500 con Aspas

No partido 500 de Iago Aspas coa elástica celeste, o cadro de Claudio Giráldez nun gran partido fracasou porque a raíña Fortuna, cuxa ruleta distribúe caprichosamente os bens e os males, preferiu entregarlle no derradeiro minuto o tesouro dos tres puntos ao equipo de Diego Simeoni. Explicación mitolóxica que atopamos para explicar o sucedido na noitiña do pasado xoves no coliseo do Fragoso, onde todo debería ter mudado se no minuto 41 da primeira parte o noso Merlín de Moaña axustase apenas dez centímetros á dereita o seu xutazo dende a frontal ao pao, que detivo de forma asombrosa o gardameta colchoeiro, tras unha combinación con Borja Iglesias, o noso nove, con quen tan ben se entende. Unha xogada que, xunto á oportunidade fallada no 89’ a porta baleira por Javi Rodríguez, determinou o resultado dun partido no que os de Aspas mereceron a vitoria (ou canto menos a dignidade do empate) porque atacaron mellor, sobre todo na primeira parte, e defenderon de forma eficiente (mellor ca ningunha outra vez no que vai de liga) até o desafortunado minuto 90, no que por primeira e única vez funcionou a conexión Griezmann e Julián Álvarez, dinamitando o dispositivo creado con tanta paciencia e disciplina por Giráldez. Unha desgraza, outro inxusto agasallo da deusa Fortuna que premia, como tantas outras veces, a equipo tan vampírico e antipático como o de Simeoni.

E no 500 de Aspas, a lenda que representa hoxe o celtismo, o mellor xogador da historia do Celta –a piques de superar a marca de partidos de Manolo «o gran capitán», o heroe do Celta da miña infancia– foi substituído exhausto no 83’, despois doutro partidazo no que correu coma un xuvenil, pelexou coa incomoda defensa atlética (toleando a Reinildo) cada un dos balóns, dirixiu a recuperación tras a perda e encarou a Oblak até en tres ocasións. Derrota que non embaza a excelente actuación de todo o equipo castigado de forma moi severa por un lixeiro desaxuste na defensa dun balón lateral, erro frecuente que Claudio aínda non foi capaz de remediar. Xaora, a pesar de resultado tan doloroso, que decontado encheu de melancolía o celtismo dos padeceres afeito a estas desgrazas, non invalida nin moito menos a proposta do adestrador de Cans e o seu concienciudo cadro técnico, capaz de preparar cada partido como se dunha final se tratase, como se fose un caso único e singular, ofrecendo o once máis axustado posible ao perfil do contrincante, sorprendente metodoloxía táctica de rotacións constantes que comeza a ser envexada e estudada polos seus rivais.

Secasí, para facerlle fronte á visita do difícil Atlético, Claudio preparou unha defensa con tres centrais veteranos, que durante 90 minutos funcionou coma un reloxo, na que destacou Starfelt, que anulou a Sorloth, o perigoso xigante noruegués, e nas que uns magníficos Marcos Alonso e Manquillo mantivéronse firmes na contención e xenerosos no ataque. Como acertada foi a incorporación a banda dereita de Carreira que creou o pánico atlético cos seus pases da morte e de Fran Beltrán, capitán durante os minutos finais, no medio centro atrasado, que deixou unha das mellores actuacións que lle recordamos proporcionando unha moi boa saída ao equipo e unha fluidez moi valiosa. Proposta claudiana que funcionou até que na segunda parte Simeoni introduciu os seus primeiros trocos, coa entrada de Julián Álvarez e Riquelme, cos que os colchoeiros gañaron presenza (e perigo) nas inmediacións da área celeste. Movemento ao que respondeu Giráldez coa incorporación de Douvikas e Alfon, que por desgraza non melloraron a eficacia atacante celeste, e, quizais un pouco tarde, de Javi, Damián e Ilaix, coa intención de afrontar con máis músculo os decisivos derradeiros minutos.

A desafortunada derrota do partido 500 de Aspas non embaza, tampouco, a traxectoria do dianteiro de Moaña, en magnífica forma, que aventuramos escalará ao longo desta campaña posicións na táboa de goleadores históricos da Liga, entrando a formar parte do selecto grupo dos vinte primeiros de todos os tempos, o segundo futbolista galego, despois de Manuel Fernández «Pahiño» o dianteiro vigués de Navia lector de Dostoieski. Escalada da nosa primeira figura que agardamos continúe o domingo, no que o míster porriñés introducirá novas sorpresas no once de gala para facerlle fronte ao temible eurogirona e coa cuarta vitoria consolidar ao Celta no medio da táboa.

