Aniversarios 2025

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos aniversarios vigueses de 2025, dende o centenario da aceptación da doazón do parque de Castrelos ao vixésimo quinto aniversario da Intertoto:

Dende hai vinte e cinco anos reclamo aquí o respecto que merecen a memoria e historia viguesas. Con esa intención o pasado xaneiro alertei, con escasa acollida, sobre os importantes aniversarios dos tres xardíns históricos vigueses, iconas da cidade contemporánea: Alameda, Castro e, especialmente, o de Castrelos, cando se facían cen anos desde que o marqués de Alcedo, asinase en París, o 12 de decembro de 1924, o documento de doazón á cidade da chamada popularmente «finca da marquesa».

Aniversario do parque de Castrelos ao que por ventura Mercedes Bangueses, secretaria-conservadora do Instituto de Estudios Vigueses, dedica un amplo artigo no número 29 de Glaucopis Boletín do IEV. Texto que explica as circunstancias e condicións da doazón e posterior usufruto, como o proceso de creación do museo, iniciado o 12 de marzo de 1925, cando o concello de Vigo encabezado polo alcalde Adolfo Gregorio Espiño, as aceptou e procedeu ao nomeamento de fillo adoptivo a Fernando Quiñones de León, que permitiría unha década despois a apertura do Museo de Vigo, prevista para o 26 de xullo de 1936, truncada polo estoupido da guerra, mais que por fin se realizaría o 22 de xullo de 1937. Traballo referencial de Bangueses que describe a colección actual do Museo de Castrelos, en reestruturación ao abeiro do novo plan de museos municipais, como da escultura pública distribuída polos xardíns e o parque. Aniversario para o que o concello anuncia unha exposición, «O Pazo  de Castrelos no Centenario da súa doazón 1925-2025», ademais doutra mostra protagoniza por Irene Ceballos, a viúva de Policarpo Sanz, doante de parte dos fondos iniciais do museo.

Ademais deste centenario de Castrelos, non se deberían esquecer outros aniversarios vigueses. Entre eles identificamos o bicentenario da chegada de Isaac Dickson á ría no bergantín Enterprise, equipado cunha campá de bronce, para que os seus mergulladores explorasen os pecios da batalla de Rande, chegando a descubrir unha ducia de barcos; traballos aos que un ano despois se incorporou a goleta Abanew, dándose por rematada esta exploración pioneira.

Foi 1875 un ano chave na historia do Vigo moderno, pródigo en acontecementos, cando a cidade xa vivía da pesca e da salga da sardiña e reclamaba unha conexión ferroviaria co interior da península. Varios son os sequiscentenarios daquel Vigo a lembrar: o derrube da Torre da Pulguiña, a derradeira edificación da fortificación medieval; a saída da primeira locomotora do taller La Industriosa de Sanjurjo Badía (un fito para o ADN fabril vigués) e a participación de varios industriais vigueses na Exposición Rexional de Santiago, como os conserveiros irmáns Curbera, Mr. Hyde, fabricante de cervexa ou Noberto Velázquez Coppa, fundador da fábrica de papel La Cristina.

Viaxe no calendario histórico vigués que nos leva a reparar nos centenarios, ademais do xa adiantado de Castrelos, entre os que non poden faltar o da municipalización do servizo de augas, aprobada o 1 de novembro de 1925. Centenario, tamén, da inauguración da fábrica de cervexas A Barxa o 29 de xaneiro de 1925, nun edificio proxectado polo arquitecto Manuel Gómez Román, onde Cervezas de Santander fabricaría as marcas Cruz Blanca e La Austríaca e, a partir de 1970, Skol até o seu peche en 1989.

