Nova temporada

Co día de Rosalía e a chegada ás librarías dos libros de Entroido, como o precioso número do último Sermos, «Entroido. A raíz do pobo», comeza a nova temporada para o libro galego. Primeira xeira na que destacan a publicación de Rosalía oculta (Galaxia 2025) de Paula Mayor, cómic biográfico sobre a Rosalía máis transgresora, Premio Castelao de Banda Deseñada (2023) e do ensaio Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais 2025) do profesor Carlos Callón, precedido por unha lamentable campaña homófoba de acoso ao autor. Xaora, neste entrega teñen particular relevancia as novidades relacionadas coa celebración das Letras Galegas, publicadas en boa medida para a abordaxe da efeméride nos centros educativos. Oferta sobre as cantareiras que, pola moi atractiva e variadísima primeira fornada, aventura unha grande mobilización popular o 17 de maio. Eis o volume colectivo, Somos pandeireteiras (Xerais 2025), prologado por Mercedes Peón, ou o álbum precioso, Sei cantar, sei bailar (Xerais 2025) de Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo. Xeira que inicia potente a tempada narrativa, cos debuts memorables das viguesas Cynthia Menéndez con Son coma glaciares os barcos de aceiro (Galaxia 2025) e María Besteiros con Ítaca (Xerais 2025). Outra tanto sucede coa poética na que volven voces xa clásicas como as de Xavier Seoane con A árbore desvelada (Tambo, Kalandraka 2025) e Calros Solla con herba de Vigo (Morgante 2025). Sen esquecer o atractivo inicio da tempada de narrativa traducida con clásicos como Asasinatos, S.L. (Huguin e Munin 2024) de Jack London, novela traducida por Iago Nicolás Ballesteros e En canto agonizo (Rinoceronte 2025) de W. Faulkner traducida por Moisés Barcia. A pesar da inevitable melancolía do noso sector editorial, achacoso pola súa mala saúde de ferro crónica, como pola emerxencia da situación da lingua, esta excelente estrea de temporada, por arriscada, diversa e moi coidada, amosa que a edición galega nin procrastrina nin baixa os brazos como agoiran algúns.

Publicado en Nós diario: 05/03/2025

Son coma glaciares

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a novela Son coma glaciares os barcos de aceiro de Cynthia Menéndez, o poemario herba de vigo de Calros Solla e a curta-poética Delincuente de Nuria Vil, tres títulos que amplían os límites do Vigo litearario:

Había tempo que non me conmovía coa aparición de tres pezas de xéneros diversos que amplían o territorio de excelencia do «Vigo literario» actual. Refírome ao espectacular debut da narradora viguesa Cynthia Menéndez coa novela Son coma glaciares os barcos de aceiro (2025 Galaxia); ao regreso á poesía do etnógrafo e filólogo Calros Solla con herba de vigo (2025 Morgante) e ao debut cinematográfico da poeta e performer Nuria Vil autora do texto da curta-poema Delincuente (2024 Nuria Vilán). Tres creacións, que moi pouco teñen que ver co chamado «Vigo noir» de novelas policiais, negras ou de intriga, cuxa extensa nómina de autorías e obras se ampliou o pasado ano co excelente debut de Paco Morgan, creador da cidade portuaria Úrvida, na que localiza A rede branca (2024 Xerais), ao que este mes se engade Até que a morte non separe (2025 Xerais) novela de Elena Gallego Abad que, despois dunha década, recupera aos seus personaxes de Sete caveiras (2014 Xerais).

Tres pezas as de Menéndez, Solla e Vil que reclaman o carácter industrial, obreiro, revolcado e colectivo vigués, celme presente na narrativa de novelas viguesas pioneiras como Antón e os inocentes (1976, 2019 Xerais) de X.L. Méndez Ferrín, Amor de tango (1992 Xerais) de María Xosé Queizán ou Adiós María (1971, 2018 Galaxia) de Xohana Torres; que na poesía aparece, entre outros poemarios, en Estirpe (1994 Xerais) de Ferrín, fóra do sagrado (2007 Xerais) de Anxo Angueira ou Denuncia do equilibrio (1986 Xerais) de Xela Arias. Obras ancoradas na memoria de conflitos sociais recentes. Sexa a folga de Barreras de 1997, na loita polo mantemento do carácter público do primeiro estaleiro vigués, eixo da novela de Cynthia. Fose no Vigo de comezos dos oitenta azoutado pola heroína, que levou por diante tantas vidas novas como a da Maradona, a delincuente da Ferraría que aterrorizaba a veciñanza daquel Vigo vello arruinado e empobrecido. Mentres o «Vigo noir» utiliza a cidade como escenario e decorado, Menéndez, Solla e Vil reclaman a cidade como república que dende a escrita memoriosa recupera o seu carácter comunitario.

