Edición discreta

Richard Charkin, o lendario editor de Oxford University Press, lembra nas súas memorias que na metade da década dos setenta había unha «norma curiosa» na súa editora que prohibía aos autores dar as grazas aos editores polo seu nome na sección de agradecementos do libro. Procedemento consuetudinario que se baseaba no principio de que os membros da empresa –dende o maquinista da imprenta até o editor de mesa do texto– contribúen na edición e fabricación do libro e por tanto «non correspondía eloxiar a ninguén en particular». Conclúe que non lle parecería mal rescatar aquel costume, sobre todo, cando «en moitos libros actuais hai listas de agradecementos que semellan as do gañador dun Óscar». E a Charkin, editor pioneiro na introdución da tecnoloxía na edición lexicográfica, non lle falta razón, cando reivindica a edición como unha tarefa en man común, na que participan diversas profesións –dende as que se ocupan da escolla e tratamento do texto, da ilustración, da maqueta e do deseño, a aqueloutras da fabricación, distribución, promoción e comunicación do libro– que ceden todas o seu nome ao título do libro e o da súa autoría. Convenzámonos, no mercado editorial do capitalismo tardío, o principal xuíz e propagandista dun libro, dende a súa existencia até a súa duración nos andeis da libraría, é o lectorado. Neste mercado da atención, con máis cifras ca letras, a ningún dos que no seu día asumimos a responsabilidade última de edición pode estrañarnos ser permanente cuestionados, vivir sempre na corda frouxa. Como sabemos que a discreción é un valor imprescindible dun oficio de risco no que, ademais, de procurar a excelencia no tratamento do texto e na calidade do obxecto libro, cómpre acompañar ás autorías e comprometerse no complexo proceso de comunicación pública, asumindo os riscos ineludibles deste difícil labor. O mundo editorial galego teceuse sempre con afouteza. Cando o editor perde esa coraxe, indispensable no oficio noso, sei que debemos deixar o espazo a outros.

Publicado en Nós diario: 05/02/2025

O Vigo de Domingo Villar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do escritor Domingo Villar con motivo da instalación dunha estatua na súa memoria na praza de Compostela:

Baixei a Praza de Compostela coa intención de coñecer a estatua do escritor Domingo Villar, instalada nun banco da alameda, na proximidade da rúa García Olloqui, protexida pola excelsa araucaria centenaria, que alí chantou raíces desde 1890. Custeado polo concello de Vigo con 115.000 euros, o bronce creado polo artista ourensán Pedro Dobao está acompañado dun aparatoso monólito pétreo onde se colocou unha placa, datada en decembro de 2024, cando imaxinamos estaba previsto inauguralo, cun texto en letra maiúscula que reza: «O concello de Vigo, sendo alcalde Abel Caballero na honra de Domingo Villar artesán da palabra, contador de historias e creador de emocións». O monumento ao autor d’ Ollos de auga (Galaxia 2006) e A praia dos afogados (Galaxia 2009) acompaña ás esculturas do noso primeiro xardín centenario, estudadas por Mercedes Bangueses, no Catálogo. Bustos, monumentos conmemorativos, placas de Vigo (IEV 2023).

Pezas, na súa maior parte ocultas, durante os tres meses de estrés ao que o mercado natalicio e a súa feira cervexeira somete a estes xardíns protexidos, entre as que os vigueses e viguesas da miña xeración recoñecemos iconas da nosa infancia, como testemuñan as fotos a carón delas dos días de estrea da palma, tomadas polas fotógrafas do minuto. Velaí as esculturas de animais de José Luis Medina, co «Caracol» xigante a fronte, ou a «Alborada», a «Despedida» ou o «Mariñeiro» do escultor Camilo Nogueira, que por certo, permanece aforcado polo cableado da iluminación do pasado Nadal. Como pertencen ao patrimonio vigués as dúas grandes pezas da praza, a impoñente escultura do almirante vigués Casto Méndez Núñez de Agustín Querol (1890), e o busto do poeta Manuel Curros Enríquez de Lorenzo Coullat (1911), instalado en 1911, na proximidade do palco da música, recolocado hai unha década na proximidade da praza, nos xardíns da Aduana, despois de ser agochado polas autoridades franquistas nun recuncho do Castro. Pezas pétreas, de diversa filiación, que conforman o primeiro espazo escultórico público do ensanche, enriquecido agora coa homenaxe ao novelista vigués.

