Non a guerra, pola paz e a democracia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre a guerra de Irán e Líbano:

Politólogos e historiadores coinciden en que o mundo atravesa un momento decisivo, retrocede a democracia e a defensa dos dereitos conquistados dende 1789, ano da revolución burguesa coa que se iniciaba unha nova era. Crébase hoxe a orde mundial, o dereito internacional e os dereitos humanos, recoñecidos tras a Segunda Guerra Mundial, nun período de posguerra no que Europa e tamén os EUA de Roosevelt procuraron diminuír a desigualdade por medio de políticas públicas de vivenda, educación e sanidade, ademais de recoñecer os valores democráticos da liberdade de prensa, asociación e as garantías da autonomía do poder xudicial. Marco que o actual presidente Trump transgride co seu ordeno e mando, cando, e isto non é insignificante, a economía dos EUA, a superpotencia do século XX, perdeu a súa hexemonía, fronte o crecemento de China, que lle cuestiona o seu dominio nos campos científico, tecnolóxico, da Intelixencia Artificial e da propia Big Data. Pelexa pola hexemonía económica e militar na que Europa, onde aumentan os discursos fascistas seguidores da doutrina trumpista, perdeu moito peso no mercado mundial, como demostra o feito de que en 1980 a economía europea era dez veces maior ca de China, que se estima en 2050 dobrará a europea. Como tamén se lle achegarán a doutras potencias emerxentes, tanto no demográfico como económico, sexa a India, o Brasil, Corea do Sur, Singapore e Indonesia.

Mentres en Asia Occidental –nome utilizado polas Nacións Unidas para referirse ao denominado en Europa como «Oriente Medio» ou «Oriente Próximo», rexión estratéxica entre tres continentes, Europa, África e Asia, que abrangue o suroeste de Asia, chegando ao Mediterráneo, o Mar Negro e o Golfo Pérsico– continuará a guerra polo control do mercado dos combustibles fósiles e o xenocidio do pobo palestino, a pesar do «Plan de Paz» que consolida a ocupación de Israel, que pretende a hexemonía como primeira potencia rexional. Velaí o seu ataque unilateral a República Islámica de Irán, –que conta con 90 millóns de habitantes (dos que 16 viven na área metropolitana de Teherán) e grandes reservas de hidrocarburos, abrindo un conflito gravísimo na rexión. Agresión apoiada polos EUA de Trump, que espallando conflitos do planeta, a quen lle resultan alleas as normas do dereito internacional e as resolucións das Nacións Unidas que pretenden a resolución pacífica dos conflitos e o respecto a cada un dos estados soberanos (sexan Venezuela ou Irán) a decidir o seu futuro e o dos seus gobernos.

Tras os primeiros episodios tan alarmantes da «guerra de Irán», estendidos xa a varios estados de Asia Occidental e mesmo do Mediterráneo, evitar o que os politólogos chaman «trampa de Tucidides», en definitiva unha guerra de desenlace inimaxinable entre China (potencia nova) e EUA (potencia xa establecida), é a prioridade para todos os estados e para a propia humanidade. O que obriga a desenvolver, como está facendo o goberno de Pedro Sánchez, unha cultura de paz, de defensa da xustiza e da liberdade, o que entra en conflito coa política imperialista de Donald Trump, da que forman parte as ameazas a quen non lle chistan as súas grazas como aos que non colaboren incondicionalmente nas súas operacións bélicas. Non vai ser doado frear ao actual líder da extrema dereita mundial, nin tampouco aos que se adscriben a súa política do medo, como Miley, Netanyahu, Urban e Abascal (e quizais a propia Isabel Ayuso), que non ocultan a vontade de desmontar o modelo de democracia liberal vixente, as políticas públicas de cambio climático, enerxía verdes, igualdade e coidados dos estados e de dinamitar as regras (molestas para eles) do dereito internacional. Que pode facer a cidadanía para evitar unha catástrofe que hoxe parece inevitable? Que resposta autónoma ao imperialismo trumpiano pode acordar a Unión Europea? Será posible reconstruír un horizonte de paz?

Sendo imprescindible a saída política multilateral, a mobilización cidadá pola paz constitúe o acicate que os gobernos necesitan para non dobregarse ás aspiracións dos que pretenden normalizar o terror, a mentira e a barbarie, como a que leva sufrido o pobo palestino en Gaza. Banalización do horror que xa se produciu en Irán, onde a BBC informa que 153 persoas, incluíndo decenas de menores, morreron nunha explosión dunha escola de Minab, provocada por un bombardeo que Israel nega e os Estados Unidos «investigan». Por ventura, a cidadanía viguesa –convocada por case cincuenta organizacións, o que constitúe unha acción plural, inclusiva e solidaria– reclamou a paz e apelou a palabra «humanidade» como resposta á barbarie da guerra. Parar a guerra é posible. Como parar o fascismo que nos enfronta o abismo, como remataba o manifesto da convocatoria viguesa, «é un deber democrático e ético.»

Like a prayer

Foi a do serán da sexta feira pasada, unha das previas máis bonitas da tempada, tanto pola tregua das frontes dos Azores que permitiron gozar das raiolas da tarde como, despois do triunfo con tanta autoridade en Montilivi, polas altas expectativas da afección celeste de que por fin sería posible gañar en Balaídos a un perigoso Madrid que chegaba con baixas e ansiedades. Entusiasmo celeste que subiu varios graos de temperatura no interior do estadio do Fragoso durante a extraordinaria actuación de Son de Seu, a orquestra folk de Galicia, cando interpretou a versión de «Like a prayer», preparada por Mat Amy e Anxo Pintos, rememorando aquela noite do 29 de xullo de 1990 na que Madonna actuou no palco de Balaídos e vestiu a camiseta do Celta co número 5 de Espinosa, un dos momentos estelares da historia do celtismo fotografados por Vitín de las Heras e por Cameselle, grande reporteiro gráfico do Faro de Vigo daqueles días do Vigo loitador e das penalidades da reconversión industrial e da «movida viguesa».

