Apiario

Apiario celebra o seu décimo aniversario coa presentación en Culturgal d´O libro das abellas, obra na que participan vinte e un das súas autoras convidados a escribir un texto sobre o mundo da abella, símbolo do proxecto de Antía Otero e Dores Tembrás. Aparecido en 2014, en plena crise da edición, Apiario naceu coa singularidade de compartir formación literaria con edición independente, fórmula coa foron construíndo a súa abellariza desde a que reclaman a esencia modeladora das palabras e reivindican a creatividade e oficio artesán das oficinas de edición. Unha aposta radical polo libro impreso e pola singularidade de cada título, deseñado dende cero, o que obriga ás editoras, tras conversa demorada coas autoras, a escoller formato, tratamento tipográfico e o deseño de interiores que mellor axeita co texto. Labor que atinxe tamén ao procedemento de impresión e á escolla de papeis e materiais de acabamento, sempre coa intención de evitar a rutina e facer de cada libro un obxecto valioso, único e perdurable.  Procedemento co que Otero e Tembrás construíron o seu catálogo, organizado en media ducia de coleccións, na que destaca «Cera labrada», a de poesía, apenas quince títulos, entre os que se atopan algúns dos máis premiados e mellor recibidos pola crítica como reclamados polo lectorado. Distribuídos directamente pola editora, apoiados nun entorno audiovisual (booktrailers) e de redes coidado e atractivo, así como do acompañamento incondicional das editoras no seu percorrido libreiro, sen contar apenas con axudas públicas, o capital de Apiario reside na calidade, excelencia e orixinalidade dos seus libros, da súa comunicación e dos seus cursos formativos.  Xaora, Apiario comparte o seu éxito con outras editoras independentes galegas que tamém coidan a edición con primor, ofrecendo boas lecturas e libros fermosos, probablemente a mellor receita para facer fronte á hibridación dixital e seducir ao lectorado literario. Parabéns a Apiario por esta primeira década de cera labrada.

Publicado en Nós diario: 27/11/2024

A fala de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á monografía A fala de Vigo (UVigo 2024) de Xosé-Henrique Costas:

O emprego do galego en Vigo está en mínimos históricos. A enquisa do IGE (2023) sobre o uso e coñecemento do galego cifra os galegofalantes habituais no 13,46 % dos vigueses maiores de 5 anos e os castelanfalantes no 86,54 %. Cifras que hoxe fan de Vigo a cidade menos galeguizada do país, aínda que sexa pouco menos que Ferrol, onde os galegofalantes representan o 13,60 % e na Coruña o 15,48 %. Situación precaria do galego nas tres cidades industriais, onde o seu uso cotián representa apenas unha terza parte ca en Santiago, onde é o 44,52 %, cifra que queda por baixo do 46,23 % do conxunto de Galicia, inferior, por vez primeira, á de castelanfalantes. Retroceso histórico do galego, substituído polo castelán, que afecta tamén a cadansúa área metropolitana que, se ben ofrecen porcentaxes máis elevadas de galegofalantes –Vigo o 20,13 %, A Coruña o 25,04 % e Ferrol e Ortegal o 28,39 %– fican lonxe das cifras de uso do galego en Lugo, 39,50 %, e Ourense, 37,87 %. Números que habería que desagregar por tramos de idade, información valiosa que axudaría a entender a situación de emerxencia da nosa lingua.

Por ventura, tras semellante retrato do estado da lingua, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo acaba de publicar unha monografía esencial para o patrimonio da cidade nosa e para o seu futuro: A fala de Vigo. Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal (2024), obra da que é autor Xosé-Henrique Costas González, natural de Mantelas, catedrático de Filoloxía Galega da UVigo especializado en dialectoloxía das falas galegas do exterior, activista do galego e escritor, autor da triloxía «Banu Marwán: a estirpe do galego». Concibido como texto dunha conferencia sobre o galego de Vigo, solicitada pola asociación de voluntariado lingüístico Faladoiros Vigo, o traballo de Costas levedeceu e colleu corpo como estudo filolóxico de referencia sobre a fala do Vigo actual, testemuño de que a pesar das cifras preocupantes de uso, a lingua galega sigue moi viva en Vigo entre un de cada cinco dos seus veciños, falada no vitrasa, Balaídos ou nos centros comerciais, con presenza destacada nas parroquias do Val do Fragoso, bacía vertebrada polo antigo río Sárdoma, hoxe chamado Lagares, onde segue sendo a lingua cotiá ou maioritaria de non pouca veciñanza.