E méritos sóbranlle a Domingo Villar para presidir unha das cabeceiras da alameda viguesa. Creador dos personaxes literarios do inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez, protagonistas da súa memorable triloxía policial localizada no Vigo metropolitano, Mincho, como o chamaban os seus achegados, quixo que o seu oficio de escritor e guionista imitase ao do artesán, discreto e teimoso, procurando a sonoridade do texto e a súa capacidade para emocionar ao lectorado. Mais tamén foi Villar un creador afouto e destemido, comprometido co carácter fortemente inclusivo dos seus textos, consciente de que coa súa esixencia e humildade contribuía a modernizar na literatura galega o xénero negro. Tranquilo, tolerante, un pesimista alegre, ademais de entreter ao seu lectorado coas súas tramas e localizacións, non renunciou a propoñerlle preguntas con respostas ás veces perturbadoras arredor da soidade e da morte, obxecto sempre das investigacións de Leo Caldas, un personaxe que pasará á historia literaria e á da propia cidade de Vigo. Villar fixo da literatura o seu espazo de resistencia, razón pola que as súas novelas tiñan que doer, como provocar o sorriso e o sarcasmo, como mellor estratexia para achegarse ao celme da condición humana.

Quen foi o seu concienciudo editor galego, Carlos Lema, nun traballo en Grial nº 221 (2019), considera que a novela policial ou negra de Villar é apenas o contexto no que o vigués insire a súa novela social como unha representación democrática. Intención que acada o seu esplendor n´O último barco (Galaxia 2019), localizada en boa medida na Escola de Artes e Oficios, en pleno centro de Vigo, como institución democratizadora e aberta á cidadanía. Coma fixera Camilleri con Vigata, Montalbán con Barcelona ou Lehane con Boston, Domingo fixo de Vigo unha cidade literaria, sendo o pioneiro indiscutible do chamado «Vigo Noir». Deseñou a paisaxe dunha xeografía literaria con paradas na Taberna de Elixio, no Bar Puerto do Areal, no Pirulí (o vello hospital xeral), na lonxa do Berbés, no quiosco das Almas Perdidas, na EMAO ou no xardín histórico da Alameda, agora vivificado coa presenza da súa memoria. Como Mincho exaltou nas tres novelas o coidado artesanal das vides, o traballo heroico dos mariñeiros ou as mellores receitas da nosa culinaria popular como outras expresións emocionais. Mais tamén, e quizais sexa o máis relevante, destilou o espírito máis xenuíno de Vigo como cidade metropolitana, portuaria e mariñeira, estendida sobre a ría, posuidora dun elixir propio presente no recendo do salitre. Domingo fixo de Vigo un espazo emocional, unha cidade de fronteira e unha comunidade de afectos.

Editar pola paz

Aristófanes na súa comedia As aves (estreada no 414 AC) representa os seus concidadáns atenienses precipitándose as librarías «cara os libros», despois de almorzar, coa intención de coñecer as novidades e discutir alí mesmo sobre os seus méritos e defectos. As librarías, xa daquela, convertéranse en punto de encontro e lugar de conversa para o público con intereses literarios. Tito Pomponio «Ático», o primeiro editor-libreiro romano do que se sabe, editor das obras do seu amigo Cicerón, tiña unha profunda cultura, adquirida durante a súa estancia en Atenas (entre 88 e 65 AC), de aí o seu alcuño, e un apaixonado interese polo coñecemento e o progreso da sociedade romana, ademais dunha marcada predisposición pola actividade comercial. Ao longo da historia, moitos editores e libreiros, máis alá de produtores e vendedores de libros, tarefas que nos son propias, asumimos que coas nosas publicacións somos produtores e difusores dos valores e principios máis acaídos para a convivencia: a liberdade, a democracia, a igualdade, a solidariedade, a diversidade, a inclusión, a lectura na lingua propia, a paz… A edición, dende a creación da imprenta no século XV, quedou impregnada dos principios do Humanismo e xa, de forma máis decidida a partir, da Ilustración, converteuse no vehículo primeiro para a difusión dos valores republicanos. Empregando as ferramentas que á edición lle son propias, as palabras e as imaxes dialogando sobre a páxina impresa en esixente harmonía, os libros foron os soportes primeiros da cultura de paz. Nun mundo, no que hoxe está en serio perigo a democracia e a guerra ignora de forma sistemática o dereito internacional humanitario, velaí o xenocidio palestino ou as guerras ocultas de África, as editoras deben actualizar coas súas publicacións novos vieiros para a construción da paz. Razóns polas que cada 30 de xaneiro –celebrado en Galicia dende 1983, a instancias do profesor Xesús R. Jares, como «Día Escolar pola Paz»– cómpre presentar novas edicións pola paz.

