TVG3, a canle do Xabarín

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa lexislativa popular e solicita a creación dunha terceira canle da TVG e unha app dedicada a contidos dirixidos ao público infantil e xuvenil:

No nadal de 1982, Xerais publicaba A chamada da selva, a noveliña de aventuras de Jack London traducida para o galego por un Gonzalo Navaza moi novo. Abríase así a colección «Xabarín», a primeira da edición galega destinada ao público infantil e xuvenil na que o editor Xulián Maure pretendía traducir boa parte dos títulos clásicos para crianzas de autores como Oscar Wilde, Herman Melville, Jules Verne, Lewis Carroll ou E.A. Poe, entre outros. Dende entón os inconfundibles volumes azuis de Xabarín, con cubertas deseñadas e ilustradas por M. Fragoso, comezaron a entrar en moitas casas, sendo para moitos mozos e mozas da década dos oitenta a súa primeira lectura en lingua galega. Títulos identificables, tamén, pola presenza na contra capa da icona da serie, unha cacheira frontal do xabaril cos cadanseus cairos ben afiados, unha imaxe moi divertida que hoxe identificamos cunha emoji que expresa ledicia

Unha oferta pioneira en galego, que superaría os sesenta títulos, mais que por ventura sería ampliada anos despois coa aparición das primeiras coleccións infantís de lecturas graduadas de creación propia como O barco de vapor (SM, 1985), Merlín (Xerais, 1988) e Árbore (Galaxia, 1989), nas que se formaría o lectorado galego de entre séculos. A semente daquela icona do primeiro xabaril, redeseñada en 1987 por Xosé Díaz de Revisión como un xabaril de toda unha peza, cando a colección era dirixida polo editor Luís Mariño e polo escritor X.L. Méndez Ferrín, agromou na primavera de 1994 na TVG da man do xornalista vigués Suso Iglesias coa creación do Xabarín Club, o espazo máis emblemático da historia da televisión pública galega, tamén a orgullosa insignia sentimental da actual xeración millennial.

Deseñada como banda de continuidade da programación infantil vespertina, Iglesias encargou ao ilustrador Miguelanxo Prado a creación gráfica dun personaxe que fose o fío condutor dos contidos diarios dirixidos a crianzas de 3 a 14 anos, asociados á diversión e ao lecer. Por vez primeira na súa historia, a lingua galega contaba cun espazo e un discurso dirixido á infancia para consumir na casa coa familia e coas amizades, onde se mesturaban os debuxos de Shin Chan, Son Goku e Dragon Ball coas cancións de espírito rebelde e de exaltación do compañeirismo dos grupos galegos do momento, como Yellow Pixoliñas, Os Diplomáticos, Aerolíneas, Rastreros… Xaora, amais dun espazo televisivo, Iglesias concibiu o Xabarín, en tempos sen acceso a internet nin redes sociais, como un club catódico que chegou a contar con 142.000 afiliados, que sentían o orgullo de formar parte dunha comunidade que o día do seu aniversario lle concedía o privilexio de publicar en pantalla a súa fotografía durante sete segundos. Un feito tan emocionante como memorable.

Transcorridos vinte e cinco anos daquela proeza colectiva, manifestación de orgullo polo propio, de modernidade e de interese polo idioma do país, apenas o 5 % da programación infantil e xuvenil que se emite nas canles accesibles en Galicia se ofrece en galego e a programada na TVG perdeu o pulo e entusiasmo por aquela festa rachada que marcou á xeración Xabarín. Unha situación á que non foi allea a fragmentación tecnolóxica provocada pola disrupción dixital e pola aparición de novos formatos de distribución dos contidos audiovisuais, mais tamén durante a última década polo escaso interese da propia TVG por axeitar a súa programación infantil ás circunstancias e necesidades dunha lingua, cada vez máis allea á nosa infancia. Unha oferta en galego que queda hoxe moi por baixo da ofrecida nas televisións públicas catalá e vasca en Super3 e ETB3, as súas terceiras canles destinadas especificamente aos menores de catorce anos.

Coa intención de que a TVG abrise unha terceira canle infantil que ofrecese contidos infantís en galego vinte e catro horas diarias naceu a iniciativa lexislativa popular «Xabarín Club» promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística á que decontado se sumaron a maior parte das asociacións profesionais da industria cultural, de sindicatos do ensino, movementos de renovación pedagóxica como ANPAS galegas e artistas de referencia para os máis novos. Unha iniciativa que pretende reunir as sinaturas necesarias para que o Parlamento de Galicia debata a creación desta nova canle e dunha app infantil da TVG, mais tamén para que TVE emita con opción dobrada ao galego os contidos de Clan, a súa canle infantil. Iniciativa que non o esquezamos se desenvolve cando o colectivo Defende a Galega de traballadores da TVG continúa cos seus venres negros denunciando o control político da CRTVG e reclamando a aplicación da Lei de Medios de 2011 na que se contempla a posta en marcha do Estatuto profesional e o Comité de Redacción, aínda inexistentes.

