Vigo, cidade pedramol

Tras a presentación de Vigo, abella da ribeira, dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pedramol:

Na presentación de Vigo, abella da ribeira (Xerais 2023), tras as brillantes intervencións dos escritores Fran P. Lorenzo e Oriana Méndez, como despois das miñas palabras como autor desta nova escolma de artigos de Campo de Granada publicados desde hai vinte e catro anos en Faro de Vigo, Ledicia Costas preguntou desde a platea do salón de actos do Marco cal era a nosa opinión sobre o carácter de Vigo como cidade pedramol, sintagma creado polo poeta vigués Fran Alonso, xa hai trinta anos, a partir dun verso do seu primeiro libro de poemas, Persianas, pedramol e outros versos (Alacrán 1992): «Mol pedra de pedramol podre». Cuestión que respondeu, tamén dende a platea, Xosé Luís Méndez Ferrín explicando que se trataba dunha marca comercial viguesa, Pedramol, dun tal Esperón de Marín, fabricante dun produto de limpeza comercializado durante os anos da posguerra en paquetes de papel, que se compraba nas tendas de comestibles e nas droguerías e se utilizaba para a limpeza dos aros de ferro da cociña, das tarteiras, tixolas, potas e outros avíos. Relato que ampliou a que o produto podía obterse tamén acudindo a aquelas pedras moles, de aí o nome galego da marca, que se desfacían con facilidade ao pé do castelo de San Sebastián, en «Vigo cidade de castelos e túneles», subliñou, na proximidade da rúa do Pracer.

Intervención do mestre Ferrín que abriu a nosa curiosidade sobre un produto de limpeza e unha marca cen por cen galega que representa a identidade viguesa durante a ditadura. Un produto que comezou a venderse o 8 de agosto de 1941 (data da autorización do Ministerio de Industria), a razón de 0,40 pesetas cada paquete, por parte da sociedade PEDRAMOL, con sede administrativa en Vigo, primeiro na rúa Policarpo Sanz 28 e 30, despois, en Luis Taboada 22, e con explotación técnica no complexo industrial de Chan da Ponte no concello de Salvaterra, onde montou unha cheminea de vinte metros de altura. Un produto que se obtiña da selección e pulverización de pedras terrosas, que se empaquetaban en papel, anunciado como «produto de limpeza natural obtido dos cantos rodados descompostos procedentes do vello leito do Miño, de aplicación na limpeza do fogar», como figuraba no stand 111 da Exposición Industrial de Vigo de 1944. Publicidade agresiva que presentaba o Pedramol como «produto que limpaba e abrillantaba todo: metais, baldosas e utensilios do fogar», «con Pedramol brilla todo cal o sol» e no que «a súa presenza en calquera mercado anula toda competencia».

Paquetes de Pedramol, que lembramos na cociña da casa nosa durante os anos sesenta, cando se anunciaba como «Limpador Pedramol Pulidor», «o único produto que elimina radicalmente o feluxe das cociñas, olas, etcétera, etcétera…», «mil veces imitado e nunca igualado». Como lembro a miña nai fregando con aqueles estropallos o fondo das tixolas, desfacendo as areíñas do pedramol até quedar esgotada e deixar un arrecendo seco na bufarda. Limpador que a marca viguesa, a partir de 1955, compartiría coa distribución exclusiva en Galicia de Mistol, unha escuma de limpeza preparada por Industrias Rojo de Monforte, presentada polos publicistas como «o máis espectacular triunfo da química moderna destinado a todas as limpezas do fogar». Produtos de limpeza que a empresa viguesa,  da que era director xerente Enrique García Rincón, ampliaría en 1965 a lixivia Mar, distribuída naquelas botelliñas azuis de plástico (outra novidade). Catálogo que en 1970 ampliaba á lixivia Xiada, ao deterxente Xia e ao novo Pedramol espumante, utilizando sempre o galego en todas as marcas.

Compromiso social de Pedramol que Borobó abeizoaba no nadal de 1955 pola iniciativa da empresa viguesa de publicar como «christmas» a reprodución da «Romaría da Guía», cadro do gran pintor Francisco Pradilla, fervente namorado da comarca de Vigo. Como tamén Pedramol patrocinaba no mesmo ano, xunto a outras empresas viguesas como Cervexas La Barxa, algunhas etapas da sexta Volta ciclista a Galicia «Gran premio Chocolates Viso». Unha estratexia que converteu a Pedramol durante algúns anos no produto de limpeza máis utilizado en España, tamén unha referencia nas memorias familiares da vida cotián daqueles días difíciles. Como Pedramol forma parte da memoria das industrias viguesas, máis alá dos sectores portuarios, pesqueiros e automobilísticos, en actividades tan diversas, como a editorial Cíes (1941) de Elduayen, os Chocolates La Perfección (1940), Viso e Sabú de Sárdoma, as Cervexas de Santander (1925) da Cruz Blanca e Skol da Barxa, as máquinas de coser Refrey (1948) de Bouzas, as gasosas La Pitusa (1956) de Coia, a Panificadora (1924) da Falperra… Marcas industriais viguesas, non esquezamos, que como Pedramol conforman unha memoria cristalizada como ollada colectiva no porvir.