Publicado en Faro de Vigo: 28/09/2024

Economía e letras

Lamenta Yolanda Castaño nas páxinas do seu ensaio premiado, Economía e poesía. Rimas internas (Galaxia 2024), que a supervivencia a través da poesía é case un milagre. Confesa así a autora de Materia (Xerais 2022), libro recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2023, as dificultades que afrontou como poeta en galego que fixo desta condición a súa única profesión. Un debate sobre a profesionalización, aberto dende hai décadas nas nosas letras, que ten que ver máis coa precariedade do seu mercado, á intemperie e con escasa visibilidade e recoñecemento social, que coa vontade das nosas autoras para vivir dos dereitos da venda dos seus libros ou das facturas emitidas pola súa participación en recitais e outros saraos literarios. E se alguén dubida da fraqueza que arrastra o noso mercado, aconsello consulte os informes anuais máis recentes de Comercio Interior do Libro da Federación de Editores. Datos que no caso do libro galego resultan clarificadores de máis: as vendas totais a prezos de capa son de 16,8 millóns de euros, as dos libros de literatura 2,6 millóns de euros, das que case 1,9 corresponden a narrativa e 700.000 euros a poesía, teatro e ensaio; vendas que xeran uns dereitos de autoría de 1,5 millóns. Como cativas son as axudas e compras anuais para bibliotecas públicas da Xunta de Galicia ao sector editorial, arredor de 800.000 euros, que representan apenas o 4,76 % da facturación do sector en 2022. Incrementar a cifra das vendas literarias en galego e destas axudas constitúen requisitos previos para abordar un debate sobre a profesionalización que non estea trucado polo enganoso voluntarismo. Noutros termos: incrementar as vendas e visibilidade nas librarías do libro galego (o equivalente a pasar por billeteira na música ou no cinema) e comprometer as institucións a responsabilizarse de políticas públicas de fomento da lectura en galego e de apoio á creación literaria son condicións que axudarían na angueira das que pretenden facer das nosas letras o seu oficio.

Publicado en Nós diario: 25/09/2024

Vigo e a súa colonia alemá

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para celebrar a reedición da obra de Antonio Giráldez Vigo y su colonia alemana en la Segunda Guerra Mundial (IEV 2024):

Entre o grupo de fundadores do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), que dende hai máis de tres décadas investigan incansables a historia de Vigo, Antonio Giráldez Lomba ocupouse dalgúns dos temas chave para entender a cidade nosa da primeira metade do século XX. Dende o seu primeiro libro, El año del “Desastre” 1898 en Vigo (IEV, 1998), iniciado como o seu traballo de licenciatura, Giráldez abordou en diversas publicacións o impacto desastroso da guerra de Marrocos de 1921 (IEV 2003),  os primeiros días da guerra civil (Xerais 1993) e os posteriores anos da fame (IEV 1999), lembrou como os tranvías de Vigo configuraron a cidade metropolitana actual (Deputación de Pontevedra 2005; IEV 2014) ou afondou singularmente nas pegadas viguesas da Segunda Guerra Mundial. Temáticas de investigación exhaustiva que non lle impediron abordar unha intensa actividade de divulgación da historia de Vigo en publicacións como «Diario de la Reconquista de Vigo» aparecido en Faro de Vigo en artigos diarios entre o 31 de xaneiro e o 28 de marzo de 2009 ou o libro 200 años de Vigo. 1810-2010. Metamorfosis de una ciudad, publicado en fascículos por Faro de Vigo con motivo do bicentenario.

