O poder do VAR

Nin a ventada nin a chuvia sobre a lameira do Fragoso axudaron a que o Celta de Benítez brindase a primeira vitoria aos seus seareiros. Un misterioso cóctel de malas decisións en momentos decisivos, como a que levou a inapelable expulsión de Renato Tapia transcorrida unha hora de xogo ou un erro de concentración de Mingueza na área pequena cando faltaban apenas seis minutos, ás que engadir outra escandalosa inxerencia da sala VAR na arbitraxe, arruinaron as posibilidades celestes de obter os tres puntos cando o colexiado Hernández Hernández sinalou o punto de penalti no derradeiro minuto de tempo engadido. Unha decisión arbitral corrixida, despois duns interminables minutos de suspense, por uns colexiados  capaces de medir a seiscentos quilómetros de distancia a intensidade dun claro tirón dentro da área do veterano Navas a Douvikas.  Un noxento espectáculo arbitral que moito alporizou a bancada celeste que comprobou, outra vez máis (e xa van máis de media ducia de polémicas semellantes), que o Celta de Benítez non recibe o trato respectuoso e imparcial que todos os participantes na Liga merecen. Un «non penalti» que será moi difícil esquecer, sobre todo, pola posibilidade que abría para enxergar a remontada na táboa, onde os celestes continúan en posicións de descenso cunha puntuación ridícula, sete de trinta e seis puntos (menos do 20%), o que agoira descenso de categoría.

É o máis lamentable do caso é que os celestes xogaron uns magníficos primeiros trinta minutos, unha boa primeira hora de xogo, rota pola lamentable e inxustificable entrada de Tapia a un rival no medio campo, que recibiu un inevitable segundo cartón amarelo, condicionando dende ese momento as posibilidades de competir en igualdade. Un bo xogo dos de Benítez ao que non foi alleo o funcionamento dunha medula renovada, na que repetía o mediocampista peruano, acompañado do descaro asociativo de Hugo Sotelo e da presenza criteriosa de Mingueza, como un terceiro medio, procurando trazar liñas interiores sobre Aspas. Un esquema que por ventura funcionou e facilitou que no primeiro cuarto de hora Larsen e Iago tivesen as primeiras oportunidades moi claras encarando ao porteiro noruegués Nyland. E abofé que o Celta saíu a gañar o partido e, ademais das transicións, insistía tamén coas xogadas de estratexia nun serán de ventada no que o balón trazou algunhas traxectorias caprichosas por inesperadas. Nunha destas accións Mingueza rematou ao traveseiro unha saque de falta de Iago Aspas, que dous minutos despois repetiría coa súa luva o Merlín de Moaña trazando unha parábola perfecta que encontrou unha fermosa cabezada do sueco Starfelt, que no punto de penalti bateu ao porteiro visitante, até entón un dos mellores sevillistas.

Co marcador por diante, xa os 22 minutos, os de Benítez foron capaces de resistir a importante reacción sevillista organizada polas bandas por Acuña e Navas que procuraron os remates de Ocampos e Mariano, o que obrigou a intervir a Guaita, onte moi seguro, como  tamén nun saque de falta de Gudelj no tempo engadido da primeira metade, que desviou in extremis. Tras o tempo de lecer, os de Benítez puideron liquidar o partido en varias xogadas preciosas nas que só faltou un chisco de puntería. Movido con abraiante confianza por Sotelo, o Celta soubo encarar a Nyland. Starfelt tivo nas súas biqueiras no 46’ o segundo no remate dun saque de recanto. Pouco despois, tras un cano espectacular, Iago Aspas quedou só diante do porteiro, mágoa que non puidese rematar. Mesmo tras a expulsión de Tapia e a saída do terreo de xogo de Aspas e Sotelo, o que deixou sen canteiráns ningúns ao Celta, o que non viamos dende hai moitas tempadas, tivo no 79’ até tres ocasións clarísimas de Larsen e Bamba. Con todo, o Sevilla en superioridade numérica teimou e teimou en botar balóns á área buscando unha cabezada ou remate de En-Nesyri, furado que atoparon nun erro desafortunado de despexo de Mingueza no 86’. Empate que puido ser tamén vitoria sevillista se entra no tempo engadido un cacheirón de Rakitic que se foi a Marcador.

Tan desgraciado como afortunado empate deixa ao Celta de Benítez moi tocado no anímico, pola desconfianza no tratamento arbitral  do VAR que recibe, como tamén pola fraxilidade no deportivo que expresa, lastrada por erros non forzados como o de Renato Tapia, inxustificables nesta categoría. A crise deportiva, reflectida na táboa clasificatoria e na falta de respecto arbitral, agravouse onte de forma considerable. Marián Mouriño debe abordala con premura.