Toca remar

Comezou o Celta fronte ao Athletic Club en postos de descenso e rematou o partido décimo sexto, formando parte desa decena de equipos que cunha diferenza de apenas dúas vitorias loitarán pola permanencia que semella, tal como vai de baixiña a puntuación do pechacancelas, vai estar por riba dos corenta puntos. Unha primeira volta mediocre dunha das tempadas do centenario celeste na que a bancada do Fragoso asumiu con paciencia a caprichosa planificación deportiva da propiedade que deixou na bancada a Denís Suárez, o director de xogo da pasada liga, sen ser substituído por outro medio do seu nivel, ao tempo que recrutou media ducia de promesas e un par de veteranos que, con algunha excepción, aínda non callaron cando vai mediado o campionato. Un conformismo dos responsables do club, moi perigoso nunha liga igualadísima como a actual, que a dous días do peche nin sequera aproveitou a posibilidade do mercado de inverno sequera coa intención de ilusionar a un celtismo tan incansable como xeneroso na súa dedicación.

Como tampouco, até o partido de onte, a incorporación ao banco do doutor Carlos Carvalhal provocara unha clara reorientación da tendencia dos fracos resultados do equipo, a pesar de tratarse dun adestrador estudoso que polas súas características, a súa querenza polo bo xogo, pola flexibilidade e organización táctica e a súa aposta polos novos valores, como mesmo pola súa afinidade cultural e afectiva, mamada na súa Braga natal, podería construír no Celta un proxecto de longo alento. Un Carvalhal que na tarde de onte, coñecedor da transcendencia do encontro, arriscou moito de saída, cun novo debuxo que fixera saltar a asfixiante presión alta dos xogadores de Ernesto Valverde. E para iso non dubidou en deixar no vestiario a Mallo, Beltrán, Cervi e Larsen, habituais no once inicial celeste, debuxando un rombo inédito no medio do campo, con Tapia, Óscar, Gabri Veiga e Luca de la Torre, deixando unhas bandas longas para que corresen Carles Pérez e Javi Galán na procura dun solitario Iago. Un plan de partido que deu resultado no primeiro minuto de xogo, nunha explosiva carreira do extremo catalá finalizada cun xute cruzado que superou ao porteiro. Un golazo de fermosa factura, anulado a instancias do VAR, que amosou que o Celta onte pretendía tirar de orgullo e moita velocidade para saír canto antes da súa delicada situación.

Secasí, foi un espellismo, xa que os leóns foron tecendo a súa rede que colocaban practicamente á altura da área galega, impedindo que o Celta se estirase e fose capaz de sacar o balón do seu propio terreo. Con todo, Carles e Luca de la Torre realizaron un par de carreiras xeitosas até a liña de fondo, sen consecuencias entre os tres paos, nunha primeira parte que resultou intranscendente para ambos os dous equipos. Por ventura, Carvalhal non se conformou coa igualada e coa continuación deixou no vestiario a Tapia e Óscar, onte (como ao longo de todo o campionato) moi pouco afortunados. A entrada de Beltrán contribuíu a coser ao equipo e a de Larsen a abrir fendas entre os centrais vascos para que Iago puidese coarse e tecer paredes co dianteiro noruegués. O Celta foise estirando e enredando  coa súa tea ao Athletic até que no minuto 70 un servizo excelente de Luca, que Larsen moi fino deixou pasar agachándose, chegou a Iago que soubo gañarlle a posición aos centrais e conseguiu bater a Simón. Outra peza de ourivería do Merlín de Moaña, a novena no que vai de campionato, que resultou por ventura decisiva, como xa o fora nas vitorias anteriores celestes.

Con vinte e cinco minutos por diante, o Celta tirou de afouteza e soubo defender con orde e serenidade o resultado, mesmo sen renunciar a volver a collerlle as costas aos bilbaínos. Un exercicio defensivo óptimo, deixando a porta a cero, moi esperanzador para facer fronte a unha emocionante segunda volta do campionato na que aínda hai moito que roer entre unha decena de equipos. A este Celta orgulloso de Carvalhal, que agardamos sexa reforzado cun dianteiro, tócalle remar e remar.

* Publicado en Faro de Vigo 30/01/2023

Facedores de imaxes

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro de Vítor Vaqueiro sobre as figuras dos fotógrafos Filippo Prosperi e Cándida Otero:

Ademais da biografía de José Gil, que recomendamos a pasada semana, acaba de aparecer nas librarías outra peza valiosa na bibliografía viguesa, Facedores de imaxes (Galaxia 2022), o magnífico libro-álbum no que Vítor Vaqueiro reconstrúe a historia da parella formada por Filippo Prosperi e Cándida Otero Fontán no marco do desenvolvemento da fotografía e da sociedade en Vigo durante o derradeiro terzo do século XIX e a primeira década do XX. Froito dunha demorada investigación, Vaqueiro rescata e contextualiza o legado destes pioneiros da fotografía artística e documental en Vigo, dos que de corenta e cinco anos de actividade diaria dentro e fóra das súas galerías das rúas Sombreireiros 27 (1869), Triunfo 4 (1881) e Príncipe 31 (1885) apenas se conservan non chega a 200 fotos. Un arquivo case oculto en boa medida pola obra xigantesca posterior do fotógrafo portugués Jaime de Sousa Guedes Pacheco, que desde 1907 formou parte do estudio da Viúva de Prosperi e que conduciría desde o pasamento de Otero en 1915.

