«Se queres…»

Pasado o día do Cómic (17 de marzo) e ás portas dos días internacionais da Poesía (21) e do Teatro (27), celebramos hoxe o día da Narración Oral, data mundial nacida en Suecia (1991) coa que, coincidindo co equinoccio de primavera, as narradoras orais festexan contando contos a súa profesión, arte e oficio. Organizada en Galicia polos festivais Atlántica e Sete Falares e polo Colectivo Narración Oral Galega, ao longo desta xornada de festa da oralidade desenvolveranse unha chea de funcións en todo o país en bibliotecas, teatros, colexios, centros culturais, residencias de maiores, hospitais ou cárceres coa intención de poñer de relevo o valor inmortal de contar un conto. Un día no que, como salienta Paula Carballeira, redactora do moi fermoso manifesto «Se queres…», estamos convocados todos a regalar boas historias e contalas de xeito que «pareza murmuran na orella xusto o que precisamos para sorrir, coller folgos e asentarnos no mundo e cambialo». Un día para contar a vida coa nosa voz, tamén coa ollada e xestos nosos, mais tamén coa disposición e a empatía de escoitar, abraiarse e sorprenderse cos nobelos dos relatos doutros afáns e pareceres, para celebrar esoutro tesouro da nosa lingua e continuar construíndo memoria e identidade. Lémbrao Michèle Petit no seu ensaio máis recente, Os libros e a beleza (Kalandraka 2024), en excelente tradución de Isabel Soto: «O utilitario nunca nos basta. Quizais sexamos ante todo animais poéticos, posto que os seres humanos levamos máis de 40.000 anos creando obras de arte, moito antes de inventarmos a moeda ou a agricultura». Iso celebramos hogano, o prodixio de contarmos e escoitarmos para dominar a estrañeza da vida e da morte, para procurar a verdade que aniña na cerna do relato. Sabíao o noso amigo Xabier DoCampo: «o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia». Velaí o que festexamos, o amor pola narración tradicional, o amor polo desexo da ficción, o amor polo desexo de contar historias.

Publicado en Nós diario: 20/03/2024

Príncipe con nomes de muller

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a iniciativa de instlar bancos con nomes de muller:

Segundo conta o historiador Juan Miguel González-Alemparte Fernández no libro Os nomes das rúas de Vigo (1640-1945) (Instituto de Estudios Vigueses 2021), un grupo de veciños do comezo da estrada de Castela, trazada a cordel en 1834 atravesando o barrio do Salgueiral, treito primeiro da estrada Vigo-Villacastín (Segovia) entre a Porta do Sol e o lugar do «Ramalillo», solicitaron en 1861 ao concello que se chamase «rúa do Príncipe». Era xa entón un  dos vieiros principais da cidade do que Nicolás Taboada Leal di na súa coñecida historia de Vigo (1840) que no seu tempo xa «se achaba decruado e achandado na súa maior parte». Viario que dúas décadas despois sería o primeiro en pavimentarse fóra das murallas, xusto cando en 1861 se redactou a súa acta de entrega ao concello (coa excepción da fortaleza do Castro) e o comezo das obras da súa demolición. Proposta de inclusión no rueiro vigués dun príncipe que non era outro que Afonso de Borbón, o futuro Afonso XII, fillo primoxénito e herdeiro da raíña Sabela II, nacido o 28 de novembro de 1857. Aprobado pola corporación o 21 de marzo de 1861, o nome sería conservado dende entón agás nos anos da IIª República, cando foi mudado polo de Capitán Galán.