Labor divulgador da historia de Vigo e de Galicia que o profesor Giráldez desenvolve tamén nas súas conferencias amenísimas e didácticas, nas rotas históricas que conduce pola cidade e pola ría, no seu labor docente no Programa para Maiores da Universidade de Vigo ou nas súas intervencións radiofónicas no programa de Onda Cero «Pasión por la historia de Vigo». Sen esquecer o seu criterio sempre rigoroso e de longo alcance no deseño do ciclo anual de conferencias do Fórum do Instituto de Estudios Vigueses, entidade da que é vicepresidente, como das iniciativas da Sociedade Verne de Vigo, da que é fundador. Activista da causa viguesa, Antonio Giráldez posúe unha grande habilidade para relatar oralmente e por escrito os principais episodios da nosa historia, como fixo na súa primeira novela 1598: la peste en Vigo. El secreto del reclinatorio del prior (Ediciones Elvira 2020), prologada polo cronista Ceferino de Blas, na que reconstrúe con doses de intriga como era a cidade no século XVI a partir dun informe atopado no arquivo diocesano de Tui e elaborado polo prior da Colexiata sobre os danos causados pola invasión de Francis Drake.

Tras o interese co que foi acollido o libro Vigo y su colonia alemana durante la Segunda Guerra Mundial (IEV 2014), Giráldez acaba de presentar unha nova edición ampliada (IEV 2024), na que tras continuar coa investigación cose algúns cabos que lle quedaran soltos e engade novos protagonistas e historias. Un relato que comeza coa incorporación en 1905 de oficiais alemáns á oficina do Cable Alemán da rúa Velázquez Moreno e continúa coa chegada en 1916, coincidindo coa Primeira Guerra Mundial, de intereses empresariais alemáns instalados até entón en Portugal. Emigración alemá en Vigo que se intensifica nos anos vinte de crise (bancarrota) da economía alemá grazas á liña marítima regular entre Vigo e Hamburgo pola que irán chegando empresarios, químicos e comerciantes alemáns que se establecerán na cidade, participarán da súa actividade portuaria e fundarán en 1926 o Colexio Alemán que funcionará na rúa Pi e Margall até 1976. Colonia alemá que en 1939, ás portas do conflito mundial, era xa de duascentas persoas, con delegación local do partido nazi incluída, que se incrementará durante os anos da guerra e do «escuro obxecto de desexo» que constituía o volframio. Giráldez esculca sobre a actividade empresarial e social desta comunidade, ecos de sociedade incluídos, como rescata do esquezo outras historias heroicas, como a da fuxida de xudeus polo porto de Vigo, a partir de 1943, cando a policía franquista xa non estaba ás ordes da Xestapo e os submarinos nazis xa non reabastecían na ría de Vigo.

Apoiada nunha sólida documentación fotográfica, a nova edición do libro de Giráldez incorpora, entre outras novidades, a historia de Hanns Oswald Kukla, o soldado da Lexión Cóndor que desapareceu en Italia e acabou casando cunha viguesa, como aqueloutra protagonizada por Karel Holemans, o pintor flamengo que traballou para intelixencia militar alemá e recibiría en 1945 un premio de pintura do concello de Vigo. Testemuña daquela presenza alemá que desde 1980 ofrece na Praza da Industria a imaxe do «Ferreiro», primeira escultura moderna da cidade, icona do Vigo fabril, ensamblada peza a peza polo vigués Guillermo Steinbrüggen, neto dun oficial do Cable Alemán chegado a Vigo en 1905 e fillo de Francisco Steinbrüggen Klinkhart, coñecido como «Paco Radio», aquel deportista e amante das Cíes que formou parte do exército de Hitler e ao regreso da guerra abriu na rúa Joaquín Yáñez nº 13 unha tenda de reparación de radios.