Concibido como percorrido biográfico e profesional da parella galego-italiana, Vaqueiro rescata a súa obra de estudio, en boa medida retratos responsabilidade de Cándida, sobre todo de crianzas, práctica fotográfica que entón se consideraba de nivel inferior. Inxusta valoración que, pola súa condición de muller, se deitou sobre este traballo e que Fernanda Padín Ogando xa denunciara na súa investigación sobre fotógrafas pioneiras en Galicia (2017). Rescate tamén da obra documental de Prosperi que tirou algunhas das vistas máis emblemáticas do Vigo que comezaba abrirse fóra das murallas, como as da Alameda (1885), que amosan o perfil do paseo co palco da música, o teatro Rosalía de Castro e o castelo do Castro, fotos que deberon formar parte do álbum Galicia Pintoresca, co que probablemente se pretendía contribuír entón ao pulo do turismo na cidade. Ollada que Prosperi deitaría sobre outros espazos nos que a cidade se ensanchaba, como a Batería da Laxe (1885), o peirao do Ramal (1880) e a rúa Príncipe (1885), sen esquecer as escenas portuarias da casa de baños La Iniciadora (1880), da Ribeira (1890), da praia de San Francisco (1890), entre outras.

Con bo criterio, o autor contextualiza o traballo da parella Prosperi e Otero no período limiar da fotografía en Vigo, rescatando tamén o labor dos seus contemporáneos. No relato de Vaqueiro podemos seguir o fío da aparición da fotografía en Vigo, da que se daba xa noticia no primeiro número de Faro de Vigo (3 de novembro de 1853) como da actividade dos primeiros fotógrafos vigueses como aquel itinerante Manuel Ricaud, que anunciaba xa en 1856 a súa galería fotográfica na Porta do Sol. Actividade continuada polo betanceiro Buenaventura España Peñaranda, con galería aberta en 1860; polo poliédrico pintor vigués Ramón Buch y Buet, que abriu estudio en 1866; polo italiano Patricio Bocconi (1877), que comprou o estudio a Buch e documentou a visita a Vigo dos reis no mesmo ano, imaxe portuaria viguesa que aparecería en La Ilustración Española y Americana; por Leopoldo Novua Castro (1883), establecido en rúa Sombreireiros, probablemente, no primeiro estudio de Prosperi, que viaxaría a América deixando como responsable a Luis Sacau; por Andrés Cabeiro (1888) con estudio en Príncipe 35, fronte a rúa do Circo, que se comprometía nos seus anuncios «a retratar aínda que o tempo estivese chuvioso» até por José Gil (1905), entre outros.

A biografía de José Gil de Manolo González, como estoutra da parella Prosperi-Otero de Vítor Vaqueiro, rescates de pioneiros da fotografía e do cinema en Vigo, amosan a importancia fulcral da actividade fotográfica para entender a historia do Vigo contemporáneo, cartaces de memoria que nos explican e constitúen a cerna do noso provir. Un patrimonio cultural de máis de trescentas mil imaxes pertencentes aos legados dos fótografos históricos como Cándida Otero e os seus contemporáneos citados, mais tamén do extraordinario arquivo da saga dos Pacheco (adquirido polo concello o 24 de maio de 1991), das fotos viguesas de Ksado, do arquivo Llanos (depositado no Museo Etnolóxico de Ribadavia), dos arquivos de fotoxornalistas como Bene, Magar, Cameselle, dos arquivos de fotógrafas sociais como Mary Quintero, de coleccións fotograficas privadas como as do arquivo Yáñez (case mil placas), de reportaxes de fotógrafos que nos visitaron como Rut Matilda Anderson, Otto Wunderlich, Erich Andress, Hugo Jaeger ou Aureliano Dias, dos legados de fotógrafos amadores vigueses como Terré, Rainiero ou Masso, entre outros. Recuperar o proxecto de Centro Galego de Fotografía, que contaba con edificio de seu, para conservar un patrimonio que non ten prezo, constitúe un alicerce dunha política municipal de patrimonio cultural responsable.

