Historias de fútbol rebelde II

A PELOTA COMO BANDEIRA
Apupado polos comentarios de Mario e dedoscomovermes á miña anotación, rememorei o que conta Eduardo Galeano, no seu libro El fútbol a sol y a sombra, sobre ese partido famoso do Dynamo de Kiev. Creo que este relato é unha das mostras máis claras das verdadeiras razóns do carácter, á vez, heroico e identitario do fútbol. O escritor uruguaio remóntase aos días da invasión nazi de Ucrania en 1942. O exército alemán organizou, entón, un partido de fútbol. Un enfrontamento entre unha selección dos membros das súas forzas armadas contra o Dynamo de Kiev, formado, na súa maior parte, por obreiros da fábrica de tecidos local. “Os superhomes contra os mortes de fame”, subliñaba Galeano. O estadio rebosaba. As bancadas calaron cando os ocupantes meteron o primeiro gol; acendéronse cando o Dynamo empatou; e estalaron cando, case o remate do primeiro tempo, os locais se puxeron por diante.
Durante o descanso, o comandante das forzas alemanas mandou ao seu asistente aos vestiarios do Dynamo:
–O noso equipo nunca foi vencido en territorios ocupados –advertiu o militar a aquel fato de obreiros futbolistas–, se vostedes gañan, fusilarémolos, –engadiulles.
Pouco despois da reanudación do encontro, chegou o terceiro gol dos ucraínos, e cando meteron o cuarto, o estadio “veuse abaixo nun só e longuísimo berro”.
Galeano xa non precisa de moitas palabras para rematar o relato: “antes de que se cumprise o tempo regulamentario, o árbitro deu por rematado o encontro”. Excuso dicir que os xogadores do Dynamo foron todos fusilados coas botas postas. Anos despois da Liberación, aqueles heroes mereceron unha estatua pétrea, que se conserva no centro de Kiev.
Este relato en tempo de guerra, enchido da lucidez e da emoción que imprime Galeano na xusta brevidade dos seus textos, amosa algunhas claves do valor épico e simbólico deste xogo universal de pelota. Os obreiros ucraínos defendían en cada un dos lances do xogo a súa dignidade asoballada e os seus compatriotas berraban, implicitamente, “liberdade” con cada un dos seus tantos. Velaquí, expresado cun dramatismo, quizais esaxerado, o valor no eido simbólico deste espectáculo de masas que constitúe unha das canles de expresión dos sentimentos colectivos de pertenza a unha comunidade. Este tipo de análise permítenos comprender o sentido das mobilizacións populares que se producen despois dos triunfos ou ascensos (“concibidos como xestas”) dos clubes humildes de países coma o noso. Velaí a esperanza dos afeccionados a que a pelota coma bandeira sinale o día dun entusiasmo tan estrondoso como efémero. Intentaremos seguir furgando estas estremecedoras historias do fútbol rebelde.

Etiquetas: