Modo galego, actívao!

O sociolingüista Fernando Ramallo no seu clarificador e moi didáctico libro recente, Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación da lingua (Xerais 2023), considera que o actual proceso de substitución lingüística ten como principal efecto a ruptura da cadea de transmisión familiar, o que vai reducindo tanto o número de novos monolingües como o uso do galego entre a rapazada, trazos singulares do actual estado da lingua. Unha tendencia de abandono imparable, mesmo nas casas onde se fala só ou de xeito preferente galego, o que hoxe sabemos non garante que as crianzas así socializadas manteñan a lingua da familia cando comezan a ser escolarizadas. Unha mudanza de lingua á que non é allea o feito de que as cidades, nunhas máis ca outras, sexan espazos moi hostís para que a picariñada «sobreviva» en galego. Unha forma de vida castelanizada da que non é doado saír, mais que para Ramallo mudaría «se fóra do fogar o galego tivese unha maior presenza nos espazos de socialización secundaria, como a escola, os centros deportivos, os videoxogos ou as redes sociais». Unha emancipación sociolingüística necesaria para o futuro da lingua que pasa inevitablemente pola creación de espazos de inmersión lingüística, como sucede en «Modo galego, actívao!», iniciativa da RAG, do concello e dos centros públicos de infantil e primaria de Ames. Unha valiosa experiencia piloto de colaboración entre profesorado e familias na promoción do galego cuxa vontade explícita e a asociar o uso da lingua galega coas actividades non académicas e de lecer (madrugadoras, extraescolares, escolas deportivas, campamentos de verán…, entre outras), actividades interxeracionais, intergrupos e intercentros,  que facilita cuñar así un modelo de compromiso lingüístico na infancia. Promover actividades en galego para frear a perda de falantes e fomentar o refalantismo entre os que foron monolingües iniciais, dentro e fóra das aulas, dentro e fóra das escolas, supón activar o «modo galego».

Publicado en Nós diario: 27/09/2023

Que pasa co galego en Vigo?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos datos do estado da lingua en Vigo:

Das sete cidades galegas, Vigo é onde menos galego se fala: apenas o 15,4 % da poboación viguesa afirma ser usuaria prioritaria do galego (o 49,3 % en Galicia), segundo datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2018, recollidos por Fernando Ramallo, catedrático de Lingüística da Universidade de Vigo no seu libro recente (recomendabilísimo e referencial), Que pasa co galego. 32 preguntas sobre a situación social da lingua (Xerais 2023). Porcentaxe da cidade olívica que hai dez anos era do 24,7 %, o que para o sociolingüista vigués constitúe «un exemplo paradigmático de castelanización» e supón unha «evolución demoledora que de continuar coas condicións que favoreceron esta castelanización recente, o uso do galego será case residual nas xeracións seguintes».

Situación dramática para o galego, semellante á de Ferrol (17,7 %), A Coruña (20 %) e Pontevedra (23 %), cidades tamén moi castelanizadas, que contrasta coas dos núcleos urbanos máis galegófonos Lugo (44,7 %) e Santiago (43,9 %), como en certa medida sucede en Ourense (33,5 %). Porcentaxes desacougantes dunha presenza xa anecdótica do galego en Vigo ás que se unen as non menos significativas do 2,1 % dos fogares vigueses nos que todos os seus membros maiores de cinco anos falan galego habitualmente, cando a media galega é do 22,7 %, e de que en máis do 90 % dos fogares vigueses ningunha persoa fala habitualmente galego, como sucede tamén en Ferrol e A Coruña, cando a media de Galicia é do 60,4 %.

Non obstante, en Vigo o cativo uso do galego non é uniforme en todo o concello, como sucede tamén no resto das cidades e áreas urbanas onde o galego xa non é a lingua que máis se escoita, xa que continúa habendo barrios, parroquias ou actividades onde hai moitos máis galegofalantes ca noutros e nas que se manteñen variedades diatópicas non sempre visíbeis no resto da cidade. Por ventura en Beade, Candeán, Matamá, Sárdoma, Castrelos ou Zamáns, entre outras parroquias citadas por Fernando Ramallo, ou nas festas populares de San Brais ou San Roque ou nos mercados dominicais de Bouzas ou durante a representación da Reconquista ou mesmo nas bancadas do estadio de Balaídos, «escoitaremos un galego vivo, sobre todo entre a poboación de máis de 50 anos».

