Xela Arias docente

Na Revista Galega de Educación nº 80 publico unha breve semblanza da Xela Arias docente:

Na primeira entrevista que fixo Xela Arias en Faro de Vigo, cando sendo alumna de 5º de EXB acababa de gañar o VIº premio do concurso de contos infantís O Facho, confesoulle á xornalista Julia Hortigüela que ademais de escribir contos en galego dende moi cativa «sempre [tivera] a ilusión de ser mestra de párvulos», engadindo a seguinte aclaración: «gústanme moito os nenos pequenos, ensinarlles a xogar e esas cousas; non letras nin números, que iso xa o aprenderán cando pasen a primeiro». Unha atinada reflexión pedagóxica, sorprendente para unha rapaza de once anos, á que non debeu ser allea que nacese na casa escola da Granxa Barreiros de Ortoá, onde seu pai fora alumno e despois mestre, nin que comezase a súa escolarización no Colexio Fingoi de Lugo, onde fixo dous cursos de Parvulario (1966-1968) e o primeiro da antiga Primaria (1968-69).

Foron a Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Sarria  (1948) e o Colexio Fingoi de Lugo (1950) dúas institucións educativas privadas adiantadas ao seu tempo promovidas polo empresario Antonio Fernández López que puxo en mans de profesores comprometidos coa causa galeguista e republicana, a primeira nas de Avelino Pousa Antelo e a segunda de Ricardo Carvalho Calero. A granxa-escola de Barreiros, deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román e concibida metodoloxicamente por don Avelino coa intención de formar mestres de orientación agraria e acuñar un novo modelo de escola rural galega, sería unha das poucas experiencias pedagóxicas singulares acontecidas en Galicia durante o franquismo. O Colexio Fingoi como un centro reformista que ao fío da escasa marxe da Lei de Ensinanza Primaria de 1945 pretendía poñer en marcha un ensino globalizado, experimental e experiencial.

Nesa estimulante atmosfera educativa lucense desenvolvéronse os primeiros cursos escolares de Xela Arias, período no que sabemos (cóntao seu pai Valentín no texto «Xeliña fala galego», publicado no libro das festas do San Xoán de Sarria de 1968) aprendeu precozmente a ler, aos catro anos, e a escribir textos en castelán e galego aos seis. Escolarización que continuou en Vigo na Escola Graduada de Moledo, onde fora destinado o seu pai, centro no que cursaría até o 8º na segunda das xeracións da EXB, período no que se incorporarán ás aulas algunhas ideas de innovación representadas por novos materiais didácticos, como aqueles famosos consultores e as súas correspondentes fichas de aprendizaxe individualizada.

Xela Arias quixo cursar o novo bacharelato no Instituto Mixto do Calvario (hoxe IES Castelao de Vigo), onde fixo os tres cursos de BUP (1976-1979) e renunciou a examinarse de COU (1979-80). Sistema educativo que abandonou durante unha década, período no que traballou como editora en Edicións Xerais de Galicia. En 1990-1991 matriculouse en COU a distancia no INGABAD, o que lle permitiría en setembro de 1991, cando tiña case 30 anos, iniciar os estudos de Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, onde se licenciaría en 1996. Unha formación universitaria que completaría en marzo de 1997 cando obtén o Certificado de Aptitude Pedagóxica (CAP) que a habilita para dar clases de ensino secundario e en xuño do mesmo ano o de Aptitude no Ciclo Superior de Idioma Galego na EOI de Vigo, todo un paradoxo para quen de forma autodidacta como tradutora, editora de mesa, preparadora de estilo e correctora ortotipográfica adquirira un coñecemento moi especializado da lingua galega.   Sabemos que se matriculou en Galego-portugués na USC, estudos que non completaría. Como coñecemos pola súa compañeira de facultade Ana Iglesias que tampouco quixo presentarse as oposicións de Lingua e literatura galegas, quizais por que sabía que a súa obra figuraba no propio temario.

O desexo da rapaza que quería ser mestra de párvulos concretouse como docente a comezos do curso 1999-2000 cando foi chamada a incorporarse como profesora substituta de Lingua e literatura castelá no IES Terra de Xallas de Santa Comba. Iniciaba así Xela Arias un periplo que completaría ese curso no IES A Paralaia de Moaña, no IES Valle Inclán de Pontevedra, no IES Xelmírez II de Santiago e no IES Valadares de Vigo. Desempeño que no curso seguinte, 2000-2001, realizaría como profesora interina no IES de Chapela, no 2001-2002 no IES A Sangriña da Guarda, no 2002-2003 no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e comezando o 2003-2004 no IES Montecarrasco de Cangas até que faleceu o 1 de novembro.

Sabemos da súa implicación e rigor no traballo docente en todos estes centros, nun período vital que non foi doado para ela, xa que recibía un duro tratamento como portadora do virus da hepatite C. Como coñecemos a súa implicación como activista nas mobilizacións educativas contra a marea negra do Prestige, como testemuñan os poemas «Never more» (2003) e «Cadáver de Man» (2004) publicados na revista escolar O trasno do IES Álvaro Cunqueiro.

