Crime en Compostela 40

A SELIC, o excelente festival de lectura de Compostela, lembrou cun itinerario e unha mesa redonda os corenta anos da concesión do primeiro Premio Xerais de novela a Crime en Compostela, que o xornalista Carlos G. Reigosa presentara baixo o lema «Lagoa azul e branca». Un manuscrito do que o xurado destacara «o engado e interese que pode espertar no lector galego un relato policial no que o ambiente de Compostela aparece reflectido con bo tino e sen entusiasmos chauvinistas». Unha novela que constituíu un fito na normalización da narrativa galega contemporánea, unha das teimas do editor Luís Mariño, creador do certame, o primeiro convocado por unha editora privada, como a inauguración do xénero criminal na nosa literatura contemporánea, coa creación dos personaxes do detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, protagonistas dunha serie de cinco títulos. Con todo, quizais, o máis relevante de Crime en Compostela é que constituíu o primeiro long seller da edición galega moderna, un éxito comercial que nas dúas primeiras décadas de aparición superou os 30.000 exemplares, manténdose con vendas sostidas no catálogo da editora viguesa durante catro décadas en diversos formatos, ao que non foi alleo que fose considerada tanto como unha das lecturas recomendadas nos institutos e como un dos títulos de iniciación na literatura galega. E insisto que a transcendencia da novela de Reigosa foi o seu carácter de long seller, termo que convén non confundir co de best seller, etiqueta utilizada para produtos de lectura cunhas vendas de canto menos 20.000 exemplares no ano do seu lanzamento (escasos no mercado galego), mais que en todo caso amosa que na actual edición cultural galega é responsabilidade tamén das editoras coidar o catálogo coa atención e agarimo que merecen cada unha das pezas dun albeiro, mantendo tanto o maior número posible de títulos dispoñibles para a venda na rede libreira, como argallando estratexias de promoción para facelos visibles para o lectorado.

Publicado en Nós diario: 26/06/2024

Beiramar da xente

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de Beiramar da xente:

Non é a primeira nin será a última vez que nestas crónicas propoñamos a actitude do flâneur, inmortalizada por Charles Baudelaire n’ O spleen de París –hai excelente tradución galega de Xela Arias (Laiovento 2021)–, como unha das mellores formas de desvelar os segredos da cidade na que vivimos. Posición que para o filósofo Walter Benjamin inaugura a modernidade na consideración do fenómeno urbano, até entón identificado pola ocupación da praza pública, substituída pola experiencia do paseante que procura o efémero e as marcas do tempo ao longo das rúas, avenidas, bulevares ou peiraos que sofren o impacto do crecemento metropolitano e o desenvolvemento industrial, característicos da cidade moderna. Experiencia para o alemán semellante a da lectora que abre un libro disposta a engaiolarse ou a sorprenderse co relato que se lle ofrece en cada páxina; cidade convertida así en biblioteca onde en cada esquina flúe o misterio e na que en cada paseo pode indagarse nas capas do palimpsesto urbano, unha forma de compartir a memoria e o coñecemento da propia historia. Ollada coa que a veciñanza pode percorrer a súa cidade como exercicio de esculca e gozo activo, máis tamén cunha disposición crítica que vai máis alá do consumo de autofotos da visitante á caza das iconas urbanas para publicalas como reclamo de autopromoción nas súas redes sociais.

Xaora, hai un século que Benjamin alertaba que «saber orientarse na cidade non é moi difícil, mais perderse nela, coma alguén se perde nunha floresta, require instrución». Desa necesaria curiosidade do paseante, desa forma lenta de afrontar a vida  de quen se deixa levar polo engado do relato da súa cidade, desa pulsión de quen pretende coñecer o motivo de cada unha das capas presentes en edificios e fábricas próximos, o que chamamos palimpsesto urbano, agroma a utilidade para a veciñanza de mediacións en forma de itinerarios e paseos guiados que facilitan esa indagación sobre as marcas visibles ou trazos non visibles dunha cidade que é continuo presente. Unha mediación de afán didáctico que no caso da cidade nosa ven facendo dende hai tres décadas o Instituto de Estudios Vigueses, dende as súas máis de duascentas publicacións, dende as conferencias do seu Forum, auténtica enciclopedia aberta sobre a cidade ou sobre os paseos guiados pola ría, polos xardíns e edificacións históricas. Itinerarios que organizan outras iniciativas da sociedade civil, como a recente «Beiramar da xente», promovida por oito asociacións veciñais e culturais viguesas unidas pola defensa do patrimonio industrial da cidade.

Itinerarios seguidos por centos de persoas polo actual barrio da Industria, hai un século coñecido como areal de Coia, onde se instalou entón un auténtico distrito industrial vinculado a conserva, a pesca e a construción naval. Itinerarios arredor do complexo industrial emblemático deseñado por Jacobo Esténs, como a fábrica de La Artística (1919), dedicada á fabricación de latas de conserva, como os Talleres Alonarti (1921), de fabricación de máquinas para a anterior, dous dos maiores fitos da nosa arquitectura industrial, hoxe abandonados, agardando a súa conservación e usos públicos socio-comunitarios. Como é impresionante o itinerario polo polígono industrial da rúa Jacinto Benavente, desenvolvido dende 1952 cando se abriu a avenida Beiramar, onde se instalaron as primeiras industrias que aplicaron a tecnoloxía do frío e marcaron a transición da conserva á pesca de altura. Edificacións, unhas xa desaparecidas, como as de Casa MAR, hoxe auditorio e hotel, outras abandonadas e arruinadas, como as de Pescanova, Pescapuerta ou Molagón, que agardan por novos usos. Sen esquecer o incerto futuro da conserveira Albo, valioso conxunto industrial de inspiración rexionalista, proxectado en 1929 polo arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez, cuxa actividade foi trasladada á Plisan de Salvaterra (2022).

Mención á parte polas súas dimensións merece o itinerario arredor das edificacións de conservas Alfageme, un dos complexos do patrimonio industrial máis notables dos existentes en Galicia. Deseñado en 1929 polo arquitecto Manuel Gómez Román, os seus 13.000 metros cadrados entre a rúa Tomás Alonso e a avenida de Beiramar agardan a súa conservación integral e novos usos, entre os que o colectivo «Beiramar da xente» considera a posibilidade de convertelo nun recinto de eventos musicais e deportivos de formato medio, cun aforo entre o do IFEVI e o do auditorio Mar de Vigo. Proposta que merecería ser estudada, xa que no caso de ser viable sería alternativa á actuación anunciada na carballeira da Barroca, que pon en perigo o derradeiro bosque aluvial da parroquia de Navia. O Vigo industrial da Beiramar ben merece ser paseado coa actitude crítica do flâneur.

A ledicia de ler

Falando na rúa co escritor Manuel Veiga lembramos «A ledicia de ler», a sección que Carlos Casares mantivo en La Voz de Galicia entre 1975 e 1992, antes que iniciase «Á marxe», aqueloutra columna máis breve na que durante unha década expresou todos os días no xornal coruñés, o que Dolores Vilavedra acuñou como «a súa expresión narrativa da vida». O inesquecible Marcos Valcárcel suxeriu que «A ledicia de ler», epígrafe afortunado sobre a lectura, constituíu un espazo semanal para falar de libros e cultura galega co que Casares pretendía emular probablemente aquela sección de Robert Escarpit en Le Monde, «Au jour le jour», ao que a profesora Vilavedra engadiría o coñecemento que o entón profesor de instituto debía ter de El deseo de leer (Península 1974), o informe no que o propio Escarpit  e Robert Baker abordaban temas arredor do libro, a lectura e os dereitos de autoría. Daquel exercicio hedonista de paixón pola lectura do limiao, un legado de catrocentos artigos, quedamos co seu afán de compartir as lecturas literarias que lle agradaban, e facelo sen a intencionalidade analítica da crítica académica, fosen tanto clásicas como das novidades da incipiente industria editorial galega. Como quedamos coa súa actitude empática de celebrar a lectura como un acto de pracer que quere compartir, adiantándose ao decálogo de dereitos do lectorado de Daniel Pennac en Como unha novela (Xerais 1993). Casares anticipaba tamén na sección a ollada xenerosa dunha lectura compartida, como a dalgunhas comentaristas da narrativa galega nas redes (bookstagramers e creadoras de contido) ou nos espazos de crítica nos xornais, que contribúen todas cos seus textos a dar a coñecer e a orientar aos públicos, o que non debería impedirlles, como adoitaba Casares, facer comentarios ben agudos e valoracións historiográficas documentadas sen perder nunca as boas formas da escrita. Contaxiar o gozo da lectura, a casariana ledicia de ler, continúa sendo imprescindible para a saúde da edición galega.