Non é doado explicar o devalo desta presenza do galego en Vigo intensificado no que vai de século XXI, un período no que o castelán consolidouse como lingua predominante na rúa, tanto nos usos familiares e coloquiais como nas interaccións comerciais e administrativas, ademais de ser a lingua empregada habitualmente nas emisións da radio e televisión locais por parte do alcalde e dos concelleiros e concelleiras, coa excepción dos nacionalistas. Dende hai oito décadas, coincidindo coas primeiras décadas da ditadura franquista, o castelán foi devorando ao galego que quedaba nas cidades galegas, probablemente, por ser considerada como a lingua do progreso e do benestar, facilitadora da mobilidade social, un proceso que coincidiu coa imparable urbanización da sociedade galega, que en Vigo supuxo se duplicase a poboación e se fose reducindo progresivamente o número de galegofalantes.

Secasí, o problema principal para o futuro do galego non é tanto que non sexa utilizado pola mocidade como que o galego xa non se escoita nos seus fogares. Unha cuestión relevante xa que, salienta o profesor Ramallo, «a lingua aprendida en espazos alleos ao núcleo familiar non garante o seu uso, ficando, mesmo residual». Unha inseguridade que ten moito que ver cos prexuízos cuñados sobre o uso do galego que conforman toda unha ideoloxía que deforma a percepción do idioma, dende que o galego é unha lingua que proporciona menos oportunidades laborais, educativas e sociais ca o castelán e o inglés, pasando de que falar galego é cousa de vellos ou de persoas de aldea até que é sinal inequívoca de militancia no bloque ou do pertencer ao colectivo do profesorado de galego.

Falemos galego ou falemos castelán, dificilmente contaremos os vigueses e viguesas (como o resto de galegos e galegas) cunha singularidade tan nosa que ao mesmo tempo nos diferencia e identifica como é a do idioma galego, unha alfaia milenaria de valor incalculable, patrimonio colectivo (material e inmaterial) que a todos define e a todos corresponde evitar a súa desaparición. Unha situación que non é doado reverter, mais que debe ser considerada polo concello de Vigo como unha das súas actuacións patrimoniais preferentes. Respectar a vixente e modélica Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1988, poñer en marcha un estudo para coñecer en profundidade a actual situación sociolingüística na cidade e fortalecer o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística e do Consello Social da Lingua son actuacións que non poden ser adiadas.

Manter o galego

Nos centros educativos participei en conversas en contextos formais, fose en claustros, reunións, cursos ou entrevistas e xuntanzas con familias, nas que algunha das participantes que decote fala galego deixa de repente de facelo cando outra persoa se expresa en castelán. Un comportamento atribuíble a unha mal entendida «cordialidade lingüística» que no contexto das dúas linguas en contacto obrigaría a renunciar sempre ao uso do galego como expresión de achegamento comunicativo coas persoas participantes. Unha escolla lingüística que, pola contra, non corresponde coas participantes instaladas en castelán, mesmo nos centros educativos públicos comprometidos a utilizar o galego como a súa lingua de instalación, que nalgúns casos poden chegar a solicitar que na súa presenza non se empregue o galego aducindo que «no lo entiendo». Unha asimetría lingüística insoportable, froito do prexuízo de entender aínda o galego como lingua inferior ou reducida ao eido familiar, que debilita o uso normalizado do galego na comunicación habitual da comunidade educativa, como sucede noutros eidos da vida social, como o sanitario, xudicial, administrativo ou comercial, nos que as persoas galegofalantes (e neofalantes) deben enfrontar dificultades semellantes. En Catalunya, onde a pesar das políticas educativas de inmersión das últimas catro décadas, o uso social do catalán era en 2018 do 32 % constituíuse a plataforma cidadá «Mantinc el catalá» coa intención de concienciar e animar ao maior número de persoas da necesidade de manter o emprego do catalán en todos os eidos e circunstancias, «entendendo o catalán como lingua de integración e benvida» e «animando a todas a compartir este hábito lingüístico, en especial na contorna de cadaquén». Actitude corresponsable, empática e integradora que neste comezo de curso sería moi útil tamén en Galicia para promover nos centros educativos hábitos lingüísticos  alternativos aos prexuízos que mantivesen (e mesmo incrementasen) o uso do galego.