Onte 2088: A reedición de «Catro cartas» do mestre DoCampo

A reedición de Catro cartas (Xerais 2020) de Xabier P. DoCampo, ilustrada por Fino Lorenzo, lembroume a xestación de Sopa de Libros, a colección onde foi publicada a súa primeira edición por Anaya Infantil y Juvenil (2000). Un agasallo que Xabier fixera ao seu amigo o editor Antonio Ventura, entón responsable da colección, onde despois de obter o premio nacional (1994) publicara O pazo baleiro (1997), na edición orixinal en galego e na traducidas para o castelán e o catalán. Foi o de Sopa un proxecto editorial, bautizado de forma informal como «Amadís», no que os directores de tres das editoras con catálogo infantil do Grupo Anaya, Emilio Pascual (Anaya Infantil y Juvenil), Ramón Besora (Barcanova) e eu mesmo (Xerais) intentamos deseñar unha colección de lecturas graduadas de calidade na que se trasvasasen de forma normalizada textos e ilustracións procedentes das tres linguas (castelán, catalán e galego) a carón de textos traducidos europeos.

Aquel proxecto Amadís con espírito de clásico de cabalaría, finalmente, naceu como Sopa de Libros e  sen a presenza de Xerais durante os primeiros anos, noutra das periódicas reviravoltas da relación da editora viguesa coa súa propietaria. Tras aquel vello e decepcionante trasacordo, non podo agochar o meu entusiasmo polo feito de que aquelas Catro cartas de Docampo, testemuña imperecedoira e extraordinaria sobre o valor do libro, a lectura e a literatura, sexan publicadas vinte anos despois por Xerais, feito que sei moito hai que agradecer a María Xesús Bello Formoso e Daniel Puente Bello, as herdeiras de Xabier. Un libro breve, apenas corenta páxinas ilustradas por Fino Lorenzo, o mestre galego da colaxe e da ilustración povera, mais unha obra esencial para entender a concepción da literatura como unha emoción compartida, poética que Xabier defendeu ao longo de toda a sua obra.

Catro cartas, que son cinco, que o mestre cheirego escribe a súa amada («os libros foron un lugar de encontro ao que vamos procurándonos»), ao fillo («eu sei que a miña vida durará tanto como eu perdure no teu recordo»), a mai («a lectura é un traxe que lle senta ben á alma e faina máis fermosa..»), a R.L.S. («aprendín a ler, a convertir cada lectura nunha aprendizaxe») e ao lector ou lectora das cartas anteriores («ler e escribir son dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, substanciarse no outro, por medio da entrega, da xenerosidade, do amor…»)

Transcorridos vinte anos daquela primeira edición, confeso que a lectura destas Catro cartas, libro de cabeceira ao que volvín en moitas ocasións, produciume aínda maior emoción xa que identifiquei nestas páxinas boa parte das hélices do ADN literario de Xabier. Identifiquei os argumentos das súas intervencións orais sobre o valor da lectura como a semente de textos de creación ou de crítica posteriores, xa que para Paco (así o chamaba o mestre Agustín) «toda escritura é sempre un treito da viaxe que nos conduce a nós mesmos». Como aquí aparece que a lectura é para cada lectora unha indagación sobre unha mesma, na procura do amor, da tranquilidade, do coñecemento, da salvación… Ideas e fíos que Docampo desenvolveu en libros fulcrais como O libro das viaxes imaxinarias (2008) ou A illa de todas as illas (2013). Como nestas páxinas está tamén a súa convición de que a lectura constitúe unha creación e recreación de cada lector nun exercicio que a todos converte en narradores, xenerosos doadores de palabras e de historias.

Benvida esta reedición de Catro cartas, agora en Merlín (a outra colección graduada de Xerais que conta xa con 300 títulos!), un texto ideal para volver a reflexionar sobre o valor da lectura literaria como vieiro mellor para vivir unha vida máis plena, unha das causas polas que entregou a vida e a palabra o mestre Xabier. Parabéns a herdeiros e editora por tan excelente iniciativa.

No centenario de Bradbury e Isaac

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario de Ray Bradbury e Isaac Díaz Pardo

Non reparara até agora no feito de que Ray Bradbury e Isaac Díaz Pardo naceran ambos os dous o 22 de agosto de 1920 e morreran a comezos de 2012. Unha venturosa serendipia, como todas inesperada e fortuíta, froito de senllos centenarios lembrados en Twitter, que dende agora une a dúas das miñas figuras intelectuais máis admiradas, das que descoñecía tivesen vidas tan paralelas no tempo, aínda que permanecesen afastadas por nove mil quilómetros, a do estadounidense mestre da fantasía e da ficción científica desenvolta en California na meca da industria cinematográfica; a do editor do Castro e creador de Sargadelos entre Compostela e A Mariña. Traxectorias, porén, que representan en cadanseu ámbito algúns dos valores máis primixenios da modernidade e do activismo artístico humanista do século XX, como as guías da razón, da ciencia, da tecnoloxía, mais tamén das diversas artes e da memoria.