Publicado en Nós diario: 19/06/2024

O estadio

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao estadio de Balaídos:

A foto da sinatura do convenio entre o Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra e Real Club Celta SAD para a construción da nova Grada de Gol asegura, se unha catástrofe non o impide, que a reforma de Balaídos rematará antes do inicio da tempada 2027/28, doce anos despois de que o 25 de xaneiro de 2015 fose colocada a primeira pedra das obras, tras o acordo entre Abel Caballero e Carlos Mouriño, entón presidente da SAD, e Rafael Louzán, daquela presidente da Deputación, para dotar a Vigo dun estadio do século XXI cun aforo para 31.100 persoas. Xa choveu dende entón e os 22 millóns de euros de orzamento inicial se triplicarán co remate das obras, como aos prazos (tamén optimistas) de finalización en 2017 se alongarán unha década. En todo caso, unha gran noticia para a cidade, que contará, a pesar dos atrancos sufridos polo proxecto do arquitecto Pedro de la Puente, cun estadio municipal á altura dos doutras cidades atlánticas. Como é nova para que celebren abonadas e seareiras celtistas que contarán cun estadio ao xeito británico, coas gradas máis achegadas a lameira, o que supón en terra de abelairas un novo «coliseo do Fragoso», vestido coas ondas dunha elegante cuberta celeste.

Beizóns que merece pola importancia do logro o alcalde Abel Caballero, que defendeu contra vento e marea a viabilidade do proxecto e o carácter municipal do estadio. Como parabéns son obrigados a Marián Mouriño, actual presidenta da SAD, que con afouteza e intelixencia trasacordou a estratexia arroutada do seu pai, representada cada partido na vergonzosa butaca baleira no palco, colaborando ela con lealdade en desatrancar o proxecto do concello de Vigo, o que arrastrou aos responsables actuais do Partido Popular de Galicia na provincia a que a Deputación presidida por Luis Pérez continuase facéndose cargo da metade da financiación do proxecto de Gol. Xaora, estamos diante dunha cuestión política relevante, cando no Vigo actual son escasos os acordos entre institucións gobernadas por diversas cores, o que abre unha xanela para desatoar a axenda doutros temas pendentes como o transporte e área metropolitana. Como o debate sobre o estadio foi en Vigo, pouco despois da fundación do Celta, en concreto en setembro de 1924, cando se comezou a buscar unha alternativa á «catedral de Coia», cuestión moi importante na preocupación cidadá.

E convén non esquecer que a historia do estadio celeste foi dende o seu inicio difícil. Nacido da iniciativa, dunha sociedade chamada «Stadium de Balaídos S.A.», presidida por Javier Fontán e constituída en 1926, o seu primeiro logro a acadar fora mercar por arredor de 50.000 pesetas os soares moi húmidos dunha campiña situada a carón do río Lagares, 35.000 metros cadrados, a maior parte da herdanza do Marqués de Alcedo, utilizada en 1911 como aeródromo que acolleu a colaxe e aterraxe do piloto francés Jules Vedrines.  A construción do estadio, deseñado polo arquitecto Jenaro de la Fuente para 22.000 persoas, reorganizou o entorno, desviou o río Lagares e supuxo a apertura da avenida de Balaídos que facilitaba o acceso ao campo desde a estrada de Vincios. Inaugurado o 30 de decembro de 1928, co Celta en primeira, en 1941, o concello pretende adquirilo para modernizalo, o que obrigou en 1945 a argallar unha complicada operación, cando a sociedade propietaria vendeullo ao Celta por 825.000 pesetas a cargo dunha hipoteca subscrita por vinte anos coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo, o que permitiu que o club cedese durante ese mesmo período o usufruto do estadio ao concello, que a cambio achegaría 70.000 pesetas anuais para subvencionar o préstamo e se faría cargo da reforma das gradas de Río, Marcador e Gol.