José Gil, pioneiro do cine

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de José Gil, fotógrafo e precursor do cinema en Galicia:

Entre as publicacións recentes da bibliografía viguesa destaca Nos días encantados de agosto (Galaxia 2022), unha biografía de José Gil preparada por Manolo González. Un libro referencial para desvelar o ronsel esquecido do precursor do cinema galego, tamén un dos protagonistas da actividade fotográfica, comercial e cultural de Vigo durante as primeiras décadas do século XX. Unha concienciuda obra de investigación biográfica, tamén un tributo a unha figura que amaba o cine por riba de todas as cousas, aquel vello barbudo que filmaba en solitario polas rúas viguesas, a quen consideraban un pouco tolo. Unha aproximación detallada a unha filmografía de 150 películas, producidas entre 1910 e a Guerra Civil, das que conservamos só sete, pezas do proxecto de «cinematografía rexional galega» que levou a Gil a filmar fábricas, industrias, escenas labregas, escolas, paisaxes, vodas, festas e romarías, entre outras moitas temáticas. Un retrato entrañable dun fotógrafo artesán, do que se conservan apenas catrocentas fotografías, unha pequena parte dos milleiros que tirou nos seus estudios de fotografía artística en Ourense, Lugo e Vigo ou na súa calidade de fotógrafo ambulante e pioneiro do reporteirismo gráfico en Galicia.

Nacido en 1870 en Rubiós, no concello das Neves, terra de músicos e viño tinto xeneroso, José Gil iniciouse como fotógrafo artístico no balneario de Mondariz, onde coñeceu a técnica pictorialista dos retratistas que facían alí a temporada estival e descubriu a modernidade a través do visor dunha cámara. Naquel microcosmos cosmopolita, adquirirá ademais o seu interese pola publicidade que moito lle servirá, despois do casamento con Trinidad Sarabia, nacida nunha familia de fotógrafos de Castro Caldelas, para establecer en Ourense en 1896 o seu primeiro estudio, Fotografía Artística, que en 1905 trasladaría a rúa Carral 14 de Vigo, atraído polo carácter emerxente e cargado de futuro da cidade. Comezo dun actividade que en poucos anos o convertería no rei da fotografía viguesa, instalado dende 1908 na rúa do Príncipe 49, na galería que chamou Gran Fotografía, ademais de reporteiro gráfico de referencia de Vida Gallega (1909), a primeira revista gráfica galega moderna. Unha actividade que o levará a fotografar a actividade social e industrial viguesa e a abrazar a idea do progreso e do valor da tecnoloxía, que anos despois o faría asumir a representación oficial dos automóbiles Ford e despois dos Texan e Traffic en Galicia.

Paixón polas máquinas dun soñador que a finais de 1909 mercou unha cámara Gaumont de madeira con obxectivo fixo e golpe de manivela (hoxe unha das pezas que mellor nos explican como cidade), coa que filmou as súas primeiras imaxes, o 3 de xullo de 1910, da excursión viguesa a Santiago, e vinte días despois da visita dos periodistas ingleses a Vigo e Pontevedra. Actividade que prendeu naquel verán con outras catorce filmacións localizadas en Vigo na súa maior parte, como a da colocación da primeira pedra do monumento a Curros Enríquez na Alameda. Novidosa cámara a de Gil que probablemente motivou a mítica fotografía de Manuel Murguía acompañado de membros da Real Academia Galega, o 27 de novembro de 1910, na súa galería de Príncipe, momento excepcional para a cultura galega decote remisa a valorar a cultura audiovisual. Inicio dun actividade cinematográfica que Gil levou alén mar por medio do cinema de correspondencia, financiado polas sociedades galegas de América, consolidada xa cando filmou Miss Ledya (1916), a primeira ficción do cinema galego, e cando no mesmo ano produciu a Revista Cinematográfica Galicia, o primeiro noticiario de Galicia.

Foi a produtora Galicia Cinegráfica o proxecto empresarial de José Gil entre 1921 e 1935, un período non exento de dificultades no que viviu en Ponteareas durante tres anos (1924-1927), onde abriu o Cine Royalty, e no que regresou a Vigo para establecer en Teis a súa empresa de filmación de «noticiarios de industrias, vodas, dramas e belezas de Galicia». Daquela etapa consérvase o filme publicitario de 34 minutos sobre La Artística (1927), valiosa mostra do traballo documental realizado en solitario. Cualificado por Manolo González como «intrépido explorador e soñador que se achegou á realidade a través do encadramento fotográfico», esta biografía de excelente alento narrativo reclama poñer a este pioneiro iconauta como referente da cultura cinematográfica en Galicia. En Vigo podemos recordalo no cemiterio de Pereiró, no monumento funerario de Asorey, en homenaxe as súas tres fillas, e dende 2007 na rúa que leva o seu nome preto da praza da Miñoca. Con todo non estaría de máis que se colocase unha placa que o lembrase na rúa Elduayen, na casa dos irmáns Sarabia onde faleceu o primeiro de xaneiro de 1937.