Lembrar á celtista Madonna obriga a facelo tamén con aquel Celta humilde de finais dos oitenta, capitaneado por Vicente, no que xogaban entre outras glorias celestes Atilano, Nacho, Jorge Otero, Pichi Lucas, Mosquera ou Lito. Equipo que na tempada 1989-1990 empatou a cero co Madrid sobre o lamazal (en sentido literal) de Balaídos, nun partido no que houbera oportunidades en ambas as dúas áreas, aínda que a mellor do Celta fora un remate ao traveseiro de Buyo de Julio Llorente, un dos defensas madridistas. Un Madrid de John Benjamin Toshack, que protestou un suposto penalti sobre Butragueño e nun gran remate de Hugo Sánchez sobre o pao de Maté. Partido que puido caer da nosa parte se chega ter entrado o xutazo de Fabiano, incorporado na segunda parte, ao que moi pouco antes de consumir os noventa minutos lle faltaron uns poucos centímetros de puntaría. Unha tempada céltica nefasta na que os agarimos de Madonna aliviaban a dor do descenso xestionado por catro adestradores incapaces de mudar o rumbo dun equipo destinado a perda da categoría, primeiro do asturiano Novoa, logo de Pepe Villar, un home da casa que deu paso ao ourensán Delfín Álvarez e por último de José María Maguregui, a lenda do fútbol hiperdefensivo do noso vestiario.

O entusiasmo da previa do venres e a comuñón cada vez máis emocionante do Celta coa súa bancada, prometía unha noite das felices, capaz de repetir o 2-0 da tempada 2013-2014 daquel gran Celta de Luis Enrique, a última das vitorias ao Madrid no coliseo do Fragoso, nunha tarde memorable cunha actuación estelar de Sergio Álvarez, o noso porteiro, e cun dobrete do brasilego Charles, que conseguiu roubarlle a carteira a Sergio Ramos e despois a Xabi Alonso. E se a vitoria non fose posible, abondaría con repetir o derradeiro empate, aquel dous a dous do día seguinte ao de Reis de 2018 tan emocionante, conseguido cun gol de Maxi Gómez a última hora, tras un penalti errado por Aspas dez minutos antes. Por desgraza, a noite do emotivo revival do «Like a prayer» de Madonna en versión folkie, unha auténtica delikatesen, o Celta quedou decepcionado na mesma beira da praia e non puido repetir a memorable actuación da primeira volta no Bernabeu, onde foi superior en xogo e no marcador, e tampouco conformarse cun empate nun partido moi igualado de resultado incerto, no que, cómpre recoñecer, Arbeola gañoulle a partida táctica a Giráldez, que case nunca foi capaz de conseguir a fluidez precisa no xogo para facer eficaz a súa presión en campo rival.

Encontro que lembraremos polo fatídico derradeiro minuto dos cinco de engadido, onde o teimudo plan de partido de Claudio de defender en bloque baixo con paciencia infinita para aproveitar unha saída combinada, quedou nunha torre ao airo. Menos de trinta segundos nos que se sucederon todas as desgrazas célticas, comezadas tras unha clara falta (non sancionada polo colexiado, sempre moi permisivo cos atacantes) a Fer López, que imprudente intentou unha tacada diante da frontal da área, desatendida por Hugo Álvarez, pesimamente despexada por Vecino (aínda frío e desconcentrado), que acaba de entrar en xogo, rebote que soubo aproveitar o arteiro Valverde para xutar á desesperada con tanta fortuna que bateu no corpo de Marcos, desviando a traxectoria, cando Radu xa comezara a estirada pola banda contraria. En tan desgraciado tanto en propia meta, que debeu ser anulado polo VAR pola falta a Fer, ficaron todas as esperanzas dun partido que o Celta puido ter sentenciado perfectamente poucos minutos antes cando Aspas xutou cruzado a base do pao, superando ao xigante Courtois, unha asistencia formidable de El-Abdellaoui, o mellor recurso do cadro para os minutos decisivos.

Quedará para a vindeira tempada o reto celtista de superar ao Real Madrid en Balaídos, onde o cadro de Florentino conta sempre co apoio do amplo madrilismo galego e portugués, mobilizado unha vez por ano. E agora como sabe a celtista Madonna («In the midnight hour, I can fiel your power…») o que lle toca aos de Aspas e compañía é facer maghas o xoves vindeiro diante do difícil Lyon. Isto non para. Como sempre o de sempre, ala Celta!

Publicado en Faro de Vigo: 09/03/26

Einstein en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás escalas de Einstein en Vigo:

Entre as efemérides esquecidas o pasado ano en Vigo, a máis notable e singular foi a do centenario da recalada o 9 de marzo de 1925 de Albert Einstein, o científico máis popular do século XX. Noticia ben acreditada dende 2011 cando o físico vasco Santiago Rementería Sanz publicou o artigo «Un testimonio del interés de Einstein por las aplicaciones tecnológicas» na Revista Española de Historia de las Ciencias y las Técnicas. Visita do profesor xudeu rescatada en 2016 nas páxinas de Faro de Vigo polo noso sempre admirado Ceferino de Blas e que relataría Eduardo Rolland un ano despois. Investigación de Rementería centrada na carta que Einstein escribiu de puño e letra o 27 de maio de 1925 que testemuña, ademais das anotacións no seu diario, a recalada en varias cidades da fachada atlántica en 1925, con motivo da súa travesía a Sudamérica «extra rápida» a Buenos Aires. Viaxe a bordo do Cap Polonio da Compañía Hamburguesa Sudamericana, transatlántico de 20.600 toneladas e 200 metros de eslora, un vapor con todas as comodidades da época, anunciado como un palacio flotante, que contaba con todo tipo de servizos e salóns de música, lectura, ximnasia ou esgrima.

Embarcou Einstein en Hamburgo no Cap Polonio, que fixo a súa primeira escala no porto francés de Boulogne sur Mer, para seguir a Bilbao, onde o domingo 8 de marzo fondeou no porto exterior do estuario do Abra. Recalada da que o científico deixou constancia no seu diario: «Primeira vez que brilla o sol. Arredor das 11 achegámonos a Bilbao. Mar turquesa, beiramar con outeiros, primeiro prateada, logo baixo un sol refulxente». Foi recibido polos responsables da consignataria, da comandancia e varios representantes do sector mineiro biscaíño, que a Einstein lle pareceron «españois curiosos», «infantís e pagados de si mesmos». Pola tarde o buque colleu deriva cara a Vigo, onde chegou ao día seguinte, 9 de marzo, tal como recolleu nesta anotación do seu diario: «Pola mañá desembarquei na Coruña e pola tarde en Vigo, baía rodeada de illas montañosas cunha fascinante viliña con forma de pintoresca azotea. (Á tarde conversas sobre lóxica). Riqueza de cores e posta de sol en Vigo, incomparable. O sol do Sur embriaga». Sabemos polo Faro de Vigo do 10 de marzo, no que se informa da saída do Cap Polonio, «tras recoller medio cento de pasaxeiros», que a recalada do científico pasou en Vigo completamente desapercibida. Polo diario, sabemos que si desembarcou en Lisboa e visitou o castelo de San Xurxo e o mosteiro dos Xerónimos, anotando no seu caderno: «esta terra decaída exerce sobre min unha sorte de nostalxia». O 12 de marzo, o buque fixo escala en Tenerife, logo no Rio de Janeiro, Santos, Montevideo para atracar o 25 de marzo en Buenos Aires, onde tras dezaoito días de viaxe foi recibido polas «autoridades académicas arxentinas».