Publicado en Nós diario: 29/01/2025

Día escolar pola paz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar as primeiras celebracións en Vigo do Día escolar pola paz (30 de xaneiro):

A primeira celebración en Galicia do Día escolar pola paz (30 de xaneiro) aconteceu en Vigo en 1983, hai polo tanto corenta e dous anos, promovida polo profesor Xesús R. Jares, no Colexio Público García Barbón dirixido pola profesora Marina Cabeza. Unha efeméride instituída en 1964 polo inspector de educación mallorquín Llorenç Vidal co nome de Día escolar de la no violencia y la paz (DENYP), en conmemoración da morte de Gandhi. Celebración que coincidiu coa fundación, tamén en Vigo, do grupo de Educadores pola paz dentro de Nova Escola Galega (NEG) co obxectivo, entre outros, de sensibilizar sobre a necesidade de incorporar nos proxectos educativos de todos os niveis e áreas os valores da paz, a convivencia democrática, os dereitos humanos e a solidariedade. Intencións educativas ás que en 1983 non eran alleas á conxuntura mundial presidida pola atolada carreira con armamento nuclear entre os dous bloques. Como non ignoraban que naqueles cursos non rematara o proceso de cesión ás comunidades autónomas das competencias educativas e tampouco se realizara a necesaria mudanza curricular democrática, que chegaría coa LODE (1985) e LOXSE (1990).

Da celebración do día escolar pola paz nun centro, que contou co apoio das familias e a vinculación das actividades extracurriculares con este proxecto, pasouse o ano seguinte (1984) a súa convocatoria pública, a participación dunha ducia de centros de Vigo e bisbarra, ademais de ser secundada polos departamentos de educación dos concellos de Vigo e Santiago cuxos alcaldes, Manuel Soto e Xerardo Estévez respectivamente, emitiron cadanseu bando (textos históricos) animando á veciñanza a celebrar a efeméride do 30 de xaneiro. Apoios aos que se engadiu o pronunciamento do entón conselleiro de Educación, Víctor Vázquez Portomeñe, recomendando aos centros a celebración da data, que sería incorporada ao calendario escolar en 1988 co goberno presidido por Fernando González Laxe. Entre as actividades de concienciación desenvolvidas en Vigo destacaron a primeira concentración de estudantado e profesorado pola paz (unhas mil persoas na rúa do Príncipe) e a realización de varios programas radiofónicos. Como quedou para a historia a publicación o 18 de xaneiro de 1984 dun monográfico sobre Educación para Paz no número 14 do suplemento de educación «A Pizarra» do xornal Faro de Vigo. Escrito por Xesús R. Jares e por min mesmo, incluía un texto literario precioso, «Néstor e os crepúsculos», de Paz Raña Lama. Monográfico que Faro de Vigo repetiría o 27 de xaneiro de 1985, coa incorporación de traballos de escolares no caderno «O Pizarrín».

Aquela celebración de 1984, argallada por Xesús R. Jares, falecido en 2008, pasará a historia da educación en Galicia polo lanzamento do «Manifesto dos ensinantes galegos pola paz e o desarme», elaborado polos membros de NEG de Vigo e Ourense, coa intención de denunciar a carreira de armamentos, a importancia da presión pública internacional para adoptar medidas de desarme e a reivindicación da Educación para a Paz como elemento esencial para conseguir a paz no mundo. Texto que conseguiu 920 sinaturas de profesionais galegos da educación. Como impacto cidadán obtivo en Vigo a celebración entre o 13 e o 18 de xaneiro de 1984 das «Primeiras Xornadas de Educación para a Paz», que terían continuidade nas edicións de 1985 e 1986, celebradas co aforo sempre completo no Auditorio da rúa Rosalía de Castro da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, entidade tamén patrocinadora.