Rúa do Príncipe que a partir de 1870 adquire o carácter de icona do desenvolvemento comercial e urbano de Vigo, reproducida en numerosas cartas postais, polas que nos facemos idea do seu pulo. Alí establecéronse as oficinas do Cable Inglés (1873), o primeiro café que se abriu en Vigo, o Suízo (1875), no que se falaba inglés e alemán, varios colexios, as primeiras oficinas da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Vigo (1880), o Cárcere e Pazo de Xustiza (1881), a primeira oficina telefónica (1889), a sede do Círculo Industrial e Mercantil (1927), ademais de imprentas, librarías, almacéns, tendas de vestiario, ultramarinos e outros establecementos dun amplo tecido comercial moderno e elegante, nunha cidade que comezaba a multiplicarse. Unha rúa na que se estableceron as consultas médicas e as oficinas comerciais dalgúns consignatarios, que co seu esplendor nas primeiras décadas do século XX converteuse na rúa do paseo, no primeiro espazo para ver e ser visto camiñando dende a Porta do Sol a praza do farol de Urzaiz, mesmo a pesar do seu moito tráfico xa que por alí circulaban carros de bois, coches de cabalos e a motor e mesmo o tranvía durante uns anos, até quedar como a primeira rúa peonil.

Carácter de rúa principal que Príncipe nunca perdeu, a pesar de que nas cinco últimas décadas mudou a súa pel comercial, da que hoxe se conserva só a xoiaría de Ramón Fernández e a Academia de Remedios Vivas, substituída por establecementos de cadeas, a semellanza de calquera outra rúa comercial europea. Xaora, cada xeración conserva na súa memoria os nomes desaparecidos da súa rúa do Príncipe, relación iniciada no meu caso pola mercería La Favorita, calzados Chavalín, Kadete, a mercería Amalia, a Papelería Comercial, a Papelería Española, a libraría Barrientos, os almacéns Alfredo Romero, a dozaría as Colonias, os bolsos de Barros, as galerías da Norma, Karina, Esmar, o salón de fotografía de Pacheco, a farmacia de Carrascal, o obradoiro dos prateiros Hernández, o Sport, a xoguetaría Moya, a xoiaría Arosa, a zapataría Layton, a camisaría La Industrial, a Ideal, Fotoclub, Foto Mecánicos, as galerías Olmedo, os almacéns El Príncipe, Carbajo, a cafetaría Flamingo, entre outros que sei cada lectora completará.

Ademais de conservar o seu carácter comercial, ao que se engadiu o Marco (2002) e a sede do Celta de Vigo (2018), Príncipe é hoxe un espazo público e cívico multiusos, onde se celebran as festas de Nadal e frecuentes concentracións, exposicións ou intervencións de rúa. Velaí neste mes de marzo a inauguración dunha acción magnífica: a homenaxe a dezaseis mulleres destacadas das que se amosa a súa biografía nunha placa colocada en cada un dos bancos instalados ao longo de toda a rúa. Unha iniciativa para renomear con nomes de muller este espazo urbano de privilexio, contribuíndo a desvelar as súas biografías e a construír o relato compartido das mulleres na cidade. Escritoras como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Begoña Caamaño, Xela Arias, Xohana Torres e María Xosé Queizán. Pintoras como Mercedes Ruibal e Berta Cáccamo. Pedagogas como Ernestina Otero, Sofía Novoa e Antía Cal. Actrices como Dorotea Bárcena. Deportistas como María Antonina Sanjurjo Aranaz e Susana Rodríguez Gacio. Sindicalistas como Carmen Segurana e María Araújo. En Príncipe están a partir de agora os seus nomes e a memoria das súas vidas, está a súa xenealoxía, os seus afáns, os seus soños e compromisos. Parabéns a Carmela Silva, responsable da área de Igualdade e Consello Municipal da Muller do concello de Vigo, por tan valiosa intervención na memoria da cidade nosa.