Tras impartir dezaoito conferencias e recibir diversas homenaxes, Einstein embarcou de regreso a Europa no Cap norte, un buque de 13.600 toneladas, da mesma compañía que o Cap polonio, que chegará ao porto de Vigo o 26 de maio de 1925, onde desembarcarán dous centos viaxeiros (as tres cuartas partes da pasaxe) e vinte e cinco sacas de correspondencia. No diario de Einstein non hai anotación desta segunda escala viguesa dunha viaxe transatlántica no camarote 41 de primeira clase con chegada a Hamburgo o 31 de maio. Periplo sudamericano que no seu diario resume como «unha gran axitación sen moito interese, pero tamén algunhas semanas de descanso durante a travesía» e da que se despide con «por fin libre, pero máis morto ca vivo».

Xaora, ten grande interese a carta que escribiu o 27 de maio, datada na proximidade de Bilbao, dirixida ao Dr. Glitscher, con quen traballaba nunha nova solución construtiva do compás e para quen deseñou un teodolito xiroscópico ou xiroscopio, que permitiría orientarse no interior das explotacións mineiras. Misiva pola que sabemos que en Vigo embarcaron catro pasaxeiros de primeira clase e outros tantos de terceira, entre os que estaba o Dr. Karl Lehemann, que viaxaba coa súa dona, xeólogo especializado en explotacións mineiras, a quen xa coñecera en Kiel, con quen en augas cantábricas conversou sobre a utilidade e o carácter do seu invento, do que incluíu un esquema gráfico. Testemuña de grande interese para a historia da ciencia xa que supón unha faceta novidosa de Einstein, a da súa inquedanza inventora, gustoso polo deseño e a construción de dispositivos técnicos, como audífonos ou unha cámara fotográfica con axuste automático de intensidade luminosa ou o desenvolvemento de ideas inventivas como as dun tecido impermeable ou a dun medidor óptico de líquidos. Inventos que para historiador Rementeria levaron a Einstein a ser máis consciente da relevancia e das dificultades do traballo experimental e de laboratorio.

O Celta é pequeno

Na memoria de Luis Ferreiro Loredo.

 Non son moi coñecidos os artigos de fútbol que o poeta Celso Emilio Ferreiro publicou en Faro deportivo en 1963, poucos meses despois da publicación de Longa noite de pedra. Crónicas cheas de humor e retranca como as tituladas «Los prognósticos de don Álvaro», «El fútbol patas arriba», «Goliat y los liliputienses» ou «El Rachapedras foot ball club». Textos nos que, quen fora xogador do Sporting de Celanova, confesa que lle desgusta o fútbol como espectáculo de masas, o que deixou de ser deportista para ser capitalista, o de ser unha diversión dos que o practican para facerse un espectáculo (pagado) dos que o contemplan. Celso Emilio convertíase con estas opinións nun adiantado das críticas actuais ao fútbol moderno, que resumiu no poema «O hincha», escrito en Caracas en 1972, recollido agora no libro Poemáforos (Lusco fusco edicións 2026), no que coa súa retranca afiada resume que a felicidade do seareiro consiste apenas en «berrar gol entre a mesta moitedume». Xaora, para ser xustos co noso admirado Ferreiro, no mesmo libro aforístico cita o verso de Vladimir Mayakovsky, «a felicidade está onde non estamos», o que me leva a acreditar no celtismo inequívoco do poeta e a reescribir un daqueles aforismos manuscritos que enviaba dende o exilio venezolano en tarxetas a Antón Patiño de Librouro: «O Celta é pequeno pero chega até as estrelas».

Escribiu tamén Celso Emilio nas páxinas daquel Faro deportivo dos sesenta (co Celta en Segunda) que «historiar o acaecido nun partido de fútbol é tarefa relativamente doada, sempre que non haxa goles fantasmas ou que o árbitro non estea vendido»; que –salientaba o poeta– o verdadeiramente difícil é «vaticinar sobre o partido seguinte». O que ven de marabilla para explicar o que sucedeu na noite do xoves na catedral do Fragoso, na que o Celta deixou o burato feito para participar nos oitavos da Europa League, aos que regresa despois de nove tempadas. Será moi difícil aventurar o que vai suceder o 19 de marzo en Lyon, contra un dos clubs máis potentes do fútbol francés, un dos máis claros aspirantes a xogar a final de Estambul. Apoiado nunha anovada política societaria promovida pola presidenta Marián Mouriño, que non oculta a memoria do club, é difícil facer vaticinios con este Celta revolucionado pola man do cadro técnico de Claudio Giráldez, que fixo do xogo colectivo, da competitividade interna e da solidariedade do vestiario, a súa principal fortaleza. Un Celta maduro, sen límites nas súas aspiracións, mesmo, por que non?, a de chegar as estrelas para prenderse no corno da lúa.

E para mostra desta madurez deportiva e emocional, o botón que supuxo a traballada vitoria diante do Paok, un curto 1-0, que no reflicte a clara superioridade sobre o equipo macedonio, tanto esta semana como no total da eliminatoria. Unha superioridade alicerzada sobre a defensa, moi consolidada sobre a fortaleza física, seguridade e a tranquilidade de mármore tanto de Starfeldt como de Marcos Alonso, aos que reforza o dinamismo do canteirán Javi Rodríguez. Solidez da cobertura a que contribúe dende a banda Sergio Carreira, outro dos máis destacados na noite do xoves, tanto nos labores de contención como de ataque. A paciencia, a insistencia e a concentración foron as ferramentas coas que Giráldez desarborou aos visitantes que dende o inicio xogaron a aproveitar algún erro da saída do balón dos célticos e a altura dos seus dianteiros nun saque lateral. Certo é que os gregos na primeira parte incomodaron aos celestes (algo espesos) na súa progresión en campo rival, o que non lles impediu gozar de oportunidades claras, nun xute de Aspas (discreto) e noutro cruzado de Matías Vecino (excelente), novidade no once.

