Hemingway en Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á escala que fixo en Vigo Ernest Hemingway o 18 de decembro de 1921:

Publicada a segunda edición do Mapa Literario de Vigo, proxecto da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo, non hai dúbida ningunha da importancia literaria da cidade nosa. Iniciativa moi novidosa na promoción da lectura dende unha biblioteca pública, presentada o día do libro de 2018, esta nova entrega dun documento, que adopta o formato dun mapa do transporte urbano de Vigo, amplía a doce as liñas que conectan os principais puntos literarios. Engade unha rota Circular, que identifica e xeolocaliza obras que deitan unha ollada máis global, e outra Especial dedicada a fitos e referentes da historia viguesa presentes en textos literarios, como a batalla de Rande, a Reconquista, o Celta, o Faro de Vigo, Radio Vigo ou Vitrasa. Un repositorio de 3.307 referencias, 153 autores e autoras e 285 obras, dispoñible na web mapaliterariodevigo.com. Corpus bibliográfico, onde non faltan os textos de escritores que deixaron pegada da súa escala no porto, como Jules Verne, que dedicou á baía de Vigo o capítulo oitavo de Vinte mil leguas de viaxe baixo os mares (1870), antes das súas visitas de 1878 e 1884, ou as páxinas viguesas de George Borrow na súa Biblia en España, ou de Stephan Zweig no Diario e nas memorias El mundo de ayer.

Secasí, entre estas referencias de escritores viaxeiros destaca as que deixou Ernest Hemingway, premio Nóbel de literatura 1954, a primeira vez que desembarcou en Vigo, e España. Foi nunha lancha motora o 18 de decembro de 1921, procedente de Nova York, camiño de Le Havre, acompañado da súa primeira muller Hadley Richardson, a bordo do transatlántico Leopoldina, cando o de Chicago tiña 22 anos, vivía en París e xa publicaba no The Toronto Star Weekly. Apenas un paseo de catro horas por Vigo que provocou no escritor unha fonda emoción, impresionado pola paisaxe que rodeaba o porto, polos prezos tan baratos do coñac, a catro pesetas litro, e a do viño, apenas dúas pesetas o cuarto, e polos bancos de atúns dun metro de largo, que «parecía facían ferver a auga da ría».

Daquela breve escala deixou constancia nunha carta para a súa familia do 20 de decembro na que se refire ao porto de Vigo como grande escondedoiro para os submarinos alemáns na guerra do 14, sen esquecer contarlles que viron unha balea preto de cabo Fisterra. Noutra carta do mesmo día, enviada ao seu amigo William B. Smith JR, escribe: «Vigo. España. Este si que é un sitio para un macho! Un porto case pechado e case tan grande coma o de Traverse Bay, onde se pode mercar un barco de vela latina por cinco dólares. O Gran Hotel [refírese ao Moderno na Porta do Sol] custa un dólar por día». A carta remata dicindo: «Imos volver».

No entanto, será no artigo publicado o 18 de febreiro de 1922 no The Toronto Star Weekly, titulado «A pesca do atún en España», onde fará unha crónica memorable da visita a Vigo, sobre todo do espectáculo que coñeceu dos pescadores nunha ría chea de peixe. Un texto que forma parte da historia do Vigo literario que, traducido por Carlos Casares, comeza así: «Vigo é unha cidade que parece de cartón, con rúas de lastro, revocada en branco e laranxa, erguida á beira dun porto grande e case pechado de todo, que practicamente podería ter amarrada a toda a flota británica. Os montes queimados polo sol métense no mar coma vellos dinosauros fatigados e a cor da auga é tan azul coma unha litografía da baía de Nápoles. Unha igrexa gris de cartón con torres xemelgas e un castelo aplanado, de aspecto triste, que coroa o monte sobre o cal se ergue a cidade, miran cara a baía azul, a onde se dirixirán os bos pescadores…»

Na ría de Vigo atopou Hemingway a «valentía solitaria» dos seus pescadores, esa conduta física que transmite un verdadeiro sentimento de admiración, que tanto lle serviría trinta anos despois para retratar o protagonista d’ O vello e o mar (1952), novela traducida ao galego por Carlos Casares (1998), convertido en pescador canario emigrado a Cuba e transformando os atúns grandes e prateados en peixes espada.