Iniciada polo soneto «Vigo» de Darío Xohán Cabana e por un limiar do mestre X.L. Méndez Ferrín, a monografía de Costas, tras encadrar a fala viguesa no Bloque occidental das falas galegas, cos seus trazos propios de gheada e seseo, presenta as súas características diferenciais, algunhas exclusivas do concello de Vigo, sexan fonético-fonolóxicas (inestabilidade do ıeı tónico aberto, redución do hiato -oa en -ó…), prosódicas (interrogación con acento descendente) ou morfolóxicas (diferenciación de Nós e nosoutros, emprego de forma oblicua do pronome, uso da perífrase recomendativa querer + participio flexionado…). Secasí, a cerna do retrato da fala viguesa está no apartado de léxico onde, despois de identificar trazos singulares neste ámbito (uso moi frecuente dos sufixos -ota/e, -exa/o, -eira/o; emprego do arquilexema mirar, documentado nos textos dos tres trobeiros da ría de Vigo…; ou emprego de voces coincidentes co portugués do norte…), recolle un cento de frases e refráns, así como catrocentas voces senlleiras de Vigo, que non en todos os casos son exclusivas do Val do Fragoso, mais si características moi nosas.

Tesouro lexical vigués que Costas leva máis alá dos tópicos de castelanismos vigueses como patatillas, manises ou tenis. Son palabras viguesas galegas: aboiada/o, alcoube, bandallo, berete, chaíñas, charrau, chosca, croque, currusco, esbandallar(se), espiche, fariñoque, furabolas, ghaldrumada, ghicho/a, manghallón, meniño e meniña, molote, moquenear, noutronte, necha, pallona, pateiro, pello, pirú, pisca-pisca, pispardo, postouro, rao, roña, sabidicho/a, sudre, tareco, tirisó, ventimperio, viño de masán, virghallada,… Como son frases viguesas: A ghaita é pro ghaiteiro, Andar ás minchas, Andar de ghavota, Bailar nunha peneira, Chiscar un ollo, Darlle ao veo, Dar un raite, Falou Varela, Faser barro (coas orellas), Ir quentar os bancos, Montes e moreas, Non ter paraxe, Quen che dera piche pola costa de Peniche, Quen de novo foi bailador, de vello dálle un xeitiño, Ser o prixel de todas as salsas, Ser unha man furada, Xa pasaron as leiteiras, Xuntar allos con maravallos…

Palabras e frases que conforman un tesouro comunal, que o autor convida a compartir e ampliar, como forma de preservar o patrimonio da lingua e fomentar o seu uso en todos os ámbitos da vida cotián. Parabéns a Quique Costas e a Uvigo pola sensibilidade de realizar unha publicación, que se pode baixar gratuitamente en pdf na súa páxina.

 

Karnix celta

Abraham Cupeiro, o xenial músico e recuperador de instrumentos  perdidos no tempo, nunha participación memorable na previa do sábado sobre a lameira de Balaídos, convocou co son grave do seu karnix, trompeta celta da Idade de Ferro, ao celtismo a compartir unha nova fazaña de afouteza fronte ao líder, o temible Barcelona de Hansi Flick, hoxe un dos equipos en mellor forma de Europa. Probablemente, o musicólogo lucense e celtista de estirpe non imaxinaba que o seu chamamento celta sería a banda sonora inesquecible para outra noite heroica do Celta de Claudio Giráldez, que fixo un gran partido, e xa van uns cantos na catedral do Fragoso, un empate que soubo a pouco, forxado en cinco minutos incribles, apenas deslucido por dous erros defensivos de vulto do valiosísimo Mingueza, na mesma semana que o catalán debutou como internacional, paradoxos inevitables deste apaixonante xogo de pelota. Un encontro no que, non obstante, a tripla defensiva celeste estivo a un grandísimo nivel, mellor ca a tripla ofensiva, superando en numerosas ocasións a que semellaba infranqueable estratexia blaugrana do fóra de xogo, unha lección táctica soberbia do cadro técnico do adestrador de Cans, que superou aos visitantes en case todas as fases do encontro.