Publicado en Faro de Vigo: 05/11/2023

Faro de Vigo, espello do noso futuro

Velaí a miña achega á celebración do 170 aniversario de Faro de Vigo:

Aprendín as primeiras letras aos catro anos no piso dunha mestra do canellón das Angustias onde os picariños levabamos para sentar cadanseu banco. Despois, nos párvulos das Carmelitas, onde iamos uns poucos rapaces, aprendín coa irmá Lidia a ler nas cartillas do método Rayas e a escribir nas libretas de cuadrícula. Lectura que perfeccionaba cada día na casa nas páxinas do Faro, e dende entón, hai disto case sesenta anos, mantiven o costume da lectura do decano. Herdei do meu pai, viaxante de comercio, o costume, que conservo como veterano subscritor que o recibe de noite na porta da casa, de facelo co café do almorzo, antes de saír para comezar a xornada. Unha das miñas lembranzas recorrentes, asociada a Faro, é a evocación dos pasos madrugadores do meu pai saíndo da casa, sempre antes das oito da mañá, cando ía mercalo no estanco de Maruja, ao pé do Barrio do Cura (aínda aberto!) ou no quiosco de Pepe Barcia no Paseo de Afonso, que aquelas horas abrira a súa irmá, a nosa admirada Tilde.

Durante os días de infancia non houbo para min outra lectura e outro xornal ca non fose o Faro, a pesar de que o noso veciño e caseiro, don Juan, o propietario de La Favorita (a quen dediquei con motivo do seu pasamento o primeiro Campo de Granada hai vinte e catro anos), lía ademais El Pueblo Gallego, o que consideraba un privelixio dos ricos. Naquel tempo na miña casa, unha bufarda de menos de 50 metros alugada en Pi e Margall, onde chegamos a vivir oito persoas, non había a penas libros e durante moitos anos a do Faro foi a principal lectura da familia, a disposición de todos na mesa da cociña. A miña avoa Filo, lectora devota do Faro, como alumna da Escola de Artes e Oficios, cando perdeu a vista, facía que lle lese as esquelas e os anuncios do concello.

Coa excepción dalgunhas novelas que mamá cambiaba no estanco de Maruja, os libros foron chegando a casa moito despois, entre 1969 e 1971, da man dos cen volumes da Biblioteca Básica Salvat de RTV, colección promovida por Manuel Fraga cando era ministro de Información e Turismo, da que creo que lin case todos os títulos. Biblioteca familiar ampliada cuns poucos títulos da colección de clásicos xuvenís da editorial Bruguera, que fun comprando cos meus escasos aforros na librería Galdós da Falperra, e coas primeiras coleccións de fascículos (da que anos despois viciaría), a do dicionario enciclopédico de Salvat e, logo, a da interminable Enciclopedia Gallega, que papá encargaba no quiosco de Pepe, e deixamos a metade.

Hoxe, volvendo a vista atrás, comprendo que foi toda unha fortuna aprender a ler naquel Faro da miña infancia dos directores literarios, como Manuel González Cerezales e Álvaro Cunqueiro. Non por que eu seguise a columna da última páxina do mindoniense, «El Envés», madía leva, non era un rapaz tan espelido e curioso para iso; descubrín eses marabillosos artigos, moito despois, nos anos composteláns na libraría do xudeu da rúa do Vilar, no volume que publicou a editorial Táber en 1969 que recollía algúns daqueles textos nos que a partir dunha noticia don Álvaro despregaba a súa máis desbordante imaxinación literaria. Cando na bufarda nosa non tiñamos televisión nin lavadora nin neveira as páxinas do Faro foron as primeiras fiestras que abrín para descubrir o mundo, para papar coma esponxa todo o que alí ía aparecendo.

Débolle, debémoslle, moito ao Faro na conformación da nosa visión primixenia daquel mundo que comezaba a transformarse. Grazas ao Faro seguín as andanzas do foguete americano Gemini 7, a chegada a Venus da estación espacial soviética Venus 3 ou souben porqué fracasou a aluízase do Lunik 8. As páxinas do Faro daquel tempo, presididas polas noticias de internacional, foron un libro de xeografía que se actualizaba cada día, un mapa confuso, o que lle faltaban moitas pezas, e que fun completando devagariño. Prendín, tamén, no Faro polos diálogos semanais nas avenidas do hincha Perico, un seareiro fanático das galopadas de Suco pola banda, creación de Derviche, aquel xornalista deportivo tan retranqueiro e galeguista que contabilizaba os goles que o Celta metía en Balaídos como caroliños. Rin a gargalladas mirando os chistes de Quesada e fedellando nas páxinas de anuncios breves, onde publicaría moitos anos despois os meus primeiros reclamos de traballo como profesor particular. Seguín desacougado a fuga dos dous primeiros leóns da Madroa traídos de Eritrea e o extraño asasinato do señor Alfageme (que novelaría décadas máis tarde Cid Cabido en Unha historia que non vou contar), ou o incendio do Polycomander que fotografou con afouteza Magar ou tantos outros acontecementos de finais dos sesenta e comezo dos setenta. Daquela non soñaba que en 1983 comezaría a escribir os primeiros artigos en galego nas páxinas de Faro de Vigo dirixido por Francisco Armesto Faginas, no semanario de educación A Pizarra, e que a partir de 1999 Ceferino de Blas me convidaría a abrir a colaboración semanal Campo da Granada, da que alá van 1.200 columnas.

