Mary Quintero no Museo do Mar

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición antolóxica do traballo de estudio da fotógrafa Mary Quintero:

Tras as homenaxes recibidas en 2015 cando foi recoñecida como «fotógrafa histórica» pola Deputación da Coruña, cando o Consello da Cultura Galega lle dedicou unha xornada de estudo e as súas amizades tributáronlle un xantar de homenaxe no Balneario de Mondariz, a fotógrafa Mary Quintero (Melide, 1931) conta no Museo do Mar de Alcabre coa exposición «A imaxinación no interior do estudio», unha escolma do seu fondo documental, que vai de 1947 a 2001, incorporado o 2 de maio de 2022 ao Arquivo histórico provincial de Pontevedra mediante comodatio. Unha excelente oportunidade, despois da publicación do seu libro antolóxico, Mary Quintero. Retratista desde os 15 anos (Xerais 2015), con textos da estudosa da fotografía galega de muller Fernanda Padín, de volver achegarse a obra monumental desta pioneira e mestra da fotografía profesional en Galicia, a primeira que utilizou aquí a cor e as técnicas do retoque, conformando unha obra propia e singular, na que asumiu que a mudanza constante das posibilidades técnicas achegaba novas utilidades creativas, o que a situou na cimeira da fotografía galega durante seis décadas, desde que aos 15 anos realizou en Lugo a súa primeira exposición e aos 21 anos abriu o seu famoso estudio na rúa Urzaiz polo que pasaron milleiros de familias de varias xeracións viguesas a encargar o seu retrato fose no día da comuñón, do casamento ou dun aniversario sinalado.

Unha artista, Mary Quintero, de espírito radicalmente innovador na utilización dos avances técnicos e audaz en comprobar que non ten límites para a fantasía, capaz de atreverse aos 91 anos (si, leron ben) a expoñer por vez primeira a súa foto-pintura e abrir o pasado verán con éxito o ciclo «Vigueses con huella», un programa de Ámbito Cultural El Corte Inglés que pretende recuperar artistas nosos. Unha mostra na que Mari Quintero, baixo o título «Inspiración», emprega as fotografías do ámbito cotián, que confesa realizar co móbil, para pintar sobre elas con óleo, acrílico e pastel obtendo resultados visuais sorprendentes e moi vistosos. Unha técnica fotopictórica dalgún xeito continuadora daqueloutra consistente na aplicación de cor ás imaxes en branco e negro, a fotografía coloreada, que desenvolvería durante a metade da súa carreira, nos anos 50, 60 e 70, presente nalgunhas grandes pezas da mostra do Museo do Mar, como o seu propio retrato (1949), coloreado por ela e realizado polo seu pai, o da presentación en sociedade das fillas de Enrique Lorenzo (1952) ou de picariños comendo ou cortando o cabelo.

Seguindo o fío cronolóxico dos avances técnicos que introduce Quintero, dende o retoque analóxico ao coloreado, a exposición do Museo do Mar é representativa da súa concepción do retrato fotográfico dos anos corenta aos sesenta do pasado século, nos que «sabe captar os cambios na moda e na sensibilidade estética da clase media-alta e alta da sociedade viguesa». Como tamén o é da súa utilización da fotografía a cor, a partir dos setenta, combinada con técnicas como o proxector de fondos, no que Mary tamén foi pioneira, ou tamén da súa época romántica, influída por David Hamilton, pasando pola creación de ambientes e sofisticados escenarios e vestiario de entroido, até chegar ao seu cambio de estilo a partir dos anos 80, influído pola estética punk e os anos da movida, consolidado nos 90 en retratos moi característicos como os do grupo de teatro Queizán, o actor Moncho Borrajo, a escritora María do Carmo Kruckenberg, o escultor Juan Oliveira, ademais de personalidades viguesas daquel período como Corina Porro, Horacio Gómez e Carlos González Príncipe. Remata a antolóxica de Quintero en Alcabre coa súa fotografía experimental, nunha autora que procurou a súa inspiración no cine, revistas e rótulos, deixando fóra da mostra a dimensión da súa fotografía social, tanto o retrato de grupos familiares como de cerimonias.

Chama a atención do visitante que semellante fondo documental fotográfico de Mary Quintero, milleiros de retratos de tres xeracións de familias viguesas, teña que ser conservado en Pontevedra, no Arquivo Histórico Provincial, institución estatal transferida á Xunta de Galicia. Algo que xa sucedeu co arquivo Llanos de tres xeracións de fotógrafos vigueses, conservado no Museo Etnolóxico de Ribadavia da Xunta de Galicia. Como tamén preocupa o destino que poidan ter os arquivos doutros fotoxornalistas vigueses como Magar e Cameselle, esenciais para construír o relato do Vigo das últimas seis décadas. Como preocupa o desleixo no que se atopa o Arquivo Pacheco atendido na Casa das Artes por persoal de seguridade, un tesouro esquecido e escasamente valorado polo seu propietario, o concello de Vigo. Que sucede co patrimonio fotográfico vigués, fonte inesgotable da memoria da cidade?

