Máis concertado

Entre os datos publicados ao inicio de cada curso adoito reparar nos relativos ao ensino concertado en Galicia, en continuo ascenso durante os últimos catorce, fronte ao descenso dos do ensino público, explicado como inevitable pola baixa da natalidade. Incremento do concertado que afecta a todos os datos: aos fondos que recibe da Xunta de Galicia, máis de 300 millóns de euros anuais (cun incremento sostido do 43 %, dende 2013 a 2022); ao número de centros, máis de douscentos, a metade de carácter católico, e número de unidades, case catro mil; ao alumnado, máis de oitenta mil escolares, case unha cuarta parte do total do ensino obrigatorio e formación profesional; como do profesorado, máis de cinco mil docentes, retribuídos directamente pola Consellaría de Educación. Cifras que en cidades como Vigo adquiren proporcións aínda máis significativas xa que no ensino obrigatorio os centros concertados (56) son máis cos públicos (44). Datos que en todo caso contrastan tanto coa diminución do número de centros e aulas da rede pública, que este curso anuncia o peche de seis escolas, como coa conxelación do cadro do persoal docente, allea á imprescindible redución de ratios. Paradoxo enraizado no modelo educativo liberal do Partido Popular, caracterizado por considerar a rede pública como subsidiaria e facilitar o crecemento da concertada e a continuidade da privada segregada dos centros de Fomento. Unha política reaccionaria, reflectida no orzamento en educación da Xunta, que en 2022 representou o 3,8 % do PIB galego, moi lonxe daquel 4,3 % que representaba en 2009 co goberno de coalición de socialistas e nacionalistas. Como os gobernos de Feijoo e Rueda tampouco saen ben parados, se comparamos o gasto medio anual por habitante en educación, 1.043 euros, co doutras comunidades, situándose por debaixo da media estatal, 1.100 euros, mais en sintonía co doutros gobernos populares, como o de Madrid ou de Castela León, que comparten este modelo conservador de máis educación concertada.

Publicado en Nós diario: 28/08/2024

Parque Miramar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Parque Miramar e outra arquitectura viguesa de papel:

Dende que o noso sempre lembrado Xaime Garrido Rodríguez publicou hai máis de tres décadas Vigo. La ciudad que se perdió. Arquitectura desaparecida. Arquitectura no realizada (Deputación de Pontevedra 1991), libro pioneiro e principal na divulgación da arquitectura histórica de Vigo, a arquitectura de papel, a non construída, forma parte tamén da memoria de Vigo. Un capítulo novidoso e pouco coñecido, que axuda a entender mellor as dinámicas de desenvolvemento e as contradicións da planificación e do crecemento urbano. Obras de papel que quedaron nos arquivos, algunhas dende hai un século, fose polo seu elevado custo ou por non ser aceptadas polos seus promotores, mais que hoxe sorprenden polas solucións atrevidas que propoñían, nalgún caso anticipándose varias décadas ás que despois serían utilizadas. Arquitectura debuxada que, no caso de Vigo, abrangue un catálogo de tamaño considerable, do que forman parte pezas tan diversas, como o Macelo público (matadoiro municipal), proxectado en 1907 por José Franco Montes; o edificio para viaxeiros do aeroporto de Vigo, deseñado por Jenaro de la Fuente, entre 1935 e 1940, no máis puro estilo racionalista; o suntuoso Templo Votivo da Paz na Guía, deseñado por Antonio Palacios en 1930, como outras monumentais incluídas no seu plan urbanístico; até un edificio para oficinas da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, deseñado por Antonio Cominges Tapias en 1942.

Deste catálogo vigués de arquitectura teórica, foi sempre para min a peza preferida polo seu carácter anticipador e modernizador o «Parque Miramar», un proxecto de ordenación urbana consistente na comunicación entre os desniveis existentes entre a rúa Pi i Margall e o que fora vello cemiterio católico de Picacho (a nivel da actual rúa Torrecedeira), clausurado en 1898 e que a corporación acordou o 29 de abril de 1925, a instancias do concelleiro Manuel Ferreiroa, transformar en parque público. Actuación que o arquitecto municipal Jenaro de la Fuente Álvarez propuxo resolver con xogos de escalinatas, estanques, fontes e pérgolas, utilizando unha linguaxe arquitectónica que aproximaba á estética rexionalista de acentos galaicos tan en voga entón polo éxito das obras de Manuel Gómez Román e Antonio Palacios. Coñecido como Parque de Picacho, aínda que bautizado nos planos como «Parque Miramar», a instancias do concelleiro Evaristo Suárez Alberte, o proxecto foi estudado polo inesquecible historiador da arquitectura nosa Xosé Ramón Iglesias Veiga nun artigo publicado en Glaucopis 21 (Instituto de Estudios Vigueses 2016); «Vigo en 1928: a creación de novos espazos urbanos», texto esencial para entender as razóns do fracaso do parque e a construción no seu lugar do edificio da Institución Valeriola, hoxe albergue municipal.