Vigo rebelde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar Marxes. Guía do Vigo rebelde:

A publicación de Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde (Xerais 2021) de Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodríguez constitúe outro fito na construción do proxecto da memoria de Vigo. Unha tarefa colectiva e cívica imprescindible para forxar identidade nesta cidade nosa un chisco esquecediza sometida periodicamente a cantos de sirena e ventos pouco propicios para os seus cidadáns máis humildes. Dirixindo a ollada cara ao Vigo dos de abaixo, o devir das xentes viguesas máis pobres, Xurxo Martínez (Vigo, 1984) e David Rodríguez (Vigo, 1975), dous activistas das causas viguesas, fundadores daquela iniciativa cultural fermosa que foi A Nave das Ideas (2010-2015), reconstrúen corenta historias reais (moitas esquecidas, algunhas agochadas, outras até agora inéditas) que retratan outros tantos episodios relevantes para a historia de Vigo e das súas clases populares. Relatos de Xurxo, un dos investigadores que mellor coñece o Rexurdimento e o século XIX vigués, aos que o ilustrador David Rodríguez engade fotografías, retratos e un mapa da cidade enriquecendo así un texto literario de espírito didáctico, lectura engaiolante e consulta obrigada que tamén pode ser útil como guía urbana para toda persoa lectora desexosa de percorrer a pé os escenarios dos feitos narrados.

Os autores propoñen unha viaxe no tempo dende o relato inicial do Castelo do Penço, fortaleza derruída polos Irmandiños no seu levantamento antiseñorial (1476-1469), pasando polo relato de numerosos episodios de terror do 36, como os estremecedores do bou Eva, as barricadas dos Choróns, a traxedia da familia Fraiz Castellanos e a resistencia dos fuxidos, a folga de 1972 da factoría Hijos de J. Barreras e o papel da Asociación Cultural de Vigo, baluarte do asociacionismo cultural nacionalista e antifranquista, até as mobilizacións no anfiteatro cívico de Urzaiz, ocupado pola cidadanía en momentos decisivos como aquel 4 de Nadal de 1979 contra o Estatuto da Aldraxe, durante as tres folgas xerais de 1984 en solidariedade con Ascón, cando na comarca o desemprego superaba o 33 %, ou hai apenas dúas décadas polas manifestacións de Nunca Máis e o Non a Guerra.

Unha viaxe, tamén, no espazo polo territorio dunha cidade en bisbarra (metropolitana dicimos agora), dende os espazos portuarios do Berbés, a Laxe e a Estación Marítima, a primeira porta de saída da Galicia emigrante, pasando polo Vigo vello e as edificacións pétreas do seu ensanche modernista, até os espazos do periurbano do Val do Fragoso, onde aínda perduran os últimos vestixios da cultura popular agraria. Unha guía protagonizada por viguesas anónimas dende aquelas mulleres do motín da fame de marzo 1847 alzadas contra o prezo excesivo dos alimentos, os canteiros e marmoristas da primeira folga viguesa en 1894, pasando polos labradores que protagonizaron as loitas agrarias da Sociedade de Agricultores de Lavadores, até as empacadoras de Bouzas lideradas en 1931 por María Araújo na loita polo seguro de maternidade e as obreiras de Álvarez que en 1946 se mobilizaron desesperadas pola situación de fame e miseria daqueles anos difíciles de posguerra.

Unha guía dun Vigo cento por cento galego, orgullosamente galeguista, que asumiu a responsabilidade histórica de ofrecerse como a Barcelona atlántica soñada por Castelao e Pedrayo, polo arquitecto Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista ou polo pensador anarquista Ricardo Mella, un dos promotores do transporte tranviario metropolitano. O Vigo no que estudou na súa Escola de Náutica (a de Artes e Oficios) o poeta Manuel Antonio e no que o político nacionalista Xosé Velo Mosquera fundou a súa academia. A cidade fotografada por Cándida Otero, a viúva de Prósperi, na que exerceu durante décadas a doutora Olimpia Valencia, a primeira médica galega. O Vigo no que escribiu a poeta Xohana Torres, no que xogou o pichichi Pahiño, no que pintou Urbano Lugrís, no que filmou o cineasta Chano Piñeiro, no que Francisco Fernández del Riego alicerzou a Biblioteca Penzol, a de maior fondo galego e sobre Galicia do planeta. O Vigo no que traballaron o abogado Roberto González Pastoriza, o Padre Seixas, o doutor Antón Beiras García, Xosé Ramón Reboiras Noia e Camilo Nogueira. O Vigo onde se fundou Galicia Socialista e o Partido Galego do Proletariado…

Benvida esta guía única e singular da cidade portuaria acolledora, celme e cifra da Galicia contemporánea. Benvida esta guía do Vigo rebelde como instrumento para construír memoria dunha cidade pouco memoriada. Parabéns a Xurxo e David pola proeza de ofrecer tan completa e veraz cartografía do Vigo máis alternativo e popular. Un libro para ler e reler devagariño, para consultar e repasar con camiñadas compartidas polos vieiros vigueses da memoria.

«No fondo dos espellos» de X.L. Méndez Ferrín

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á aparición de No fondo dos espellos (Universidade de Vigo 2021), libro que recolle unha parte dos textos de X.L. Méndez Ferrín publicados entre 2015 e 2020 na sección homónima de Faro de Vigo:

Non se pode entender a figura cimeira nas Letras Galegas de Xosé Luís Méndez Ferrín sen a súa monumental achega ao xornalismo literario en lingua galega nas páxinas de Faro de Vigo. Unha teimosa tarefa literaria iniciada polas súas colaboracións pioneiras en La Noche (1955-1965), dende aquelas primeiras pezas, «Pondal, forjador de mitos» (10-11-1955) e «Cada coenllo ao seu tobo» (14-06-1956), cando comezou os seus estudos universitarios en Compostela. Tarefa xornalística continuada baixo o heterónimo de Dosinda Areses, primeiro no xornal El Pueblo Gallego (1979), despois na Hoja del lunes de Vigo (1981) e no semanario A Nosa Terra (1982-1983), textos recollidos no libro Dosinda Areses. Prosas completas (Xerais 1998), un dos fitos literarios máis punxentes dos anos da Reforma Política.