Baixar as ratios

O principio do benestar emocional do alumnado no marco dunha escola inclusiva que atende a diversidade constituíuse tras a pandemia no eixo do discurso educativo do goberno Rueda. Mágoa que semellante proposta, un espazo seguro de acordo das comunidades educativas, se atendemos aos recursos destinados para ela pola administración galega, quedase xa ao comezo de curso en auga de castañas, apenas outra función dos gurús espectáculo da educación emocional. E se alguén o pon en dúbida, abonda con ler a letra pequena do acordo recente da Consellaría de Educación con tres sindicatos sobre a redución das ratios de alumnado por aula, alongado en nove cursos na Primaria, a raquítica redución do horario lectivo, que nin chega ao que rexía a comezos de 2020, ou nin sequera sobre a redución da carga burocrática, aumentada de forma considerable coa dixitalización administrativa. Decepción compartida polo profesorado mobilizado onte reclamando melloras da calidade do servizo educativo público, sobre todo no referido á redución efectiva do número de alumnado por aula, dende 4º de Educación Infantil a 2º de Bacharelato, como a medida máis efectiva de atención á diversidade, tanto para o alumnado con necesidades educativas especiais ou necesidades de apoio educativo, como para facilitar aprendizaxes individualizadas e cooperativas na aula e no centro no contexto actual de hibridación e alfabetización dixitais e da transformación da biblioteca escolar en espazo de innovación, galeguización e desenvolvemento do espírito crítico. Redución de ratios que non admite adiamentos nin distraccións pola previsible baixa demográfica post-Covid e debería ser efectiva en cada un dos ciclos dos vindeiros cursos. Só así sería crible o discurso dos Plans de Benestar Emocional dos centros e efectiva a nova figura das coordinacións de benestar e convivencia. Baixar ratios, como ampliar a rede de Orientación Educativa e a duración de programas de apoio como Proa+ non admiten unha década de espera.

Publicado en Nós diario: 25-10-2023

Avenida de Beatriz

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a polémica da denominación Avenida de Beatriz e a reedición do libro de Ramón González-Alegre Por entre el arpa y la saudade:

Na primavera de 1961 abriuse no barrio das Travesas unha polémica veciñal de interese poético sobre o nome que debería levar a nova avenida, entón non inaugurada, prevista xa no Plan Palacios e urbanizada a partir do Plan de Melloras de 1953, coñecida logo como Avenida das Camelias. Foi unha columna en Faro de Vigo de Fernando Alonso Amat, escritor e técnico fiscal, despois presidente do Club Náutico, quen sacou a luz un asunto que intrigaba aos veciños das Travesas desde que nas paredes dun dos poucos edificios da nova avenida apareceu un letreiro que rezaba: «Avenida de Beatriz». Decontado apareceron polas Travesas os comentarios sobre a orixe de semellante iniciativa, as especulacións sobre quen era aquela Beatriz, pintada que tiña todas as trazas de ser apenas a declaración dun namorado a súa amada, unha veciña de nome idéntico ao daqueloutra Beatriz de Dante Alighiere, filla de Folco Portinari, símbolo da vida, da paz e do amor.

Polémica popular e literaria na que terzou o poeta Ramón González-Alegre tamén noutro artigo ben xeitoso, publicado en Faro de Vigo o 4 de xullo de 1961, baixo o suxestivo título «El bello nombre de una gran avenida», no que se unía ao seu amigo Amat reclamando á corporación que fixera oficial tan fermoso nome literario, escollido na fala popular da veciñanza (por certo, tamén utilizado de forma habitual nas páxinas de Faro de Vigo até ben entrado 1965). O poeta berciano vigués argumentaba coa súa fina ironía e a súa voz lírica cultísima que os concelleiros vigueses sabían que «Beatriz é, no máis extraordinario poema universal, a nota sobresaínte da humana Virtude», razón polo que o valor poético de introducir o seu nome no rueiro vigués contribuiría a alzar a propia cidade, «tan tristemente desgobernada até agora en espírito», e a constituír «un símbolo para os mozos galegos de Vigo que un día deixaron pintada unha parede con este nome».

