35 % LIX

Ás portas da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) cómpre salientar que a LIX é o primeiro piar da edición en galego, xa que en 2021 supuxo o 35 % da facturación do sector (5,8 millóns de euros), o 36 % dos títulos publicados en galego polas editoras da AGE (278) e o 33 % do catálogo dispoñible en galego nas librarías (5.466 títulos). Cifras que amosan un crecemento sostido e continuidade da súa dependencia da rede de distribución escolar. Consolidación á que non foi allea a diversificación e excelencia dun catálogo que ofrece tanto álbums e libros ilustrados de xéneros, temáticas e formatos diversos, como lecturas de ficción nas clásicas coleccións graduadas das editoras xeralistas (Merlín, Sopa de libros, Árbore, Meiga Moira, Oqueleo, Fóra de Xogo, Costa Oeste…), recomendadas nos centros escolares e apoiadas pola presenza de autores e autoras ou espectáculos de mediación. Oferta alentada dende hai anos por editoras con vontade de especializarse en LIX, como Kalandraka e OQO, fenómeno emulado nos últimos pola aparición de novas editoras ou selos con semellante vontade, como Bulubú, Triqueta verde, Patas de peixe, Cuarto de inverno, Aira editorial ou Verdemar, entre outras. Anovación que detectamos tamén no catálogo de autorías e de obras premiadas nos concursos para textos inéditos, como na ampliación do interese da maior parte das editoras polo libro de non ficción e polo cómic e banda deseñada. Xaora, a chave do sector infantil e xuvenil galego continúan estando na súa capacidade para ofrecer lecturas valiosas e atractivas en galego que contribúan dende as primeiras idades á formación dun lectorado que en contadas ocasións a emprega de forma habitual. Con todo, o futuro da nosa LIX pasa por unha atención preferente ao lectorado neofalante como á formación do lectorado literario adolescente, tarefas nas que editoras, autorías e instancias mediadoras (bibliotecarias e profesorado) deben compartir unha estratexia entusiasta.

Publicado en Nós diario: 29/03/2023

Reconquista, mito fundacional da cidade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao carácter da Reconquista como mito fundacional da cidade de Vigo:

Unha das razóns polas que a batalla da Reconquista comezada ás oito e media da noite do 27 de marzo de 1809 é o mito fundacional da cidade de Vigo foi o seu carácter de rebelión de multitudes organizadas saldada cun número reducido de vítimas, tanto por parte da veciñanza e da Milicia Honrada viguesas e doutras milicias das terras do Fragoso, como das forzas das fragatas inglesas Lively e Venus, que entraran na ría o 23 de marzo e permaneceron á espreita no peirao do Berbés, e dos 1.300 invasores franceses expulsados da vila amurallada despois de 56 días de ocupación.

No combate decisivo por abrir a porta da Gamboa morreron sete dos valentes voluntarios vigueses, abatidos pola fusilaría francesa, entre os que estaba un vello mariñeiro do Berbés, que a trataba de romper a machadazos e a quen Rodríguez Elías identificou como un tal José Ovelleiro e despois Álvarez Blázquez bautizaría como Carolo. Nome que en realidade é un mito, como tamén o da valente Aurora, cos que os vigueses e viguesas anónimos, artífices da liberación, reivindicaron o seu papel, por riba dos méritos que logo a historia repartiría entre cregos como Juan Rosendo Arias Enríquez, abade de Valadares, ou Frei Andrés de Villageliú, morgados como Joaquín Tenreiro Montenegro e Cayetano Prada, alcalde do Fragoso, e militares como Bernardo González del Valle “Cachamuíña”, que recibiu tres balazos nunha perna cando recolleu a machada de Carolo, o tenente do exército portugués João Batista Almeida ou Pablo Morillo, un mal becho que regresaría á cidade en 1823 para sufocar o levantamento liberal.