Canles 5

A imaxe de Canles 5 (Xerais 1988), o primeiro libro de texto en galego que recibiu o Premio nacional a material didáctico non sexista «Emilia Pardo Bazán» do Ministerio de Educación, lémbrame a retranca coa que Agustín Fernández Paz, director do proxecto xunto con Xosé Lastra Muruais, celebraba o curioso incidente entre a oración principal e a oración subordinada recollido na primeira edición d’ O noso galego 6. Os camiños da comunicación (Xerais 1981) do colectivo Avantar, o primeiro libro de texto aprobado pola comisión mixta Xunta de Galicia e Ministerio de Educación, tamén un dos primeiros de Xerais, que se estreara en 1979 co manual de Matemáticas de 1º de BUP de Vacaloura. Aquela imaxe do crego de pé e o labrego axeonllado, audaz ilustración para representar un contido gramatical, fora sen dúbida outra das brincadeiras do debuxante, o xenial Chichi Campos, un dos talentos do humorismo gráfico galego daquel tempo. Por ventura, a «ilustración sintáctica» recibira só algunhas protestas, mais provocara moitas máis gargalladas nas aulas. Así se facían na década de 1980 aqueles primeiros manuais de galego, dos que apenas existían os precedentes editados da serie «Lúa nova» de Anaya, promovida polo editor Xulián Maure, e «As nosas letras» de Xoán Babarro de Edicións Casals. Un traballo entusiasta e febril, artesanal e militante, co que os dez membros de Avantar da Ferrolterra pretendían «sistematizar o que eran as súas experiencias de aula partindo do coñecemento e cultivo da lingua galega». Entendo que catro décadas despois a aquela edición heroica da primeira serie «O noso galego» acáelle o que Albert Camus acuñara no seu discurso de agradecemento do Nobel: «cada xeración síntese condenada a reformar o mundo». Os membros do colectivo de Avantar, responsables tamén de Canles 5, foron fieis a esa condena: teimaron reformar o ensino por dentro e por fóra, iniciando o camiño da escola en galego e conseguindo a proeza de recuperar as luces da escola das bolboretas da República, prendidas co inicio do período autonómico, como os valores da escola pública galega e os da incorporación da nosa lingua como vehicular no ensino obrigatorio.

Publicado no libro catálogo da exposición Educación, Xénero e Lectura. Conformar, Reformar, Trasnformar, comisariada por Rita Gradaílle Pernas e Antón Costa Rico para o Museo Pedagóxico de Galicia (2024).

Aquí tamén se fala

É esperanzador que douscentos centros de educación secundaria do país enteiro participen na iniciativa de dinamización lingüística protagonizada pola mocidade estudantil e identificada na rede polo cancelo #AQUITAMENSEFALA. Nacida no IES Rafael Dieste da Coruña coa intención de desmontar os prexuízos sobre o uso do galego por parte da mocidade ou sobre a súa utilidade no mundo da empresa, a iniciativa estendeuse coma regueiro de pólvora nas aulas e nas redes, sendo xa 25.000 os mozos e mozas participantes e máis de catro millóns as reproducións das gravacións audiovisuais protagonizadas por valedoras da campaña como Vigo Mortesen, James Rhodes, Tanxugueiras, Jaione Camborda, María Castro, Ses, Ataque Escampe, Grande Amore, Abraham Cupeiro, entre outras moitas referentes culturais e musicais. Cun cancelo que lembra ao adhesivo «Aquí tamén atendemos en galego», distribuído hai máis dunha década por Prolingua, esta iniciativa fai explícito o compromiso de cada unha das persoas participantes en converterse en activistas do uso do galego no seu propio medio, sobre todo nos establecementos comerciais da súa proximidade, dende froitarías a florerías, dende bares a librarías, dende tendas de vestiario a talleres mecánicos, onde colocan o cartel da campaña e procuran a complicidade das súas responsables por medio dunha fotografía para distribuír en redes. Unha coidada estratexia viral á que se incorporan como as cereixas dun cesto outras iniciativas de intención galeguizadora como a da participación dos clubs do fútbol galego (Dépor, Racing, Lugo e Celta) ou a elaboración da banda sonora da campaña na que se inclúen un cento de recomendacións musicais galegas. Ademais do seu indubidable éxito, ao que non está sendo alleo a presenza destacada da música e o emprego eficaz dos recursos da cultura dixital, o relevante desta campaña é a empatía e corresponsabilidade optimista que asume cada unha das súas participantes. Outro vieiro posible para unha lingua con futuro.