A polémica da Avenida de Beatriz alongouse varios anos, nos que seguindo as páxinas de Faro de Vigo comprobamos se popularizou o nome, como amosa unha clarificadora fotografía de Magar tomada en 1963 no que aparece pintado a brochadas sobre unha pedra, á altura das escaleiras de acceso á rúa Ourense. Mágoa que o daquela alcalde José Ramón Fontán, nomeado en xuño de 1963, no seu mandato de apenas quince meses, no que xestionou a traída da auga do Oitavén para Vigo, carecese porén da sensibilidade poética que precisaba a cidade de Martín Códax, cando foi preguntado por un reporteiro de Faro de Vigo (15-11-1963) sobre a súa posición no caso Beatriz. A resposta administrativa do alcalde malogrou a viabilidade do que el mesmo chamaba abrazar a hipótese romántica de Beatriz: «respectando todo o moito e  bo que se dixo e escribiu ao respecto, non se debe esquecer que existe un acordo municipal para non denominar ningunha rúa en canto o plan de ordenación urbana non estea aprobado». Para engadir Fontán con retranca que el propoñería o nome de «rúa do viandante descoñecido, que mellor soaría en galego como “rúa de Xan Ninguén”».

Lembrei a fermosa polémica da Avenida de Beatriz, que lle escoitara contar, entre outros, ao crítico Alberto González-Alegre Burgueño, a raíz da recente reedición do libro do seu pai, Ramón González-Alegre Bálgoma, Por entre el arpa y la saudade. Hombres y tierras de Galicia (Ediciones A.B. 1965; 2ª edición Alhenamedia 2023), unha estraña marabilla como libro de viaxes fragmentario, un retrato certeiro da Galicia dunha época, a de finais da década de 1950, escrito co alento do poeta e a ollada curiosa do vagabundo. Unha primeira edición a do sesenta e cinco nacida nas Travesas, onde vivía o autor, impresa nos talleres de Faro de Vigo, contando coa axuda e alento cultural do empresario Antonio Alfageme del Busto, impulsor de Ediciones A.B. de Vigo, un selo editorial ao coidado do propio González-Alegre, que contaba con longa experiencia como editor da revista Alba (1948-1956) e do seu maior logro Antología de la poesía gallega contemporánea (Colección Adonais, Rialp, 1959).

Xaora, particular interese ten para nós no libro de González-Alegre o capítulo «Vigo: bello mar y caudaloso puerto (Páginas para un diario)», título recollido de Jovellanos, textos escritos en xullo de 1957, un brillante retrato poético do impulso vigués, no ton das prosas publicadas en Faro de Vigo nas seccións «Los viajes gallegos», «Notas de apremio» ou textos ocasionais como o citado sobre a Avenida Beatriz. «Vigo é unha pura transformación. A Vigo fáltalle vellez, sóbralle vida fresca, como se tivese sempre un nacemento. Vigo nace sempre. Que ledicia saber que o traballo fortalece o pulso da cidade..» escribe para salientar que as raíces que comeza a sentir Vigo, a súa identidade, están no seu pulo de permanente mudanza e emprendemento industrial.

Mayday

Diante do Atlético de Simeoni o Celta de Benítez volveu naufragar, incapaz de facer fronte ás múltiples desgrazas da travesía do serán do pasado sábado. Outra severa derrota en Balaídos que condena ao Celta ás posicións de descenso e afonda máis nunha crise deportiva que co barco nas pedras Marián Mouriño debe afrontar antes da apertura do mercado de inverno. Números pésimos os de Benítez (6 puntos de 30 posibles, apenas o 20 %; unha vitoria en 10 xornadas, un 10 %; 18 tantos encaixados por 10 marcados…), os peores en décadas, que de non iniciar unha certa remontada, da que hoxe por hoxe non se enxergan indicios, agoiran un descenso na tempada do Centenario. Unha situación xa de emerxencia vivida o sábado na catedral do Fragoso con respectuoso silencio, a pesar dos inevitables murmurios cando transcorrida unha hora de xogo Benítez, como ven sendo habitual, prescindiu de Aspas, o sábado outra vez o mellor (con diferencia) dos celestes, abrindo unha vía de auga, emocional e táctica, que na media hora final (decisiva) o veterano adestrador non viu ou non soubo pechar.