Hoxe o mundo non é aquel universo bipolar de cabezas nucleares anterior ao derrubo do muro de Berlín. Porén, a Educación para a Paz e os dereitos humanos, como a celebración do 30 de xaneiro, son tan necesarias como hai corenta anos. Hoxe o mundo transformouse nun espazo multipolar, onde non cesan as guerras locais e non se respecta nin o dereito humanitario nin a autoridade das Nacións Unidas. Velaí o que sucede co xenocidio palestino (con 41.000 vítimas estimadas), mais tamén en Ucraína ou nas guerras agochadas de África. Velaquí a estigmatización actual das migracións pola dereita extrema, os milleiros de vítimas nas fronteiras (só no Mediterráneo case trinta mil persoas na última década. Por non falar da precaria saúde do planeta, ameazada polo negacionismo climático, encabezado polo actual presidente dos EE.UU., apoiado polas multinacionais tecnolóxicas, mais tamén, non o esquezamos, polas petroleiras e polo complexo militar industrial, que reclama aos membros da OTAN o incremento da porcentaxe do PIB dedicado a defensa até o 5%. Como hai catro décadas, a cultura de paz e do respecto aos dereitos humanos non pode considerarse apenas un obxectivo educativo máis, cando forman parte esencial das finalidades da educación. Paga a pena reparar no 30 de xaneiro.

Bibliocidade

Manuel Rivas agasallou á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña un limiar memorable, «O ecosistema do libro», para abrir o libriño de Arturo Iglesias As luces dos libros na cidade do faro, que forma parte da serie de roteiros do proxecto «A Coruña Literaria». O autor d’ Os libros arden mal (Xerais 2006) celebra no preludio que a súa sexa unha bibliocidade, pertencente ao universo da lectura e do libro, obxecto que presidiu de forma intermitente o escudo da Coruña dende 1837 e desaparecería da heráldica herculina en 1937 co goberno municipal franquista. O libro de Iglesias é un fermoso percorrido gráfico por catorce das bibliotecas coruñesas, número envexable para esta bibliocidade que en outubro de 2023 contaba con 115.904 bibliocidadáns, se por tales entendemos as persoas que contan co seu carné de usuarias, cifra moi superior ás do Deportivo. Rivas define as bibliotecas como un «ecosistema da des-extinción», «un refuxio da diversidade fronte o baleiro», un lugar físico ocupado por persoas de diferentes xeracións, procedencias, xéneros e pensares; mais tamén un espazo psicoxeográfico, onde conviven a veciñanza actual cos seres da memoria fértil, a imaxinación e a descuberta. Rede bibliotecaria entupida que constitúe o pulmón deste ecosistema coruñés, en diálogo permanente cunha modélica rede de bibliotecas escolares e coa completa programación dos clubs de lectura e das asociacións culturais. Ecosistema que conta, ademais, cun detallado mapa literario de autorías e obras e doutros compoñentes librescos: unha decena de editoras en lingua galega en excitación creativa permanente; un tecido libreiro resistente, diverso e creativo; un calendario de festivais literarios consolidado, dende a Feira do Libro e Viñetas desde o Atlántico de agosto até as convocatorias do ciclo Poetas Di(n)versos; a Residencia 1863, modélico espazo de produción literaria creativa… O caso da Coruña literaria merece recoñecemento, máis aínda cando forma parte da identidade desta bibliocidade.

Publicado en Nós diario: 22/01/2025

San Simón, lugar da memoria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao recoñecemento da illa de San Simón no inventario de lugares de memoria:

Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), plataforma constituída dende 2010 por medio cento de asociacións que en Galicia están a loitar pola memoria, presentou o mes de xullo a documentación prevista na lei 20/2022 na Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática, solicitando fosen incorporados ao Inventario Estatal de Lugares da Memoria Democrática o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón. Trámite que esta semana soubemos foi aceptado polo Goberno de España, tras a publicación do programa da iniciativa «España en libertad 50 años», o que para a IGM, a pesar de non ser aínda informada de forma oficial desta incorporación, supón un primeiro paso satisfactorio no recoñecemento histórico e simbólico destes dous enclaves galegos da memoria que agarda poidan ser ampliados a outros no futuro.