Admiración polo escritor de Waukegan que nos levou hai quince anos a publicar en galego no catálogo da colección Fóra de Xogo (Xerais) dúas das súas obras senlleiras, traducidas por María Magdalena Fernández Pérez: Crónicas marcianas (1950), a súa obra inicial, unha colección de relatos que conforma a crónica das seis primeiras viaxes dos habitantes da Terra, desde 1999 a 2026, para colonizar Marte; Fahrenheit 451 (1953), un dos clásicos da literatura do século XX, tamén o título da única obra que aparece na súa lápida, unha fantasía futurista dun tempo no que a lectura está prohibida e todos os libros son denunciados e destruídos, o que leva a un grupo secreto de activistas da lectura refuxiados nos bosques a memorizalos e gardalos nas súas cabezas como forma máis segura de conservación.

Edición en galego, á que non fora allea a recomendación do escritor Agustín Fernández Paz, ao que sempre lembraremos nas súas intervencións orais sobre a lectura recuperando as palabras de Montag, o capitán dos bombeiros incendiarios, protagonista de Fahrenheit 451: «Sinto que detrás de cada libro hai unha persoa que me fala». Irene Vallejo rescata en El infinito en un junco (Siruela 2019), obra extraordinaria (moi rcomendable) sobre a invención dos libros no mundo antigo, o Fahrenheit 451 de Bradbury, escrito como unha fábula distópica, para poñer énfase no valor dos libros como recipientes de memoria, sobre todo, nas Idades de Escuridade, no valor de cada un dos lectores e lectoras como portadores de íntimas bibliotecas clandestinas: «Cando a guerra termine, algún día, algún ano, os libros poderán ser reescritos. As persoas serán convocadas unha por unha, para que reciten o que saben…».

Valor da memoria que compartía Isaac Díaz Pardo cando como editor en lingua galega puxo en marcha en Ediciós do Castro (Sada, 1963) a colección «Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia», a primeira trabe na construción da memoria republicana de Galicia en base as testemuñas e as memorias dos que padeceron os días de terror e as penalidades da ditadura. Teimosía por recordar e gardar o recordado que Isaac imprimiu a moitos outros dos seus proxectos, como nas series temáticas das súas cerámicas, símbolos que contribuíron a dar a coñecer que Galicia tiña unha historia de seu; como a Biblioteca do Exilio, onde pretendeu reunir un cento de obras escritas por autores españois exiliados; como aquela cronoloxía histórica de Galicia, que vimos como actualizaba día a día nas instalacións do Instituto Galego da Información (1977) en San Marcos, creado para publicar un xornal en galego; como nas salas do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside do Castro de Samoedo (1970), fundado hai agora cincuenta anos, onde quen foi un dos xenios indiscutibles da pintura galega reuniu a máis importante colección artística do seu tempo.

Admiración polo creador de Sargadelos, a industria cultural galega máis relevante da
segunda metade do século XX, que en tantas conversas nos insistiu, e que comparto ao cen por cen, en que a primeira tarefa do editor, o que poderíamos facer extensible á de calquera outro empresario do sector cultural, é a de promover e a acompañar aos creadores da forma máis discreta e xenerosa posible, o que moitas veces nos obriga a «templar gaitas e limpar merdas». Que outra tarefa do creador de cultura é valorar o escaso para que sexa devecido polo seu público. E ben o poñía en práctica don Isaac que fixo posible a fantasía do día a día daquel Laboratorio de Formas (1963), utopía artística imaxinada polo seu amigo Luis Seoane, ou quen publicou varios milleiros de libros moi especializados ou quen te acollía na súa casa e na súa mesa sempre cos brazos abertos.

No centenario de Ray Bradbury e Isaac Díaz Pardo celebramos o mellor da cultura do século XX, o valor da memoria e das artes e das ciencias como chaves para crear o futuro.

Vigo, barcos, coches e libros

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á inauguración da feira do libro de Vigo:

Encantoume escoitarlle a Yolanda Díaz nunha das súas vibrantes réplicas no Congreso que ela naceu na Ferrolterra onde se fan barcos desde que no século XVII se puxo en marcha o arsenal real. Gustoume que a ministra galega fachendease da tradición obreira ferrolá porque son as actividades económicas e a súa continuidade ás que mellor explican cada unha das comunidades humanas, países e cidades. Así tamén é o caso do Vigo metropolitano onde dende hai máis dun século a construción naval constitúe un dos alicerces do desenvolvemento urbano da súa ría.