E o argumento do partido cos atléticos foi semellante ao de derrotas anteriores en Balaídos, un catálogo de desgrazas, impotencias e erros non forzados. Un acto inicial excelente, esperanzador, quizais os mellores minutos da tempada, nos que un magnífico Aspas na dirección celeste toleou aos de Simeoni, Kevin (unha novidade necesaria) pechaba a subida de Lino, Mingueza filtraba xogo polo centro e Bamba, Larsen e o propio Merlín de Moaña protagonizaban transicións perigosas ás que só lles faltou afinar na finalización. Un segundo acto dramático, iniciado de forma súbita no fatídico minuto 27, noutra xogada de infortunio, nesta ocasión protagonizada por Iván Villar, até entón moi regular, que tras unha vacilación no bloqueo dun balón provocou un penalti inocente sobre Morata, ao que se engadiu unha a todas luces inmerecida tarxeta vermella, un castigo suplementario do árbitro e sala VAR, que deixou aos nosos con dez e arruinou outro partido. O terceiro acto foi o de afouteza, esforzándose os nosos en nivelar o marcador, o que tivo nas súas biqueiras Bamba cun xute que bateu no traveseiro, esforzo malogrado por outra xugada desgraciada, tras a polémica saída do terreo de Aspas, desta volta un erro do debutante Guaita, incapaz de intuír a traxectoria dun xute defectuoso de Griezmann, tras protagonizar unha transición que superou as tres liñas celestes. Un segundo erro fatal na portaría que arruinou as esperanzas de remontada. Foi o epílogo semellante ao de episodios anteriores, vinte e pico minutos de desfeita, na que renxeron todas as costuras da defensa local e na que Benítez volveu a amosar a súa incapacidade para pechar  os partidos con éxito ou canto menos con certa dignidade.

A pesar de repetir argumentos e derrotas, o adestrador celeste que levou o barco ás pedras non reacciona, agardando nun acto de fe que cheguen os ventos propicios, mentres se vai reducindo a presenza na lameira do corazón celeste, a puntuación se conxela, o calendario próximo intimida (Girona, Sevilla, Athletic, Valencia…) e a bancada celtista comeza a expresar a súa inevitable e lexítima preocupación polo devir da tempada. Que facer en semellante circunstancia tan adversa? Como evitar esta sucesión de erros fatais?  Como conseguir interpretacións máis ecuánimes da sala VAR? Como mellorar a puntaría dos atacantes? Como xestionar os minutos decisivos nun fútbol con cinco cambios e incremento do tempo engadido? O celtismo emite un mayday, unha chamada de socorro nunha situación de emerxencia, que debe ser atendida pola responsable da propiedade da Sociedade Anónima Deportiva.

O celtismo sabe que esta situación comprometida, a pesar do catálogo actual de desventuras, non é atribuíble a un momento de mala fortuna ou a unha planificada persecución arbitral, como parece facernos crer o actual adestrador. Como ben entende a bancada nosa que a marcha de Brais, Denís, Mallo e Gabri Veiga, nas últimas dúas temporadas, debilitou o corazón celeste, e a calidade do cadro de xogadores, que a pesar dos ingresos dos seus traspasos, non foron substituídos nin de lonxe, o que o debilita con respecto a tempadas anteriores. Quen debe dirixir sen demora esa imprescindible operación rescate? Eu apostaría por procurar con afouteza e determinación as solucións dentro dos vimbios dispoñibles (xogadores e técnicos) na propia casa. Hainos e de indubidable calidade e coñecemento actualizado.

Publicado en Faro de Vigo: 23-10-2023

Xaquín Marín

Coincidindo co seu 80 aniversario, Xaquín Marín recibiu a homenaxe nacional organizada polas asociación culturais galegas que merece un dos grandes cidadáns galegos do noso tempo. Xenio extraordinario e virtuoso do debuxo, da ilustración, da pintura e do humorismo gráfico, ademais de pioneiro e fomentador da banda deseñada galega, todo dende hai seis décadas e de forma ininterrompida, a súa obra gráfica monumental (xornalística, bibliográfica, cartelística, expositiva e pictórica) representa tanto o compromiso do artista coa creación dunha obra singular e coa innovación estética e de formatos e soportes como a súa condición de militante de Galicia e fomentador incansable da súa conciencia colectiva. Considerado por estudosos do humor, como Félix Caballero, como «o humorista galego máis relevante dende Castelao», de quen herdou a tenrura retranqueira da personalidade dos seus nenos, velaí os seus inesquecibles Gaspariño (Edicións do Rueiro 1978) e Lixandre, Marín desenvolveu a crónica gráfica das arelas e da crúa realidade dun país que coma el nunca se dobregou. Autor da primeira historieta galega, «O emigrante», publicada en marzo de 1971 no número 35 da revista Chan, como tamén do primeiro álbum de banda deseñada galega, que asinou con Reimundo Patiño como 2 viaxes (Brais Pinto 1975), ao que seguiu o seu primeiro libro en solitario, Ratas (Tres Catorce Diecisiete 1977), publicadas mentres o franquismo agonizaba, Xaquín contribuíu de forma decisiva a espallar a linguaxe do cómic e da narrativa debuxada e facelo de forma absolutamente orixinal en galego, a fala de todos os seus personaxes (Tonecho, Caitano, Don Augusto, Isolino, Sabeliña…), e cun trazo e un acento tamén netamente galego, «os seus debuxos de liña son románicos e saben a bola do patrón e das festas; mentres os outros son barrocos e saben a empanada», como salientou nun artigo recente o tamén humorista gráfico Siro López. Beizón ao noso admirado Xaquín Marín, mestre gráfico e artista irrepetible.