Unha colaboración literaria que Ferrín iniciara en Faro de Vigo, sendo director Francisco Leal Insua, apenas con dezaseis anos co artigo «Por tierras lusitanas. Impresiones de una excursión» (24-04-1954), froito dunha viaxe académica a Lisboa dirixida polo profesor Francisco Cerviño Gesteira, cando remataba bacharelato no Instituto de Pontevedra, á que seguiu un segundo, «Cuatro posibilidades de teatro gallego» (01-07-1956). Textos ocasionais durante a dirección de Álvaro Cunqueiro, «De “Foz” a “Fox”» (26-08-1966) e «Socialización, municipalización o estatalización del suelo» (04-02-1967), continuados nalgunha das entregas dos suplementos de «Arte e Letras» (1983) e «Pharo the bego», onde publicou «Su o sol de Satán» (08-03-1986).

En 1984 comezou a aparecer semanalmente a súa sinatura en Faro del lunes cos artigos «A intelixencia ausente» (02-04-1984) e «Nina Hagen / Luxemburgo» (09-04-1984), e a partir de 1988 en Faro de Vigo, que entón dirixía Ceferino de Blas, onde inicia a columna «Segunda Feira» cos artigos «A caste de Celso Emilio» (28-11-1988) e «A victoria final de Rodolfo Llopis» (05-11-1988). Dende entón os seus artigos dos luns se converten en referentes indiscutibles nas páxinas do decano e da propia sociedade viguesa. Textos sempre orixinais, áxiles, ben documentados, escritos nun galego literario de estirpe popular no que expresa a súa teimosa defensa do patrimonio e da natureza ou a súa ollada adiantada sobre a actualidade política e social de todo o que nos atinxe.

Colaboracións que Ferrín ampliou aos venres na columna «Os camiños da vida» co artigo «Do Vigo morto» (21-10-1994) e ás fin de semana no popularísimo «Consultorio dos nomes e apelidos galegos» (2004-2007), recollido en libro de título homónimo (Xerais 2007), no que Ferrín amosou a súa sabedoría e espírito didáctico no eido da onomástica e da historia.  Páxina sabatina que mudou na sección «No fondo dos espellos» (2007-2020), iniciada por un artigo dedicado ao poeta, editor e inventor Alejandro Finisterre (17-02-2007) e por outro, «The importance of being Smith» (24-02-2007), onde ofreceu algunhas das mellor documentadas, máis fermosas e amenas mostras do seu pensamento e erudición cultural, recollida agora en parte no volume No fondo dos espellos. 2015-2020 (Universidade de Vigo 2021).

Unha compilación de 261 textos publicados dende 2015 ao 27 de xuño de 2020, no que a sección chegou ao seu remate, que conforman un océano textual biodiverso no que Ferrín afonda e dialoga sobre cuestións históricas, literarias e científicas, as súas temáticas preferidas dende aquela primeira crónica da viaxe iniciática a Lisboa, ampliadas en espiral cara a toponimia, onomástica, etimoloxía, xeografía, zooloxía (con especial interese pola entomoloxía, tan presente na súa obra narrativa), mais tamén cara a gastronomía, a mitoloxía, as artes escénicas, a edición gráfica e as artes visuais, entre outros saberes e disciplinas.

Como especial interese teñen outros destes textos de Ferrín de inequívoco carácter memorialístico e mesmo autobiográfico, claves para entender a historia do nacionalismo galego durante a ditadura, como «Constitución da UPG» (15-07-2017) e «Nacemento do PSG» (22-07-2017), por apenas citar dúas destas pezas. Como esoutras escritas para contribuír a construción da memoria de Vigo como cidade amada, protagonista dunha manchea de artigos, como o extraordinario «Vigo e Manuel Antonio» (05-08-2017), os varios dedicados a visita de Jules Verne e do Capitán Nemo, a serie dedicada ás tascas e cafés do Vigo ilustrado ou aos conflitos vigueses do 68, nos que a familia Valcárcel foi desposuída da concesión do tranvía, entre moitos outros.

Recomendo vivamente este libro arca e espiral, unha trabe de ouro na obra literaria incesante e continua que de forma asombrosa Ferrín ofrece semana a semana, dende hai case catro décadas, neste espazo liberdade que son as páxinas de Faro de Vigo.

Onte 2136: «Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde»

Os amigos Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodrígiez, autores de Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde (Xerais 2021), solicitáronme o prólogo dunha obra que me entusiasmou e recomendo vivamente:

Lendo nas páxinas destas Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde non puiden evitar que as lembranzas xurdisen sen procuralas no pouso deste relato protagonizado por varias xeracións dos vigueses e viguesas máis humildes. Textos literarios e fotografías punxentes e activadoras capaces de iluminarnos, emocionarnos e implicarnos nesa tarefa colectiva de construír memoria e facer de forma efectiva cidade (comunidade) e nación. Lembrei de forma insistente aquela escena na cociña da bufarda de Pi e Margall na que miña nai, chegada da praza do Progreso onde traballaba a avoa Maruja, contáballe baixiño a nosa veciña señora Angelita que os obreiros de Citroën e Barreras, onde traballaban o tío Suso e o padriño Eduardo, chegaran a Porta do Sol, nunha daquelas manifestacións lóstrego coas que aqueles días mareaban aos grises. Creo que naquela lembranza dos meus doce anos, cando en setembro de 1972 comezaba 4º de bacharelato, o meu último curso no colexio salesiano, fun cando acuñei a miña toma de conciencia como parte do Vigo obreiro e rebelde. Un recordo familiar que continuaba poucos días despois cando soubemos que Pedro, un dos curmáns da miña nai, que traballaba na grada de Barreras, marchara de forma para nós inesperada para Barcelona, cidade da que nunca regresaría.