Unha actividade industrial que coas pesqueira, conserveira e portuaria impulsou o crecemento demográfico daquel Vigo que no ano 1900 tiña apenas 23.259 habitantes, mais que tamén determinou o modelo de desenvolvemento urbanístico alongado sobre o anfiteatro da ría e deitado sobre o Val do Fragoso como a ansia fabril e dinámica dunha cidade obreira. Abonda con seguir as magníficas páxinas de información económica de Faro de Vigo, para saber que os estaleiros e as actividades pesqueiras e portuarias constitúen unha referencia na contorna atlántica e un dos piares da economía galega. Vigo é unha cidade metropolitana que continúa e agardamos continúe fabricando barcos mesmo a pesar das mil e unha dificultades dun sector industrial estratéxico e das raquíticas políticas públicas no seu apoio. Velaí o ir e vir recente do capital e da actividade de Barreras, o primeiro estaleiro privado de España, como o peche de Vulcano e o inxustificable baleiro das súas instalacións.

Actividade portuaria viguesa que recibiu o pulo de Citroën, outro dos alicerces do Vigo contemporáneo, que permitiu que en sesenta anos a cidade duplicase a súa poboación, pasando dos 144.914 de 1960, cando a factoría automobilística xa estaba instalada en Balaídos, aos 300.000 habitantes de hoxe. Unha actividade industrial que foi transformando ao Vigo metropolitano nun dos enclaves mundiais da industria automobilística, tanto pola actividade de ensamblaxe do grupo PSA como da fabricación de compoñentes por parte do cento de empresas que forma parte do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA). Vigo forma parte hoxe dese selecto mapa internacional de cidades do automóbil, como Detroit, Rennes ou Wolfsburgo, que deben facer fronte ás profundas mudanzas dun actividade industrial obrigada polas esixencias da loita contra o cambio climático a incrementar a súa eficiencia enerxética, reducir a súa pegada ambiental como a reorientar o propio carácter e deseño dos seus produtos.

A esa especificidade industrial viguesa, portuaria e automobilística, engadiuse a da edición de libros, a primeira das nosas industrias culturais. Unha actividade editorial modesta en termos económicos, que non acada aínda os dez millóns de euros anuais, mais que artella a cadea de valor do libro, con transcendencia sobre as actividades educativas e creativas máis diversas. Dende o nacemento daquela mítica editorial Cíes da rúa Elduayen por parte do editor Eugenio Barrientos nos anos corenta, da editorial Galaxia, hai setenta anos, de Edicións Xerais de Galicia, hai corenta, ás que no período autonómico se foron engadindo outras como A Nosa Terra, Ir Indo edicións, Nova Galicia, Xerme, Tambre, Ideas propias, Trymar, Lobito bueno, Editorial Elvira…, Vigo converteuse nun dos polos máis activos de edición española e na capital indiscutible da edición en lingua galega, o que contribuíu tamén ao desenvolvemento na cidade do sector do deseño e as artes gráficas, como a súa transformación en espazo cultural cun mapa literario de seu.

Vigo é cidade fabricante de barcos e coches, máis tamén de libros, a pesar da súa endémica carencia bibliotecaria, que non semella ter doado remedio nin sequera coa construción da biblioteca do estado, e da súa cativa feira do libro, que dende hai décadas está moi por baixo daqueloutra da Coruña, tanto no número de librarías participantes como no programa das súas actividades literarias. Dimensión reducida da feira do libro viguesa que na edición inaugurada esta semana na rúa do Príncipe diante do Marco chega coa participación de apenas tres librarías viguesas a súa expresión máis preocupante. Unha «anormalidade» para unha cidade de libro que o sector editorial vigués no seu conxunto (editoras e librarías), coa colaboración da propia concellaría de Cultura, deberían asumir como punto da inflexión para refundar en 2021 cunha fórmula radicalmente nova a que debería constituír a primeira e máis popular actividade cultural da cidade de Vigo, como sucede na maior parte das cidades peninsulares do rango da nosa. Cadora, visiten á feira do libro onde apoiando ás librarías resistentes máis de corenta autores e autoras asinan os seus libros.

Onte 2073: «A proba de auga», premio de BD O Garaxe Hermético

Unha das novas relevantes da edición en galego da última década foi a incipiente normalización da publicación de banda deseñada (BD) dirixida ao público infantil en galego. A creación por parte de Xerais do selo MerlínComics, iniciado en outono de 2012 coa primeira entrega da logo exitosa serie Marcopola de Jacobo Fernández Serrano, uniuse ás iniciativas que dende 2007 promovía Retranca editora, a editorial creada por Kiko da Silva, que ademais de publicar a revista homónima editaba libros de BD como os da serie Fiz. O neno máis porco do mundo. Idéntica angueira normalizadora levou a Kiko da Silva, unha figura central na BD galega das dúas primeiras décadas de século, a fundar en en Pontevedra no ano 2012, en plena crise da edición galega, O Garaxe Hermético, a primeira escola profesional de BD e ilustración, onde dende entón se formaron varias promocións de profesionais e se impulsou a edición dun número xa significativo de títulos de BD.