A cerna do proxecto de Jenaro de la Fuente residía na escalinata artística de vinte metros de ancho que arrancaba en Pi i Margall á altura da finca dos redentoristas (hoxe número 40). Con deseño semellante á que pouco despois trazou para a Residencia de Estudantes na Alameda de Santiago de Compostela, no caso vigués para salvar o desnivel entre cotas tan altas e distantes utilizaba un xogo de escaleiras e mesetas. Desdobrada pola esquerda e a dereita, a cada lado se dispuñan fontes inseridas no paramento, tras o primeiro descanso, abríase unha praza cunha fonte ornamental e un miradoiro sobre a ría que recibiría a sombra dunha pérgola. A pesar dos moitos apoios que recibiu, sobre todo pola facilidade para acceder á praia de San Sebastián, o proxecto da escalinata de Pi i Margall foi desestimado en 1931, probablemente, pola oposición dos redentoristas, propietarios da finca por onde discorría. No vello cemiterio de Picacho decidiuse entón construír a chamada «Casa do Pescador», tamén deseñada por Jenaro de la Fuente con linguaxe rexionalista, iniciativa altruísta do Marqués de Valterra, mariño de profesión, que na honra do seu pai propuxo fose chamada «Institución Valeriola», sendo transferida ao Pósito de Pescadores de Vigo en 1934.

Parque Miramar nunca construído que, porén, iniciou a solución da construción de escaleiras para salvar os característicos socalcos urbanos vigueses, ensaiada décadas despois de forma máis sobria en Peniche e na apertura das rúas Torrecedeira e Camelias que as utilizaron para salvar os desniveis. Mágoa que o parque de Picacho e o seu miradoiro monumental non fora nunca adiante, o que tería modificado completamente un espazo urbano hoxe moi degradado e sen personalidade ningunha. Secasí, as actuacións anunciadas no antigo barrio de Picacho e Torrecedeira do chamado programa de mobilidade peonil «Vigo vertical», coa instalación de elevadores eléctricos, son de agradecer aínda que cheguen case con cen anos de atraso.

Días felices

Sei que somos moitos os celtistas que conservaremos a captura de pantalla da clasificación da segunda xornada da Liga 24/25 na que aparece o Celta como líder, con dúas vitorias, cinco goles a favor e dous en contra. Un inicio de tempada extraordinario, un soño de verán para gozar tras dous partidos memorables sobre a alfombra do Campo do Fragoso, tamén outras dúas impresionantes remontadas do cadro de Claudio Giráldez que desde o mes de marzo pasado como adestrador do primeiro equipo converteu Balaídos en fortín inexpugnable (onde aínda non coñece a derrota, cinco vitorias e dous empates) e, o que non é menos relevante, devolveu ao celtismo o goce do fútbol de salón, a lembranza do xogo artístico e destemido daquel Eurocelta de hai máis de dúas décadas ou dos partidos máis tolos do mestre Eduardo Berizzo. Unha celebración merecidísima da bancada que contra vento e marea sostivo ao Celta secuestrado durante sete meses horribles polo xogo ruín e desfasado que lle impuxo Rafael Benítez, adestrador que nunca entendeu nin agora respecta, velaí a súa rancorosa parrafeada recente dende Liverpool, o carácter soñador e afouto acuñado por un equipo xa centenario como o noso.

Vitoria contundente diante do Valencia que repetiu, con apenas algúns matices, o argumento principal de remontadas celestes anteriores. Con todo, os de Claudio comezaron mellor o partido que a semana anterior co Alavés, mais non souberon evitar que nun lance desafortunado, no minuto 14, na primeira chegada dos visitantes, Diego López cabecease á rede, superando a Iván Villar, que puido facer moito máis, despois dunha cadea de erros da defensa celeste, incapaz de despexar un balón que recollería Rafa Mir de chilena e remataría o perigoso dianteiro turonés. Un contratempo, asumido polos locais como acicate, o que non modifica a trama de partidos anteriores, xa que desta volta a sala de máquinas funcionaba como a seda, tanto na saída do balón dos tres centrais (Javi Rodríguez, Jailson e Carlos Domínguez) máis fluída como na cadencia e criterio que introduciu Damián Rodríguez, cunha asombrosa autoridade, para crear espazos sen balón e dirixir a proxección atacante do equipo. Estrutura táctica que permitiu que a sociedade formada por Aspas e Mingueza, dous futbolistas en estado de graza que gozan co que enxeñan, dinamitase o marcador en seis minutos con dous goles marabillosos. O do empate no 23’, grazas a asistencia do moañés sobre o catalán, que de repente apareceu na banda esquerda da área visitante e enganchou un remate brutal. O segundo no 29’, cando Óscar filtrou verticalmente sobre Iago que desmarcado realizou un perfecto control orientado e xutou certeiro superando ao temible Mamardashvili.

