanas autorizadas polos diversos responsables de Parques e Xardíns. Tallas que nestas semanas afectaron a todas as castiñeiras de indias do treito da rúa Manuel Olivié comprendido entre o Castro e a Praza de España, o que provocou a desaparición dun precioso arco vexetal, que achegaba tanta sombra e frescura aos que baixo elas camiñabamos. Corta sen paliativos, anunciada polo concello «por motivos de seguridade», que modificará durante décadas a paisaxe no acceso peonil ao Castro, parque xa centenario onde nos últimos anos se realizaron tamén tallas importantes arredor da muralla. Como xustificada tamén por idénticos motivos, anúnciase a talla de acacias negras na ribada de Falperra, un espazo verde entre as rúas Camelias, Cachamuíña e Romil, así como nos taludes de Subida á Costa e Arquitecto Palacios, onde medraron grandes árbores.

Medidas que, como as podas radicais do arborado urbano, provocaron a alarma dos colectivos ecoloxistas e veciñais que denuncian a redución da masa verde da cidade, xa que estas árbores de gran porte son substituídas por outras de pequeno tamaño, cando non por arbustos ou arbores en macetas, o que provoca unha diminución da sombra e elimina a absorción de CO2 que realizan. Unha polémica moi acaída no marco da posta en marcha das estratexias de sostibilidade do concello, incluídas na axenda urbana 2030, á que tampouco é allea a consensuada Lei de Restauración da Natureza da Unión Europea, aprobada o pasado 27 febreiro polo Parlamento Europeo, que obriga a cada concello a garantir que non se produza unha perda de cuberta arbórea urbana. Controversia que a actual concellaría de Parques e Xardíns resolve apenas cun comunicado de prensa onde puntualiza que o goberno local desde 2007 plantou máis de 30.000 árbores, xustifica as tallas aducindo causas de seguridade cidadá, para rematar acusando aos colectivos denunciantes «que non están defendendo o medio ambiente, están facendo política pura e dura, están na política antivigo». Decepcionante achega do goberno municipal para un debate político que, como o da posta en marcha das áreas de baixas emisións, prevista  para 2025, forma parte da cerna da política urbana no contexto actual da emerxencia climática.

Fóra do emprego tan desafortunado dunha etiqueta excluínte para referirse a veciñanza que expresa a súa opinión con datos e razóns, o concelleiro vigués das Árbores, roubándolle a Chano Piñeiro o sintagma, como a contrata municipal que se ocupa do mantemento e coidado dos parques e xardíns, deben asumir que nesta cuestión do arborado urbano hai outra abordaxe posible que vai máis alá da talla e podas radicais ou da plantación de macetas. Por ventura, o núcleo urbano continúa protexido por unha extraordinaria e tupida coroa vexetal, un patrimonio ao coidado das entidades veciñais viguesas do periurbano. Como extraordinaria é a masa verde conservada nos parques de Castrelos, do Castro, da Guía, da Bouza, e do máis recente de Navia, da propia Alameda da praza de Compostela (máis que centenaria), que proporciona sombra (un dereito da veciñanza), elimina carbono e dá acubillo as aves e outra fauna. Nunha cidade que ten unha oliveira como insignia, dende hai cinco séculos, o coidado das árbores urbanas e do resto do seu patrimonio forestal debería constituír un punto de encontro da veciñanza e do goberno municipal.

Galician books

A edición galega regresou á Feira Internacional do Libro Infantil de Bologna, onde grazas á axuda de Cedro e da fundación Xistral contou cun espazo dentro do propio da Federación do Gremio de Editores de España. Unha decena de empresas, entre elas Kalandraka con amplo espazo de seu, contarán co apoio dun catálogo de dereitos no que se presentan setenta novidades das editoras desprazadas, baixo o lema «Galician books». Amais disto, sendo a escritora Fina Casalderrey candidata a Astrid Lindgren Memorial (ALMA), unha escolma da súa obra protagonizará un lugar destacado do espazo expositivo da AGE. Un esforzo dos nosos profesionais do libro infantil e xuvenil, hoxe o primeiro piar da edición en galego, tanto por facturación no mercado interior como por volume de edición, ao que continúa teimosamente alleo a Xunta de Galicia, que fai oídos xordos ás demandas do sector da edición, mais que participa en Boloña con espazo expositivo propio, utilizando o tradicional catálogo de novidades de Gálix. Unha lamentable ausencia de empatía do goberno galego, incrible en Cataluña e Euskadi, onde editoras e administración autonómica van da man nas feiras internacionais, máis aínda cando a Secretaría Xeral de Cultura continúa orientando a súa participación nesta cita, como na de Frankfurt e Guadalajara, máis á promoción turística que á da nosa edición. Sei que de pouco serve lamentar esta desconsideración persistente e severa dos gobernos de Feijoo e Rueda cun sector estratéxico da nosa industria cultural. Como abafa reclamar o cumprimento da vixente lei do libro e da lectura (2006) e a posta en marcha dunha estratexia compartida polos sectores do libro e a Xunta de Galicia para promover o libro, a lingua e literatura galega no mundo. Con todo, a pesar de traballar á intemperie, o sector editorial galego publica hoxe os mellores libros da súa historia, acuñando a marca «Galician books» como produto de excelencia, creatividade e rigor editorial. Proeza colectiva que celebramos con orgullo.