Eis a novidosa  proposta de Nuria Vil (Nuria Vilán Prado), a poeta de Santo André de Comesaña, autora do fabuloso texto poético de Delincuente, tamén produtora e artífice desta curta de 12 minutos de beleza inquietante, dirixida por Alba Domínguez, que sen axuda institucional ningunha contou apenas cun crowdfunding e cunha bolsa da fundación Ensaia de promoción do talento. Unha película que co pretexto de lembrar á Maradona, Eduarda que en 1982 dirixía a banda xuvenil da Ferraría e morreu de SIDA en 1984 no cárcere da avenida de Madrid, presenta a cara oculta do Vigo quinqui, a máis dolorosa dos anos da movida, utilizando o extraordinario material en super oito de Manuel Da Costa, a temática de Adiós María e os textos das nosas poetas da xeración da Festa da Palabra Silenciada. Unha reflexión que dende a poesía nos incomoda, un concentrado emocionante de memoria viguesa resistente, merecedora do apoio das 150 persoas que na presentación en Vigo ateigamos a sala 1 de Multicines Norte, unha proeza merecedora de ser salientada.

Como emociona herba de vigo, o libro de poemas co que Calros Solla homenaxea ao Vigo proletario, prologado con xeitiño polo catedrático da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas. Un mapa sentimental de viguesismo ortodoxo ou de viguismo heterodoxo, un dos tantos  paradoxos presentes nun texto que doe polo moito que afonda na cidade proletaria en poemas como «heroica», da que sae o afortunadísimo título, «perspectiva caballera» ou esa marabilla que é «mamá quero ser merdeiro». Revisión retranqueira de espírito non sense de toda clase de tópicos: «Vigo sen vivir en min», retomando o verso de Resentidos, «Vigo monstro tricéfalo», «Vigo é unha cidade de recén chegados», «Vigo o mar de Ourense» ou «Vigo devora patatillas», entre outros, dun libro que non ten perda.

Como recomendable é Son coma glaciares os barcos de aceiro na que Cynthia Menéndez novela as mobilizacións obreiras de 1997 contra a privatización, peche (con cea de noiteboa incluída) nas instalacións do estaleiro de Barreras. Texto de soberbia beleza lírica, que se le co corazón na man, reconstrúe con fidelidade emocional aquel Vigo de hai pouco máis de vinte e cinco anos, dende a ollada de Pedro, un mozo de hoxe, fillo dun daqueles (heroes do G7) obreiros protagonistas dunha das derradeiras folgas nos estaleiros (baleas) da nosa beiramar. Atmosfera de revolución viguesa, ao xeito das novelas citadas de Ferrín e Xohana Torres, na que Menéndez, como Solla e Nuria Vil, que incomoda aos conformistas. Novela inesquecible, afonda no espírito dunha cidade empapada pola resaca da memoria, mais que desaparece cando os ghichiños suben as gradas para construír glaciares de aceiro. Léana.

Don Xesús

Acompañei como editor a Xesús Alonso Montero durante vinte e cinco anos presentando por Galicia adiante os seus libros, comprometidos coa memoria republicana de Galicia e coa patria común da lingua. Admíroo dende entón como orador de verbo aceirado, quizais o mellor da cultura galega do noso tempo; tamén como polígrafo e erudito, investigador textual, sen menoscabo da súa actividade como articulista literario, autor de milleiros de bosquexos e defensor de teses incómodas e críticas cos poderosos. Máis alá da súa condición de profesor de lingua de afán didáctico na dicción, no xesto e na ollada, como de fistor popular ateo, a maior consideración que merece don Xesús é a súa condición de activista antifascista e militante do Partido Comunista de Galicia dende hai máis de seis décadas. Compromiso político e cívico inquebrantable coa Galicia mártir, humilde, perseguida e emigrante representada na súa insignia do triángulo vermello ou na súa inseparable bufanda encarnada. Con este currículo, difícil de entender é a negativa do grupo municipal do BNG de Lugo de apoiar o seu nomeamento como fillo adoptivo da cidade da muralla. Posición polémica á que acudiron ao rescate nacionalistas que na rede dubidan que 16 anos como profesor de instituto e da escola normal sexan suficientes para adquirir suficiente arraigo lucense ou acusen sen argumentos a quen foi presidente da RAG (2013-2017) de deixamento na defensa do galego. Postura coa que o BNG de Lugo deixa nunha posición delicada a credibilidade da dirección de Ana Pontón recuperando prácticas sectarias da organización frontista liderada pola UPG. Fóra do xuízo que a cadaquén lle mereza a figura poliédrica de Montero (96 anos), Pontón e o seu equipo saben que a única intransixencia admisible é a que cuestione o fascismo e a persecución da lingua nosa. Lonxe xa de rancores e coitas, que criamos superadas, a construción da nación é unha tarefa colectiva á que estamos todos convocados e á que don Xesús contribuíu cun admirable traballo.