Moitas veces algúns amigos de fóra de Vigo téñenme preguntado sobre cales son as razóns que explican a lealdade que mantemos os vigueses, xeración tras xeración, co Faro, un fenómeno insólito en calquera outra cidade, prodixio da metonimia viguista que leva a identificar un produto cunha marca, por que aquí ben sabemos que todos os xornais son faros. Non sei contestar máis que coa miña experiencia persoal. Levo lendo no Faro toda a vida por necesidade vital. Se non o fago, sinto que me falta algo. Cando estou fóra de Vigo, leo na versión dixital, e así todo, cando volvo, repaso todos os faros atrasados. Os vigueses lemos o Faro por que é espello do que somos, do noso permanente inconformismo co futuro. Agora que celebramos o 170 aniversario do Faro aventuro que seguirá sendo espello do noso futuro.

Bieito Ledo

No acto de ditame da XLVIª edición dos Premios da Crítica de Galicia, no que se pronunciaron discursos de aceptación excepcionais, como os do profesor Carlos Callón, gañador da modalidade de Investigación, en defensa da lingua galega, da causa da paz no mundo e dunha Palestina libre, e o da arquitecta Teresa Táboas, gañadora en Artes Plásticas, a prol dunha arquitectura inclusiva ao servizo do benestar da comunidade, recoñeceuse tamén a traxectoria na institución de Bieito Ledo Cabido como presidente fundador da entidade promotora. Coincidindo co inicio dunha nova etapa na organización destes premios anuais á excelencia das producións culturais galegas, os máis antigos dos organizados no país, esta homenaxe ao veterano editor, xestor e activista cultural de Padroso, celebra o seu esforzo teimoso, incansable e xeneroso para manter a duración dun proxecto normalizador para a cultura galega, concibido dende o seu inicio (16 de maio de 1978) en man común, cando non existían as institucións autonómicas. Como salientou Víctor F. Freixanes no seu texto de adhesión á homenaxe en «Galicia sempre máis importante que poñer andar as ideas é conseguir que duren, medren e dean froitos». Efectivamente, recoñecer e agradecer a continuidade proporcionada por estas persoas-vértice de proxectos colectivos de construción nacional, como é o caso de Bieito Ledo cos Premios da Crítica de Galicia, ademais de fortalecer a comunidade de afectos e complicidades tecidas polo tempo, indispensable para o seu funcionamento, renova nos seus participantes azos e compromisos de futuro. Parabéns ao druída do carballo de Padroso que en fermosas palabras que lle dedicou a xornalista María Xosé Porteiro na súa laudatio «ensinounos que sempre hai un novo chanzo e novas metas que acadar, cando se fixan con acerto os obxectivos, se constrúen equipos fortes, se procuran alianzas e se traballa arreo». Unha receita saudable para tantos outros proxectos de construción do país de noso. Beizón, Bieito Ledo!

Publicado en Nós diario: 01/11/2023

Mary Quintero no Museo do Mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición antolóxica do traballo de estudio da fotógrafa Mary Quintero:

Tras as homenaxes recibidas en 2015 cando foi recoñecida como «fotógrafa histórica» pola Deputación da Coruña, cando o Consello da Cultura Galega lle dedicou unha xornada de estudo e as súas amizades tributáronlle un xantar de homenaxe no Balneario de Mondariz, a fotógrafa Mary Quintero (Melide, 1931) conta no Museo do Mar de Alcabre coa exposición «A imaxinación no interior do estudio», unha escolma do seu fondo documental, que vai de 1947 a 2001, incorporado o 2 de maio de 2022 ao Arquivo histórico provincial de Pontevedra mediante comodatio. Unha excelente oportunidade, despois da publicación do seu libro antolóxico, Mary Quintero. Retratista desde os 15 anos (Xerais 2015), con textos da estudosa da fotografía galega de muller Fernanda Padín, de volver achegarse a obra monumental desta pioneira e mestra da fotografía profesional en Galicia, a primeira que utilizou aquí a cor e as técnicas do retoque, conformando unha obra propia e singular, na que asumiu que a mudanza constante das posibilidades técnicas achegaba novas utilidades creativas, o que a situou na cimeira da fotografía galega durante seis décadas, desde que aos 15 anos realizou en Lugo a súa primeira exposición e aos 21 anos abriu o seu famoso estudio na rúa Urzaiz polo que pasaron milleiros de familias de varias xeracións viguesas a encargar o seu retrato fose no día da comuñón, do casamento ou dun aniversario sinalado.