Vigo obreiro do que xa me sentía parte cando o tío Suso me mostrou aquel chaveiro precioso de Comisións Obreiras no que aparecía gravada unha espiral de brazos prendendo cadansúa ferramenta, unha alfaia familiar desaparecida que hoxe me gustaría rescatar como o entusiasmo daqueles anos no que todo nos semellaba posible. O chaveiro do meu admirado tío Suso, que falecería no Pirulí poucos anos despois de forma moi prematura, quedou tamén fixado como a chave icónica do conflito na factoría de Tomás Alonso, no que volveu tremer a familia, cando Barreras pasou a mans do INI, como tamén as fábricas de cerámica e louza de GEA de Cabral, Coruxo e Ponte Sampaio, abrindo as duras loitas obreiras viguesas da Reforma Política e da reconversión industrial da década de 1980 obrigada pola incorporación á Comunidade Europea.

Da atmosfera da conversa de mamá coa señora Angelita e do espírito do chaveiro do tío Suso vai este libro dos meus admirados Xurxo Martínez González e David Rodríguez Rodríguez, un libro de historias familiares de viguesas e vigueses, a maior parte anónimos, que fixeron daquela abella da ribeira, como a bautizou o escritor comunista Manuel Lueiro Rey, o volcán de dinamismos e cidade estrépito de entusiasmo contaxioso inmortalizada por X.L. Méndez Ferrín no testamento do ghebo. Unha achega documentadísima que retrata a cidade puro milagre de Celso Emilio Ferreiro, o manifesto atlántico que nos guía da escritora María Xosé Queizán, aquela cidade aínda durmida de Xela Arias, a quen este ano lembramos brincando coa rapazada da rúa Zamora e do camiño de Riobó entre as fincas e os solares abertos no que fora o Camiño dos anxos, que unía Travesas e o Couto, onde en tardes longas de verán xoguei co meu irmán Eduardo a penaltis mentres non pasaba algún coche ou aparecía o carro dos xitanos itinerantes.

Nese celme do Vigo humilde e popular, a cidade de guindastres e sirenas, a cidade industrial de barcos, conservas e automóbiles, está concibida esta guía na que se propón en corenta entregas reconstruír o mellor da historia viguesa, a do Vigo humilde, loitador e solidario. Unha viaxe no tempo, dende a revolta irmandiña, representada polo Castelo do Penço, pasando polos numerosos episodios de terror do 36, como os do bou Eva e a resistencia dos fuxidos, a folga do 72 e a resistencia na Asociación Cultural de Vigo, até as mobilizacións no anfiteatro cívico de Urzaiz, ocupado pola cidadanía en momentos decisivos como aquel 4 de Nadal de 1979 contra o Estatuto da Aldraxe, durante as tres folgas xerais de 1984 en solidariedade con Ascón, cando na comarca o desemprego superaba o 33 %, ou hai apenas dúas décadas polas manifestacións de Nunca Máis e o non a guerra.

Unha viaxe, tamén, no espazo polo territorio dunha cidade en bisbarra (metropolitana dicimos agora), dende os espazos portuarios do Berbés, a Laxe e a Estación Marítima, a primeira porta de saída da Galicia emigrante, pasando polo Vigo vello e as edificacións pétreas do seu ensanche modernista, até os espazos do periurbano do Val do Fragoso, onde aínda perduran os últimos vestixios da cultura popular agraria. Unha guía protagonizada por viguesas anónimas dende aquelas mulleres do motín da fame de marzo 1847, os canteiros e marmoristas da primeira folga en 1894, pasando polos labradores que protagonizaron as loitas agrarias da Sociedade de Agricultores de Lavadores, até as empacadoras lideradas en 1931 por María Araújo na loita polo seguro de maternidade e as obreiras de Álvarez que en 1946 se mobilizaron desesperadas pola situación de fame e miseria daqueles anos difíciles.

Unha guía dun Vigo galego, orgullosamente galeguista, que asumiu a responsabilidade histórica de ofrecerse como a Barcelona atlántica soñada por Castelao e Pedrayo ou polo arquitecto Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista. O Vigo no que estudou na súa Escola de Náutica o poeta Manuel Antonio e no que Xosé Velo fundou a súa academia. A cidade fotografada por Cándida Otero, a viúva de Prósperi, na que exerceu durante décadas a doutora Olimpia Valencia, a primeira médica galega. O Vigo no que escribiu a poeta Xohana Torres, no que xogou o futbolista Pahiño, no que pintou Urbano Lugrís, no que filmou o cineasta Chano Piñeiro, no que Francisco Fernández del Riego alicerzou a Biblioteca Penzol, a de maior fondo galego e sobre Galicia do planeta. O Vigo no que traballaron o Padre Seixas, Antón Beiras García, Xosé Ramón Reboiras Noia, Camilo Nogueira. O Vigo onde se fundou Galicia Socialista e o Partido Galego do Proletariado…

Benvida esta guía única e singular da cidade atlántica de ferro e mel, da cidade portuaria acolledora, celme e cifra da Galicia contemporánea, amante da ansia perdida. Benvida esta guía do Vigo rebelde como instrumento para construír memoria dunha cidade unha miga esquecediza. Benvida esta obra por afondar en episodios e biografías viguesas até agora agochados, ocultos ou velados nunha cidade de xenerosidade concisa. Parabéns a Xurxo e David pola proeza de ofrecer tan completa e veraz cartografía do Vigo máis alternativo e popular. Un libro para ler e reler devagariño, para consultar e repasar con camiñadas compartidas polos vieiros vigueses da memoria.