Con todo, será o centenario máis singular deste 2025 o da recalada o 9 de marzo de 1925 de Albert Einstein, procedente de Bilbao e Hamburgo, no Cap Polonio, camiño de América do Sur, apenas vinte anos despois de crear a Teoría da Relatividade. Ninguén na cidade soubo desta visita, da que o alemán deixou constancia nos seus Diarios do seguinte xeito: «Pola mañá desembarquei na Coruña e pola tarde en Vigo, baía rodeada de illas montañosas cunha fascinante viliña con forma de pintoresca azotea. (Á tarde conversas sobre lóxica). Riqueza de cores e posta de sol en Vigo, incomparable. O sol do Sur embriaga». O 26 de maio Einstein recalará en Vigo de regreso no vapor Cap Norte, escala na que no noso porto embarcará o enxeñeiro de minas Karl Lehmann, que na travesía a Bilbao lle presentará o invento do seu compás xiroscópico.

Sen esquecer que se axustamos o obxectivo aos setenta e cinco aniversarios, 2025 será ano de celebración na viguesa editorial Galaxia. Se o facemos aos cincuenta anos, lembraremos a memoria de Xosé Humberto Baena e Xosé Ramón Reboiras. Reparemos en modificacións urbanísticas de calado como a construción da torre de Toralla e do Colexio Universitario, a voadura do mercado do Progreso, a constitución das primeiras asociacións veciñais e a apertura na Gran Vía de El Corte Inglés. E se queremos reducila aos vinte e cinco anos, atoparemos o atentado do Grapo, a apertura da Praza Elíptica, o inicio das obras do campus de Marcosende, a creación de Caixanova ou a Intertoto do Celta, primeiro trofeo europeo do fútbol galego. Moito para recordar.

 

Brétemas 20 anos

Tal serán como de hoxe dun 3 de xaneiro de 2005 comecei a publicar este blog, utilizando o nome de Brétemas, que recuperaba do meu primeiro ano de carreira (1976), cando aínda formaba parte de ERGA. Dende entón publiquei 6.666 anotacións e recibín 9.558 comentarios, en tres formatos distintos (blogger, blogaliza e o actual, apoiado por Pumpun dixital), correspondendo ao último ano 134 entradas, cifra semellante a dos cinco últimos, que consolida a tendencia do uso do blog como arquivo dixital, que permite o acceso ordenado e o etiquetado semántico, sobre todo das miñas colaboracións semanais en Faro de Vigo e Nós diario, como aqueloutras esporádicas nas revistas Luzes e Tempos novos, entre outros medios, como dos textos utilizados nas actividades formativas das que fun ponente ou doutras intervencións literarias ou textos diversos solicitados.

Ao longo destas dúas décadas, no que irromperon ás redes sociais e informativas, que trasladaron a conversa arredor dos blogs, tamén se melloraron de forma moi considerable as utilidades hipertextuais, o que permitiu que a escritura frecuente no blog, durante anos diaria, se convertese na miña primeira aula de escritura dixital, onde ensaiar con elas. Brétemas, ademais de espazo de aprendizaxe, foi durante catorce anos bitácora do meu traballo como editor en lingua galega e, a partir de setembro de 2018, cando saín de Xerais, da miña experiencia como mestre orientador até o meu retiro en setembro de 2023. En Brétemas, pois, pode seguirse o meu relato en primeira persoa de anos intensos e difíciles da miña vida profesional como editor e mestre, mais tamén as miñas intervencións políticas e as miñas preferencias literarias, musicais, artísticas e deportivas, con especial atención a traxectoria do Celta de Vigo e da divulgación da historia e memoria da cidade de Vigo. Un abano temático diverso, froito (probablemente) da miña paixón pola lectura e pola curiosidade por aprender, que por ventura non perdín nin abandonei.

