Respecto

Ás portas do 23 de abril do día do libro e dos dereitos de autor, a consellaría de cultura e lingua presentou no parlamento un plan quinquenal de dinamización da lectura. Documento estratéxico, identificado no marketing político como «Lemos+», recolle nun ton triunfalista máis dun cento de medidas e un orzamento de 32 millóns de euros destinadas a incrementar a porcentaxe de persoas lectoras en Galicia en ambas as dúas linguas oficiais. Mágoa que tan aparentes boas intencións non se refiran de forma explícita ao aumento das cativas cifras da lectura en galego, reducida no mellor dos casos ao 8 % das vendas en librarías e ao 3 % de lectorado habitual familiar, nin se concreten nun documento apoiado (ou sequera consultado) polo conxunto do sector do libro e da lectura, tanto das editoras privadas, librarías e distribuidoras, como das diversas asociacións de profesionais da escritura, tradución, ilustración, mediación lectora, arquivos e bibliotecas. Unha nova decepción, tamén o enésimo incumprimento da Lei do libro e da lectura de 2006, tan antipática para os gobernos de Feijoo e Rueda, presidentes que nunca recoñeceron o carácter estratéxico do sector do libro e nin sequera tiveron a cortesía de recibir as directivas da asociación de editoras. Unha anomalía democrática, inexplicable desconsideración en calquera outro sector económico estratéxico do país. Imaxinan un plan quinquenal para a construción naval do goberno Rueda, de costas ao sector empresarial das empresas do metal? Pois no sector do libro iso acontece. Ás portas da entrega dos premios Follas Novas, organizados pola AELGA, AGE e Federación de Librarías, outra edición que non será emitida pola Televisión de Galicia, a pesar de constituír o acto máis relevante do calendario profesional do libro, cómpre reclamar con enerxía RESPECTO e dignidade para o sector do libro galego, coma fixo con verbas emocionadas hai sete anos na tribuna dos Follas Novas o escritor Xabier Docampo na súa derradeira intervención pública.

Publicado en Nós diario: 23/04/2025.

Piares da Lectura

Pechou o Salón do Libro de Pontevedra dedicado ao cine coa homenaxe a Xavier Senín e Isabel Soto, piares da tradución e activistas da lectura nas últimas catro décadas. Cun discurso literario fermoso e documentado, foi a bibliotecaria Ánxeles Roca quen debullou a súa traxectoria e méritos, salientando que concibiron a tradución como ferramenta capaz de desfacer fronteiras e indispensable para a normalización do galego. Ademais de conformar cadanseu impresionante currículo profesional e catálogo tradutolóxico, coma outro compartido non menos interesante, modelo de traballo colaborativo rigoroso e teimudo, con fitos senlleiros no cento de obras anosadas ao galego dende o francés, entre as que destacan as súas versións xeniais de Asterix (con Alejandro Tobar), Senín e Soto son activistas da lectura e facilitadoras con grande xenerosidade da construción de proxectos colectivos. Velaí as súas achegas a Galix e Oepli, a termar de publicacións como Golfiño ou O correo da Unesco, a proxectos como «Imos xuntos camiñar» ou á intensa colaboración literaria e acompañamento aos membros da Xeración Lamote (Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Paco Martín), sendo para min outros membros máis deste grupo fundador da nosa lix. Mención á parte merecen os seus compromisos e méritos individuais. Sexan os de Isabel Soto como crítica literaria, especialista en educación literaria e formación de mediadoras ou como biógrafa e coidadora da obra e legado de Fernández Paz, entre outros. Sexan os de Xavier Senín os de modélico xestor do público, ao longo de dezanove anos como subdirector xeral do libro na Xunta de Galicia, primeiro valedor do proxecto de modernización do sector editorial galego, ademais de teimosa intelixencia activa do consenso forxado na Mesa do Libro (2003-2004) arredor do texto inicial da Lei do Libro e da Lectura, aprobada despois en 2007, que continúa sendo referencia para a edición galega. Xustísimo recoñecemento para Senín e Soto, piares da tradución, da lix e da lectura.