Un relato do que tamén forma parte como antecedente a emboscada que os mariñeiros do Berbés, do Areal e Coia fixeran o 30 de maio de 1808 á Atlas do inocente capitán Rolland, fragata francesa que ostentaba a aguia de ouro de Napoleón, que o propio emperador regalara  ao navío en 1805, valioso estandarte, mostra da afouteza viguesa que na actualidade forma parte dos fondos do Museo Naval de Madrid. Como tamén o tráxico episodio sucedido o 20 de marzo de 1809 na taberna de Xoana Rial, situada nun dos extremos do canellón do Xuanelo, recreado por Pedro Feijoo no novela Os fillos do lume (Xerais 2017), no que tres soldados franceses asasinaron cos seus fusís e baionetas a tres vigueses humildes, Joaquín Silva, Antonio Salgado e o mociño Juan Antonio Salgado, criado dun chocolateiro, para logo enterralos baixo a area da praia do cabo da Laxe. Crime, que diante das protestas do alcalde Vázquez Varela levou a Chalot, gobernador daquel Vigo ocupado, a prometer xustiza contra os seus propios soldados.

Grave episodio que, segundo o historiador Eduardo Rolland no seu libro Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009), formou parte da apaixonante partida de estratexia que xogaron o coronel Jacques Antoine Chalot, un condecorado e brillante militar do exército de Napoleón, e Francisco Javier Vázquez Varela, o alcalde e xuíz da vila de Vigo, que asumiu unha intelixente estratexia de desgaste formulando ao ocupante todo tipo de queixas, ao tempo que organizaba a resistencia, recollida nas súas memorias, un dos documentos de referencia sobre o acontecido naqueles días. Varela, considerado o mellor alcalde de Vigo da historia, mandou taponar as fontes da vila para privar de auga ao exército ocupante, agochar os víveres e facer desaparecer a forraxe, tratando de impedir a alimentación dos cabalos dos franceses, ao tempo que estableceu unha rede de comunicacións de entrada e saída da vila, na que participaron os freires franciscanos, que serviu para o intercambio de municións e mensaxes.

Como non pode esquecerse neste relato a negociación da capitulación entre Chalot e Morillo a bordo dunha das fragatas inglesas ou enigmas como os do paradoiro descoñecido do botafumeiro saqueado na catedral, cando pasaron por Compostela as tropas do exército de Napoleón, as mesmas que entraron en Vigo o 1 de febreiro ao mando do xeneral Jean Baptiste Franceschi, ou como tras a liberación se xestionou o contido do furgón no que ía o tesouro francés,  tanto as riquezas acumuladas como a caixa do exército, onde viaxaba o diñeiro para pagar os soldados e soster as tropas durante a campaña.

Sen esquecer as consecuencias políticas ás que a Reconquista deu pé, o recoñecemento de Vigo como porto franco para as embarcacións inglesas e a declaración o 27 de outubro de 1810 como cidade fiel, leal e valorosa.  E o que sería aínda máis relevante, desde agosto de 1811, tras a desaparición dos señoríos, a deixar de formar parte do dominio do arcebispo de Santiago. O que suporá a desaparición da vieira no seu escudo, incorporándose a oliveira que medraba no adro da Colexiata. Daquela a cidade, moi minguada económica e comercialmente pola guerra, comezaba con apenas 2.500 habitantes a súa andaina no século XIX.

Os tardeiros

Unha das novelas recentes en galego que máis me interesaron foi Os tardeiros (Hugin e Munin 2022), a tradución que Alejandro Tobar preparou de Latecomers (1988) de Anita Brookner, considerada unha das mellores autoras inglesas de todos os tempos. Unha novela río na que predomina o estilo descritivo para relatar as vidas paralelas de Hartmann e Fibich, dous amigos orfos de orixe xudía que xestionan de forma moi diferente a memoria da perda das súas familias cando fuxiron de nenos da Alemaña nazi para instalarse en Londres. Unha narración envolvente, onde apenas aparecen diálogos, na que a londiniense non fai concesións, deixando que sexa o público lector quen se enfronte a unha enguedellante historia principal, apuntalada polas fascinantes subtramas protagonizadas por dúas ducias de personaxes; relatos dos que é parte esencial a súa vida sexual e o mundo de soños e pesadelos. Como ofrece para o goce de quen le, curioso, as descricións detalladas de ambientes, cidades, vivendas, mobiliario, roupas ou comidas (coas que se fai un receitario), e o rescate de obras de arte e pezas literarias. Unha novela, aínda non traducida ao castelán, o que constitúe unha aposta moi de agradecer aos editores de Hugin e Munin, que dende hai unha década levan desenvolvemento un admirable catálogo (xa centenario) de narrativa traducida onde prima a excelencia tanto na escolla dos títulos, na súa tradución e tratamento textual, na impresión e acabado dos libros como na súa comunicación editorial. Unha editora independente que tamén admiramos pola súa continuidade (publica dous títulos por trimestre) e coherencia profesional que levou a que o pasado ano renunciase de forma razoada a presentarse na convocatoria de axudas á tradución da Consellaría de Cultura. Recomendo Os tardeiros, como podería facelo tamén con A curmá Phillis de Elizabeth Garkell, modélicos traballos da edición galega.