O que empezara en Vigo non deixou de empuxar a Hemingway a coñecer case toda Galicia. Fixo outras cinco viaxes, fascinado pola paisaxe e xente galega e sobre todo por Santiago de Compostela, á que consideraba «a cidade máis fermosa de España», onde pasou varias tempadas aloxado no hotel Suízo, e pola catedral que confesaba significaba para el máis que calquera outro edificio do mundo. Conducindo o seu Ford visitou tamén Ourense, Verín, Lugo e A Coruña, «unha gran cidade metida no vello atlántico, sen beirarrúas nin cunetas». Para Hemingway Galicia era un fermoso país montañoso, moi parecido a Terranova, «onde a choiva é tan natural que parece que non te mollas».

O 15 de maio de 1931 desembarcaría de novo en Vigo, a bordo do Volendam, procedente da Habana, mais xa marchou directamente para Madrid. Non hai constancia de viaxes posteriores.

Sete por cento

A cota de mercado do libro galego acada un novo teito negativo: «SETE POR CENTO». Iso acredita o Informe de Comercio Interior del Libro 2024 da Federación de Gremios de Editores de España, sector que recupera músculo comercial superando os tres mil millóns de facturación e un crecemento anual do 6,3 %. Máis alá da dificultade de interpretar no informe as cifras do libro en galego e do libro editado en Galicia, que non cadran (para cando un informe monográfico do libro en galego, como o de 2007, contabilizando o editado en Madrid e Barcelona?), o devalo do comercio do libro en galego se acentúa, xa que acada os 13,4 millóns de euros, a metade da facturación das editoras da AGE, 27,5 millóns, que retroceden apenas un 0,4 % con respecto ao ano anterior. Cifras fracas que contrastan co excelente momento do libro en Galicia, un mercado de 194 millóns de euros, o 6,4 % do sector español, moi por riba do que nos corresponde por poboación. Esforzo editorial en galego compartido por 47 editoras (ás que habería que engadir as tres ou catro non asociadas aínda na AGE), o que amosa un sector diversificado, que no seu catálogo vivo depende cada menos das dúas “editoras tractoras”, no que a edición infantil e xuvenil se consolida como primeiro subsector, 31,3 % das novidades e o 39, 1 % da facturación, mentres o literario (“ficción” no informe) mantén a súa tradicional mala saúde de ferro, ofrecendo un terzo das novidades e unhas vendas de apenas o 11,8 %. Cifras que amosan a resiliencia dun sector que procura a súa viabilidade nas edicións electrónicas impresas de baixa tirada e na redución dos seus custes de creación editorial. Con todo o informe achega tamén algunhas cifras esperanzadoras, como as do incremento do emprego, unhas duascentas persoas nos cadros de persoal e outras tantas colaboradoras, tras máis dunha década de perdas continuadas, e as do mantemento do sector da libraría en vendas do 55,4 %, a pesar do incremento de Amazon, o que deixa varias luces acesas para o futuro.

Publicado en Nós diario: 12/11/2025

Corenta e cinco minutos

Tras un mes extraordinario de resultados, a clara derrota diante do Barcelona de Lewandowski devolve ao Celta de Borja Iglesias a crúa realidade de coñecer cales son as súas posibilidades de xogar con aspiracións en tres competicións. Despois do memorable partido en Zagreb, unha auténtica masterclass de Iago Aspas, Claudio Giráldez e todo o cadro, na mellor tradición do fútbol coral da estirpe mostovoiana, que nos devolveu a memoria daqueloutras noites máxicas do eurocelta, o domingo ao equipo noso faltáronlle folgos na segunda metade para nivelar un partido fronte a un Barça necesitado de reducir distancias co liderado.