Lume

Onte pechou Lume despois de 48 anos como referente de libraría cultural independente e galeguista na Coruña. Aberta en decembro de 1975 como libraría e aula de cultura, pouco despois da morte do ditador, por unha sociedade de opositores, Lume marcou a toda unha xeración de lectores e lectoras que teceron unha comunidade de afectos e complicidades animada por Dolores Porto «Lola», primeiro empregada e desde 1988 copropietaria con Luis Martínez. Como editor de Xerais tiven a fortuna de participar alí en ducias de presentacións, nas que sempre era recibido por un escaparate precioso arredor do libro e da autoría protagonista do serán, un xeito creativo de Lola para fender a invisibilidade á que o libro galego estaba (e continúa estando, por desgraza) sometido. Imposible esquecer días felices e memorables entre os libros e a cartelaría dos anos da Reforma Política tan característica de Lume, como as presentacións d’ Os libros arden mal (Xerais 2006) de Manuel Rivas ou d’ A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017) de Xabier P. Docampo, na que agarimado polas súas amizades, tamén as da tertulia dos sábados de dúas décadas na propia libraría, presentaba orgulloso a súa derradeira novela coa que homenaxeaba a súa xeración. Parafraseando o que Agustín Fernández Paz escribiu para as bibliotecas, cando desaparece unha libraría desaparece unha luz. Librarías como Lume, hábitat natural do libro literario, son tamén espazos públicos para o libro e a lectura, e como tales celmes de convivencia. As librarías como Lume son zonas a defender como espazos de liberdade e fontes inesgotables de coñecemento e horizontes de esperanza. Cando pecha unha libraría pérdese un espazo cidadán, habitado por libros e por almas, tamén un territorio da memoria de cada cidade. Non esquezo a voz de Manuel Rivas quebrada pola emoción lendo en Lume páxinas memorables d’ O último día de Terranova (Xerais 2015) protagonizadas por Fontana o seu libreiro: «En que país estamos? Vostede non pode  pechar unha libraría!»

Publicado en Nós diario: 18/09/2024

Ourives de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos ourives Hernández con motivo do centenario da súa participación na mostra de Arte Galega organizada polo Ateneo de Vigo na Escola de Artes e Oficios:

Os esmaltes dos ourives Hernández son outras das iconas viguesas do século XX, orixinais tanto pola técnica artesá rabiosamente moderna como pola temática viguesa e o seu espírito de galeguidade. Pezas orixinais que nos máis diversos formatos, dende cadros a bustos e esculturas, de broches a pendentes e outras pezas de pratería acreditan no seu inequívoco «Made in Vigo», coñecido nos cinco continentes. Chegados a Vigo, coincidindo coa galerna de 1922, atraídos polo crecemento e prosperidade da cidade e a renovación da súa actividade artística, os pucelanos irmáns Eloy e Osmundo Hernández Calzada instalaron un primeiro talleriño na Porta do Sol. Hospedados no hotel Universal da familia de Manuel Gómez Román, amizaron co arquitecto galeguista que lles deseñaría o obradoiro que ocuparían dende 1926 e durante máis de sete décadas na rúa do Príncipe nº 15 eles e os seus descendentes, os fillos do primeiro, Eloy e Julián Hernández Santodomingo. Tradición artesanal familiar centenaria por ventura anovada pola terceira xeración que representa hoxe o pintor Eloy Hernández Rollán, ao fronte do seu obradoiro de Gran Vía nº 9.

Formados na Escola de Artes e Oficios de Valladolid, bolseiros na Escola Boulle de París pola Junta de Ampliación de Estudos, onde gozaron das artes antigas e clásicas, os primeiros Hernández antes de chegar a Vigo xa coñecían tamén as técnicas máis innovadoras da pratería europea. Secasí, dende os seus primeiros días vigueses traballaron como artistas polifacéticos de espírito renacentista que utilizando diversas técnicas e soportes expresaron a súa creatividade mesturando escultura, pintura e ourivaría. Implicados axiña na vida artística viguesa, amigaron co escultor Francisco Asorey ou o arquitecto Antonio Palacios, déronse a coñecer na exposición de Arte Galega organizada polo Ateneo de Vigo na Escola de Artes e Oficios de Vigo en 1924, na que Eloy presentou tres esculturas e varios traballos de ourivaría, mentres que Osmundo  o fixera cunha cruz bizantina e un misal de prata e marfil, entre outras pezas de ourivaría. Dous anos despois participarían con dezaseis pezas na Exposición Internacional de Filadelfia e xa en 1927 serían nomeados polo concello fillos adoptivos de Vigo e homenaxeados cunha cea hotel Moderno. Identificación coa cidade que os acolleu confesada cando foron premiados en 1935 na Exposición Nacional de Belas Artes: «todo o noso labor, sobre todo os esmaltes, está influenciado por esta terra marabillosa e todo el naceu ao calor da cidade, a nosa obra é a nosa ofrenda a Vigo».