Publicado en Nós diario: 13/03/2024

Villalta

Lembramos hoxe o vixésimo cabodano de Luísa Villalta, homenaxeada este 17 de maio. Tras anos de esquecemento editorial, apenas roto pola publicación de Papagaio (Laiovento 2006), en colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira, e máis recentemente d’ As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro 2020), textos escritos (un por día) en diálogo con outros da poesía universal, nos dous meses anteriores ao seu pasamento, nas marxes do Almanaque poético (2004) da editora portuguesa Assírio & Alvin, apareceron, por fin, nas librarías de noso a súa poesía reunida, Pensar é escuro (Galaxia 2023), así como varias achegas biográficas e escolmas da obra dunha autora que durante a súa traxectoria literaria (apenas dúas décadas) teimou na procura da verdade dende a concreción da palabra poética e dunha insurxente liberdade creadora. Publicacións, entre as que salientamos a escolma Así vou eu, formando parte (Chan da Pólvora 2024) de Eva Veiga e Pilar Pallarés, o ensaio e libro das amizades Abonda con vivir (Xerais 2024) de Montse Dopico, e o álbum para lectorado novo Alma de violino (Xerais 2023) de Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez, que dende lecturas plurais coinciden en retratala como unha poeta, dramaturga, narradora, ensaísta, articulista, música, violinista, filóloga, profesora, membro da directiva da AELG e activista… radicalmente comprometida con Galiza e coa súa lingua. Foi a poeta coruñesa, en palabras de Pilar Pallarés, «autora dunha poesía en que coexisten altura intelectual e carácter civil», «sabia no respecto dos contrarios». Foi muller feminista, nacionalista e de esquerdas nunha sociedade literaria de homes, en palabras do seu compañeiro no conservatorio da Coruña Xurxo Souto, «conectada coa forza da vida» e «capaz de romper a orde entre música e poesía». Deixou Luísa un legado literario, edificado con palabras de denuncia que non perderon actualidade ningunha, e que para a súa amiga Marga do Val están «enroladas no seu compromiso ético e político».

Publicado en Nós diario: 06/03/2024

Alfonso ou o compromiso do entusiasmo

Alfonso Álvarez Cáccamo escribiu no libro d’ Os aforismos do riso futurista (Xerais 2016) que «o destino é un cabalo desbocado». Sabía que por moito que galopemos no seu lombo, xamais lograremos domesticalo, o que non impediu que a súa vida enteira fose un modelo de compromiso coas causas do entusiasmo e coa construción dunha amplísima comunidade de afectos. Foi Alfonso o escritor galego da súa xeración que mellor soubo empregar o humor e a creación de mundos imaxinarios como estratexia narrativa. Ferramentas coas que construíu un coidado e excelente catálogo narrativo, con novelas tan logradas como As baleas de Eduardo Reinoso (Xerais 1990), premio Xerais; O bosque de Levas (Galaxia 2008), trasladada ao cine (2006) ou Os Gotten (Xerais 2014), retrato dunha familia viguesa, culta e emprendedora, onde todos os seus membros posúen a xenerosidade e o grato sentido do humor como marcas da historia común de varias xeracións. Catálogo que ampliou ao relato, con títulos como Catapulta (Xerais 1995) ou Contos mamíferos (Cumio 1998), onde combinou  o exercicio da creatividade verbal co deseño audaz de personaxes esmedrellantes e festivos.