Aos de Claudio faltáronlle corenta e cinco minutos nun partido cunha primeira sesión trepidante, con cinco goles e alternativas continuas en ambas as dúas áreas, marcada por un penaltiño deses de chiste, unha pelota que pegou nun brazo fantasma de Marcos Alonso, que ningún culé reclamou, que só viron na sala de arbitraxe do VAR. Corenta e oito minutos nos que os celestes nunca se desengancharon do partido, a pesar de ir detrás do marcador, até que no engadido da primeira marcou con moita potra Lamine, a quen Carreira aborrecera tapándolle a entrada na área dende banda esquerda con sete chaves; unha estreliña fatua e millonaria que saíu moi apupada de Balaídos.

Primeira parte na que baixo a choiva Giráldez e Flick xogaron unha partida táctica de moitos quilates, un duelo sobre o control da liña adiantada do Barcelona. O adestrador louriñés pretendía superala, coma xa intentara a tempada pasada, coa posición adiantada de Borja Iglesias (inmenso e incansable na presión, intelixente na creación de liñas no baleiro, un mestre no xogo de costas) e cos lanzamentos de Mingueza sobre Jutglá e Pablo Durán, capaces de rompela.

O certo foi que mentres os culés obrigaban aos celestes a defender en bloque baixo, tratando de entrar polas bandas con Lamine e Rashford, os de Giráldez foron capaces de romper a liña que movían Araújo e De Jong. Tras o penalti fantasma do minuto 9, que Radu estivo apenas a unha man de pararllo ao nove polaco, pasaron dous minutos para que Carreira igualase o marcador, tras collerlle as costas aos centrais blaugranas. Xogada nacida na asistencia de Borja, o mellor dos nosos, capaz de manter unha prolongada pelexa con Araújo e Cubarsi, que tolearon coa mobilidade do nove compostelán, hoxe líder indiscutible do equipo, claro está, até que entra Aspas, con quen comparte compromiso e experiencia.

Nivelábase por vez primeira o marcador, o que obrigou a Hans Flick a modificar a dinámica. Vendo que Carreira colléralle os talentos a Lamine, para o que contou coas axudas dun incansable Pablo Durán (un xogador nun ascenso brutal), cargou as entradas sobre a outra banda, a de Rashford, onde percibiu que Mingueza e Manu Fernández facían auga con maior facilidade. Da insistencia dos visitantes de entrar  por alí naceu o segundo gol no 37, un remate cómodo de Lewandowski na área pequena tras un servizo do extremo de Manchester. Xaora, aos de Giráldez non se lles foi o leite por fóra e cinco minutos despois igualaron o marcador tras unha xogada magnífica na que Borja Iglesias dun cacheirón extraordinario marcou dende a central aproveitando unha asistencia de Jutglá, que por fin non se deixaba vencer pola ansiedade que tantas veces o traizoa.

O partido toleaba dunha a outra portería nun espectáculo vibrante. Secasí, foi no tempo engadido (moi esaxerado, 6 minutos), cando Rashford volveu a poñer o dedo na mesma ferida celeste enviando unha pelota na área pequena, que os centrais nosos non souberon identificar, tanto Starfelt como Marcos Alonso, o madrileño nunha baixa forma moi preocupante. Un balón abandonado que aproveitou arteiramente Lamine, que sería o decisivo no resultado.

Non acertou Giráldez na segunda parte, fose porque non valorou o esgotamento dos seus tres gladiadores en área allea, exhaustos polas súas carreiras como pola súa dificultade para achegar as súas tres liñas, xa que nin Sotelo nin Ilaix tiveron a súa mellor noite para darlle coherencia a pretendida remontada. Certo que o do Porriño non se dobregou e deu entrada a Zaragoza e Aspas, mais Flick tiña ben aprendida a lección de Zagreb e os anulou cunha presión sobre cada un deles.

