Cen anos de historia cultural

Alerto do nacemento onte dunha importante nova sección xornalística que Marcos Valcárcel publicará cada domingo no suplemento Lecer de Galicia hoxe. Valcárcel, con motivo de celebrar o centenario da Academia, acomete o ambicioso proxecto de percorrer anualmente a historia cultural galega ao longo dun século. Recuperar este xénero de efemérides, que tanta importancia tivo no xornalismo do dezanove, é unha magnífica idea neste ano, tamén, da memoria. Esta primeira entrega, dedicada a 1906, relata o nacemento da Academia ou de persoeiros da talla de Tobío, Filgueira ou da fábrica de cervezas Estrella de Galicia. Un proxecto oportunísimo que seguiremos semanalmente. Parabéns para o noso amigo o infatigable e rigoroso Marcos Valcárcel.

A xuntanza co Presidente

A reunión que mantivemos onte co Presidente da Xunta, que estivo acompañado da Conselleira de Educación, foi tan esperanzadora como cordial. Durante unha hora e media debatemos con informes e documentos, arredor dunha mesa (feito que moito valoramos polo excelente estilo de traballo rigoroso que isto supón), sobre algunhas das cuestións máis importantes para o sector editorial galego: o déficit histórico da edición en Galicia e a necesidade de converxencia con Europa dos nosos fracos índices lectores e de compra de libros, o estado da tramitación das leis do libro e de bibliotecas, a gratuidade do libro escolar, a urxencia de reconducir os criterios da edición pública, a necesidade dun plan de choque para o libro galego ou a proxección do libro, da literatura e da edición galega no exterior.
O Presidente asumiu o compromiso de manter un diálogo directo e permanente coa asociación de editores, institucionalizándoo por medio de dous encontros anuais (un en cada semestre do ano) coa intención de intercambiar ideas, revisar obxectivos e realizar un seguimento dos compromisos adquiridos. Así mesmo, expresou o compromiso do Goberno Galego de tramitar a Lei do libro e a lectura no primeiro cuatrimestre parlamentario e a Lei de Bibliotecas no segundo, sendo o seu obxectivo que ambas as dúas deben ser aprobadas por unanimidade ao longo deste ano 2006.
A cuestión da gratuidade do libro escolar foi a que centrou boa parte da reunión e na que, tamén, se chegaron aos máis esperanzadores compromisos. Así, acordouse que a Consellería de Educación dinamizaría, a partir do mes de febreiro, o funcionamento da Mesa Técnica de Gratuidade, foro técnico da Administración e do sector, onde será debatida unha nova modalidade de gratuidade do libro escolar (a do cheque libro) que se pretende implantar ao ritmo da nova LOE. Informóusenos, tamén, da intención da Consellaría de Educación de ampliar a gratuidade no vindeiro curso (2006-2007) a 4º de ESO, así como da intención de considerar tamén a das materiais que se imparten en galego en 5º de Educación Primaria para proceder a súa pendente actualización ortográfica. A Conselleira de Educación presentou un ambicioso programa de dotación de bibliotecas escolares e de animación á lectura, valorado en máis de tres millóns de euros, dos que canto menos, a metade, deberán ser invertidos en dotacións bibliográficas.
Sobre a cuestión da proxección exterior do noso sector, o Presidente sinalou que a creación do Instituto de Cooperación Exterior de Galicia, ao servizo da proxección internacional dos diversos sectores económicos do país (tamén, polo tanto, do editorial), pode contribuír na difícil tarefa de apertura do noso mercado exterior. Considerou moi imporante o eixo vertebrador que con Iberoamerica terá esta entidade de nova creación e convidounos a que mantivésemos contactos sobre esta cuestión coa Secretaría de Emigración e coa de Cooperación Exterior.
En definitiva, unha excelente reunión de traballo, tanto polo exquisita receptividade dos anfitrións, como polo seu rigor e claridade para enfocar cada un dos temas propostos. Os representantes dos editores, como valoramos na Xunta Directiva que celebramos hoxe, saímos de Monte Pío coa confianza e a satisfacción de que a Presidencia do Goberno Galego asume a importancia cultural e empresarial do noso sector. Algo decisivo que botabamos en falta, dende hai moito, e nos enche de azos para continuar coa nosa fantasía.