Para Mariel Larriba Leira, comisaria da magnífica exposición «Os Hernández ourives de Vigo», organizada en 2006 coas pezas da colección familiar polo concello de Vigo no Museo de Castrelos (do que Eloy, profesor de Modelado e Baleirado da Escola de Artes e Oficios, foi membro en 1935 do seu primeiro padroado), «a burguesía viguesa foi a clientela máis importante [dos Hernández], atopando no art decó [das súas pezas], un novo criterio estético apetecible como símbolo de status». E certo é que as pezas dos Hernández na década dos «felices vinte» desenvolven cunha linguaxe persoal esta corrente estética, na que experimentando coa liña e as tintas planas e a técnica do cobre esmaltado «champlevé» abordan temas da mitoloxía clásica en pezas memorables como «Diana cazadora», «Nu sobre pedestal», «Ninfas», «Atenea», «O rapto de Europa I (1929)», presente con gran éxito na exposición «Vigo no tempo (2023)» como mostra da Galicia moderna e do Vigo cosmopolita á que os esmaltistas vigueses se adscribían. Galeguidade da súa obra amosada pola súa vontade de recuperar a xoiaría popular no que atinxe aos materiais, como o acibeche, e a técnicas como a da filigrana tan orixinal nas súas pezas.

Ao longo dun século, as tres xeracións dos Hernández crearon unha tradición artesanal, na que sempre trataron de expresarse coa linguaxe da súa época, sen renunciar, como salienta Mariel Larriba, a influencia da arte clásica, aos ideais helénicos de medida, equilibrio e proporción ou a un ideal de beleza no que predomina a esvelteza, a sobriedade e a serenidade. Un traballo arriscado de procurar a beleza froito dunha reflexión artística permanente, con milleiros de pezas, dende os trofeos futbolísticos como o de Orfos do Mar (1949) e aquelas uves míticas dos amigables de inicio de tempada do Cidade de Vigo (1971), pasando por trípticos, pórticos e outras pezas de imaxinaría relixiosa, até cadros de escenas e paisaxes do Vigo vello ou pezas de artes aplicadas como cofres, pratos, vasos, copas, morteiros, cruces, máscaras ou medallas. Cando se fai o centenario daquela primeira exposición viguesa dos Hernández na Escola de Artes e Oficios ben está lembrar a achega destes ourives dun Vigo con luz propia.

Celta fiable en Balaídos

Tres vitorias consecutivas do Celta de Claudio Giráldez en Balaídos xa non pode considerarse de xeito ningún unha serpe de verán que pretende entusiasmar ao celtismo tras o calvario sufrido nos meses de Rafael Benítez. Nin tampouco poden atribuírse a fortuna nin a polémicas decisións arbitrais ou da sala VAR ou sequera a aparente debilidade amosada polos visitantes, Deportivo Alavés, Valencia e onte Real Valladolid. Xaora, semella moito máis razoable consideralas froito do excelente traballo do cadro técnico do adestrador de Cans que desde a súa chegada transformou ao Campo do Fragoso nun auténtico fortín onde o Celta non coñece a derrota, un logro extraordinario que está revolucionando (e rexuvenecendo) ao celtismo que vive unhas xornadas de entusiasmo (e crecemento) das que habería que atopar precedentes só coas de Eduardo Berizzo e, xa moito máis atrás, coas do profesor Fernando Vázquez ou das de fantasía de Víctor Fernández. E o mellor do caso é que o maior éxito, até agora de Giráldez (aclamado pola bancada), non foi outro que facer do Celta en Balaídos un equipo fiable e comprometido coa tarefa do gol (oito en tres partidos), o  que non pode agachar que arrastra algunhas doenzas defensivas (non foi capaz de manter a cero a súa meta nin como a domicilio nin como visitante), que loxicamente precisan ser sandadas.

Diante dun Valladolid recén ascendido, Claudio volveu a sorprender co seu once de gala, no que apareceron como novidades Hugo Sotelo e Pablo Durán, consolidando así a porcentaxe de máis do cincuenta por cento de canteiráns nas súas aliñacións, nas que cada semana conta con practicamente todos os efectivos dispoñibles. E o porriñés volveu acertar de cheo cun equipo que nunha primeira metade, sen apenas erros ningúns na saída xogada da pelota, foi moi superior ao de Pucela, tanto nos duelos de medio campo (onde os visitantes amosaron unha brusquidade innecesaria), nas chegadas a portaría como no propio marcador. Custoulle ao Celta vinte e un minutos encarreirar o partido, tras un balón longo de Jailson sobre Hugo Álvarez que, despois de apoiarse nunha parede con Pablo Durán, fixo un cano de fantasía a Luis Perez e a seguir xutou ao pao longo batendo ao porteiro, a quen se lle coou entre as pernas. Outro gol memorable do carrileiro ourensán que, un cuarto de hora despois, dende a banda esquerda asistiría a Iago Aspas que entrando por dentro xutou en carreira sobre o porteiro, rexeitamento que aproveitou de cabeza e a porta baleira Borja Iglesias. Outro gol de magnífica factura que contaba coa participación do ourensán, na súa mellor actuación da presente liga.