Dous grandes goles para conservar na memoria pola súa exacta execución táctica e beleza ximnástica, que tampouco desmerecen o terceiro de Fran Beltrán, xa no minuto 60, que aproveitou o despexe dun saque de recanto para enganchar un balón fóra da frontal da área que entrou pola mesma escuadra. Outro gran gol, probablemente candidato a un dos mellores da tempada, que pechou un marcador, que os nosos puideron ampliar, tanto no lanzamento de penalti errado por Aspas, que non mancha un ápice seu partido descomunal no que correu a velocidade dun xuvenil, como das ocasións das que dispuxo Williot, outra figura, que cada vez que chega o balón as súas biqueiras é capaz de mellorar ou finalizar a xogada. Excepcional panorama que fixo entolecer a bancada celtista, eufórica, desbordada e cantareira, que sen querelo tirou do repertorio dedicado aos días felices. Xaora, na alfombra do Fragoso non foi todo coser e cantar, e os minutos finais, nos que os de Baraja apertaron con dignidade e tiveron mesmo un poste para camuflar o resultado, obrigaron a Claudio a controlar a euforia coa entrada de Starfelt, que moito axudou a levar o barco ao porto sen contratempos.

Así e todo, o principal responsable destes días felices para o celtismo é Claudio Giráldez e o seu equipo técnico que aposta de forma moi valente por un xogo propositivo coral e un once no que a canteira galega ten un peso protagonista (co Valencia: 6 xogadores no inicio e até 9 ao longo do partido). Unha atmosfera de entusiasmo que contaxia aos propios xogadores, que poden sentirse protagonistas, como sucede con Aspas, Williot ou Mingueza, e seguros e apoiados, como acontece cos mozos da canteira. Manter ese entorno de confianza, cando cheguen os resultados adversos, que inevitablemente chegarán, é o novo reto do adestrador de Cans. Con todo, no futuro deste Celta non descartemos a intervención de Puck, o trasno protagonista d’ Un soño nunha noite de verán, a comedia de William Shakespeare, capaz como o noso Iago Aspas de mudar o curso dos acontecementos, mesmo os aínda non escritos.

Publicado en Faro de Vigo: 25/08/2024

Un mar con historia

Con Historia das historias de Galicia (Xerais 2016), un exercicio de historia crítica, consistente en contrastar o pasado e presente, o que foi e o que se nos di que é e será o país noso no futuro inmediato, o catedrático Isidro Dubert abriu como editor un proxecto editorial que pretendía desvelar e reler algúns dos aspectos esquecidos, dubidosos ou inéditos da historia de Galicia: a importancia dos celtas na nosa cultura, a orixe do vello Reino de Galicia, a invención dos Séculos Escuros, o desembarco dos fomentadores cataláns, os fusilamentos dos Mártires de Carral ou o suposto atraso secular de Galicia… Título primeiro ao que, polo momento, con idéntico enfoque e carácter coral, seguiron A morte de Galicia (Xerais 2019), no que se pon en cuestión a suposta apocalipse demográfica galega en relación coa emigración e o envellecemento, e o recente Galicia, un mar con historia (Xerais 2024), no que se pretende amosar o protagonismo e a importancia que o mar tivo no curso da historia de Galicia. Terceira entrega na que fronte a ollada tópica do pasado, que presenta Galicia como un país manifestamente rural, onde a emigración foi apenas unha anomalía histórica inevitable, froito do seu atraso, Dubert e o seu equipo, presenta outra historia de Galicia, máis ampla, máis aberta, máis integradora na que «a terra e o mar se abrazan e non se explican cabalmente a unha sen o outro». Unha historia con fondura na cal o mar, as súas xentes e as actividades que desenvolvían «situaron a Galicia en Europa e no mundo, sen necesidade de depender dos camiños terrestres creados e tutelados pola igrexa ou das olladas submisas deitadas polas nosas elites ao que acontecía na corte de Madrid». Obra importante, inclúe traballos moi novidosos, caso do de Luís Alonso Álvarez sobre «Escravos e negreiros e o nacemento da banca na Galicia marítima» ou o de Luisa M. Muñoz Abeledo sobre «O traballo das mulleres na Galicia litoral contemporánea». Moi recomendable, como os dous libros anteriores.

Publicado en Nós diario: 21/08/2024

Ruth Matilda e Treixadura en San Roque

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o centenario da chegada a Vigo da fotógrafa Ruth Matilda Anserson:

O 7 de agosto de 1924 desembarcou no porto de Vigo Ruth Matilda Anderson, acompañada do seu pai, coa intención de realizar unha crónica gráfica de Galicia encargada pola Hispanic Society of America, o museo e a biblioteca onde traballaba como fotógrafa. Daquela primeira estadía de trece meses de duración, que repetiría en 1926 acompañada da fotógrafa Frances Spalding, a estadounidense deixou un arquivo de cinco mil fotografías coas súas correspondentes anotacións manuscritas. Colección iniciada polas fotografías tomadas en Vigo e nos seus arredores durante o mes agosto, visita recollida por Ruth Matilda con asombroso detalle e erudición no seu libro Pontevedra and La Coruña (New York 1939) que comeza recordando a entrada na ría do transatlántico SS Rousillon contemplando o solpor entre as illas Cíes e como tomou dende a ría a primeira vista da cidade, que define como «un outeiro granítico coroado por unha fortaleza angular e pétrea», referíndose así ao castelo do Castro e o seu baluarte. Anotacións polas que sabemos do seu primeiro xantar opíparo no hotel Moderno, onde se hospedaron, como lles impresionaron as visitas aos pazos de Santo Tomé e Castrelos, a presenza nos mercados de mulleres con cousas na cabeza, como souberon da existencia do poeta Martin Codax ou do tranvía que utilizaron decote para chegar aos arredores da cidade.