Publicado en Nós diario: 18/10/2023

A volta dos nove

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 87 aniversario da volta dos nove de Baredo:

Hai apenas un mes cando lembramos o 87 aniversario da saca da curva de Puxeiros rematabamos anticipando aqueloutra do 16 de outubro de 1936 de nove persoas do Val Miñor sacadas dos cárceres de Vigo, cuxos cadáveres apareceron na curva de Bombardeira de Baredo lembradas como «a volta dos nove». Vítimas case anónimas, case todas afiliadas ao Sindicato de Industrias Pesqueiras o Espertar de Panxón e ao Sindicato de Mariñeiros de Baiona, vinculados ambos os dous á CNT, recordadas esta fin de semana con varios actos cívicos en Nigrán e Baiona polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) que lembra a súa memoria reconstruíndo o seu relato en base a fontes orais e á consulta da documentación existente.

Relato dunha infamia que tivo a súa orixe na persecución que dende o 13 de outubro sufriron Luis e José López Luis, coñecidos como os «Ineses», irmáns moi queridos en Baiona, coma o fora a súa nai Inés Luis, de aí o seu alcuño, regresados da Arxentina a comezos dos anos trinta, o primeiro socialista, o outro anarquista, ambos os dous modernos e progresistas, promotores de cooperativismo, da educación e da ciencia, un deles profesor de esperanto, a lingua que se pretendía universal. Persecución que levou ao cabo da Garda Civil Manuel González Pena e aos falanxistas Luis Refojo Mariño e Emilio Carrera González  a asaltar a tiros a casa na que se refuxiaron os Ineses, dun seu veciño de Sabarís, un home cego, Ventura Pérez, atendido por unha muller de 71 anos, Dolores Samuelle Álvarez «Perfeuta». Os Ineses emprenderían unha infrutuosa fuxida, despois de que José Pérez ferise mortalmente a Refoxo dun disparo, non tardando en ser abatidos polos carabineiros, falanxistas e gardas civís que foran na súa procura, como tamén a Ventura e Perfeuta por dar acubillo aos refuxiados, sendo enterrados na mesma fosa.

Desquite fulminante de brutalidade, escarmento e terror continuado polo cabo Pena e os camisas azuis de Baiona que se dirixiron ao cárcere de Vigo coa intención de sacar aos irmáns Villafines, destacados republicanos, un deles alcalde de Baiona, o que impediu un oficial da Garda Civil e os levou ao Frontón de María Berdiales, convertido en cárcere provisional, de onde sacaron (desta volta aparentemente ao azar) a nove presos miñoráns que meteron nunha camioneta que volveu a Baiona. A pesar de que as fontes orais (nunha historia silenciada durante décadas) non coinciden ao sinalar a hora da saca, en todo caso foi na madrugada do 16 de outubro de 1936 cando nove persoas foron torturadas e logo asasinadas no quilómetro 58 da estrada Pontevedra-Camposancos no barrio de Baredo. Non houbo testemuñas oculares, aínda que os tiros foron escoitados por mariñeiros que faenaban no mar e por uns traballadores que acudían a unha canteira. Sete mariñeiros de Panxón e Baiona, un ferreiro e un labrador de idades comprendidas entre os trinta e os cincuenta e un anos, que deixaron nove viúvas e trinta e un orfos. Unha relación encabezada polo máis novo, Manuel Barbosa Durán, o «Ferreiro do Burgo», mecánico, casado en Panxón, e por Elías Alejandro Gonda Alonso, o «Ghonda», labrador da Ramallosa de 36 anos, casado en Sabarís, á que seguen os catro mariñeiros de Panxón, Manuel Aballe Domínguez, Felicísimo Antonio Pérez Pérez, Modesto Fernández Rodríguez, o «Rei Chiquito», e Generoso Valverde Iglesias, e os tres de Baiona, Manuel Francisco Lijó Perez, Fidel Leyenda Rodríguez, «Tío Félix», e José Rodríguez González, o «Pelonio».

Dende aqueles fusilamentos da terrible saca de Baredo e até ben entrados os anos setenta unha ou varias persoas marcaron unha longa liña cruzada con nove pequenas no lugar das execucións, primeiro gravadas sobre a terra, despois, tras a construción da estrada, debuxadas en vermello sobre unha rocha. Son esas marcas anónimas, coñecidas como as «Cruces de Baredo», cuxa autoría a Garda Civil nunca soubo identificar e os falanxistas pretendían borrar inutilmente, xa que aparecían decontado, unha resistencia social silenciosa e simbólica que durante catro décadas mantivo a memoria daqueles acontecementos dos que ninguén podía falar. «Quen gravaba as cruces que rompían o silencio do sucedido na Bombardeira?» foi unha pregunta a que se chegou a responder mesmo acudindo á lenda e ao relato mítico e sobrenatural. Xaora, foron estas cruces as que mantiveron prendida a memoria subversiva duns acontecementos dos que os familiares das vítimas comezaron a falar cando se foi perdendo o medo, derrubando o muro da impunidade da que gozaron os executores.