Con todo, máis que unha cuestión de pizarra, a diferencia residía na enerxía dispoñible nas baterías, que no caso das celestes estaban esgotadas, o Celta quedara mareado coma unha maragota, á que máis non se lle pode pedir. Aínda así, nos últimos minutos, co marcador en 2-4, o Celta soñou con reducir a diferencia cando un recén incorporado Miguel Román xutou dende a segunda liña, a súa especialidade. Foi un espellismo para un partido que se perdera corenta e cinco minutos antes. Unha derrota previsible, o que non impide que doa, xa que se rompe unha ilusión estatística e a posibilidade de ocupar posicións de privilexios na táboa clasificatoria.

Publicado en Faro de Vigo 12-11-2025

O festival do Vigo riquiño

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Hematofesti 2025:

Tras cinco xornadas de actividades formativas e espectáculos, o Hematofesti, o festival de humor e literatura infantil de Vigo, consolidouse como un dos referentes culturais vigueses e galegos do ano. Dirixido pola escritora Ledicia Costas e o ilustrador Alberto Vázquez, concibido como homenaxe á figura do escritor coruñés Miguel López «Hematocrítico», patrocinado polo Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Concello de Vigo e a Zona Franca de Vigo (o que merece os parabéns para todas as cinco administracións pola súa intelixencia colaborativa) e contando coa axuda de trinta empresas colaboradoras, recoñecido polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como unha das mellores propostas culturais novas no estado do ano 2024, este festival vigués de atrevido formato híbrido, divertida comunicación, localización expandida (en dezasete espazos da cidade) e elegante espírito transgresor volveu facer barro coa súa programación de calidade (máis de sesenta actos) para públicos diversos, dende o infantil e mozo até o profesional da edición do libro e dos videoxogos, da comunicación e xestión cultural.

Exposición de ilustracións na sede da Deputación, presentacións de libros infantís nas librarías, sesións de contos e proxeccións de curtametraxes de animación nas escolas viguesas e metropolitanas, obradoiros de fanzines, talleres de xoguetes ópticos, de ilustración con tecido e fío, de debuxo chalado e un espazo gaming en Vialia foron algunhas das actividades deste segundo Hematofesti que non defraudou. Xaora, entre as novidades máis celebradas desta segunda edición, destacou o encontro «Cultura e economía», concibido como un binomio fantástico de creatividade e emprendemento, que contou coa participación de profesionais do audiovisual e empresarios do sector cultural. Dimensión profesional continuada na xornada do sábado co encontro «Queremos literatura infantil», coordinado por Eva Mejuto e Montse Pena Presas, centrado na edición do álbum ilustrado. Houbo presencia protagonista de espazos de humor, unha das almas do festival, dende a gravación en directo con público do programa Hora veintipico de Héctor de Miguel, á academia de comedia irreverente de Ignatius Farray, que fusiona o humor absurdo coa reflexión filosófica e política. Co seu monólogo provocador, até superar a ambigüidade das marxes, o humorista canario pechou a Hematogala, na que tamén participaron Los Hermanos Pódcast e as humoristas viguesas Sobria e Serena (Arantxa Treus e Jazmín Abuín), velada conducida con moita retranca e xenio creativo por María Lado e Xosé Antonio Touriñán, onde non faltou a enerxía da música de Grande Amore, IGMIG e Silvia Superstar.

O concerto proxección d’ As aventuras do príncipe Achmed (1926), o film pioneiro de animación con siluetas de Lotte Reiniger, sobre historias das mil e unha noite, para o que o compositor Brais González do vigués grupo Caspervek fixera en 2014 banda sonora, foi outro dos momentos musicais máxicos e inesquecibles cando este Hematofesti iniciaba a súa andaina. Festival que deu unha puntada de ouro cando tributou homenaxe a actriz e cantante Teresa Rabal, recoñecéndoa co premio «Lenda do Recreo 2025» pola súa traxectoria de catro décadas como referente do entretemento musical da infancia. Creadora de cancións xogo míticas como «Veo veo» e «Me pongo de pie», protagonista da película Loca por el circo (1982), filmada no Val Miñor, Rabal marcou a educación televisiva de varias xeracións de crianzas, as maiores hoxe na fronteira da cincuentena; ademais de acompañar a mudanza da sociedade española, que tras a morte de Franco conquistou os dereitos negados pola ditadura, necesitaba dun soporte emocional e formativo alternativo para os nenos e as nenas no entorno familiar.