Con idéntica intención de impulsar estas iniciativas normalizadoras, Xerais e o Garaxe Hermético  uniron os seus esforzos para crear o Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Un certame anual que contribuirá a abrir oportunidades profesionais ao alumnado que está rematando na escola prontevedresa a súa formación, así como a fomentar a creación de BD para público infantil e xuvenil en lingua galega. Froito desa primeira convocatoria é a publicación d’ A proba de auga, un álbum de 96 páxinas de Anémona de Río, no que con grande orixinalidade se abordan contidos científicos utilizando os recursos ficionais da intriga para facelos máis accesibles e divertidos a un lectorado infantil autónomo (entendo que a partir de oito ou nove anos). Gañadora que xa publicará a súa primeira obra, Tam, con retranca editora.

Inserida nas habilidades estéticas do manga e conectada coa tradición da liña clara do cómic europeo, a xove autora viguesa propón unha sorprendente viaxe polo interior do corpo humano da man dunha pinga de auga preparada para levar a cabo o seu traballo de identificar a un descoñecido capaz de provocar un rebumbio tremendo. Unha viaxe onde a afouta rapaza terá que facer fronte a diversos perigos, inundacións e estouridos, baixar até profundas cavidades, desprazarse en vehículos colectivos até coñecer temibles virus e xenerosas vacinas. Unha historia de total actualidade neste tempo de pandemia, abordada cunha notable eficacia narrativa á que  non é allea a habilidade  da autora no uso da cor e na creación de personaxes, que imitan nalgúns casos a coñecidos da escola xaponesa.

A proba de auga é unha valiosa achega ao catálogo da BD infantil galega, un magnífico comezo para este Premio Garaxe Hermético. Recomendable para todas as comictecas (como lle gustaba dicir ao mestre Agustín Fernández Paz) ou bedetecas (na tradición europea).

 

Un plan para a cultura

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á situación do sector cultural no entorno da crise do Covid19:

Como xa sucedeu na crise de 2009, non é difícil agoirar que o sector cultural será unha das primeiras vítimas da crise post-Covid19. A cancelación ou suspensión de actividades presenciais na música e nas artes escénicas, o peche de cines, museos, bibliotecas e librarías, a paralización das actividades de impresión de Artes Gráficas e de gravacións audiovisuais e cinematográficas como a ausencia dalgún tipo de iniciativa de apoio dos poderes públicos aos seus profesionais polo dano ocasionado polo cese de todas estas actividades ameazan con colapsar de novo a un sector inmerso nun incerto proceso de mudanza provocada pola hibridación dixital da creación e distribución dos seus produtos e servizos. Un escenario pouco alentador ao que dende o confinamento están facendo fronte diversas iniciativas nalgúns casos procurando a fidelidade dos seus públicos, como sucede coas relacionadas co mundo da edición e da libraría cultural, e noutros reclamando que, como sucede noutros estados europeos como Francia, Alemaña, Italia ou Portugal, o Goberno apoie aos diversos sectores e aos seus profesionais (a maior parte deles autónomos) e na saída da pandemia participe na reconstrución do tecido do sector cultural e creativo.

Ás portas do 23 de abril, día do libro, que por vez primeira celebraremos quedando na casa, os gremios das editoras e librarías galegas, mais a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, dirixíronse á Xunta de Galicia para urxirlle que concretase as axudas ao sector do libro e da edición fronte a emerxencia que para todas elas supón á crise do Covid19. Axudas que o sector galego do libro concreta na posta en marcha dun bono libro familiar, no incremento do 50 % na dotación para a compra de libro galego para bibliotecas públicas (apenas 100.00 euros), na posta en marcha, unha vez superado o estado de alarma, dun plan de choque para as librarías, así como a redistribución do orzamento destinado ao Xacobeo 2021 co obxecto de contar con máis recursos para apoiar a actividade de editoras, librarías e escritores/as. Reclamacións dos gremios do libro que se engaden a outras preocupacións como as das necesidades de pequenas editoriais, librarías e autores e autoras que funcionan baixo o réxime de autónomos, sen esquecer a difícil situación das editoras educativas que nun curso no que despois de seis anos se renovan os libros de texto de 3º e 5º de Educación Primaria teñen que presentalos cos colexios pechados.

Solicitude de axudas, que non precisarían dun logo protocolo para ser xustificadas tanto polo seu importe asumible para o actual orzamento autonómico (rídiculo, se o comparamos co reciben outros sectores) como polo feito de que irían destinadas a un sector considerado estratéxico e prioritario para Galicia, «pola súa importancia cultural, social e económica», como así quedou recollido no artigo 2 da Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, texto vixente, aínda que apenas tomado en consideración polos gobernos de Alberto Núñez Feijoo. Axudas que, como sinalan os gremios da libro e da lectura, poderían ser financiadas en parte polos recursos destinados ao programa de fastos do Xacobeo 2021, que os responsables da Consellaría de Cultura e Turismo se verán obrigados nalgúns casos a cancelar e noutros a adiar, un feito que xa asume o propio Cabido compostelán cando ve motivos para solicitar ao papa unha prórroga do Ano Santo que se estendería até o 2022. Axudas das que xa existen precedentes noutras comunidades, como esa dotación para mitigar o dano do parón cultural de dous millóns e medio de euros destinados polo Goberno Vasco aos artistas, que recibirán até un 70 % dos seus ingresos medios até un máximo de 1.200 euros mensuais.