Con tan cómodo resultado, que lucía de marabilla no novo luminoso da grada de Marcador, tras o intervalo saíu o Celta apagado de máis, o que souberon identificar os visitantes. Febleza celeste, sobre todo da súa banda dereita, pola que entre os defensores se coou Raúl Moro que acertou a bater a Guaita, que tamén volvía ao once, e puido facer moito máis para evitar un gol que ilusionou aos pucelanos e descompuxo aos celtiñas durante un cuarto de hora, no que perderon o control da pelota. Desequilibrio resolto por Giráldez cos seus trocos, dando entrada a Damián e a Williot, que recuperaron e balón e abriron, sobre todo coa velocidade do sueco, os corredores que o partido demandaba. Tras a anulación polo VAR dun tanto de Javi Rodríguez, foi a primeira xogada na que participou Douvicas a que confirmou o resultado, xa no tempo engadido. O dianteiro grego transformou unha asistencia maxistral de Aspas nun remate letal, coa mesma facilidade impresionante coa que un mago saca un coello da súa chistera.

Diante de semellante espectáculo e da serenidade coa que os de Giráldez xestionaron o marcador axustado, o celtismo expresou a súa gratitude cantando a oliveira a capela, celebración non exenta de contención, tan característica dunha afección máis afeita aos padeceres que as euforias efémeras. A fiabilidade da pizarra de Claudio en Balaídos e a súa afouteza para asumir riscos e corrixir dende o banco, cando veñen mal dadas,  é moi esperanzadora de cara a acadar o obxectivo da permanencia cos sufrimentos imprescindibles. Fariña doutra muiñada é que o Celta comece a responder de forma máis eficaz lonxe do Campo do Fragoso, onde até agora conta por derrotas as súas participacións. Velaí o reto inmediato deste Celta tan esperanzador que agardemos tamén comece a puntuar como visitante. Ogallá poida facelo xa na Catedral ou no estadio de Gran Canaria, próximas visitas.

Publicado en Faro de Vigo: 17/09/2024

Beiramar da xente

Neste Vigo que anda na procura da súa luz propia, a iniciativa de oito asociacións veciñais e culturais, unidas pola defensa da conservación do patrimonio industrial do barrio de Peniche e Coia, baixo o nome de «Beiramar da xente», constitúe un acontecemento que merece ser apoiado. En primeiro termo, polo que supón de activación da memoria dunha veciñanza disposta a coñecer e defender o que foi un distrito industrial vinculado coa conserva, a pesca e a construción naval, desenvolvido arredor das factorías de J. Barreras (1918), La Artística (1919) e Talleres Alonarti (1921) e, décadas despois, naqueloutro polígono que ocupou a rúa Jacinto Benavente e a fronte de Beiramar, onde se instalaron Casa Mar (1952), Fribesa (1964) e outras industrias pioneiras no uso da tecnoloxía do frío, que marcaron a transición da conserva á pesca de altura. Secasí, é valioso que o colectivo Beiramar da xente propoña usos comunitarios para  a conservación deste patrimonio industrial, como é a posibilidade de transformar o complexo industrial de Conservas Alfageme (1929) nun recinto para usos socioculturais e eventos musicais e deportivos de formato medio, entre o aforo do IFEVI e o Auditorio Mar de Vigo, introducindo así unha lóxica sostible e alternativa ás políticas viguesas habituais da hipérbole e do desbaratamento.

Publicado A Movida: setembro de 2024.