De Vigo a Ourense polo Tea

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo a propoñer o estudo da liña de alta velocidade de Vigo a Ourense polo Tea:

Tras dezasete anos de estudos, proxectos, modificacións de trazados, demoras e repetición de estudos hidroxeolóxicos do AVE de Vigo a Ourense sendo optimistas haberá que agardar á vindeira década para poder despedilo dende a estación de Urzaiz e completar o trazado en canto menos corenta minutos. Mentres, será inevitable continuar facendo a viaxe dende a estación de Guixar polos 132 km da vía do Miño (inaugurada en 1881), cunha duración dunha hora e corenta minutos, ou no mellor dos casos facer un rodeo dende a de Urzaiz por Conxo (174 km), cunha duración dunha hora e cinco minutos, alternativa anunciada por Adif para tratar de evitar as críticas da cidadanía e da propia alcaldía de Vigo a unha mudanza de tren en Santiago. En todo caso, case dúas décadas perdidas para abordar a modernización da conexión ferroviaria de Vigo e Ourense, as dúas rexións urbanas do sur de Galicia, cunha poboación en permanente mobilidade interior, mais que a todas luces tamén perden con esta «solución» competitividade e oportunidades con respecto ás de Santiago e A Coruña.

E o primeiro que chama a atención na conexión de alta velocidade entre Ourense e Vigo é que despois de tanto tempo se descoñeza cal vai ser o novo trazado ou mesmo se vai existir como tal. Cada ano, cada novos orzamentos do Ministerio de Transportes, semella máis claro que o tren por Cerdedo vai quedar en auga de castañas. A conto de que ven entón a lentitude inxustificada na tramitación administrativa da conexión indirecta polo Val de Cercedo (114 km e parada en Pontevedra), que obrigaría a construír unha liña entre Portas e O Carballiño valorada en 2.200 millóns de euros e cunha duración das obras de nove anos e medio? Ou noutras palabras, diante de semellante exercicio de calculada ambigüidade dilatoria e se como todos os indicios agoiran o AVE por Cerdedo se adía sine die ou se desbota de raíz, a saída ferroviaria cara a Ourense e a Meseta podería ser para a cidadanía metropolitana viguesa das dúas vindeiras décadas moi semellante á actual: contaría cunhas poucas frecuencias por Conxo, parando en Pontevedra (todas) e Vilagarcía (algunhas), e noutras (as máis) estaría obrigada a baixar uns minutos en Santiago (vinte na actualidade) para coller os convois procedentes da Coruña. Pode permitirse a primeira rexión urbana do país (case 600.000 habitantes), a que máis viaxeiros achega nas conexións con Madrid, ser discriminada con semellante servizos? Pode permitirse nun modelo de mobilidade sostible que en 2035 a viaxe de Vigo a Ourense por estrada sexa moito máis atractiva ca ferroviaria?

Neste entorno desfavorable para o Vigo futuro é moi de agradecer a alternativa esperanzadora ofrecida polo enxeñeiro Xosé Carlos Fernández, un dos mellores coñecedores e estudosos do ferrocarril en Galicia, propoñendo que se realice un estudo informativo do trazado dunha conexión directa de alta velocidade entre Urzaiz e Ourense utilizando a Saída Sur até as proximidades de Tui e seguindo o curso do río Tea por Mondariz. Un trazado alternativo sobre o menor percorrido posible (86 km) que uniría ás dúas cidades do sur en media hora e homologaría a duración da viaxe entre Vigo e Madrid á de Santiago. Unha liña directa por Mondariz que Fernández valora en 1.900 millóns de euros, cifra inferior ao proxecto por Cercedo, que tras unha década de obras reduciría a viaxe con respecto a esa alternativa en 28 km e ao da volta por Conxo en 88 km, o que permitiría unha redución moi apreciable dos tempos de viaxe, onde reside a cerna da competitividade ferroviaria. Unha solución que, ademais, recoñecería o acceso preferente á cidade de Vigo e o carácter de Urzaiz como estación pasante do tren do eixo atlántico, con conexións procedentes de Lisboa, Porto e Pontevedra, como de saída cara a Ourense e as rotas da Meseta.

A alternativa do enxeñeiro Xosé Carlos Fernández é apoiada pola Plataforma pola Defenda do Ferrocarril Vigo a Ourense por Mondariz (PDFVOM), unha iniciativa da sociedade civil de carácter apartidario, presidida polo editor vigourensán Bieito Ledo, presentada en Vigo a pasada semana coa intención de abrir o debate sobre unha cuestión estratéxica e contribuír a reverter a decepcionante situación actual avalada tanto pola Xunta de Galicia como polos concellos de Vigo e Ourense. Unha iniciativa cidadá transversal, promovida dende ámbitos profesionais diversos, que demostra que hai outras solucións ferroviarias viables e obriga ao Ministerio de Transporte e ás administracións autonómica e locais a incorporar este tema a súa axenda e a definir as súas posicións. Como sucedeu cando chegou en 1881 a primeira locomotora a Ourense, acontecemento celebrado por Manuel Curros Enríquez, tras o tren continúa chegando «a fartura e ¡a luz e o progreso!»