Publicado en Nós diario: 09/04/2025

Sen bibliotecas públicas

Sendo capital editorial de Galicia dende hai 75 anos, Vigo padece unha grave carencia bibliotecaria. Con apenas dúas bibliotecas públicas, a Juan Compañel (1995), no edificio Ferro, xestionada pola consellaría de cultura, e a municipal Xosé Neira Vilas (2011), no barrio do Calvario e de xestión privada, Vigo padece un inédito negacionismo bibliotecario das autoridades locais que identifican as salas de estudo con acceso a Internet, sen libros nin outros fondos, coas bibliotecas públicas. Doutrina coa que se abriron os espazos de estudio do Auditorio e de Navia, que cumprindo un valioso servizo público a estudantes e opositoras, non poden entenderse de xeito ningún coma bibliotecas. Abonda con consultar o dicionario da Academia para saber que «unha biblioteca é un conxunto elevado de libros destinados á lectura do público», ao que cómpre engadir o seu carácter interxeracional e  a súa responsabilidade no fomento da lectura. Carencia que podería ser mitigada pola apertura dunha Biblioteca Pública do Estado, prometida dende hai dúas décadas polo ministerio de cultura, que por liortas entre Concello e Xunta, que por desgraza continúan, nunca acaba de arrincar. O de Vigo sen bibliotecas é unha anomalía que, por desgraza, desmerece a calidade de vida da propia cidade. Conviña revisala.

Publicado en A Movida, abril 2025.

Herdanza de Docampo

Na porta da casa na que viviu Xabier P. DoCampo na Coruña, a AELG colocou en 2019 unha placa na que aparece a confesión máis coñecida do escritor chairego: «Sen dúbida, o acto máis íntimo que coñezo é contar unha historia». Frase afortunada de quen fixo da súa viaxe relato, aprendida a carón da lareira onde o seu pai, o muiñeiro Raimundo, transmitiulle unha tradición e unha cultura na que a palabra oral era referente, e onde a mai mentres cosía recitaba a San Juan de la Cruz ou cantaba os cuplés do momento. Herdanza de infancia de quen viviu un mundo de historias ao pé dunha cerdeira enorme que pousaba as súas ramas no lousado da súa casa de Castro, árbore que escolleu para representar as súas raíces na homenaxe coa que foi recoñecido, outra vez pola AELG, cando lle entregou a Letra E. Homenaxe actualizada, dende o pasado ano, cada 5 de abril, arredor do día do seu nacemento, na Polavila Docampo, iniciativa itinerante das súas amizades para lembrar a súa figura e o seu activismo educativo e de fomento da lectura, ademais de compartir e poñer en valor o seu extraordinario legado literario de trinta libros e centos de textos ensaísticos. Serán no que, sobre todo, se pretende celebrar o desexo de que nos conten historias e a autoridade do narrador que a fai verosímil a, na cerimonia máxica da contada. Polavila Docampo 2025, que se celebrará mañá, 3 de abril, no edificio da sede da Deputación de Lugo, que se iniciará coa lectura de fragmentos da súa última novela A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), que dará paso a unha gala literaria na que de forma altruísta participarán as súas amizades lucenses, poetas, contadores e cantoras. Outro serán onde a lingua volverá ser escudo para o libro galego, como reclamou o mestre de Castro de Ribeiras de Lea na súa derradeira intervención o 19 de maio de 2018, cando recibiu o premio ao mellor libro de narrativa do ano, que finalizou denunciando aos que deixan a intemperie o libro e a cultura galega, outra herdanza de Docampo.

Publicado en Nós diario: 02/04/2025

Educación lenta

Defendo que a lentitude é unha calidade da educación. Posición que coñecín coa publicación do ensaio Elogi de l’educació lenta (Graó 2009), onde o mestre Joan Doménech propoñía unha nova ollada centrada no tempo educativo coa intención de obter aprendizaxes de calidade. Reivindicación da lentitude como cerna do acto de aprender recollida polo mestre Gianfranco Tavalloni en  La pedagogía del caracol. Por una escuela lenta y no violenta (Graó 2011) e plasmada na imaxe do vagaroso cascarolo que enfundado na súa casa andante percorre os camiños, deixando unha brillante estela o seu paso. Doménech e Tavalloni defenden diminuír a velocidade dos procesos educativos, que insisten máis nos procesos avaliadores ca na calidade das aprendizaxes. Como denuncian que a velocidade é responsable indirecta da actual crise planetaria, tanto polo incremento da velocidade no consumo enerxético superior ao da súa creación; como a velocidade de produción de refugallo é superior á da natureza para reabsorbelos. Estratexia educativa decrecentista que pasa por introducir estratexias didácticas de desaceleración que, a pesar de que poidan parecer vellas, pagan a pena recuperar. Van unhas cantas para as aulas de infantil e primaria: dispoñer de tempo abondo para escoitar, conversar e xogar entre todos e todas; recuperar a boa letra nos cadernos, compartir a lectura en voz alta, debuxar en vez de fotocopiar, cantar e danzar, camiñar a pé cos colegas, escribir cartas aos nosos correspondentes, enviar tarxetas postais, cultivar na horta escolar, recoller os datos da estación meteorolóxica, mirar as nubes do ceo ou só mirar con curiosidade pola fiestra… Reclamemos unha escola lenta que, no marco do actual deseño universal de aprendizaxe, é tamén a que mellor acolle a diversidade e a neurodiverxencia. Convenzámonos que na escola, como noutros moitos ámbitos, paga a pena ser máis lentos e volver gozar das paradas para coller folgos. Perder tempo para gañar tempo, porque a velocidade apréndese na lentitude.

Publicado en Nós diario: 19/03/2024

Son coma glaciares

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a novela Son coma glaciares os barcos de aceiro de Cynthia Menéndez, o poemario herba de vigo de Calros Solla e a curta-poética Delincuente de Nuria Vil, tres títulos que amplían os límites do Vigo litearario:

Había tempo que non me conmovía coa aparición de tres pezas de xéneros diversos que amplían o territorio de excelencia do «Vigo literario» actual. Refírome ao espectacular debut da narradora viguesa Cynthia Menéndez coa novela Son coma glaciares os barcos de aceiro (2025 Galaxia); ao regreso á poesía do etnógrafo e filólogo Calros Solla con herba de vigo (2025 Morgante) e ao debut cinematográfico da poeta e performer Nuria Vil autora do texto da curta-poema Delincuente (2024 Nuria Vilán). Tres creacións, que moi pouco teñen que ver co chamado «Vigo noir» de novelas policiais, negras ou de intriga, cuxa extensa nómina de autorías e obras se ampliou o pasado ano co excelente debut de Paco Morgan, creador da cidade portuaria Úrvida, na que localiza A rede branca (2024 Xerais), ao que este mes se engade Até que a morte non separe (2025 Xerais) novela de Elena Gallego Abad que, despois dunha década, recupera aos seus personaxes de Sete caveiras (2014 Xerais).

Tres pezas as de Menéndez, Solla e Vil que reclaman o carácter industrial, obreiro, revolcado e colectivo vigués, celme presente na narrativa de novelas viguesas pioneiras como Antón e os inocentes (1976, 2019 Xerais) de X.L. Méndez Ferrín, Amor de tango (1992 Xerais) de María Xosé Queizán ou Adiós María (1971, 2018 Galaxia) de Xohana Torres; que na poesía aparece, entre outros poemarios, en Estirpe (1994 Xerais) de Ferrín, fóra do sagrado (2007 Xerais) de Anxo Angueira ou Denuncia do equilibrio (1986 Xerais) de Xela Arias. Obras ancoradas na memoria de conflitos sociais recentes. Sexa a folga de Barreras de 1997, na loita polo mantemento do carácter público do primeiro estaleiro vigués, eixo da novela de Cynthia. Fose no Vigo de comezos dos oitenta azoutado pola heroína, que levou por diante tantas vidas novas como a da Maradona, a delincuente da Ferraría que aterrorizaba a veciñanza daquel Vigo vello arruinado e empobrecido. Mentres o «Vigo noir» utiliza a cidade como escenario e decorado, Menéndez, Solla e Vil reclaman a cidade como república que dende a escrita memoriosa recupera o seu carácter comunitario.