Mudou o panorama na segunda, coa presenza de Miguel Román, que substituíu a un pouco afortunado Ilaix Moriba. O xenio de Gondomar deulle ao Celta o sentido e o tempo que o xogo precisaba. Das súas luvas saíron as xogadas decisivas: abriu espazos sobre Carreira, que fixo sociedade con Iglesias. Na primeira, Borja rematou cun xutazo, respondido por unha estricada do porteiro grego. Na segunda, no 62’, Borja ensaiou unha xenialidade de taco, que achegou o balón a Williot (extraordinario) para que finalizase cun lanzamento tan preciso sobre o pao longo que semellaba a pelota se detería antes de superar a liña de meta. Gol marabilloso que pechou a eliminatoria. Con media hora por diante, a madurez competitiva impresa a lume por Giráldez, abondou para inmobilizar ao Paok, incapaz de achegarse nin unha soa vez diante de Radu. No engadido, xogado na área visitante El Abdellaoui puido ampliar o marcador noutro das súas características man con man cos porteiros. O Celta sacaba adiante con aparente facilidade a eliminatoria. Aventuro que os oitavos da Europa League co Lyon permitirán a unha nova xeración de celtistas, os fillos e fillas dos que acompañaron ao Celta europeo de Mostovoi, ilusionarse cos mesmos ollos no porvir dos seus pais. Gran Celta este de Claudio que mellora os nosos vaticinios.

Publicado en Faro de Vigo: 28/02/2026

 

A edición galega á intemperie

A situación crítica da edición galega, que perdeu nunha década o 39,05 % da súa facturación, non se explica sen sumar as axudas directas achegadas pola Xunta de Galicia durante ese período, como polo impacto sobre o sector editorial do modelo de (falsa) gratuidade do libro de texto no ensino obrigatorio, mediante préstamo e banco de libros (renovados cada seis anos), e a redución das materias nas que se emprega o galego como lingua vehicular obrigada polo decreto 79/2010 de plurilingüismo. Unha intervención pública que, coma se da aperta do oso se tratase, obrigou a reconverter á primeira e máis estable das (cativas) industrias culturais galegas.

E para explicalo non se pode esquecer que a lei 17/2006 de 17 de decembro do libro e a lectura de Galicia recoñeceu no preámbulo que o libro e a súa industria precisan axuda. Razón pola que no artigo 2 se recoñece «o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro pola súa importancia cultural, social e económica…» e no 7 regúlase o apoio ás editoras, concretado na «existencia dunha liña de axudas anual ou bienal, que atenda a todos os tipos de edición, que asegure tanto a presenza das novidades editoriais na rede bibliotecaria pública como a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas área nas que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe.»

Para evitar falsas interpretacións, á hora de analizar as axudas actuais da Xunta de Galicia (consultar o cadro), convén seguir a serie dende 2007, cando entrou en vigor a Lei 17/2016 da man do bipartito de Touriño e Quintana. Nese ano a totalidade das axudas ás editoras chegaron a 2.554.000 euros, dividas en tres liñas, que se manterían dende entón: a de compra de novidades editoriais impresas (1.300.000 euros) e as de tradución (204.000 €), xestionadas pola Dirección Xeral de Cultura; e a da edición de materiais didácticos (1.050.000 euros), pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Axudas que representaron entón un 11,61 % das vendas do sector, porcentaxe nunca superada. Non contabilizamos as axudas a promoción da lectura e creación literaria, feiras do libro e participación en feiras internacionais, que abordaremos nunha análise futura.

Cos gobernos de Núñez Feijoo chegaron os recortes, desapiadados e xustificados polo discurso das políticas de consolidación fiscal que, se ben afectaron a todas as administracións, no caso do sector do libro galego nunca tiveron unha volta atrás. Significativo foi o ano 2010, cando a totalidade das axudas baixaron até os 1.672.267 euros (un 34,5 % con respecto a 2007). Aínda que o sería moito máis no 2015, cando quedaron en 510.000 euros (un recorte á brava do 80 %), reducíndose a compra de novidades editoriais a 250.000 euros e modificándose o sistema de adxudicación, vinculado a solicitude das bibliotecas públicas nunha plataforma, o que reduciu a diversidade das novidades galegas das coleccións, sobre todo no eido do libro literario de poesía e ensaio, privilexiando o infantil e xuvenil e as coleccións narrativas. Como é moi significativo que as axudas á edición de libros de texto quedasen reducidas a 170.000 euros (un recorte do 83,8 %), si, leron ben, máis do oitenta por cento, ao que sei non foi allea a posición crítica que adoptamos as editoras no conflito do decreto de plurilingüismo.

Con todo, resulta novidoso comparar os datos de 2007 cos actuais, cando a Consellaría de Cultura e Lingua anuncia un novo plan de dinamización da lectura, con «cifras millonarias». Secasí a comparativa non pode ser máis clara: continúan os recortes. En 2025, as axudas directas a industria foron de 888.000 euros (un 65,22 % menos que en 2007); as compras de novidades de libro impreso de 200.000 euros (un 84,61 % menos); as axudas a materiais didácticos de 200.000 euros (un 81 % menos). Certo é que en 2025 houbo novas partidas: 150.000 euros á edición de audiolibros, 87.500 a mellora de títulos galegos das coleccións de bibliotecas e estimamos que 50.000 euros á adquisición de licenzas de libro electrónico para o programa «GaliciaLe», iniciado con carácter experimental en 2014, que axudou a consolidar o catálogo literario galego dixital, ben acollido polo lectorado. Apenas as axudas á tradución mantiveron nestas case dúas décadas a súa dotación, arredor dos 200.000 euros, o que sabemos habería que imputarlle a inflación. Dubida alguén que os gobernos de Feijoo e Rueda quixeron deixar á intemperie ao sector empresarial do libro galego?