Publicado en Nós diario: 26/02/2025

Gol en Balaídos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á despedir a Grada de Gol, a derradeira peza do vello Balaídos:

O 14 de agosto de 2023 pasará historia do Celta pola estrea de «Oliveira dos cen anos», himno que Antón Alfaro compuxo para celebrar o seu centenario. Tema musical recoñecido con moitos premios, con case cinco millóns de reproducións en youtube, convertido en insignia do actual celtismo de canteira espallado por todo o mundo. Expresión emocional musical afortunada tanto do proxecto deportivo e empresarial da presidenta Marian Mouriño, como do sentimento da mocidade celeste, que asume con orgullo o celtismo galeguista como unha suma de ledicia e padeceres, renovado en cada partido nunha cerimonia de canto coral que fai tremer á abarrotada catedral da terra das abeleiras.

Himno de C. Tangana que substitúe ao tradicional de melodía rústica que acuñou o lema heroico (e afortunado) daquel Celta do ascensor de sube e baixa: «nobre xogo, afouteza e corazón». Tema creado en castelán, traducido con agarimo pola inesquecible lingüista e xestora deportiva Marta Souto, iniciando así o emprego modélico do galego como lingua vehicular de Balaídos, medida promovida polo alcalde Manuel Soto, ao abeiro da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989.

Ademais do incrible precedente que supuxeron as pancartas en galego da peña Jaburú nos derbis co Coruña dos sesenta, fotografadas, probablemente, por Siorty e Magar, foi pioneira para a galeguización do Celta a achega d’ A Roda, grupo de canción tabernaria do que celebramos este ano o cincuenta aniversario da súa primeira actuación nun escenario no Iº Festival dos Xesuítas. Formado primeiro por Fito, Luis Vaamonde, Luis Domínguez, os irmáns Abalde, Piña e Queno, A Roda creou a mítica «Foliada do Celta», incluída en Falemos galego (1979), segundo elepé do grupo. Nacida do celme popular, obreiro, vigués e galeguista, que caracteriza o repertorio do grupo, a foliada celtista, coñecida tamén como «Díxolle ao sobriño o tío», converteuse no himno non oficial do sentimento da inquebrantable paciencia celtista («e chega outro ano e pasa tamén») durante as décadas difíciles de 1960 a 1990. Máis aínda, cando o grupo nacido nos bares do Vigo vello interpretou a foliada no estadio de Balaídos en xuño de 1982 para celebrar o ascenso memorable a Primeira de Milorad Pavic, adestrador serbio que, dúas temporadas antes, collera ao Celta en Segunda B.

Convertéronse en himnos non oficiais tamén os temas de Keltoi, «1923 (2010)» e «Unhas cores e un sentimento (2016)». A banda viguesa de punk, liderada por Sime, actuou en Balaídos en 2012 para celebrar o último ascenso a Primeira (toquemos madeira!), tras un lustro en Segunda, daquel Celta de Sergio, Mallo, Lago, Oubiña, Alex López, Bermejo e Iago Aspas, entre outros. Repetidos na festa do centenario, os himnos de Keltoi representan o celtismo da afouteza orgullosa dun equipo para un país que nunca vai camiñar só.

Nas últimas seis décadas de celtismo entusiasta vividas na bancada de Río (Alto), onde adquirín parte da miña formación emocional, é a foliada da Roda o tema que máis pegada me deixou. Quizais pola acerto dos autores de exaltar a diversidade do celtismo, como emoción compartida dos seareiros de cada grada do vello Balaídos, anterior á reforma do mundial de 1982, cando aínda existía a pista de cinza que no descanso percorría Toniño. Identificación afortunada, xa que sabiamos que eran os señoritos de Tribuna os que sacaban o pano para dicirlle ao presidente que «a temporada que vén temos que cambiar de xente». Como eran os de Marcador –que non tivo cuberta até 1970, onde estaba instalado o marcador simultáneo «Dardo», no que seguiamos os resultados de Primeira cos seus anuncios– os algareiros que «máis se cabreaban e pedían a cabeza do señor adestrador». Ou que os de Río, un pouco señoritos, pero entendidos, eramos os que montabamos o lío, para intimidar ao equipo arbitral, que almorzara como deus manda no Mosquito.

Non esquezo que a foliada rodariana, lamentaba que os de Xeneral/e (Fondo, debaixo de Marcador) e os de Gol «como están tan separados non se decatan de nada», razón pola que «nunca protestan». Anomalía á que se pon remedio, tras o derradeiro partido de Gol do pasado venres, grada na que militaron o meu avó e o meu tío Suso dos que mamei o celtismo máis popular do Val do Fragoso, de Freixeiro a Mantelas. Gol onde colocaban as bandeiras sobre o perfil da viseira na orde clasificatoria de cada xornada, como lembro a imaxe do porteiro Fenoy marcando de penalti ou os dous goles salvadores do debut de Aspas co Alavés en 2009. Reducida, por fin, a distancia entre Gol e Marcador, agardo que cando se inaugure, previsiblemente, en 2027, a bancada pegada á lameira, completando así a nova e fermosa catedral do Fragoso, conviden a Tangana, Keltoi e A Roda a inaugurala. «Gol en Balaídos, marca Fer López, tras outra asistencia de Aspas…»