Adeus Rikitrí

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao peche da taberna Rikitrí:

Coa fin de ano pechou a taberna Rikitrí da rúa Hernán Cortés 14. Dende hai trinta e cinco anos rexíaa Arximiro Rodríguez Carballido, «Miro», que collera o traspaso da Casa Anuncia aberta a comezos da década de 1940. Dende entón a Rikitrí nunca perdeu o sabor dunha taberna de toda a vida, durante o día un lugar acolledor de conversa agradable para tomar unha chiquita ou unha caña, onde se reunían os empregados e veciñanza das proximidades de María Berdiales e Urzaiz, pola noite parada segura de noctámbulos e solitarios na procura da última. Da man do bo de Miro dende 1987 converteuse tamén nun dos templos celtistas da cidade, tanto por ser sede da peña celtista homónima (formada por sesenta persoas), como pola decoración dos teitos con bufandas do Celta e doutros equipos cos que xogou en liga e competición europea e das paredes con equipamentos e fotografías coas que é doado reconstruír a historia do noso equipo nas catro décadas de entre séculos. Como foi tamén a barra humilde da Rikitrí un espazo onde decote se falaba galego con orgullo e se debatía con paixón sobre o futuro incerto do noso primeiro equipo como da propia cidade.

Miro quixo para a Rikitrí que fose tamén un espazo para celebrar a ledicia e a cultura nosa, organizando as polbeiras dos sábados, recitais poéticos ou verbenas e concertos nos que participaron artistas como Alberto Cunha, Acordeireta, Os residuos atractivas ou Zurrumalla, grupo de música tradicional que lle dedicou un pasacorredoiras. Con todo, sempre foi a remada de nadal convocada cada serán de noiteboa e noitevella a actividade máis singular e emblemática desta entrañable tasca viguesa. Dende hai tres décadas máis de medio cento de persoas protagonizaban esta extraordinaria performance ocupando o medio e medio da rúa Hernán Cortes, remando cos seus corpos ao compás dos seus berros, festexando así a amizade e a ledicia coma se fosen participantes dunha competición de traíñas ou yolas no escenario da ría. Unha remada popular que co peche da Rikitrí dificilmente poderá repetirse, sexa pola merecida xubilación de Miro como pola posta en marcha dun proxecto de urbanización que prevé construír dous edificios e unha praza que comunique de forma peonil as rúas de Hernán Cortés e María Berdiales coa rúa Simón Bolivar, o que obrigará a derrubar o edificio da taberna e outros da súa contorna.

Un peche inevitable o da Rikitrí que nos provoca un aceno de doce melancolía, como a propia despedida que reza na porta da tasca na que Miro agradece no remate da súa andaina o cariño, o ánimo e o apoio recibido da súa clientela, que define como «persoas Xeniais, Marabillosas, Fenomenais». Este adeus da Rikitrí supón a testemuña da desaparición dunha comunidade informal que cada día facía cidade, mais que por ventura formará parte da memoria emocional das persoas que vivimos alí momentos de lecer e compañía. Emporiso as tabernas, tascas, bares ou cafés forman parte do sistema nervioso de cada cidade, xa que máis alá do consumo de bebidas e tapas son espazos necesarios para facilitar o benestar emocional e a socialización da veciñanza e das persoas que nos visitan. Un fenómeno vigués moi característico estudado polo escritor José G. Barral Sánchez en Por catro perras (Cardeñoso, 2007), a primeira guía de tabernas e tascas de Vigo, prologada polo lembrado Xosé Ramón Iglesias. Nas páxinas da obra formidable de Barral está a Rikitrí, xunto a outras tabernas clásicas viguesas como Elixio da travesía da Aurora (hoxe na súa terceira etapa da man de Poldo Celard), o Bar Chavolas da rúa Cesteiros, o Bar Pereira da rúa Ecuador, o Racimo no Couto Piñeiro, o Bar Primavera da Ronda, o Estanco de Bembrive, o Porco da rúa Real, entre tantas outras.

Secasí, a partir de agora a de Miro formará parte da longa relación de tabernas viguesas da memoria, desaparecidas como as que ocupaban a praza do Berbés como o Bar Turista, Avencio, Canta Galo, Si Podo, Raúl, Girasol, Rápido ou Diego. Como desapareceu en 2018 o Bar Tapitas e outros sete que había na rúa de Santiago, onde aínda permanece aberto o Bar Nosa Terra. Como desapareceu a taberna da Viúda, onde se construíu o edificio do Colexio de Arquitectos, como hai poucos anos pecharon o Gazpara na praza da Princesa, o Bar Hipólito  e o Buraquiño de Travesas, a Cosechera e o Barajero na rúa Pi e Margall ou o Bar Mascato da rúa Llorente, preto de onde aínda reside a emblemática Casa Roucos, santuario de artistas e escritores vigueses. Como hai tempo que pechou a Casa Armando da calella das Angustias, da que aínda lembro o arrecendo dos callos os xoves e sábados, as mesas de mármore branco puído e as fotografías de viaxes do Celta, espazo de privilexio para os editores de Castrelos, Xosé María Álvarez Blázquez e Darío Xohán Cabana.

Adeus Rikitrí, beizón Miro por tantos anos de agarimo e presenza!