Enxeñoso, alegre, entrañable, Alfonso contaxiaba alí onde estivese empatía, fose na comunidade do Colexio de Panxón do Instituto Social da Mariña, onde exerceu como mestre durante máis de tres décadas, fose nas actividade dos Instituto de Estudos Miñoráns co que colaborou ou nas múltiples causas da nación e da esquerda nas que foi activista. Aprendeu o oficio de edición na oficina da editorial Castrelos, a carón do seu pai, o inesquecible Xosé María Álvarez Blázquez, do que foi o seu primeiro biógrafo (Ir Indo 1994) e de quen se ocupou con rigor documental extraordinario da súa Fotobiografía (Xerais 2008) e de quen traduciu para o galego dúas das súas novelas. Nas páxinas d’ A Nosa Terra e do Faro de Vigo publicou varios centos de artigos, seguindo a actualidade da súa «cidade da oliveira e do orballo», comprometido coa defensa da lingua galega e do seu patrimonio. Exerceu a crítica literaria, deixando algunhas pezas memorables como aquela na que en febreiro de 1987 saudaba a publicación de Denuncia do equilibrio e defendía con afouteza e gume afiado a poeta Xela Arias. Foi Alfonso tamén poeta, autor dun libro referencial, Sebes contra o vento (Espiral Maior 2009), e responsable do blog Pensamentos de Olafson Mokk (2012), prodixio de creación literaria e plástica, onde desenvolveu unha sorprendente obra gráfica, sen esquecer o seu interese pola escultura, como creador de pezas a partir das crebas da costa de Oia que tanto apreciaba. Hoxe choramos a súa perda con saudade. Con todos os abrazos para súa familia e comunidades de afectos que teceu.

Publicado en Faro de Vigo: 06/03/2024

Oficio de edición

Italo Calvino confesou que traballando nunha editorial «se lle volve a un o corazón de pedra», «alí un remata por non sentir nada, por asumir unha máscara de cinismo». Afirmacións con intención de desmitificar o oficio de edición, que exerceu durante tres décadas en Einaudi editore, mais que no fondo reflicten algo que sabemos todos os editores: o noso é un oficio que, en termos xerais, provoca máis antipatía que simpatías, no que se combinan algunhas xornadas de gozo con moitas outras de melancolía. Pola súa natureza de actividade de mediación lectora, a edición achega máis insuficiencias ca satisfaccións, xa que ademais de desenvolvela na oficina, obriga a quen a exerce a participar nas políticas culturais do seu tempo. O editor escolle, filtra e coida os textos; conversa e acompaña aos autores e autoras, mais tamén se compromete no devir da sociedade da que forma parte. Velaí como no caso galego, non hai posibilidade de edición, se non existe un compromiso inquebrantable coa causa resistente da lingua e da propia nación. Certo é que no oficio existen criterios e estilos diversos para desenvolvelo, aínda que todos estean condicionados polas cifras dos custes editoriais e das vendas libreiras, xa que se as edicións non se venden, non hai retorno posible para continuar publicando outras novas. Con todo e volvendo ao Calvino editor, o anterior ás Leccións americanas (Kalandraka 1999), asumo que continúan sendo útiles os seus tres criterios para valorar se un orixinal merece ser publicado: acreditar se posúe unha linguaxe de seu, xa que editamos textos; identificar se posúe unha estrutura, xa que publicamos libros; acreditar se amosa algo, a ser posible algo novo, xa que ofrecemos novidades ou recuperamos a memoria literaria. Xaora, sexa utilizando os criterios de Calvino ou non, comparto o que escribiu o editor Constantino Bértolo en Una poética editorial (Trama 2022): «no oficio de edición hai que desvelarse por achegar, por intervir, por contaxiar» entusiasmo.

Publicado en Nós diario: 28/02/2024

Elas, exiliadas e emigrantes

Dedico  o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» :

No espazo público da ampla terraza de Vialia, diante da Sala Inmersiva, estivo instalada durante dous meses a exposición itinerante «Pontevedra e América. Unha mirada feminina 2023» producida pola Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago dentro dun convenio coa Deputación de Pontevedra. Unha interesante mostra de rúa que na súa segunda edición narra a historia de trece mulleres pontevedresas que dunha ou doutra maneira foron marcadas pola emigración americana en diversos países, momentos e circunstancias persoais. Trece vidas doutras tantas mulleres anónimas que para as comisarias da mostra, a responsable da cátedra, a profesora María Cadaval Sampedro, e a catedrática emérita María Xosé Rodríguez Galdo, achegadas ao universo amplísimo de «xentes sen historia que protagonizan maioritariamente a nosa historia migratoria».