Oficio de Gol

O Celta de Claudio Giráldez abriu na noite do pasado venres o fachinelo dos soños cunha vitoria axustada e merecida diante dun Osasuna de Vicente Moreno superior durante case toda a primeira parte. Tres puntos –sete de nove nos tres últimos encontros–, que confirman a saída dos celestes do baixón na clasificación –quizais menos no xogo– coa que comezaron o ano 2025 e que con trece datas por diante –seis na casa con rivais accesibles– permite antes do entroido enxergar a cifra da corentena, onde está o obxectivo da tempada, a da permanencia, ampliando a trece as continuadas en Primeira, un fito na historia do club e do fútbol galego. Horizonte desexable para unha afección experimentada en mil padeceres na tolería da tómbola das cinco últimas xornadas, que reclama gozar (por fin!) dun final de liga tranquilo. Obxectivo realista para o propio proxecto de canteira dun club con proxección global, que precisa consolidar resultados e acumular experiencia para un cadro moi novo que da man do valente adestrador porriñés perdeu calquera asomo de inocencia.

Vitoria que coincidiu coa saudade da despedida da grada de Gol, cuberta pola viseira de formigón dende comezos dos setenta. Bancada construída sobre o espazo do primixenio fondo sur aberto, que permitía mirar os partidos a aqueles chaíñas capaces de gabear polas altísimas abeleiras que bordeaban as extremas do campo de fútbol da Florida  como testemuñan para a historia do celtismo máis acrobático e arriscado as fotografías de Magar. Grada onde xermolou en 1987 a peña Celtarras e na que se viviron días heroicos de celtismo acuático, anegada polas enchentes do Lagares, que nin respectaban a historia do túnel e escaleira de saída dos vestiarios. Grada do celtismo popular, protagonizou xornadas inesquecibles como a do debut de Iago Aspas en 2009, que marcou na portaría de Gol os dous goles salvadores ao Deportivo Alavés, iniciando as incribles estatísticas do Merlín de Moaña que nesta despedida tivo tamén o seu gol para a historia.

Sempre leal ao seu libro de novidades, Giráldez non repetiu once: mantivo a súa defensa habitual, que funcionou a un gran nivel; recuperou a Moriba como acompañante de Sotelo no centro, os dous cunha actuación correcta; mantivo nas bandas a Mingueza, moi discreto na primeira parte, e a Carreira, outra vez un dos mellores; sendo novidade na dianteira, xunto a Borja e Williot, a presenza de Fer López, unha luz que escintilea cada vez que toca a pelota, mellorando a xogada e convocando até tres rivais, substituído de forma prematura, tras ser amoestado. Como, por desgraza, os de Giráldez repetiron o que comeza ser un desagradable costume, o de entregar aos seus opoñentes, canto menos, a primeira media hora de xogo. Sucedeu co Betis e repetiuse co Osasuna, que asoballou ao Celta meténdoo na súa propia área durante o primeiro cuarto, obrigado a defender de forma angustiosa en bloque baixo coma se do derradeiro cuarto do partido se tratase. No segundo, a estratexia de Moreno non ofrecía dúbidas: lanzado polos medios que apagaron a Sotelo e Moriba, Bryan Zaragoza estiraba aos iruñeses que tiñan como referencia a Budimir, un dianteirazo que librou unha dura batalla con Starfelt, gañada polo celeste aos puntos. Por fortuna, nos minutos finais da primeira parte, os celestes conseguiron despregarse pola banda de Mingueza e Williot e xutar entre os tres paos nun par de ocasións, con todo, un pobre balance para aspirar a levar o partido.

Como acostuma, Giráldez no vestiario simplificou a súa pizarra e cargou as pilas aos seus cun plan de partido máis nítido. E como acontecera co Betis, coa continuación ofreceu outra enerxía que fluía polos corredores de Mingueza e Carreira. Foi un remate soberbio do carrileiro vigués e outra chegada de Williot, as que anunciaron que o Celta ía a polo partido. Giráldez entendeu que a sintaxe do xogo obrigaba a introducir verbos transitivos. Fixo reaparecer a Aspas que en apenas tres minutos sacou da chistera un pase na liña de fondo sobre Borja que provocou que Torró o trabase. Penalti claro, transformado con solvencia polo capitán, que mirou sobre a grada de Gol, como fixera dezaseis anos antes, un exercicio que lembra o que se di en Mantelas «de quen de novo foi bailador, de vello dálle un xeitiño». Con vinte minutos por diante, Giráldez tirou do libro do oficio, confiando toda a responsabilidade a súa defensa, liña que modifica só en caso de continxencia. Marcos Alonso, Starfelt e Javi Rodríguez, os tres inmensos, souberon resistir as acometidas dos vermellóns e o perigo do seu balón parado. O adestrador de Cans amosaba outra vez a validez da súa estratexia de xogo paciente e creativo. Agradeceuno a bancada cunha despedida emocionada á grada de Gol, con foto para a historia incluída. Puro celtismo!