Con todo, os gremios profesionais do libro en galego, como o resto dos sectores creativos e culturais do país, máis alá de contar con estas axudas de rescate para saír dun estado de emerxencia, precisan dun auténtico plan para a cultura de longo alcance. Un plan elaborado coa participación dos sectores e dos seus profesionais cuxa elaboración leva prometendo como reclamo electoral cada un dos gobernos de Núñez Feijoo, mais que nunca chegou a concretarse nun documento público nin a recollerse no orzamento autonómico. Un plan que agora como «Pacto de Estado pola Cultura» promete o goberno de Pedro Sánchez, despois do incendio que provocaron as declaracións desafortunadas do ministro de Cultura e Deporte. Un pacto que o goberno ofrece ás Comunidades Autónomas, a Federación de Municipios e Provincias presidida por Abel Caballero e aos diversos sectores culturais coa intención de preservar á cultura da contorna de futuras crises e considerala como un ben de primeira necesidade. Unha promesa que agardemos no quede en auga de castañas como sucedeu outras veces.

45 anos de «Vagalume»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos 45 anos que se fixeron da aparición do primeiro número da revista infantil Vagalume:

Unha das sorpresas dos meus Reis deste ano foron sete exemplares da primeira etapa de «Vagalume», un agasallo dun meu amigo moi xeneroso que coñece a miña paixón polas publicacións infantís en galego. Confeso que tan extraordinaria e emocionante regalía provocou o interese por volver sobre aquela revista infantil en galego cuxos dous primeiros números apareceron no mes de xaneiro de 1975, ano no que morreu o ditador. Nun eido onde apenas existían os precedentes daquelas catro páxinas da revista «As Roladas« (1922), escritas por Cabanillas e ilustradas por Castelao e de «Axóuxere» (1974), suplemento infantil de «La Región» dirixido por Paco Martín, aqueles 46 números de «Vagalume», publicados ao longo de pouco máis de tres anos supuxeron polo seu alcance e calidade artística e material un fito pioneiro tanto para o campo cultural galego como tamén para a galeguización dos picariños e crianzas, sen esquecer a súa achega ao desenvolvemento do cómic e dunha literatura en galego dirixida para elas.

A historia do nacemento de «Vagalume» expresa unha creación de intelixente sutileza e xeneroso voluntarismo para a causa da galeguización educativa que naqueles días do Tardofranquismo, tras a aprobación do Plan Galicia (1969) e da LXE (1970) comezaba a ser timidamente consentida. Xosé María Méndez Domenech, principal promotor da publicación, un dos activistas do 68 compostelán, tras unha condena do TOP e o seu paso polo cárcere (1972), procurando a revalorización cultural do galego no mundo rural, concibiu o proxecto inicial dunha publicación infantil co nome de «A Tixola». Unha idea que comezou a ser difundida a través dos Coloquios Europeos de Parroquias, un movemento de sectores cristiáns que intentaban vivir unha fe inculturada en Galicia, e doutras instancias do profesorado galeguista que foron capaces de vencer os obstáculos para a inscrición dunha publicación periódica en lingua galega. Unha revista para a que Lumeiro S.A, a empresa editora, escolleu o nome de «Vagalume» coa intención de asociar ao coleóptero capaz de acender luciñas na noite (en galego tamén chamado lucecú, lucerna, verme de luz ou pirilampo) coa idea do futuro da lingua nos beizos dos cativos nosos. Unha metáfora visual que non perdeu forza ningunha.

Os números que recibín corresponden todos ao segundo trimestre de 1975, cando era dirixida por Marta García de Leániz, tiña a súa sede en Santiago, estaba impresa en Vigo por Artes Gráficas Galicia, ofrecía vinte páxinas, era supervisada polo Instituto da Lingua Galega da Universidade, aparecía con periodicidade quincenal e contaba (marzo de 1975) con 1.300 subscricións, das que os dous terzos correspondían a centros escolares rurais. Unha cifra que chegaría ás 5.230 en outubro de 1977, o seu momento de maior difusión, meses antes de que a directora fose substituída polo profesor Xosé Fortes Bouzán, antes membro da UMD (Unión Militar Democrática), e a publicación se asentase en Pontevedra até a súa desaparición (tragada polas perdas) en maio de 1978 cun número dobre, o 45-46, dedicado as Letras Galegas, no que se insería unha mensaxe de despedida non exenta de esperanza: «Adeus nenos. Que sexa deica logo».