Publicado en Nós diario: 22/03/2023

Matria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Matria, a longametraxe de Álvaro Lago protagonizada por María Vázquez:

O 25 de novembro de 1989 estreouse no cine Fraga Sempre Xonxa, a primeira longametraxe de Chano Piñeiro, tamén a primeira rodada en 35 mm do cinema galego e durante case tres décadas o filme en galego máis visto da historia. Estrea que formaba parte de Cinegalicia, nacido en Vigo coa vontade de ser o grande festival de cinema en Galicia, aínda que despois quedase nunha única edición na que tamén se estrearon outras dúas películas en galego, Urxa de Carlos A. López Piñeiro e Continental de Xavier Villaverde. Sesión recordada decote por Uxía Blanco, a Xonxa da fita do chorado boticario de Torrecedeira, hoxe concelleira viguesa de Muller e Normalización Lingüística, por aquel aplauso de quince minutos da platea en pé do Fraga, que serviu de adral da fantasía colectiva que procura dende entón facer cinema en Galicia e na lingua nosa. Acontecemento xeracional que Uxía Blanco lembrou no pase privado en Vigo de Matria, a película do director vigués Álvaro Gago, protagonizada por María Vázquez, tamén unha das rapaciñas do elenco infantil de Sempre Xonxa, que perseguía bolboretas tras Caladiño, serendipia afortunada que pecha o círculo iniciado polo soño cinematográfico amador de Piñeiro co trazado agora pola profesionalidade de Gago, que entón contaba apenas con tres anos.

Despois de máis de tres décadas, o cineasta vigués, que regresou ao país despois de formarse en teatro en Chicago e ampliar estudos de cinema na London Film School, presentou Matria, a súa primeira longametraxe na pasada Berlinale, na sección Panorama, e a súa protagonista María Vázquez, obtivo a Biznaga de prata á mellor interpretación feminina no Festival de Málaga, recoñecementos que aventuran unha grande acollida do público na súa estrea a vindeira fin de semana. Proxecto que Gago iniciara en formato curtametraxe cunha peza homónima de 21 minutos, dedicada e protagonizada por Francisca Iglesias Bouzón, actriz non profesional, a muller que coidara ao seu avó despois de quedar viúvo, premiada polos xurados dos festivais de Sundance, Cans e Seminci, como do Premio da Crítica de Galicia de 2018 de Cine e Artes Audiovisuais, que entón destacara que Gago «asumía o risco narrativo de fusionar a ficción cos recursos documentais coa intención de deitar unha ollada que desmitificase o mito do matriarcado galego». Continuidade dun proxecto narrativo, agora de 90 minutos, protagonizado tamén por Ramona, esa muller incansable que inmersa na precariedade laboral intenta sobrevivir nunha vila do Salnés como mellor pode.

Conservando os vimbios temáticos da curta, aos que se incorporan, entre outras novidades, a conflitiva relación interxeracional e de desapego coa filla cando a moza procura o seu camiño vital, a sororidade coas amigas pendentes do teléfono (marabilloso o cameo de Francisca Iglesias como responsable do bar) ou o acougo da relación co señor Pepe e co seu can, a interpretación monumental de María Vázquez, no papel dunha Ramona renacida unha década máis nova, sostén todo o urdime narrativo, sendo capaz de hipnotizar e emocionar ao público apenas coa súa presenza tan permanente como trepidante na pantalla. Gago, Vázquez e Catoira, directora de fotografía, que utiliza un estilo sobrio e intuitivo, moi próximo ao  documental, ofrecen un retrato memorable dunha muller brava, dunha antiheroína que bulindo sen parar dun traballo a outro, sempre mal pagado, se ocupa dos coidados das outras persoas pero esquece os dela mesma. Unha narración cativadora e abraiante, concibida para facer visible o traballo oculto das mulleres da conserva e dos frigoríficos, mariscadoras,  limpadoras ou coidadoras obrigadas a non poder parar nunca. Matria é a traxedia gravada co lume da cotiandade de mulleres invisibles que sofren a precariedade en soidade e soportan a rutina do maltrato.