Onte 2156: «Pequena historia de Vigo»

Gustoume o resultado da colaboración creativa entre o escritor Pedro Feijoo e o ilustrador e creador de banda deseñada Xosé Tomás en Pequena historia de Vigo (Edicións Embora 2022). Un álbum que sintetiza en dúas ducias de dobres páxinas os tópicos esenciais da historia de Vigo, dende o seu carácter castrexo até cidade da movida da década de 1980, dende o Vicus romano ao do «desarrollismo« franquista, dende a invasión do caudillo viquingo Gundraed ao Vigo dos grandes arquitectos de comezos do século XX. Tópicos que non esquecena a presenza de Rosalía naquel Vigo de Chao e Compañel nin do Vigo corsario dos primeiros fomentadores nin tampouco aquela vila transformada en cidade tras o episodio da Reconquista.

Como tamén lembra a historia da oliveira, icona da cidade, e non esquece a recuperación de viguismos, como ghicho, manises ou patatillas, utilizados na nosa fala popular. Feijoo e Tomás combinan con habilidade as olladas panorámicas sobre os grandes acontecementos dunha historia bimilenaria coas notas de detalle, unha fórmula de fino espírito didáctico que aventuramos contribuirá a interesar a escolares (non só de Primaria) e persoas curiosas na historia dunha cidade que quizais pensaban carecía dela.

Un traballo excelente, referencial e divulgativo, froito do excelente e documentado guion de Pedro Feijoo, un dos mellores divulgadores da memoria viguesa, como do debuxo arquitectónico (e polo tanto preciso) de Xosé Tomás, que non renuncia ao seu humor retranqueiro nin a desenvolver páxinas memorables (como ese perfil da tan maltratada Porta do Sol) e homenaxes intertextuais emocionantes (velaí a  presenza do diario Galicia de Paz Andrade, Siniestro total ou a editora Xerais, entre outras). Parabéns por tan magnífica edición a ambos os dous coautores como á editora de publicación cen por cen viguesa.

Onte 2155: «Vémonos mañá» de Xosé Monteagudo

Cando fun recoller os primeiros exemplares de Vigo, abella da ribeira (Xerais 2023) tiven a fortuna de levar tamén un de Vémonos mañá (Xerais 2023), libro co que Xosé Monteagudo se incorpora ao catálogo de Xerais Narrativa. Confeso que lin de dúas longas sentadas esta novela engaiolante sobre a relación dos pontevedreses Josefina Arruti Viaño e Bibiano Fernández Osorio-Tafall, unha historia de resistencia de dous amantes separados de forma inesperada o 12 de xullo de 1936, na que unha chamada telefónica cinco días despois mudará as súas vidas, pero nunca nin as súas ansias nin os seus ideais. Unha conmovedora novela política sobre tantas esperanzas truncadas pola rebelión militar que, como fixeran con tanto acerto Suso de Toro coa figura de Ramón Baltar ou Luís Rei Núñez coa de Castelao ou Reboiras, amosa que a reconstrución dende a ficción de traxectorias biográficas constitúe unha estratexia moi valiosa para o coñecemento da historia e memoria do galeguismo.

Acerta Monteagudo cando se achega con certa distancia á figura de Bibiano F. Osorio-Tafall, profesor de ciencias, unha das figuras políticas galegas máis relevantes do século XX, tanto polo seu papel no proceso de aprobación do Estatuto do 36 como alcalde de Pontevedra e presidente da comisión intermunicipal, pola participación nos gobernos da República, especialmente no último de Negrín como, xa exiliado en México, polo seu labor diplomático na FAO e nas Nacións Unidas, sendo mesmo candidato a presidir a propia ONU. Como acerta Monteagudo en afondar na figura heroica (e case anónima) de Josefina Arruti, cuxa historia desvelara Montserrat Fajardo no seu formidable Un cesto de mazás (2015), que sufriu en Pontevedra a durísima represión daqueles anos de terror, dende meses de cárcere a anos de acoso e estreiteza económica.

Monteagudo ofrece dous retratos paralelos que se van desvelando no tempo, unha estrutura narrativa moi precisa e orixinal que en vinte e catro horas conta dúas vidas longas que a pesar de xiros e reviravoltas diversas semellan nunca darse totalmente por vencidas. Vidas que se orientan por decisións e instantes capaces de determinalas para sempre, como tamén as das súas familias e do seu propio país. Que tería acontecido en Galicia se Bibiano F. Osorio-Tafall tivese aceptado a proposta de Adolfo Suárez a presidir aquela Xunta de Galicia da Preautonomía?

Recomendo vivamente a lectura dunha novela rica en matices e detalles, escrita de forma elegante sen abandonar nunca a distancia e a contención necesarias para que os retratos de Josefina e Bibiano resulten tan atractivos como verosímiles. Parabéns ao autor e á editora por incorporalo ao seu catálogo.