Proa +

Como veu sucedendo dende a pandemia, cada comezo de curso a Consellaría de Educación saca o seu coello da chistera intentando así contentar ás comunidades educativas cun incremento espectacular da cifra de docentes, por riba dos cadros previstos. Desta volta, ao fío dun tal Plan Mega de mellora da educación en Galicia, aparece como estrela un veterano coello fedello, o Proa +, bautizado, tomen nota nesta edición, como «Programa para a orientación, avance e enriquecemento educativo de centros de especial complexidade educativa», que segundo o conselleiro suporá a incorporación inmediata de 400 docentes de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. O nunca visto!, se non fose que, outro curso máis se trata do programa Proa de toda a vida, adiantado ao mes de outubro, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Vaia por dios!, a adealla coa que contan os centros de Primaria para afrontar a precariedade de persoal dos Departamentos de Orientación que en moitos casos comparten centros ou se amosan incapaces de dar unha resposta educativa inclusiva ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). No entanto, este Proa + ven preñado de incribles novidades, xa que se ofrece para unha categoría inexistente na rede pública até hoxe, a dos «centros de especial complexidade educativa», que lendo na resolución de 4 de setembro, sabemos que son aqueles que contan cun 30 % do «alumnado vulnerable», si leron ben, un de cada tres, un novo eufemismo para referirse ao alumando NEAE. Centros aos que a convocatoria pon a competir para acreditar quen conta cunha maior vulnerabilidade que será premiada cun docente. O delirio! É non sería mellor que Consellaría de Educación se deixases de proas e incrementase con fondos propios os cadros docentes de cada centro, reducindo ratios e horario docente, sen dúbida, as medidas máis eficaces de atención á diversidade e de desenvolvemento dun modelo inclusivo.

Publicado en Nós diario: 11/09/2024

Santa María de Castrelos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao atentado gráfico que sufriiu a igrexa románica de Santa María de Castrelos:

Dúas das pezas máis sorprendentes da exposición «Vigo no tempo» (2023) foron a antefixa da igrexa de Santa Cristina de Lavadores e unha metopa do tímpano da igrexa de Santiago de Bembrive, datadas ambas as dúas no século XII e custodiadas no Museo Catedralicio Diocesano de Tui, que representaban o elevado número de igrexas románicas da comarca viguesa, testemuñas dunha densa ocupación e estruturación do territorio no Vigo medieval. Igrexas das que temos noticias documentadas dende 1136 cando Afonso VII lle concede ao bispo de Tui, don Paio Meléndez, a igrexa de Santiago de Vigo, situada no Areal, e ao cabido da catedral de Tui a igrexa de Santa María de Vigo e anos despois as de Santiago de Bembrive e as de Santo Estevo de Beade. Daquela primeira igrexa de Santiago de Vigo consérvase a espectacular imaxe do Cristo Salvador –sen dúbida, unha das iconas da cidade e a figura máis expresiva que deixou o románico en Vigo, hoxe formando parte dos fondos do Museo Arqueolóxico de Madrid–, tallada sobre un antiga columna romana, probablemente por un membro da escola do mestre das Pratarías, representa o triunfo de Cristo sobre o pecado, con claro ton apocalíptico, estimándose que formaría parte da portada principal diante do adro e do seu cemiterio.

Daquela rede de igrexas románicas parroquiais viguesas, das que están documentadas entre os séculos XII ao XIV até quince templos, consérvanse hoxe apenas tres: a de San Salvador de Coruxo (1185), que inicialmente foi un mosteiro dependente do de Celanova; a de Santiago de Bembrive (1185), construída sobre unha estrutura altomedieval e a de Santa María de Castrelos (1216), de ascendencia castrexa, que pola súa conservación e características sen apenas sufrir modificacións –unha soa nave unida a unha ábsida semicircular, arcos de medio punto nas portas, presenza da flor sexifolia como motivo ornamental–, constitúe unha peza modélica da arquitectura románica galega. Tres pezas primeiras do patrimonio vigués que representan o pulo do Vigo medieval, cunha presenza sobre o territorio parroquial conservada na actualidade. Aquel Vigo que cantaron os poetas Martín Codax (1230) e Mendinho descrito en varias monografías de referencia, como O Vigo das igrexas románicas (Concello de Vigo, 1993) de Eduardo Bragado Rodríguez e Rafael Sánchez Bargiela ou Martín Codax, o gran poeta e cantor de Vigo, século XIII (Concello de Vigo, 2010) de Xesús Alonso Montero.