Unha vez liquidado o préstamo, Balaídos pasou a ser propiedade municipal e dende entón o concello asumiu as súas diversas reformas. En 1970 instalou a iluminación e en 1971 finalizou a construción de gradas e viseiras de formigón de Tribuna, Marcador e Gol, iniciadas en 1967, obra dirixida polo arquitecto Antón Román Conde. En 1982, inaugurou a nova grada de Río, coincidindo cos tres partidos da Copa Mundial de Fútbol, e en 2004, coa participación do Celta na liga de campións se fixeron obras de acondicionamento. Un estadio que despois de trinta anos quedara incómodo e perigoso e que precisaba refacerse case na súa totalidade. E como sucede co Celta, o estadio de Balaídos é máis que un campo de fútbol, é unha icona que identifica a Vigo no mundo, como tamén é un espazo de sociabilidade e educación emocional onde varias xeracións celestes, dende os picariños e adolescentes até os maiores, herdamos, gozamos, padecemos e compartimos a paixón do celtismo. Un estadio que pasa agora do entrañable «Vello Balaídos» dos 90 ao esperanzador novo «Coliseo cuadrangular do Fragoso» dos novos 20. É o noso estadio.

Lectura compartida

Estas semanas centos de clubs de lectura de bibliotecas escolares fan reconto das súas lecturas do curso e avalían as súas rutinas e actividades. Protagonistas do que Agustín Fernández Paz cualificou de «revolución silenciosa», as participantes anónimas destas comunidades lectoras tan entusiastas, que comparten novelas, poemas e merendas, viven por ventura alleas ás vaidades, rivalidades e agonías da nosa cativa sociedade literaria, protagonista sen embargo do relato hexemónico das redes sociais. Foi outro mestre, o escritor inglés Aidan Chambers (1934), un clásico da literatura infantil e xuvenil contemporánea, premio Andersen 2002, autor (incomprensiblemente) ausente no catálogo galego, quen cualificou a lectura literaria como o corazón da educación e propuxo que dedicar unha hora diaria á lectura constituía unha prioridade para todos os gobernos, xa que a habilidade para interpretar todo tipo de textos é a base esencial da nosa vida cotiá, sen importar que facemos ou a que nos dedicamos. Chambers propón, pois, aprender a ler para vivir e aprender a convivir en liberdade. No entanto, o traballo escolar e silencioso destes clubs amosa que a lectura é unha conquista individual que require dedicación, constancia e esforzo. Unha tarefa na que cada persoa lectora debe contar co compromiso doutras mediadoras expertas que lle faciliten o acceso aos textos máis axeitados e ao emprego das utilidades hipertextuais imprescindibles para o seu crecemento lector. Con todo, non esquezamos o que Agustín Fernández Paz lembrou nunha intervención memorable, «A construción do lector» (2013): «o traballo escolar da lectura literaria é máis de sementeira ca de recoller os froitos». Xaora, non semella que contemos con mellor sementeira que a destes centos de clubs das bibliotecas escolares comprometidos en formar lectores e lectoras críticos capaces de utilizar a lectura e a escritura (tamén en lingua galega) nunha sociedade hibridada onde é imprescindible diferenciar o grao da palla.