Celso Emilio, fillo adoptivo de Vigo

No primeiro artigo do ano en Faro de Vigo propoño que Celso Emilio Ferreiro sexa declarado fillo adoptivo de Vigo e se recupere o premio internacional CEF de poesía:

Unha das novas culturais viguesas recentes é o rescate dos poemas prohibidos de Celso Emilio Ferreiro (CEF) promovido polo Colexio de Procuradores de Vigo presidido por José Antonio Fandiño. Dez textos escritos en castelán, que formaban parte da primeira edición de Antipoemas (El Álamo, 1972), mais que foron censurados e retirados do libro, sendo editados de forma artesanal por Xosé Xesto en Venezuela como unha separata non venal. Un compendio de poemas prohibidos que amosaba ao Celso Emilio político e antifranquista, tamén o máis esperanzado, dos seus últimos anos no doloroso desterro venezolano. Velaí poemas como «Juan vive muy bien en Caracas», «Hay que definirse» ou «Lo que el tiempo espera», no que confesa a esperanza que cheguen «ventos propicios» e «horas feridas», días no que será posible «derrubar a pirámide de chumbo» grazas ao riso da xente, sen dúbida, referíndose á fin da ditadura franquista.

Un singular rescate poético realizado polo colexio vigués de procuradores que dende 2020, cando o nomeou colexiado de honra, comprometeuse de forma modélica coa causa da memoria do poeta de Celanova, ao tempo que contribuíu a recuperar para o arquivo da Fundación CEF medio cento de documentos que desvelan a súa actividade como profesional da procura, instalado en Vigo dende 1950 nun despacho da rúa Gil, no que se centra en denuncias de contrabando no Mercado da Pedra, e na que mantén tamén unha oficina de seguros. Unha actuación na procura, coincidente co período vigués, de 1950 a 1966, anos decisivos para a súa escrita poética, nos que publicou en Vigo O soño sulagado (1954), Voz y voto (1955), impreso clandestinamente no prelo de Gráficas Numen de Luis Noia e Longa noite de pedra (colección Salnés, 1962). Anos tamén nos que dirixe un obradoiro de fotogravado, colabora con Ramón González Alegre na dirección da revista Alba e publica nas páxinas de Faro de Vigo medio cento de artigos, entre eles os da sección «La jaula de los pájaros raros», na que ofreceu algunha das súas mellores prosas viguesas.

Entre estes textos de Faro de Vigo hai dous de gabanza que merecen ser salientados: «Glosa de Vigo», un longo traballo publicado no folleto especial que Faro publicou con motivo do seu centenario, e «Vigo, puro milagro», premiado no concurso literario do Centro de Fillos de Vigo en 1954. Dúas pezas merecentes de formar parte do libro de ouro de Vigo, unha cidade para Celso dun ímpeto case volcánico «que descansa no lombo dos peixes e gabeou Castro arriba para contemplarse orgullosa e ver o mar». Unha cidade «á que lle falta intimidade porque lle sobra adolescencia, é dicir, timidez», conformando «un milagre do mar, agromada coma unha flor na súa beira». «Vigo, cidade clara e rotunda coma un teorema, pecha no seu encanto, na súa gracia e donaire, unha teoría de milagres idénticos aos que laten ao ritmo da pandeirada», –escribe o poeta, rendido diante do pulo das glándulas que impulsaron o crecemento febril e incansable dunha cidade, que representa a «fusión urbana do mariñeiro e do campesiño nunha síntese perfecta de cidade galega moderna», onde todos os galegos son capaces de reencontrarse doadamente e «ninguén precisa violentar o seu íntimo ser para incorporarse á vida viguesa».

Dende aquel triste serán do 31 de agosto de 1979, no que faleceu no piso da avenida de Castrelos que compartía con Moraima, Vigo aínda non homenaxeou como merece poeta que tanto a amou. Certo é que o alcalde Manuel Soto participou nas primeiras homenaxes e que a corporación que presidiu dedicoulle en 1982 unha rúa e paseo na proximidade do Castro co seu nome, onde chantou un busto do poeta. Como tamén o é que a alcaldesa Corina Porro descubriu  en 2004 unha placa no edificio da rúa Urzaiz onde viviu a familia Ferreiro Loredo. Como ademais é salientable que no ano 2000 o concello de Vigo, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo e concelleiro de Cultura Carlos Príncipe, convocou en colaboración coa Deputación de Ourense, presidida por José Luis Baltar, o Premio de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que cunha dotación de cinco millóns de pesetas (30.000 euros) distinguiu a traxectoria dun poeta. Primeira e única convocatoria dun certame literario internacional do que resultou gañador Eugenio de Andrade, o grande poeta portugués.

Un compromiso aínda cativo con Celso Emilio que cando celebramos esta noite de Reis o 111 aniversario do seu nacemento debería ser incrementado. E para iso nada mellor que o concello recuperase a convocatoria do premio internacional de poesía co seu nome, o que tamén colocaría a Vigo na axenda literaria mundial, e a corporación acordase por unanimidade declarar a Celso Emilio Ferreiro como fillo adoptivo a título póstumo, o que contaría cun amplo apoio das entidades profesionais, veciñais e culturais viguesas.

Feliz 2023

Neste 2022 de ballóns continuamos a tradición de celebrar o serán de San Silvestre coa música do grupo dos manchesterianos irmáns Gallagher. Desta volta facémolo con «Stop Crying Your Heart Out», tema que corresponde co nivel de suave melancolía das rúas viguesas arestora.