Publicado en Nós diario: 06/09/2023

Galego no Congreso

O compromiso da presidenta do Congreso para utilizar o catalán, o galego e o éuscaro na cámara baixa constitúe unha oportunidade para iniciar en todo o estado o complexo desarme dos prexuízos existentes sobre o uso destas linguas oficiais en cadanseu territorio autonómico. Promovido polos partidos nacionalistas e asumido por PSOE e Sumar na formación da Mesa do Congreso supón por vez primeira dende a aprobación da Constitución o abandono do criterio de territorialidade no emprego institucional das linguas minorizadas, superando despois dunha quincena de lexislaturas o sobado discurso do castelán como lingua común e a súa xerarquía sobre as outras “linguas cooficiais”. Un emprego que agora Francina Armengol debe facilitar de forma efectiva nos debates e trámites parlamentares ofrecendo se fosen precisos os recursos de tradución e interpretación, como tamén deberá suceder nas institucións europeas, ás que se estende o acordo e nas que até agora se veñen utilizando (con éxito) vinte e catro linguas. Esta novidosa medida permitirá que as vinte e tres deputadas e deputados de catro grupos políticos distintos elixidos nas catro provincias nosas, ademais dos galegos electos noutras circunscricións, como os quince senadores e senadoras, no caso de que se estendese á cámara baixa, nas súas intervencións escollan utilizar tamén o galego, un feito esperanzador para o futuro da nosa lingua. Sen esquecer, ademais, a repercusión incuestionable da medida tanto no cumprimento das indicacións do Consello de Europa sobre as linguas propias como na educación lingüística en todo o estado, dende a Comunidade de Madrid e Andalucía até as dúas Castelas, xa que alí se desvelarán e farán presentes outras tres linguas oficiais, contribuíndo ao desenvolvemento da competencia plurilingüe prevista na Lomloe (2020) e á comprensión da diversidade e riqueza lingüística recoñecida pola Constitución (1978). Unha medida con transcendencia política e educativa merecedora de ser celebrada.

Publicado en Nós Galicia: 30/08/2023

Os valores de Agustín

Hoxe hai sete anos do pasamento de Agustín Fernández Paz, cabodano que coincide co peche da admisión de orixinais do premio de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade que leva o seu nome. Unha exitosa convocatoria literaria anual do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o concello de Vilalba que, ademais de recoñecer a excelencia dun novo texto, contribúe a non esquecer o rastro de valores deixados polo mestre e escritor e as súas fondas conviccións na forza das palabras para mudar o mundo e para facelo coas propias vidas. Foi a do chairego unha voz literaria lúcida, que sempre contou co apoio da forza dos públicos lectores galegos, fose o das crianzas ou o das persoas adultas, capaz ademais de contaxiar o optimismo e a esperanza na construción dun futuro mellor. Unha confianza activista que Fernández Paz mantivo, mesmo nas condicións máis adversas, como a dos anos de enfermidade, tamén os da imposición do Decreto de Plurilingüismo (2009), contra o que se mobilizou participando na plataforma Prolingua, da que foi promotor e incansable redactor de posicións. Compromiso que o levou a renunciar en 2010 ao Premio da Cultura Galega no apartado de Letras outorgado pola Consellaría de Cultura e Turismo. Unha decisión valente, coherente coas posicións defendidas por Prolingua sobre o carácter deses premios, que nunca se repetiría, a pesar de que o modelo de educación plurilingüe dos gobernos de Feijoo nunca fora modificado nin sequera avaliado, como prevía a disposición adicional do propio decreto. Lembrar hoxe a firmeza daquela resistencia pacífica e teimosa adoptada polo mestre Agustín, semellante a mantida pola activista Rosa Parks, á que homenaxeou na novela Non hai noite tan longa (Xerais 2011), supón identificar o rastro da dignidade, da coherencia e lucidez que deixou na súa traxectoria pública. Un rastro de valores que convén seguir en tempos nos que se repiten as ameazas sobre a lingua galega, as liberdades e os dereitos conquistados. Sempre Agustín!