Desta volta, Claudio sorprendeu menos no seu once de gala, incorporando a Javi Rodríguez, cada vez máis seguro na tripla defensiva, na que Starfelt e Marcos Alonso xa son intocables, con senllas grandes actuacións, nun equipo que constrúe con paciencia infinita dende esa primeira liña de centrais. Xaora, gardou a sorpresa habitual coa aliñación Ilaix Moriba, peza clave na súa estratexia de superar por intensidade a Pedri e Casadó, o que resultou todo un acerto polo seu empuxe na creación de espazos no campo visitante, nunha das súas mellores actuacións coa camiseta celeste. Pulo ao que non foi alleo o traballo de zurcido invisible de Beltrán, un xogador incansable, inmenso no compromiso, responsable da cadencia de xogo céltico, ese metrónomo que impide a precipitación do xogo, que da man de Claudio está atopando o seu mellor rexistro e proxección. Como volveu o míster apostar por Bamba, probablemente pola gripe de Williot, unha escolla polo marfileño que, para unha parte da bancada, dende a súa chegada a Vigo, non acaba de convencer, dubidosa das expectativas creadas na súa fichaxe, sobre todo na finalización. Outrosí sucede coa presenza de Douvikas no eixe de ataque, que se intercambia decote con Borja Iglesias, internacional grego ao que non se lle ve completamente satisfeito co seu papel.

Con eses vimbios, Claudio teceu o seu cesto, que xa funcionou aos tres minutos, cando Mingueza como lateral esquerdo serviu un balón en diagonal sobre o punto de penalti que Aspas cruzou ao pao dereito lixeiramente desviado, unha desas asistencias que o mago de Moaña non adoita estragar. Primeiro aviso, ao que respondeu no 14’ de xogo o Barça cun servizo semellante de Koundé sobre Rapinha, que Mingueza deixou botar, o que permitiu que o brasileiro o canease para marcar cun xute sobre o pau dereito. Un erro do celeste que serviu de acicate aos nosos, que catro minutos despois puideron empatar cun xutazo á escuadra de Moriba despexado por Peña in extremis. Oportunidades das que dispoñería Bamba, que soubo collerlle as costas a Koundé, ás que respondeu Olmo cun xute ao longueiro, nun intercambio de golpes precioso, moi excitante para a bancada. Secasí, antes do descanso apareceu, o factor Soto Grado, o do árbitro caprichoso que se aforrou un claro penalti sobre Aspas e unha vermella a Gerard Martín, o que alporizou ao de Moaña, que recibiu cartón amarelo e puido ser expulsado de non ser acougado na banda polo propio Giráldez.

Non empezou ben a segunda parte, onde o Celta se fixo agardar sobre o terro, cando Lewandowski ampliou o marcador, tras outra perda inocente de Mingueza e un despexo insuficiente de Starfeldt, nun dos seus contados erros. Claudio introduciu entón os primeiros trocos, mentres Rapinha noutra das súas transicións puido liquidar o marcador cun terceiro gol, o que impediu o pao de forma milagreira. No entanto, os celestes lembraron a chamada do karnix de Cupeiro e procuraron un gol que os achegase, que naceu da insistencia de Alfon, –pouco despois de que os visitantes quedasen en inferioridade polo dobre cartón de Casadó–, que no 83’ aproveitou unha vacilación de Koundé. Gol que infundiu azos para un empate posible que chegou tras unha xogada coral moi traballada e finalizada por unha xenialidade de Hugo Álvarez, un caneo na área pequena con xute cruzado, nunha das súas actuacións máis discretas da temporada, outro paradoxo do bendito fútbol, que abriu o entusiasmo ao estadio todo. No tempo engadido, coa bancada sen ter paraxe, mágoa que o taco de salón de Borja fose interceptado por pouco por Peña, negándolle ao Celta a vitoria que merecía.