Publicado en Faro de Vigo: 23/02/2025

Galego nos patios

Da asemblea xeral pola lingua do STEG tiro tres conclusións que axudan a reaccionar no estado de emerxencia do galego. Primeira: cómpre recuperar as políticas públicas integrais de normalización, o que obriga a elaborar un documento normalizador estratéxico, periodificado con dotación económica suficiente no horizonte dunha década (2026-2036). Segundo: admitir que no caso galego, o modelo de educación lingüística é trabe do proceso normalizador, tanto pola súa responsabilidade na adquisición das competencias do currículo, como pola súa capacidade para desmontar prexuízos negativos ou pola súa transcendencia nos procesos de socialización externa dende idades temperás. E terceiro, admitindo que nas aulas un novo modelo de educación lingüística é incompatible co fracasado decreto 79/2010 de plurilingüismo, nada impide aos centros establecer, dende mañá mesmo, con carácter xeral a utilización do galego como lingua vehicular dos períodos extracurriculares, incorporándoa como marca de excelencia dos programas de recreos inclusivos e dinámicos ou das visitas a museos e teatros. Outrosí sucedería coas actividades complementarias e de socialización secundaria, organizadas polo centro ou polas ANPAs; tamén cos programas de extensión da xornada, como madruga, comedores ou colonias escolares urbanas. Outro tanto sucedería co emprego do galego nas comunicacións internas e externas dos centros, titoría e formación de familias, sinalética interior e externa, taboleiros de anuncios, webs e redes sociais… Reacción que pasa pola renovación do compromiso galeguizador do profesorado e a utilización vehicular do galego na titoría, nos claustros, informes de avaliación, actas de reunións de ciclos e departamentos. Recuperar o galego nos patios e nas salas do profesorado, centro a centro, non depende da Consellaría de Lingua que continúa coa súa política de engano para blindar o daniño modelo de educación lingüística de 2010, que denunciaremos de novo en Compostela o domingo 23 de febreiro.

Publicado en Nós diario: 19/02/2025

O Nigrán de Palacios

Dedico o artigo de Faro de Vigo á celebración do «Ano Palacios 2024» en Nigrán:

O concello de Nigrán pechou o «Ano Palacios 2024» –dedicado a conmemorar a obra de Antonio Palacios Ramilo con motivo do sequiscentenario do seu nacemento no Porriño– coa publicación dun fermoso almanaque ilustrado coas acuarelas que Noelia Muíños e Ramón Quintas fixeran para o libro Antonio Palacios en Nigrán (2024), no que se difunde con espírito didáctico a vida e obra do famoso arquitecto. Celebración iniciada cun paseo outonal no que se visitaron as dúas obras palacianas do concello, o Templo Votivo do Mar, inaugurado en outubro de 1937, e o hoteliño de Sileno na praia de Lourido (1932), ademais da igrexa románica de Santiago de Parada, debuxada por Palacios para ser divulgada nunha publicación. Homenaxe nigranesa, que se unía ás dos concellos do Porriño e de Madrid (onde o galego é considerado o arquitecto máis querido da capital), encabezada polo alcalde Juan González, que entende a defensa e promoción do patrimonio arquitectónico como un dos eixos da súa política turística e cultural.

Celebración iniciada, un ano antes coa publicación da excelente monografía do arquitecto Álvaro Bonet, O legado de Antonio Palacios (Engaiolarte 2023), que con apoio fotográfico e documental, actualiza o traballo clásico do noso admirado Xosé Ramón Iglesias Veiga, «Antonio Palacios en Nigrán: A procura dunha arquitectura de raíces galegas», publicado na Revista de Estudos Miñoranos nº 1 (IEM 2001). Ano Palacios en Nigrán que coincide coa repatriación ao concello do mosaico de teselas no que aparece un muxo e varios bivalvos (datado no século III), icona patrimonial da vila romana de Panxón. Atopado no castro de Panxón e embutido dende o século XIX en táboa de mesa, foi vendido en varias ocasións até chegar á galería Carlton Hobbs de Nova York, onde foi localizado por Gonzalo Fernández-Turégano, que encabezou a iniciativa cívica, apoiada polo concello, para adquirilo e traelo a Nigrán, como a súa primeira icona e horizonte na historia. Modelo de recuperación do patrimonio galego espallado polo mundo, que podería ser considerado polo concello de Vigo para repatriar para os fondos do anunciado museo de historia da cidade tres das nosas principais iconas: o Pergamiño Vindel (de finais do século XIII) hoxe en Nova York; o Cristo Salvador da igrexa de Santiago de Vigo (1136), en Madrid e o tímpano de pedra de Santa María de Vigo (1403), en Pontevedra.