Unha artista, Mary Quintero, de espírito radicalmente innovador na utilización dos avances técnicos e audaz en comprobar que non ten límites para a fantasía, capaz de atreverse aos 91 anos (si, leron ben) a expoñer por vez primeira a súa foto-pintura e abrir o pasado verán con éxito o ciclo «Vigueses con huella», un programa de Ámbito Cultural El Corte Inglés que pretende recuperar artistas nosos. Unha mostra na que Mari Quintero, baixo o título «Inspiración», emprega as fotografías do ámbito cotián, que confesa realizar co móbil, para pintar sobre elas con óleo, acrílico e pastel obtendo resultados visuais sorprendentes e moi vistosos. Unha técnica fotopictórica dalgún xeito continuadora daqueloutra consistente na aplicación de cor ás imaxes en branco e negro, a fotografía coloreada, que desenvolvería durante a metade da súa carreira, nos anos 50, 60 e 70, presente nalgunhas grandes pezas da mostra do Museo do Mar, como o seu propio retrato (1949), coloreado por ela e realizado polo seu pai, o da presentación en sociedade das fillas de Enrique Lorenzo (1952) ou de picariños comendo ou cortando o cabelo.

Seguindo o fío cronolóxico dos avances técnicos que introduce Quintero, dende o retoque analóxico ao coloreado, a exposición do Museo do Mar é representativa da súa concepción do retrato fotográfico dos anos corenta aos sesenta do pasado século, nos que «sabe captar os cambios na moda e na sensibilidade estética da clase media-alta e alta da sociedade viguesa». Como tamén o é da súa utilización da fotografía a cor, a partir dos setenta, combinada con técnicas como o proxector de fondos, no que Mary tamén foi pioneira, ou tamén da súa época romántica, influída por David Hamilton, pasando pola creación de ambientes e sofisticados escenarios e vestiario de entroido, até chegar ao seu cambio de estilo a partir dos anos 80, influído pola estética punk e os anos da movida, consolidado nos 90 en retratos moi característicos como os do grupo de teatro Queizán, o actor Moncho Borrajo, a escritora María do Carmo Kruckenberg, o escultor Juan Oliveira, ademais de personalidades viguesas daquel período como Corina Porro, Horacio Gómez e Carlos González Príncipe. Remata a antolóxica de Quintero en Alcabre coa súa fotografía experimental, nunha autora que procurou a súa inspiración no cine, revistas e rótulos, deixando fóra da mostra a dimensión da súa fotografía social, tanto o retrato de grupos familiares como de cerimonias.

Chama a atención do visitante que semellante fondo documental fotográfico de Mary Quintero, milleiros de retratos de tres xeracións de familias viguesas, teña que ser conservado en Pontevedra, no Arquivo Histórico Provincial, institución estatal transferida á Xunta de Galicia. Algo que xa sucedeu co arquivo Llanos de tres xeracións de fotógrafos vigueses, conservado no Museo Etnolóxico de Ribadavia da Xunta de Galicia. Como tamén preocupa o destino que poidan ter os arquivos doutros fotoxornalistas vigueses como Magar e Cameselle, esenciais para construír o relato do Vigo das últimas seis décadas. Como preocupa o desleixo no que se atopa o Arquivo Pacheco atendido na Casa das Artes por persoal de seguridade, un tesouro esquecido e escasamente valorado polo seu propietario, o concello de Vigo. Que sucede co patrimonio fotográfico vigués, fonte inesgotable da memoria da cidade?

Baixar as ratios

O principio do benestar emocional do alumnado no marco dunha escola inclusiva que atende a diversidade constituíuse tras a pandemia no eixo do discurso educativo do goberno Rueda. Mágoa que semellante proposta, un espazo seguro de acordo das comunidades educativas, se atendemos aos recursos destinados para ela pola administración galega, quedase xa ao comezo de curso en auga de castañas, apenas outra función dos gurús espectáculo da educación emocional. E se alguén o pon en dúbida, abonda con ler a letra pequena do acordo recente da Consellaría de Educación con tres sindicatos sobre a redución das ratios de alumnado por aula, alongado en nove cursos na Primaria, a raquítica redución do horario lectivo, que nin chega ao que rexía a comezos de 2020, ou nin sequera sobre a redución da carga burocrática, aumentada de forma considerable coa dixitalización administrativa. Decepción compartida polo profesorado mobilizado onte reclamando melloras da calidade do servizo educativo público, sobre todo no referido á redución efectiva do número de alumnado por aula, dende 4º de Educación Infantil a 2º de Bacharelato, como a medida máis efectiva de atención á diversidade, tanto para o alumnado con necesidades educativas especiais ou necesidades de apoio educativo, como para facilitar aprendizaxes individualizadas e cooperativas na aula e no centro no contexto actual de hibridación e alfabetización dixitais e da transformación da biblioteca escolar en espazo de innovación, galeguización e desenvolvemento do espírito crítico. Redución de ratios que non admite adiamentos nin distraccións pola previsible baixa demográfica post-Covid e debería ser efectiva en cada un dos ciclos dos vindeiros cursos. Só así sería crible o discurso dos Plans de Benestar Emocional dos centros e efectiva a nova figura das coordinacións de benestar e convivencia. Baixar ratios, como ampliar a rede de Orientación Educativa e a duración de programas de apoio como Proa+ non admiten unha década de espera.