Publicado en Nós diario: 12/06/2024

A camiseta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á historia da indumentaria céltica:

A celeste non foi a primeira camiseta do Club Celta. Nos primeiros partidos do 23 e 30 de setembro de 1923 xogados no campo de Coia fronte ao Boavista e o Cracovia, o Celta utilizou a indumentaria aprobada na asemblea de fusión: camiseta vermella, pantalón negro e medias azuis e brancas. Con todo, esta primeira equipaxe achegaríase despois ás cores que viñan utilizando os seus antecesores: a completamente branca do Fortuna e a de calzón branco e camiseta metade vermella metade branca do Vigo Sporting, herdada do Vigo Foot-ball, fundado en 1905, club pioneiro que facía súas as cores da bandeira de Vigo, rexistrada na Real Orde de 30 de xullo de 1845 como contrasinal do porto de Vigo. Xaora, foi habitual xa nos primeiros partidos do Campionato Galego, xogados con gran éxito a partir de outubro de 1923, e en diversos amigables en Barcelona, Xixón e Portugal, que o Celta vestise tamén camiseta vermella con cordóns e pantalón branco, indumentaria documentada por unha foto do partido de ida da eliminatoria da Copa de España, ante o Athletic de Bilbao, xogado o 23 de marzo de 1924 na chamada «catedral» de Coia.

No entanto, o 2 de agosto de 1924 o Celta xogaría no mesmo campo dous encontros históricos coa selección de Uruguai, de regreso de París onde se proclamara campioa olímpica, nos que sabemos por unha foto de Pacheco que utilizou a equipaxe vermella e negra, mais co escudo da dobre ce coroado en branco sobre fondo azul escuro cosido na camiseta, solución que vimos tamén nunha foto dun amigable co West Ham londiniense, cadro xa profesional, xogado en Coia en 1926. A documentación que coñecemos indica que a partir de 1927, co acceso ao profesionalismo, e sobre todo a partir da inauguración do estadio de Balaídos, o 30 de decembro de 1928 diante do Real Unión de Irún, o Celta adopta a camiseta celeste con cordóns, o pantalón branco e medias negras con franxas brancas. Concretábase así a aspiración que Juan Baliño Ledo expresara na asemblea do 10 de agosto de 1923, na que se aprobaron o nome e os estatutos do club, de que o equipo vestise coas cores da bandeira galega porque, xustificaba quen se ocupou tamén do aspecto xurídico da fusión, «Vigo era xa entón a capital deportiva de Galicia». Iconografía a que, tamén, en 1928 se uniu o emprego por vez primeira no escudo da cruz de Santiago sobre a que figuraba a dobre ce en branco sobre fondo celeste. Insignia que perdeu a coroa real nos anos da Segunda República, recuperada a finais da década de 1950, que con escasas mudanzas mantivo o noso equipo.

Dende entón cada modelo de camiseta celeste representou unha etapa na andaina deportiva e social do club. Así, aquelas primeiras estilo polo con cordóns, utilizadas por Nolete, o dianteiro dos goles decisivos, representaron ao Celta da década de 1930 que conseguiu o ascenso a Primeira no 1935-36. Como aqueloutras semellantes, que vestiron Yayo e Pahiño na primeira final de Copa de 1948, despois de quedar cuartos na liga de Primeira, representa un dos mellores celtas da historia. Outrosí sucedeu coa primeira camiseta abotoadas, que vestiron Hermidita e Quinocho nos cincuenta. Como aquela de colo redondeado a longa travesía dos sesenta en Segunda, un Celta para min inesquecible, o da miña infancia, o de Manolo, Costas e Suco. Prenda semellante a do Celta que iniciou os setenta en Primeira, sendo o primeiro equipo galego en xogar competición europea, proeza recollida no primeiro mural a toda cor do cadro de xogadores distribuído por Faro de Vigo, colocado en todos os bares e establecementos vigueses. Camiseta que en 1980 sería deseñada por Meyba, unha firma catalá de traxes de baño, dous anos despois pola alemá Adidas, e despois durante vinte e catro tempadas pola inglesa Umbro, que contaba cunha empresa licenciada en Redondela. Foi a camiseta que compartía o dobre rombo coa dobre chevrón de Citroën, a que utilizaron Mostovoi e Mazinho, entre outras lendas celestes, quizais a do mellor Celta contemporáneo. Camiseta da que despois se ocuparon a firma chinesa Li Ning durante tres anos e Adidas durante outra década, que case coincide co Celta actual en Primeira.