Consciente do carácter político do seu cine, na liña do dos belgas irmáns Dardenne e dos retratos de clase de Ken Loach, Gago non renuncia nin as sutilezas do humor retranqueiro nin a explorar a ollada da esperanza nun inesquecible plano final, cheo de matices, amosando que o cine é unha arte emocional de proximidade. E como sucedera na curta, Gago conserva a fala dialectal do Corbillón, Vilanova e da illa de Arousa, onde se localiza tamén a longa, sabendo que o retrato de Ramona debía estar tamén definido pola lingua que emprega e por como a emprega. Unha lingua utilizada para definirnos e facernos visibles no mundo, un modelo que agardamos se consolide en todo ese cinema galego indie, cando comeza a abrirse un espazo nos festivais internacionais e nas querenzas de públicos diversos.

Recomendo moi vivamente que acudan ao cine a emocionarse con Matria, que aventuro está chamada a constituír un acontecemento para o noso cine e para a nosa cultura contemporánea.

Bologna

Afagoume ver nas redes que a Asociación Galega de Editoras (AGE), que celebra en 2023 o corenta aniversario, contou con espazo expositivo e de traballo propios no pavillón 29 da Feira Internacional do Libro Infantil de Bologna, que chegou este ano a súa sexaxésima edición, sendo Grecia o convidado de honra. Unha participación custosa para a entidade presidida por Henrique Alvarellos que, ademais das achegas das editoras participantes, contou coa axuda de Cedro. Unha presenza que expresa a vontade das nosas editoras privadas de exportar os seus contidos infantís e xuvenís, cada vez máis coñecidos e mellor valorados no entorno profesional da edición. Unha estratexia de internacionalización consolidada pola Kalandraka de Xosé Ballesteros e Manuela Rodríguez, presente con espazo de seu no pavillón 26, o da edición italiana, que pola excelencia do seu catálogo multilingüe publicado ao longo das dúas últimas décadas conseguiu ser recoñecida como modelo de excelencia e creatividade. Unha estratexia profesional que nada ten que ver coa participación da Xunta de Galicia nestas feiras do libro, enfocada á habitual promoción turística xacobea ou á realización dalgunha acción de propaganda literaria concibida máis para aparecer na axenda informativa galega ca para interesar a editoras e axencias internacionais. A determinación da AGE de presentarse cos seus medios nun espazo reducido en Bologna, como xa fixera en Frankfurt, merece ser recoñecida polo sector cultural galego pola afouteza que isto supón, ao tempo que evidencia a incapacidade e ausencia de empatía da Secretaría Xeral de Cultura para entender as necesidades do sector editorial galego.  Mágoa non contarmos aínda cunha estratexia compartida polo sector público e privado para promover a literatura, a ilustración e o libro galego no mundo. Apenas outra das medidas bosquexadas na Lei do libro e da lectura (2006) tan teimosamente arredada polos responsables da política cultural dos gobernos de Feijoo e Rueda.

Nós diario: 15/03/2023

Adelina blues

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao peche da tenda de Adelina Álvarez da rúa Pi e Margall 59:

Mañá pecha a tenda de Adelina de Pi e Margall 59. Tito decidiu xubilarse e pechar o establecemento que en 1949 abrira a súa nai Adelina Álvarez para a venda de ultramariños e a distribución de carbón. O carteliño co anuncio deste peche no escaparate funcionou como a chave do recordo que abriu o depósito da memoria daqueles días de infancia do que considero o meu barrio, o comezo da rúa Pi e Margall, dende o Paseo de Afonso e o Barrio do Cura á curva das Carmelitas e do colexio Alemán. E decontado recuperei as imaxes do bulir eléctrico daquela muller baixiña e a súa simpatía para recibirme cun agarimoso «que queres, Manolito?» nalgúns dos recados de última hora que me encargaba facer miña nai. Como lembrei a figura do seu home co seu camión repartindo o carbón que se consumía nalgunhas casas. E a tenda, tamén vivenda familiar, ateigada de mercadorías, onde se reenchían as botellas de aceite e de lixivia e as lentellas, garavanzos ou fariña se vendían en cartuchos.