Interesados polos aspectos etnográficos, Ruth Matilda e o seu pai asistiron a un concerto o 29 de agosto do «Orfeón queixumes dos pinos», coa intención de coñecer a música galega, citando no seu libro a muiñeira e o alalá, amosándose impresionada polo aturuxo («un berro de grande valor para a mocidade galega»). Día no que retratou na Alameda  viguesa a algúns dos compoñentes do orfeón folclórico cos traxes tradicionais, que chegou a fotografar peza por peza. Particular importancia tivo para ela coñecer a romaxe de San Roque, o día despois da festa do santo do can, unha celebración con máis de catro séculos de historia, enraizada en 1569 cando a peste asolou a vila de Vigo. Crónica da romaxe á que lle dedica o capítulo VI do seu libro, no que describe e fotografa ás instalacións do pazo e a capela, daquela aínda propiedade do Conde de Vilar de Fontes, os postos de venda de cabazas e exvotos, de rosquillas e licores. Retrata a un vendedor de andavías, fotografa a instalación dunha randeeira manual e anota o funcionamento do seu carrusel, que empurraban os meniños vestidos para a festa, o que resultaba para ela «unha imaxe preciosa», antecedentes das actuais atraccións de feira.

Daquela reportaxe da romaxe de San Roque, hoxe centenaria, coñecemos tres das fotos de músicos nosos (que entón aínda non vestían o traxe que popularizaron os orfeóns): a primeira dun trío tradicional, formado por gaita, caixa e bombo; a segunda, dun cuarteto, no que ao trío se engade un clarinete; e a terceira un retrato de perfil do gaiteiro. Ruth Matilda aproveita para describir os instrumentos e anotar como pé de foto o seguinte texto: «Banda de música con gaita do país. Mentres a banda tocaba para a súa fotografía, mozos e mozas bailaban pasodobres na outra porta do xardín». Mágoa que a fotografa non recollese o nome deste cuarteto, que testemuña a presenza centenaria na romaxe viguesa da música tradicional. Feito xa documentado durante a segunda república por cuartetos pioneiros como Airiños de Cabral –do que formaba parte Constante Moreda Vázquez, o gaiteiro mártir, executado no monte do Castro o 10 de decembro de 1936–, formación que renacería en 1939 como Os Morenos de Lavadores, sendo durante décadas fixos no programa de San Roque. Como o serían, máis tarde, a murga Os Terribles de Donas, famosa por interpretar bailables no palco do pino manso.

Lembreime das fotos de Ruth Matilda cando na noitiña do 16 de agosto asistín en San Roque ao memorable e emocionante concerto de Treixadura, o quinteto de gaitas ao xeito rías baixas, acordeón e orfeón de dez voces, unha auténtica exaltación dese monumento do patrimonio inmaterial galego que constitúe a nosa música tradicional. Hora e media de canto colectivo e ledicia compartida, na que os Treixadura debullaron as pezas máis populares dun repertorio tecido ao longo de case trinta e cinco anos, un camiño longo compartido co seu público (que ateigou o torreiro de San Roque), onde non faltaron temas inesquecibles como «Muiñeira de Santo Amaro», «Maruxa», «Se chove», «Caraveliños», «Foliada marmuradora» ou o marabilloso «Fisterra», entre outros. Un concerto no que se lembrou a Antón Cabaleiro, tamén unha homenaxe aos músicos populares anónimos, como os fotografados por Ruth Matilda, que hai cen anos ocuparon ese palco de privilexio do viguiño popular: «Por dicir “Viva San Roque” / prenderon ao meu irmán / agora que o soltaron / “Viva San Roque e o can!”»

O reto de Claudio

Á memoria de Paco Amoedo, que non o puido ver, e merece ser lembrado.

No serán do día grande de San Roque, o santo milagreiro máis celtista, o Celta rompeu o fado dunha década e estreou a tempada cunha vitoria. Tres puntos que valen un mundo, o liderado virtual durante unhas horas, diante dun Alavés que estragou moitas excelentes oportunidades, sobre todo durante a primeira media hora de xogo, na que escangallou por completo a un Celta irrecoñecible, incapaz de sacar unha pelota xogada con xeito, medroso e caótico, que semellaba preferir ser espectador inane do partido ca protagonista do primeiro duelo da temporada. Un inicio vacilante diante dos babazorros, no que os dous conxuntos tiveron as súas grandes oportunidades, sobre todo nos minutos moi vibrantes entre os dous goles válidos do Celta, xa na segunda parte, unha auténtica ruleta rusa, que os celestes souberon afrontar con afouteza e oficio, o que constitúe unha novidade esperanzadora. Como tamén resultou emocionante comprobar a capacidade do celtismo (cada vez máis novo e numeroso no coliseo do Fragoso) para soster e empurrar ao equipo nos momentos decisivos, unha bancada que confía cegamente no seu técnico, o grande protagonista do momento, e na súa estratexia de confianza na canteira, que apunta poder chegar a constituír a metade do cadro. Estrea afortunada que permite apuntar algunhas das fortalezas celestes actuais, mais que non pode ocultar tampouco as súas inquedantes feblezas.