Publicado en Nós diario: 25-10-2023

Avenida de Beatriz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a polémica da denominación Avenida de Beatriz e a reedición do libro de Ramón González-Alegre Por entre el arpa y la saudade:

Na primavera de 1961 abriuse no barrio das Travesas unha polémica veciñal de interese poético sobre o nome que debería levar a nova avenida, entón non inaugurada, prevista xa no Plan Palacios e urbanizada a partir do Plan de Melloras de 1953, coñecida logo como Avenida das Camelias. Foi unha columna en Faro de Vigo de Fernando Alonso Amat, escritor e técnico fiscal, despois presidente do Club Náutico, quen sacou a luz un asunto que intrigaba aos veciños das Travesas desde que nas paredes dun dos poucos edificios da nova avenida apareceu un letreiro que rezaba: «Avenida de Beatriz». Decontado apareceron polas Travesas os comentarios sobre a orixe de semellante iniciativa, as especulacións sobre quen era aquela Beatriz, pintada que tiña todas as trazas de ser apenas a declaración dun namorado a súa amada, unha veciña de nome idéntico ao daqueloutra Beatriz de Dante Alighiere, filla de Folco Portinari, símbolo da vida, da paz e do amor.

Polémica popular e literaria na que terzou o poeta Ramón González-Alegre tamén noutro artigo ben xeitoso, publicado en Faro de Vigo o 4 de xullo de 1961, baixo o suxestivo título «El bello nombre de una gran avenida», no que se unía ao seu amigo Amat reclamando á corporación que fixera oficial tan fermoso nome literario, escollido na fala popular da veciñanza (por certo, tamén utilizado de forma habitual nas páxinas de Faro de Vigo até ben entrado 1965). O poeta berciano vigués argumentaba coa súa fina ironía e a súa voz lírica cultísima que os concelleiros vigueses sabían que «Beatriz é, no máis extraordinario poema universal, a nota sobresaínte da humana Virtude», razón polo que o valor poético de introducir o seu nome no rueiro vigués contribuiría a alzar a propia cidade, «tan tristemente desgobernada até agora en espírito», e a constituír «un símbolo para os mozos galegos de Vigo que un día deixaron pintada unha parede con este nome».

A polémica da Avenida de Beatriz alongouse varios anos, nos que seguindo as páxinas de Faro de Vigo comprobamos se popularizou o nome, como amosa unha clarificadora fotografía de Magar tomada en 1963 no que aparece pintado a brochadas sobre unha pedra, á altura das escaleiras de acceso á rúa Ourense. Mágoa que o daquela alcalde José Ramón Fontán, nomeado en xuño de 1963, no seu mandato de apenas quince meses, no que xestionou a traída da auga do Oitavén para Vigo, carecese porén da sensibilidade poética que precisaba a cidade de Martín Códax, cando foi preguntado por un reporteiro de Faro de Vigo (15-11-1963) sobre a súa posición no caso Beatriz. A resposta administrativa do alcalde malogrou a viabilidade do que el mesmo chamaba abrazar a hipótese romántica de Beatriz: «respectando todo o moito e  bo que se dixo e escribiu ao respecto, non se debe esquecer que existe un acordo municipal para non denominar ningunha rúa en canto o plan de ordenación urbana non estea aprobado». Para engadir Fontán con retranca que el propoñería o nome de «rúa do viandante descoñecido, que mellor soaría en galego como “rúa de Xan Ninguén”».

Lembrei a fermosa polémica da Avenida de Beatriz, que lle escoitara contar, entre outros, ao crítico Alberto González-Alegre Burgueño, a raíz da recente reedición do libro do seu pai, Ramón González-Alegre Bálgoma, Por entre el arpa y la saudade. Hombres y tierras de Galicia (Ediciones A.B. 1965; 2ª edición Alhenamedia 2023), unha estraña marabilla como libro de viaxes fragmentario, un retrato certeiro da Galicia dunha época, a de finais da década de 1950, escrito co alento do poeta e a ollada curiosa do vagabundo. Unha primeira edición a do sesenta e cinco nacida nas Travesas, onde vivía o autor, impresa nos talleres de Faro de Vigo, contando coa axuda e alento cultural do empresario Antonio Alfageme del Busto, impulsor de Ediciones A.B. de Vigo, un selo editorial ao coidado do propio González-Alegre, que contaba con longa experiencia como editor da revista Alba (1948-1956) e do seu maior logro Antología de la poesía gallega contemporánea (Colección Adonais, Rialp, 1959).