Publicado en Nós diario: 27/02/2026

A familia Fraiz represaliada

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á represión sofrida pola familia Fraiz Castellanos:

No ciclo do Ateneo Atlántico relatei a traxedia dos Fraiz Castellanos, outra das historias de represión máis arrepiantes sufridas por unha familia viguesa. Memoria que comeza coa execución ás sete da mañá do 14 de setembro de 1937 no monte do Castro de Víctor Fraiz Villanueva, mestre nacional de 50 anos, con escola en Coia, tras ser xulgado por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte polo delito de ser un dos fundadores da Federación de Traballadores do Ensino da UGT. Negra xornada lembrada durante anos pola necrolóxica que Salustiano, un dos sete fillos, publicaba nas páxinas de Faro de Vigo cada 14 de setembro, lembrando «aos seus mártires»: ao seu pai, a súa nai Placeres Castellanos Pan e aos seus tres irmáns, Víctor, Vicente e Moncho, vítimas daqueles anos de terror branco. Víctor e Placeres, a primeira muller da agrupación socialista de Vigo (1933), formaran unha familia grande con sete fillos que quedou rota dende o mesmo día do alzamento que a sorprendeu en Madrid nunha reunión do Socorro Vermello Internacional, da que ela era secretaria do comité de Vigo.

Víctor Fraiz Villanueva pasará a historia viguesa por representar as luces de progreso e igualdade emitidas pola educación da República, que saudou o 14 de abril de 1931, como un dos oradores máis destacados dos que falaron dende a casa do concello. Mestre, fillo, neto e irmán de mestres, emigrante en Cuba, onde se formou, dende as súas escolas de Pontecaldelas, Vilaza e Coia, loitou pola causa do maxisterio e da educación nova organizando aos mestres no sindicato FETE-UGT, pronunciando conferencias ou publicando artigos nos xornais ou en Escuela Vivida (1935).

Polos interrogatorios que lle fixo a policía, sábese que o día 20 de xullo de 1936, Víctor decide fuxir, pasa a primeira semana en Coia na casa de Gumersinda, unha antiga criada. Cando coñece que o seu nome é un dos primeiros da lista de desafectos, acubíllase na casa amiga do párroco de Camos. Non sentíndose seguro, foxe aos montes de Coruxo, vagando durante tres semanas polo Galiñeiro até chegar ao Monte da Maura, onde atopa refuxio nunha pequena cova, que comparte cun grupo de seis escapados. Volverá ao Val Miñor a ocultarse durante meses entre palleiros e alpendres, sufrindo un calvario que o leva a ir á casa dun cuñado en Vilaza, onde foi detectado por un grupo de gardas cívicos. Penalidades agravadas polo que sabía tráxico destino do seu fillo, Víctor Jesus (19 anos), que o mesmo 20 de xullo fora detido cando baixaba do tren procedente de Madrid, onde traballaba. Recluído no frontón de María Berdiales, semanas despois de ser conducidos á illa de San Simón aparecería paseado noutra noite de terror o 10 de novembro de 1936 no Alto da Concheira, non sen antes pasar por un cruel martirio que o deixará tan desfigurado que nin os seus irmáns nin a súa moza foron capaces de recoñecelo.

Tras a detención de dous dos seus fillos, Vicente (Perino) e Ramón (Moncho de 15 anos), decidiu entregarse no consulado de México a cambio de que os liberasen e el tivese un xuízo xusto. Mais sería detido no consulado por un grupo de gardas civís, probablemente o 23 de abril de 1937. No cárcere recibirá as visitas das súas fillas Chelo e Milagros, antes de ser acusado de «rebelión militar» e de «ter corrompido ao seu alumnado coas súa ideoloxía marxista e os seus principios anticristiáns». Traxedia que continuará coa morte de Perino na batalla do Ebro en 1938 e a de Moncho no Hospital Militar de Vigo en 1944, tras enfermar na fronte de febres. E se non abondase, Salustiano (Nanito), obrigado a participar na guerra no bando fascista, sufrirá penas de cárcere por negarse a disparar contra un barco de fuxidos, antes de coller o camiño do exilio cara Venezuela. O prego de cargos de Víctor, amosa a iniquidade do réxime de Franco co profesorado fiel ás luces da educación republicana. Como tamén as súas cartas de despedida ao seu irmán Celso e a súa muller expresan o desgarro atroz sufrido por esta familia viguesa.

Estremecedora foi a peripecia de Placeres Castellanos Pan, lonxe de Vigo e impotente ante a traxedia que sufría a súa familia. Mestra e enfermeira no Madrid resistente, en 1938 desprazouse a Valencia como secretaria da Solidariedade Galega Antifascista. Tras a caída da República, incorporouse en Francia en 1941 á terceira brigada da resistencia contra os nazis como guerrilleira 35.435. Finalizada a guerra continuaría coa súa participación en 1945 no Congreso Internacional de Mulleres de París e co reencontro en 1948 con Manuel, o seu fillo máis novo, con quen embarcaría en 1949 para Buenos Aires, onde vivía Celso, o seu cuñado, e viviron cinco anos. Despois de residir en varias cidades francesas, Placeres regresaría a Vigo en 1955 onde finaría o 25 de xuño de 1971, sendo enterrada no cemiterio de Pereiró xunto ao seu amado Víctor.

Idus de marzo

Despois dun primeiro tempo marabilloso en Salónica, unha exhibición de fútbol moderno, caracterizado polo xogo asociativo e os escintileos diferenciais de talentos individuais, o Celta volveu moi reforzado no emocional e esperanzoso no deportivo. Claudio acertou cen por cen co plan daquel partido no Toumba, estadio difícil para os visitantes, que intimida aínda máis ao equipo arbitral. A pesar da vitoria axustada, vares á parte, a afouta actuación celeste xerou unha gran emotividade nas novas xeracións de celtistas, que acompañan a un equipo que está recuperando a autoestima de hai vinte e cinco anos cando aquel cadro europeo de Víctor Fernández e Mostovoi foi considerado, nalgún momento, na clasificación da UEFA como «o mellor equipo do mundo».

Xaora, Giráldez, o artífice de semellante milagre, é consciente de que a esta altura da tempada non pode deixarse levar polos ventos tan perigosos dos idus de marzo, dando xa por feita a superación do play-off co Paok, o que non vai ser doado; como pensar que na Liga vai ser cómoda a clasificación en prazas europeas, obxectivo sempre moi difícil. Por ventura, Claudio fixo caso omiso a semellantes cantos de serea e asumiu a importancia do partido do Mallorca de Arrasate, en posicións de descenso. Un partido que de sacalo adiante, despois de catro xornadas sen gañar (a pesar do bo xogo), suporía un salto de xigante na tempada, presentando a candidatura á sexta praza, obxectivo asumible para esta terceira tempada da revolución xiraldina.