Deseñado coa intelixencia creadora de Ledicia Costas e Alberto Vázquez, dous ourives da creación contemporánea, contando cun excelente equipo de profesionais e persoas voluntarias, este segundo Hematofesti amosou que en Vigo tamén é posible gozar con eventos culturais nos que as artistas son respectadas como as únicas protagonistas no contacto cos seus públicos. Hematofesti en dúas edicións ofreceu en Vigo un espazo alternativo de excelencia para unha cultura infantil contemporánea, hibridada nos soportes e nos xéneros, orgullosa da súa orixinalidade creativa e riquiña na súa comunicación, como gustaba a Hematocrítico. Fronte a exaltación da hipérbole, do ditirambo, do alleo e do fuleiro, que a tantos vigueses nos leva o demo nos dous meses futuros, Hematofesti ofrece a alternativa do respecto, da retranca, do orgullo polo propio e da excelencia do orixinal. Longa vida para Hematofesti, o festival do Vigo riquiño.

Teresa Rabal, «Lenda do Recreo 2025»

Deixo para o arquivo o texto do discurso e unhas fotos da entrega do premio «Lenda do Recreo 2025» do Hematofesti á actriz e cantante Teresa Rabal. Un acto que resultou emocionante e divertido.

O discurso de gabanza pode baixarse en pdf aquí.

Apego

Un dos mellores momentos dos Premios da Crítica de Galicia 2025 foi o discurso de Ramón Varela Rodríguez en nome de Alingua (Asociación de entidades locais pola lingua galega), promotora actual do programa Apego, gañador na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas. Mil palabras emocionantes lidas polo xove concelleiro carballés que presentou un proxecto colectivo modélico, creado dende a cultura municipalista coa intención de fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial, dirixido tanto ás familias como ao contexto social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida. Nacido en 2015 de forma cooperativa en doce concellos de diversas cores políticas, a través dos seus servizos de Normalización Lingüística, Apego achega materiais, argumentos, recursos e accións ás familias para axudarlles á crianza en galego e para procurar tecer redes de colaboración mutua. Dende entón foron moitas as mantiñas-apego, coa imaxe do polbo, icona do programa, as que se deron aos bebés nacidos nos concellos participantes, na actualidade dezanove. Apego é sinónimo de vínculo, sintonía, empatía, inclinación, afección, amor. Emocións imprescindibles para desenvolver unha inmersión familiar onde o galego sexa a lingua preferente. O de Apego, como outros programas de éxito promovidos por Alingua, como Youtubeiras, Club de debate ou Enreguéifate, forma parte da Galicia da esperanza, a que pon os ollos no porvir, a que asume que a lingua é o noso privilexio, o noso orgullo, que só ten futuro nos nosos fillos e nas nosas fillas, os e as falantes da Galicia do mañá. Xaora, Apego amosa que para enfrontar a actual emerxencia lingüística, rota a cadea de transmisión xeracional do idioma, son posibles outras políticas públicas de fomento da lingua, como as alicerzadas no concepto de inmersión e nunha estratexia de autoestima, corresponsabilidade e confianza. As familias que deciden criar en galego teñen dereito a ser apoiadas e contar con referentes na súa comunidade de apego.