A de Adelina era unha tenda onde se fiaba e se apuntaba na libreta para pagar a comezo de mes, axuda financeira que naqueles días difíciles para as familias humildes e numerosas como a nosa ofrecían tamén outras tendas do barrio, como a do meu admirado Ramón, diante da casa nosa, mais tamén na de Julia e na Aldea, ao pé da calella das Angustias, que sempre recendía a arenques e se convertería no primeiro Spar do barrio. Co anuncio de Tito, un dos grandes deportistas do barrio, dos que saía a correr de madrugada, despois dos traslados forzosos da pastelaría Ramos a Teis, que para a avoa sempre sería As tres luces, e do forno do Barrio do Cura do señor Domingos á zona do Calvario, coa excepcións do estanco de Maruja, de Televisores Iglesias, da moblaría e da fontanaría de Carlos García, desapareceron xa case todos os establecementos, tendas, almacéns e talleres, como da maioría das vivendas centenarias, entre elas da nosa, do primitivo camiño de Baiona, o que foi o espazo da nosa infancia. Unha desfeita que converteu aquel barrio noutrora cheo de actividade comercial e vital nun lugar alleo para min, mais cuxas pegadas deixaron rastros na memoria que por ventura podo compartir coa miña nai, coa miña compañeira e cos meus irmáns e irmás.

E a lista de perdas é longa. Desapareceu o portal de lambonadas de La viejita, onde mercabamos pipas e chicles Bazoka, logo cando morreu, chamada de Rosita, pegadiño ao colexio das Carmelitas, onde a irmá Lidia me ensinou a ler e a escribir e a non perder nunca a curiosidade. Desapareceron a farmacia, a mercería, a panadaría La Oliva, que estaba a carón da igrexa protestante (hoxe reformada, cuxa existencia nos alertaba sobre a existencia doutro mundo) e a carnicería de Concha, unha pobre muller que daquela perdeu unha man na picadora, o acontecemento máis tráxico e inesquecible da miña nenez. Desapareceron a drogaría de don Cayetano, onde descubrín tantos cheiros e recendos marabillosos e o obradoiro do zapateiro, ao pé das escaleiras que baixaban a Pescadores, diante da axencia Fábregas, unha funeraria, que me metía moito medo. Desapareceron os bares todos, La Cosechera, o Barajero, o Mascato, a Taberna de Armando das Angustias e o Bar Madrid, onde cada venres botabamos a quiniela.

Desapareceron a tenda de cafeteiras Faema, a das máquinas de oficina, o taller de don Ángel das máquinas de coser, a ferraxaría industrial de Sanmartín, a garaxe, a barbería, a imprenta Olimpia e a Libraría Almoneda, situada a carón da docería, onde vendían libros antigos e onde logo souben que tiña a súa sede Edicións Castrelos, que rexía un gran poeta e cronista da nosa cidade, chamado Xosé María Álvarez Blázquez. Desapareceu o Colexio Alemán, onde estudaban algúns dos meus veciños. Como coa fin de ano de 1968 desapareceron os tranvías e unha noite de verán, de moita calor, do ano seguinte, cubriron as vías de piche, enterrando para sempre o punto que os Siboney (así chamaba a amiña avoa Filo aos tranvías) daban antes de chegar á perigosa curva das Carmelitas.

A maior parte dos baixos deste treito de Pi e Margall están baleiros e a pesar das novas construcións que renovaron a veciñanza hai ben poucos comercios de proximidade abertos, o que amosa tanto os efectos dunha década de crises e mudanzas nos hábitos de consumo como a implantación das cadeas de distribución. Unha degradación que ten a súa orixe, dende hai dúas décadas, na posta en marcha dunha actuación urbanística no Barrio do Cura, que máis alá do espazo previsto foi contaxiando o abandono e marxinalización a Romil e Falperra, pendentes dende hai tres da conservación integral da Panificadora, mentres se foi arruinando. Unha situación que pode agravarse se tras o derrube das vivendas da rúa Llorente, o proxecto da construción de vivendas e espazos comerciais comeza a emitir sinais dunha nova paralización.