Contexto que obrigaba a confeccionar con cautela un once inicial, no que Claudio introduciu unha rotación ampla con respecto ao partido en Grecia, de até sete novidades. Once no que destacaba a presenza de Aidoo na liña de tres, a de Matías Vecino, que debutaba en Balaídos, acompañando a Miguel Román, e a mudanza de toda a dianteira. A aposta resultou acertada, conseguindo os tres puntos e mantendo a portaría a cero. Un éxito que adianta ao Celta á sexta posición. Porén, o partido foi moi gris, sobre todo na primeira sesión, na que os célticos controlaron a posesión, mais non acadaron a superioridade suficiente para marcar. O máis destacado deste período foron as chegadas e caneos de Hugo Álvarez pola banda esquerda. Como magnífica foi a actuación de Aidoo, recuperado da gravísima lesión de talón de Aquiles, que secou ao temible Muriqui, as poucas veces que pisou a área celeste. Mágoa que non estivesen máis finos Jutglá, que volveu a estar pouco acertado, como Javier Rueda e Fer López que pola banda dereita participaron menos do previsto.

Como adoita dispoñer, agardou o adestrador noso ao minuto setenta a revolucionar o ritmo dun partido, até entón soporífero e pouco vistoso, coa entrada de Aspas, Borja e Ilaix. Foi o Merlín de Moaña quen axitou a lámpada, aparecendo a luz que faltaba a un Celta ordenado e paciente en defensa, tanto que evitou que o Mallorca xutase unha vez entre os tres paos, mais confuso e impreciso á hora do remate. Aspas e Iglesias entenderon que para crear espazos interiores o partido necesitaba desorde, un xogo máis directo e de velocidade superior, capaz de abrir a lata dos visitantes que parecían conformarse co empate, que lles permitía saír de descenso. Con esa vontade, saíu tamén Al-Abdellaoui no 79’, pouco despois de que Williot rematase un gran pase de Hugo Álvarez (o máis destacado dos celestes), que cando entraba Maíllo despexou in extremis.

Nos dez minutos finais, o Celta esmagou o conformismo dos visitantes, creando os espazos que precisaba para marcar. Al-Abdellaoui puido facelo dun zurdazo, que quedou desviado. No 83’ o arbitro sinalou penalti (claro), cando Maíllo agarrou na área pequena a Borja que pretendía rematar. Aspas coa confianza das figuras marcou cun zurdazo moi axustado, ao que puido chegar Leo Román. Co marcador por diante, amosouse a madurez deste Celta que sabe xestionar situacións difíciles. Non perdeu a orde defensiva e aproveitou a velocidade de Al-Abdellaoui que debeu marcar no 90’ dun xutazo que petou no porteiro. Insistiron os celestes nos seis de engadido cunha cabezada de Iglesias sacada por Maffeo baixo paos. Tras un parón motivado por unha revisión do VAR dunha posible tarxeta vermella a Mugica, tras un plantillazo a Javi Rodríguez nun balón dividido, chegou o segundo gol. Williot viu un espazo interior polo que se coaba Aspas, que iniciara a xogada de espora, que xutou en carreira para superar ao porteiro entre as pernas. Un tanto de fermosa factura, a que corresponde sempre á elegancia do príncipe das bateas, cuxos escintileos foron onte diferenciais para sacar adiante un partido menos atractivo ca outros anteriores.

Co partido case rematado, volvemos a cantar a coro o «Miudiño» en Balaídos, unha emotividade orgullosa que as novas xeracións de celtistas asumen co respecto e a moderación coa que sempre se utilizou este himno dos días felices. Agardemos poder facelo o xoves coa «Rianxeira» para celebrar os idus de marzo en Lyon ou Birmingham.

Publicado en Faro de Vigo: 23/02/2026

A Bilbatúa familia mártir

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo  á familia Bilbatúa:

No Ciclo de Memoria Democrática do Ateneo Atlántico relatei a traxedia dos Bilbatúa Zubeldia, unha das historias de represión máis exemplar sobre unha familia viguesa, na que se combinaron os procedementos e maldades utilizados polos franquistas. Primeiro, fusilaron a dous dos cinco membros, ao irmán maior Antonino (42 anos) e a Demetrio (40 anos), o que o seguía. Antonino era telegrafista do estado, presidente da Casa do Pobo e deputado socialista. Demetrio era comerciante, propietario dun estudio de fotografía, presidente do PSOE de Vigo. Na causa 140/1936 aberta contra eles e José Antela Conde, o derradeiro alcalde republicano de Lavadores, foron acusados de participar na resistencia armada e sentenciados a pena de morte. Foron pasados polas armas ás cinco e media da mañá do 27 de agosto de 1936 fronte as tapias do cemiterio de Pereiro, xunto aos principais dirixentes socialistas vigueses, incluídos na causa 142/1936, acusados de oporse ao golpe de estado e repartir armas entre a veciñanza, entre os que estaba o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido.

Se aqueles dous consellos sumarísimos foron inxustificados, brutais e sen garantías, tamén foi lancinante a represión extraxudicial utilizada para aterrorizar á poboación civil. Foi o destino do terceiro e máis novo dos irmáns, Luis (37 anos), militante socialista, sen responsabilidades, o único solteiro dos tres homes, responsable da oficina viguesa de Telégrafos da Alameda, onde foi detido nas propias oficinas ás seis da tarde do 20 de xullo de 1936, sen acusación precisa ningunha, até que o 11 de setembro lle sería iniciada a incoación da causa 796/36. Foi paseado o 15 de setembro de 1936, xunto a outros seis presos sacados de madrugada, sen explicación ningunha do cárcere vigués, cuxos corpos baleados na caluga foron atopados de mañanciña na estrada por un grupo de leiteiras de Mos nunha curva inmediata ao cemiterio de Puxeiros. Foi a primeira daquelas «sacas» dirixida contra un grupo de reclusos republicanos que tiñan unha especial relevancia dentro da cidade, xustificada por unha trola e contando coa aprobación e o prace das autoridades militares, sendo un elemento fundamental para a instauración do terror do novo réxime.