O procedemento das doazóns foi tamén o utilizado por Xesús Espinosa Rodríguez, párroco de Panxón, para sufragar –entre 1932 e 1937– as obras dun templo novo na advocación da nosa señora do Carme, raíña dos mares. Deseñado polo porriñés a semellanza da catedral de Tui e da vella sede de Coímbra, construíuse en pedra rústica, coa única condición de Palacios de que se preservase o arco visigótico que se atopaba no interior da vella e arruinada parroquial de san Xoán. Isto obrigou a procurar un emprazamento, que finalmente sería de privilexio nunha penela, na que desde a nova torre se dominaba a paisaxe das dunas de Gaifar, da Madorra e do eixo central da vía principal da urbanización dun novo Panxón, trazado como vila satélite daquel Vigo debuxado no «Plan de extensión e reforma interior de Vigo» (1932). Encargouse das obras o construtor Xosé Mogimes, grande artífice do templo, que recibía por correo os planos e cartas coas observacións enviadas polo arquitecto dende Málaga, onde residía mentres elaboraba un plan urbanístico para a cidade da Alcazaba. No que foi bautizado en 1933 como Templo Votivo do Mar, Palacios desenvolve unha arquitectura idealizada con raíces galegas, na que mestura o tratamento rudo da pedra co gusto, nos interiores, de xogos cromáticos entre a pedra e a decoración cerámica. Templo emblemático, tamén a obra relixiosa máis representativa  do arquitecto e unha das máis orixinais da arquitectura galega do século pasado.

Relevante foi tamén a intervención de Palacios no desenvolvemento urbanístico da praia de Lourido –concibida por Manuel Lago Lemos, indiano que fixera cartos na emigración arxentina, mecenas das escolas do Val Miñor– que pretendeu (co seu irmán Laureano) transformar en colonia de veraneo, a que chamaron «praia e cidade de verán América Latina», abreviada polo tempo como «Praia América». Urbanización onde Palacios construíu o hoteliño de Sileno, casa do avogado e caricaturista madrileño Pedro Villahermosa, coñecido como «Sileno», a semellanza da vivenda de Palacios na madrileña colonia do Plantío. No seu libro, Álvaro Bonet advirte que outros chalés pioneiros en Praia América Latina foron a Casa de Celso Méndez deseñada por Manuel Gómez Román e a torre Quirosno do arquitecto Emilio Salgado, consideradas erroneamente até hai pouco obras de Palacios, o que non está de máis aclarar cando remata este ano da súa homenaxe.

Galego cordial

Cando lin as declaracións do Conselleiro de Cultura con motivo da entrega ao coordinador do Plan xeral de normalización (PXNLG) dos resultados dunha Enquisa sobre percepción social do galego, elaborada sobre unha mostra de 1.200 familias, polo Instituto Sondaxe, empresa que forma parte da Corporación Voz de Galicia, convencinme de que o equipo de José López Campos colleulle definitivamente os talentos aos expertos convocados para facerlle fronte á crise de uso do galego. E quen me coñece sabe que nunca foi o meu estilo comerlle a figura a ninguén, forma elegante na fala viguesa de botarlle a alguén unha filípica ou poñelo podre. Máis desta vez a audacia de López pode saírlle furada na súa teimosa determinación de non modificar nin un grao a deriva da actual educación lingüística. E como pola arandela baila a cadela, o conselleiro non agocha o seu entusiasmo á hora de anunciar os datos do estudo dunha empresa privada –poñéndoos á mesma altura dos datos do IGE e dos incumprimentos do 5º e 6º informes do comité de expertos da Carta Europea das Linguas– que conclúe que «en xeral as familias galegas están moi satisfeitas ou satisfeitas co uso do galego no sistema educativo». Para seguir con toda a cara lavada que  sobre «as preferencias de uso do idioma no ámbito escolar, un 55,2 % considera que a situación actual do uso do galego no sistema educativo debía manterse sen cambios». Falou Varela, dicimos en Vigo. A crise do galego non era para tanto e o decreto 79/2010 non se toca, que para iso as familias están moi satisfeitas e «non queren que se impartan máis materias en galego ou seguir o modelo de inmersión lingüístico». Diante desta doutrina de quen paga manda, agoiro que os expertos contarán con marxe escasa para propoñer, fora da chegada xa anunciada de Xabarín aos patios. Regresa o discurso conformista da cordialidade, segundo capítulo daquel de imposición do galego. Mágoa que o equipo de López queira enfiarnos aos mestres galeguistas polo cu dunha agulla. Madia leva!