Publicado en Nós diario: 12/07/2023

Cláusula polo galego

Na pasada noite electoral das sete persoas que ocuparán as alcaldías das cidades, apenas as de Compostela e Pontevedra, que corresponderán ao BNG, cando agradeceron o apoio da súa veciñanza, falaron en galego. Tanto as futuras alcaldías socialistas de Vigo, A Coruña e Lugo como a popular de Ferrol e a excéntrica candidatura máis votada de Ourense utilizaron só o castelán, abandonando o uso do galego e modificando así unha liturxia institucional, que tras catro décadas de Autonomía e de Lei de Normalización Lingüística (1983) pensabamos consolidada. Outro retroceso significativo no uso público do idioma, unha expresión dos prexuízos tan callados nas filas populares e socialistas que identifican o feito de falar galego ben como un comportamento político propio dos nacionalistas ou ben como proba dunha procedencia familiar aldeá ou pailaroca que nun contexto urbano ou vilego se pretende agochar. Prexuízos nefastos para o futuro do idioma, identificados por Ana Iglesias en Falar galego: “no veo por qué” (Xerais 2003), que consolidan un proceso de substitución lingüística que non afecta só ao entorno escolar e ás novas xeracións, abranguendo xa ao conxunto da sociedade. Desleixos ou intencionados, poderían incluírse como separata doutra edición d´O libro negro da lingua galega (Xerais 2022) no que Carlos Callón denuncia o que foron cinco séculos de represión e silencio do galego, afondando nas raíces da débeda histórica que o Estado español mantén coa lingua nosa.

Ben sería que para evitar comportamentos prexuízosos e lingüicidas, coma os da noite electoral, nos futuros acordos dos gobernos de coalición se incluíse unha cláusula polo galego na que, ademais de asumir o establecido na normativa autonómica, se faga explícito o compromiso das alcaldías e dos partidos que as apoian de promover ordenanzas e servizos municipais de normalización lingüística e de utilizar o galego na documentación municipal e en todas as súas comparecencias públicas. Nos esquezamos o idioma.

Publicado en Nós diario: 07/06/2023

O galego tamén é para o verán

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a comentar un texto galegófobo do PP de Baiona:

Para Manuel e Martiño, novos baioneses que falarán galego

Esta semana soubemos que para o Partido Popular de Baiona o galego non é lingua para o verán. Nunha nota publicada en redes sociais, ao fío dun acto celebrado o serán do 13 de xullo, incluído na programación Baiverán 2022 da Concellaría de Cultura, os populares lamentan «la falta de respeto que la concelleira [sic] de Cultura tuvo ayer con el público que asistió al monólogo del humorista Quico Cadaval en la plaza del Concello [sic] al decidir que se hiciese en gallego y no en castellano para permitir que los asistentes, una gran mayoría residentes de segunda vivienda en nuestra localidad procedentes de diferentes puntos de España, pudiesen entenderlos y no se sintiesen discriminados». Texto no que entenden «que si se pueda optar por nuestro dialecto [sic] en otra época del año, no es de recibo que se haga en pleno verano, la época de mayor afluencia turística»; e no que rematan apelando ao carácter “acogedor” [sic] da vila da Arribada e á utilización do castelán como cortesía cos visitantes, así como recoñecendo ter recibido queixas trasladadas por asistentes ao monólogo pola lingua utilizada.

Un texto político que aventuramos pasará á historia externa do galego por reunir en apenas un cento de palabras as mentiras e os prexuízos actuais máis grosos sobre a nosa lingua milenaria. Máis alá do desatino (sinónimo no vocabulario galego de “burrada”) e do atrevemento sen referencias académicas ningunhas de clasificar o uso das linguas pola estación do ano, outra forma de diglosia na que o galego continúa sendo a lingua inferior, o conto do grupo popular baionés (como ben advirte para estes casos o mestre Castelao) é ben triste xa que nega de raíz a existencia da propia lingua galega, á que se refire como “nuestro dialecto”, terminoloxía do máis reseso franquismo, anterior á Constitución, ao Estatuto de Autonomía de Galicia e á Lei de Normalización Lingüística que dende hai máis de catro décadas regula a nosa convivencia e a utilización das linguas cooficiais no espazo público. Un texto galegofóbico que en aras desoutro prexuízo de evitar que os nosos visitantes españois poidan sentirse molestos escoitando un monólogo en galego dun actor galego ou simplemente lendo na rúa un carteliño onde se anuncia, máis aínda se posúen unha segunda vivenda en Galicia (condición de propiedade que para os populares semella outorgarlles “dereito de veto lingüístico”), apela a que “por cortesía” durante o verán prescindamos do uso do galego e sexamos, dialogando co verso rosaliano, estranxeiros na nosa patria.