Creado polo artigo 51 da lei 20/2022 de Memoria Democrática,  este inventario é un instrumento de coñecemento e publicidade daqueles espazos, inmobles e sitios nos que se desenvolveron feitos de singular relevancia para a memoria democrática, convertidos en símbolos da loita cidadá pola memoria, vencellados sobre todo, mais non só, coa represión da ditadura e da loita contra o franquismo. Incorporación ao inventario, do que até agora forman parte dezaoito lugares, entre eles o espazo urbano de Gernika-Lumo, o Val de Cuelgamuros ou o Centro Documental de Salamanca, que obriga as administracións, no caso de Meirás á do Estado, no de San Simón á da Xunta, a ocuparse  da súa difusión, identificación, explicación e promoción cidadá por medio da realización de recursos audiovisuais e dixitais, instalación de placas, paneis ou algún distintivo de memoria. Como atendendo ao disposto no artigo 52, apartado 2 da mesma lei, no suposto de que nestes espazos se cometeran crimes de lesa humanidade ou contrarios aos dereitos humanos ou ser lugares onde se realizaron traballos forzosos, as administracións deberán sinalar «puntos de recoñecemento das vítimas indicando cantos datos sexan de interese para o coñecemento público dos feitos».

Mágoa que este anuncio de homenaxe e reparación ás vítimas do campo de concentración que funcionou na illa de San Simón do inverno de 1936 á primavera de 1943, estendido ao buque Upo mendi, improvisado cárcere dos soldados da Frente Norte que non cabían na illa, fose apagado pola intervención no Parlamento de Galicia de José Luis Ferro Iglesias. Deputado do PP de Galicia, no seu día alcalde de Celanova, que asegurou non ter constancia da existencia de mortes na illa de San Simón, «salvo abusos do director daquel momento da prisión que foi pasado polo coitelo». Declaración que se produciu no marco do debate sobre a proposición non de lei, presentada polo PSdeG-PSOE, para instar á Xunta de Galicia a constituír o Consello da Memoria Democrática de Galicia, como órgano de asesoramento nesta materia, e facelo co consenso dos tres grupos.

Mentira ou ignorancia do deputado Ferro sen base histórica ningunha sobre o sucedido durante a Guerra Civil e os anos de terror que a seguiron. Velaí as diversas informacións recentes a este teor, como a detallada de Carolina Sertal en Faro de Vigo, sobre as vítimas do franquismo no campo de concentración da illa de San Simón, que para o investigador Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudios Vigueses, superaron as 517, ás que cómpre engadir as que foron «sacadas» e asasinadas nas cunetas redondelás. Cifra de vítimas na illa que a base de datos do proxecto Nomes e voces do grupo Histagra da USC documenta en 387, moitas delas provocadas polas condicións de miseria extrema, hixiénicas, sanitarias e alimenticias, nas que se apiñaron as arredor de 6.000 persoas que pasaron polo campo. Cifras, en todo caso, moi superiores, como salienta Abad, as vítimas doutros campos penais en Galicia, como o do mosteiro de Celanova (84) ou o do colexio xesuíta de Camposancos da Guarda (70).

Con todo, o máis preocupante da intervención do deputado celanovense é que fai moi explícita a estratexia iniciada polo seu partido de branquear o réxime franquista, mesmo a pesar de que o fixo de forma moi groseira, quizais contaxiado pola ausencia de fineza dos articulistas da dereita que tirando de argumentario da rúa Génova atacan con palabras grosas e escaso talento o programa gobernamental «España en liberdade 50 anos». Secasí, intervencións como as de Ferro e outras voces populares, branquean case catro décadas de férrea ditadura militar e nacionalcatolicismo, que non cesou, nin sequera cando Franco morría na cama, en perseguir aos seus detractores e levalos diante do pelotón de fusilamento. Pretender recuperar a presidencia do goberno negando a verdade histórica e banalizando o sufrimento das vítimas non semella unha estratexia defendible.

 

Coa batería descargada

Tras a eliminación de copa no Bernabeu no serán do pasado xoves, despois de 130 minutos de xogo ao máximo nivel de ansia e desempeño físico e emocional, o Celta quedou coa batería descargada e co tempo necesario para recargala ao cento por cento e contar coa capacidade suficiente para superar ao Athletic, o cuarto clasificado, tamén un dos equipos máis respectados (e acompañados) no coliseo do Fragoso. Secasí, no mediodía chuvioso de onte, diante dun discreto equipo bilbaíno, tamén eliminado nesta rolda de oitavos, aos de Claudio faltoulles a enerxía suficiente para competir con ese extra de entusiasmo e motivación que deu en Balaídos tan excelente resultado na primeira volta. Como tamén é certo que o Celta se presentou cun inhabitual estado emocional aplanado, tras padecer unha penosa actuación arbitral no partido de Copa, tanto a cargo dos colexiados no estadio como os da sala VOR, que sería decisiva para a clasificación do Real Madrid. Condicións precarias para os celestes, ás que, se non abondasen xa estas circunstancias, se engadiron as numerosas baixas fose polas lesións musculares de Aspas, Alfon e Fer López, pezas claves no cadro de Giráldez; pola sanción de Marcos Alonso; polas tres saídas do mercado de inverno, incluída a de Bamba, un dos dianteiros habituais de Giráldez, autor dun gol decisivo en Chamartín, tras un dos seus partidos máis notables; como a incerteza na que viven outros xogadores, como Douvikas, Mingueza, Cervi ou Aidoo pendentes dunha eventual saída neste mercado a última hora.