Respecto para unha estatua

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar respecto para a estatua de Castro do escultor Jandro:

A comezos de novembro de 2002 apareceu en Príncipe, diante do Marco, a piques de ser inaugurado uns días despois, a estatua en poliéster de Castro, o derradeiro vendedor ambulante de xornais, obra do escultor vigués Alejandro Rodríguez «Jandro», membro da Fundición Nautilus, institución nacida coa intención de achegar as diversas modalidades artísticas ao público. Unha peza de inequívoca intención realista de tamaño natural que homenaxeaba a Manuel Castro, que percorría de forma incansable o centro de Vigo, dende a Porta de Sol a Urzaiz por Príncipe, onde paraba cos seus fardos diante das galerías de La Norma ou das escadas de Almacéns Alfredo Romero, e de alí baixaba até a Alameda por Velázquez Moreno ou Colón, voceando dende moi cedo as noticias máis frescas de «Faro de Vigo», máis tamén dos xornais da tarde, como o deportivo «Meta», «La Noche» de Santiago ou do diario «Pueblo» de Madrid.

Era a de Castro unha figura inesquecible, tanto polo seu carácter adusto e serio como pola súa habilidade para levar baixo o brazo esquerdo un fardo de faros e ao mesmo tempo aguantar os décimos da lotería nacional, mentres sostiña de forma acrobática un faro sobre o índice da man dereita en difíciles equilibrios. Unha proeza dixital esa do baile dos faros documentada por Magar en 1971 nunha fotografía deste quiosqueiro andante na rúa Reconquista á altura dos leóns de Correos ao que, como a Pepiño do quiosco do Paseo de Afonso, que de mociño tamén voceara «Meta» no barrio de Casablanca, lembramos como un deses jichiños humildes e entrañables que humanizaron o Vigo da nosa infancia.

Porén, a aquela aparición da estatua de Jandro á que lle faltaba o bronce, coincidindo coa apertura do Marco que dirixía Carlota Álvarez Basso, foi tan efémera como polémica. Deseñada a iniciativa propia polo autor en 1998, cando residía en Granada, o goberno municipal de Lois Pérez Castrillo encargoulle que a fundise en bronce para a súa instalación diante do museo. Tras as mudanzas da alcaldía dese ano, primeiro en mans de Ventura Pérez Mariño e despois de Corina Porro, a estatua de 300 quilos e dous metros trinta de altura, permaneceu en Madrid case unha década onde foi fundida por partes. Habería que agardar ao día de noiteboa de 2011 para que fose chantada na localización prevista en Príncipe sendo alcalde Abel Caballero.

Un vergonzoso atraso de oito anos ao que non foi alleo un lamentable episodio de censura, denunciado nestas páxinas de «Faro de Vigo» polo xornalista Fernando Franco en 2004 e recuperado do esquecemento neste ano de homenaxe a Xela Arias. O caso é que coincidiu o momento da fundición da estatua coa marea negra provocada polo Prestige e coa resposta expansiva do movemento cidadán organizado na plataforma Nunca Máis e a colectiva do mundo artístico artellada nas intervencións de Burla Negra. Jandro e o seu compañeiro da Fundición Nautilus, o pintor Xosé Guillermo, deseñaron a peza que faltaba á escultura, o exemplar de «Faro de Vigo» que bailaría no furabolos de Castro. Na portada titularon «Galicia berra ¡Nunca Máis!» e na contraportada reproduciron o poema «Dignidade», escrito por Xela Arias para o libro colectivo «Alma de beiramar» (A Nosa Terra, setembro, 2003), que comeza cos versos: «Marea miseria invade global Galicia / Colleita inepta de intereses financeiros / Burla negra…» Ao goberno municipal de Corina Porro non lle gustou esta solución e Jandro negouse a modificar o deseño, do que por ventura o artista conserva o orixinal no seu taller. Confesou que o facía por fidelidade e homenaxe á escritora activista, que pretendía levar a poesía a rúa e faleceu de forma tan prematura o primeiro de novembro de 2003.

Finalmente sería unha axencia quen deseñaría outros contidos para este xornal de bronce, que tras a inauguración da escultura por Caballero (2011), axiña sería obxecto de continuos ataques vandálicos, dende pintadas até arrincarlle en varias ocasións o exemplar do «Faro de Vigo», repetidos este pasado mes de maio, tras o a finalización do toque de recollida, no que a peza apareceu sen o brazo sobre o que bailaba o faro. Ataques denunciados tanto polos comerciantes como polo propio escultor que reclaman ao concello un sistema de videovixilancia eficaz para unha das iconas artísticas actuais da cidade.

Por todas estas vicisitudes a estatua de Castro de Jandro, autor tamén dun proxecto de escultura urbana semellante do poeta peripatético Carlos Oroza, que agarda polo interese do goberno municipal, constituíuse en dúas décadas en icona da liberdade de expresión e en homenaxe ao papel da prensa no desenvolvemento de Vigo como cidade acolledora, dinámica, liberal e cosmopolita. A estatua de Castro merece que se restitúa o deseño orixinal do seu autor e conte co respecto e protección do que carece.