Este disparatado texto dos populares baioneses, que ben debería sequera ser comentado polos responsables galegos do PP, podería formar parte d’ O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais 2022), monumental obra recente na que o profesor Carlos Callón escolma en oitocentas páxinas documentos de proscrición, limitación, desprezo e ataque ao galego. Textos que documentan unha fobia poliédrica persistente, a galegofobia, o odio á lingua de Galicia, presente ao longo da historia en diversas formas, dende prohibicións polo seu uso privado e público, queimas de libros, castigos físicos, sancións administrativas ou multas  até os actuais prexuízos lingüísticos que obrigan a esa eterna ollada subordinada sobre o galego e sobre a propia Galicia como suxeito político. Neses poderosos anteollos que deforman a ollada sobre a nosa realidade lingüística, até facela irrecoñecible por mentirana e deformada, como sucede co estrafalario texto dos populares baioneses, identificamos a cerna do agravio lingüística actual, que coincide (e non parece fortuíto) cun retroceso do emprego do galego no espazo público até niveis preconstitucionais por parte dalgúns responsables políticos.

No entanto, do conto triste de Baiona paga a pena recoller o fío tan valioso da cortesía lingüística, un camiño de respecto e empatía de dúas direccións, que compromete tamén ás persoas que nos visitan e ás que decidiron compartir as súas vidas aquí durante a tempada nas súas segundas residencias. Deámoslle a volta ao carpín do abandono e da desidia e recoñezamos que o verán é un tempo de privilexio para gozar co galego, tamén, nos areais, cantís, prazas e terrazas de Baiona nas que un entorno acolledor de respecto e curiosidade as veraneantes poidan recoñecer a existencia da lingua galega e o se uso en espazos privados e públicos. Como o verán é tempo para que todas, tamén as visitantes, poidamos gozar da diversidade e da calidade das manifestacións culturais en lingua galega, sexa na música, no teatro, no audiovisual ou na creación literaria onde hai moito e bo para escoller. O galego é lingua milenaria de acollida, que abraza e agarima as persoas que con curiosidade e respecto se achegan a ela.

Plurilingües dende o galego

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a necesidade dunha nova política lingüística escolar:

Os datos sobre o estado da lingua son alarmantes: dende 2003 a 2018 o galego perdeu 250.000 falantes, o que supón que as persoas galegofalantes habituais supoñen o 52 % do total da poboación, unha diminución do 10 % nese período. Cifras que en tramos de idade amosan unha fenda xeracional no uso da lingua inédita, xa que o 75 % das maiores de 65 anos son galegofalantes mentres que a porcentaxe diminúe até o 25 % nas menores de 15. Como desacougantes son os datos dispoñibles sobre a competencia adquirida polo alumnado galego da Educación Secundaria Obrigatoria que amosan que os estudantes rematan esta etapa cunha capacitación, tanto na expresión oral como na escrita, superior en lingua castelá ca galega. Datos que expresan o fenómeno que os docentes coñecemos: o do dramático abandono do uso do galego como lingua de instalación habitual polos que serían os seus falantes máis novos rompendo cando se incorporan a Primaria e inician a aprendizaxe da lectura e da escritura a súa cadea de transmisión familiar, sendo a súa competencia oral e escrita, no caso de utilizar o galego, inferior a adquirida en castelán.

En resumo, as crianzas cada vez falan menos en galego e con máis dificultades. Un abandono que identificamos coa aceleración que na segunda década do século se produciu no proceso de substitución lingüística do galego polo castelán en case todos os ámbitos da vida social, coincidindo cos gobernos de Alberto Núñez Feijoo, responsable principal da aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario, unha operación electoral coa que rompeu o consenso político e social forxado en 2004, no derradeiro goberno de Manuel Fraga, arredor do Plan xeral de normalización da lingua galega. Un decreto cuxos efectos nunca foron avaliados, a pesar de que así o establece anualmente a súa disposición adicional quinta, mais que de facto supuxo a creación dos «centros plurilingües», nos que se incorporou de forma regrada e explícita o uso vehicular da lingua estranxeira (eufemismo de ˝inglés”), así como un retroceso moi significativo do emprego do galego en Educación Infantil e primeiros cursos da Educación Primaria e a súa contundente prohibición nas áreas, hoxe privilexiadas como «STEM», de Matemáticas e Física e Química.

Diante de semellante fracaso da política lingüística feijoana, asumida polo seu sucesor, Alfonso Rueda, un dos participantes na estratéxica manifestación de febreiro de 2009 contra a «imposición lingüística», outra fake new de carácter negacionista, se pretendemos evitar que o galego sexa unha das linguas que a Unesco identifica como en «grave perigo», cómpre acuñar un novo modelo de política lingüística escolar que conte tanto co consenso da desenvolta até 2009 como se axeite á precaria saúde actual do galego e ao marco de preservación da diversidade lingüística garantido pola Unión Europea. Un modelo de equidade para o galego que asegure o seu futuro dentro do marco competencial deseñado na nova lei de educación (LOMLOE), que inicia novos currículums no curso 2022-2023, e garanta unha educación lingüística que dende un enfoque comunicativo e utilizando metodoloxías activas atenda tanto á adquisición efectiva dunha dobre competencia nas destrezas orais e escritas das linguas oficiais como atenda, dende unha actitude de sensibilización lingüística, á preservación da riqueza cultural e lingüística como unha tarefa abordada por todo o profesorado nos espazos escolares de convivencia, polo tanto dentro e fóra da aula, que contribúe ao desenvolvemento da competencia clave social e cívica.

Á tarefa compartida de reconstruír un modelo lingüístico do sistema educativo favorable á nosa lingua e respectuoso cos seus e as súas falantes, á vez que sirva como vehículo de integración da súa diversidade e útil para o futuro de todo o alumnado, contribúe o recente documento Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames (RAG, 2022), preparado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Unha guía de referencia dirixida ao profesorado que, fronte ao plurilingüismo homoxeneizador do fracasado e ameazante decreto 79/2010 de Feijoo que obriga a retroceder ao galego, propón un concepto alternativo, o dun plurilingüismo restitutivo, construído dende o galego e comprometido co seu futuro, socialmente inclusivo, respectuoso e fomentador da diversidade e capaz de garantir a competencia en varios idiomas. Un plurilingüismo que como opción didáctica viable e decidida aposta ético-cívica alicerza unha educación lingüística que atende tanto a adquisición da competencia idiomática como ao respecto e valoración da diversidade lingüística. Nesa dimensión ética e didáctica o galego podería enxergar a súa recuperación.

 

Galego solicitado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á sentenza do TSXG sobre a solicitude de Xurxo Martínez de ser atendido en galego pola Axencia Tributaria:

O escritor Xurxo Martínez González mantivo un intricado preito coa Axencia Tributaria (AEAT) sobre o seu dereito a ser atendido en galego. Despois de catro anos de complexas reviravoltas xudiciais, na que foi apoiado pola avogada Elsa Quintas Alborés, responsable dos servizos xurídicos da Mesa pola Normalización Lingüística, a sentenza 236/2022 do 4 de abril do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolle o seu recurso declarando nulos os actos administrativos efectuados pola AEAT en castelán, despois de que manifestase querer ser atendido en galego, e ordenando retrotraer as actuacións administrativas ao momento anterior á vulneración do seu dereito á escolla lingüística. Unha sentenza (probablemente histórica) seguida e redactada en galego por María Dolores Rivera Frade, presidenta da Sala do Contencioso do TSXG, que asenta o dereito a relacionarse coa AEAT en galego garantindo o seu uso nas súas comunicacións coa cidadanía, ao tempo que amosa outra vez máis que os dereitos, mesmo a pesar da complexidade e lentitude do procedemento xudicial, deben ser exercidos até as últimas consecuencias, o que permite, como declarou o demandante, «consolidar un status de normalidade para o noso idioma».

Entre as consecuencias que establece a sentenza do TSXG está a responsabilidade da AEAT de artellar un mecanismo de coordinación dos seus diferentes órganos para garantir o dereito á escolla lingüística do cidadán sen reiteralo en cada momento. Ou en palabras da propia sentenza: a administración non pode ampararse nunha división do procedemento «para impedir a eficacia do dereito exercitado polo obrigado tributario». O que inevitablemente supón que a administración do estado en Galicia debe contar e garantir os medios técnicos e procedementos para que o persoal ao seu servizo poida responder as comunicacións en iguais condicións en castelán e galego, mesmo as que fosen por oficio. Como recoñece esta importante sentenza que o dereito a escoller ser atendido en galego, sempre que sexa explícito, non pode estar subordinado ao coñecemento do castelán do administrado, unha interpretación clarificadora no recoñecemento dos dereitos lingüísticos daquelas persoas que así o solicitan. Consecuencias que o demandante Xurxo Martínez resume na recomendación de que «o cidadán debe solicitar de forma explícita o seu desexo de ser atendido en galego e dende entón reclamar se isto non se cumpre».

Sentenza do TSXG coherente coa estratexia de usar, escoller e solicitar o galego en todos os eidos da vida como mellor contribución individual na promoción do galego, recomendada por Carlos Callón no seu libro referencial Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais 2011). Usar o galego con todo o mundo de forma normal, sexa de forma oral como nas comunicacións escritas, sexan correos electrónicos ou mensaxes nas redes sociais, coa mesma firmeza ca empatía e cordialidade, mesmo en situacións que froito dos  prexuízos lingüísticos poidan semellar incómodas. Escoller a opción galego sempre que a teñamos dispoñible, sexa no emprego do caixeiro bancario, na lectura de xornais dixitais, blogs e páxinas web, na interface dos teléfonos móbiles, nas aplicacións informáticas, nas dobraxes das plataformas audiovisuais, nas obras literarias traducidas ou naqueles establecementos comerciais e de hostalaría, por ventura cada vez máis numerosos, que tamén atenden en galego. Sen esquecer, como fixo teimosamente Xurxo Martínez, solicitar de forma explícita ser atendidos en galego nas nosas relacións orais e escritas coas diferentes administracións, tanto autonómica, local como a do estado, sabendo que a lexislación nos ampara, tanto polo establecido no artigo 6.1 da Lei 3/83 de normalización lingüística como no artigo 54.11 da Lei 7/2007 do estatuto do empregado público, que «garanten a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio».

Exercicio de dereitos, que para a escritora María Reimóndez no seu ensaio A alternativa está aquí (Xerais 2014), debemos considerar coma «unha leira na que cómpre traballar sen desfalecer», «un traballo que nunca está completo, porque choca de fronte contra os intereses de quen se beneficia da desigualdade». Uns dereitos interconectados que non funcionan os uns sen os outros, compartindo como as leiras o mesmo medio natural: «Quen defende os dereitos das mulleres pero non os dereitos lingüísticos está deixando fóra as circunstancias das mulleres que falamos linguas non hexemónicas…» Nesa estratexia activista de traballo sobre os dereitos lingüísticos encádrase o resultado desta sentenza que garante o servizo da administración en galego. Parabéns a Xurxo Martínez pola súa afouta teimosía en exercelos.

Roteiro polo Vigo de Xela Arias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao roteiro polos espazos vitais e literarios de Xela Arias en Vigo:

Corenta e seis profesoras e profesores chegadas de toda Galicia percorreron o sábado un itinerario polos espazos vitais e literarios vigueses de Xela Arias. Unha actividade formativa organizada polo departamento de linguas do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) coa que se pretende que os docentes vivan unha experiencia transversal activa e colectiva fóra do espazo académico de achegamento entre literatura e territorio. Unha xornada, inserida nun programa máis amplo de xeografías literarias, coordinado por Xosé Carlos Rodríguez Pérez, que pretende que os docentes interactúen cos territorios principais dun autor ou autora, co contexto literario do seu tempo, mais tamén coas pezas do seu patrimonio cultural e coas mudanzas sociais e pegadas da memoria, coa intención de contribuír a espertar o interese e construír coñecemento compartido sobre os textos literarios e os espazos nos que cada un desenvolveu a súa obra.

A pesar de que a palabra “Vigo” aparece unha soa vez na obra poética de Xela Arias, en concreto no segundo verso do poema «Érgome» publicado no número 3 do fanzine Katarsis (1984) dos irmáns Tizón: «Érgome / e Vigo vai aínda durmido…», foi Vigo a súa cidade amada, na que escribiu e tinguiu toda a súa obra. A cidade de fronteira á que chegou aos sete anos (1969). A cidade revolcada, que percorreu de forma incansable durante a súa adolescencia e mocidade no comezo dos difíciles oitenta vigueses, «paseo arriba», «praza abaixo», como escribiu en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), nun botarse a andar errático, coma o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía naquela páxina memorable de Faro de Vigo (04-06-1983) de forma tan fermosa como entusiasta: «Tu palabra en el verso se entreabre y sonríe en el quiebro y nos da su remoto placer convirtiendo la rosa en vocablos nocturnos (…) Te. Saludo –soy feliz– celebro estar en el acontecimiento de tu poesía».  Vigo, a cidade que a Xela Arias lle suxería «bastante dor» e que para ela «pode ser mesmo [cidade] pasional», como lle confesou á xornalista María Alonso (Atlántico, 1989), «porque tiña moita vida e iso significa dor e pracer ao mesmo tempo».

Na procura das pegadas daquel Vigo amado e vivido por Xela Arias saímos a mañá dende as portas do IES do Calvario onde fixo BUP e ensaiou os primeiros versos, para continuar no monte do Castro, onde xogou no parque de bicicletas e no miradoiro dos galeóns de Rande onde se fotografou coa nai e coa avoa chegada de Sarria. Un itinerario que continuou no Verbum visitando a exposición «A poesía na palabra» e despois no parque de Castrelos, preto da Avenida Portanet onde naceu o seu fillo, falando de Darío a diario (Xerais 1996) e lendo varios dos poemas. Longa camiñada que retomamos á tarde no Café de catro a catro de onde saímos cara ás portas de Xerais, a editora onde comezou a traballar aos vinte anos e na que se formou como editora e tradutora. Baixamos e subimos as escaleiras da rúa Ourense camiño da vivenda familiar da rúa Zamora, onde lemos un fragmento de Non te amola! (Galaxia 2021) sobre as pelexas coa rapazada do camiño de Riobó. De alí fomos até a rúa Venezuela, onde salientamos o papel dinamizador da cultura galeguista do Círculo Ourensán Vigués, editor da revista Neboeira (1983), onde publicou «A mañán é nova e neboada». Pateada que seguiu até as portas da Fundición Nautilus na rúa Manuel Núñez, onde lembramos o seu carácter de artenauta interesada no diálogo con outras artes e a súa amizade decisiva co pintor Xosé Guillermo.

Nas escaleiras do Marco contamos o que sucedeu coa estatua de Castro obra do escultor Jandro e a súa relación co poema «Burla negra», lamentando que a peza aínda non fose reinstalada. Diante da tenda Discos Elepé da rúa Doutor Cadaval limos unha das cancións de Desertores e nas galerías próximas o primeiro poema que publicou n’ A Nosa Terra. Na sombriña do edificio do COAG recordamos a exposición de Tigres coma cabalos (1990) e limos «Monólogo adicto» e outros poemas deste libro intermedial que preparara co fotógrafo Xulio Gil. Continuamos en Policarpo Sanz diante da sede de Faro de Vigo, onde lembramos a súa presenza frecuente nas páxinas do decano, do Teatro Afundación, onde participou na homenaxe a Francisco Fernández del Riego, na «súa retina dende nena». Paramos na rúa Carral, onde estivo a Sala Nasvhille e lembramos o recital de Noites Solidarias organizado por Implicadas no Desenvolvemento.  Rematamos na praza da Princesa diante da Casa Galega da Cultura, onde Xela presentara Intempériome (Espiral Maior 2003) lendo algúns dos seus poemas. Mágoa que faltase tempo para visitar o pub Alma na rúa Poboadores ou Café Uff da rúa Pracer. En todo caso, Xela Arias conta con roteiro de seu que forma parte da cartografía do Vigo literario.