Diante de semellante panorama, ninguén pode negar a afouteza atrevida de Claudio Giráldez, a quen despois do roubo de copa coñecemos como mestre da retranca, revolucionando o once de gala cun elenco que máis parecía o do Celta Fortuna reforzado por Guaita, Beltrán, Cervi e Borja Iglesias, un equipo de canteira, ao xeito da Real ou (en menor medida) do propio Athletic, cunha idade media por baixo dos vinte e catro anos que se temos paciencia aventura un futuro máis que esperanzador. O adestrador de Cans buscou pernas frescas, dentro das escasas posibilidades coas que contaba. Con ese criterio, mudou de esquerda a dereita a súa tripla de centrais, dándolle toda a responsabilidade da saída do balón a Carlos Domínguez, Yoel Lago e Javi Rodríguez, unha decisión que cando foi anunciada no estadio deixou xeados a moitos seareiros sabidichos que polo baixiño cualificaba de ghamado ao técnico celeste. Nas bandas incorporou a Carreira e a Cervi, xogador que en cada mercado aparece entre as posibles saídas, mais a quen non se lle pode recriminar nunca o seu compromiso. O temón do xogo concedeullo ao xove capitán Beltrán e a Hugo Sotelo, que estreaba o 4 (de Borja Oubiña, entre outros), mentres que na tripla atacante contaba con Durán e Williot, na que sería a súa enésima oportunidade (por desgraza, outra vez desaproveitada), e no sacrificio de Borja disposto a volver pelexar corpo a corpo cos centrais visitantes.

Por desventura, este novidoso once non deu o resultado previsto polo equipo técnico celeste. Dende o inicio, o Athletic concedeu ao Celta a posesión, mais controlou o xogo en ambas as dúas áreas, gañou a maior parte dos duelos decisivos, disparou até en quince en ocasións entre os tres paos (o Celta apenas en tres) e dispuxo de media ducia de claras oportunidades de gol. Os irmáns Williams, entrando dende as bandas coma coitelas, foron un pesadelo para Guaita, que fixo tres paradas de moitísimo mérito; mentres Unai Simón non se estreou ao longo dos noventa e cinco minutos, algo incrible no que vai de tempada. Porén, por estraño que pareza, os goles dos leóns chegaron tras perdas celestes de forza ou concentración (perfectamente evitables). O que sucedeu tamén no gol de Hugo Álvarez, que fixo soñar coa remontada, cando faltaba aínda un cuarto de hora e apareceu o arco da vella entre as cubertas de Balaídos, orixinado por un esvarón de Adama na área, aproveitado con serenidade polo dianteiro ourensán que tras o descanso substituíra a Williot.

A derrota do Celta foi xusta, no seu peor partido dos xogados en Balaídos no que vai de liga. Desempeño mellorable provocado pola decepción vivida no Bernabeu, que o celtismo non esquecerá en moito tempo, ao que non foi allea esa perda de enerxía, tamén de determinación, de intensidade, de concentración e mesmo dese entusiasmo preciso para unha remontada que onte non chegou nin se soñou. Tres derrotas recentes, a de copa e as de liga co Raio Vallecano e co Athletic, que obrigan a reflexionar sobre como organizar o xogo co cadro de xogadores dispoñible, tras o peche do mercado, así como pode recuperar a chispa e o brillo un equipo hoxe exhausto no físico e triste no emocional. O Celta debe cargar a batería.