A tremenda viaxe da ministra

No artigo da semana recordo a viaxe que a ministra de Cultura fixo a Galicia a semana pasada.
Foto: La Opinión da Coruña.

MARCO

Creo que é un erro de vulto da Consellaría de Cultura xustificar a redución de 100.000 € destinados para Marco en base ao criterio de que nos orzamentos de 2006 pretende equilibrar “as achegas que se dedican a outros museos de arte contemporánea e a outro tipo de museos”. Tampouco xustifica este recorte que a Dirección Xeral do Patrimonio vaia investir un millón de euros na musealización dos restos arqueolóxicos romanos atopados na rúa Márques de Valladares. Van ser, entón, os criterios de compensación localista os que xustifiquen a política cultural do bipartito? Vaise seguir repartindo o orzamento en función de territorios ou en base a criterios da excelencia e interese sociocomunitario e cultural de cada un dos proxectos? Cales son os criterios da política museística do actual goberno? Que relación ten todo isto coa anunciada remodelación do proxecto da Cidade Cultura?
Marco é o máis interesante e rigoroso proxecto museístico nacido en Galicia no novo século. Afortunadamente, o museo vigués de arte contemporanea foi, en moi pouco tempo, capaz de proxectarse fóra dos lindes do rabioso localismo vigués converténdose en referencia internacional e modelo de política cultural innovadora. A súa xestión profesionalizada e independente, a calidade da súa programación e dos seus proxectos de investigación e difusión, o seu compromiso inequívoco coas diferentes expresión da creación artística actual e coa construción da memoria recente merecerían un apoio moito máis entusiasta do equipo de Cultura.
Agoiro que o recorte anunciado por Bugallo (compensado cunha achega de 150.000 € do Ministerio de Cultura) constituirá un magnífico agasallo para Corina Porro, que así escenificará un novo episodio de vitimismo localista (decontado, como sucedeu cos recortes dos voos de Iberia, presentará publicamente unha ampla lista de déficits culturais vigueses: inexistencia de bibliotecas, carencia dun teatro municipal, retrasos nas obras do Auditorio…).
Porén, o recorte constituirá outro bumerán envelenado para o grupo municipal do BNG que colabora de forma activa durante toda a lexislatura co PP na aprobación dun Plan Xeral que, dende hai dous meses, ninguén coñece en que fase concreta da súa tramitación se atopa. Mentres, o “dividido” ou “desaparecido” PSOE local (quen manda aquí?), sen dúbida, aproveitará a polémica para facer unha breve incursión nos medios e apuntar con tiracroios a uns e a outros.
Unha situación de tolos. Definitivamente, Vigo é unha cidade estrépito, politicamente anémica, que semella non ter arranxo nin espazo para a racionalidade e a esperanza. Coas cousas desta guisa imos ter Corina e Figueroa para varios mandatos. Este Vigo revolcado é unha das pezas mestras da calculada estratexia de recuperación do goberno autonómico concibida por Alberto e os seus xoves asesores.

Cortázar, Seoane, Porrúa e Galicia

Juan publica hoxe un post interesante sobre as relacións de Cortázar con Galicia que recomendo vivamente.
Sen entrar a valorar a oportunidade da cesión do legado fotográfico e fílmico cortaziano, semella que Touriño quere marcarse un tanto diferenciador con respecto á política cultural que acomete o seu propio goberno. Non correspondería encabezar esta xestión á Consellaría de Cultura? É imprescindible pretender capitalizar como propia cada iniciativa?

Indixestión editorial, indixencia lectora

No artigo da semana, a raíz da tramitación do anteproxecto da Lei do libro e da lectura, amplío a reflexión que fixera estes días sobre a conspiración lectora.

Un patrimonio marabilloso

É unha mágoa que a candidatura non pasase pola peneira da Unesco. Porén, o importante non é o resultado acadado e si, pola contra, o modélico do proceso, o vivido e aprendido polos milleiros de participantes na promoción da candidatura. Ese traballo constante, aloumiñado no berce da escola, que conseguiu ir contaxiando na autoestima e no entusiasmo, non sen resistencias e dificultades, a unha parte significativa da sociedade galega, tamén é un patrimonio marabilloso e unha obra mestra a potenciar. Os promotores da candidatura ofreceron ao longo destes catro anos un modelo de traballo cultural e educativo en man común que debería ser recoñecido e agradecido no moito que vale para o conxunto da sociedade. É de estrita xustiza premiar o traballo realizado durante dúas décadas por Ponte nas Ondas. O goberno galego debería facelo decontado e coa repercusión que merece labor tan destacado.