Eis a novidosa  proposta de Nuria Vil (Nuria Vilán Prado), a poeta de Santo André de Comesaña, autora do fabuloso texto poético de Delincuente, tamén produtora e artífice desta curta de 12 minutos de beleza inquietante, dirixida por Alba Domínguez, que sen axuda institucional ningunha contou apenas cun crowdfunding e cunha bolsa da fundación Ensaia de promoción do talento. Unha película que co pretexto de lembrar á Maradona, Eduarda que en 1982 dirixía a banda xuvenil da Ferraría e morreu de SIDA en 1984 no cárcere da avenida de Madrid, presenta a cara oculta do Vigo quinqui, a máis dolorosa dos anos da movida, utilizando o extraordinario material en super oito de Manuel Da Costa, a temática de Adiós María e os textos das nosas poetas da xeración da Festa da Palabra Silenciada. Unha reflexión que dende a poesía nos incomoda, un concentrado emocionante de memoria viguesa resistente, merecedora do apoio das 150 persoas que na presentación en Vigo ateigamos a sala 1 de Multicines Norte, unha proeza merecedora de ser salientada.

Como emociona herba de vigo, o libro de poemas co que Calros Solla homenaxea ao Vigo proletario, prologado con xeitiño polo catedrático da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas. Un mapa sentimental de viguesismo ortodoxo ou de viguismo heterodoxo, un dos tantos  paradoxos presentes nun texto que doe polo moito que afonda na cidade proletaria en poemas como «heroica», da que sae o afortunadísimo título, «perspectiva caballera» ou esa marabilla que é «mamá quero ser merdeiro». Revisión retranqueira de espírito non sense de toda clase de tópicos: «Vigo sen vivir en min», retomando o verso de Resentidos, «Vigo monstro tricéfalo», «Vigo é unha cidade de recén chegados», «Vigo o mar de Ourense» ou «Vigo devora patatillas», entre outros, dun libro que non ten perda.

Como recomendable é Son coma glaciares os barcos de aceiro na que Cynthia Menéndez novela as mobilizacións obreiras de 1997 contra a privatización, peche (con cea de noiteboa incluída) nas instalacións do estaleiro de Barreras. Texto de soberbia beleza lírica, que se le co corazón na man, reconstrúe con fidelidade emocional aquel Vigo de hai pouco máis de vinte e cinco anos, dende a ollada de Pedro, un mozo de hoxe, fillo dun daqueles (heroes do G7) obreiros protagonistas dunha das derradeiras folgas nos estaleiros (baleas) da nosa beiramar. Atmosfera de revolución viguesa, ao xeito das novelas citadas de Ferrín e Xohana Torres, na que Menéndez, como Solla e Nuria Vil, que incomoda aos conformistas. Novela inesquecible, afonda no espírito dunha cidade empapada pola resaca da memoria, mais que desaparece cando os ghichiños suben as gradas para construír glaciares de aceiro. Léana.