Os tres irmáns Bilbatúa coincidirían uns días no cárcere, desde que Antonino e Demetrio foran detidos en Teis pola Garda Civil e policía, na casa de José Rodríguez, cuñado de Demetrio, tras pasar por Lavadores o 21 de xullo, onde non convenceron a veciñanza de que abandonasen toda a violencia, que só traería mortes inútiles. Mentres os tres irmáns estaban detidos no cárcere de Príncipe, unha das súas irmás, Margarita (36 anos), leváballes a cazola de comida, o que seguía facendo cando fusilaron a Antonino e Demetrio. Margarita, que traballaba na tenda de Demetrio, era membro do sindicato mercantil de UGT e directora da súa revista. O 15 de setembro un dos gardas do cárcere díxolle que se aforrase o xantar que o seu irmán xa o mataran e aparecera morto nunha gabia de Cabral. Conta a familia que coa rabia e impotencia provocada polo anuncio deulle un lapote ao garda. Un episodio suficiente para que Margarita fose detida no mes de outubro.

A familia Bilbatúa, orixinaria de Placencia de Armas, Guipuscoa, asentada en Vigo nos anos vinte, padeceu ademais unha represión económica desapiadada sobre as viúvas e orfos dos seus mártires, Soledad, muller de Antonino, e Sagrario de Demetrio, ás que se lles desposuíu dos seus bens a base de continuos rexistros e requisas na tenda de fotografía e nos seus domicilios, así como a obrigalas a facer fronte a unha elevadísima multa mancomunada dun millón de pesetas, que as deixou na rúa con tres rapazas e dous rapaces.

Posta en liberdade Margarita, axudada pola Cruz Vermella, fuxiu coa súa nai, Luisa Zubeldia, cruzando a fronteira de Irún o 10 de novembro de 1937. No sur de Francia viviron en varios campos de concentración, até que chegaron a París, onde Margarita, como fixera cursos de corte e confección, probablemente na Escola de Artes e Oficios, petou na porta do obradoiro de Balenciaga, onde aprendeu alta costura. Co estoupido da Guerra con Alemaña, decidiron embarcar no porto de Boulogne sur mer no transatlántico Statendam rumbo a México, onde chegaron, tras facer escala en Nova York, o 26 de xuño de 1939. Iniciaba así, a familia Bilbatúa o seu exilio na capital mexicana. Margarita convenceu a súa cuñada Sagrario, que debería abandonar España cos seus fillos. Reclamados por ela, o 23 de agosto de 1945 embarcaron cun billete de terceira clase en Vigo no transatlántico Magallanes camiño da península do Yucatán, dende onde voarían a México DF, onde os agardaban a avoa Luisa e a tía Margarita. Soledad, a viúva de Antonino, anos despois viaxarían tamén a México onde se iría felizmente reagrupando toda a familia.

O Profesor

Na miña vida como editor en lingua galega tiven a fortuna de publicarlle catorce libros ao profesor don Xesús Alonso Montero, ao tempo de acompañalo durante vinte e cinco anos presentando polos camiños de Galicia enteira os seus libros e moitos outros que lle confiaban, na súa calidade de grande orador. Cando choramos o seu pasamento, non poderei reiterarlle a miña gratitude por todo e tanto que aprendín ao seu carón en horas de conversa e afáns editoriais compartidos. Como a miña admiración pola coherencia da súa convicción republicana de que a patria é o territorio onde un tivo esperanzas e por manter contra vento e marea o seu compromiso político e cívico coa Galicia mártir, represaliada, humilde e perseguida, que levaba preto do corazón prendido naquel triángulo vermello invertido, símbolo de resistencia antifascista, ou protexido pola súa inseparable bufanda encarnada. Vigués de nacencia (1928), na rúa Urzaiz, criado na taberna dos seus pais Benito e Angelina, foi viticultor das palabras galegas, mamadas dende 1938 na parroquia materna de Ventosela, no Ribeiro, da man do seu tío Clodomiro Montero. Compromiso esperanzoso coa causa da lingua galega e do seu futuro que mantivo até seu o derradeiro salaio.

Non poderiamos entender a historia de Galicia e da lingua e literatura galega do noso tempo sen a achega esencial de Alonso, tanto pola súa bibliografía monumental como investigador literario, estudoso, editor e publicista sobre os máis diversos eidos das artes e das humanidades, como polo seu compromiso inquebrantable coa causa da igualdade e da xustiza, a principal da humanidade, e contra calquera tipo de tiranía, empregando como lle gustaba dicir «as únicas armas da luz da palabra e da fouce da razón». Como profesor, palabra que no seu caso constitúe metonimia da súa identidade, posuía un afán didáctico natural, tanto na dicción, no xesto como na ollada, que impregnou todo o seu maxisterio dentro e fóra das aulas , fose como formador de bachareis na súa década longa lucense, fose máis tarde no Colexio Universitario de Vigo e logo na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi catedrático emérito.

Como un dos seus editores, non podo negar a miña admiración polo traballo literario rigoroso até a extenuación de Xesús, que presentaba cada orixinal manuscrito en bolígrafo BIC coa caligrafía ampla e ligada propia dos mestres. Antes, Xesús consultaba múltiples fontes para que lle achegasen novos detalles (aparentemente eruditos), mais que sabía lle permitían desvelar a memoria (oculta) antifascista de Galicia, ámbito onde realizou unha achega excepcional, recollida en libros de referencia internacional. Velaí Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais 2009) ou Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1920-2006) (Xerais 200/), un libro moi vencellado a súa militancia no Partido Comunista durante sesenta e cinco anos. Como moi valiosas son as súas biografías intelectuais, entre as que destacan as de Luís Seoane, As palabras no exilio (1994, 2002) (Xerais 1994), e a do filólogo Aníbal Otero (Xerais 2011) con motivo do seu centenario, merecedora do premio Lousada Diéguez ou o libro sobre a viaxe de Castelao á Unión Soviética en 1938 (Xerais 2012).

Tampouco podo agochar a miña admiración pola dimensión de don Xesús como brillantísimo orador de verbo rítmico e preciso, de erudición asombrosa, froito dunha curiosidade desbordada. Orador que sabía dosificar o discurso a lume lento, introducindo pausas para a reflexión política ou literaria, co gume ben afiado da ironía e do escarnio cando o argumento do seu relato o facía preciso. Un orador que conquistaba decontado á audiencia, na xeira de Otero Pedrayo, co que compartiu foros e formas, como testemuñan as fotografías do inesquecible xantar do Hotel Roma de Ourense en 1966 no que a cultura (a esquerda) galega despedía ao poeta Celso Emilio Ferreiro e iniciaba o combate cívico contra o encoro de Fenosa en Castrelo de Miño, asolagando tamén as súas terras nativas.