Publicado en Nós diario: 12/02/2025

Espada, valedor de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Luis Espada Recarey, primeiro reitor da Universidade de Vigo e Valedor do cidadán:

Téñolle grande admiración e querenza ao profesor Luis Espada Recarey, a quen considero unha das personalidades viguesas que polo seu coñecemento e criterio ponderado deixa maior pegada no Vigo das últimas cinco décadas. Chegado en setembro de 1976, dende a Universidade Politécnica de Cataluña, para incorporarse como profesor da ETS de Enxeñeiros Industriais, que abriría as súas instalacións prefabricadas (a xeito de barracóns) no mes de outubro, Espada é deses vigueses de adscrición voluntaria, nacido na Coruña en 1940, educado en Ferrol, onde fixo o bacharelato, e doutorado en Ciencias Químicas na Universidade de Santiago e en Química Aplicada na de Manchester. Bolseiro no British Council e nas Forzas Aéreas dos EE.UU., foi investigador  no CSIC dende 1964 a 1971, e traballou en Tarragona como técnico da industria electroquímica de 1971 a 1975.

Traxectoria formativa e profesional de carácter cosmopolita que forxou a personalidade dun docente, investigador e xestor educativo metódico, analítico, ordenado, políglota e galeguista, en definitiva, un científico e profesor de educación superior á altura do seu tempo. Nunha das súas conferencias –sempre didácticas e brillantes, co dato preciso ao discurso– escoiteille o que creo resume o seu ideario educativo, co que me identifico de cheo: «Pídolle aos meus alumnos tres cousas: esforzo, imprescindible para que haxa aprendizaxe; afrontar e aprender dos erros e intentar ser mellor sen pisar nunca a ninguén».

Xaora, Luis Espada pasará a historia de Vigo e a de Galicia como artífice da creación da Universidade de Vigo e como o seu primeiro reitor desde o 19 de setembro de 1989. Responsabilidade como xestor educativo, á que non foi allea o seu éxito no desempeño como delegado do reitor da USC no Campus de Vigo no curso 1988-1989, cando se forxou o proceso de segregación, sendo reitor o profesor Carlos Pajares, conselleiro de educación Aniceto Núñez e presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe, o que probablemente acelerou un proceso, que se iniciara na década anterior, coa reivindicación da chamada Universidade do sur de Galicia.

Espada asumiu a reitoría durante cinco difíciles cursos, período decisivo no que se construíron oito edificios, recrutouse profesorado para as titulacións que corresponderon á UVigo no reparto de segregación, redactáronse os plans de estudos e os Estatutos, establecéndose, en definitiva, as infraestruturas e bases organizativas da que dende entón foise consolidando como a décimo segunda universidade española. Traballo como xestor e líder educativo polo que foi galardoado como Vigués Distinguido (1990) e polo que recibiu a Medalla da Cidade de Vigo (1994), a Medalla Castelao (2012) e Medalla Amigo Distinguido (2012) outorgada pola Asociación Alumini da UVigo. Labor de despacho que non impediu unha ampla produción investigadora e a publicación de medio cento de libros.

Outra extraordinaria contribución de Espada á cidade de Vigo foi a súa dedicación á defensa dos dereitos e intereses da veciñanza como Valedor do cidadán desde que foi nomeado en 2002 polo Pleno do Concello de Vigo, co apoio de todos os grupos, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo. Un comisionado inédito en Vigo, do que só existía a experiencia da súa creación en tres concellos (Girona, Badalona, Xixón), que no eido local conta con competencias semellantes ás do Defensor del Pueblo ou Valedor do Pobo. Espada, como fixera coa creación de UVigo, inventou dende cero esta figura, contando apenas coa experiencia adquirida na presidencia da Comisión Permanente de Defensores Universitarios (2000-2003). Responsabilidade, asumida sen remuneración ningunha durante vinte e dous anos, que á hora da despedida ofrece números espectaculares, que representan a súa dedicación e defensa da veciñanza: case 15.000 intervencións, 1.600 expedientes abertos, 38 actuacións de oficio e os correspondentes informes anuais, redactados con independencia e autonomía con respecto ao concello.

Entre as actuacións de oficio destacan as recollidas no formato monografía nas que abordou –dende a perspectiva do planeamento estratéxico a longo prazo, que os diversos gobernos municipais foron abandonando polas urxencias electorais– temáticas relacionadas co cambio climático e a cidade sustentábel (2018), coa contaminación acústica (2019), co asociacionismo cultural (2014), coa seguridade cidadá (2013), coa mobilidade (2009), co aparcamento disuasorio (2010), coa pobreza e a exclusión social (2012), por citar as máis recentes. Grosos volumes dirixidos polo profesor Espada nos que se utiliza a metodoloxía do científico e enxeñeiro e a ollada empática e asertiva do humanista. Espada como valedor de Vigo merece todos os parabéns e gratitudes.