Publicado en Faro de Vigo: 10/01/2025

A cerna

Na polémica sobre a posibilidade dun pacto pola lingua éche cada vez máis difícil entender como encaixa a elaboración dun novo plan de uso do galego por parte dun grupo de expertos coa determinación expresada polo presidente da Xunta de Galicia de manter a «doutrina 79/2010» e o argumentario lingüicida da «imposición del gallego», que xustificou o decreto de plurilingüismo, cuxo fracaso xa é incuestionable, despois da publicación dos datos do IGE sobre o coñecemento do galego polos escolares. Secasí, despois da presentación do equipo redactor do novo plan, do que forman parte algunhas persoas con contrastada formación sociolingüística, se recoñece o perfil baixo outorgado no grupo á educación lingüística onde, porén, se atopa a cerna de calquera estratexia normalizadora que pretenda recuperar falantes e lectores para o noso idioma. Por moi capaces que sexan estas persoas expertas, e os equipos que elas formen, en propoñer iniciativas innovadoras para o fomento do galego, chegará un momento no que teñan que enfrontar a cerna dunha educación lingüística, recollida nun modelo curricular, compatible co ditame máis recente dos expertos da Carta Europea das Linguas, que (non esquezamos) reclama unha posibilidade de escolarización en galego da Educación Infantil á Universitaria, como de retirar as limitacións actuais das disciplinas STEM en galego. Coa intención de non enredar durante un ano con falsas expectativas, mellor sería que dende xa se iniciase o complexo debate sobre cal vai ser a educación lingüística no sistema educativo galego. Unha prioridade que pasa tanto pola avaliación (por fin!) dos resultados do decreto 79/2010 como pola análise de modelos curriculares que nun entorno plurilingüe permitan que todo o alumnado galego ao remate da escolarización obrigatoria acade idéntica competencia nas linguas oficiais e suficiente en portugués e inglés. Meter a educación lingüística no caixón dos asuntos intocables sería o mesmo que andar ás miñocas, como dicimos no galego de Vigo.

Publicado en Nós diario: 15/01/2025

Historia do Calvario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro Historia do Calvario (1900-1960) de Juan Miguel Fernández-AlemparteGonzález:

Entre as marcas diferenciais de Vigo está a do seu carácter de cidade policéntrica construída entre a ría e o val do Fragoso, que ademais do chamado «Vigo centro» (o Vigo Vello e os seus ensanches do Areal, Peniche e Casabranca), conta con outros núcleos urbanos históricos, como a vila de Bouzas, os barrios do Calvario, de Teis e das Travesas, ademais dos máis recentes de Coia e Navia. Nomes, algúns deles, que forman parte ademais do que X.L. Méndez Ferrín identificou como «nomenclátor fantasmal de Vigo», o dos espazos urbanos que están rexistrados no rueiro con nomes administrativos distintos aos que dende xeracións emprega a veciñanza. Estes son os casos de topónimos fantasmas de nomenclatura clandestina como Os Choróns, Peniche, As Travesas, Os Caños, A Calzada, Casabranca, O Couto, O Campo de Caralladas, O Barrio do Cura ou os topónimos da maior parte das praias.

Ambas as dúas condicións, a de núcleo urbano histórico e a de topónimo fantasma, caracterizan ao barrio do Calvario. Nome que o profesor Gerardo Sacau identificaba con «cume», tendo a súa orixe nun adxectivo latino, e o historiador Juan Miguel González-Alemparte Fernández documenta por vez primeira no catastro do Marqués de la Ensenada (1753) como «eidos e montes no Calvario». Un barrio popular de xentes humildes,  nacido a finais do século XIX no concello de Lavadores, de economía agropecuaria, a carón do lugar de Riomao e arredor das primeiras vivendas construídas no tránsito do século XIX ao XX, que corresponden cos números 163 e 165 do actual paseo peonil de Urzaiz, ao chegar á chaira da nova estrada de Vigo a Villacastín, obras iniciadas en 1837 co deseño da primeira rúa do Príncipe, que duraron varias décadas. Co tempo, aquel viario converteuse en eixo aglutinador dun desenvolvemento urbano que desbordou os lindes iniciais, prolongándose cara o Alto do Seixo e a Pardaíña, até os Choróns (onde se situaba o fielato da cidade de Vigo), Riomao e a actual rúa Doutor Carracido.

O Calvario, por ventura, xa ten publicada historia de seu. Grazas ao investigador e veciño do barrio Juan Miguel González-Alemparte Fernández, membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), e ao mecenado da Asociación de Veciños do Calvario, está dispoñible nas librarías viguesas Historia do barrio de O Calvario (1900-1960), a primeira achega historiográfica sobre o que Xoán Carlos Abad Gallego, autor do limiar e presidente do IEV, cualifica como «populoso e dinámico miradoiro sobre a ría [de Vigo] e o val [do Fragoso].» Un libro, xa de referencia, que se engade a impresionante e estensa produción bibliográfica do autor, doutor en Historia Moderna, entre as que destacan as súas achegas sobre a historia das illas Cíes, a anexión do concello de Bouzas, a memoria histórica do barrio de Teis, así como os capítulos sobre Vigo na Idade Moderna, incluídos en diversas historias de Vigo, como a pioneira de Vía Láctea (1999) até a máis recente e actualizada da Breve historia da cidade de Vigo (IEV, 2021).