Desde 2005, grazas á iniciativa do IEM, afóndase cada ano na recuperación da memoria das vítimas de Baredo e de Sabarís daqueles días de outubro de 1936. Un exercicio de memoria imprescindible para vítimas que reclaman aínda a verdade, a xustiza e a reparación que merecen.

Premiadas

Non obedece a azar ningún que nas últimas semanas catro creadoras galegas foran recoñecidas pola excelencia do seu traballo artístico. Refírome, claro está, á dramaturga Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática pola peza As alumnas (Galaxia, 2022); á poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía polo libro de poemas Materia (Xerais, 2022); á catedrática e directora de cine Margarita Ledo Andión, Premio Luís Porteiro Garea en recoñecemento ao seu traballo a prol da promoción e uso do galego na universidade; e á cineasta Jaione Camborda, Cuncha de Ouro do 71º Festival de Cine de Donostia polo filme O corno, protagonizado de forma brillante por Janet Novás. Unha proeza política e cultural destas mulleres arrichadas que co talento e afouteza da súa ollada superaron as convencións establecidas polo patriarcado, abordando temas transformadores ou rescatando memorias ocultas de mulleres rebeldes, por ventura, hoxe referentes. Velaí a reivindicación da mestra María Barbeito, símbolo da escola igualitaria da República, protagonista da obra de Carballeira. Velaquí os claroscuros da renuncia á maternidade e o diálogo coa memoria familiar e colectiva da proposta poética de Castaño, incansable activista da dignificación da nosa escrita. Eis a que definiu María Reimóndez como «experiencia visual» íntima e conmovedora de Camborda na procura do esencial das persoas, na que lonxe das olladas masculinas os corpos das mulleres expresan máis cas súas palabras a liberdade das súas escollas e renuncias. Propostas artísticas, como a de Ledo, nas que o emprego da lingua galega se constitúe en eixo normalizador, rachando cos prexuízos e superando barreiras, o que as converte en referentes para as súas artes como para os propios públicos. Beizón para as nosas premiadas tanto polos seus logros e fitos artísticos como polo comprometido das súas olladas e, o que creo tamén moi valioso, pola comunidade alternativa de lectoras e espectadoras que constrúen coas súas obras.

Publicado en Nós diario: 11/10/2023

Lembrando «A Pizarra»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a publicación hai corenta anos do primeiro número d’ «A Pizarra», o semanario de educación de Faro de Vigo

O 5 de outubro de 1983 apareceu “A Pizarra”, o semanario de educación de Faro de Vigo, coordinado polo xornalista José Antonio Perozo, que contaba co consello asesor dos pedagogos e educadores Antón Costa Rico, Manuel Janeiro, Antón Lamapereira, Rafael Ojea e Miguel Vázquez Freire. Catro páxinas de temática educativa, a maior parte en lingua galega, que se publicarían de forma ininterrompida ao longo de case catro cursos (do 1983-84 ao 1986-87), que tras 141 números puxeron o seu ramo o 6 de xaneiro de 1987 cun número excepcional dedicado a contos de nadal e reis, asinados por Xabier Docampo (“Os xoguetes vellos”), Michel Tournier (“A mamá Noel”), Pere Calders (“Noite queda”) e Alberto Avendaño (“Sol pasou o Nadal na casa”), elenco literario excepcional daquel inquedo Faro de Vigo dirixido en tempos de Reconversión e da Movida por Francisco Armesto Faginas.

No seu número alboral, os promotores confesaban a súa intención de «contribuír ao progreso do ensino moderno, achegando un órgano de debate no ámbito educacional», até entón inexistente na prensa diaria galega. Vontade de servir ao ensino en Galicia e de contribuír «a potenciación dos caracteres diferenciais deste na nosa terra», nun momento no que a Xunta completaba as súas transferencias educativas, o Parlamento de Galicia aprobaba a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, o concello de Vigo montaba o seu Departamento de Educación e comezaban a súa andaina os movementos de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega e a Asociación Sociopedagóxica Galega. Primeiro número no que centraba a súa atención, toda unha declaración de intencións, na situación das escolas de verán, os encontros de ensinantes, que constituían unha forma de reciclaxe e formación do profesorado, cando non a proporcionaba a Consellaría de Educación.