Trece paneis informativos que honran a mulleres nacidas na emigración como Chita Lamas Barreiro (1909), a primeira voz feminina do exilio galego en Arxentina; Reyna Pastor (1931-2021), profesora universitaria en Rosario e Noemí Cendón (1967), primeira muller en presidir a Irmandade Galega de Venezuela. Mulleres que colleron de forma obrigada os camiños do exilio construíndo as súas vidas, ou boa parte delas, alén mar como Sofía Novoa Ortiz (1902-1987), Concepción Pazó (1907), Blanca Rodríguez Sáez (1897-1972), Margarita Bilbatúa Zubeldia (1900-1979) e Rosina Villaverde (1917-1925) ou outras como Bernarda Pereira Solla (1893-1987) e Concha Nogueira Miguel (1933) que migraron a Venezuela e logo regresaron. Mulleres como Antía Cal (1923-2022) e María Xosé Porteiro que coincidindo cos anos de infancia viviron en Cuba a experiencia emigrante ou o caso singular da mestra e concelleira viguesa Isaura Abelairas (1951-2021), que recuperou os lazos coa familia cubana, interrompidos noutro momento do pasado.

Vidas tráxicas de exilio, como a de Margarita Bilbatúa Zubeldia que, tras o fusilamento en Pereiró dos seus tres irmáns, Antonio, Demetrio e Luis o 27 de agosto de 1936 e ser detida en outubro, fuxiu de Vigo coa súa nai e peregrinou por campos de concentración franceses, antes de embarcar en Calais no Statendam rumbo a México onde arribaría o 26 de xuño de 1939. Unha peripecia de novela desta costureira socialista viguesa, que teimou até reunir con ela en 1945 en México DF a súa cuñada e os seus sobriños, Ángel e Demetrio, os dous fillos do seu irmán Demetrio, coñecido fotógrafo da rúa Príncipe, que se formarían no Colexio Madrid e no Instituto Luis Vives, que anos despois se converterían en referentes do cine mexicano.

Como as tintas da traxedia do suicidio colectivo dos nove pasaxeiros do bou Eva, o 23 de abril de 1937 no porto de Vigo, marcaron dende os catro anos a vida da viguesa Concha Nogueira Miguel, filla de dous dos suicidados, Carmen Miguel Agra e Anxo Nogueira Nogueira. Ela e a súa irmá pequena serían dende entón «as nenas do bou», apelativo que as perseguiría ao longo dunha vida que construíron agarimadas polos seus avós e polos seus tíos Concha e Jacinto. Tras aprender as primeiras letras na escola de dona Irene, xunto ao cine Tamberlick, Concha estudou para secretaria no colexio Vivas de Príncipe, tendo o seu primeiro traballo con Celso Isla Couto. En 1955 emigrou a Venezuela onde residiu durante unha década, se afiliou ao Partido Comunista e casou co vigués Francisco Mosquera.

Os camiños do exilio tamén marcaron a Sofía Novoa Ortiz, viguesa formada no Conservatorio Superior de Música de Madrid en piano e composición e na Residencia de Señoritas, institución dependente da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, onde tivo por mentora a María de Maeztu. Pioneira da formación musical, continuou os seus estudos en Francia e dende 1930 exerceu como profesora de música do Instituto Escuela. En 1937 Sofía embarcou en Lisboa cara a Nova York, onde anos despois se licenciaría en Filosofía e Letras na Universidade de Columbia. Catedrática de español no Vassar College de Nova York durante dúas décadas, a súa traxectoria foi recollida no magnífico libro de Carmen Losada Gallego, Sofía Novoa Ortiz. Pianista, pedagoga e exiliada (Instituto de Estudios Vigueses, 2020).