Admirei a don Xesús pola súa conversa amenísima e sempre documentada, compartindo chocolate e bolo de leite, sobre outras cuestións que poden parecer quizais máis triviais, mais non menos relevantes, para o futuro das artes e da cultura. Sabiamos da importancia das goleadas do seu admiradísimo Lionel Messi ou comentabamos as xogadas memorables de Xavi. Outrosí sucedía cando lembrabamos as aliñacións históricas do noso Celta do corazón, ámbito do que Xesús foi un grande experto, como gustaba de frecuentar as bancadas da catedral do Fragoso como seareiro celtista. Este maxisterio oral do profesor, constitúe un macrotexto de dimensións extraordinarias, que conservaremos na memoria e no corazón as persoas que tivemos a fortuna de telo escoitado. A nosa maior gratitude para el e con todos os abrazos para a súa filla Sara e o resto da familia. Grazas, todas, Profesor!

Publicado en Faro de Vigo 13/02/2026

O faro cultural de Vigo

Tras vinte e catro anos e mil semanas de «Faro da Cultura» (FC), unha proeza do profesor e escritor Xosé Ramón Pena Sánchez e do cadro dos seus colaboradores, Faro de Vigo (FV) afonda na súa tradición secular de converter as súas páxinas nun espazo de privilexio para a lectura literaria en lingua galega. Celebración milenaria, que ten o precedente naquelas catro páxinas do pioneiro «Faro das Letras» (FL), tamén coordinado por Xosé Ramón Pena, publicado entre abril de 1993 e setembro de 1996, que continuaba, a súa vez, a aqueloutra «Galicia literaria», suplemento de Diario 16 de Galicia, publicado entre 1989 e 1991, dirixido polo profesor e escritor Manuel Forcadela e o propio Xosé Ramón Pena.

Tres cabeceiras que puxeron os alicerces para que a literatura galega contase coa visibilidade e mediación da crítica literaria xornalística da que carecía. Suplementos dirixidos por Pena, que con intelixencia formou un grupo de colaboradores, a maior parte profesores vigueses, en certa maneira tamén un grupo xeracional, capaces de ir fixando un modelo de crítica das novidades editoriais en galego, non só literarias, que informase e valorase o seu contido. Modelo de crítica editorial de GL e FL que o FC estendeu ás novidades cinematográficas, musicais, das artes escénicas e visuais, que da súa man contaron cunha visibilidade inédita nun xornal de referencia como Faro de Vigo.

Sei, como editor en lingua galega, que é difícil ofrecer un modelo de crítica cultural xornalística de calidade. Reto que asumiu Xosé Ramón Pena cando solicita aos seus colaboradores unha crítica que analizase, avaliase e interpretase as obras culturais –sexan libros, concertos, funcións ou exposicións– coa intención de informar e orientar aos diversos públicos de forma fundada, sen menoscabo de gabalas ou censuralas en todo ou en parte de forma equilibrada e razoada. Crítica que no caso de culturas minorizadas, como é o caso noso, contribúe a fortalecer as industrias culturais e os sectores creativos, ampliando a sociedade lectora, fidelizando aos públicos do cinema, das artes escénicas e dos diversos xéneros musicais, incitando a curiosidade de visitantes a exposicións e museos, concienciando á cidadanía na protección do patrimonio ou mesmo nas manifestacións hibridadas da cultura dixital.

Apostar, en definitiva, pola recomendación xornalística, se podemos chamala así, que sabemos non vive os seus mellores momentos, xa que como noutros xéneros xornalísticos, está ameazada polas redes sociais, sobre todo polo que atinxe a súa autoridade, equiparada a de calquera creador de contido ou influencer, sexa booktubeiro ou instagrameiro, que non precisan utilizar os criterios de obxectividade e independencia da crítica xornalística e académica, en boa medida máis pendentes do interese dos departamentos de marketing das diversas industrias culturais. Modelo de crítica xornalística, asumido por FC, exercida por colaboradores independentes, que non incorren en conflitos de intereses, hoxe criterios imprescindible para evitar a derrota definitiva da cultura.

Estas oito mil páxinas de FC durante máis de dúas décadas constitúen a crónica do que foi a produción cultural galega neste período, dende o entusiasmo da primeira do século, ao que non foron alleas nin a resposta creativa dos sectores culturais da crise do Prestige nin as políticas culturais públicas, como o impacto que tivo o decreto de Plurilingüismo, sobre todo no sector editorial, e a crise da débeda, coincidentes ambas as dúas, cos gobernos de Núñez Feijoo, nos que diminuíu o volume da produción cultural e artística. Repasar hoxe o milleiro de entregas de FC –admirable pola súa continuidade, antigüidade e carácter monolingüe, publicación única na prensa galega– permite construír un índice das mudanzas valorativas como das tendencias da cultura galega de inicio de século.

Eis a irrupción das narradoras galegas, que coincide coa aparición do propio suplemento. Eis a obtención dos premios nacionais outorgados polo Ministerio de Cultura a 31 creadores e creadoras e a editorial Kalandraka, como mellor labor editorial cultural, premiados en todas as disciplinas literarias, mais tamén en xornalismo cultural, moda, arquitectura, fotografía ou artes plásticas, que recoñecen a Galicia como potencia cultural, a pesar das cativas axudas públicas destinadas á creación e promoción. Páxinas nas que identificamos a diversificación da industria cultural, atomizada en editoras independentes, pequenas compañías teatrais, cun peso cada vez maior do sector audiovisual e das redes sociais na mediación cultural, que cuestionan o papel do enfoque crítico do propio FC.

Especial atención tivo en FC o seguimento da cultura viguesa, tanto da programación de exposicións, concertos, funcións teatrais e estreas do novo cinema galego como do «Vigo noir», acuñado polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, fenómeno da novela negra localizada en Vigo, como do máis amplo do «Vigo literario», visible no Mapa Literario de Vigo, elaborado pola Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Fenómenos que avalan a posibilidade de solicitar a inclusión de Vigo dentro da rede de cidades da literatura da UNESCO, o que contribuiría á proxección de todo o sector cultural vigués. Candidatura que atoparía nas páxinas deste faro cultural de Vigo os seus mellores argumentos para a súa defensa.

Parabéns a Xosé Ramón Pena, hoxe asesor literario de FC, por facer posible durante un milleiro de xoves, nos que ventou e choveu, un proxecto estratéxico para a cultura en lingua galega. Beizóns que merece a empresa e dirección de Faro de Vigo por continuar coa súa aposta pola crítica cultural de calidade.

Publicado en «Faro da Cultura» 1000 Faro de Vigo: 13/02/2026