Publicado en Nós diario: 05/11/2025

Memoria de Enrique Macias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao trixésimo cabodano do compositor vigués Enrique X. Macías:

Fanse hoxe trinta anos do falecemento de Enrique X. Macías, o compositor vigués máis destacado da historia. Quitouse a vida con trinta e sete anos, cando agardaba a estrea de Clamores y alegorías no Festival de Música de Canarias, pouco despois de presentar Itinerario de luz (1995), tras unha intensa carreira de dúas décadas na que fixo un valioso catálogo. Músico de curiosidade insaciable e formación autodidacta, non estudou no conservatorio, buscaba novas expresións sonoras dentro da cultura musical de fin do século XX, incluída a electroacústica, a que incorporaba a electrónica á música clásica. Artista de raíz foi, ademais, voz incómoda do Vigo inconformista dos oitenta, naquel seu discurso memorable cando recolleu no hotel Samil o Premio da Crítica de Galicia de 1987.

Deuse coñecer no Iº Encontro de Artistas Xoves de 1976 coas Setes micropezas para piano, organizado por Xuventudes Musicais de Vigo, colectivo do que formaba parte, que xa animaba o incansable Manuel Álvarez, un dos nosos pioneiros activistas culturais que agardan ser distinguidos. Iniciou así Enrique un traballo compositivo e autoformativo constante no que creou pezas como o Réquiem para piano e percusións (1979), sobre textos de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, que foron conformando un catálogo sometido a un esixente exercicio constante de revisión, do que retirou até trinta obras, e mesmo destruíu as súas gravacións ou partituras, por non consideralas representativas da súa creación, que na súa última versión reunía só quince pezas. Macías colaboraba entusiasmado nas primeiras performances poéticas no pub Satchmo, protagonizadas polo Grupo Poético Rompente de Alberto Avendaño, Manuel Romón e Antón Reixa, xunto aos pintores Antón Patiño e Menchu Lamas e o músico Julián Hernández, que pouco despois crearía Siniestro Total, membros uns e outros da invisible Xeración (viguesa) do Polycommander daquela rapazada que o 5 de maio de 1970 abraiamos no horizonte de Cíes coa nosa primeira marea de piche.

Naquel Vigo, anterior á movida, onde as performances poéticas e a música experimental (culta ou contemporánea) eran conceptos incomprendidos ou territorios inexplorados, Enrique Macías ocupouse de traer a noticia de primeira man das vangardas musicais europeas que fora coñecendo nos cursos de verán de Darmstadt (1980-1984), epicentro entón da vangarda musical europea, cunha bolsa do Instituto de Nova Música de Vigo ou cando foi compositor residente dos estudios da radio finesa (1981), da Academia de Música de Cracovia (1982) e do Instituto de Sonoloxía de Utrecht (1985), entre outros. Como foi decisiva a súa amizade co pianista portugués Jorge Peixinho, discípulo de Stockhausen, que deu un concerto memorable en Vigo nas xornadas de música contemporánea organizadas polo propio Macías, iniciando as tarefas de produción musical das que tantas veces se ocupou, como nas estreas de Exequias (1994) en Vigo e Porto, vasto fresco sinfónico, encargo do concello de Vigo sendo alcalde Carlos G, Príncipe, o que resulta hoxe memorable.

Sabendo da importancia do seu catálogo artístico, xaora non esquezo a pegada que me deixou a súa amizade e tantos días felices compartidos. Lembro como lle gustaba poñer a nosa María ao piano e tocar unha melodía cos seus pés, que non deran aínda os primeiros pasos. Fíos da memoria que devolven o recordo do seu sorriso optimista nos días de estrea, da súa ollada melancólica diante das partichelas, mais tamén do seu talante vitalista e ollada culta de lector letraferido en longas conversas, impaciente por coñecer os proxectos da editorial, divertirse coas intrigas do mundo literario galego ou saber do sucedía na política da cidade e dun país que lle doían.