Xaora, particular interese ten para nós no libro de González-Alegre o capítulo «Vigo: bello mar y caudaloso puerto (Páginas para un diario)», título recollido de Jovellanos, textos escritos en xullo de 1957, un brillante retrato poético do impulso vigués, no ton das prosas publicadas en Faro de Vigo nas seccións «Los viajes gallegos», «Notas de apremio» ou textos ocasionais como o citado sobre a Avenida Beatriz. «Vigo é unha pura transformación. A Vigo fáltalle vellez, sóbralle vida fresca, como se tivese sempre un nacemento. Vigo nace sempre. Que ledicia saber que o traballo fortalece o pulso da cidade..» escribe para salientar que as raíces que comeza a sentir Vigo, a súa identidade, están no seu pulo de permanente mudanza e emprendemento industrial.

Mayday

Diante do Atlético de Simeoni o Celta de Benítez volveu naufragar, incapaz de facer fronte ás múltiples desgrazas da travesía do serán do pasado sábado. Outra severa derrota en Balaídos que condena ao Celta ás posicións de descenso e afonda máis nunha crise deportiva que co barco nas pedras Marián Mouriño debe afrontar antes da apertura do mercado de inverno. Números pésimos os de Benítez (6 puntos de 30 posibles, apenas o 20 %; unha vitoria en 10 xornadas, un 10 %; 18 tantos encaixados por 10 marcados…), os peores en décadas, que de non iniciar unha certa remontada, da que hoxe por hoxe non se enxergan indicios, agoiran un descenso na tempada do Centenario. Unha situación xa de emerxencia vivida o sábado na catedral do Fragoso con respectuoso silencio, a pesar dos inevitables murmurios cando transcorrida unha hora de xogo Benítez, como ven sendo habitual, prescindiu de Aspas, o sábado outra vez o mellor (con diferencia) dos celestes, abrindo unha vía de auga, emocional e táctica, que na media hora final (decisiva) o veterano adestrador non viu ou non soubo pechar.

E o argumento do partido cos atléticos foi semellante ao de derrotas anteriores en Balaídos, un catálogo de desgrazas, impotencias e erros non forzados. Un acto inicial excelente, esperanzador, quizais os mellores minutos da tempada, nos que un magnífico Aspas na dirección celeste toleou aos de Simeoni, Kevin (unha novidade necesaria) pechaba a subida de Lino, Mingueza filtraba xogo polo centro e Bamba, Larsen e o propio Merlín de Moaña protagonizaban transicións perigosas ás que só lles faltou afinar na finalización. Un segundo acto dramático, iniciado de forma súbita no fatídico minuto 27, noutra xogada de infortunio, nesta ocasión protagonizada por Iván Villar, até entón moi regular, que tras unha vacilación no bloqueo dun balón provocou un penalti inocente sobre Morata, ao que se engadiu unha a todas luces inmerecida tarxeta vermella, un castigo suplementario do árbitro e sala VAR, que deixou aos nosos con dez e arruinou outro partido. O terceiro acto foi o de afouteza, esforzándose os nosos en nivelar o marcador, o que tivo nas súas biqueiras Bamba cun xute que bateu no traveseiro, esforzo malogrado por outra xugada desgraciada, tras a polémica saída do terreo de Aspas, desta volta un erro do debutante Guaita, incapaz de intuír a traxectoria dun xute defectuoso de Griezmann, tras protagonizar unha transición que superou as tres liñas celestes. Un segundo erro fatal na portaría que arruinou as esperanzas de remontada. Foi o epílogo semellante ao de episodios anteriores, vinte e pico minutos de desfeita, na que renxeron todas as costuras da defensa local e na que Benítez volveu a amosar a súa incapacidade para pechar  os partidos con éxito ou canto menos con certa dignidade.

A pesar de repetir argumentos e derrotas, o adestrador celeste que levou o barco ás pedras non reacciona, agardando nun acto de fe que cheguen os ventos propicios, mentres se vai reducindo a presenza na lameira do corazón celeste, a puntuación se conxela, o calendario próximo intimida (Girona, Sevilla, Athletic, Valencia…) e a bancada celtista comeza a expresar a súa inevitable e lexítima preocupación polo devir da tempada. Que facer en semellante circunstancia tan adversa? Como evitar esta sucesión de erros fatais?  Como conseguir interpretacións máis ecuánimes da sala VAR? Como mellorar a puntaría dos atacantes? Como xestionar os minutos decisivos nun fútbol con cinco cambios e incremento do tempo engadido? O celtismo emite un mayday, unha chamada de socorro nunha situación de emerxencia, que debe ser atendida pola responsable da propiedade da Sociedade Anónima Deportiva.

O celtismo sabe que esta situación comprometida, a pesar do catálogo actual de desventuras, non é atribuíble a un momento de mala fortuna ou a unha planificada persecución arbitral, como parece facernos crer o actual adestrador. Como ben entende a bancada nosa que a marcha de Brais, Denís, Mallo e Gabri Veiga, nas últimas dúas temporadas, debilitou o corazón celeste, e a calidade do cadro de xogadores, que a pesar dos ingresos dos seus traspasos, non foron substituídos nin de lonxe, o que o debilita con respecto a tempadas anteriores. Quen debe dirixir sen demora esa imprescindible operación rescate? Eu apostaría por procurar con afouteza e determinación as solucións dentro dos vimbios dispoñibles (xogadores e técnicos) na propia casa. Hainos e de indubidable calidade e coñecemento actualizado.