Entre as primeiras, o partido amosou a capacidade de competir do equipo de Claudio, nunha segunda parte magnífica, así como a determinación do técnico do Porriño de intervir no devir do xogo cos trocos e mudanzas de debuxo que considere necesarias. Non lle tremeu a man para deixar no intermedio na caseta a Starfelt, incapaz de sacar como líbero sequera unha pelota xogada, a Manquillo indolente e a un Bamba intermitente na súa participación no xogo, tres veteranos de fichas elevadas dos que se agardaba máis. Giráldez arriscou e incorporou na médula da defensa a Jailson e Javi Rodríguez, o canteirán debutante, e na banda a Williot, facilitando todos os tres que o equipo dese ese paso adiante que precisaba para propoñer en campo contrario.

Como foi moi ilusionante comprobar a evolución do xogo de Williot Swedberg, chamado a converterse esta liga na nova estrela celeste, xogador decisivo nas transicións trepidantes, artilleiro destemido na finalización diante da portaría, intelixente na creación de espazos no baleiro e xeneroso nas asociacións que forma con Aspas e Douvikas. Sen esquecer, o papel determinante que aínda pode manter esta temporada o admirable Merlín de Moaña, a pesar de colocarse sempre no gume da navalla, tanto para ofrecer o extraordinario, xogando de todo campista, despois do gol de Kike García, cando o equipo estaba noqueado, ou goleando de forma contundente en dúas ocasións (só unha válida), como para sorprender coa cara oculta, a piques de ser expulsado ao inicio do partido por exceso de enerxía cun defensa.

Porén, o equipo de Claudio amosou feblezas estruturais preocupantes, que se fixeron evidentes na nefasta primeira media hora, na que a defensa de tres de Starfelt, Manquillo e Carlos Domínguez amosou unha inseguridade angustiosa, incapaz de sacar unha pelota xogada, sufrindo os sete sufrires para non perder as costas do xigantón Kike García, que aproveitou unha delas para marcar. Dores defensivas aliviadas lixeiramente cos trocos, a pesar de continuar os sustos na saída de balón, que de non ser solucionadas, agoiran importantes dificultades futuras. Non foi tampouco brillante a participación de Beltrán e Damián, que perderon a maioría dos duelos cos mediocampistas babazorros na loita pola recuperación, unha liña de medios que deberá coller maior consistencia coa chegada de Ilaix, que nos poucos minutos que xogou semellou con maior proxección atacante ca parella inicial.

En definitiva, unha primeira vitoria celeste que convida a esperanza e a certo entusiasmo contido, mais que non oculta debilidades, aventurando unha liga emocionante na que o obxectivo do Celta non pode ser outro que asegurar a permanencia coa maior prontitude posible. O proxecto de Claudio é moi ilusionante e merece todo o apoio da bancada, tanto pola beleza do xogo atacante cando o equipo consegue despregarse, como pola confianza nunha alquimia de canteira e de valores novos como Williot, Douvicas e Ilaix, coa veteranía de futbolistas como Aspas, Borja Iglesias, Mingueza ou Pepiño Aidoo. Conseguir a fórmula óptima entre estes tres compoñentes é o grande reto que ten por diante Giráldez e o seu equipo técnico.

Publicado en Faro de Vigo: 18/08/2024

A reconquista de Toralla

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á recuperación da illa de Toralla para uso público:

Unha das causas viguesas pendentes é a recuperación da illa de Toralla como espazo público. Encabezada polas asociacións veciñais de Coruxo e de San Miguel de Oia e apoiada polos colectivos ecoloxistas, tras a pancarta «Únete á Reconquista de Toralla» denúnciase tanto o incumprimento flagrante dos límites establecidos na Lei de Costas 22/1988 e na súa modificación de 2013, como se reclama a recuperación do proxecto de construción dunha senda perimetral polo dominio público marítimo terrestre da illa viguesa, aprobada e orzamentada en 2008 sendo ministra de Medio Ambiente Elena Espinosa, mais que por desgraza quedou esquecido nun caixón. Normativa de Costas, non o esquezamos, que garante o libre paso de cidadáns e vehículos de vixilancia e salvamento por este paseo público peonil de seis metros de ancho ao longo da costa, medidos a partir da máxima pleamar rexistrada, tamén nas zonas de servidume de tránsito de vinte metros e en varias zonas de acceso público e de balde ao mar. Acceso a unha illa privada, no caso de Toralla limitado a dúas praias ás que se chega atravesando a ponte que a une aos areais do Vao.