Publicado en Nós diario: 10/04/2024

O descoñecido Carolo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do descoñecido Carolo, primeiro heroe da Reconquista:

Da fértil representación da Reconquista, celebrada a pasada fin de semana, foi o lance máis emocionante (como ven sucedendo todos os anos) o da morte de Carolo, o heroico protagonista do derrubamento a machadazos da porta da Gamboa, das mans de quen tomou Cachamuíña a macheta para proseguir tan temeraria apertura. Un acontecemento presente en todos os relatos da proeza viguesa do serán do 27 de marzo de 1809, mais tamén un nome (Carolo) que polo que sabemos pertence máis a lenda que a historia local, xa que non aparece recollido como tal en documento ningún. Paradoxo ao que xa se refería en 1978 Xosé María Álvarez Blázquez no prólogo de Reseña de la Reconquista de Vigo, o libro monumental de Félix Estrada Catoyra, destacado médico militar, que agardou case setenta anos para ser publicado polo Banco Industrial de Bilbao, despois de que o texto fose premiado en 1909 en Compostela, coincidindo coa celebración do centenario da Reconquista.

No relato daquelas horas decisivas, Catoyra detalla o proceso e as cláusulas de capitulación da praza e forte de Vigo, asinada ás seis da tarde entre Chalot, comandante das tropas francesas, e doutra parte, por Crawford, comandante da fragata inglesa Venus, e polo coronel Morillo. Mais non esquece relatar a impaciencia coa que o Abade de Valadares e o seu exército popular agardaba fóra das murallas; espera rota ás oito e media da tarde cando comezaron a asaltar as portas da muralla, a pesar de contar cuns poucos fusís e carecer de canóns. Chegada esta hora, Catoyra salienta o heroico comportamento de todos os asaltantes e, mais en concreto, que «houbo episodios admirables, como o dun ancián mariñeiro do Berbés que comezou a destruír a machadazos a porta da Gamboa e caeu morto cribado a balazos polo inimigo, heroe anónimo cuxo nome sentimos non ter podido atopar en ningún dos documentos que manexamos mais cuxo feito é citado por todos os historiadores».

Continúa Catoyra o seu épico relato, que segue o do informe militar de Pablo Morillo, sinalando que o ataque foi dirixido polo afouto capitán Bernardo González del Valle «Cachamuíña» «quen ao ver morto ao mariñeiro tomou das súas mans a machada e coa forza hercúlea que o caracteriza fixo saltar as estelas da porta, mais cando esta cedía xa para dar paso aos seus soldados recibiu catro balazos que o fixeron caer en terra». Remata precisando que o tiroteo nas murallas cesou ás dez da noite, hora na que se presentaron dous oficiais franceses coa ratificación da capitulación, que se levou a cabo o día seguinte, 28 de marzo, cando a partir das dez da mañá diante das tropas do Abade de Valadares, Tenreiro e Almeida desfilaron os franceses desarmados en número de 46 oficiais e 1.213 sarxentos, cabos e soldados, antes de ser embarcados en lanchas que os transportaron ás fragatas inglesas fondeadas diante da Laxe.

Relato moi semellante ao da representación actual, que difire pouco do publicado en 1810 por José Fernández Neira en Proezas de Galicia, a primeira obra de autor coñecido impresa en lingua galega, como por Manuel Pardo de Andrade (1814), outro xornalista pioneiro, que rebaixa a tres os balazos recibidos por Cachamuíña, e engade «a quen lle mataron o machadeiro». Como ten grande valor documental a proclama titulada «Habitantes de Galicia»,  asinada o 9 de abril de 1809 polo vicealmirante inglés G. Berkley, conservada no Museo de Castrelos, a primeira referencia impresa do acontecemento da Reconquista, na que se remarca que «as mellores tropas [referíndose ás de Napoleón] poden ser vencidas e aniquiladas polos esforzos unánimes dun pobo determinado a ser libre [Vigo]». Anos máis tarde a figura deste mariñeiro do Berbés sería citada por José de Santiago na súa Historia de Vigo (1896) e polo cronista Avelino Rodríguez Elías, que chegou a identificalo con José Ovelleiro, o que parece dubidoso, xa que como afirma Eduardo Rolland no seu libro de referencia, Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009), este nome non aparece documentado nos libros de defunción.

En todo caso, a pesar de que non hai rastro de papel do alcumado «Carolo», ese mariñeiro de nome descoñecido é o maior e primeiro heroe do Vigo popular, encarnando, como sinala Rolland, «ao pobo común, esforzado e traballador». Unha figura, como a de Cachamuíña ou a dos abades das alarmas do Fragoso, necesarias para fixar o relato da Reconquista como o mito fundacional da cidade da oliveira, recoñecida como leal e valorosa en 1810, que adquire, por fin, o ano seguinte certa autonomía política, tras a abolición dos señoríos da mitra compostelá e a súa declaración como porto franco para as embarcacións inglesas. Tres consecuencias políticas moi relevantes para a historia, representadas no mito dos machadazos de Carolo, dunha cidade que dende entón nunca perdeu a súa ansia cívica.