A pedagoga Antía Cal, fundadora do Colexio Rosalía de Castro, representa na mostra, as mulleres dunha familia emigrante. Nacida en La Habana viviu en Cuba até os nove anos, para instalarse entre Vigo e Murás, experiencia que recoñeceu como marcante no seu libro de memorias, Este camiño que fixemos xuntos (Galaxia 2006). Outro tanto recoñece a xornalista María Xosé Porteiro, emigrada a Cuba aos catro anos, que estudou a primaria e a secundaria na illa caribeña, unha herdanza de infancia e adolescencia emigrante cubana que ficará presente na súa vida.

Celebrarmos Rosalía

A recuperación da corda da dignidade para a figura literaria e política de Rosalía de Castro é un dos éxitos recentes máis rotundos da cultura galega. A celebración do 23 de febreiro, data de nacemento da escritora, promovida pola Fundación Rosalía de Castro (FRC) e pola AELG, gaña cada ano máis atención nos centros escolares, na rede de librarías do libro galego e clubs de lectura, ao tempo que as iniciativas de promoción rosaliana, como a alborada gaiteira, as lecturas públicas de textos da autora ou a proba do Caldo de Gloria en bares e restaurantes concitan tamén máis interese para públicos diversos. Iniciativas que neste 2024 se amplían da man da recentemente creada Fundación Xistral coa edición de 20.000 exemplares de Celebrarmos Rosalía, unha pequena e xeitosa antoloxía de textos rosalianos (prosa e verso) de corenta páxinas, agasallada nas librarías pola compra dun libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo. Anxo Angueira, arquitecto e obreiro primeiro da anovación da causa rosaliana, salienta no prólogo desta escolma que «celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move». Unanimidade que o incansable presidente da FRC atribúe a que Rosalía soubo tocar todas as cordas coas que fomos vibrando, desde o seu tempo, todas as xeracións galegas: a da dignidade para a fala, a xente e a terra nosa; a da igualdade para as mulleres, para as humildes e persoas excluídas; e a da liberdade. «Rosalía representa o noso orgullo para proxectar no mundo o que somos e queremos ser». Unha celebración a de cada 23 de febreiro, que como ven propoñendo dende hai anos a AELG debemos considerar como outro día para o libro galego, preñada da ledicia e da esperanza convocados por Rosalía nos versos da súa «Alborada»:

Canta, paxariño alegre,
Canta!
Canta porque o millo medre.
Canta!
Canta porque a luz te escoite.
Canta!
Canta que fuxeu a noite.

Publicado en Nós diario: 21/02/2024

Na Finca da Marquesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Parque e Museo de Castrelos:

Camiñamos até a Finca da Marquesa, nome que a miña avoa Maruja empregaba para ao parque de Castrelos, coa intención de gozar nos xardíns históricos do Pazo da espectacular floración da magnolia soulangeana no seu máximo esplendor. Un manto rosa deitado sobre os prados e sendas da coñecida como «Pradaría do Té», que a causa do cambio climático adianta a súa presenza aos días da Candeloria, anunciando a despedida do inverno, xa que estes magnolios son as árbores que primeiro florecen en Castrelos. Un espectáculo natural único, marco das mellores autofotos posibles, que por riba neste ano chegou acompañado da floración do exemplar de camelia xapónica máis lonxevo de Galicia, coñecido como «Matusalén», que conta con máis de 150 anos de idade, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, situado no interior do labirinto de sebes de buxo do xardín francés. Dúas marabillas naturais de grande valor paisaxístico e botánico, pezas do patrimonio do Parque Municipal Quiñones de León, que o vindeiro 12 de decembro celebra o centenario da sinatura da súa cesión ao concello de Vigo por parte do último Marqués de Alcedo para a súa transformación en museo de arte rexional.