O caso de Toralla é unha clara anomalía nas rías galegas, xa que é a única illa privada, desde que en 1836, ao abeiro da desamortización de Mendizabal, o bispado de Tui a vendeu ao Marqués de Valadares, Francisco Javier Martínez de Arce y Enríquez, cuxos herdeiros o fixeron en 1885 a Enrique Lameiro Sarachaga que, coa colaboración de Tomás Mirambell Maristany, instalou alí a empresa Cordelería Ibérica de Toralla, en marcha até 1903 utilizando maquinaria inglesa na fabricación de redes e materiais de pesca. Propiedade da illa que daría outra volta en 1910 cando foi mercada por Martín Echegaray, empresario que fixera fortuna na Arxentina, para establecer alí a súa residencia de verán, Vila Gioja, onde o 11 de agosto de 1911 se celebraría a histórica xuntanza de emprendedores vigueses, que se comprometeron a formar parte do accionariado da Compañía Tranvías de Vigo, un fito para o Vigo metropolitano moderno.  Tras o pasamento do indiano, a propiedade da illa quedou dividida en mans de trinta herdeiros, participacións adquiridas todas en 1965 por José Manuel Kovalski Fernández e Mercedes Peyrona Díaz, que xunto a outros socios constituíron a empresa Toralla S.A., coa intención de construír un complexo residencial de luxo de diversas dimensións.

Futuro da illa de Toralla, que de inicio formaba parte da estratexia do proxecto turístico promovido, xa dende 1963, pola empresa Playas Blancas del Atlántico S.A., propiedade de empresarios vinculados a Faro de Vigo, que comezou a urbanizar a xunqueira do Vao, onde ergueu un muro e paseo, coa intención de construír, a pé de praia, edificios de apartamentos e hoteis de até seis andares. Proxecto inmobiliario que, como se da Costa del Sol se tratase, contaría co apoio de Manuel Fraga que, como ministro de Información e Turismo, o declarou o 20 de marzo de 1967 «centro de interese turístico nacional». Tras dura polémica, os proxectos correron fortuna moi distinta. O do Vao, paralizado polo alcalde en 1966 e dous anos despois rexeitado definitivamente polo concello, transformaría os terreos en canchas da competición de fútbol praias organizada por Leri. O de Toralla, aprobado por unanimidade pola corporación de Portanet, supoñería a construción en 1969 a cargo de Toralla S.A. da ponte de 200 metros, que restrinxiu dende entón o acceso a illa, así como o comezo dos 34 chalés e da torre de 70 metros, 21 andares e 136 vivendas, proxectada polo arquitecto Xosé Bar Boo e rematada en 1975. Illa de Toralla que dende aquela permanece pechada á cidadanía cun vixía e unha barreira, baixo o eufemismo de establecer un «acceso controlado». A  cesión en 2006 por parte de Toralla S.A. dunha parcela anexa á torre para instalar a Estación de Ciencias Mariñas da Universidade de Vigo constitúe unha fenda para a súa recuperación como espazo público, antes da finalización en 2046 da concesión que goza a empresa.

Se non abondase coas razóns da lei de Costas e o seu indubidable interese paisaxístico, o acceso público libre á illa de Toralla está máis que xustificado pola importancia do seu patrimonio arqueolóxico. Abonda con lembrar que en 1938 nas primeiras escavacións descubriuse na illa unha necrópole romana e restos dun castro, escavado na campaña arqueolóxica de 1970, onde dúas décadas despois foi atopado un cipo púnico, testemuña da interacción comercial na ría co mediterráneo, xa 500 anos antes de Cristo. Sería lóxico que o concello liderase as reclamacións legais pendentes como solicitase á administración do estado a recuperación do proxecto de senda litoral e á Xunta que aclarase que repercusión vai supoñer para Toralla a Lei 4/2023 de ordenación e xestión integrada do litoral.

Lemos +

Coincidindo coa inauguración da Feira do Libro da Coruña, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou o visto e prace do Goberno Galego ao informe «Lemos +», que recolle até cen medidas relacionadas co sector do libro e as bibliotecas. Anuncio presentado como un «Plan de dinamización da lectura de Galicia», organizado en 24 liñas estratéxicas arredor de cinco grandes bloques, que pretende conseguir que en 2030 o 70 % da poboación galega lea libros por ocio, polo menos unha vez ao trimestre, porcentaxe que se pretende acadar tamén para a lectura en galego habitual ou ocasional. Informe, cuxo contido polo momento non parece posible localizar na rede, encadrado na «Estratexia da Cultura Galega 2021», cuxa redacción (segundo a nota de prensa) foi iniciada xa en 2018, que pola súa relevancia debería ser presentado no Consello Asesor do Libro de Galicia e consultado cos diferentes axentes profesionais e empresariais do sector do libro, entidades administrativamente interesadas, que dende hai case dúas décadas reclaman a posta en marcha dun «Plan de lectura de Galicia», que desenvolva o establecido na Lei 17/2006 do libro e da lectura, a que sabemos fixeron caso omiso os gobernos de Feijoo e Rueda. Como estraña que no anuncio  de «Lemos +» non se faga explícito que o plan contará cun desenvolvemento transversal, que afectaría moi especialmente á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con atención preferente aos programas de bibliotecas escolares, de educación dixital e da chamada «Hora da lectura». Como tamén botamos en falta na nota que non se faga mención ningunha a un compromiso orzamentario e a un calendario de desenvolvemento das medidas contempladas, sen esquecer que é imprescindible sexan presentadas no Parlamento de Galicia. Demasiados fíos soltos para un anuncio precipitado e confuso que tememos, non queremos ser aves de mal agoiro, indique que o Plan de lectura de Galicia quede unha lexislatura máis en auga de castañas.