Esta semana presentouse a nova camiseta celeste da man da firma dinamarquesa Hummel, un modelo que pretende recuperar a tradición centenaria dun equipo potente representativo de Galicia, neste caso por medio do nome dos seus 313 concellos empregando a tipografía deseñada por Xosé Vizoso para o centenario. Unha camiseta que, fóra da inevitable polémica sobre o seu deseño e calidades, representa os valores da unión e da galeguidade, acuñados na fusión por visionarios como Juan Baliño. Unha camiseta celeste que, como lembrou Eduardo Berizzo nunha peza memorable do Nadal de 2015, é máis que 150 gramos de tea celeste, é a nosa, a camiseta de todos e todas, unha camiseta para toda a vida.

Abalar

Dende a fase de definición do Proxecto Abalar, curso 2009/2010, a Xunta de Galicia no seu programa de educación dixital priorizou os investimentos en equipamentos e infraestruturas sobre os de formación e creación de contidos dixitais. Un vicio inicial, nunca remediado, a pesar da confrontación dialéctica que ao longo da pasada década mantiveron as editoras educativas galegas coas responsables de Amtega, a axencia creada en 2010 por Feijoo coa intención, entre outras, de dotar á cidadanía das competencias e recursos para participar na sociedade da información. Prioridade das máquinas sobre as persoas consolidada co programa E-dixgal –substituto de Abalar dende o curso 2014/2015, que ofrece unha educación completamente dixital– cuxa primeira motivación foi estritamente económica, xa que para Amtega constitúe unha opción máis barata que a defendida polas editoras educativas de utilizar un modelo híbrido, no que se utilizan materias didácticos tanto impresos como hipertextuais, escollidos polo profesorado entre todos os dispoñibles, tanto os comerciais das editoras como os compartidos de forma gratuíta polos centros. Estratexia do Partido Popular apenas cuestionada, mesmo polos grupos da oposición, que ademais de arruinar ao sector da edición educativa galega, non contribuíu, como se agardaba, a enfrontar a cuestión esencial: o incremento da competencia dixital do alumnado e do profesorado. Por iso, chove sobre mollado que diante das queixas recentes das familias sobre  o funcionamento de E-dixgal e o anuncio do abandono do programa por parte dalgúns centros que a Consellaría de Educación responda cun «estudo censal corporativo», no que se conclúe que os resultados académicos son parellos con independencia do uso do libro de papel ou dos contidos dixitais de E-dixgal. Noutras palabras, despois de quince cursos de iniciada a experiencia de Abalar, tanto ten a escola de Xan como a de Pericán. Ben sería que Román Rodríguez explicase con cifras e letras semellante misterio.

Publicado en Nós diario: 05/06/2024

Un plan para o Castro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar un Pllann director de conservación do monte do Castro:

Coincidindo co centenario da aprobación por parte do Directorio Militar de Primo de Rivera da cesión do Monte do Castro ao pobo de Vigo, a cambio de que a cidade destinase unha finca para a construción dun cuartel, publicouse o libro Breve historia de O Castro de Vigo (Editorial Elvira 2024) de José Manuel Hidalgo Cuñarro, primeiro arqueólogo municipal e responsable das campañas de escavacións no entorno do Castro e da illa de Toralla durante a década de 1980. Tras aqueloutro libro de referencia do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo (Deputación de Pontevedra 2011), a síntese histórica e divulgativa de Hidalgo pon de manifesto que este outeiro, que domina polo norte a ría e polo sur o val do Fragoso, foi protagonista e testemuña principal da historia nosa. Orixe e vixía viguesa, a historia do Castro correu paralela a da propia vila, dende aquel oppidum castrexo de tres mil habitantes de hai dous mil anos, pasando pola ermida da Nosa Señora do Castro (presente no plano de Leonardo Turriano de 1597) e a fortaleza defensiva do Castro (construída coincidindo coa das murallas en 1656), até converterse no século XX, despois de varias décadas de reclamacións no primeiro parque urbano, pulmón vexetal e espazo de lecer do Vigo vello e do seu ensanche, tesouro do noso patrimonio histórico.