Publicado en Faro de Vigo: 25/11/2024

Lar

Co obxectivo de favorecer a difusión da cultura galega naceu en Ferrol en 1921 a editorial Céltiga, que durante dous anos debeu a súa existencia o esforzo realizado polo seu editor Xaime Quintanilla. Proxecto editorial das Irmandades da Fala continuado o 29 de novembro de 1924 cando apareceu na imprenta Moret da Coruña o primeiro número da revista quincenal Lar, grazas ao propósito de Leandro Carré Alvarellos como director e de Ánxel Casal como administrador. Desde aquela primeira entrega, A miña muller de Wenceslao Fernández Flórez, publicaría o derradeiro sábado de cada mes corenta noveliñas que conformaron o primeiro catálogo de narrativa galega do século XX, entre os que se atopaban títulos pioneiros como Martes d’ Antroido (1925) de Francisco Herrera ou Pantelas, home libre (1925), a estrea literaria de Ramón Otero Pedrayo, premiada na «Festa da Lingua Galega» convocada polo Seminario de Estudos Galegos. Secasí, sería o sinal de identidade daquela colección a liña de portadas deseñada polo Camilo Díaz Baliño, na que aparecía o sol, o altar e unha figura pétrea barbada, trilito da tradición druídica, considerado por Pepe Barro como unha das obras mestras do deseño galego. Foi o de Lar o primeiro proxecto editorial moderno en lingua galega, tanto pola intención de enraizar o xénero narrativo como de popularizalo, divulgalo e estendelo a un público propio, vontade que os editores sinalaban na nota de presentación do número 26, Fuxidos (1926) de Gonzalo López Abente: «pretendemos proporcionarlles aos nosos lectores novelas interesantes e ben escritas que lles dean plena satisfacción, aínda impoñéndonos sacrificios; porque a nosa empresa non é industrial, senón patriótica. Queremos contribuír ao engrandecemento da Literatura Galega, da Cultura Galega; e por iso traballamos con fe e afiuzados na crecente afección á lectura de libros galegos, de bos libros…» Vontade dos editores Carré e Casal que non perdeu ápice de interese cando celebramos a proeza de Lar no seu centenario.

Publicado por Nós diario: 20/11/2024

Festa do cabazo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a festa do cabazo do Carballal:

Organizada pola Asociación Cultural «O Coto», celébrase cada terceiro domingo dende 1984 a festa do cabazo no cabralexo colexio do Carballal. Unha festa gastronómica das máis enraizadas do concello de Vigo, que comparten máis de dúas mil persoas, coa que remata o calendario de grandes encontros anuais de exaltación da comida ou dalgún produto alimenticio concreto. Un ciclo festeiro gastronómico vigués iniciado na primeira fin de semana de xuño coa feira e festa da cereixa de Beade, creada en 1986 e organizada polo CSCR de Beade, á que seguen a festa da sardiña de Teis, creada en 1974 por Ramón Rodríguez «O Gholas» na carballeira do monte da Guía; a romaría do pan de millo de Cabral, organizada dende 1987 polo CCR de Cabral o derradeiro domingo de agosto no parque forestal de Becerreira; a festa do pexego de Candeán de setembro e as organizadas pola Federación de Peñas Recreativas El Olivo, a recuperada festa do mexillón do Parque de Castrelos de primeiros de setembro e o tradicional Magosto do Berbés do segundo sábado de novembro. Festas todas nas que ademais de compartir a familia mantenza e andar de ghavota, a prezos accesibles, nunca falta a música tradicional e o emprego vehicular da lingua galega.