Unha visita aos xardíns históricos que iniciamos polo paseo dos escudos, situado no corredor lateral da Rosaleda, antigo invernadoiro, onde atopamos o primeiro escudo en pedra da cidade, que formou parte da fonte de Neptuno, coa torre do castro e a oliveira, peza defendida polo cronista oficial de Vigo Avelino Rodríguez Elías, que sería utilizada en 1987 como modelo do escudo oficial actual. Mais na visita sorprendeunos no xardín inglés a presenza nun pequeno estanque da figura de Neptuno, unha das iconas nosas, a escultura pública máis antiga non relixiosa das conservadas en Vigo. Trátase dunha peza granítica de metro oitenta de altura que, xunto a dous escudos e dous cipreses formaba parte da fonte de Neptuno situada na Porta do Sol, cuxa cronoloxía reconstruíu a historiadora Beatriz Liz de Cea. Instalada nun manancial de auga potable do que temos noticia xa no século XVII, foi restaurada en tempos de Filipe V (1795), momento no que se colocou a estatua de Neptuno, como reza nunha placa instalada no mesmo paseo do Escudos, ofrecendo para o médico Nicolás Taboada Leal, no seu libro Descripción topográfica e histórica de la ciudad de Vigo (1840), a mellor auga da cidade. Pezas da fonte de Neptuno, hoxe dispersas polos xardíns de Castrelos, que reunidas permitirían a súa reconstrución no propio Vigo vello.

Visita á Finca da Marquesa na que chamou a atención nosa o reclamo dunha exposición temporal no Museo municipal de Vigo «Quiñones de León»: «Alice Austen. Desfacer o xénero». Instalada no sobrado do museo, o que obriga a subir pola formidable escaleira interior de inequívoco sabor inglés, onde están instalados os dous murais de Urbano Lugrís procedentes do Hotel Moderno, «Mapa de Galicia» e «Misterios do mar», a mostra procedente do último Photoespaña recolle medio cento das 8.000 fotografías tiradas por Alice Austen, unha das precursoras e máis precoces fotógrafas estadounidenses. Artista rebelde representou a imaxe da muller moderna e independente que quixo ser. Coas súas accións performativas, creadas coas súas amigas e compañeira, cuestionou os roles de xénero e as convencións da vida vitoriana. E apostou a finais do século XIX de forma vangardista polo deporte, polo atletismo, tenis e ciclismo, actividade que abriu o camiño ao sufraxio feminino. Remata este relato expositivo de deconstrución do xénero, coas imaxes da casa ás aforas de Nova York, onde Austen viviu trinta anos con Gertrude Tate, a súa compañeira de vida, vivenda que quedou asignada nos EE.UU. como un espazo emblemático da historia LGTBIQ.

Unha exposición tan excelente en termos artísticos como sorprendente resultou para nós a súa instalación en tres salas do sobrado do Museo de Castrelos, descontextualizada do resto dos contidos do primeiro museo vigués, até agora pensabamos que centrado na historia da cidade e na exposición e custodia do legado de Policarpo Sanz. O certo é que saímos entusiasmados das experiencias vividas nunha mañá nos xardíns da Finca da Marquesa (Mariana de Wyte, a filla do Marqués de Alcedo) baixo a caloriña do sol de inverno, mais tamén confeso que marchamos algo confusos sobre cal é hoxe o perfil do primeiro museo da cidade, inaugurado o 22 de xullo de 1937 e dirixido e administrado dende o 15 de outubro de 1938 e durante catro décadas polo inesquecible Ángel Illarri Gimeno, que tanto agarimou o pazo, os xardíns como o auditorio. No centenario da cesión de Castrelos ao pobo de Vigo, ben sería contar cun plano estratéxico para a conservación e usos do parque e todas as súas infraestruturas para preservalas nas vindeiras décadas.