Completaban as páxinas interiores da primeira entrega un anaquel de novidades bibliográficas de temática educativa e de literatura infantil e xuvenil, ademais de dúas entrevistas, a primeira a Carlos Herans, responsable da área de expresión dramática do movemento Acción Educativa de Madrid, a outra a Xosé Martínez Blanco sobre a anovación no ensino das matemáticas. Pechaba o semanario a que se convertería nunha das seccións máis emblemáticas, “Viaxe polos colexios galegos”, dedicada ao Colexio Emilia Pardo Bazán (Chouzo), do que era entón director Manuel Garrido González. Repasar os datos da ficha técnica do centro e a entrevista co equipo directivo –1.600 alumnos e alumnas, 48 profesores e profesoras, de 32 a 38 alumnos por aula, 44 aulas, 12 fóra do colexio, das que oito estaban instaladas de forma provisional– amosa a mellora das cifras do sistema educativo nestas catro décadas.

“A Pizarra” tiña o seu “deciamos onte…” naquela “Página Pedagógica”, voceiro da Asociación Provincial de Maestros Nacionales, que dende o 6 de marzo de 1926 publicaba tamén Faro de Vigo coa intención de alertar sobre a indiferenza social e política das cuestións educativas e reclamar melloras nas escolas. Páxina que dende o 12 de outubro de 1927 aparece como “La enseñanza y los maestros”, nova sección educativa de El Pueblo Gallego. Páxinas as dúas nas que deixou a súa marca, coa súa sinatura e sen ela, Apolinar Torres, o mestre socialista mártir, fusilado o 27 de agosto de 1936, que para Antón Costa Rico converteu estes espazos xornalísticos de información educativa en «voceiro oficioso do movemento internacional da Escola Nova en Galicia e medio de difusión das súas innovacións e realizacións». Sección escrita no seu conxunto en castelán, mais que acolleu algúns textos escritos en galego por profesores vinculados co galeguismo político e cultural.

E non podemos rematar esta lembranza d’ “A Pizarra” sen citar aqueloutras catro páxinas en galego d’ “O Pizarrín”, un espazo dirixido ás crianzas, un semanario lúdico utilizable tanto na escola como na familia, publicación infantil en galego, como foran «As Roladas. Folla dos rapaciños galegos» (1922), e máis recentemente «Axóuxere» suplemento de La Región (1974-1975) e a revista Vagalume (1975-78). Primeiro “O Pizarrín” que ofrecía na sección O faiado de Francisco Santomé a construción dun barco de vela con materiais de refugallo, na de Tesouros novos e vellos a recuperación do conto de «Gatipedro» de Álvaro Cunqueiro, así como a primeira páxina d’ As aventuras dun neno galego, cómic de Xesús Franco e debuxos de Bofill, que se publicaría ao longo do primeiro curso e a sección A Trabe de ouro de Ramona Trabazo dedicada á natureza. Como en números posteriores terían entrada a construción de títeres de Eduardo A. Rodríguez Cunha “Tatán”, o cómic No corral de Don Mundo de Pepe Carreiro ou a sección Mareira na bañeira de Severino Gestoso, ademais da recomendación dun libro infantil. Unha regalía.

 

Situación crítica

En nove xornadas, un cuarto do campionato, o Celta de Luis Campos e Rafael Benítez está en situación crítica, con seis puntos de vinte e sete posibles (apenas un 22 %), puntuación que, se non muda decontado a tendencia estatística, agoira un claro descenso na tempada do Centenario. Doenza grave que xa non poden agochar nin as queixas do adestrador tras os fracasos dos partidos, unhas veces polas arbitraxes do VAR outras pola composición do cadro de xogadores, agardando xa polo mercado de inverno, nin as apelacións ao baixo estado de forma de determinados futbolistas, que aparecen e desaparecen no once inicial sen aparente xustificación táctica, nin sequera aos caprichos da deusa Fortuna que ate o serán de onte nos negaba o gol en Balaídos. Por máis doses de paciencia e de padecer celtista que asuma estoicamente a bancada celeste, que son moi elevadas, este Celta de Campos e Benítez non semella ter un fácil amaño, como puxo en evidencia o Xetafe de Bordelás, probablemente o equipo máis antipático da categoría para as afeccións rivais, mais tamén un dos que mellor compite cos recursos cos que conta.

Non foi o de onte un partido do Celta tan penoso como o do empate co Deportivo Alavés e o da derrota no Insular no derradeiro minuto, mais continuou sendo moi decepcionante a súa asombrosa insuficiencia defensiva (os dous goles dos visitantes foron as súas dúas chegadas á porta de Iván, nin unha máis) e a súa incapacidade de superar a un rival en inferioridade numérica dende o minuto trinta da primeira metade. Porén, todo hai que dicilo non mellorou moito a xestión de Benítez dende a banda, tanto pola ausencia no once inicial de Pepiño Aidoo (con diferenza, o noso mellor central) como pola incorporación de Douvikas (o dianteiro con máis gol) faltando só cinco minutos e co rival pechado con sete chaves diante da súa porta. Inexplicable se pretendes conseguir a primeira vitoria (despois de catro fracasos consecutivos) diante da túa afección, que ben a merece. Como tampouco foi para botar foguetes o resultado da mudanza de esquema abandonando o de cinco defensas polo clásico 4-4-2, que pillou desorientados aos dous centrais celestes no segundo minuto de xogo no que Mayoral adiantou aos de Bordalás.