Concibida con intención divulgadora, esta historia do Calvario de Juan Miguel encádrase na corrente da microhistoria (a historia do pequeno) e forma parte dos traballos que pretenden poñer de relevo a memoria histórica de parroquias e barrios. Con esa intención documenta apenas seis décadas do Calvario, dende o inicio do século XX, cando o barrio contaba con 585 habitantes de feito até a década de 1960, lindeiro da memoria da veciñanza maior de hoxe, cando a súa poboación, tras o aluvión demográfico e a boa comunicación por tranvía con Vigo, achegábase aos dez mil habitantes, xente modesta na súa maior parte. Como documenta o autor o desenvolvemento arquitectónico do Calvario, dende o Mercado de Abastos, aspiración da veciñanza xa en 1903, que tardará en inaugurarse até 1925 (do que neste ano celebramos o seu centenario), pasando pola descrición das edificacións máis singulares (o Colexio Mariano, o edificio da Caixa de Aforros, a Igrexa dos Picos do arquitecto A. Román Caride…) até o importante impacto social do tranvía e o estudo do das modificacións do rueiro (sobre todo as que obrigou a anexión a Vigo do concello de Lavadores en 1941).

Historia do Calvario que rescata do esquecemento moitas das biografías dos seus pioneiros, dos seus cines e salas de lecer, dos comercios, cafetarías e tascas, fábricas e industrias diversas… Sen esquecer, nas páxinas finais, de relatar os episodios de terror da chamada «Rusia chiquita», incluídos o do chalé de Núñez no Seixo, como de relacionar o estremecedor listado de asasinados no entorno do Calvario tras o golpe de estado franquista. Recomendo vivamente esta pioneira historia do Calvario, memoria viva da cidade nosa, ao tempo que parabenizo o novo logro da investigación do noso admirado Juan Miguel González Fernández.

Castelao 75

O calendario institucional galego de 2025 estará centrado na homenaxe da RAG ás cantareiras o 17 de maio  e na celebración do septuaxésimo quinto cabodano do Castelao, finado o 7 de xaneiro de 1950, ambas as dúas efemérides avaladas pola Xunta de Galicia. Como sucedera xa en 2000, con motivo do cincuentenario, en pleno apoxeo galeguista do fraguismo e dos seus enredos teatrais de puchas e birretes, o goberno de Alfonso Rueda acordou que 2025 será por segunda vez «Ano Castelao», afirmando na súa declaración institucional o carácter de rianxeiro como unha figura neutra, «capaz de convocar sempre e unir a todos», razón pola que o pobo galego lle outorgou «a máxima estima e o teña escollido como un dos seus símbolos». Un discurso que imita empático, mais de inequívoca apropiación indebida, acuñado de forma orixinal pola estratexia dos membros de Realidade Galega (1980) que, desde o goberno daquel Xerardo Fernández Albor e do seu «sentidiño», e coa intención de avalar a Autonomía, retrataron a un Castelao sen apenas arestas políticas, como un xenio de humor gráfico, pintor, narrador, autor dramático e, en todo caso, irmán e guieiro do galeguismo en Bos Aires. Retrato que hoxe non se mantén, moito menos despois da publicación da monumental biografía, definitiva tamén, de Miguel Anxo Seixas, Castelao. Construtor da nación (Galaxia 2019, 2020 e 2021), como do ensaio breve de X.L. Méndez Ferrín, Castelao é noso (Alvarellos 2024), que salientan en ambos os dous casos, a dimensión política antifascista do autor de Sempre en Galiza (1944), defensor do dereito de Galicia como nación á autodeterminación e a súa integración nunha República federal, preferentemente ibérica, da que Portugal formaría parte. Benvido este segundo ano Castelao, que agardemos contribúa a un coñecemento popular de grande angular de Castelao como figura poliédrica (literaria, artística, xornalística e política), referente inequívoco para o nacionalismo galego, mais tamén para os demócratas e antifeixistas do século XXI.

Publicado en Nós diario: 08/01/25