Isto é o Celta

Cunha vitoria épica, remontando dous goles en apenas dous minutos, o Celta supera de forma brillante o baixón de resultados de comezos de ano. Tres puntos que axudan a superar dúbidas, comprensibles se temos en conta as cifras da táboa clasificatoria, do que é un equipo de autor que demostrou ter personalidade, tamén paciencia e criterio técnico para derrotar nos trinta e cinco minutos finais a un Betis inzado por duplicado de estrelas internacionais no terreo de xogo e no banco de suplentes.

Un partido temido pola afección celeste que, tras o insuficiente desempeño diante do Athletic Club e do Valencia, obrigada xa a vixiar os resultados dos rivais metidos na lea do descenso. Como tamén polémico foi o peche do mercado de inverno con cinco saídas, entre elas as de tres internacionais con fichas elevadas, Bamba, Douvikas e Aidoo, apenas compensadas polo regreso de Iker Losada, capitán do Fortuna de quen o club prescindiu hai dúas tempadas. Baixas e altas, compensadas pola confianza cega do noso técnico nos valores da canteira, sobre todo de alfaias como Fer López. E abofé que este 3-2 diante dos difíciles béticos disipa toda esa bretemallada e recupera o entusiasmo dunha afección que está a partir un piñón co proxecto de Claudio e da presidenta Marian Mouriño.

Como acontece cada semana, o once de gala de Giráldez traía novidades, en boa medida provocadas polas sancións de Starfelt e Moriba, dous dos seus «fixos». Saíu o Celta con Carlos Domínguez e Javi Rodríguez na defensa, acompañados de Marcos Alonso, os tres con excelentes actuacións; Sotelo e Beltrán levando o tempo de xogo, que foron de menos a máis; Álvarez e Mingueza nas bandas, que estiveron máis discretos e Alfon, Durán e Losada, que formaban xa hai dúas tempadas a dianteira do Fortuna de Giráldez. Sete canteiráns, aos que cos trocos chegaron a decena, coa entrada decisiva de Fer López, a peza principal na remontada, de Carreira pola banda e de Borja Iglesias que se pegou con valentía cos centrais béticos nos minutos finais. E nin sequera fixo falta que desta volta reaparecese tras a lesión Iago Aspas, a quen lle abondou corrixir dende o saque de recanto a colocación da liña defensiva celeste, xenio e figura do que ven sendo o principal valor deste equipo con alma de orfeón. As pezas poden ser intercambiables, mais nunca se perde a paciencia nas circulacións longas nin as axudas nos minutos difíciles cando se defende en bloque baixo, como sucedeu onte cando máis apertaba o equipo de Pelegrini.

A verdade é que o Betis foi un óso moi duro de roer. Dende o inicio foi un partido fermoso, no que sempre houbo alternativas en ambas as dúas áreas, mais no que Giráldez intentou levalo ao territorio do desgaste e Pelegrini a liquidalo canto antes. Así na primeira media hora os verdibrancos asoballaron ao Celta, incapaz de sacar a pelota e lanzar aos seus extremos. Dirixido por un Isco imperial, movéndose por todos os espazos chegaron axiña os goles de Antony, tras un despexe defectuoso na área de Marcos Alonso, e de Diego Llorente nun saque de recanto deliñado por Isco que os celestes, sen as súas torres, defenderon mal. O partido puido quedar liquidado no 29’ cando Bakambu cabezou ao traveseiro ou cando despois Jesús Rodríguez xutou á cruceta. Mais os celestes non morderon o pó, e no terceiro cuarto anunciaron que irían pola remontada. Javi Rodríguez, avisou cunha gran cabezada que obrigou ao gardameta a chapar o balón na mesma liña de meta.

Tras a filípica de Claudio no tempo de lecer, e sobre todo coa entrada de Fer López e Williot no 60’, o panorama comezou a mudar, e xa eran os visitantes os que corrían detrás do balón e os nosos os que entraban pola bandas profundas. Non tardaron en chegar os dous golazos celestes que nivelaron o marcador, froito desa circulación paciente na que cre Claudio. Primeiro o xute pola escuadra de Beltrán no 62’, tras unha transición iniciada polo capitán na que asistiu Hugo Álvarez e participaron Williot e Marcos Alonso. O segundo, unha marabilla saída da luva de seda de Fer López, que engaiola con cada toque, sobre Hugo, que asistiu a Pablo na área pequena e que remachou ás mallas Javi Rodríguez.

Os de Giráldez souberon aguantar o bloque baixo con orde e tiveron a ambición de levar os tres puntos, dobregando aos béticos no 86’ nunha transición iniciada por Fer López, asistida por Carreira e finalizada nas redes por Williot que toca un defensa. O coliseo do Fragoso estalou entón de entusiasmo. Os rapaces fixérona outra vez. Isto é o Celta! Esa é a alquimia única dos padeceres e ledicias vividas nun mediodía frío cando as gaivotas sobrevoaban as gradas na procura de bocadillos e empanadillas. Isto é Balaídos, inmortal!

Publicado en Faro de Vigo: 09/02/2025