Lembro tantas camiñadas compartidas coa desculpa de achegarnos á confeitaría de Solla na rúa Uruguai a mercar a lingua queimada e os biscoitos de froitas confeitadas, polos que tanto devecía como larpeiro de categoría que era. Como as colas dos sábados á mañá na panadaría de Reboreda en Urzáiz, xa desaparecida, para levar unhas pezas únicas de pan centeo. Como os paseos por García Barbón até o Perrete a mercar Le Monde e no estanco mercar os cartóns de Pall Mall. Como lembro as citas con Luís Noya, no prelo da imprenta Numen en Velázquez Moreno, para preparar os programas e libretos dos concertos. Non esquezo, tampouco, que me contara como sendo un rapaz quedara prendido pola Sinfonía Fantástica de Berlioz cando a coñeceu nun concerto da Orquestra do Capitole de Toulousse, celebrado no García Barbón, como a fascinación que sentía por Sibelius, pola Sonata para piano nº 32 de Beethoven, pola Arte da fuga de Bach, o Réquiem de Ligeti ou polo Répons de Pierre Boulez, algunhas das súas pezas preferidas. Inesquecible sempre, Enrique!

Folga no ensino

Os mestres e mestras do meu tempo, hoxe retirados, non esquecemos a folga do profesorado do ensino público do curso 1987-1988. Máis de vinte xornadas de paros intermitentes para reclamar equiparación retributiva co resto do funcionariado, tanto de salarios coma de pensións, así como melloras das condicións de traballo docente, da súa consideración social e protección civil. Unha folga histórica, ás portas da reforma educativa da LOXSE (1990), na que a Consellaría de Educación de María Jesús Sainz fixo abandono expreso das súas competencias e responsabilidades. Porén, aquel fora un conflito que pola súas reclamacións contara coa simpatía das familias e dunha boa parte da sociedade que pouco despois se mobilizaría en todo o estado o 14 de decembro de 1988, na folga xeral contra a política económica de Felipe González e a súa pretensión de abaratar o despido. Folga heroica dunha xeración docente que por intencionalidade lembra a mobilización da CIG Ensino e STEG que reclaman hoxe a apertura das negociacións coa Consellaría de Educación arredor dunha táboa de melloras da calidade educativa: baixada de ratios en todas as etapas (medida que o goberno Sánchez pretende garantir por lei); recuperación do horario lectivo docente vixente antes da crise de 2011 (21 horas en Infantil e Primaria, 18 no resto das ensinanzas); incremento do mapa das prazas  e de persoal dos departamentos de orientación (un profesional por cada 250 estudantes, ademais do incremento persoal de PT e AL); posibilidade de redución de xornada a partir de 55 anos até a atención preferente á situación de emerxencia da lingua galega nos centros. Coma sucedera naquel 1988, curso no que se autorizou con carácter experimental a xornada lectiva en sesión única, o que pelexan hoxe os docentes é o futuro do ensino público galego para as vindeiras dúas décadas, para o que cómpre incrementar xa nos Orzamentos de 2026 as partidas dedicadas a Educación. Coma hai trinta e sete anos, os profes e as profas en folga teñen razón.

Publicado en Nós diario: 29/10/2025

Novo Mundial para Balaídos?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre o debate arredor da candidatura de Balaídos a ser sede do Mundial de Fútbol masculino de 2030:

Merécelle a pena a Vigo ser unha das sedes españolas do Mundial de fútbol masculino 2030? Que lle achegaría esta participación ao Celta SAD e a súa canteira? Canto lles custaría ás administracións a ampliación da capacidade de Balaídos até as 43.500 prazas esixidas pola FIFA organizadora desta Copa Mundial, que coincide co seu Centenario? Para xogar en Balaídos dous, tal vez tres, partidos, compensaralle a Vigo gastar os case 50 millóns da obra da nova Tribuna, aos que habería que engadir outras no estadio e os centros de adestramento requiridos, co que superarían os 62 millóns de euros, en boa medida a cargo do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra? Trátase dun proxecto estratéxico para o Vigo do medio século XXI ou doutra saída pola porta grande da permanente e antipática desavinza entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que pretende permanecer como espectadora?