Actualización (27-11-05): hai moi interesantes posteos sobre o tema; recomendo os de Ian, Gago, Boedense e Rogerio.

Novas tecnoloxías e humanidades

Pechou o Simposio (grazas, Camilo, polo excelente seguimento informativo) a conferencia de Xavier Seoane, un dos nosos grandes poetas e ensaístas, sobre “As Novas Tecnoloxías, a lectura e as humanidades“. Intervención brillante e apaixonada en defensa das humanidades como eixo vertebrador da sociedade do coñecemento e da cultura. Entre as moitas notas que tirei, entresaco algunhas das que máis me interesaron:
  • A marxinación das Humanidades é un suicidio cultural.
  • O que se incrementou nesta época foi a confusión.
  • A cultura é un sacrificio, unha escaleira que cómpre subir con esforzo.
  • O profesorado actual le pouco.
  • Precisamos de novas formas de ritualización social da lectura.
  • As Humanidades son artes da linguaxe e de destreza hermenéutica.
  • Na lectura temos que poñer o noso combustible.
  • Precisamos de tres alfabetizaciósn básicas: a textual e verbal, a matemática e científica, e a dixital.
  • Neste tempo de globalización precisamos recuperar o espírito de Atenas, do Renacemento e da Ilustración.
  • Necesitamos un Plan de Lectura como unha política incesante.
  • Precisamos promover a creación de bibliotecas familiares, replantear o funcionamento das bibliotecas escolares e da rede de bibliotecas públicas, que deben estar abertas os domingos e constituírse en lugares de encontros e de dinamización cultural.
  • As librarías tamén son espazos de encontro cultural e democrático.
  • Frases publicitarias a empregar. ATRÉVETE A PENSAR. ATRÉVETE A SABER. ATRÉVETE A SER MAIS QUE A TER. ATRÉVETE A LER.

Da subvención á inversión

Txetxu Barandiarán pronunciou unha conferencia que pretendía sacar as cores ao sector, baixo o título provocador de “O sector do libro da subvención á inversión” (pódese ler o PDF). Partindo da constatación de que os comportamentos evolucionan máis amodiño que as tecnoloxías, debullou o que entende por un cambio de paradigma: a cultura está hoxe por riba do soporte, convencido de que a década na que estamos será a do coñecemento e da cultura. Criticou a resposta do sector editorial fronte aos cambios producidos polas NN. TT., lenta e demonizadora, xa que quedou durmido á chegada de Internet.
Diante desta pasividade, Barandiarán propuxo dúas estratexias de acción: pasar da subvención á inversión (xa que as NN.TT. son un recurso básico, unha infraestrutura de transporte) e pasar da sobreprodución á produción de calidade (máis libros non son mellores libros: “a proliferación de títulos non é síntoma de maior diversidade, se non de falta de profesionalidade”; “o exceso leva á non elección”). Barandiarán apostou con radicalidade, e non lle falta razón, pola edición de libros de calidade, recordando a frase de Rosa Mora: “os moitos libros non nos deixan ver a literatura”.
Concluíu a súa intervención con estas conclusións:
1. A edición é un sector de contidos de valor, non de soporte.
2. O papel do editor é consolidar contidos, construír un catálogo con sentido.
3. Aposta polo multisoporte.
4. Procurar a eficiencia na cadea de valor virtual.
5. Realizar un traballo en rede, áxil e flexible.
6. Necesidade de que os editores se volvan definir. Pechouse un ciclo editorial en España.
Ideas e análises para tomar moitas notas, si señor.