Pasadas catro décadas daquel estoupido de entusiasmo, cando os nenos e nenas que participaban nos seus concursos, escribían as súas cartas e publicaban os seus contos, debuxos ou retratos en «Vagalume» xa teñen máis de cincuenta anos, a pesar de certa inxeleza a revista non perdeu nin a súa aura nin o seu valor. Se repasamos aquelas páxinas identificamos algúns dos contidos que despois se desenvolveron nunha escola en galego. Unha ampla relación de temas dende a vida das bolboretas de Galicia, pasando pola construción dun laboratorio meteorolóxico, a celebración do entroido, os xogos tradicionais e contos populares até os episodios principais da nosa historia e os lugares e accidentes da nosa xeografía. Páxinas nas que atopamos tamén contidos de matemáticas en galego, textos para os máis pequenos de Xosé Neira Vilas (daquela traballaba na Habana como redactor xefe da revista infantil «Zunzún») e varias planas de banda deseñada dos escritores Gonzalo Navaza, Jorge Llorca ou de Pablo Rodríguez «Oitabén», entre outros moitos.

Como non perderon valor as dúas páxinas dedicadas a Castelao no número 12 (xuño 1975) con motivo do 25 aniversario do seu pasamento, preparadas polo propio Ramón Piñeiro e ilustradas por Siro. Como premonitorio é o editorial no que se comenta a aprobación do decreto (maio 1975) polo que se incorporaron como materias optativas do Ensino Xeral Básico as linguas vernáculas, feito que a revista celebra, a pesar de que recoñece que «aínda hai moito camiño que percorrer». 45 anos do esforzo pioneiro de «Vagalume» non poden ser inútiles.

 

Onte 2058: As acuarelas de Vigo de Eduardo Baamonde

O pintor Eduardo Baamonde continúa desenvolvendo un dos proxectos máis singulares na actual edición galega, a dos cadernos de viaxe das cidades e vilas galegas. Editados por Almacéns de Fábula e impresos con agarimo na imprenta Lar de Viveiro, Baamonde leva publicados sete volumes apaisados de coidada encadernación acartonada nos que fai un percorrido en acuarelas polas pezas principais do patrimonio arquitectónico, así como de estampas populares ou recantos menos coñecidos que conservan enxebreza e carácter xenuíno de Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, O Salnés, A Coruña, Lugo e Vigo. Unha colección que se engade a outros cadernos de viaxe anteriores dedicados a Cambados, Sanxenxo e Vilalba, entre outros.

No caso do caderno de acuarelas de Vigo, Baamonde ofrece un paseo polo Vigo Vello (2018), no que están moi logrados algúns recantos da cidade en socalcos, como os da Praza do Peñasco ou a Fonte da Barroca; como tamén algúns edificios pétreos do ensanche extramuros ou de espazos portuarios e industriais. Un álbum que enriquece de forma moi singular a bibliografía viguesa co xénero clásico da edición de viaxes.

Mención á parte merece o traballo memorable de Baamonde como ilustrador do libro de Isabel Parreño Pena Postales de New York publicado por Edicións del Viento.

Parabéns a Eduardo Baamonde polo súa ollada de artista e pola súa teimosía como editor.

 

 

 

Onte 2035: La Campana Llibres mercada por Penguin Random House

Souben onte da compra da editora catalá La Campana Llibres por parte de Penguin Random House Grupo editorial. Unha noticia moi significativa tanto polo feito de que o xigante editorial alemán, despois da recente adquisición de Ediciones Salamandra, agranda moi significativamente a súa oferta de ficcion e non fición en lingua catalá (xa o 30 % do mercado catalán), como pola continuidade da tendencia de concentración do sector editorial arredor dos grupos transnacionais, que controlan a distribución do libro impreso en España.

A historia de La Campana Llibres sempre me interesou, sobre todo polo tándem que durante máis de tres décadas formaron o veterano escritor Josep María Espinás, autor principal da editora (con trinta títulos), e a editora Isabel Martí, alma mater dun proxecto emblemático na edición en catalán. Eles son os editores de Albert Sánchez Piñol, o autor de éxitos impresionantes como os de  La pell freda (2004) ou Victus (2013), como dunha longa nómina de narradores e narradoras cataláns contemporáneos, cos que conformaron un catálogo de referencia. Mais iso non impediu que apostasen por algunhas traducións internacionais de calidade, moi ben escollidas, outra das claves do seu éxito comercial, entre as que estivo como única galega Herba d’ enamorar de Teresa Moure.

Gustei sempre do lema publicitario de La Campana, «Libros de calidade, pero para todos», asumindo así sen complexos a necesidade de ampliar a dimensión do lectorado mais sen renunciar ao rigor na escolla dos textos nin na comunicación editorial. Sei que coa súa incorporación ao grupo Random poderán gañar capacidade de distribución e presenza inmediata nas mesas de novidades e nalgúns escaparates, mais iso non debería supoñer que La Campana perdese nin a independencia na definición na escolla e na confección do seu catálogo nin o rigor no proceso de edición e comunicación. O que ben sei, como debuxar  triángulos inscritos na circunferencia, non vai ser doado neste novo rumbo para o seu magnífico cadro de profesionais. Sorte para La Campana Llibres!