Alfaia arquitectónica de Castrelos, peza patrimonial moi singular na que nunha única igrexa se xuntan unha das manifestacións máis depuradas do románico do século XIII, mostras da pintura mural relixiosa do século XVI nas paredes interiores (restauradas hai décadas) e a presenza dun interesante retablo barroco, acaba de sufrir un duro golpe ao ser vandalizada por unha pintada realizada cun spray sobre o muro da sancristía na que en letras maiúsculas reza o nome DAMIAN. Un grave atentado á integridade dunha peza arquitectónica estudada por un grupo de historiadores do Instituto de Estudios Vigueses, Mercedes Bangueses, Elisa Pereira, Fernando Costas Goberna e Xoán Carlos Abad, autores dunha fermosa monografía didáctica, ilustrada por Evaristo Pereira, Igrexa románica de Santa María de Castrelos e o seu tempo (IEV,2018), con motivo da celebración dos oitocentos anos do templo, no que entre outros aspectos se salienta a súa vinculación coa Orde de Malta, cuxa cruz aparece en diversos lugares do monumento, desvelada en 2006 polos estudos epigráficos do investigador Pablo Otero do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.

Por desgraza os ataques ao patrimonio arquitectónico e artístico no espazo público vigués son máis frecuentes do que cabería agardar nunha cidade amante das artes e orgullosa do seu pasado. Abonda con lembrar as pintadas nas pezas do «Nadador» de Leiro nas avenidas, os ataques ao conxunto escultórico de Buciños, «A familia», instalado en Urzaiz ou a absurda teimosía de non se sabe quen de quitarlle o faro a Manuel Castro, na escultura de Jandro da rúa do Príncipe. Sen esquecer a gravísima vandalización con simboloxía nazi que o pasado mes de agosto sufriu no monte do Castro o monólito que lembra as 136 persoas alí fusiladas tras o 18 de xullo de 1936. Secasí, pouco importa a motivación de quen fixera a pintada de grandes dimensións en Castrelos, para lembrar o nome de Damian,  o santo dominador, xemelgo de Cosme, que celebramos cada 26 de setembro con mel e noces, larpeiradas de comezo de outono. No entanto, en todos os casos anteriores, como neste atentado gráfico que hoxe denunciamos sobre un monumento cunha antigüidade de oito séculos, identificamos a doenza colectiva dunha insuficiente educación sobre a conservación, o respecto e protección do patrimonio e da memoria democrática.

Lei de Medios Públicos

Tras trece anos de mandato indefinido do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez izquierdo, incumprindo o previsto na Lei 9/2011 dos Medios de Comunicación Audiovisual de Galicia, que obriga a súa elección consensuada no Parlamento por unha maioría cualificada (de 3/5), o Consello da Xunta presidido por Alfonso Rueda pretende normalizar a situación substituíndoa pola porta de atrás polo bautizado tan aparatosamente como «Anteproxecto de Lei de Servizos do Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital». Un texto que dinamita os principios de pluralismo, independencia e profesionalidade do texto de 2011, non esquezamos aprobado polo primeiro goberno de Alberto Núñez Feijoo, establecendo agora a elección da dirección xeral por maioría simple, aproveitando a viaxe para eliminar dun trazo o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos vixentes e, se isto xa non abondase, abrindo a posibilidade da emisión de contidos en castelán, unha aspiración dos sectores máis reaccionarios e galegófobos do Partido Popular de Galicia. Un anteproxecto de lei, cuxa fase de suxestións pechou co 31 de agosto, rexeitado de forma contundente tanto polo Colexio de Xornalistas de Galicia e a Mesa do Audiovisual Galego como polo Comité Intercentros da CRTVG e a plataforma @DefendeAGalega, entidades que denuncian que a aprobación unilateral destas medidas promovidas polo executivo de Alfonso Rueda, nunca consultadas cos diversos sectores profesionais e empresas do sectores audiovisual e cultural, suporía un claro retroceso da calidade democrática en Galicia e incrementaría, se non abondase o que ten dende hai case catro lexislaturas, o control informativo do PPG da televisión e radio públicas galegas. Sen menoscabo do grave perigo que para o futuro da lingua galega supón pisar a liña vermella do carácter monolingüe das emisións dos medios públicos, creados expresamente pola Lei 9/1984 coa misión de ocuparse da promoción, difusión e impulso da lingua galega.

Publicado en Nós diario: 4/09/2024