No suplemento dominical de Faro de Vigo do 4 de outubro de 1981 Manuel Rivas publicou unha das mellores páxinas da historia do decano e do xornalismo galego. Rivas relatou de forma maxistral a incrible expedición á Fosa Atlántica do Xurelo, un palangreiro de madeira de 21 metros de eslora, construído nos estaleiros artesanais do Freixo de Outes. Unha travesía organizada por Esquerda Galega (EG), que asumiu tamén os seus custes (arredor do medio millón de pesetas) coa intención de denunciar na comunidade internacional os vertidos de residuos radioactivos que oito países europeos facían na chamada Fosa de Hércules fronte a costa galega.
«Unha viaxe en nome da vida» (así titulaba Rivas en Faro), iniciada con rumbo incerto no peirao de Colón de Ribeira na mañá do luns 14 de setembro, na que ademais do patrón e armador Anxo Vila e tres dos seus tripulantes, participaron os tres concelleiros de EG, o vigués Paco García, o coruñés Gonzalo Vázquez Pozo e o moañés Manuel Méndez; os ecoloxistas Henrique Álvarez Escudero e Roxelio Pérez Moreira; e os xornalistas Manuel Rivas, Manuel Rico, Xesús Naya, Xurxo Lobato e Xosé Castro.
Despois de tres días de mar, cando amencía o xoves 17 de setembro o Xurelo achegouse a dúas embarcacións de carga, o Louise e o Kirstem Smith. Chegara á Fosa, o que foi posible grazas á pericia dun home de mar como Anxo Vila que contou apenas como axudas a navegación dunha carta náutica, dun radar avariado de alcance limitado e das conexións coas radios costeiras de Fisterra e Vigo. E naquela altura a embarcación de madeira de 69 toneladas quedou literalmente emparedada entre os dous cargueiros holandeses mentres descargaban os seus bidóns radioactivos, escoltados pola Pyet Heim, unha fragata da armada de guerra holandesa que lles daba soporte. Xaora, foi aínda máis impresionante a resposta da tripulación do buque no que ondeaba a bandeira galega que, se ben non puido evitar os vertidos, deitou ao mar o seu armamento de flores (ramos de caraveis), amosou pancartas, emitiu textos pola radiofonía, fixo fotografías e vídeos, cantou o seu himno e berrou «Viva a Humanidade!», amosando que o galego é un pobo pacífico até o lirismo.
Como memorable para o movemento ecoloxista galego continúa sendo tamén a mensaxe emitida en galego e inglés pola radio do Xurelo, o martes 15 de setembro camiño da Fosa, a todas as embarcacións que se cruzasen na súa onda, un texto efémero do que circulan varias versións mais que forma parte tamén da historia de Galicia e cuxa transcrición documentada debería ser utilizada hoxe nas aulas galegas:
«Camiñamos cara o lugar da agresión a protestar, a pór de manifesto o noso máis rotundo non a contaminación e a morte.
Queremos alertar a todos, avisar a berros que están a emporcar o noso hoxe e a matar o futuro.
Queremos facer medrar a protesta ata que lles sexa imposíbel seguir xogando coa vida.
Queremos compartir a defensa da saúde e da vida de toda a humanidade.
Queremos que cada vez máis Galicia se faga oír no seu rexeitamento de toda agresión e na súa aposta polo benestar e a paz.
Pola saúde e a vida do pobo galego.
Pola saúde e a vida. De todos os pobos sedentos de paz».
Ao regreso, coa mar un pouco máis brava, máis coa tripulación satisfeita pola «misión cumprida», o Xurelo emproou cara o porto de Ribeira: documentaran a existencia dun cemiterio de residuos nucleares moi preto das nosas costas.
Un ano despois houbo unha segunda expedición, na que ademais do buque de Ribeira, participaron outras embarcacións: dous pesqueiros fretados polos concellos de Vigo e a Coruña, o Pleamar, no que viaxou o alcalde Manuel Soto, e o Arousa I, ao que se uniu o Sirius de Greenpeace, que trataron de evitar que varios buques holandeses e británicos descargasen máis bidóns. As fotografías dos vertidos, tomadas nestas expedicións, as primeiras imaxes sobre o tema publicadas nos principais medios de comunicación europeos, como as manifestacións contra o cemiterio nuclear mariño e os intentos de activistas de EG desprazados ao porto militar holandés de Zeebrugee coa intención de bloquear o embarque de residuos, contribuíron a que en 1983 a Organización Marítima Internacional acordase unha moratoria dos vertidos e que dez anos despois fosen definitivamente prohibidos polo Convenio de Londres.
Aquelas mobilizacións contra os vertidos, promovidas por Esquerda Galega, o partido liderado por Camilo Nogueira, constituíron o primeiro conflito internacional promovido por Galicia e amosaron que para o país noso o posible é moito máis do que podemos imaxinar. Corenta anos despois da travesía dos heroes do Xurelo é de xustiza lembralos pola súa causa en nome da vida e reparar en que 142.000 toneladas residuos nucleares permanecen entulladas a 4.000 metros de profundidade e a pouco máis de 300 millas da costa galega.