Certo é que o Celta incrementou a súa produción ofensiva de forma notable, tanto durante a tolería da primeira metade como durante a segunda, sobre todo, desde a incorporación no 59’ de Hugo Sotelo que revolucionou o xogo coa súa dispoñibilidade, outorgando fluidez e propoñendo continuidade ao ataque, unha das mellores noticias do encontro. Como excelentes foron tamén as actuacións de Bamba, que no 24’ empatou por vez primeira e abriu a estatística da tempada, tras unha transición trepidante con Luca de la Torre, e a de Larsen, cun gol magnífico no 43’, nivelando definitivamente o marcador, dianteiro que mellora en cada encontro. Xaora, non tivo fortuna onte Iago Aspas, o máis frouxo dos nosos canteiráns, fose por estrelar no pau un penalti antes de transcorrido o primeiro cuarto, fose por desaproveitar outro par de remates claros na área pequena. Outra actuación moi voluntariosa e tenaz do Mago de Moaña, que agardamos poida recuperar decontado o éxito diante da porta que se lle nega desde a fin da tempada anterior, o que axudaría, como sucedeu tantas outras veces nesta década prodixiosa, a sacar ao Celta deste baixón que padece.

E como pode saír o Celta desta situación tan comprometida despois da parada desta semana? Sabemos que Benítez solicita paciencia agardando que se xeneralicen as cousas que o equipo fai ben, sobre todo en ataque, cando comezan a chegar os goles. Non ofrece, pola contra, receitas para mudar unha fraxilidade defensiva endémica, tanto con catro como con cinco defensas, nin tampouco para un centro do campo inerme e falto de dirección. Sairemos das posicións de descenso en canto o Mago Iago vexa porta? Poderá agardar a dirección deportiva e o adestrador para tapar as vergonzas das súas xestións polo mercado de inverno, onde non sería unha tolaría que o Celta mesmo perdese a algún dos seus mellores efectivos, como xa se fala nas redes? Chegará o adestrador a gozar da prodixiosa iluminación de Nadal da cidade da oliveira de cen anos? Non o ten doado a futura presidenta Marián Mouriño para afrontar a súa primeira crise deportiva.

Publicado en Faro de Vigo: 09/10/2023

Catálogo galego

Das cifras sobre a edición en galego, que presentei a pasada semana no XX Simposio o Libro e a Lectura da AGE, salientei tres que retratan o noso sector editorial nas últimas catro décadas. A primeira: os 16.600 títulos que en 2021 conformaban o catálogo do libro galego, cifra cinco veces superior á de hai trinta anos. A segunda: o 12,00 % como cota media do libro en galego no mercado do libro en Galicia, que se mantén con moi lixeiras flutuacións nas últimas dúas décadas. E a terceira: o millón e medio de euros que as editoras pagan cada ano en dereitos de autoría, cantidade, como a da facturación, entre os 15 e os 20 millóns, estable nos tres últimos lustros. Cifras que poderían completarse con outras significativas, sobre todo as referidas ao volume de edición e facturación por tipos de edición, que sitúan despois da pandemia á Literatura Infantil e Xuvenil como primeiro sector e á Literatura en continuo crecemento. Números que retratan o esforzo conxunto das editoras galegas (arredor das corenta empresas) por construír un catálogo colectivo amplo e atractivo, no marco da irrenunciable profesionalización dun sector con importantes problemas de visibilidade e autoestima. Sei que dos títulos do catálogo hai máis de 8.000 impresos dispoñibles nas librarías dixitais e outro milleiro en formato epub, atendendo ao proceso de hibridación, o que constitúe un éxito colectivo da sociedade lectora en galego. Non obstante, están cifras non poden ocultar as dificultades de sostibilidade dun sector con tiradas medias moi baixas e vendas cativas, que obrigan, non o esquezamos, a extremar o rigor e a austeridade na xestión das editoras e a necesidade para facer posible a súa continuidade de que sexan rendibles. O que é tarefa moi difícil nun mercado reducido a 180 librarías activas nun país carente dun plan de lectura e dunhas achegas públicas dignas para as súas creadoras literarias e para as empresas dunha cadea de valor considerada estratéxica para Galicia desde 2006.

Pubicado en Nós diario: 04/10/2023