Onte 2135: «santoamaro», o magnífico Premio Jules Verne de Antonio M. Fraga

Consegue Antonio M. Fraga con santoamaro (Xerais 2021), premio Jules Verne de literatura xuvenil 2020, darlle unha volta de porca literaria á chamada «novela de instituto» mesturando de forma natural á narración e o teatro. A orixinalidade na escolla dunha estrutura hibridada entre a novela e peza dramática, a localización espacial e temporal precisa,  a praia urbana de Santo Amaro do coruñes barrio de Monte Alto durante as madrugadas dos sábados dun mesmo verán, así como a fidelidade de espírito naturalista dos rexistros das voces dos personaxes, incluídas as textualidades das conversas dos grupos de WhatsApp e as súas preferencias musicais, permiten contar con enorme credibilidade e contundencia, froito dunha prosa clara e traballada, exenta de retórica lírica e tópicos didácticos, a historia dramática dunha ducia de estudantes que acaban de rematar 2º de Bacharelato e deben enfrontarse, antes de que os seus camiños se afasten, ás violencias, conflitos e miserias que foron adiando ou agochando nos anos de instituto.

santoamaro é unha novela de formación contemporánea logradísima e de excelencia, tanto no seu achegamento temático como formal, que aventuro marcará un fito na literatura xuvenil galega e na traxectoria do propio autor. Parabéns ao meu admirado Antonio.

Sergio, o noso porteiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á prematura retirada de Sergio Álvarez Conde, gardameta do Celta:

O anuncio de que Sergio Álvarez Conde, o «Gato de Catoira», colga as luvas debido a unha grave lesión de xeonllo conmocionou ao celtismo pola transcendencia de quen foi o noso porteiro, unha das iconas máis respectadas e queridas do vestiario da Madroa. Un xogador de canteira que soubo manter un compromiso inquebrantable co Celta, desde a tempada 2004-2005, cando sendo apenas un xuvenil procedente do Arousa a súa nai asinou o seu primeiro contrato profesional, pasando polas súas seis tempadas no filial, a súa cesión ao Racing de Ferrol, até ás once consecutivas no primeiro equipo, dende o seu debut en Segunda división da man de Paco Herrera o 4 de xuño de 2011 fronte ao F.C. Cartaxena. Dezasete anos de traballo humilde, tamén de continua mellora, nos que semana a semana, fose na lameira ou agardando no banco, desbaldiu doses xenerosas de afouteza e rigor para non darse nunca por vencido e facerlle fronte ás múltiples dificultades e perigos como tamén da mesura necesaria para compartir as proezas deportivas, que tamén as houbo, no ascenso memorable a Primeira e na Europa Leage (2016-2017) onde foi considerado o mellor porteiro.

Unha traxectoria de máis de 355 partidos como gardameta celeste (132 en Primeira e 10 en competición europea) nos que Sergio protagonizou tardes e seráns memorables. Imposible esquecer o penalti que detivo en Balaídos no seu primeiro derbi, na tempada 2014-2015, con Eduardo Berizzo como adestrador, na que o Gato no minuto 88 e coa táboa de marcas en 2-1 soubo aguantarlle cos brazos abertos ao bosnio Haris Mendunjanin e voar despois cara ao pao esquerdo empurrando coa punta das luvas o balón cara fóra. Unha parada extraordinaria que estalou o entusiasmo no Campo do Fragoso e valeu naquel momento máis que tres puntos, crebando sete anos sen gañar ao noso histórico rival. Como inesquecibles foron outros voos do noso Gato, como os daquela noite no Camp Nou,  tamén na primeira tempada de Berizzo, de quen sería un fixo no seu once, paradas que semellaban imposibles a remates de Messi e Luís Suárez, que permitiron unha vitoria histórica. Ou aqueloutra incrible na catedral de San Mamés despexando unha cabezada de Arduriz ou a noite de afouteza celtiña fronte ao Manchester United en Balaídos, o histórico 4 de maio de 2017, na que Sergio sostivo coas súas intervencións os envites dos diaños vermellos.

Sergio Álvarez pasará historia como un dos porteiros referenciais do Celta, como Ramón Allegue «Padrón», xunto a Rubén Blanco, o máis novo en chegar aos 50 partidos co equipo, autor tamén dunha historia do club publicada nestas páxinas de «Faro de Vigo». Como o foron tamén, entre outros que desempeñaron en Balaídos o noble oficio de gardameta, o «Tolo» Fenoy, o arxentino que paraba e marcaba penaltis, e unha longa relación na que non poden faltar Ibarreche, Patxi Villanueva, Javier Maté, Santiago Cañizares, Pablo Cavallero, Pinto e Yoel. Porén, o que diferenza con eles é que o de Catoira foi gardameta dun só club, dende o inicio até o final da súa carreira, no maldito partido de Copa contra o Mirandés do pasado xaneiro. Sergio priorizou a súa continuidade no Celta a calquera outros cantos de serea, unha rara avis no fútbol moderno, tan mercantilizado como deshumanizado. Unha lealtade celeste que o converteu en emblema do que é o Celta para a afección e o club como institución. E iso ten dobre valor para alguén que nunca o tivo doado, obrigado en agardar pacientemente dende a suplencia a súa oportunidade, a non desistir nunca do seu afán, mesmo cando foi discutido por catro repunantes e obrigado a esforzarse e demostrar a súa valía en cada partido.