Publicado en Nós diario: 07/08/2024

A memoria de Magar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a edición dos tres volumes de Vigo por Magar (Xerais, 2002, 2004 e 2007):

Entre os meus orgullos de editor está o da publicación dos tres volumes de Vigo por Magar (Xerais 2002, 2004 e 2007), escolma de máis dun milleiro de instantáneas e retratos de Manuel García Castro «Magar», o primeiro fotógrafo de Faro de Vigo. Un proxecto nacido na exposición que durante o mes de abril de 2002 acollera a Casa das Artes, «40 anos en branco e negro», pola que peregrinaran milleiros de persoas convocadas polas fotos de Magar e fixeran exercicio de memoria diante de douscentos cadros que, en boa medida, recollían a crónica das súas vidas. Con este precedente, acordei con el preparar un libro de sobremesa que recollese unha parte das fotos da mostra e algunhas outras pezas do seu arquivo de milleiros de negativos que fora tirando dende 1962, cando entrara a formar parte como fotógrafo do cadro de persoal do decano. Tirando dese fío e de moitas horas de conversa, durante cinco anos fomos montando foto a foto os tres volumes que conforman a crónica visual máis completa da transformación de Vigo (o noso «Viguiño»), con todas as súas contradicións e conflitos, durante catro décadas, atendendo ao seu desenvolvemento urbanístico, industrial, social, cultural, deportivo e político.

Escollemos para prologar o libro, entón non pensabamos que habería outros dous volumes máis, a Fernando Franco, que fixo un texto precioso, como corresponde a quen é o cronista social do Vigo de entre séculos, que salientou a importancia do libro como crónica dos últimos corenta anos e o carácter do seu autor «benhumorado no que por veces lle foxe unha risa burlona e descrida por entre as comisuras da alma». Fernando subliñaba coa sutileza da súa escrita con tinta de ouro o carácter irónico, divertido e emotivo da ollada do fotógrafo de Faro, dacabalo do reporteiro clásico, atrevido e un chisco toleirón, que nunca perdeu a ollada agarimosa para retratar aos humildes e os perdedores coma se de príncipes se tratase. No proceso de edición, que sempre concibín como conversa permanente co autor, comprendín que as fotos de Magar eran arcas de memoria, gardaban unha historia que merecía ser contada. E como tales fotos crónica compartimos un exercicio de memoria, no que Magar lembraba de forma prodixiosa o nome dos centos de persoas fotografadas, como o momento no que disparara ou as condicións en que o fixera. Así fomos escribindo os pés de foto, coma se de chíos de X se tratase, que melloraba por teléfono, cando lembraba algún detalle ou contactara cunha fonte que achegaba ese dato ou nome que faltaba. Conseguimos, así, que cada páxina dos seus libros fose un microrrelato visual de vidas anónimas e de esforzos e tristezas colectivas, capaz de desencadear o que me gusta chamar «efecto Magar», que activa a memoria propia ou familiar deste Viguiño noso.

Nas fotos de Magar identifico a memoria da miña infancia, o das crianzas da xeración de Gorgorito, retratada por Xaime Fandiño en La acera volada (2022), co concurso de castelos de area en Samil, coa circulación metropolitana do tranvía ou  con aquel Balaídos dun Celta de segunda onde no descanso saía a correr Toniño recoñecido polos aplausos da bancada. Nas fotos de Magar están os anos da miña adolescencia, a da mocidade da xeración Polycommander, naufraxio como o do pesqueiro Centoleira, que Magar cubriu como afouto fotoxornalista. Como nas pezas de Magar de finais dos setenta e comezo dos oitenta identifico a ilusión da miña xeración de Siniestro total e Os Resentidos, que co inicio da Autonomía reclamou en Príncipe o dereito de obxección de conciencia, os bonos de Vitrasa e saíu a Urzáiz a defender o sector naval. Nas fotos de Magar está a historia do Celta da Peña Xaburú, das Xuventudes Celestes e Celtarras, do Estudantes, do Vulcano, do Octavio, do Celta feminino, do Celta de atletismo, tamén do Turista, Gran Peña, Peñasco, Coia, Coruxo e outros equipos modestos… Nas fotos de Magar está a cidade puro milagre de Celso Emilio, que se fixo e desfixo urbanisticamente, tamén, a abella da ribeira, que enterrou a ría, secasí o volcán de dinamismos do mestre Ferrín, da clase obreira das factorías de Balaídos e Beiramar, das guindastres portuarias, desa cidade pelexona que nunca se resignou.