Festa do cabazo do Carballal da que asumín nesta súa XXXVII edición a responsabilidade de pronunciar o pregón de exaltación dun froito da outonada, chamado noutros lugares de Galicia, cabezalote, cabaza ou calacú, que neste tempo de facer memoria de Santos e Defuntos e Magostos, vai abrindo os postigos á invernía e as súas matanzas e nadais. Regalía da horta nosa, para o etnógrafo Felipe Senén, ovos da terra preñados de infindas pebidas, que comezan a dourar e a ofrecerse ao imaxinario da tradición. Esféricas testas, caprichosas formas hortícolas labradas polos catro compoñentes da vida: terra, auga, aire e luz solar. Cabezas que emerxen da terra para agardar o saber da man hábil creadora do artesán que lle labre a faciana na cortiza ou a dispoña para ser preparado coas artes da nosa culinaria. Cabazos cultivados nas ribeiras do Lagares, o antigo río Sárdoma, terras vizosas do Val do Fragoso, onde se estendeu a nosa grande urbe atlántica, ese Vigo de tradición agraria, hoxe espazo simbiótico industrial. Cabazos cabralexos que son froitos privilexiados e testemuñas dunha tradición e duns labores agrícolas que sobreviven nun Vigo en bisbarra complexa, como o definiu Ramón Otero Pedrayo.

Culinaria do cabazo, da que temos primeira referencia documentada no libro da cociña galega de Álvaro Cunqueiro, que a Caixa de Aforros de Vigo publicou en 1973, na que achega receita dun caldo galego, «moi propio dos días medianeiros de outono, cando xa nos cabazos (canastros) maduraron ao sol os calabazotes, e hai fabas novas de tarde». Imaxino que este caldiño de cabazo de Cunqueiro está para bailar nunha peneira, xaora nesta festa do Carballal o público tivo a posibilidade de dar un raite por moitas outras posibilidades culinarias e atopar cabazo en flans, marmeladas, galletas, pasteis, pisto, pan, empanadas e que sei eu. Preparacións moi saborosas todas, como para facer barro coas orellas, frase feita da nosa fala viguesa coa que expresamos a calidade de facer algo moi ben feito. Sen esquecer  as receitas das chulas de calacú presente nos libros clásicos de Repostería en Galicia de Fina Casalderrey e de Cociña galega tradicional de Matilde Felpeto, autoridades na gastronomía de noso. Chulas que forman parte das nosas froitas de tixola, como orellas ou filloas, preparación semellante á que as portuguesas chaman sonhos, nome literario tan suxestivo que podería adoptar a festa do Carballal: «soños de cabazo». Como aconsellan as autoras que á hora de reinterpretar unha receita de orixe popular, como as chulas das que xa falaba Picadillo, non esquecer de botar na tixola unha pela de laranxa e retirala cando estivese dourada.

Como é outra preparación do cabazo transformalo en cabelo de anxo, o ingrediente utilizado para a elaboración de tortas emblemáticas de Galicia como as de Mondoñedo, Viveiro ou Ortigueira, moi utilizado na dozaría portuguesa, ao que chaman doce de xila. Elaboración artesá, onde semella que a clave reside en, despois de enfornar e baleirar o cabazo, desfacer coas mans a polpa en filamentos, que se mesturaron co azucre. Culinaria por ventura en transformación que hoxe utiliza como ingrediente principal a nosa humilde cabaciña, presente nas cartas de cociña contemporánea en pratos como humus de cabazo, manteigadas de cabazo ou cabazo con ricota e pesto xenovés. O cabazo un produto de tempada e de proximidade, protagonista dunha cociña saudable, na que se establece un equilibrio entre o pracer da inxestión e o benestar da dixestión. Beizón ao humilde cabazo, que emerxe da terra para o noso gozo e beneficio.

Pregón da festa do cabazo

Convidado pola Asociación Cultural O Coto pronunciei o pregón da festa do cabazo celebrada hoxe no Colexio do Carballal.

Pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

 