Foi tamén Sergio Álvarez modélico polo seu compromiso como deportista coa lingua galega, que utiliza decote nas súas intervencións públicas e que considerou como un plus no contacto como xogador coa afección e un factor que o involucraba na historia do propio club, nacido para representar a Galicia. Como valentes foron as súas declaracións confesándose lector de textos de literatura galega, como a novela «Resistencia» de Rosa Aneiros, unha das súas preferencias literarias, contribuíndo así a conformar modelos alternativos para a nosa mocidade. Sergio entendeu como moi pouco futbolistas profesionais as dimensións deste deporte tanto como espectáculo de masas, que hoxe forma parte da industria do lecer, mais tamén o seu carácter formativo para a mocidade nun amplo catálogo de valores (respecto, lealtade, compañeirismo, esforzo, paciencia…) como o valor de todos os clubs como expresión de emocións, vivencias e identidades colectivas. Hoxe cando anuncia a súa retirada prematura expresamos a nosa admiración pola súa traxectoria impecable, agardando a súa continuidade no fútbol (no seu Celta) como técnico e formador de novos futbolistas.

Onte 2134: «Cadernos persoais» no 25 cabodano de Lois Pereiro

Tras a celebración do ano Lois Pereiro (2011) quedara pendente a edición dos cadernos de viaxe e das notas do diario dos seus derradeiros meses. Asumido inicialmente por Xerais, que encargara a Héctor Cajaraville a transcrición, edición e anotación dos textos, culmínase agora o proxecto editorial da man da editorial Chan da Pólvora, cando este 24 de maio se cumpren 25 anos do pasamento do poeta monfortino. Unha fermosa edición que recolle o texto das notas de viaxe que escribiu en cinco pequenas libretas entre 1989 e 1993, nas viaxes que fixo por Europa, ademais das anotacións realizadas na axenda que lle agasallara Isabel Romero, muller do seu irmán Josito, que constitúen un diario dos derradeiros días da súa vida, entre xaneiro e abril de 1996.

Edición completada por unha escolma de imaxes dos cadernos e por dous excelentes textos epilogais: o primeiro do profesor monfortino Fernando Saco, amigo de Lois Pereiro dende a adolescencia e compañeiro de moitas das súas viaxes; o segundo de Inés Pereiro, a súa irmá, tamén outra das súas compañeiras de viaxe. Cadernos persoais é un libro híbrido, entre a axenda de viaxe e o diario persoal, onde LP ensaia textos de futuros poemas, ideas para relatos, aforismos, citas musicais e literarias, ou sinxelamente relata con brevidade vivencias e aconteceres de viaxe. Na súa maior parte escrito en galego, aínda que LP incorpora outras linguas (castelán, francés, inglés e alemán), estes textos de espírito íntimo expresan a súa paixón pola vida concibida como unha viaxe compartida, mais tamén da viaxe (preferiblemente en tren e acompañada) como experiencia de goce e descuberta, como expresa Inés Pereiro, «a viaxe como unha forma de somerxerse na vida». Páxinas moi emocionantes, unha marabillosa exaltación da amizade e do amor, algunhas excepcionais, como as do diario que pecha o volume. Un libro escrito con toda a forza e a paixón de quen nunca se rendiu. Paga moito a pena. Sempre Lois!

Onte 2133: «Xela Arias. Os territorios da liberdade», a biografía de María Xesús Nogueira

A profesora da USC e crítica literaria María Xesús Nogueira, editora da Poesía reunida (1982-2003) de Xela Arias (Xerais 2018), é autora de dúas da semblanzas literarias máis completas da autora homenaxeada este 17 de maio: a incluída nesa decisiva recompilación poética e as (auto)rreferencias e contornas que introducen e pechan os textos da antoloxía Xela Arias. De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora 2021) que ela tamén escolleu. Dous textos moi influíntes na documentación didáctica e informativa da homenaxe a Xela Arias aos que habería que engadir as numerosas entrevistas e conversas nas que participou nos últimos meses, singularmente as publicadas nos monográficos das revistas Luzes e Tempos novos e as da serie documental A palabra esgazada, nas que con rigor documental, afán didáctico e compromiso feminista Nogueira perfila o retrato dunha escritora activista, implicada nos movementos sociais e artísticos do seu tempo que escolleu a independencia como primeira regra vital e procurou os territorios da liberdade.

Retrato que agora desenvolve con maior amplitude no libro Xela Arias. Os territorios da liberdade (Xerais 2021), a biografía literaria referencial e divulgativa da autora das Letras Galegas 2021. E faino reconstruíndo a voz de Xela Arias a partir das entrevistas, autopoéticas, conferencias e outros textos escritos por ela en primeira persoa, ao tempo que a vai enfiando con versos e outras prosas, especialmente as dos días de infancia, recollidas en Non te amola! (Galaxia 2021). Un arriscado exercicio de prosa autoficcional, resolto por Nogueira con mestría e contención, que traza un retrato humano e literario veraz de Xela Arias, fuxindo tanto dos perigos haxiográficos das vidas de galeguistas exemplares, un clásico no xénero, como do reconto de feitos cronolóxicos e anécdotas das amizades.  Como particular interese ten a lectura integral da obra poética de Arias no seu contexto persoal, xeracional e político, que axuda a entender o carácter transgresor e pioneiro da poeta, editora, tradutora e profesora viguesa.

Parabéns a Chus Nogueira por texto tan traballado e logrado como polas súas incansables e xenerosas achegas que contribúen de forma decisiva á recuperación da figura da escritora Xela Arias. Recomendo moi vivamente.