Reviravolta

Nun partido práctico e moi sobrio fronte a un excelente Rayo Vallecano o profesor Carvalhal consolidou a reviravolta que dende a súa chegada arelaba para o Celta, esa volta lixeira sobre si mesma tan característica da nosa muiñeira. E Carvalhal está conseguindo amodiño os resultados que na tempada do centenario reorientan ao seu equipo na táboa, cada vez máis afastado das posicións de descenso e un pouco máis próximas ás aspiracións europeas. Mais tamén unha reviravolta que recupera a fiabilidade competitiva dun equipo que acredita unha solidez defensiva envexable, capaz nos tres últimos partidos de manter a porta a cero, cunha capacidade goleadora e produtora de xogo atacante explosiva, cun balance de seis goles nos dous partidos máis recentes na casa. Números óptimos o do adestrador bracarense que comezan a tranquilizar a unha bancada que nos minutos finais do partido de onte, a pesar da súa contención, entoou a rianxeira e o miudiño, amosando unha ledicia que hai meses non se gozaba na terra das abeleiras.

E reviravolta foi tamén a que en dous minutos máxicos, o 50 e 51, cando máis apertaban a Iván Villar os de Iraola, deu o Celta a un partido até entón moi igualado, controlado en boa medida polos vallecanos que souberon suxeitar no medio campo a Gabri Veiga, o xogador que concita todas as olladas. Minutos de presión na área celeste cos que o Raio saíu con todo na continuación, dispoñendo de dúas claras ocasións, incluída unha de Raúl de Tomas ao pao co cérbero de Aldán vencido. Afogo do que o Celta saíu como mellor sabe con Carvalhal, abríndose polas bandas e correndo, desta volta cun rapidísimo Javi Galán que conduciu pola esquerda para enviar a pelota rasa á área onde Aspas a cruzou ao pao longo. Un gol de alta escola do merlín de Moaña, que até entón aparecera dunha forma algo imprecisa no encontro, quizais anoxado dende o minuto de inicio do partido por non ter finalizado na rede un balón mallado de Gabri Veiga, outro dos destacados celestes de onte. Mais cando na bancada se festexaba o golazo de Aspas, Seferovic conduciu outra galopada, esta vez pola dereita, disparando sobre o porteiro, que afastou a pelota con tan mala fortuna que chocou nun dos defensas levándoa as redes. Un segundo tanto que veu coa emoción da revisión devagariño do VAR, o que finalmente fixo estourar a bancada.

Como sucedera na primeira parte, os de Iraola co marcador en tan clara desvantaxe e con máis de media hora por diante, non perderon fe nas súas posibilidades. E así Raúl de Tomas volveu a probar a Iván, cada vez máis seguro, levando outro balón ao longueiro, o que non intimidou ao gardarredes celeste cada vez máis decidido, mesmo nos númerosos saques de recanto cos que os vallecanos procuraron furalo. Mais como xa sucedera diante do Valladolid, os de Carvalhal souberon xestionar con orde e con dedicación nas axudas o novo abafo, do que o Celta saíu no 85´cunha nova xenialidade de Aspas capaz de aproveitar un esvarón de Tejo e encarar velozmente a Dimitrievski cunha vaselina artística, outro golazo de moitos quilates do astro celeste, que con 11 tantos iguala a Joselu, tamén canteirán celeste como o bético Borja Iglesias, na cabeza dos goleadores que disputan o Zarra. E con semellante marcador, os de Carvalhal non perderon a concentración para manter a porta a cero, e mellorar o seu saldo xeral entre goles obtidos e encaixados. Un balance que puideron mellorar no 87’ tras unha excelente condución de Larsen que xutou sobre o pao longo onde non chegou por ben pouco Cervi, que como o noruegués se incorporara minutos antes para refrescar ao equipo.

Tras esta nova vitoria e unha actuación tan solvente de todas liñas, na que salientou a brillantez defensiva e a definición do merlín de Moaña, o Celta pode enxergar con maior tranquilidade o seu obxectivo principal de manter a categoría. Con todo, se mantén o nivel das recentes xornadas, sobre todo en Balaídos, nunha liga tan igualada podería aspirar a soñar. Mais coñecendo de onde vimos, iso non toca polo momento.