Xigantes da lectura

A neurociencia cognitiva recomenda ler en voz alta todo tipo de textos, a chamada lectura oral, polos múltiples beneficios que achega ao lectorado novo en formación como ao adulto experto. A lectura en voz alta facilita a comprensión e a retención de información xa que incrementa a memoria e as capacidades de atención e concentración, ademais de contribuír a mellorar as habilidades de comunicación verbal de entoación, ritmo e pronunciación. A lectura oral, secasí, ten unha dimensión comunicativa e inclusiva, alivia o estres e a ansiedade, ademais do gozo que provoca en quen a protagoniza e quen a escoita. Abandonada como práctica escolar resesa, a lectura oral reclama de novo a súa incorporación como práctica da formación lectora e da educación literaria, con especial importancia para o novo lectorado autónomo, que despois de aprender a ler, aprende agora lendo e gozando da lectura. Son abertamente partidario de recuperar a lectura oral nas aulas e nos clubs de lectura, tamén nos que participan persoas maiores, xa que cando lemos en voz alta humanizamos o texto, anosámolo, encarnámolo na pel propia e na das persoas que nos escoitan. Cando lemos dese xeito compartimos o gozo do texto facéndoo sonoro e teatral, único nos seus matices e interpretación, práctica que sabemos asumen moitas autoras para comprobar se o texto flúe como elas pretenden. Coa intención de recuperar esta práctica na formación do novo lectorado autónomo, o Hematofesti, festival de literatura infantil e humor na memoria de Hematocrítico, asumiu a organización da edición de «Pequenos Xigantes da Lectura» en lingua galega para alumnado de segundo ciclo de Primaria. Convocatoria pioneira, na que apenas participaron centros educativos da área metropolitana viguesa, mais cun éxito rotundo pola calidade das lectoras finalistas e o gozoso do proceso, constituíndo un dos fitos máis destacados do memorable primeiro Hematofesti, organizado por Ledicia Costas, Alberto Vázquez, Llerena Perozo e Matilde Rodríguez.

Publicado en Nós diario: 13/11/2024

Discurso de recepción do premio «Lenda do recreo»

Recollo no arquivo do blog o discurso que pronunciei o serán do sábado 9 de novembro no Hematofesti con motivo da recepción do premio «Lenda do recreo».

Pode lerse ou baixarse en formato pdf aquí.

 

Hematofesti de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Hematofesti:

A primeira edición do Hematofesti, festival de humor e literatura infantil, proxecto nacido para homenaxear a figura de Miguel Ángel López González, coñecido como o Hematocrítico, resultou un éxito rotundo, tanto pola acollida dos públicos e a calidade do seu programa de actividades como das iniciativas desenvolvidas en Vigo durante cinco días. Creado e organizado pola escritora Ledicia Costas e o ilustrador Alberto Vázquez, rendeu tributo ao legado do escritor coruñés e mestre de educación infantil e inglés, autor do blog Hematocrítico de Arte, tamén creador de contido dixital en redes, participante e animador de múltiples proxectos como os dos podcasts «Los hermanos podcast & Co» e «Masa enfurecida», salientando a súa personalidade empática e achega decisiva á renovación da literatura infantil e o entretemento de carácter familiar. Un festival que constituíu, ademais, un exercicio de gratitude e memoria da rede de amizades de Hemato desprazadas a Vigo dende diversos lugares da península que protagonizaron actuacións musicais e humorísticas memorables na Hematogala, celebrada o xoves á noite no Auditorio Mar de Vigo, e nas sesións de humor vespertinas que baixo o epígrafe «Queremos humor» se celebraron no Teatro Salesianos, convocatorias todas nas que esgotaron as entradas.

Homenaxe iniciada na mañá do xoves no Auditorio Municipal coa final de «Pequenos Xigantes da Lectura», concurso de lectura en alta voz en lingua galega para alumnado de 4º de Primaria, no que participaron oito centros escolares da área metropolitana viguesa. Xornada na que comezaron en media ducia de librarías viguesas as sesións de contos e obradoiros de ilustración dirixidos a crianzas, así como se abriu na planta baixa do Marco un espazo Gaming NINTENDO, que recibiu unha grande acollida de público familiar nos catro días. Programa que o sábado na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo dedicou a xornada toda á literatura infantil, na que se sucederon as mesas e presentacións coa participación de autoras, ilustradoras, editoras e bookstagrammers, pechada coa cerimonia de entrega dos premios «Humor con H» de álbum ilustrado  e do «Lenda do recreo», que tiven a honra de recoller emocionado coa maior das gratitudes. Programación do Hematofesti que se estendeu ao Palexco da Coruña coa excepcional exposición retrospectiva «Hematocrítico ilustrado», organizada polo concello da Coruña, na que por primeira vez se reúnen máis de duascentas ilustracións de nove destacados ilustradores e ilustradoras que acompañan as narrativas das súas obras.