FIl Guadalaxara

Das feiras internacionais do libro nas que teño participado, sempre foi a miña preferida a Fil de Guadalaxara, no estado de Jalisco, organizada dende 1987 pola Fundación Universidade de Guadalaxara, durante nove días, a partir do derradeiro sábado de novembro. Unha feira de venda e compra de dereitos e licenzas editoriais de luns a mércores, a maior das de fala castelá, mais onde os públicos lectores son sempre benvidos, o que a converte nunha impresionante e entusiasta festa da lectura en todas as súas modalidades, diversidade de linguas, formatos editoriais e expresións artísticas. Feira que cada edición conta cun país, rexión ou cidade convidada, que ofrece o seu desembarco literario, nesta de 2024 España e en 2025 Barcelona, como cada día homenaxea a un profesional da industria do libro, comezado coa entrega do Premio FIL de Literatura de Linguas Romances, dotado de 150.000 dólares, outorgado este ano ao novelista mozambicano Mia Couto, que entre outras actividades manterá un encontro estrela cun milleiro lectoras e lectores novas. Actividades que se suceden nun programa de vertixe artellado para dar resposta aos distintos públicos, dende o literario e o infantil e xuvenil até o dos promotores de lectura, sen menoscabo da atención específica para a edición científica, de pensamento ou temática de actualidade. Aposta pola lectura pública, concibida como competencia transformadora de cidadanía, na que por ventura este ano a nosa edición estará representada polas intervencións dos editores Henrique Alvarellos, que ditará a conferencia «Cen anos de edición moderna en galego», e Xosé Ballesteros, que presentará o Premio Internacional Compostela de Álbums ilustrados. Como autoras en lingua galega como Ledicia Costas, Ismael Ramos, Antía Otero, Dores Tembrás, Bea Lema ou Eva Mejuto participarán en diversas actividades e encontros co lectorado mexicano. Como imaxinamos foi memorable o concerto de Sés no Foro da Fil, un palco musical de privilexio, sempre empático e cheo a rebentar.

Publicado en Nós diario: 04/12/2024

Xigantes da lectura

A neurociencia cognitiva recomenda ler en voz alta todo tipo de textos, a chamada lectura oral, polos múltiples beneficios que achega ao lectorado novo en formación como ao adulto experto. A lectura en voz alta facilita a comprensión e a retención de información xa que incrementa a memoria e as capacidades de atención e concentración, ademais de contribuír a mellorar as habilidades de comunicación verbal de entoación, ritmo e pronunciación. A lectura oral, secasí, ten unha dimensión comunicativa e inclusiva, alivia o estres e a ansiedade, ademais do gozo que provoca en quen a protagoniza e quen a escoita. Abandonada como práctica escolar resesa, a lectura oral reclama de novo a súa incorporación como práctica da formación lectora e da educación literaria, con especial importancia para o novo lectorado autónomo, que despois de aprender a ler, aprende agora lendo e gozando da lectura. Son abertamente partidario de recuperar a lectura oral nas aulas e nos clubs de lectura, tamén nos que participan persoas maiores, xa que cando lemos en voz alta humanizamos o texto, anosámolo, encarnámolo na pel propia e na das persoas que nos escoitan. Cando lemos dese xeito compartimos o gozo do texto facéndoo sonoro e teatral, único nos seus matices e interpretación, práctica que sabemos asumen moitas autoras para comprobar se o texto flúe como elas pretenden. Coa intención de recuperar esta práctica na formación do novo lectorado autónomo, o Hematofesti, festival de literatura infantil e humor na memoria de Hematocrítico, asumiu a organización da edición de «Pequenos Xigantes da Lectura» en lingua galega para alumnado de segundo ciclo de Primaria. Convocatoria pioneira, na que apenas participaron centros educativos da área metropolitana viguesa, mais cun éxito rotundo pola calidade das lectoras finalistas e o gozoso do proceso, constituíndo un dos fitos máis destacados do memorable primeiro Hematofesti, organizado por Ledicia Costas, Alberto Vázquez, Llerena Perozo e Matilde Rodríguez.

Publicado en Nós diario: 13/11/2024

Discurso de recepción do premio «Lenda do recreo»

Recollo no arquivo do blog o discurso que pronunciei o serán do sábado 9 de novembro no Hematofesti con motivo da recepción do premio «Lenda do recreo».

Pode lerse ou baixarse en formato pdf aquí.