Faro de Vigo 12/03/2023

Coches amarelos

Recomendo Non temerás os coches amarelos (Xerais 2023), a obra coa que a xornalista Marta Villar debuta na narrativa galega. Unha novela de lectura engaiolante, unha alegación rotunda contra o machismo e o catálogo das súas violencias, como a prol da autodefensa feminista e a cultura da sororidade, sen menoscabo dun retrato fiel do actual xornalismo impreso protagonizado por profesionais que comparten a cultura tradicional coas formas de vida urbanas hibridadas pola cultura dixital globalizada. Novela de intriga de rexistro realista e coidada arquitectura, escrita cunha magnífica prosa culta e fluída, esculca na raíz familiar das violencias como determinantes para explicalas e erradicalas, como lle sucede a Dina e a súa amiga Sandra, unidas por unha sororidade inquebrantable urdida en días tráxicos da infancia nos que xuraron que xamais serían vítimas. Un relato, tamén, sobre o que semella tránsito imposible da Galicia rural actual, esgazada por unha fenda xeracional que impide o relevo das explotacións agrarias, como sobre as memorias familiares que derrotaron as xeracións das persoas maiores, fosen os anos do volframio e do estraperlo ou os días de fartura nas plataformas do Mar do Norte. Unha diversidade temática abordada dende a ollada dun xornalismo resistente, no que aínda é posible a denuncia das corruptelas inmobiliarias de mangantes e poderosos, o que non impide á narradora desenvolver outras historias de vida, incluídas as dun amor non posesivo, e algunhas homenaxes literarias, como o tributo emocionante a Montalbán. Un debut espectacular o de Marta Villar, narradora que chega cun estilo maduro e afouteza abonda, que nos lembra a outras irrupcións extraordinarias de autoras hoxe referenciais como a Teresa Moure d’ A xeira das árbores (2004) ou a María Reimóndez d’ O club da calceta (2006), coas que probablemente compartirá comunidades de lectoras.

Publicado en Nós diario 08-03-2023

Saída sur e tren de proximidade

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á saída sur ferroviaria de Vigo:

Coñecemos a pasada semana, como xa sucedera en 2007 e 2012, un novo estudo encargado polo Ministerio de Transportes sobre as alternativas da saída sur ferroviaria de Vigo. Unha infraestrutura estratéxica para o Vigo e a eurorrexión Galicia e Norte de Portugal da metade do século XXI que convertería a Urzaiz en estación tránsito permitindo a continuidade do Eixo Atlántico de Alta Velocidade (AV) entre Galicia e Portugal. Unha solución complexa de enxeñaría que uniría en seis ou sete minutos Urzaiz (onde se concentrarían todos os servizos ferroviarios vigueses) e o Polígono das Gándaras (a seguir até a Plisan), para a que, segundo expón o xornalista Víctor P. Currás nas páxinas de Faro de Vigo, sempre atentas a esta cuestión, existirían dúas alternativas: a conexión sur, en dobre vía seguindo o corredor de Sárdoma, baixo o monte de Puxeiros; a norte, case paralela á A-55, cun 30 % do trazado en vía única. Trazados nunha porcentaxe en túnel superior ao 84 %, condicionados pola posibilidade da construción da variante por Cerdedo, polo Tea ou polo Miño, que uniría Vigo con Ourense, sen necesidade do actual percorrido nas proximidades de Santiago.

Con todo, despois de anos de paralización, coincidindo cos gobernos de Mariano Rajoy, por ilusionante que sexa a reactivación dos estudos sobre a Saída sur, é imposible non ter presente a información que en Faro de Vigo, asinaban o pasado 25 de febreiro Lara Graña e o propio Currás, recollendo o criterio de Adina-Iona Valean, comisaria de Transportes da Unión Europea, para quen a AV entre Vigo e Porto non ten posibilidades realistas de formar parte da chamada “rede básica” da estratexia de rede transeuropea de transporte (RTE-T) que se prevé rematar en 2030. Unha estratexia europea de cohesión e mobilidade sostible, dotada cunha cifra abraiante, 244.000 millóns de euros, e para a que se estableceron, ademais, os horizontes de 2040 para a finalización dos proxectos da denominada como “rede básica ampliada”, onde podía encadrarse a AV galego-portuguesa, e o de 2050 para a nomeada como “rede global”. Noutras palabras, a comisaria romanesa está expresando de forma diplomática que os gobernos español e portugués terán que agardar á segunda rolda da estratexia (na década dos anos trinta) para contar cos 30.000 millóns de euros que precisan para financiar as obras do corredor atlántico.