Onte 2017: Gala do libro galego 2019

Onte na Gala do Libro Galego recibín por estas Bretemas o premio ao Proxecto literario na rede. Recoñecíase así a traxectoria de escritura do blog nacido o 3 de xaneiro de 2005 coa intención de ensaiar a escritura hipertextual e facer crónica do meu traballo de edición. Un premio que agradecín o mellor que souben ao xurado e ás tres entidades do sector do libro convocantes (AEL, AGE e FLG) polo aliciente que esta altura supón apostar polos blogs como portos seguros e continuar así co ritmo desta escritura hipertextual, cando se impuxo a banalidade e  cotilleo nalgunhas redes sociais como Facebook. Un premio que confeso recollín tamén con moito pudor, sobre todo pola decepción que podía supoñer paras as outras candidaturas finalistas (Biosbardia, Galicia Encantada, Kalandraka TV e ogalego.eu), ás que admiro e considero merecedoras tamén do recoñecemento, como polo feito de que sei que todos os éxitos son sempre froito dun esforzo colectivo e os fracasos, as perdas ou os erros responsabilidade de quen os comete.

Esa é a razón pola que quixen lembrar nas miñas palabras de gratitude ás iniciativas pioneiras dos blogs en Galicia, aquelas nacidas entre os anos 2003 e 2004, anteriores ao fenómeno bautizado como blogomillo. Co risco de esquecer algunha, polo que expreso desculpas, citei, en primeiro lugar, a Pedro Silva Goretoxo, creador De mares, portos e portas, o primeiro blog da plataforma Blogaliza que desenvolveu con tanta xenerosidade, para despois facelo co Capítulo 0 de Manuel Gago, Dias estranhos de Martín Pawley (Óscar Sánchez), Todo Nada de María Yáñez, Cabrafanada de Fran Alonso, e rematar con As túas balas, o blog de Cesare (Xabier Cid), que coñecín no transcurso dunhas xornadas de literatura galega na Universidade de Cáceres en novembro de 2004, que me levaron a ensaiar pouco despois a escritura blog.

Rematei a miña intervención lembrando a afouteza do mestre Xabier P. DoCampo que na pasada edición da Gala do Libro Galego, na que foi a súa derradeira intervención, tras recoller o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán, reclamou con todo a enerxía que xa lle faltaba a dignidade que merece o sector editorial en lingua galega. Unha petición que fixen miña 365 días despois para expresar logo o meu desexo de poder anunciar algún día en Brétemas que por fin Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, recibira no seu despacho ás presidencias das entidades convocantes desta gala, como unha mostra de afecto e recoñecemento do sector do libro, o que non fixo ao longa da década do seu goberno, a pesar das solicitudes dos sectores profesionais do libro e da tradición trazada por todas as presidencias anteriores.

A gala conducida co bo tino pola nosa admirada Iria Pinheiro e acompañada musicalmente polo ritmo feminista de Habelas Hainas, amosou a situación de certo conformismo do sector ao tempo que a maior diversidade dos axentes editoriais. Polo que a min me tocou máis de preto aledáronme os dous premios recibidos por obras publicadas por Xerais, Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte de Emilio Xosé Insua e Xurxo Martínez na categoría de Ensaio e Investigación e O puño e a letra de Yolanda Castaño no de Libro de banda deseñada. Como tamén moito celebrei o que recibiu a revista Luzes pola súa traxectoria de Xornalismo cultural. As intervencións de dúas responsables do proxecto Luzes, Valeria Pereira e Ana Luisa Bouzas, reclamando o cumprimento do estatuto de da CRTVG e apoiando ao colectivo Defende a Galega foron os mellores minutos da velada. Como tamén me emocionaron as palabras do meu mestre Antón Costa Rico, o director da Biblioteca de Pedagoxía de Kalandraka editora, premiada como a mellor Iniciativa bibliográfica, con quen regresamos a Vigo satisfeitos e compartindo as experiencias dun tempo renovado de escola.

Xaora, pareceume unha oportunidade perdida para a xenerosidade a intervención de José Manuel Pinal Rodríguez, director xeral de centros e recursos humanos da Consellaría de Educación que recolleu en solitario o premio á traxectoria de Iniciativa cultural e fomento da lectura outorgado con todo merecemento á Asesoría de Bibliotecas Escolares. Botamos en falta no seu discurso algunha referencia ás profesionais, que veñen traballando na asesoría dende 2003, como tamén aos milleiros de profesoras, mestras, alumnos e alumnas protagonistas desta experiencia excepcional de innovación que se desenvolve xa en máis de 655 centros públicos e 22 concertados do ensino universitario do país.

Rematada  cerimonia, gustei do rebumbio que o ditame suscitou en Twitter, a rede na que máis participo, sobre todo pola magnífica e aguda crónica que foi facendo Jaureguizar, a quen lembrei que comezou o seu Facendo amigos o mesmo día que o facía Brétemas, como polos chíos de amizades moi entusiastas. En todo caso, beizón para todas aquelas persoas que nestas horas me fixeron chegar os seus parabéns e afectos polas diversas canles do caso. Brétemas intentará continuar con azos renovados despois de tan excelente e agarimoso serán.