A sorprendente capacidade desta primeira edición de Hematofesti de facer barro coas orellas, ou o que é o mesmo, de converterse en referente, entendo que obedece ao carácter transversal, inclusivo e audiovisual deste festival de cultura contemporánea que como auga de maio precisaba a cidade de Vigo. Transversal no eido temático xa que aborda a lix, o humor, a música e o xogo. Como tamén toca todos os paos da literatura infantil, dende a creación e a edición textual, pasando pola ilustración e a banda deseñada, até os videoxogos e os podcasts e creación de contido dixital para redes. Como transversal e inclusivos son os públicos de Hematofesti, asumindo de forma explícita unha estratexia antiidadista, con propostas para crianzas e familias, até unha participación moi destacada de persoas menores de sesenta anos. Como diversas son as localizacións das actividades por toda a cidade e diversos os mecenados, tanto privados como públicos, nos que están comprometidas as catro administracións: Ministerio de Cultura, Consellaría de Cultura, Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra. Unha fórmula modélica de corresponsabilidade e de colaboración interinstitucional que merece ser aplaudida e continuada en edicións futuras.

Aventuramos un grande futuro a este festival visualmente tan fermoso e engaiolante, onde todo esta moi coidado, que debe consolidarse e medrar en Vigo como un referente anual arredor da fin de semana de San Martiño (as buxainas ao camiño). Crecemento que podería producirse asumindo un carácter internacional e engadindo novas expresións e formatos, singularmente o cine infantil de animación, a poesía, o teatro, o xogo e o xoguete popular e dixital. Como non semella moi difícil ampliar a toda Galicia a convocatoria do concurso escolar «Pequenos Xigantes da Lectura» e estreitar o intercambio de actividades coas organizadas na Coruña, montando na vindeira edición a exposición do «Hematocrítico ilustrado».

Todos os parabéns, merecidísimos, a Ledicia Costas e Alberto Vázquez, como ao seu formidable equipo de produción, por facer realidade a fantasía dun festival que imaxinou o Hematocrítico, xenio riquiño entre os máis riquiños.

IESCHA

Dende 2017 colaboro co Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) como membro do xurado do premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que organiza co concello de Vilalba e a colaboración de Xerais. Entidade chairega e galeguista, presidida dende 2017 pola historiadora Marisa Barreiro, enraizou de forma preferente sobre o patrimonio da cultura popular, fose arquitectónico ou inmaterial, sendo un dos colectivos socioculturais máis dinámicos e de programación máis intensa e innovadora dos que funcionan hoxe no país. Sociedade concibida para promover estudos e investigacións sobre a Terra Chá, ofrece un programa anual de publicacións, dende a media ducia de novidades da súa Biblioteca Chairega até o seu Caderno de Estudos Chairegos e a súa revista Pena do Encanto, visible pola súa presenza activa nas redes sociais e pola ampliación constante dun arquivo fotográfico dixitalizado sobre a comarca. Actividade divulgativa que artella nunha completa programación de mesas redondas, coloquios, conferencias, presentacións de libros, tres ciclos anuais de cinema (con atención preferente ao audiovisual galego), concertos, recitais, rotas culturais, xornadas rosalianas, homenaxes literarias ou a convocatoria e cerimonia do premio literario en memoria da causa de Agustín. Organización de actividades que comparte coa defensa da obra dos autores chairegos mantendo con afouteza e dignidade a reclamación do nome de Manuel María para a casa da cultura de Vilalba e do de Agustín Fernández Paz para a biblioteca pública do mesmo concello. O IESCHA, despois de case vinte e cinco anos de teimudo traballo en man común, merece ser máis coñecido e recoñecido, constituíndo un modelo de actividade cívica a prol da cultura e da lingua galega. Unha trabe imprescindible do proceso de construción nacional dende a conservación e a investigación da tradición como dende a creación e innovación nas artes do noso tempo. Parabéns ao equipo do IESCHA por compartir ese soño colectivo.

Publicado en Nós diario: 06/11/2024