Os meus mellores votos para un 2023 no que as luces dos afectos nos permitan compartir a esperanza do porvir.

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Carlos Núñez e a marca celta

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao concerto de Nadal de Cartlos Núñez e a súa reivindicación da marca celta:

O marabilloso concerto de Nadal de Carlos Núñez nun García Barbón a rebentar amosa que Galicia, e Vigo moi en particular, pertence a ese universo mítico celta que comparten as sete nacións das fisterras atlánticas. Acompañado do seu irmán Xurxo á percusión e programacións, do seu inseparable Pancho Álvarez ás cordas e de tres virtuosas, a euskalduna Itsaso Elizagoien á trikitritxa, a catalá María Sánchez ao violín, fídula e voz e a bretoa Bleuenn le Friec á arpa, o gaiteiro vigués desenvolveu un emocionante concerto sobre as orixes da nosa música tradicional. Serán memorable, que rematou coma unha xenuína fest-noz bretoa cunha exaltación das danzas atlánticas, dende os engaiolantes xotes universitarios brasileiros até o andró bretón. Un concerto inesquecible no que Núñez estreou «Danza de espadas», tema moi novidoso no seu amplísimo catálogo musical, xa dispoñible en Spotify, onde a súa escolma das danzas mariñeiras de Marín e Redondela, catalogadas polo musicólogo Casto Sampedro, se mesturan coas bases rítmicas e percusións dixitais de trap creadas por Yung Denzo, dj produtor vigués de 18 anos, un fito para a anovación da nosa música tradicional.

Ao longo  do concerto, unha tradición que abre o nadal vigués cada 23 de decembro, custeado só coas vendas da billeteira, Carlos Núñez reivindicou a marca celta para a nosa cultura, causa na que leva comprometido desde que publicara o seu primeiro disco, «A irmandade das estrelas» (1997), e na que afondou en Entre Fisterras (Xerais 2003), o libro de conversas con Salvador Rodríguez, xornalista de Faro de Vigo, realizado en paralelo á investigación cultural que o levou á gravación do disco, «Almas de Fisterra». Unha marca celta que para Núñez constitúe unha oportunidade de conexión cos países e culturas do espazo atlántico, mais tamén unha posibilidade de abrir unha xanela para sermos recoñecidos no contexto global e homoxéneo no que Galicia está inmersa. Unha identidade celta en continúa construción, que remite tanto ao pasado como ao futuro, unha identidade viva que quere asimilar miles de anos de interacción co Atlántico que, como sinala o profesor Manuel Gago, constitúe un valor diferencial, positivo e poderoso, capaz de conectarnos e diferenciarnos a un tempo.

A marca celta supón para Galicia orientar tamén a ollada de forma prioritaria cara ao chamado eixo atlántico europeo, tanto a nivel económico como cultural, tanto a nivel do desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias, portuarias e aeroportuarias como dos mercados exteriores. Noutras palabras, dirixir os esforzos e conexións máis cara a Gallaecia portuguesa, a costa atlántica francesa, Irlanda e o Reino Unido, que cara a Madrid e o eixo mediterráneo europeo. Nese espazo económico e cultural celta (ou atlántico, se prefiren a denominación xeográfica) Galicia ten moito que dicir e compartir con esoutros países celtas, desde o futuro da industria do automóbil, o claro potencial do sector das enerxías renovables, a recuperación das súas linguas propias minorizadas, o aproveitamento sostible dos seus caladoiros de pesca, o abandono do rural e devalo demográfico, as relacións entre o patrimonio e o turismo, as migracións e diásporas americanas, a preservación dos hábitats até as dietas excesivas en graxas e sal da súa poboación. E non estamos falando aínda nin de música nin de literatura nin do de desenvolvemento do sector audiovisual no marco do mainstream onde as afinidades son máis evidentes.

Nesta estratexia celta para que Galicia aproveite as oportunidades da súa identidade cultural e localización atlántica, Vigo como primeira cidade industrial e portuaria galega, mais tamén pola súa tradición cosmopolita e modernizadora, ten unha posición inmellorable para liderala. E hai razóns abondas. Dende hai décadas, como cidade do automóbil mantivo contacto portuario permanente coas factorías bretoas do grupo PSA Citroën, conexión desta autoestrada do mar que se ampliará o ano entrante co porto de Liverpool, onde desembarcarán compoñentes fabricados en Balaídos para ser montados na factoría de Stellantis de Ellesmere-Port. Como existen afinidades culturais entre Nantes e Vigo, unidas por Jules Verne e a súa fascinación pola ría de Vigo, cidades que agardan por un irmandamento. Como non se pode esquecer que Vigo é sede dunha modélica Escola de Música Folk e Tradicional e da Escola de Construción de Instrumentos Musicais, como que aquí tiveron o seu berce musical o propio Carlos Núñez e os seus compañeiros de Matto Congrio que formaron logo Berrogüetto, abrindo os límites para a música de raíz…

Ten razón Carlos Núñez cando reivindica a marca celta, é unha oportunidade económica e cultural que unha Galicia liderada por Vigo non pode deixar escapar.