Publicado en Faro de Vigo: 23-10-2023

Xaquín Marín

Coincidindo co seu 80 aniversario, Xaquín Marín recibiu a homenaxe nacional organizada polas asociación culturais galegas que merece un dos grandes cidadáns galegos do noso tempo. Xenio extraordinario e virtuoso do debuxo, da ilustración, da pintura e do humorismo gráfico, ademais de pioneiro e fomentador da banda deseñada galega, todo dende hai seis décadas e de forma ininterrompida, a súa obra gráfica monumental (xornalística, bibliográfica, cartelística, expositiva e pictórica) representa tanto o compromiso do artista coa creación dunha obra singular e coa innovación estética e de formatos e soportes como a súa condición de militante de Galicia e fomentador incansable da súa conciencia colectiva. Considerado por estudosos do humor, como Félix Caballero, como «o humorista galego máis relevante dende Castelao», de quen herdou a tenrura retranqueira da personalidade dos seus nenos, velaí os seus inesquecibles Gaspariño (Edicións do Rueiro 1978) e Lixandre, Marín desenvolveu a crónica gráfica das arelas e da crúa realidade dun país que coma el nunca se dobregou. Autor da primeira historieta galega, «O emigrante», publicada en marzo de 1971 no número 35 da revista Chan, como tamén do primeiro álbum de banda deseñada galega, que asinou con Reimundo Patiño como 2 viaxes (Brais Pinto 1975), ao que seguiu o seu primeiro libro en solitario, Ratas (Tres Catorce Diecisiete 1977), publicadas mentres o franquismo agonizaba, Xaquín contribuíu de forma decisiva a espallar a linguaxe do cómic e da narrativa debuxada e facelo de forma absolutamente orixinal en galego, a fala de todos os seus personaxes (Tonecho, Caitano, Don Augusto, Isolino, Sabeliña…), e cun trazo e un acento tamén netamente galego, «os seus debuxos de liña son románicos e saben a bola do patrón e das festas; mentres os outros son barrocos e saben a empanada», como salientou nun artigo recente o tamén humorista gráfico Siro López. Beizón ao noso admirado Xaquín Marín, mestre gráfico e artista irrepetible.

Publicado en Nós diario: 18/10/2023

A volta dos nove

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 87 aniversario da volta dos nove de Baredo:

Hai apenas un mes cando lembramos o 87 aniversario da saca da curva de Puxeiros rematabamos anticipando aqueloutra do 16 de outubro de 1936 de nove persoas do Val Miñor sacadas dos cárceres de Vigo, cuxos cadáveres apareceron na curva de Bombardeira de Baredo lembradas como «a volta dos nove». Vítimas case anónimas, case todas afiliadas ao Sindicato de Industrias Pesqueiras o Espertar de Panxón e ao Sindicato de Mariñeiros de Baiona, vinculados ambos os dous á CNT, recordadas esta fin de semana con varios actos cívicos en Nigrán e Baiona polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) que lembra a súa memoria reconstruíndo o seu relato en base a fontes orais e á consulta da documentación existente.

Relato dunha infamia que tivo a súa orixe na persecución que dende o 13 de outubro sufriron Luis e José López Luis, coñecidos como os «Ineses», irmáns moi queridos en Baiona, coma o fora a súa nai Inés Luis, de aí o seu alcuño, regresados da Arxentina a comezos dos anos trinta, o primeiro socialista, o outro anarquista, ambos os dous modernos e progresistas, promotores de cooperativismo, da educación e da ciencia, un deles profesor de esperanto, a lingua que se pretendía universal. Persecución que levou ao cabo da Garda Civil Manuel González Pena e aos falanxistas Luis Refojo Mariño e Emilio Carrera González  a asaltar a tiros a casa na que se refuxiaron os Ineses, dun seu veciño de Sabarís, un home cego, Ventura Pérez, atendido por unha muller de 71 anos, Dolores Samuelle Álvarez «Perfeuta». Os Ineses emprenderían unha infrutuosa fuxida, despois de que José Pérez ferise mortalmente a Refoxo dun disparo, non tardando en ser abatidos polos carabineiros, falanxistas e gardas civís que foran na súa procura, como tamén a Ventura e Perfeuta por dar acubillo aos refuxiados, sendo enterrados na mesma fosa.