Nova reunión da Mesa polo Libro

A agardada nova reunión da Mesa polo Libro e a Lectura, que se realizou esta mañá, presidida pola Conselleira de Cultura e Deporte, non axudou a despexar todas as incógnitas que os axentes do sector do libro temos sobre a vacilante política do actual Goberno Galego sobre o libro galego e a promoción da lectura.
Tanto a Conselleira como o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural expresaron con claridade o seu compromiso de converter o libro galego nun sector estratéxico, así como en promover os traballos necesarios para acadar un Pacto Galego polo Libro, suscrito tanto pola Administración Autonómica e os axentes do sector como polos sindicatos, medios de comunicación e pola propia sociedade. Obxectivos importantes que todos os membros da Mesa compartimos esperanzados, asumindo a corresponsabilidade que supón un acordo destas características.
Porén, foron máis confusas as propostas que os responsables da Consellaría de Cultura fixeron sobre a tramitación dos textos das leis do Libro e a Lectura, de Bibliotecas e do Plan de Lectura, aprobados por unanimidade polos membros da Mesa, que, por mor do novo contexto político, volverán ser reconsiderados nos vindeiros tres meses polas diferentes comisións de traballo, así como a ser consultados con outros sectores. Adiarase así, indubidablemente, o inicio do súa tramitación e discusión parlamentaria (que quedará para comezos de 2006) e a súa probable aprobación (previsiblemente, nunca antes dun ano); ralentización que os editores consideramos preocupante dada a difícil situación que vive o sector, máis crítica se cabe dende a ampliación da modalidade de préstamo promovida pola Presidencia do Goberno Galego.
Non foron, tampouco, moito máis concretas as propostas de actuación inmediata presentadas polo Director Xeral: a elaboración dun plano de formación para os axentes do libro (especialmente dos mediadores); o traballo para acadar un acordo cos medios de comunicación (fundamentalmente os de titularidade pública) para que se comprometan coa tarefa de proporcionar máis información e maior visibilidade para o libro galego; a creación dun instrumento virtual (un grande portal) para a promoción do libro, a literatura galega e a lectura; a elaboración dun calendario anual do libro e a lectura en Galicia; a realización de campañas de animación e a creación dunha estrutura permanente de coordinación dos axentes do sector para traballar en común. Medidas todas elas interesantes, necesarias (quen o dubida?) e recollidas xa na súa maior parte nos textos aprobados pola Mesa con anterioridade, para as que, sen embargo, non se presentaron compromisos nin de calendario nin de dotación orzamentaria. Botamos en falta, que non se expresasen compromisos dotacionais dirixidos a reducir os déficits alarmantes de lectura pública (sequera nos vindeiros orzamentos de 2006, dada a precariedade obxectiva de recursos dos que dispón a Consellaría no presente exercicio), que se deberían tratar de paliar nunha converxencia cos indicadores europeos e doutras comunidades autónomas.
Con respecto ao problema suscitado pola ampliación da modalidade de préstamo do libro de texto, a reunión da Mesa limitouse a devolver a cuestión á Mesa Técnica de Gratuidade e a comprometerse a estudala na comisión de traballo do libro como industria.
En definitiva, os responsables da Consellaría de Cultura e Deporte amosaron diante da Mesa polo Libro o seu interese e sensibilidade co conxunto do sector do libro (feito moi valioso que recoñecemos e agradecemos sinceramente), mais, sen embargo, non concretaron cáles van ser as súas prioridades de actuación para un sector cada vez máis desanimado.
Ademais de participar activamente nos traballos anunciados hoxe das tres comisións da Mesa polo Libro (se cabe, con maior convicción e entusiasmo ca na lexislatura anterior), os editores e os nosos compañeiros libreiros agardamos ser recibidos, coa maior premura, polo Presidente da Xunta para presentarlle a nosa visión do estado do sector. Así mesmo, esperamos volver ser convocados para participar -xunto cos responsables das Consellarías de Educación, Industria, Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística- nos traballos da Mesa Técnica de Gratuidade, onde cremos é posible atopar, con vontade de diálogo, un modelo de gratuidade que aumente a calidade da educación e, ao mesmo tempo, potencie a industria do libro e a lectura na nosa lingua.
Os editores galegos estamos, pois, nunha situación de “impasse” que non se pode prolongar sine die. O Goberno Galego no seu conxunto debe facer explícito o seu compromiso de apostar polo sector do libro galego. Reiteramos unha idea que cremos clave neste proceso: unha política integral para o libro galego non é un gasto, é un investimento en coñecemento, en cohesión e identidade para o conxunto da nosa sociedade.