Para abordar semellante dilema, axuda lembrar o que supuxo para Vigo aquel Mundial do verán de 1982 no que Italia xogou no grupo I os seus partidos en Balaídos, dende o inaugural do 14 de xuño con Polonia (0-0), despois con Perú (1-1) até finalizar con Camerún (1-1), unha decepcionante actuación do equipo de Enzo Bearzot, mais que remataría gañando a Copa. Secasí, o mundial obrigou a construír unha nova grada de Río, para 14.000 localidades en dúas bancadas e a canalizar por debaixo do estadio o río Lagares coa intención de rematar coas inundacións continuas do terreo de xogo. Modernización de Río, promovida en boa medida polo concelleiro Antonio Nieto Figueroa «Leri», inaugurada o 6 de maio de 1982 coa homenaxe a Manolo, cuxa estrutura é a da grada actual, non exenta de polémica, sobre todo polo deseño previsto dunha sala de prensa coa forma dun ovni, da que se prescindiu a última hora, ocupando os xornalistas os baixos, hoxe instalacións deportivas municipais. Ademais, construíuse un túnel, que comunicaba Río con Tribuna, con saída ao campo por detrás de Gol. A presenza de Vargas Llosa como cronista de Perú, a realización doutras competicións de ciclismo, atletismo e traíñas, ademais dun espectáculo de acróbatas italianos na Estación Marítima deron un pouco de cor a tres xornadas de escaso fútbol con apenas catro goles.

Por desgraza, este dilema mundialista 2030 quedou manchado polo procedemento confuso e arbitrario utilizado pola Real Federación Española de Fútbol para escoller once sedes, que deixou a Vigo fóra sen que nunca se coñecesen as puntuacións utilizadas. Máis aínda, informacións xornalísticas amosaron que Balaídos estaba incluído na primeira lista de candidatas, mais que noutra posterior, utilizando baremos nunca divulgados nin que tampouco aparecían nos pregos de condicións, foi superado pola portas de atrás por Anoeta. Trasacordo que Rafael Louzán, presidente da RFEF nunca aclarou, a pesar da solicitude razoada do alcalde Caballero, o que levou a que o Goberno solicitase a FIFA que outorgase a España trece sedes –hai outras seis e Marrocos, tres en Portugal e tres partidos de celebración do Centenario en Arxentina, Uruguai e Paraguai–, o que parece improbable e permitiría o rescate de Valencia e Vigo. Hai evidencias abondas de que foron criterios discrecionais os que deixaron a Vigo no corredor de agardar, sen que a candidatura presentada polo concello tivese sequera a oportunidade de revisar o seu expediente nun procedemento opaco e espurio. Proceso no que se abriu outra xanela de oportunidade cando renunciou Málaga, tanto polo custe elevado das obras da Rosaleda como por considerar que prexudicaría á afección malaguista.

Tras a experiencia frustrante do Mundial do Naranjito do 82 e o nefasto procedemento de escolla recente das sedes do Mundial do Centenario, creo que nin a Vigo nin ao Celta lles vai a vida en participar nesta lea carísima, para xogar dous partidos, talvez tres, o que obrigaría a manter o estadio de Balaídos en precario durante as cinco vindeiras tempadas. Certo que o Celta no seu actual despegue de público mozo precisa de localidades para cinco mil abonados máis, que podería acadar coa inauguración de Gol, pero moito me temo que 43.500 é un horizonte inalcanzable na vindeira década. Sen esquecer que 62 millóns de euros é unha cantidade elevada, máis aínda se non se conta co compromiso da Xunta de Galicia de participar no proxecto mundialista xunto co Concello e a Deputación. Son moitos os mozos e mozas celtistas que preferirían que os cartos necesarios para axeitar Balaídos ao Mundial se dedicasen a ampliar o capital da futura Empresa Pública Municipal de Vivenda, EMVIGO, que se anuncia contará cun capital inicial de 4,5 millóns de euros, unha esperanza que se abre para eles e elas. Con todo, pagaría a pena que a alcaldía escoitase as voces diversas deste debate dilemático, que continúa aberto na rúa.

Desde Vigo, Galicia como tarefa

Gardo no arquivo do blog a xenerosa entrevista que Xan Carballa me fixo para Sermos Galiza nº 681. Pode gardarse completa aquí.