Desquite fulminante de brutalidade, escarmento e terror continuado polo cabo Pena e os camisas azuis de Baiona que se dirixiron ao cárcere de Vigo coa intención de sacar aos irmáns Villafines, destacados republicanos, un deles alcalde de Baiona, o que impediu un oficial da Garda Civil e os levou ao Frontón de María Berdiales, convertido en cárcere provisional, de onde sacaron (desta volta aparentemente ao azar) a nove presos miñoráns que meteron nunha camioneta que volveu a Baiona. A pesar de que as fontes orais (nunha historia silenciada durante décadas) non coinciden ao sinalar a hora da saca, en todo caso foi na madrugada do 16 de outubro de 1936 cando nove persoas foron torturadas e logo asasinadas no quilómetro 58 da estrada Pontevedra-Camposancos no barrio de Baredo. Non houbo testemuñas oculares, aínda que os tiros foron escoitados por mariñeiros que faenaban no mar e por uns traballadores que acudían a unha canteira. Sete mariñeiros de Panxón e Baiona, un ferreiro e un labrador de idades comprendidas entre os trinta e os cincuenta e un anos, que deixaron nove viúvas e trinta e un orfos. Unha relación encabezada polo máis novo, Manuel Barbosa Durán, o «Ferreiro do Burgo», mecánico, casado en Panxón, e por Elías Alejandro Gonda Alonso, o «Ghonda», labrador da Ramallosa de 36 anos, casado en Sabarís, á que seguen os catro mariñeiros de Panxón, Manuel Aballe Domínguez, Felicísimo Antonio Pérez Pérez, Modesto Fernández Rodríguez, o «Rei Chiquito», e Generoso Valverde Iglesias, e os tres de Baiona, Manuel Francisco Lijó Perez, Fidel Leyenda Rodríguez, «Tío Félix», e José Rodríguez González, o «Pelonio».

Dende aqueles fusilamentos da terrible saca de Baredo e até ben entrados os anos setenta unha ou varias persoas marcaron unha longa liña cruzada con nove pequenas no lugar das execucións, primeiro gravadas sobre a terra, despois, tras a construción da estrada, debuxadas en vermello sobre unha rocha. Son esas marcas anónimas, coñecidas como as «Cruces de Baredo», cuxa autoría a Garda Civil nunca soubo identificar e os falanxistas pretendían borrar inutilmente, xa que aparecían decontado, unha resistencia social silenciosa e simbólica que durante catro décadas mantivo a memoria daqueles acontecementos dos que ninguén podía falar. «Quen gravaba as cruces que rompían o silencio do sucedido na Bombardeira?» foi unha pregunta a que se chegou a responder mesmo acudindo á lenda e ao relato mítico e sobrenatural. Xaora, foron estas cruces as que mantiveron prendida a memoria subversiva duns acontecementos dos que os familiares das vítimas comezaron a falar cando se foi perdendo o medo, derrubando o muro da impunidade da que gozaron os executores.

Desde 2005, grazas á iniciativa do IEM, afóndase cada ano na recuperación da memoria das vítimas de Baredo e de Sabarís daqueles días de outubro de 1936. Un exercicio de memoria imprescindible para vítimas que reclaman aínda a verdade, a xustiza e a reparación que merecen.

Premiadas

Non obedece a azar ningún que nas últimas semanas catro creadoras galegas foran recoñecidas pola excelencia do seu traballo artístico. Refírome, claro está, á dramaturga Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática pola peza As alumnas (Galaxia, 2022); á poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía polo libro de poemas Materia (Xerais, 2022); á catedrática e directora de cine Margarita Ledo Andión, Premio Luís Porteiro Garea en recoñecemento ao seu traballo a prol da promoción e uso do galego na universidade; e á cineasta Jaione Camborda, Cuncha de Ouro do 71º Festival de Cine de Donostia polo filme O corno, protagonizado de forma brillante por Janet Novás. Unha proeza política e cultural destas mulleres arrichadas que co talento e afouteza da súa ollada superaron as convencións establecidas polo patriarcado, abordando temas transformadores ou rescatando memorias ocultas de mulleres rebeldes, por ventura, hoxe referentes. Velaí a reivindicación da mestra María Barbeito, símbolo da escola igualitaria da República, protagonista da obra de Carballeira. Velaquí os claroscuros da renuncia á maternidade e o diálogo coa memoria familiar e colectiva da proposta poética de Castaño, incansable activista da dignificación da nosa escrita. Eis a que definiu María Reimóndez como «experiencia visual» íntima e conmovedora de Camborda na procura do esencial das persoas, na que lonxe das olladas masculinas os corpos das mulleres expresan máis cas súas palabras a liberdade das súas escollas e renuncias. Propostas artísticas, como a de Ledo, nas que o emprego da lingua galega se constitúe en eixo normalizador, rachando cos prexuízos e superando barreiras, o que as converte en referentes para as súas artes como para os propios públicos. Beizón para as nosas premiadas tanto polos seus logros e fitos artísticos como polo comprometido das súas olladas e, o que creo tamén moi valioso, pola comunidade alternativa de lectoras e espectadoras que constrúen coas súas obras.

Publicado en Nós diario: 11/10/2023