Grazas, Magar, por legarnos milleiros de fotografías portadoras da memoria nosa, de lembrar aos humildes que sabemos non pasarán ao libros de historia, que retrataches con respecto e agarimo: Chuchete, Ismael e Toniño, Castro, Tocho, Rafaelito, as carrexonas do Berbés, as leiteiras, pescantinas e afiadores… Coma a doutros contemporáneos seus, como Siorty, Llanos, o seu compañeiro Cameselle ou a da retratista Mary Quintero, alicerces tamén da memoria viguesa, a obra fotográfica de Magar merece ser conservada como patrimonio da cidade e recoñecida polo concello. Grazas, admirado Manolo.

Magar, o fotógrafo de Vigo

Morreu Manuel García Castro, o noso benquerido e admirado «Magar», fotógrafo e reporteiro de Faro de Vigo, autor durante catro décadas de milleiros de instantáneas e retratos en branco e negro, imprescindibles para conservar a memoria e comprender a historia viguesa da segunda parte do século XX. Fillo de ferroviario, naceu en Ciudad Rodrigo (Salamanca), máis alicerzou en Vigo sendo apenas un picariño, aprendendo as artes do seu oficio nos estudios fotográficos Tomás onde, confesou, fixo de todo, dende varrer e abrir a porta a ocuparse das tarefas máis delicadas do retoque dos retratos de estudio. Voluntario no Exército do Aire, ingresou na Escola de Fotografía e Cartografía de Cuatro Vientos (Xetafe). Unha atmosfera formativa, técnica e creativa, nas que compartiu as formas artesanais e as clásicas, que lle serviron en 1962 para incorporarse como reporteiro gráfico pioneiro na redacción de Faro de Vigo, dirixido entón por Manuel González Cerezales, converténdose até a súa xubilación en 2000, primeiro, no fotógrafo todoterreo que a incipiente fotografía de prensa precisaba e, máis tarde, no xefe do departamento gráfico do xornal.

Formando parte da redacción do Faro de Vigo de Álvaro Cunqueiro, máis tarde de Santaella, Landeira e Armesto, «Magar», conectou coa esencia popular da cidade nosa, que comezaba o seu proceso de crecemento industrial, sendo o primeiro cronista visual co que contou o decano. Un fotógrafo capaz de inmortalizar tanto os últimos habitantes das Cíes botando a partida como aos mozos excursionistas que alugaban un barco de pesca para pasar o domingo nas illas. Fotos crónica das que se sentía orgulloso e sabía acompañar co nome e vidas dos seus protagonistas, algo incrible, transcorridas décadas. Era o caso do cartaz protagonizado por Cesáreo «Chuchete» e Ismael conducindo un xato de Teis até o Matadoiro, á que Magar acompañaba retranqueiro coa voz do protagonista: «Chuchete dicíalle ao animal: “Anda, cholita, que te llevo a veranear a Alcabre”». Memoria e humor que Magar nunca perdeu no seu exercicio profesional, como tampouco o seu entusiasmo e axilidade para moverse por Vigo e chegar canto antes onde o seu olfacto aconsellaba, consciente de que o seu oficio obrigaba a disparar con eficacia e emoción. Actitude afouta que o levou a realizar reportaxes fotográficas memorables como a do incendio nas Cíes do Polycommander na mañá do 5 de maio de 1970, que fixo dende unha pequena embarcación de oito metros, que por certo concertara con Freire, o seu colega de El pueblo gallego. Sen esquecer, como lle gustaba lembrar, a primeira viaxe en globo desde as Cíes a Vigo, que rematou infelizmente no medio da ría. Así era Magar, un tipo xeneroso e sensible, talentoso e comprometido co seu traballo.

Foi Magar un amante e defensor de Vigo, que deixa un arquivo de milleiros de negativos, escolmados na exposición 40 años en Blanco y Negro (Casa das Artes 2002) e en tres libros de sobremesa (inclúen máis dun milleiros de fotos), Vigo por Magar I,II e III (Xerais, 2002, 2004 e 2007), un legado extraordinario á cidade que percorreu e fotografou de forma incansable, identificando as súas xentes e as mudanzas no seu territorio. Declarado Vigués distinguido en 1996, en recoñecemento a súa traxectoria profesional para a cidade de Vigo, recibiu outros recoñecementos, entre os que valoraba con grande agarimo a Insignia de Ouro do Real Club Celta, o equipo do corazón que seguiu de forma incansable, o Premio de Xornalismo Gráfico de Galicia (1986) e o Premio Nacional Fotopress 87. Tras a xubilación, en 2002, creou a Fundación Magar co obxectivo principal de apoiar a investigación para unha terapia que cure a acondroplasia, tarefa que xunto a da edición dos seus libros e ordenación do seu arquivo ocupou os mellores anos xubilares. Lembraremos a Magar polo orgullo co que levou a cámara para fotografar o seu Viguiño do corazón, o dos afectos e angueiras compartidas. Todos os nosos abrazos e condolencias son para a súa compañeira Cándida, para os seus fillos Manolo e Jorge, para a súa filla política María Dolores e para as súas netas Paula e Natalia.

Publicado en Faro de Vigo: 02/08/2024