Anuncio que deixa dunha peza as esperanzas depositadas para a activación pronta das obras da Saída sur, tras o compromiso portugués anunciado en setembro de 2022 polo goberno de Antonio Costa, ratificado pola dimitida secretaria de estado de Transportes, a lucense Isabel Pardo de Vera, que obriga a enxergar con incerteza un horizonte estratéxico afastado a 2040, e o que é aínda máis decepcionante, a asumir que non se contarán con axudas europeas nos calendarios anunciados polos gobernos español e portugués. Como sucede outro tanto coa saída do AVE por Cerdedo, que xa conta con anos de estudos informativos, hidrolóxicos e de impacto ambiental, e os que virán, se nos atemos as previsións dos orzamentos do estado para 2023. Informes que sendo optimistas, no caso de que finalmente se acometese a variante, até agora unha cuestión de fe, non é disparatado aventurar que o inicio das obras sería canto menos a finais destes anos vinte, desenvolvéndose ao longo da década dos 30, coincidindo coas da Saída sur. Calendarios, sempre que o futuro non agoche sorpresas desagradables, que obrigan a confiar apenas que a boa nova do Ministerio de Transportes para Vigo é o compromiso da chegada (por fin!) do AVE a Urzaiz nos trens Avril ao longo deste 2023 ou no comezo de 2024.

Axilizar o calendario da posta en marcha da Saída sur –sabendo que son  poderosos os seus inimigos, partidarios de continuar privilexiando o modelo peninsular radial– require reforzar a rede de complicidades transfronteirizas de ambos os dous gobernos e dos seus concellos e cámaras, sen esquecer neste imprescindible proceso de unidade de acción galego-portuguesa o peso determinante das sociedades civís, entidades empresariais, universidades e forzas sociais de alén e aquén do Miño para defender este proxecto ferroviario para unha eurorrexión de dez millóns de persoas. Sen menoscabo, de que a Xunta de Galicia asuma as competencias de ferrocarril interior e deseñe de vez unha rede de trens de proximidade capaz de conectar cada cidade coa súa área metropolitana ou rexión urbana, proxecto que no caso de Vigo resultaría tan estratéxico como o da propia Saída sur. Forxar dende Vigo, como eixo equidistante de mobilidade deste espazo euroatlántico, este proxecto ferroviario de dúas caras constitúe un reto inaprazable. Mágoa que apenas se cite na actual campaña máis enfocada a polarización e ao espectáculo fotográfico.

Vémonos mañá

Outra das lecturas recentes que recomendo é Vémonos mañá (Xerais 2022), a novela de non ficción de Xosé Monteagudo, que relata a separación inesperada de Josefina Arruti Viaño e Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Unha conmovedora novela política sobre as esperanzas truncadas pola rebelión militar e sobre a represión oculta, ese espeso silencio que sufriron as mulleres durante o interminable franquismo. Retratos de dúas vidas separadas naqueles días de terror nos que todo é real e documentado mais tamén todo é froito das ferramentas da ficción utilizadas coa destreza de ourive coa que adoita traballar o novelista de Moraña. Un xeito moi eficaz de iluminar acontecementos e zonas de sombra protagonizados por Osorio-Tafall, o que fora alcalde de Pontevedra na República, tamén o funcionario español de maior rango nas Nacións Unidas, o mesmo que na Reforma Política renunciou a ser o Tarradellas galego, representando a lexitimidade do Estatuto do 36 como presidente da comisión intermunicipal que o presentou nas Cortes o 17 de xullo de 1936. Como tamén o é para afondar na figura heroica de Josefina Arruti, cuxa historia desvelara Montserrat Fajardo no recomendabilísimo Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), que sufriu meses de cárcere e anos de acoso e estreiteza económica. Unha estratexia narrativa semellante a utilizada por Luis Rei Núñez en O encargo do señor Castelao (2016) e Matarán a Reboiras (2022) ou por Suso de Toro en Un señor elegante (2020). Novelas que amosan as posibilidades da ficción para contribuír á reconstrución de biografías e acontecementos chaves da historia do galeguismo. A narrativa como vía de investigación e achegamento á verdade, como unha forma de xusta reparación das persoas represaliadas e exiliadas, como a parella pontevedresa protagonista desta novela chea de matices e detalles de Xosé Monteagudo.

Publicado en Nós diario 01-03-2023