Proceso iniciado o 18 de xuño de 1902 polo alcalde Prudencio Nandín que solicitou ao ministerio de Defensa unha fórmula para ceder o dominio do monte do Castro ao pobo de Vigo. O que pouco despois, o 25 de xullo, o levará a solicitar a Jenaro de la Fuente un proxecto para a urbanización do Castro que o arquitecto presentará o 30 de setembro de 1903 co título «Obras de embelecemento do Monte do Castro». Impulso que coincidiu coa construción dun grande depósito de auga no Castro, a 118 metros, proxectado polo enxeñeiro vigués Ramiro Pascual Lorenzo, que a partir de 1903 permitiu contar coa presión necesaria para abastecer a toda a cidade coa auga procedente dos mananciais da parroquia de Bembrive. Xaora, o proxecto de Nandín, a pesar de ser aprobado en 1908, quedou no caixón do silencio administrativo até que o 30 de abril de 1924 o recuperase o Directorio Militar.

Con todo, habería que agardar até marzo de 1927 para que o ministerio do Exército aceptase a proposta de concello de ceder a finca do Carmen no barrio das Travesas, coa condición de que estivesen urbanizadas as súas rúas inmediatas. Finalmente, rematada a urbanización acordada, da que quedou pendente a rede de sumidoiros, a cesión será asinada polo alcalde Manuel San Román o 12 de setembro de 1930. Mais tampouco aí rematou o conto, xa que tras a proclamación da República, ao non formalizarse a escritura da cesión, houbo que agardar ao 14 de abril de 1934, sendo alcalde Ángel Campos Varela, para asinar a cesión definitiva á cidade de Vigo dos terreos do Monte do Castro, coa excepción dos edificios militares, coa finalidade de destinarse ao establecemento de parques, xardíns e outras utilidades públicas. O Castro adquirirá, a partir de 1943, a configuración urbanística actual co «Proxecto de reforma interior e ensanche e extensión de Vigo» de Manuel Cominges. E será o 28 de marzo de 1964, sendo alcalde José Ramón Fontán, cando por fin a propiedade dos castelos de San Sebastián e O Castro pasen ao concello.

Na actualidade, tras a recuperación da punta do Diamante e a posibilidade de visita dalgunhas galerías da fortaleza, o futuro do parque do Castro continúa nunha situación incerta ao carecer dun plan director que contemple a recuperación dos tres recintos diferenciados da muralla e dos baluartes da fortaleza, mais tamén que amplíe as zonas de reserva arqueolóxica do actual xacemento como da procura do castelo do Penso e dos restos da ermida da Nosa Señora do Castro. Documento no que debería incluírse a prohibición da circulación e estacionamento de coches no perímetro do parque así como a retirada da cruz dos caídos e a recuperación dos edificios do depósito de auga. Accións enmarcadas dentro da  estratexia da súa transformación en espazo cultural, sobre todo no actual Paseo de Rosalía de Castro, onde podería artellarse un itinerario pola historia de Vigo, con especial atención aos monumentos inaugurados en 1967 dedicados aos Galeóns de Rande e ao poeta Martín Codax. Como tamén a merece o coidado do patrimonio forestal e floral do parque e do seu albeiro, así como o arranxo dos vieiros, carreiros, vereas ou sendas, que constitúen a única oportunidade que teñen milleiros de cidadáns para durante unhas horas camiñar por terra, gozando da súa fragrancia e do benestar que iso ocasiona. Un plan para o Castro ao non vai ser alleo o que poida suceder coa Panificadora nin coa casa do concello e o histórico Campo de Granada entradas ao Vigo vello.