Brétemas non tería sido posible sen aquela comunidade de entusiasmo que foi o blogomillo, o berce onde naceu, onde compartimos aprendizaxes, descubertas, que nos serviron a cada unha das voces participantes, mais tamén contribuíron ao proceso de dixitalización da comunicación cultural en galego. Confeso con fachenda que de todos os proxectos colectivos de galeguización nos que teño colaborado, que foron uns poucos (Nova Escola Galega, Revista Galega de Educación, «A Pizarra» de Faro de Vigo, Asociación Galega de Editoras, Culturgal, Premios da Crítica de Galicia, Fundación Luzes, Galix,…), o de Brétemas é do que me confeso máis orgulloso, por sincero e teimoso que resultou. Como foi, facendo balance, tamén o meu traballo de escritura mellor recoñecido polos premios da AELG e do Libro Galego (2019).

Brétemas foi debedor do meu perfil de Twitter, onde se enlazaban os seus contidos, o que deixei de facer apenas hai dous meses, cando abrín o de Bluesky, rede informativa vehicular dende entón destas Brétemas, onde celebro a súa continuidade por reducido que sexa agora a comunidade que as segue e comparte. Certo que leo Facebook, Instagram e TikTok, onde teño perfís abertos, mais que non actualizo cos contidos do blog,  non teño tempo abondo, a pesar do retiro, de seguilos e coidar deles. A esta altura da miña vida, confórmome con contribuír ao catálogo galego cos meus textos semanais, arquivados dixitalmente en Brétemas, concibidos como agra de esperanza e horizonte da beleza do porvir.

Xaora, recupero o que afirmaba naquela primeira anotación, tan inocente, de hai vinte anos, na que relataba unha visita á Pisa de Froxán, cando entre o neboeiro escoitei o canto do brelo e as palabras proteícas de Uxío Novoneyra: «Manolo para remoer a pedra hai que facelo dende o fondo da fraga». Nesa angueira seguirei publicando mentres conserve ánimo e lecturas de interese que compartir. Beizón a todas as persoas que continúan lendo nelas. Con todos os meus abrazos.

 

Axendas

No Nadal de 1974 publicouse o Almanaque co que a editorial Galaxia celebraba o seu 25 aniversario. Publicación que considero das máis singulares da historia da edición galega tanto pola orixinalidade do seu deseño como do adianto normalizador que supoñía a aparición dun completo calendario cultural coas súas efemérides de historia e literatura galega. Iniciativa deseñada co espírito divulgador e político de Paco del Riego, que trufaba as anotacións dos días e feitos con textos memorables, como o «Horóscopo universal de sortes e resortes do ano 1975 ao servicio perpetuo das estrelas» de Álvaro Cunqueiro ou «Unha ducia de platos de cociña pra unha ducia de meses», xunto a unha monografía sobre Castelao no seu vixésimo quinto cabodano e o catálogo xeral da editorial (entón 260 títulos). Publicación de Galaxia que por desgraza non tivo continuidade no mercado editorial noso –mentres cada ano se publicaban o Agrícola ZZ (1952), O gaiteiro de Lugo e O mintireiro verdadeiro– até que a empresa Ítem-Aga publicou a súa Axenda (1989) e Xerais deseñou o seu dietario e semanario, con información fiscal, laboral e cultural actualizada, edición que dende 1990 e durante tres décadas coidou a editora Celia Torres, como as dos calendarios fotográficos de parede, iniciados en 2014 co dedicado á Galicia fotografada por Ruth Matilda Anderson. Subxénero de edición, do que se ocuparon tamén iniciativas solidarias como as publicacións de Implicadas polo Desenvolvemento ou as do Observatorio da Mariña pola Igualdade, mais renacido tras a pandemia con diversas e coidadas novas propostas, desde as de Baía e a revista Luzes, pasando pola de Galaxia con motivo do 75 aniversario, até as visuais de Irmás Cartoné, en homenaxe a Emily Dickinson, empregando imaxes do seu herbario, ou as do estudio Brétemas, impresas na provincia de Ourense, as de Animosa ou Eailustra, entre as que coñecemos. Escoller hoxe unha das axendas impresas en galego é unha forma de agarimar e afirmar a lingua ao longo do ano enteiro.

Publicado en Nós diario: 01/01/2025