 

Hematofesti de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Hematofesti:

A primeira edición do Hematofesti, festival de humor e literatura infantil, proxecto nacido para homenaxear a figura de Miguel Ángel López González, coñecido como o Hematocrítico, resultou un éxito rotundo, tanto pola acollida dos públicos e a calidade do seu programa de actividades como das iniciativas desenvolvidas en Vigo durante cinco días. Creado e organizado pola escritora Ledicia Costas e o ilustrador Alberto Vázquez, rendeu tributo ao legado do escritor coruñés e mestre de educación infantil e inglés, autor do blog Hematocrítico de Arte, tamén creador de contido dixital en redes, participante e animador de múltiples proxectos como os dos podcasts «Los hermanos podcast & Co» e «Masa enfurecida», salientando a súa personalidade empática e achega decisiva á renovación da literatura infantil e o entretemento de carácter familiar. Un festival que constituíu, ademais, un exercicio de gratitude e memoria da rede de amizades de Hemato desprazadas a Vigo dende diversos lugares da península que protagonizaron actuacións musicais e humorísticas memorables na Hematogala, celebrada o xoves á noite no Auditorio Mar de Vigo, e nas sesións de humor vespertinas que baixo o epígrafe «Queremos humor» se celebraron no Teatro Salesianos, convocatorias todas nas que esgotaron as entradas.

Homenaxe iniciada na mañá do xoves no Auditorio Municipal coa final de «Pequenos Xigantes da Lectura», concurso de lectura en alta voz en lingua galega para alumnado de 4º de Primaria, no que participaron oito centros escolares da área metropolitana viguesa. Xornada na que comezaron en media ducia de librarías viguesas as sesións de contos e obradoiros de ilustración dirixidos a crianzas, así como se abriu na planta baixa do Marco un espazo Gaming NINTENDO, que recibiu unha grande acollida de público familiar nos catro días. Programa que o sábado na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo dedicou a xornada toda á literatura infantil, na que se sucederon as mesas e presentacións coa participación de autoras, ilustradoras, editoras e bookstagrammers, pechada coa cerimonia de entrega dos premios «Humor con H» de álbum ilustrado  e do «Lenda do recreo», que tiven a honra de recoller emocionado coa maior das gratitudes. Programación do Hematofesti que se estendeu ao Palexco da Coruña coa excepcional exposición retrospectiva «Hematocrítico ilustrado», organizada polo concello da Coruña, na que por primeira vez se reúnen máis de duascentas ilustracións de nove destacados ilustradores e ilustradoras que acompañan as narrativas das súas obras.

A sorprendente capacidade desta primeira edición de Hematofesti de facer barro coas orellas, ou o que é o mesmo, de converterse en referente, entendo que obedece ao carácter transversal, inclusivo e audiovisual deste festival de cultura contemporánea que como auga de maio precisaba a cidade de Vigo. Transversal no eido temático xa que aborda a lix, o humor, a música e o xogo. Como tamén toca todos os paos da literatura infantil, dende a creación e a edición textual, pasando pola ilustración e a banda deseñada, até os videoxogos e os podcasts e creación de contido dixital para redes. Como transversal e inclusivos son os públicos de Hematofesti, asumindo de forma explícita unha estratexia antiidadista, con propostas para crianzas e familias, até unha participación moi destacada de persoas menores de sesenta anos. Como diversas son as localizacións das actividades por toda a cidade e diversos os mecenados, tanto privados como públicos, nos que están comprometidas as catro administracións: Ministerio de Cultura, Consellaría de Cultura, Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra. Unha fórmula modélica de corresponsabilidade e de colaboración interinstitucional que merece ser aplaudida e continuada en edicións futuras.

Aventuramos un grande futuro a este festival visualmente tan fermoso e engaiolante, onde todo esta moi coidado, que debe consolidarse e medrar en Vigo como un referente anual arredor da fin de semana de San Martiño (as buxainas ao camiño). Crecemento que podería producirse asumindo un carácter internacional e engadindo novas expresións e formatos, singularmente o cine infantil de animación, a poesía, o teatro, o xogo e o xoguete popular e dixital. Como non semella moi difícil ampliar a toda Galicia a convocatoria do concurso escolar «Pequenos Xigantes da Lectura» e estreitar o intercambio de actividades coas organizadas na Coruña, montando na vindeira edición a exposición do «Hematocrítico ilustrado».

Todos os parabéns, merecidísimos, a Ledicia Costas e Alberto Vázquez, como ao seu formidable equipo de produción, por facer realidade a fantasía dun festival que imaxinou o Hematocrítico, xenio riquiño entre os máis riquiños.